Mancomunidade de Ordes - xornadas sobre riscos das redes sociais nos menores


PAIS E NAIS DE FRADES E TRAZO PARTICIPAN ESTA SEMANA NUNHAS XORNADAS SOBRE OS RISCOS DAS REDES SOCIAIS NOS MENORES, ORGANIZADAS POLA MANCOMUNIDADE DE MUNICIPIOS DE ORDES

O obradoiro “Familias e redes sociais” pretende fomentar o uso responsable das novas tecnoloxías

21 de maio de 2012.- A Mancomunidade de Municipios da Comarca de Ordes organiza esta semana en Frades e Trazo as dúas primeiras sesións do obradoiro “Familias e redes sociais, estamos conectados?”. Uns obradoiros gratuitos dirixidos a pais e nais para que “se familiaricen con este novo entorno que crean as Redes Sociais na Internet e coñezan as súas posibles ameazas para os seus fillos: fraudes, acceso a contidos inaxeitados, ameazas á privacidade, ciberbullying... e sobre todo para coñecer estratexias de prevención e actuación ante estas posibles actuacións”, explica Mónica González, técnico do Servizo de Prevención  de Drogodependencias da Mancomunidade de Ordes.


O obradoiro de Frades terá lugar este mércores 23 de maio, ás 14:15 horas, no IES Pontecarreira; mentres que o obradoiro de Trazo celebrarase o xoves 24 de maio, ás 19:00 horas, no salón de actos do CEIP Viaño Pequeno.

Posibles riscos

Un informe da rede EU Kids Online advirte de que, aínda que as distintas redes sociais establecen límites de idade para o seu uso, a realidade amosa que case un 40% dos menores de entre 9 e 13 anos ten o seu propio perfil nunha rede social (cando en España a idade mínima legal é de 14 anos). “Explicarémoslles aos pais que hai que poñer límites ao uso das redes sociais, tanto no tempo máximo de uso como na súa frecuencia e lugar de emprego. Ademais, darémoslles consellos para previr o uso perverso dalgunhas novas tecnoloxías como limitar o acceso a Internet a un espazo común da casa, establecer normas e regras sobre o tempo de acceso a Interner ou uso de videoxogos, incorporar no ordenador software de control parental ou ensinarlle que tipo de fotos e materiais se poden subir ou non”, adianta Mónica González.

Os pais e nais de Frades e Trazo coñecerán os posibles riscos relacionados co uso de Internet e das Redes Sociais por parte dos seus fillos. Por unha banda, figura o acceso a contidos inadecuados para o menor (violentos, pornográficos ou racistas). Ademais, tamén os advertirán de problemas derivados do posible contacto dos menores con adultos a través das redes sociais, que poden derivar en cuestións como o uso indebido dos datos persoais do menor, situacións de acoso ou de grooming (termo utilizado para describir as prácticas online de certos adultos que se gañan a confianza dun menor finxindo empatía con fins, normalmente, de satisfacción sexual).

Así mesmo, os pais e nais de Frades e Trazo achegaranse tamén a outro tipo de conflictos xurdidos do contacto con outros menores a través das Redes Sociais e que poden derivar en ciberbullying (uso de medios telemáticos para exercer un acoso psicolóxico entre menores) ou en sexting (envío de contidos de tipo sexual, sobre todo fotos ou vídeos, producidos polo propio remitente).

De feito, os resultados do mencionado estudo da rede EU Kids Online reflicte que o 8% dos nenos entre 13 e 16 anos reciben mensaxes de contido sexual unha ou dúas veces ao mes ou que un 17% dos rapaces de entre 15 e 16 anos teñen acudido a un encontro para coñecer a alguén que contactaron a través das Redes Sociais.

Actividades para rapaces

Paralelamente, a Mancomunidade de Municipios da Comarca de Ordes seguirá durante estes días cos seus obradoiros de prevención de drogodependencias, que este ano inclúen como gran novidade información sobre os abusos e adiccións que poden xerar as novas tecnoloxías, en xeral, e as redes sociais, en particular. Uns cursos nos que participarán un total de 150 rapaces de 3º e 4º de Secundaria dos distintos concellos da comarca e que esta semana terán lugar no IES Pontecarreira (Frades).

As intervencións están dirixidas a escolares que cursan 3º e 4º de Secundaria, é dicir, rapaces e rapazas de entre 13 e 14 anos de idade. Mónica González explica que “este ano decidimos tamén tratar o tema do uso dos móbiles e das redes sociais pois practicamente todos eles teñen Internet no móbil e andan sempre co facebook e o whatsApp. Moitos deles teñen tarifa plana e os que non a teñen, saben ben como conectarse ás wifis”. González sinala que “aínda que nos centros educativos está prohibido levar os móbiles, o certo é que o sacan e o utilizan igual, polo que esperamos que con estes talleres se decaten os abusos que en ocasións fan dos módulos utilizando a empatía, é dicir, facendo que se vexan no rol dos mestres ou dos seus pais diante dalgunhas prácticas perversas do uso das novas tecnoloxías”.

 

Ningún comentario: