TEO - CORTE DE ESTRADA


AS OBRAS DE SANEAMENTO ENTRE QUINTÁNS E A IGREXA (LUOU) OBRIGAN A CORTAR UN CRUCE EN LUOU DURANTE DÚAS SEMANAS

Os autobuses a Santiago e o transporte escolar usarán vías alternativas

26 de febreiro de 2011. O Departamento de Urbanismo e Obras municipal informa de que entre o luns 28 de febreiro e o venres 11 de marzo se realizará un corte de carretera no Cruce da Veiga da Brea, en Quintáns na parroquia de Luou. Trátase do cruce situado despois da igrexa de Luou dirección Milladoiro.

Segundo explica o edil de Obras, Rafael Sisto, “o corte vén provocado polas obras de saneamento que se están realizando entre os lugares da Igrexa e Quintáns”. A obra, cun orzamento superior aos 150.000 euros está sendo executada pola empresa Ferorsa. O traballo técnico obriga a realizar un pozo de catro metros de profundidade no cruce da Veiga de Brea o que fai necesario mantelo cortado para facero o traballo e garantir a seguridade. Nas últimas semanas xa se estivo traballando na zona e regulando o tráfico cun semáforo de obra pero a envergadura da actuación que se realizará nos próximos días fai inviable manter aberto o vial. O concelleiro de Obras destaca que “se tentará axilizar os traballos ó máximo para que os inconvintes para a cidadanía sexan os mínimos”.

O corte dese cruce é importante xa que se trata dunha intersección na que se pode coller dirección Luou, Lampai, Cacheiras, Recesende e Vilar de Calo ademais de afectarlle a liñas de autobuses con dirección a Santiago e autobuses escolares. Trátase dunha vía  case paralela ás grandes vías do Concello, a AC-841 e a N-550, co agravante de que é interior e une moitos núcleos das parroquias que quedan no medio das dúas grandes estradas.  Nos últimos días o departamento de Urbanismo e a Policía Local coordinaron o operativo falando coas empresas de autobuses afectadas, cos colexios e preparando a sinalización das vías alternativas ó vial que se pechará.

Rafael Sisto explica que unha das maiores dificultades do operativo “é que as vías alternativas a este vial están bastante alonxadas da estrada que se cortará”.

Os desvíos recomendados son os seguintes:

Dende Rarís e Luou cara Solláns, Milladoiro e Santiago proponse o desvío pola Ramallosa, collendo a AC-841 ou a AG-59; ou o desvío pola Casalonga seguindo a N-550. Dende Santiago cara Luou ou Rarís recoméndase usar a AC-841 ou a AG-59 dirección a Estrada collendo o desvío na Ramallosa ou pola N-550 cara Padrón, tomando o desvío na Casalonga.

Dende Lampai e Casalonga cara Recesende e Cacheiras utilizar sempre a estrada provincial DP-0205 Ramallosa-Luou-Casalonga e non as vías interiores.

Durante os días que durará o corte poderase consultar a información sobre os desvíos recomendados na web municipal www.concellodeteo.com ou no teléfono do Concello 981 815 700. Durante esta fin de semana tamén quedará sinalizado o corte e as vías alternativas con cartelería informativa.

BNG ORDES - LEI DE AUGAS


O BNG LEVA A CAMPAÑA CONTRA A LEI DE AUGAS ÁS ZONAS URBANAS DA VILA DE ORDES, CUN ACTO O 1 DE MARZO NO RESTAURANTE O TÚNEL
Os nacionalistas xa celebraron actos informativos en todas as parroquias rurais do municipio, que contaron coa recollida de máis de 2.000 sinaturas
O candidato do BNG á alcaldía de Ordes, Gonzalo Castro, anunciou que os nacionalistas levarán a campaña que están a desenvolver contra a Lei de Augas ás zonas urbanas da vila de Ordes, con este obxectivo, celebrarán un acto informativo e de recollida de sinaturas o vindeiro martes, 1 de marzo, ás 21:00, no Restaurante O Túnel.
Gonzalo Castro informou de que “unha vez finalizada a campaña nas zonas rurais do concello, trasladaremos a mesma á vila de Ordes, xa que tamén os veciños e veciñas dos núcleos urbáns van a verse afectados por esta lei que vai a suponer unha considerábel suba de impostos sobre a auga, xa que, por exemplo, unha persoa que viva soa verá como a carga tributaria do seu recibo se incrementa en máis dun 363%; e unha familia de tres membros, terá que soportar un incremento do 171%”.
O candidato do BNG á alcaldía de Ordes salientou de que “nos 18 actos informativos realizados nas parroquias rurais do concello, temos constatado que os veciños e veciñas de Ordes rexeitan de forma clara e contundente esta lei de augas, como o demostra a asistencia de máis de 800 persoas aos actos e a recollida de máis de 2.000 sinaturas”.
Gonzalo Castro fixo fincapé en que “non hai política máis antisocial que incrementar o custo de servizos básicos nun contexto de forte crise económica, e por isto mesmo, opoñémonos ás modificacións da Lei de Augas, ao igual que á suba do prezo da electricidade e do gas”.
Sen outro particular, reciban un cordial saúdo.


BNG A ESTRADA - CIDADE DO MOBLE


O PP ten que concretar a data de construción da Cidade do Móbel
Este ano a Xunta só orzamentou só 559.000 euros, unha cifra ridícula para iniciar as obras este ano
A Estrada, 25 de febreiro de 2011: Tras a aprobación do proxecto da Cidade do Móbel por parte do Consello da Xunta temos que criticar unha vez máis o retraso con que chega este proxecto á Estrada.
Logo de que a finais de anterior lexislatura, a Consellaría de Vivenda deixara o proxecto a poucas semanas da súa aprobación, o PP non só retrasa dous anos máis a construción da Cidade do Móbel, senón que reduce considerabelmente o proxecto que ideara o BNG que xestionaba a nacionalista Teresa Táboas.
Mais se isto fora pouco, o PP aínda engade máis incertidume á construción do proxecto, xa que para este ano só hai consignado nos orzamentos da Xunta, 559.000 euros, unha cifra ridícula, se o que se pretende é empezar a construción da Cidade do Móbel.
Así as cousas, moito nos tememos no BNG que este anuncio feito pola Xunta de Galiza ten máis a ver cun anuncio pre-electoral para axudar ao candidato do PP na Estrada, que unha intención real de iniciar as obras este ano.
Neste sentido, e logo do anuncio feito pola Xunta, emprazamos ao Sr. López, Deputado do PP, a que defina a data de construción da Cidade do Móbel, e os prazos que manexa a Consellaría para tela rematada.
Queremos recordar, unha vez máis, que a Cidade do Móbel é un proxecto estratéxico e de vital importancia para sector do móbel e para o Concello da Estrada, xa que sería un xerador de emprego moi importante nestes intres de crise económica. Polo tanto, nunha situación de crise como a que estamos a vivir, os anuncios propagandistas e as cortinas de fume están de máis.

AMES - INCUPRIMENTOS URBANISTICOS


O Concello de Ames adopta medidas disciplinarias fronte aos incumprimentos urbanísticos coa imposición de multas coercitivas
O Concello de Ames está vixiando moi de preto a todas as promotoras e propietarios de terreos para que cumpran coa normativa urbanística en vigor, así como para que deixen en perfecto estado as vías e espazos públicos que lindan cos terreos onde se realizan as construcións. Dende o departamento de disciplina urbanística estanse realizando propostas de resolución de apercibimento a diferentes propietarios de terreos. No caso de que non cumpran cos seus deberes de conservar en bo estado a súas parcelas e solares adoptaranse medidas disciplinarias coa imposición de multas coercitivas. Esta semana ditáronse dúas resolucións a través das cales se impuxeron unhas primeiras multas coercitivas de 500 e 300 euros, dependendo da gravidade da infracción cometida por incumprimento das ordes de execución ditadas.
O Concello de Ames está realizando un control moi exhaustivo co fin de que todos os propietarios de terreos ou solares cumpran coa normativa vixente en materia de seguridade, salubridade e ornato público. Deste xeito, previa tramitación do correspondente expediente, e ante o incumprimento dos propietarios procederase por parte da Administración local á imposición de multas coercitivas.
Esta semana impuxéronse as primeiras multas económicas de 500 e 300 euros a dous propietarios de terreos que incumpriron coas ordes de execución ditadas.
Por unha banda un propietario foi sancionado cunha primeira multa coercitiva de 500 euros por non manter a súa parcela, que está situada na rúa Madalena do Milladoiro, nas condicións axeitadas de seguridade. A este propietario requiríuselle executar os traballos de reposición dunha beirarrúa, así como reforzar o valado que pecha a parcela onde se comezou a executar a obra coas condición necesarias de seguridade, salubridade e ornato público. Ademais, foi sancionado outro propietario cunha primeira multa coercitiva de 300 euros polo claro estado de abandono que se atopa unha parcela que está situada na localidade do Milladoiro.
Obra na rúa Madalena
A Xunta de Goberno Local, na sesión do 23 de maio de 2007, concedeu unha licenza de obra para a construción dun edificio de 48 vivendas e locais comerciais na rúa Madalena do Milladoiro. Nesta licenza impoñíase un prazo de execución da obra de 3 anos. A día de hoxe esta obra está paralizada e tan só se realizou unha escavación no chan co fin de comezar a construción da estrutura do edificio. A obra leva parada dende outubro de 2009 e non se fixo ningunha actuación dende ese momento.
Posteriormente, o 10 de novembro de 2010, incoouse un expediente de declaración de caducidade da licenza de obra concedida para a construción do devandito edificio. Por mor do estado de paralización da obra producíronse unha serie de irregularidades tales como que o valado que pecha o recinto de obra non estaba ben amarrado ao chan e nas zonas laterais co consecuente perigo que iso supón para os viandantes que pasan por esta rúa xa que poderían esvarar e caer no foso que se escavou. Outras das irregularidades atinxen ao estado do pavimento da beirarrúa, que presenta un gran deterioro, e a colocación dun guindastre dentro da parcela que podería ocasionar danos persoais ou nos bens inmobles que están próximos.
Reparación da beirarrúa
Debido a iso o pasado 29 de outubro de 2010 iniciouse un expediente de orden de execución por motivos de seguridade, salubridade e ornato público aos novos propietarios do solar. Deste xeito requiríuselle, co fin de evitar riscos para a veciñanza do lugar, retirar a grúa de obra que estaba instalada no solar, reforzar o valado que delimita o lugar da obra e arranxar o pavimento da beirarrúa.
En novembro de 2010 retiraron a grúa pero non adoptaron ningunha das demais medidas requiridas. En decembro de 2010, mediante un novo decreto de Alcaldía, requiríuselle de novo para que procedesen a efectuar os traballos ordenados e que estaban pendentes, coa advertencia de que en caso de incumprimento procederíase a impoñerlle unha primeira multa coercitiva que será reiterada mes a mes ata que cumpran co ordenado.
Transcorrido o prazo de 20 días concedidos para cumprir coa execución desde traballos pendentes e a vista de que non foron executados con data de 22 de febreiro de 2011, impúxose unha primeira multa coercitiva por importe de 500 euros que son reiterables cada mes ata que ese tramo da rúa Madalena estea nas condicións necesarias de seguridade para os viandantes.
Ao igual que este expediente, na actualidade no departamento de disciplina urbanística existen varios expedientes en tramitación, por incumprimento de ordes de execución, tanto por traballos de acondicionamento de locais, como por limpeza de solares, que se atopan en fase de apercibimento, polo que durante as vindeiras semanas previsiblemente se ditarán novas multas económicas.
Normalmente, os propietarios soen cumprir co ordenado no momento en que lle chega a notificación do correspondente expediente polo que os devanditos expedientes se acaban arquivando. Non foi o caso dos dous anteriores propietarios que terán que aboar unha multa coercitiva por incumprimento en base aos informes realizados polos servizos de disciplina urbanística.

FRADES - ANTROIDO



OS MENIÑOS DO PREESCOLAR NA CASA
INAUGURAN O TEMPO DE ENTROIDO EN FRADES

O concurso de disfraces terá lugar o vindeiro domingo 6 de marzo, ás 17:00 horas, en Pontecarreira

25 febreiro de 2011.- Os meniños e meniñas do programa Preescolar na Casa do concello de Frades foron os encargados de dar o pistoletazo de saída ao entroido no municipio. Esta mañá, os pequenos acudiron ás sesións que se imparten no multiusos “José María Botana” disfrazados de indios, traxes que lles confeccionaron os seus pais e os seus profesores.

Esta iniciativa é a primeira actividade do programa de Entroido do Concello de Frades, que terá o seu punto culminante o vindeiro domingo 6 de marzo, ás 17:00 horas, coa celebración do tradicional concurso de disfraces na discoteca Kull de Pontecarreira. Un concurso aberto a todos os veciños e veciñas de Frades e da comarca, pero no que será preciso anotarse no Concello antes do vindeiro venres 4 de marzo, xa que non se aceptarán inscricións o día do concurso para axilizar o seu desenvolvemento.

O Concello de Frades destinará un total de 840 euros a premios, que se repartirán en dúas categorías: infantil (ata 14 anos) e adultos (máis de 14 anos). Á súa vez, estas categorías dividiranse en: individual (1 ou 2 compoñentes) e grupos (máis de dous compoñentes). En todos os casos, premiaranse os dous mellores disfraces de cada categoría. 


TORDOIA - CURSO DE ESO


CINCUENTA VECIÑOS DE TORDOIA ESTUDIAN A ESO A TRAVÉS DUN CURSO PROMOVIDO POLO CONCELLO

A maioría dos participantes son mulleres de máis de 45 anos


24 de febreiro de 2011.- Cincuenta homes e mulleres do Concello de Tordoia sacan horas ao seu tempo de lecer para mellorar a súa formación e coñecementos e poder obter o título da ESO, imprescindible para poder acceder a outros cursos ou para mellorar a súas posibilidades de inserción laboral. A maioría, mulleres maiores de 45 anos, inscribíronse no Curso de Preparación para a Obtención do Título da ESO que desde o pasado 17 de xaneiro imparte o Concello de Tordoia nas súas instalacións municipais.

Os alumnos, divididos en dous grupos, reciben un total de catro horas á semana que lles permiten incrementar os seus coñecementos nos tres ámbitos de actuación que abarca a ESO: lingüística, científico-tecnolóxico e social.

Os alumos, que se examirán en xuño dos coñecementos adquiridos ao longo deste tempo, teñen así a oportunidade de acceder ao Nivel de Cualificación 2 da Unión Europea. 


BOQUEIXON - RECICLAXE


O CONCELLO DE BOQUEIXÓN INICIA UNHA CAMPAÑA DE CONCIENCIACION PARA A RECICLAXE.

Co comezo do novo ano 2011 comezou tamén no Concello de Boqueixón unha nova pola concienciación da sociedade  e dos seus habitantes de cara a reciclaxe.
Nesta nova medida posta en marcha trátase dunha campaña de concienciación para implicar a toda a cidadanía na recollida selectiva do lixo nas vivendas. A campaña iniciada neste novo ano pretende facer énfase na importancia da separación do lixo na propias vivendas e nas familias. Para facer máis doado este fin, optouse por dar a cada unha das vivendas do Concello un colector  de lixo con tres compartimentos que permite de maneira fácil a división do cartón, papel  e o vidro, facilitando a así a reciclaxe do lixo no fogar para despois deposítalo nos colectores correspondentes.
A campaña de concienciación complementase cun folleto informativo co que se pretende familiarizar ós vecinos e veciñas de Boqueixón a cerca de que materiais se deben deposistar en cada un dos colectores de lixo.
A maiores o Concello está a mellorar a rede de colectores en cada unha das parroquias e ven de adquirir 25 novos colectores amarelos para envases metálicos,  plásticos, bricks que se van a sumar a toda a rede de colectores do Concello.  
Coa chegada destes novos contedores mellorará  rede de recollida selectiva do  lixo de Boqueixón que xa está nuns ratios que superas as expectativas a acadar en 2015 dentro do Plan de Residuos Urbanos.
INFRAESTRUCTURA
COLECTORES
Unidades
COLECTOR/HABITANTE
RESIDUOS ORGANICOS
498
9.03*
ENVASES
125
36*
CARTON
25
180*
PILAS
40
112.5*
VIDRO
35
128.58*
O RATIO PLANTEXADO A ALCANZAR NO ANO 2015 POLO PLAN NACIONAL INTEGRADO DE RESIDUOS URBANOS E SEGUINTE:
Envases         1 colector x cada 300 hab.
Vidro:                        1 colector x cada 500 hab.
Cartón:         1 colector cada 500 hab.  
Pilas:              1 colector x cada 1500 hab.



PP SANTIAGO - PETICION DE INFORMACION


Concretamente sobre a suspensión das obras dos polígonos  industriais, as vivendas do Banco do Pobre, ás revisións encubertas do planeamento e os centros de saúde de Conxo e Galeras
Anunciou que o Grupo Municipal vai recurrir a modificacións dos solos urbanizables non delimitados tipo A en vía contencioso administrativa
O voceiro do Grupo Municipal Popular, Xerardo Conde Roa, pediulle hoxe a Bugallo que empece a explicar sobre a situación de catro proxectos que están a afectar ós cidadáns de Compostela como son a paralización do solo industrial municipal, as vivendas do Banco do Pobre, as revisións encubertas do PXOM para facer urbanismo á carta e os centros de saúde de Conxo e Galeras.
Asemade anunciou que o Grupo Municipal Popular vai recurrir en vía contencioso administrativa a modificación puntual do PXOM relativa ó incremento da densidade dos solos urbanizables non delimitados tipo A por entender que se fixo unha revisión en toda regra. “Estamos diante dun auténtico abuso, fraude de lei e unha aprobación dirixida a beneficiar ós intereses privados dos promotores porque se incrementa o número de vivendas libres”.
Para Conde Roa trátase de “urbanismo á carta” e a aprobación non ten xustificación dende o punto de vista xurídico porque “unha modificación que afecta a todos os solos urbanizables non delimitados tipo A non é unha modificación puntual -como se recolle na orde do día do pleno- senón unha revisión en toda regra” que limita garantías ós cidadáns.
Para o voceiro popular todas estas situacións están a poñer nervioso ó alcalde que en vez de dar explicacións se enfada e tenta prescindir da oposición, en alusión á expulsión onte do pleno. 
Conde Roa comparecía en rolda de prensa hoxe para indicar a situación preocupante pola que está pasando o Concello de Santiago, porque o goberno municipal segue dándolle a volta a proxectos que tiñan que estar executados fai anos.
Así cualificou como “feito moi grave” a suspensión onte da licitación dos polígonos industriais que promovía o Concello polo que ”aprobado o planeamento dende fai máis de cinco anos se pon en evidencia que o alcalde non foi quen de resolver a súa tramitación e suspende agora a contratación por unha chapuza”.
Engadiu que “como abogado” pode asegurar que “é absolutamente excepcional que en vía administrativa se suspenda un acordo destas características”, para subliñar que “esto demostra que as irregularidades teñen que ser de tal natureza para obrigar a suspensión despois da interposición dun recurso polos afectados”.
“Estamos diante dunha lexislastura en branco canto a solo industrial e a rematamos con esta irregular situación como é a suspensión por un recurso dos afectados”, dixo o voceiro popular, para quen este tema merece unha explicación pública de Bugallo en vez de adicarse a vender fume descuidando a xestión municipal.
Outro dos temas sobre o que Xerardo Conde Roa pediu explicacións foi a situación dos veciños do Banco do Pobre porque, a pesar das palabras do alcalde “porque a solución está parada, bloqueada e sen futuro”.
Asemade cualificou de “venta de fume máis ” o anuncio feito onte por Bugallo sobre as vivendas do Banco do Pobre porque “é o responsable de que esas familias non teñan neste momento unha perspectiva clara de realoxo”.
Para Conde Roa, Bugallo tivo catro anos para sacar adiante este tema e non o fixo, lembrando como perdeu a oportunidade de solucionalo en outubro de 2010, cando se aprobou definitivamente a revisión e adaptación do plan especial de ordenación do campus universitario P-8, momento no que non se atendeu as alegacións destes veciños. “Agora os nervios o traicionan e onte, en vez de dar explicacións se enfada e prescinde da oposición”, en alusión á expulsión do pleno.
“Pero nós non imos deixar de falar dos problemas que interesan ós cidadáns. No Concello non debe haber privilexios porque vivimos nun estado no que existen cidadáns e non súbditos, no que hai dereitos e non imos permitir que se nos cale”.
En rolda de prensa o voceiro tamén lle pediu explicacións ó alcalde sobre o retraso na construción dos centros de saúde de Conxo e Galeras, á vez que lle preguntou por qué non se preocupou por este tema durante os anos do goberno bipartito.

AMES - PLENO FEBREIRO


O Pleno aproba por unanimidade unha moción para buscar unha solución á falta de prazas no CEP de Ventín
O corporación municipal aprobou por unanimidade a moción presentada polo grupo municipal nacionalista para buscar unha solución á falta de prazas no CEP de Ventín. Deste xeito ínstase á Xunta de Galicia para que busque unha solución a esta problemática que afecta a varias familias do Milladoiro que para o vindeiro curso non teñen onde escolarizar aos seus fillos. O que terá que agardar novamente para ser aprobado é a ampliación do servizo público de limpeza viaria e do punto limpo do Concello de Ames. O grupo municipal popular presentou unha emenda para deixar este punto encima da mesa, xa que consideran que a ampliación deste servizo, que inclúe un novo grupo de rúas, espazos públicos e parques infantís, débese sacar a concurso. A emenda foi aprobada cos votos a favor dos sete concelleiros/as do PP de Ames e dos cinco concelleiros/as do BNG. O grupo municipal socialista votou en contra desta emenda. Os demais puntos que recollía a orde do día foron aprobados pola corporación municipal.
O Pleno ordinario do mes de febreiro xirou arredor de tres temáticas. Por unha banda a corporación municipal aprobou unha moción para instar á Xunta de Galicia a que busque unha solución ante a falta de prazas escolares para o vindeiro curso no CEP de Ventín. Outro dos principais asuntos que se abordaron no Pleno ordinario do mes de febreiro foi a ampliación do servizos de limpeza viaria e do punto limpo do Concello de Ames. Ademais houbo que debater varios temas de carácter económico que foron aprobados pola corporación municipal.
Aínda que foi un dos últimos puntos que se trataron na sesión plenaria de febreiro, a moción que presentou o grupo municipal nacionalista para buscar unha solución ante a falta de prazas escolares para o próximo curso no CEP de Ventín, centrou boa parte do debate da corporación municipal.
Varios membros da ANPAS e da comunidade educativa do Milladoiro esperaron pacientemente ata arredor das 23:10 horas para poder asistir ao debate desta moción. Finalmente, a corporación municipal aprobou por unanimidade esta moción a través da cal se insta á Consellería de Educación da Xunta de Galicia para que busque unha solución acordada coa comunidade educativa do Milladoiro (cos centros educativos e coas ANPAS) para que algúns dos nenos e nenas que rematan o ciclo de infantil na EEI Milladoiro dispoñan dunha praza escolar no CEP de Ventín. O grupo municipal popular presentou unha emenda a esta moción que se engadiu ao texto inicial presentado polo grupo nacionalista galego. O Pleno aprobou por unanimidade tanto a emenda como a moción.
Anteriormente, ás 20:30 horas, as ANPAS dos centros de ensino do Milladoiro xuntáronse diante das portas da Casa do Concello para reclamar que se adopten as medidas necesarias para dotar á localidade do Milladoiro de máis prazas escolares nos centros educativos desta localidade.
Ampliación do servizo de limpeza viaria
O que terá que agardar novamente para ser aprobado é a ampliación do servizo público de limpeza viaria e do punto limpo do Concello de Ames. O goberno municipal levou por segunda vez este asunto ao Pleno, despois de que fora rexeitado na sesión plenaria celebrada o pasado mes de maio de 2009, coa intención de aprobar a modificación do contrato asinado o pasado 1 de agosto de 2006, entre o Concello de Ames e a empresa Urbaser S.A. para incluír a limpeza de 37 novos espazos, rúas e parques municipais.
O pasado 1 de agosto de 2006 asinouse un contrato entre o Concello de Ames e a empresa Urbaser S.A. mediante o cal a devandita compañía se comprometía a xestionar o servizo de limpeza viaria e do punto limpo do Milladoiro durante os próximos dez anos. Agora é preciso incluír a limpeza de todos aqueles espazos públicos de nova existencia, incluso dos que aínda están sen recibir, pero que está próxima a súa recepción.
Novamente este asunto quedou sen aprobar despois de que o grupo municipal popular presentase unha emenda para deixar este tema encima da mesa. Os grupos municipais popular e nacionalista consideraron que este lote de espazos públicos debería ser licitado, xa que supón unha modificación de máis do 40% respecto do contrato inicial. A emenda foi aprobada cos votos a favor dos sete concelleiros/as do PP de Ames e dos cinco concelleiros/as do BNG. O grupo municipal socialista votou en contra desta emenda.
Servizo de recollida e tratamento de residuos sólidos urbanos
Na sesión plenaria extraordinaria celebrada o 18 de novembro de 2010 aprobouse a modificación extraordinaria do servizo de recollida e tratamento de residuos sólidos urbanos correspondentes aos anos 2006 e 2007 e a aprobación do correspondente expediente de recoñecemento estraxudicial de crédito que lle daba cobertura orzamentaria, por un importe de 182.601 euros, como consecuencia dos investimentos de novos contedores e áreas de aportación realizados pola concesionaria nestes exercicios. Neste mesmo Pleno acordouse que a comezos do ano 2011 se habilitarían as partidas necesarias para atender as modificacións producidas nos anos 2008 e 2009.

Agora o Pleno aprobou a modificación extraordinaria do servizo de recollida e tratamento de residuos sólidos urbanos correspondentes aos anos 2008 e 2009, con repercusión ata o exercicio 2010, por un importe de 69.766 euros, como consecuencia dos investimentos de novos contedores e áreas de aportación realizados pola concesionaria nestes exercicios, así como o gasto relativo ás repercusións económicas nos exercicios 2009 e 2010 das modificacións de servizo aprobadas no Pleno celebrado o pasado 18 de novembro de 2010 que equivalen a 215.902 euros.
Para poder facer o posterior pagamento foi preciso aprobar o correspondente expediente de recoñecemento extraxudicial de crédito que lle dea cobertura orzamentaria á aprobación das modificacións referidas nos puntos anteriores. Este punto saíu adiante cos votos a favor dos nove concelleiros/as do grupo municipal socialista e os cinco concelleiras/as do grupo municipal nacionalista. O concelleiros/as do grupo municipal popular abstivéronse.

Apartado económico
Ademais o Pleno ordinario do mes de febreiro tivo un marcado carácter económico xa que se tratou a aprobación dunha transferencia de crédito para a amortización dun préstamo destinado a financiar gastos correntes declarados necesarios e urxentes e a aprobación dun recoñecemento extraxudicial de crédito para gratificacións por servizos extraordinarios e horas extraordinarias realizadas fóra da xornada normal de traballo.

Por unha banda, a corporación municipal aprobou por maioría absoluta un recoñecemento extraxudicial de crédito destinado ás gratificacións por servizos extraordinarios e horas extraordinarias realizadas fóra da xornada normal de traballo. A partida de persoal asignada no orzamento de 2010 cubriu as retribucións fixas de todo o persoal municipal, pero non foi suficiente para garantir o pagamento a aqueles traballadores que realizaron horas fóra da xornada normal, así como a compensación para o traballo realizado en período festivo e nocturno dos meses de novembro e decembro. Ademais houbo que pagar as horas extras de varios traballadores, que superaron o límite establecido en 80 horas anuais, pertencentes aos exercicios 2008 e 2009. En total A contía pendente de pago ascende a 59.178,54 euros. Este punto saíu adiante cos votos a favor dos nove concelleiros/as do grupo municipal socialista e os sete concelleiras/as do grupo municipal popular. O concelleiros/as do grupo municipal nacionalista abstivéronse.

Ademais aprobouse por unanimidade unha transferencia de crédito destinada á amortización dun préstamo aprobado en 2010 que foi destinado a financiar gastos correntes declarados necesarios e urxentes. No ano 2010 concertouse unha operación de préstamo para o financiamento de gastos correntes declarados necesarios e urxentes por un importe de 957.875, 48 euros. Esta operación subscribiuse coa entidade Banco Gallego. A amortización desta operación de préstamo a curto prazo debe efectuarse antes de maio de 2011, momento no que se celebrarán as eleccións municipais e se renovará a corporación amiense.

Por último tamén houbo tempo para aprobar por unanimidade a rectificación dun erro aritmético no acordo plenario de 28 de outubro de 2010 sobre a modificación da ordenanza fiscal reguladora da taxa pola subministración de auga. Antes de finalizar aprobouse, cos votos a favor dos concelleiros/as dos grupos municipais nacionalista e popular, unha moción contra a privatización das caixas de aforros presentada polo BNG de Ames. O PP de Ames presentou unha emenda que foi adherida ao texto inicial desta moción. Os concelleiros/as do grupo municipal socialista abstivéronse nesta votación. O Pleno rematou á media noite cando se estaba abordando o apartado de rogos.


BNG AMES - PLENO FEBREIRO



O  Pleno  insta á Xunta a negociar as solucións coa comunidade educativa do Cep de Ventin.
Tamén acorda promover unha modificación do PXOM para conseguir unha parcela para o novo CEIP do Milladoiro.
Ames. 25.02.2011. O Pleno da Corporacion Municipal de Ames aprobou, por unanimidade, a  proposta do BNG na que se insta á Consellaría de Educación da Xunta de Galicia a que busque unha solución acordada coa comunidade educativa do Milladoiro para os nenos e nenas que rematano ciclo de infantil na Escola do Milladoiro, e que no curso 2011-2012 non atoparán praza no CEP de Ventin.
Asi mesmo tamén se aprobou por unanimidade promover unha modificación puntual do PXOM no Milladoiro co obxectivo de de obter os terreos necesarios  para a construción de un novo Ceipn no Milladoiro. O BNG denuncia pasividade e ineficacia por parte do Alcalde e concelleiro de Educación para ter xestionado xa unha parcela para este equipamento tan necesario para os veciños e veciñas do Milladoiro.  
O BNG demanda transparencia e licitación pública da ampliación do servizo de limpeza urbana.
O BNG opúxose á pretensión do Goberno Municipal de  ampliar o servizo de limpeza urbana por maís de 245.000 €. sen nengun tipo de licitación pública.
Consideramos que ampliar unha adxudicación de un contrato por un valor de case o 50%, como neste caso, require un procedemento máis transparente e público.
O Goberno socialista tivo tempo suficiente para ter licitado esta ampliación e non o fixo, e curiosamente a tres meses das eleccións pretende facer unha adxudicación de máis de 245.000 € sen nengun concurso público.
O Pleno de Ames contra a privatización das Caixas
O Pleno tamén aprobou rexeitar frontalmente a pretensión do Goberno do Estado de privatizar e bancarizar a nosa Caixa galega (Novacaixagalicia), asi como reclamar da Xunta de Galiza que defenda as competencias recollidas no noso Estatuto de Autonomia, para evitar que este proceso de reestruturación leve aparellado a entrada  de capital privado nos seus organos de dirección e a transformación nun banco privado.
Esta proposta foi feita polo BNG, quen ademais denunciou un ataque contra o autogoberno de Galiza,a dobre linguaxe do do PP, e a inactividade  do Presidente Feijoo. 

MELIDE - NOVOS BAÑOS


Novos baños e eliminación de barreiras no pavillón polideportivo de Melide

O Concello construíu dous novos baños, adaptados para minusválidos e realizouse un pintado total en toda a entrada.

Ademais, grazas á instalación dunha plataforma elevadora, as persoas con mobilidade reducida poderán subir por primeira vez á bancada.
As obras que estes días se realizaron no pavillón polideportivo de Melide son, en palabras da alcaldesa, Socorro Cea, “un exemplo de que estamos facendo cousas para mellorar a calidade de vida de todos os sectores de poboación”. A rexedora fixo referencia a esta mellora que se explica pola total adaptación dos espazos comúns do pavillón polideportivo ás persoas que teñan problemas de mobilidade.

Na práctica, estas intencións plásmanse nunhas obras que facilitan dous accesos que ata agora eran imposibles para persoas en cadeiras de rodas ou con mobilidade reducida. Por un parte, o Concello remodelou por completo os baños públicos do pavillón, non só dotándoos de rampas de acceso, senón construíndo novos e máis amplos espazos adaptados totalmente ás necesidades especiais. As obras incluíron a creación dun baño para homes e outro para mulleres, seguindo estes parámetros de adaptabilidade e eliminación de barreiras.

A alcaldesa destacou que “o outro gran paso dado polo Concello de cara á democratización dos espazos foi a instalación dunha plataforma elevadora que vai permitir por primeira vez que persoas con mobilidade reducida poidan ver os partidos dende a bancada”. Ata este momento, o acceso ás bancadas realizábase unicamente a través das dúas escaleiras laterais, sendo imposible desprazar unha cadeira de rodas ata a zona do público. Unha vez que o pavillón afrontou estas reformas, o Concello aproveitou tamén para renovar por completo a pintura da entrada da instalación.


Este proxecto de eliminación de barreiras e mellora integral dos servizos no pavillón polideportivo contou cun presuposto de 45.000 euros, e foi incluído polo Concello no Plan Provincial da Deputación da Coruña para a eliminación de barreiras arquitectónicas.

TEO - XUNTA LOCAL DE SEGURIDADE


O ALCALDE DE TEO CONVOCA A SESIÓN CONSTITUTIVA DA XUNTA LOCAL DE SEGURIDADE

O rexedor realizou en días pasados unha comunicación á Delegación do Goberno trasladando a intención de constituír a Xunta Local de Seguridade

A primeira reunión realizarase o mércores 2 de marzo na Casa do Concello ás 12:00 horas


25 de febreiro de 2011. O alcalde de Teo, Martiño Noriega, convocou hoxe aos integrantes da Xunta Local de Seguridade –XLS- que está previsto que se reúnan na sesión constitutiva o próximo mércores 2 de marzo ás 12:00 horas na Casa do Concello. O alcalde destaca que este instrumento “mellorará a coordinación, que xa é fluída, entre as forzas de seguridade, Garda Civil, Policía Nacional, Autonómica e Local”.

A Xunta Local de Seguridade facilitará tamén as tarefas de información e colaboración cos diferentes sectores sociais e institucionais e redundará nun achegamento entre a sociedade e as forzas de seguridade.

O  rexedor teense enviou un escrito nos últimos días á Delegación do Goberno no que se trasladaba a intención de constituír a Xunta Local de Seguridade. Neste carta Noriega explicaba que “o goberno municipal teense e o resto das forzas políticas con representación na corporación son sensibles aos problemas de seguridade que se dan no noso territorio”. Segundo o artigo 3 do Real Decreto 1087/2010 na que se aproba o Regulamento das Xuntas Locais de Seguridade a constitución da XLS levarase a cabo mediante acordo do alcalde e o delegado do Goberno.

Tendo en conta que xa existe este acordo dende o Concello enviouse hoxe a convocatoria aos integrantes da Xunta. Segundo se recolle tamén no decreto que regula esta figura na reunión estarán presentes o alcalde, o subdelegado do goberno por delegación do delegado, un representante da administración autonómica, un representante da Garda Civil e tres representantes da administración local, ademais dun secretario/a. Está previsto que nesta primeira reunión se formalice a propia constitución e se valoren as prioridades das liñas de traballo. Outro dos primeiros aspectos a tratar será o propio regulamento da Xunta Local de Seguridade.

A corporación teense xa tiña adoptado acordos promovendo a constitución da Xunta Local de Seguridade no Concello do ano 2008 e do pasado mes de xaneiro de 2011. 

AMES - TRAVESIA DO PORTO


Iníciase o proceso de licitación do proxecto da Travesía do Porto
O proxecto da Travesía do Porto vai dando pasos de xeito paseniño. Hoxe o Diario Oficial de Galicia recolle o anuncio do proceso de licitación, mediante procedemento aberto e tendo en conta como único criterio de valoración o prezo máis baixo ofertado. Deste xeito considerarase rexeitada calquera proposta na que o prezo ofertado sexa inferior ao 75% do orzamento de execución por contrata. Todas as empresas que o consideren oportuno deberán presentar as súas ofertas no rexistro xeral do Concello de Ames ata as 14:00 horas dos 26 días naturais seguintes ao da última publicación do anuncio de licitación no Boletín Oficial da Provincia ou no Diario Oficial de Galicia. Polo tanto as ofertas poderanse entregar ata o 23 de marzo de 2011. A Travesía do Porto converterase deste xeito no principal viario da zona norte do Milladoiro. O presuposto de execución por contrata desta obra ascende ao importe de 2.402.883,23 euros.
As empresas que desexen optar a executar a urbanización da Travesía do Porto xa poden presentar as súas ofertas no rexistro xeral do Concello de Ames. Terán de prazo ata as 14:00 horas dos 26 días naturais seguintes ao da última publicación do anuncio de licitación no Boletín Oficial da Provincia ou no Diario Oficial de Galicia. Posto que hoxe sae publicado o anuncio do proceso de licitación no DOG as empresas interesadas terán de prazo para presentar as súas ofertas ata o día 26 de marzo.
A tramitación do proceso de licitación realizarase de xeito ordinario e premiando a oferta económica máis baixa. Para evitar que se presenten ofertas económicas temerarias considerarase rexeitada calquera proposta na que o prezo ofertado sexa inferior ao 75% do orzamento de execución por contrata. O orzamento base de licitación é de 2.036.341,72 euros, máis 366.541,51 euros de IVE. O importe total ascende a 2.402.883,23 euros.
A través deste proxecto executarase un dos proxecto máis demandados pola veciñanza do Milladoiro. Segundo se estipula no anuncio de licitación as obras terán un prazo de seis meses de duración aínda que iso dependerá de como se vaian desenvolvendo os traballos de urbanización e de diferentes circunstancias externas á Administración local.
A Travesía do Porto está situada nun enclave estratéxico dentro da zona norte do Milladoiro, xa que ao seu arredor foron construíndose urbanizacións residencias. Iso provocou que este viario sexa un lugar que conta cun importante tránsito, tanto de vehículos como de peóns. Por iso é importante dotala de amplas beirarrúas e espazos verdes que permitan aos peóns circular por este lugar sen preocuparse polo tránsito rodado.
Coa execución deste proxecto de urbanización preténdese humanizar unha das principais zonas residencias do Milladoiro e que está situada no medio dun ámbito onde está previsto unha futura expansión cara ao norte desta localidade. Este proxecto complementará as dotacións deportivas, recreativas e socioculturais xa existentes e que son de titularidade municipal. A urbanización deste viario vén determinada pola necesidade de ordenar as futuras implantacións residencias previstas no desenvolvemento dos ámbitos de solo urbanizable que existen nesa zona.

A urbanización deste viario esténdese nun tramo de 640 metros, que discorre dende a Avenida do Muíño Vello, ata o cruce coa rúa Madalena e a rúa Nova. O proxecto concíbese como un paseo urbano con importantes espazos de uso peonil. A travesía terá unha calzada central de 7 metros, con dous carrís de circulación e aparcadoiros laterais de 2,5 metros. Unha das beirarrúas será de catro metros, e a outra de oito, cun carril bici de 2 metros de ancho, e un espazo peonil de 5,75 metros. Tamén disporá de varias ringleiras de árbores na zona de aparcadoiro e nas beirarrúas.

Cómpre salientar que as prazas de aparcadoiro estarán separadas dos carrís de circulación e serán diferenciados mediante a colocación dun material distinto ao empregado na calzada. Deste xeito empregarase o formigón para intentar minimizar a presenza do material asfáltico no trazado da rúa. Por outra banda, o carril bici estará separado do resto da beirarrúa pola sucesión de alcorques e arboredo, e da zona de aparcamento mediante un seto, protexéndoo deste xeito dos vehículos.

Respecto do axardinamento contémplase a colocación de dúas ringleiras de árbores, unha en cada zona de aparcamento, ordenando así a disposición dos vehículos. Ao mesmo tempo está proxectado a implantación dunha segunda ringleira de árbores na beirarrúa de oito metros de amplitude e que contribúa a configuración do paseo urbano.
Financiamento da obra
O presuposto de execución por contrata da obra da travesía do Porto ascende ao importe de 2.402.883 euros. Este proxecto será sufragado polo Concello, na parte proporcional de solo que lle corresponde, así como polo resto dos propietarios dos ámbitos deste sector que terán que achegar as correspondes derramas en concepto de gastos de urbanización. Os propietarios de terreo en catro ámbitos deste sector achegarán un total de 1.849.213 euros o que representa o 76,5% do financiamento deste proxecto.
En canto ao Concello, é propietario dun 23,44% do solo o que significa que debe achegar 553.670 euros. Para poder sufragar este proxecto o pasado 16 de abril de 2010 asinouse un convenio de colaboración coa Deputación Provincial da Coruña que aportará 400.000 euros para a urbanización da Travesía do Porto. Polo tanto, o Concello só terá que chegar a diferencia que é de 153.670 euros.

PSOE - NOIA ESCOLA INFANTIL


O PSdeG-PSOE DENUNCIA QUE A XUNTA DE GALICIA NON DOTA A NOIA COA ESCOLA INFANTIL PARA A QUE DESTINOU FONDOS O GOBERNO DE ESPAÑA EN 2008

LAGE TUÑAS AFIRMOU HOXE QUE ”NOIA É DOS POUCOS CONCELLOS DE GALICIA DE MÁIS DE 15.000 HABITANTES QUE NON CONTA CUNHA ESCOLA INFANTIL” E ACABA DE PEDIRLLE Á XUNTA “QUE CUMPRA CO CONVENIO ASINADO NO 2008 ONDE O ESTADO TRANSFERIU FONDOS PARA UNHA ESCOLA INFANTIL EN NOIA CON 72 PRAZAS PÚBLICAS”.

O DEPUTADO SOCIALISTA PRESENTOU HOXE UNHA PROPOSICIÓN NON DE LEI PARA QUE O PARLAMENTO APROBE “DOTAR A NOIA CUNHA ESCOLA INFANTIL DURANTE O ANO 2011”.

-José Manuel Lage recordou que existían fondos públicos e proxecto redactado para levar adiante unha escola infantil que daría cobertura ao 22% da poboación de 0 a 3 anos de Noia (dun total de case 400 nenos e nenas).

-“Non podemos consentir que se prive dunha Escola Infantil deste xeito ás noiesas e noieses.Os socialistas galegos pedímoslle ao goberno galego que rectifique a súa postura, e demandámoslle que sitúe a Noia dentro das prioridades para a construcción dunha Escola Infantil.” expón José Manuel Lage.

Santiago.24/02/2010.O Portavoz da Área Institucional do Grupo Parlamentario dos Socialista de Galicia, José Manuel Lage, vén de presentar no rexistro do Parlamento de Galicia unha proposición non de lei co obxecto de instar á Xunta de Galicia a construir unha escola infantil no termo municipal de Noia (A Coruña), “tal e como figuraba no convenio asinado en 2008 polo Goberno de España coa Xunta e que foi publicado no BOE do primeiro trimestre do ano 2009”.

Lage Tuñas recorda na súa iniciativa que “o concello de Noia (A Coruña) non conta con ningunha escola infantil pública na actualidade.”.


“O concello de Noia (A Coruña) é dos poucos concellos de Galicia de máis de 15.000 habitantes onde a Xunta de Galicia non ten construido e posto en funcionamento unha escola infantil pública.” explicaba Lage Tuñas

O deputado noiés do PSdeG-PSOE explica que “durante a anterior lexislatura o goberno presidido por Emilio Pérez Touriño asinara o 18 de setembro de 2008 un convenio de colaboración co Ministerio de Educación, Política Social e Deporte, a través do cal, o Goberno de España financiaba a construcción de escolas infantís en diferentes concellos galegos, sendo un deles o de Noia (A Coruña).”

Lage Tuñas considera “unha prioridade” a creación de máis prazas escolares públicas no primeiro ciclo de educación infantil sobre todo “tendo en conta que Noia é un concello cabeceira de comarca e de gran dinamismo económico cunha importante poboación en idade fértil, e sigue sendo un concello que absorbe poboación de concellos limítrofes, de aí a necesidade de mellorar os equipamentos públicos que favorezcan a mellor conciliación da vida laboral e familiar.”

“Noia figuraba no citado convenio, no que se contemplaba a construcción dunha Escola Infantíl con setenta e dúas prazas. No ano 2008 xa se deran pasos tamén dende o goberno municipal noiés para a cesión e posta a disposición da Xunta de Galicia dos terreos necesarios para comezar a construcción do citado equipamento socio-educativo.A ubicación dos citados terreos era o lugar dos Carballidos-Carracido no lugar de A Barquiña (Noia)”, afirmaba Lage Tuñas.

O voceiro socialista explica que “goberno galego dispoñía a comezos do ano 2009 dun proxecto para a edificación da citada Escola Infantil pero a chegada ao goberno de Alberto Núñez Feijóo e o Partido Popular botan por terra o proxecto existente, desentendendose do mesmo e optando polo silencio diante dun equipamento tan importante e tan demandado pola poboación”.

Lage Tuñas critica ao goberno galego xa que di “que non cumpleu o convenio asinado entre a Xunta e o goberno de España, renunciando así aos fondos dirixidos a construir unha Escola Infantil no concello de Noia.”

Recorda o deputado socialista que “a planificación feita polo anterior goberno da Xunta, contemplando a construcción dunha Escola Infantil en Noia só daba cobertura a un 22% da poboación infantil de 0 a 3 anos existente no termo municipal, pero era un primeiro paso importante para suplir unha carencia existente neste concello que conta cunha poboación de case 400 nenos e nenas de 0 a 3 anos.”

Lage Tuñas apunta ao Partido Popular ao destacar que “o proceder da Xunta de Galicia só amosa a falta de interese por dotar a Noia cun equipamento destas características, fundamental para mellorar a vida das familias da bisbarra.”

“A existencia de Escolas Infantís é fundamental nunha sociedade como a actual, xa que non só cumpren unha función de carácter educativo senón que tamén favorece a conciliación da vida laboral e familiar, sendo un importante apoio para as familias.”

“Non podemos consentir que se prive dunha Escola Infantil deste xeito ás noiesas e noieses.Os socialistas galegos pedímoslle ao goberno galego que rectifique a súa postura, e demandámoslle que sitúe a Noia dentro das prioridades para a construcción dunha Escola Infantil.” expón Lage Tuñas.

O deputado socialista defenderá no Parlamento de Galicia que o goberno galego adique para o ano 2011 unha partida orzamentaria á construcción dunha Escola Infantil Pública no concello de Noia con alomenos 72 prazas, tal e como figuraba no convenio asinado entre a Xunta e o Goberno de España no ano 2008

Lage Tuñas tamén lle pide que acorden, á maior brevidade posible, co goberno municipal do Concello de Noia a ubicación máis axeitada para a súa adaptación ao proxecto xa redactado pola Xunta para a edificación da citada Escola Infantil.

“É preciso tamén planificar conxuntamente co goberno municipal do Concello de Noia as futuras accións en materia de educación infantil, contemplando a posibilidade de construir unha segunda escola infantil para dar resposta ás necesidades da poboación noiesa.” según expón o deputado socialista.

AMES - TEATRO


Teatro do Morcego representará a peza teatral “A nona” en Bertamiráns
O teatro volve a Ames dentro da programación cultural de inverno do Concello. Mañá venres terá lugar a representación de “A nona” a cargo da compañía Teatro do Morcego na Casa da Cultura de Bertamiráns. Trátase dunha comedia na que unha familia tentará desfacerse da avoa con terríbeis resultados. Antes da representación a propia Casa da Cultura acollerá unha homenaxe ao actor Andrés Pazos, finado no pasado mes de xaneiro.
A compañía Teatro do Morcego representará mañá na Casa da Cultura de Bertamiráns “A Nona”. A obra é unha comedia delirante de Roberto Cossa que narra a historia dunha familia arxentina de orixe italiana. A avoa da mesma come sen parar mentres os seus parentes se encamiñan á ruína procurando cartos polos máis diversos métodos, da prostitución ao timo pasando pola mendicidade. Levados pola desesperación a familia comeza a tentar asasinar a avoa. Porén, son eles mesmos os que van morrendo un a un nos súas fracasadas tentativas. A obra conta no seu reparto con Miguel Pernas, Mundo Villalustre, César Goldi, Mónica Camaño, Elina Luaces, Miguel Varela e Iolanda Muíños.
Teatro do Morcego foi fundada en 1989 polo actor e director Celso Parada e Isabel Ávila. Mantén a súa actividade ininterrompida desde entón, recibindo premios como os Compostela por “Misterio cómico” e “Doberman”, María Casares por “Lazariño de Tormes”, e sendo finalista en varias ocasións. Realizou importantes montaxes como “O burgués fidalgo”, de Molière, “Os vellos non deben de namorarse, de Castelao”, “A Gran ilusión”, de Eduardo de Filippo ou “Morte accidental dun anarquista”, de Darío Fo. Na compañía traballaron e traballan importantes actores galegos como Maxo Barjas, Luísa Merelas, Santi Prego, X. Estévez, X. Carlos Mosquera "Mos", Carlos Blanco, Paco Campos, Miguel Varela, Mundo Villalustre, Gonzalo Uriarte, E. R. Cunha "Tatán", Pepa Barreiro, Casilda García, Sonia Rúa ou Salvador del Río.
“A nona” representarase ás 21:00 horas. Previamente, na propia Casa da Cultura de Bertamiráns terá lugar unha homenaxe ao actor Andrés Pazos. O intérprete galego, protagonista de filmes como “Whisky”, desenvolveu case toda a súa carreira profesional en Uruguai e faleceu a consecuencia dun cancro en xaneiro de 2010. Na homenaxe intervirán Celso Parada e a viúva do actor.

MELIDE - REFORZO EDUCATIVO


Comeza en Melide o programa de reforzo educativo do Concello para alumnado de primaria

Vinte e catro alumnos de 2º e 3º ciclo de Primaria asistirán a dúas sesións por semana para reducir posibles dificultades de lectura, escritura, comprensión ou resolución de problemas.

As sesións, gratuítas, son de unha hora e desenvólvense no Edificio Multiusos.

Logo da boa acollida que tivo en 2009 e 2010 o programa de reforzo educativo impulsado polo Concello de Melide para alumnos de 2º e 3º ciclo de Educación Primaria, este venres, 25 de febreiro, retómase novamente no Edificio Multiusos.

O reforzo educativo é unha ferramenta que o Concello puxo a disposición dos pais e nais de alumnos con algunhas dificultades para a adquisición de contidos básicos ou relacionados coa lectura, a escritura o cálculo ou a resolución de problemas. Por iso, dende este venres e ata o 15 de abril desenvolveranse sesións de unha hora os martes e venres no edificio Multiusos de Melide. En función das idades, ás 17.30h serán as sesións para o alumnado de 3º e 4º de Primaria, e ás 18.30h para o alumnado de 5º e 6º.

O Concello de Melide ofertou esta actividade aos colexios, que son os encargados de seleccionar –cada un deles- a oito alumnos para participar no programa, e que así oferta vinte e catro prazas totalmente gratuítas.

O programa de reforzo educativo foi xa valorado moi positivamente polos pais e nais nas dúas edicións anteriores como complemento ás actividades docentes dos escolares. Dende o Concello insisten tamén na importancia da implicación das familias nesta iniciativa, xa que o apoio aos escolares para participar nas sesións fai que estas sexan máis dinámicas e atractivas.

AMES - CONFERENCIA VICTORIA PLANAS


A técnica que supervisou o proxecto do Fondo Galego de Cooperación en Haití visita Ames
- Victòria Planas impartirá unha conferencia en Ames para expor os avances na iniciativa impulsada canda o Fons Català a prol do desenvolvemento local
- Ofrecerá un testemuño de primeira man sobre a dramática situación que atravesa o país un ano despois do terremoto, agravada pola epidemia de cólera
A técnica que viaxou a Haití para supervisar a andaina do proxecto impulsado polo Fondo Galego e o Fons Català de Cooperación visita Ames o vindeiro luns 28 de febreiro para dar conta dos avances en terreo. Victòria Planas manterá unha xuntanza en Baiona coa Secretaría Técnica do Fondo Galego de Cooperación e pola tarde impartirá unha conferencia no local do Club de Xubilados e Pensionistas do Milladoiro, na rúa Figueras, a partir das 20:00 horas. Ames é un dos Concellos asociados ao Fondo que realizaron as súas achegas á conta de emerxencia aberta tras o devastador terremoto de xaneiro de 2010.
As doazóns das administracións socias e dalgúns cidadáns a título individual ascenderon a 160.000 euros, que se destinaron ao proxecto conxunto co Fons Català. A iniciativa estase a executar nas vilas de Carice, Vallières e Monbin Crochu, na fronteira nordeste coa República Dominicana. Entre outros aspectos, promove a formación para a construción de vivendas resistentes aos terremotos con materiais tradicionais, e o fomento de capacidades municipais para mellorar as condicións de vida da poboación en equilibrio coa natureza.
A responsable de proxectos de Centroamérica, México e Caribe no Fons Català, Victòria Planas, estará en Galicia para dar conta dos primeiros pasos desta iniciativa denominada ‘Fortalecemento do desenvolvemento local sostible e inclusivo no Nordeste de Haití como resposta aos efectos do sismo do 12 de xaneiro’, contribuíndo así a garantir a transparencia dos investimentos. Ofrecerá tamén un testemuño de primeira man sobre a dramática situación que vive a poboación haitiana, agravada por mor da epidemia de cólera. As intervencións de post-emerxencia na illa caribeña están nestes intres moi marcadas pola inestabilidade política e a todos os niveis.
Na misión de seguimento, asinouse o convenio de colaboración co Centro para Cultura e o Desenvolvemento de Carice (SKDK). O rol deste parceiro é crucial para afrontar a crise sen deslexitimar os actores locais, pois defende a descentralización, a equidade e o fortalecemento institucional, traballando en coordinación cos municipios do nordeste. A súa participación canda as autoridades municipais no proceso de construción de cidadanía e fortalecemento institucional é clave, perante o polémico papel dos actores estatais políticos e militares, que non están a garantir a xestión de crise aguda que sofre o país.
Ademais de manter encontros moi participativos coas entidades locais implicadas, que permitiron axustar o proxecto á realidade actual, Victòria Planas reuniuse na súa viaxe con representantes de distintos ministerios, da AECID e do programa ART-GOLD das Nacións Unidas. A maiores desta recente visita ao Haití, xa está en marcha unha avaliación intermedia do proxecto promovido polo Fondo Galego e o Fons Catalá. Posteriormente, realizarase unha avaliación final para comprobar o cumprimento dos obxectivos fixados. Ao remate, unha auditoría externa verificará tamén a correcta xestión dos recursos.
O Fondo Galego
O Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade é unha rede que engloba a 95 Concellos e ás catro Deputacións de Galicia. Fundouse en 1997 como un foro a través do que consensuar e concentrar os esforzos dos poderes locais galego no eido da cooperación ao desenvolvemento. Trátase deste xeito de garantir unha xestión profesional e transparente, así como a realización de proxectos ambiciosos que teñan un verdadeiro impacto nos países do Sur e facilitar unha meirande sensibilización da sociedade galega a prol da solidariedade internacional.
Desde a súa fundación, a asociación ten desenvolvido 135 proxectos en máis de 20 países, e organizado e editado multitude de actividades e materiais en relación aos desequilibrios existentes entre os países do Norte e do Sur. Ten garantido a presenza da solidariedade do pobo galego nas catástrofes que afectan a aqueles países do mundo con menor capacidade para as enfrontar, con proxectos de reconstrución (como os casos de Sri Lanka, despois do maremoto de 2004, Cuba, despois dos furacáns de 2008 ou Gaza, despois dos bombardeamentos israelitas de finais de 2008 e primeiros de 2009). Na actualidade está a complementar unha intervención de post-emerxencia no Haití.

BRION - LIBRO FUTBOL EN BRION



PRESENTACIÓN DO LIBRO “O FÚTBOL EN
BRIÓN, 25 ANOS DA SD CLUB BRIÓN”

O acto terá lugar mañá venres 25 de febreiro, ás 20:30 horas, no centro social polivalente de Pedrouzos

24 de febreiro de 2011.- O centro social polivalente de Brión acollerá mañá venres 25 de febreiro, ás 20:30 horas, a presentación do libro “O fútbol en Brión, 25 anos da SD Club Brión”. Un traballo que será presentado polos seus autores: Xosé Manuel Trigo Romero e Manuel Xesús Xiráldez González, ambos veciños de Brión.

Un acto no que estarán acompañados por Xosé Luís García, alcalde de Brión, e por Rafael Silva, propietario de Follas Novas, empresa que se encargou de editar este libro. Un traballo que recolle a evolución do fútbol e da vida social de Brión a partir do ano 1900 e que se estructura como se dun partido de fútbol se tratase: un quencemento (falando das orixes do fútbol en Brión), un primeiro tempo (coa federación dos equipos), un descanso (coa desaparición da SD Brión), un segundo tempo (coa reaparición do conxunto) e mesmo unha prórroga (ao falar do futuro das escolas deportivas).