Federación galega de comercio - A campaña “As compras na túa vila teñen premio” remata en Milladoiro con gran éxito

A Federación Galega de Comercio, a Federación de Comercio de Coruña e a Asociación de Comerciantes de Milladoiro (AEMI), celebraron esta tarde o Acto Final da campaña de dinamización do consumo nas vilas galegas, que baixo o lema “As compras na túa vila teñen premio”, tivo lugar en Milladoiro entre o 24 de outubro e o 4 de novembro.

Comerciantes e consumidores de Milladoiro acolleron a iniciativa con grande entusiasmo, recolléndose na urna habilitada para o sorteo máis de 10.000 boletos, o que significa un grande éxito de vendas e participación.FEDERACION GALEGA COMERCIO - MILLADOIRO 2011

O acto final da campaña tivo un atractivo programa de actuacións para nenos e adultos durante todo o día. Pola tarde, actuou en directo a cantante Mariana, e a continuación tivo lugar o sorteo de 3.000 euros en premios (dúas tarxetas regalo de 300 euros e 24 tarxetas regalo de 100 euros). O sorteo contou coa asistencia da dirixente da Asociación de Comerciantes de AEMI, Carlos Neira; o secretario xeral da Federación Galega de Comercio, Luis Fernández; o presidente da Federación de Comercio de Coruña, Miguel Agromayor; o Alcalde de Ames, Santiago Amor; e a Directora Xeral de Comercio, Nava Castro; entre outros.

A iniciativa “As compras na túa vila teñen premio” estivo organizada pola Federación Galega de Comercio, en colaboración coas Federacións Provinciais de Comercio, a Dirección Xeral de Comercio e Novagalicia Banco. Nesta edición, ademáis da xa rematada en Milladoiro, na provincia de A Coruña tivo lugar tamén en Boiro.

Teo – melloras na rede viaria

A CONCELLERÍA DE SERVIZOS BÁSICOS REALIZA MELLORAS NA REDE VIARIA DE VARIOS NÚCLEOS DO CONCELLO

· Durante estas semanas a brigada de parques e xardíns conta con cinco alumnos en prácticas dun curso de “Actividades auxiliares en viveiros, xardíns e centros de xardinería”

04 de novembro de 2011. A concellería de Servizos Básicos, dirixida por Xurxo Francos, está realizando pequenos arranxos na rede viaria de varios núcleos rurais. Estas reparacións, realizadas con fondos propios, xustifícanse polo deterioro do asfaltado destas zonas.

Entre outras asfaltáronse tramos de pistas de Fontenlo a Mallos, nos Verxeis, en Lamas, en Agoso, en Penelas ou na Cascalleira. En todos os casos trátase de tramos pequenos de entre douscentos metros e algo máis dun quilómetro. Nalgunhas das zonas tamén se acompañaron estes traballos de limpeza de cunetas. As melloras fixéronse en riego asfáltico. Está prevista algunha actuación máis na pista da Florida a Rarís e na zona do campo de fútbol de Pontevea.

Xurxo Francos tamén explica que durante as próximas semanas se procederá a bachear en diferentes zonas do Concello. A previsión meteorolóxica neste caso será a que marque o calendario, xa que estas labores deben realizarse en días sen chuvia nin moita xeada.

Xardinería

A concellería de Servizos Básicos que coordina as brigadas de obras e a de parques e xardíns tamén conta durante estas semanas con persoal de prácticas de xardinería. Trátase de cinco alumnos, tres deles de Teo, que están finalizando un curso de “Actividades auxiliares en viveiros, xardíns e centros de xardinería”. O Concello de Teo asinou un convenio de colaboración coa empresa formadora polo que están realizando o módulo de prácticas profesionais non laborais con persoal municipal.

O período de prácticas centrarase sobre todo en coñecer as operacións básicas dun viveiro ou dun centro de xardinería, ademais de coñecer a instalación e mantemento de xardíns, parques e zonas verdes. O tempo de duración das prácticas tamén lles servirá para coñecer e usar a maquinaria propia deste traballo da que dispón o Concello de Teo.

O curso que están realizando está encadrada dentro da Programación de Accións Formativas dirixidas prioritariamente a persoas traballadoras en desemprego (AFD 2011) da Xunta de Galicia.

 

Ames – novas tecnoloxías

O Concello de Ames incorpórase ás novas tecnoloxías e aforra máis de 5.000 euros ao mes respecto da situación existente a través do acordo acadado coa empresa Vodafone

O Concello pasará de pagar 11.500 euros ao mes a 6.100 en concepto de liña de datos, telefonía e mantemento dos mesmos

Ames, 04 de novembro de 2011. O Responsable rexional de Vodafone, Francisco Vallejo Torres, e o alcalde amiense, Santiago Amor, chegaron a un acordo que lle permitirá ao Concello de Ames estar na vangarda tecnolóxica das comunicacións e ademais suporá un aforro mensual de máis de 5.000 euros. Trátase dun contrato integral de voz e datos que mellorará a comunicación e dotará ao persoal do Concello de datos e voz no móvil, o cal redundará nunha mellor comunicación. A partir de agora haberá dúas fases de implantación, a primeira fase terá unha duración aproximada de 10 días, e nela implantarase a liña de voz, na segunda fase implantarase a liña de datos e durará arredor de tres meses.

Por primeira vez as distintas sedes municipais de Milladoiro e Bertamiráns estarán unidas por unha liña de alta capaciade, o que constitúe o primeiro paso e resulta condición imprescindible para dotar ao concello da administración electrónica. O novo contrato implica un aforro do 47% con respecto ao anterior. O Concello pagaba en concepto de liña de datos, telefonía e mantemento dos mesmos, preto de 11.500 euros e agora pasará a pagar arredor de 6.100 euros ao mes. O aforro de 5.200 euros sae dunha diminución en tarifa do 40% con respecto á anterior e dunha nova xestión de centraliñas e de comunicación.

Ademais do aforro do acordo firmado esta mañá supón unha mellora substancial nas comunicacións móbiles, fixas e de datos, e permite ter un control exhaustivo e detallado de cada posto. Isto permitirá ter un control incluso por extensión, cuestión que non acontecía ata o de agora. Por outro lado, cada persoa terá un único número independentemente de que sexa usuario de móbil ou de fixo.

Ademais este sistema dará ao Concello autonomía na programación dos servizos de centraliña sen depender dun terceiro, o que provocará máis axilidade e menor coste ao ter a capacidade os técnicos informáticos do Concello de programar a centraliña. Outra das vantaxas é que os usuarios de móbil terán integrados tamén datos, de xeito que as comunicacións internas se realicen de forma máis áxil e cun menor coste xa que poderán recibir correos electrónicos e datos online. Desaparece tamén o cable e todos os teléfonos serán a partir de agora inalámbricos.

Despois de recibiren traballadores municipais a formación correspondente, o Concello terá a xestión directa de todo este dispositivo de comunicacións.

Ames – exposición “O noso mundo, o nos futuro a nosa opción”

A aula da Natureza acolle durante o mes de novembro a exposición “O noso mundo, o noso futuro a nosa opción”

Ames, 04 de novembro de 2011. Dende o 4 ao 29 novembro a Aula da Natureza, acollerá a exposición sobre o cambio climático “O noso mundo, o noso futuro a nosa opción”. O Concello de Ames, a través da concellería de Medioambiente organiza visitas guiadas tódalas mañáns laborables para grupos organizados e tamén terá aberta ao público xeral a aula os venres de 17.00 a 20.00 horas, e os sábados de 11.00 a 14.00 horas e de 17.00 a 20.00 horas. A visita estará guiada por un técnico de Medioambiente. Esta exposición está baseada no proxecto CLARITY -Acción Educativa por el Clima- que pretende contribuír ao coñecemento do fenómeno do cambio climático, as súas causas e as respostas que se están propoñendo para facerlle fronte.

Moitas actividades que realizamos na nosa vida cotiá provocan, directa ou indirectamente, emisións de gases efecto invernadoiro, e polo tanto contribúen a un dos principais problemas ambientais deste século: o cambio climático. A subida do nivel do mar, as vagas de calor, tormentas, inundacións... son algunhas das consecuencias que previsiblemente provocará a aceleración do cambio climático. Nas nosas mans está impedir que isto aconteza, pero é preciso que todos os sectores sociais se involucren na loita contra este fenómeno global. Tamén cabe dicir que a temática do cambio climático é complexa, e como consecuencia hai unha gran confusión sobre el por parte da cidadanía. Con esta exposición preténdese dar a coñecer aos amienses o problema ambiental do cambio climático, informando sobre as súas causas e consecuencias a nivel global e tamén en Galicia.

A Concellería de Medioambiente trae esta exposición a Ames para potenciar a difusión da realidade do cambio climático e as súas consecuencias a curto, medio e longo prazo e para dar a coñecer as medidas que cada quen individualmente pode adoptar para contribuír na desaceleración do mesmo. A exposición consta de 19 paneis que tratan de xeito amplo distintos aspectos do tema do cambio climático, tamén ten unha proxección audiovisual e módulos interactivos nos que por exemplo se pode calcular cantas emisións se evitan collendo a bicicleta en lugar do coche. A exposición intenta estimular a participación e reflexión dos visitantes propoñendo novos comportamentos comprometidos e accións positivas co clima que loiten contra o cambio climático e fomenten un desenvolvemento máis equilibrado, social e ambientalmente.

As consecuencias da aceleración do cambio climático poden provocar importantes custos ambientais, sociais e económicos que condicionarán o noso desenvolvemento. De no concienciar á cidadanía para que contribúa con boas prácticas á desaceleración do cambio, este pódese converter nunha ameaza para a supervivencia dos seres vivos.

Os centros de ensino poderán visitala

Os centros de ensino poderán solicitar unha visita guiada á exposición en horario de luns a venres de 09.00 horas a 14.00 horas; principalmente os destinatarios desta exposición son os rapaces e rapazas de 4º, 5º e 6º de primaria, e os de todos os cursos da ESO e Bacherelato.

Para máis información, ou para reservar hora para visita pódese chamar ao número de teléfono 660004665 ou enviar un correo electrónico á dirección auladanatureza@concellodeames.org.

Oroso – o concello felicita o fotógrafo Antonio Matías

O CONCELLO DE OROSO FELICITA A ANTONIO MATÍAS POLA SÚA CALIFICACIÓN DE VIDEÓGRAFO DISTINGUIDO NO CERTAME DE CALIFICACIÓNS 2011 DA FEPFI

Este fotógrafo profesional de Sigüeiro foi o único galego distinguido na edición deste ano

4 de novembro de 2011.- O concelleiro de Cultura de Oroso, Antonio Leira, vén de felicitar ao fotógrafo e videógrafo profesional Antonio Matías, veciño de Oroso, pola súa calificación como Videógrafo Distinguido por parte da Federación Española de Profesionales de la Fotografía e Imagen (FEPFI). Antonio Matías, que conta cun estudio en Sigüeiro, foi o único profesional de Galicia distinguido no Certame de Calificacións FEPFI 2011, na súa novena edición de audiovisuais, celebrado este ano en Santiago de Compostela. FEPFI - ANTONIO MATIAS PREMIO

Ademais desta distinción, o xurado tamén destacou tamén outras catro obras do fotógrafo orosán polo seu “mérito, froito da calidade, orixinalidade e narrativa audiovisual”, explica Antonio Matías. O Certame de Calificacións FEPFI 2011, na súa decimoquinta edición de fotografía e na súa novena edición de audiovisuais, ten como finalidade valorar o nivel de calidade das obras fotográficas e audiovisuais en España.

As Calificacións non son un concurso, senón un análise rigoroso das obras presentadas por parte de mestres fotógrafos e videógrafos, así como xuíces especialistas invitados expresamente para aportar os seus puntos de vista. Cada ano, o evento conta coa asistencia de profesionais chegados de toda a xeografía española, entre os que Antonio Matías foi o único distinguido chegado de Galicia.

Esta distinción súmase á longa lista de premios recibidos por Antonio Matías, entre os que destaca o Premio Goya de Vídeo Social 2011. Ademais, este fotógrafo afincado en Sigüeiro tamén conseguíu outros galardóns como o 1º premio Vieiros 2006 ou o León de Vídeo de 2007.

Ordes – obradoiros enrolate en igualdade

O Concello de Ordes segue adiante cos obradoiros enmarcados dentro do programa “Enrolarte en Igualdade”

venres e sábado celebrarase un obradoiro de video relato

Ordes, 4 de novembro de 2011: O Concello de Ordes segue a celebrar as diferentes actividades enmarcadas dentro do programa municipal “Enrolarte en Igualdade” que incluiron, ata o momento, dúas sesións dun obradoiro de hip hop e un obradoiro de cómic.

De cara a vindeiras datas de celebración doutros obradoiros serán as seguintes:

- obradoiro de vídeo relato: 4 e 5 de novembro

- obradoiro de hip hop: 11 de novembro

- obradoiro de cociña creativa (Unha cea especial): 12 e 18 de novembro

- Gymkana (Supervivencia no fogar) e clausura das actividades: 19 de novembro.

As actividades terán lugar na Casa da Cultura de Ordes en horario de 18 a 21 horas.

Todos aqueles que estean interesados en participar nos obradoiros que quedan por celebrar todavía poden inscribirse no Centro de Información á Muller (CIM) de Ordes en horario os luns de 9 a 15 horas e de 16 a 18 horas, e de martes a venres de 9 a 15 horas, ou chamando ao 981680002. Tamén poderán recibir máis información a través da dirección de correo electrónico cim@ordes.dicoruna.es ou no perfil de facebook www.facebook.com/concellodeordes .

Os requisitos para poder inscribirse será ter entre 12 e 18 anos ou estar cursando a ESO ou Bacharelato, tendo preferencia os rapaces e rapazas empadroados/-as no Concello de Ordes. A inscrición é totalmente gratuíta.

O programa “Enrolarte en igualdade”, promovido polo Concello de Ordes, ten como finalidade concienciar e sensibilizar á mocidade sobre as desigualdades de xénero existentes e fomentar actitudes igualitarias. Esta iniciativa forma parte do programa “Educar en igualdade”, subvencionado pola Secretaría Xeral de Igualdade da Xunta e polo Fondo Social Europeo.

Brión – gañador III concurso fotografía ambiental

O TEENSE MARTÍN PÉREZ FERNÁNDEZ GAÑA O III CONCURSO DE FOTOGRAFÍA AMBIENTAL BRIONATURA

O Concello de Brión organizará unha exposición coas 12 fotos finalistas no centro social polivalente durante este mes de novembro

4 de novembro de 2011.- Martín Pérez Fernández, veciño de Recesende (Teo), vén de gañar a terceira edición do Concurso de Fotografía Ambiental Brionatura 2011 coa súa obra “Camiño ao río”, unha instantánea dos montes e campos que siguen o percorrido do río Tambre ao seu paso pola localidade de Forxán. O brionés Gerardo Martínez Feijoo acadou o segundo premio coa súa imaxe “Ferro da escola vella de Souto”.

O xurado de Brionatura 2011 escolleu a proposta de Martín Pérez de entre un total de 65 fotografías presentadas por 27 fotógrafos de Ames, Teo, Padrón, Santiago e, sobre todo, Brión. Así, o xurado destacou a orixinalidade e a creatividade da fotografía de Pérez Fernández, pois é unha imaxe moi identificativa do que é Brión sen ser a típica instantánea das Torres de Altamira, a Igrexa de Bastavales ou a Ponte Paradela.BRION 1 PREMIO FOTOGRAFIA NOVEMBRO 2011

Exposición e premios

Coas doce fotografías finalistas, o Concello de Brión organizará unha exposición no centro social polivante que poderá ser visitada dende a vindeira semana no centro social polivalente de Pedrouzos. Martín Pérez Fernández recibirá como premio unha cea, noite de hotel, almorzo e circuito termal no Hotel Balneario de Compostela para dúas persoas. Pola súa banda, Gerardo Martínez Feijoo levará unha cea, noite de hotel e almorzo no Hotel Casa Rosalía para dúas persoas.

O resto dos galardoados son veciños e veciñas de Brión: Amparo Portabales Dobaño, Ana Lucía Sanchez Vazquez, Beatriz Blanco Bellas, Gerardo Martínez Feijoo, Javier Antelo Seoane, José Manuel Gómez Sampedro, Juan González Valdepeñas, Luis Pérez Juanes, María José Rodríguez Otero e Martin Perez Fernandez. Unhas obras que tamén se poden visualizar dende hoxe mesmo na Internet: www.concellodebrion.org ou http://www.infobrion.com/galerias/Concurso_Foto_BrionNatura_2011/index.html

O Concello de Brión organiza este Concurso de Fotografía Ambiental Brionatura 2011, en colaboración co Hotel Balneario Compostela e o Hotel Casa Rosalía, para poñer en valor o patrimonio etnográfico do municipio. De feito, o único requisito para participar é que as fotografías deben estar tomadas nalgún punto da xeografía de Brión e versar sobre o seu patrimonio etnográfico.

Ordes – campaña comparte coche

O Concello de Ordes anima aos veciños e veciñas a participar na campaña “Comparto Coche”

Os interesados poden informarse e inscribirse no departamento de Medio Rural e Desenvolvemento Ecolóxico e Sostible do Concello

Ordes, 4 de novembro de 2011: O Concello de Ordes anima aos veciños e veciñas do municipio a participar na campaña “Comparto Coche” posta en marcha polo departamento de Medio Rural e Desenvolvemento Ecolóxico e Sostible que dirixe o edil José Luis Gómez Candal.

Nesta ocasión baixo o título “Comparto Coche” o Concello de Ordes pon a disposición dos veciños e veciñas un servizo que facilita o encontro de persoas que estean interesadas en compartir vehículo para realizar traxectos rutinarios de traballo, estudos, etcétera.

A través desta iniciativa, preténdese que compartindo coche se reduzan o número de vehículos que circulan polas estradas, disminuir os atascos, o consumo enerxético e a contaminación, ademais de que os participantes poidan aforrar combustible.

Todos aqueles que estean interesados en participar nesta campaña poden recibir máis información e inscribirse no departamento de Medio Rural e Desenvolvemento Ecolóxico e Sostible do Concello, chamando ao teléfono 981680002 ou ben a través do perfil de facebook “Medio Ambiente Ordes”, no que poderán encontrar ademais outras actividades e iniciativas que leva a cabo o Concello en materia de medio ambiente.

Os participantes cubrirán unha ficha facilitando os horarios e percorridos que estarían interesados en compartir con outros usuarios, servindo así o Concello como intermediario para poñer en contacto a todos aqueles que coincidan en destino e hora para compartir vehículo.

Dende o Concello animan aos veciños a que participen nesta iniciativa a través da que, ademais de contribuir á preservación do medio ambiente, tamén se facilita o aforro de combustible aos participantes, tendo en conta ademais o momento de crise que vive o país.

Santiago – axenda do 5 o 7 de novembro + corte de tráfico na Conga

AXENDA MUNICIPAL

Sábado 5

13.30 h

Na Praza de Abastos, o alcalde compostelán, Xerardo Conde Roa, e o embaixador da República Checa, Karel Beran, asisten á degustación de viños checos e tapas do Abastos 2.0 xunto coa música de Cimbalon Music of Antonin Stehlik dentro do festival 'Soños de Chequia'.

12.00 h

No Centro Sociocultural e Xuvenil Municipal do Ensanche, Xogos Populares na praza Roxa.

18.00 h

No Centro Sociocultural de Conxo, As Feiticeiras “Danzas da Terra”.

O grupo de danza As Feiticeiras presentan a obra Danzas da Terra, un despregue multicor de sons, danzas e bailes das distintas culturas do mundo, dende O Antigo Exipto a EEUU pasando por diversos países, entre eles a India. Asistiremos a unha voda exipcia, un ritual no Templo de Isis, danzas tradicionais de Hawaii, etc.

21.00 h

No Teatro Principal, o alcalde compostelán, Xerardo Conde Roa, asiste ao concerto de Swing e jazz, Rhapsody in blue. Ondřej Havelka e os seus Melody Makers. Dentro do festival Soños de Chequia.

Festival Soños de Chequia

12.30h.

No Teatro Principal, proxección de 'As aventuras da pequena toupa' (animación infantil) dentro do festival 'Soños de Chequia'.

13.30h.

Na Praza de Abastos, degustación de viños checos e tapas do Abastos 2.0 xunto coa música de Cimbalon Music of Antonin Stehlik dentro do festival 'Soños de Chequia'.

19.00h.

Na Igrexa da Universidade, Collegium 1704 e Collegium Vocale 1704 presentan 'A música sacra, Zelenka' dentro do festival 'Soños de Chequia'.

21.00h.

No Teatro Principal, concerto de Ondrej Havelka & his Melody Makers con Karel Kosárek ao piano dentro do festival 'Soños de Chequia'.

23.00h.

No Club Dado Dada, Jam Session con Felipe Villar Trío, anfitrións, e membros dos Melody Makers dentro do festival 'Soños de Chequia'.

Domingo 6

12.00 h

No Teatro Principal, concerto da Banda Municipal de Música.

13.00 h

Na Igrexa da Universidade concerto do pianista Karel Kosárek dentro do festival 'Soños de Chequia'.

17.00 h

No Teatro Principal, o alcalde compostelán, Xerardo Conde Roa, asiste proxección de 'As aventuras da pequena toupa' (animación infantil) dentro do festival 'Soños de Chequia'.

19.00 e 21.30 h

No Teatro Principal, proxección de 'Eu servín ao rei de Inglaterra' dentro do festival 'Soños de Chequia'.

Luns 7

11.30 h

Na Casa do Concello, ROLDA DE PRENSA do concelleiro de Cultura, Ángel Currás, xunto co director do IES Rosalía de Castro, Ubaldo Rueda, para dar conta da colaboración co Bacharelato Internacional que se imparte no devandito centro.

12.00 h

Na Casa do Concello, o alcalde compostelán, Xerardo Conde Roa, recibe o alcalde de Ames, Santiago Amor. Haberá declaracións ao remate do encontro.

13.00 h

Na Casa do Concello, a voceira da Xunta de Goberno Local, Paula Prado, exporá en ROLDA DE PRENSA o resumo dos acordos adoptados na última sesión.

19.30 h

Na Casa do Concello, o alcalde compostelán, Xerardo Conde Roa, recibe o presidente do departamento francés de Seine-Maritime, Didier Marie. Ás 20.00 h, recepción da Corporación.

----------------------------------------------------------------------------------------------------------------------------------------------

Con motivo das obras que se están a realizar no Museo das Peregrinacións e de Santiago, pecharase ao tráfico a rúa da Conga entre o vindeiro luns 7 de novembro, a partir das 10.30 h, e o 7 de decembro, e abrirase de novo á circulación a rúa de Xelmírez.

Asimesmo, e debido ás obras de reparación do pavimento da rúa Preguntorio no tramo comprendido entre a praza Cervantes e a praza de Feixoo (que se estenderán do 7 de novembro ao 10 de decembro), os vehículos que queiran acceder a esta última praza deberán facer o seguinte percorrido: Mazarelos, Orfas, Toural, rúa do Vilar e Conga, ou ben porta Faxeira, rúa do Vilar e Conga.

O Concello de Santiago de Compostela prega a todos os cidadáns desculpen as molestias que esta alteración no tráfico lles poida ocasionar.

Santiago - O director da Banda municipal de Santiago dirixirá un concerto en Albacete

O director da Banda Municipal de Música de Santiago, Xosé Carlos Seráns dirixirá a Banda Sinfónica Municipal de Albacete o domingo 6 de novembro de 2011, cun programa de música galega composto por obras do lugués Gustavo Freire, Luís Brage, compositor compostelán, e do propio Seráns.

Será no Auditorio Municipal de Albacete ás 12:00h, polo que esta semana a Banda Municipal de Santiago estará baixo a dirección do segundo director, Casiano Mouriño Maquieira, que realizará o concerto programado para o día 6 de novembro.

O Concerto do Auditorio Municipal de Albacete seguirá o seguinte programa: I Parte:

Lito (p.d.) de X. C. Seráns; Follas Novas (rapsodia galega) de L. Brage; Fantasía Rianxeira de X. C. Seráns. II Parte: Suite Catoira de X. C. Seráns; Non chores Sabeliña! (fantasía) de G. Freire; Esbozos Sinfónicos de X. C. Seráns.

Xosé Carlos Seráns

Nace en Riveira e comeza a súa andaina musical aos 11 anos na Banda de Música de Caamaño da man do mestre Francisco Olveira Santos, froito da afección á música do seu pai.

Aos 20 anos pasa a formar parte do Corpo de Bandas de Música da Armada, destinado na Banda de Música do Terzo Norte de Ferrol, onde toma contacto cos mestres Raúl Galán Cerveró e Francisco Jordá Biosca, cos que estuda a tuba. En 1987 gana por oposición libre a praza de tuba na Banda de Música Municipal de Santiago de Compostela, compatibilizando tamén as funcións de xerente da mesma desde o ano 2000, e en 2009 é nomeado director da mesma.

Persoa comprometida coa música en Galicia, é impulsor de numerosos proxectos:
Escola de Música Municipal de Catoira (1988), Grupo de Metais de Santiago e Banda de Música de Catoira (1989), Cuarteto de Tubas Euphonium (1993), Banda Sinfónica de Galicia (1994), Grupo de Metais de Galicia (1995), Solfa, Asociación Cultural-Musical (1997), Coral Solfa de Fontiñas (1998), Banda Filharmónica de Galicia (2000), Escola Municipal de Música de Santiago (2002), Escola Municipal de Música de Ames, Gallaecia Orquestra (2004), A Nosa Clave (2005, 2006 e 2007), Banda Sinfónica da Federación Galega de Bandas de Música Populares (2005), Musigalizando, campamento musical (2007, 2008, 2009 e 2010)

Foi invitado pola Nova Orquestra Nacional de España (JONDE) para asistir ao I Curso de Tuba celebrado en Santiago en xullo de 1990 impartido polo mestre Harvey G. Phillips e realizou numerosos cursos de perfeccionamento de metais, composición e dirección de orquestra e banda. É autor de numerosas obras e arranxos orquestrais para banda de música e diversos grupos instrumentais, entre os que cabe destacar as súas composicións para coro e banda de música sobre poemas de destacados poetas galegos: Soneto á Terra Chá, de Xosé Chao Rego; Rosas e A Saleta, de Manuel María; Apreixar ou Vento, de Marta Dacosta, etc, así como adaptacións para banda sinfónica e coro de obras tan coñecidas como Negra Sombra de Rosalía de Castro ou Lela de Castelao.

Mercado entre lusco e fusco – magosto 8 novembro


II Feira de Outono do Mercado entre lusco e fusco

+Magosto da Asemblea de San Pedro
8 de novembro de 18h a 21:40h no Parque de Belvís
II FEIRA DE OUTONO DO MERCADO ENTRE LUSCO E FUSCO. O próximo martes o Mercado entre lusco e fusco vai celebrar a partir das 18h a II Feira de Outono, nas plataformas do Parque de Belvís [mapa: http://tiny.cc/mercado_belvis]. Após o éxito das anteriores feiras, queremos convidar a todo o mundo a celebrar connosco a chegada tardía do outono. Teremos obradoiros (elaboración de produtos de hixiene persoal, de arranxo de bicicletas e de iniciación á danza tradicional), castañas, danza e canto (con Vouvirvouver)... Sen esquecer o noso mercado habitual con produtos locais, de temporada e ecolóxicos!

Magosto_2011


PROGRAMA DE ACTIVIDADES. Este é o programa das actividades previstas para o día 8 de novembro no Parque de Belvís:

II Feira do Outono do Mercado entre lusco e fusco + Magosto da Asemblea de San Pedro

 

08/11/2011

18:00 - 21:00  |  Espazo de troco e do obradoiro de reparación de bicis
18:30 - 19:15  |  Obradoiro de elaboración de produtos de hixiene persoal
19:15 - 20:00  |  Obradoiro de iniciación á danza tradicional
20:00 - 21:00  |  Vouvirvouver (danza e canto)

-- Degustación de castañas, comida e bebida todo o tempo na barra --

 

MERCADO ENTRE LUSCO E FUSCO: POLO CONSUMO RESPONSÁBEL. Este proxecto consiste na organización dun mercado de serán de produtos locais, ecolóxicos e de comercio xusto en Santiago de Compostela. A idea naceu da necesidade de ofrecer unha alternativa real para as persoas que teñen horario de oficina, que estudan polas mañás ou que simplemente non poden acudir aos mercados locais composteláns nos seus horarios de negocio. O que se pretende é ofrecer un espazo onde poder mercar alimentos básicos, como produtos de horta, legumes e froitas, que sexan locais e de calidade a aquelas persoas que por diversas causas se vexan abocados aos supermercados ou ás grandes superficies. A potenciación da economía local desde o punto de vista do consumo é outro dos eixos fundamentais deste proxecto. De forma paralela, intégranse no mercado actividades de divulgación do consumo responsable (obradoiros, charlas etc.) e mesmo se realizan mercados de troco e outras iniciativas semellantes que axudan a dinamizar e concienciar a un tempo.
COLABORACIÓN MERCADO ENTRE LUSCO E FUSCO E ASEMBLEA DE SAN PEDRO. Nesta ocasión a Feira celébrase conxuntamente co Magosto da Asemblea de San Pedro: iniciativa lanzada nun comezo desde a acampada do Obradoiro, a Asemblea de San Pedro quere ser un espazo aberto de encontro e comunicación para o barrio de San Pedro de Santiago de Compostela. Un lugar onde poder falar, debater, propor... e facer. Compartimos barrio, e por un día tamén o espazo e a festa!
APOIO INSTITUCIONAL. É grazas ao interese mostrado desde o comezo pola Concellaría de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostíbel, e actualmente pola Concellaría de Economía, Comercio, Turi

 

smo e Mercados, do Concello de Santiago de Compostela que poderemos contar semanalmente, desde o día 22 de xuño do ano 2010, cun espazo para o mercado, accesíbel e ben comunicado.
DESENVOLVEMENTO DO MERCADO. O mercado ten carácter semanal, desenvolvéndose todos os martes de 18 a 21 horas no parque de Belvís. Como demostra esta II Feira de Outono, cada tres meses o mercado convértese nunha festa con actividades, música etc. co obxectivo de promover os produtos de temporada, é dicir, os específicos de cada estación.
Contacto
mercadoentreluscoefusco@gmail.com | asembleasanpedro@gmail.com
Facebook
Mercado entre lusco e fusco: http://tiny.cc/facebookmer
Asemblea de San Pedro: www.facebook.com/asembleadesanpedro
Blogue
mercadoentreluscoefusco.blogaliza.org
asembleasanpedro.blogaliza.org

Ames – solicitude de parcela para o novo CEIP do Milladoiro

O Concello remitiu á consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas o documento inicial para a obtención da parcela do Milladoiro destinada ó novo CEIP

Ames, 03 de novembro de 2011. O Concello de Ames remitiu á consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas o documento urbanístico inicial para a obtención da parcela do Milladoiro destinada ó novo colexio de infantil e primaria. A tramitación farase mediante un plan especial de dotacións que implica a modificación do PXOM e consiste no cambio de clasificación dun solo urbanístico apto para urbanizar de 20.682 metros cadrados. Este cambio na clasificación do solo é o primeiro paso a seguir para a obtención do solo destinado á implantación do equipamento docente a través dun plan especial de dotacións.AMES - PARCELA CEIP MILLADOIRO

A posta en marcha deste novo centro de ensinanza permitirá distribuir os ciclos de ensino e desconxestionar o centro de Ventín. O Concello con esta actuación pretende encaixar na estrutura urbanística existente no Plan Xeral que está moi preto do sector de solo urbanizable S-16 Galdrachán polo que se dará continuidade ao viario previsto neste plan parcial completando así a accesibilidade á nova parcela dotacional.

A parcela está a escasos 120 metros do núcleo urbano, conta con accesos en distintas direccións, abastecemento de auga, saneamento, enerxía eléctrica e liña de telecomunicacións. Na parcela destinaranse 17.632 metros cadrados para uso dotacional e 3.050 metros cadrados de superficie de ampliación do viario existente para novos accesos e aparcamentos.

O Concello xestiona con previsión de futuro

O 19 de febreiro de 2010 a consellería de Educación solicitou un emprazamento para o novo centro escolar cunha superficie de cando menos 12.150 metros cadrados. Con esta decisión o novo goberno de Ames porá por fin a disposición da Xunta 8.000 metros cadrados máis para que ante a necesidade de ampliación nun futuro o solo non sexa un problema como aconteceu ata o de agora.

A parcela deberá pasar por cinco fases antes do comezo da construcción

Unha vez que a Consellería de o visto e prace o seguinte paso será a aprobación inicial en Xunta de goberno local. A continuación, pasados os prazos reglamentarios pasará a aprobación provisional e rematará coa aprobación definitiva en pleno. Antes da disposición da parcela para a construción do colexio de infantil e primaria deberanse cumprir cinco condicións, a primeira delas é a da elaboración dun documento de inicio, a segunda é a redacción do documento para a súa aprobación inicial, a terceira é un informe ás alegacións e informes sectoriais emitidos no período de consulta, a cuarta condición é elaborar un documento provisional e a quinta é un documento refundido.

Brion – aprobadas as novas tasas no pleno

BRIÓN ACTUALIZA AS SÚAS TAXAS E IMPOSTOS PARA 2012 DE ACORDO CO CONTEMPLADO NO PLAN DE SANEAMENTO FINANCEIRO APROBADO EN XUÑO DE 2009

3 de novembro de 2011. O pleno municipal de Brión, reunido esta mañá en sesión extraordinaria, aprobou a actualización de seis taxas e impostos de acordo co contemplado no Plan de Saneamento Financeiro aprobado por unanimidade en xuño de 2009. Un plan que fora aprobado ao abeiro do Real Decreto Ley 5/2009, de 24 de abril, de medidas extraordinarias e urxentes para facilitar ás entidades locais o saneamento das débedas pendentes de pago con empresas e autónomos e que deixou fixadas unhas actualizacións anuais de taxas entre os anos 2010 e 2015.

Se o devandito Plan de Saneamento Financeiro foi aprobado pola unanimidade dos grupos, a súa aplicación non conseguíu hoxe o mesmo respaldo. Así, mentres PSOE e BNG mantiveron o seu voto a favor, dende o grupo popular optouse pola abstención en todos os puntos (salvo no caso da taxa da recollida do lixo no que o voto foi en contra).BRION - PLENO NOVEMBRO

A voceira económica do PP brionés, Mercedes Gloria Vázquez, xustificou o cambio do sentido do voto da súa formación na situación de crise económica e en criticar unha suba de impostos. Unha actitude que foi cualificada como “demagóxica” polo alcalde brionés, Xosé Luís García, quen amosou a súa sorpresa polo feito de que o PP “vote contra o seu propio compromiso adquirido neste pleno. Non hai subida de impostos, é aplicar o que aprobamos neste mesmo pleno”. Pola súa banda, o voceiro do BNG, Xesús Pena, xustificou o voto favorable do seu grupo no feito de que “son subidas moderadas, dentro do que aprobamos no seu momento” e recordou que en todo caso “debe prevalecer o bo servizo que se dá á cidadanía”.

Actualización de impostos e taxas

Deste xeito, o tipo impositivo sobre bens inmobles de natureza urbana será do 0,43% en 2012 (un 0,01% máis que en 2011) e o coeficiente a aplicar sobre as cuotas dos tipos impositivos sobre vehículos de tracción mecánica pasará do 1,12 ao 1,13. Finalmente, no caso do imposto sobre o incremento de valor dos terreos de natureza urbana mantense a comprometida suba dun 2% anual ata o 2015.

No caso das taxas de subministro de auga e saneamento-depuración de augas residuais, as actualizacións realizaranse de acordo co IPC interanual entre agosto de 2010 e agosto de 2011, é dicir, dun 3%. Asemade, no caso da ordenanza fiscal reguladora da taxa por actividades e servizos relacionados coa hixiene urbana (taxa pola recollida do lixo), ésta incrementarase de acordo co IPC interanual e cun 2% adicional para que as cuotas se acheguen ao coste do servizo, que tivo un custe adicional de 20.000 euros para o Concello de Brión no exercicio anterior.

Oroso – aprobadas as novas tasas no pleno

MANUEL MIRÁS DESTACA QUE OROSO TEN O METRO CÚBICO DE AUGA MÁIS BARATO DA SÚA CONTORNA

O pleno aproba a actualización das taxas de sumidoiros e de auga potable de acordo co 3,1% do IPC interanual

3 de novembro de 2011.- O pleno municipal do Concello de Oroso aprobou esta mañá en sesión extraordinaria unha actualización das taxas polos servizos de sumidoiros e abastecemento de auga potable de acordo co IPC interanual publicado polo INE a data 31 de outubro: o 3,1%. Unhas modificacións que se realizan co fin de manter o equilibrio económico-financeiro de ambos servizos e que foron aprobadas cos 7 votos a favor do Grupo de Goberno, os 4 votos en contra do PP e a abstención do Partido Galeguista (o representante do BNG non asistiu á sesión).

O alcalde de Oroso, Manuel Mirás, destacou que “en Oroso fixemos unha boa xestión co auga e en 2003 adxudicamos a concesión nunhas boas condicións e temos a auga más barata da comarca”. Diante ao desacordo amosado polo PP sobre a modificación das taxas, Mirás Franqueira explicou que fronte a medias do 0,44 euros/m3 na contorna, en Oroso o prezo é de 0,36 euros/m3. “Isto quere dicir que por cada 10 m3, que dan para unha familia de 3 membros, custa 3,63 euros/mes ou 10,89 euros/trimestre. No saneamento o prezo é de 9,51 euros/trimestre, polo que sumado danos 20,4 euros por trimestre. Non estamos metendo a ninguén en ningún problema coa subida do 3,1%”, exemplificou Mirás Franqueira. Unha actualización que, seguindo co exemplo dunha familia de 3 membros, sería de 0,62 euros/trimestre.OROSO - PLENO NOBVEMBRO 2011

Tarifas de auga e saneamento

Deste xeito, as tarifas polo servizo de abastecemento de auga para aboados domésticos quedan fixadas en 0,362587974 €/m3 (para consumos de 0 a 10 m3/mes) e de 0,457005326 €/m3 (para consumos superiores). No caso dos aboados industriais, as tarifas serán de 0,362587974 €/m3 (para consumos de 0 a 10 m3/mes) e de 0,533172879 €/mes (para consumos superiores).

No caso da taxa polo servizo de sumidoiros e depuración, os aboados só ao servizo de saneamento deberán aboar unha cota trimestral de 9,50510247 €/m3. No caso da limpeza de fosas sépticas, a taxa será de 38,0204098 € por limpeza. Finalmente, no caso dos aboados domésticos ao servizo de auga, as tarifas serán de 0,31658328 €/m3 (para consumos de 0 a 10 m3) e de 0,39896083 €/m3 (para consumos superiores). Finalmente, no caso dos aboados industriais ao servizo de auga, as tarifas serán de 0,31658328 €/m3 (para consumos de 0 a 10 m3) e de 0,46613024 €/m3 (para consumos superiores). En ambos casos, estas tarifas entrarán en vigor o 1 de xaneiro de 2012.

Servizos sociais

Por último, o pleno municipal aprobou unha proposta da Alcaldía para instar á Xunta de Galicia a que incremente as partidas destinadas ao cofinanciamento da prestación de servizos sociais pola Mancomunidade de Municipios de Ordes en concepto de Axuda no Fogar (prestación básica) e Axuda no Fogar a Dependentes. Unha proposta que contou cos 8 votos a favor do Grupo de Goberno (PSOE) e Partido Galeguista, e coas 4 abstencións do PP.

Manuel Mirás denunciou que “en marzo a Xunta comprometeuse a aportar a mesma cantidade á Mancomunidade e agora, cando faltan dous meses para a finalización do exercicio, coas partidas esgotadas e o gasto contraído, a subvención pasa dos 90.401 euros a 9.757 euros para Oroso, Ordes e Frades. É unha cantidade ridícula”. Mirás lembrou que a Lei de Bases de Réxime Local non obriga aos concellos a prestar estes servizos e sinalou “espero que se rectifique”.

Por iso, o pleno municipal instará á Consellería de Traballo e Benestar a que incremente de forma significativa a súas subvencións para axuda no fogar, tanto a prestación básica como a dependentes, para manter o importe concedido dende o ano 2008. Ademais, solicitaralle que a partida de 2012 non sufra unha nova redución que afecte ao mantemento dos programas, así como ao persoal adscrito aos servizos sociais comunitarios. Unhas peticións que tamén se lle farán chegar ao presidente da Xunta e da FEGAMP.

A proposta contou co apoio do Partido Galeguista, cuxo voceiro Siverio Mirás sinalou: “apoio totalmente o aprobado pola Mancomunidade. Non se pode estar a apretar o cinto aos máis débiles”. Pola súa banda, o voceiro do PSOE, Antonio Leira, asegurou que con estes recurtes “a Xunta está a hipotecar aos Concellos e ás familias” e lembrou que “en Oroso hai 24 persoas no servizo de Axuda a Domicilio, 15 baixo o sistema de dependencia e 9 baixo o de libre concorrencia. Dende 2008 non hai casos de nova concorrencia porque a Xunta prioriza a opción da dependencia e iso obriga a que os servizos sociais sexan cada vez máis sanitarios”.

Finalmente, o voceiro do PP, José Manuel Balado, xustificou a abstención do PP culpando dos desequilibrios en materia de servizos sociais aos incumprimentos do Goberno Zapatero: “se alguén se compromete a invertir e logo non o fai, estache enganando. O Goberno débelle 805 millóns á Xunta, que ten que suspender algunhas actividades. Non nos poden responsabilizar a nós porque de onde non hai non se pode sacar”.

Unhas afirmacións que foron cualificadas de “demagóxicas” por parte do alcalde orosán. Manuel Mirás aseguroulle a Balado que “a súa preocupación é defender á Xunta, non a Oroso nin aos desfavorecidos” e lembrou que o PP “leva dous anos gobernando e hai que saber xestionar e investir nas necesidades de Galicia, non deixar aos máis desfavorecidos ao pairo, que é o que se está facendo. Espero realmente que rectifiquen, porque a Xunta vai deixar desamparadas a máis de sesenta familias de tres concellos”.

Santiago – axenda municipal venres 4 outubro

AXENDA MUNICIPAL

Venres 4

11.00 h

Na Cámara de Comercio de Santiago (rúa San Pedro de Mezonzo, 44, baixo), presentación da XII edición do Premio Manuel Beiras. Asisten: Ángel Currás, concelleiro de Cultura, e Jesús Asorey, presidente da Cámara de Comercio de Santiago.

11.30 h.

Na Alameda, inauguración da exposiciónATALANTAR: da cultura rural ao desenvolvemento sostible” a cargo do concelleiro de Educación, Ángel Currás, e Joaquim Corbera, da Editorial Lunwerg. Participarán escolares do CEIP López Ferreiro, IES Rosalía de Castro e do centro de estudos FESAN.

12.00 h

Na Casa do Concello, ROLDA DE PRENSA do voceiro do grupo municipal socialista, Xosé A. Sánchez Bugallo, sobre asuntos de carácter local.

12.30 h

Na Casa do Concello, ROLDA DE PRENSA do alcalde da cidade, Xerardo Conde Roa, e do concelleiro de Cultura, Ángel Currás, para presentar a XXV edición de Cineuropa, que se celebra do 9 de novembro ao 2 de decembro. Na rolda estará tamén o director do festival, José Luis Losa.

13.00 h

No Multiúsos Fontes do Sar, o alcalde compostelán, Xerardo Conde Roa, clausura a I Feira Internacional de Emprego.

16.30 h

Na Escola Municipal de Música de Santiago (rúa Betanzos, 55. A Almáciga), III Xornadas Galegas do Ensino Musical, convocadas pola Asociación do Profesorado de Música de Secundaria de Galicia, ASOMÚSICA, en colaboración coa Escola Municipal de Música de Santiago de Compostela.

19.00 h

No Museo do Pobo Galego, o concelleiro de Cultura, Ángel Currás, inaugura a exposición 'Praga, cidade da música' do fotógrafo Jiri Vsetecka, dentro do festival 'Soños de Chequia'.

20.30 h

Na Casa das Asociacións de Cornes, o alcalde compostelán, Xerardo Conde Roa, acompañado polo concelleiro de Participación Cidadá, Francisco Noya, presenta os libros “Historia do Concello de Enfesta”, “San Paio de Sabugueira. A parroquia compostelá de Lavacolla” e “Santa Cristina de Fecha”, a iniciativa da asociación de veciños Ruta Jacobea.

21.00 h

No Teatro Principal, concerto do Zuzana Lapcíková Quinteto baixo o título 'A fusión do jazz e a música popular morava' dentro do festival 'Soños de Chequia'.

23.00 h

No Club Dado Dada, Jam Session con Felipe Villar Trío (anfitrións) e membros do Zuzana Lapcíková Quinteto dentro do festival 'Soños de Chequia'.

Teo – guia multimedia sobre o San Martiño

O CONCELLO EDITA UNHA GUÍA MULTIMEDIA SOBRE A FEIRA DO SAN MARTIÑO PARA TRABALLAR NOS COLEXIOS DE TEO

· A edil de Educación, María Álvarez Garea, presentou esta novedosa iniciativa, co alumnado da escola unitaria de Recesende

· Esta iniciativa enmárcase dentro das medidas para promover a feira do San Martiño dende a institución local

03 de novembro de 2011. A concelleira de Educación do Concello de Teo, María Álvarez Garea, presentou esta mañá na escola unitaria de Recesende a primeira guía multimedia para traballar nos colexios, chamada EducateoI. Trátase dunha guía didáctica e un cd-Rom sobre a feira do San Martiño que servirá para traballar co alumnado dos tres ciclos de primaria. O Concello de Teo edita 150 exemplares desta guía que se distribuirán entre os CEIPs de Calo, Os Tilos e A Ramallosa e as escolas do CRA que teñan unidades con nenos/as de primaria. TEO - GUIA MULTIMEDIA SAN MARTIÑO

A concelleira de Educación explica que esta iniciativa “xurde dentro das medidas que se están adoptando dende o Concello para promover a feira do San Martiño”. A unidade didáctica e o material multimedia foron elaborados e coordinados pola edil de Educación, que contou coa colaboración de mestres do CEIP da Ramallosa, do arquiveiro municipal para a labor de documentación histórica e de Carme Hermida, concelleira de Cultura para a supervisión lingüística.

O alcalde de Teo, Martiño Noriega, que acompañou á concelleira na escola de Recesende, destacou que “nestes momentos cómpre imaxinación para con poucos recursos artellar iniciativas con forte impacto, contando ademais coa colaboración desinteresada da comunidade educativa”.

Álvarez Garea destaca ademais que se quere “iniciar unha nova andaina coa publicación de materiais específicos para o aproveitamento didáctico do contorno”. Esto suporá que o San Martiño é o primeiro elemento patrimonial que dispón desta guía pero non será o último. Trátase de fomentar “unha acción educativa concibida como coñecemento e transformación dinámica das tradicións populares, recollendo a súa historia, reconstruíndo as súas vivencias e revitalizando a súa celebración”.

O material que se está entregando xa nos centros escolares teenses componse dunha guía didáctica na que se explican os obxectivos desta iniciativa, os contidos de cada un dos ciclos ós que vai dirixido o cd-rom, as actividades da guía multimedia, ademais de incluír datos sobre a celebración do San Martiño ou a súa contorna.

Pola súa banda, o cd-rom é o máis novidoso, e a peza de máis interese para o alumnado. A través dun sofware libre o alumnado de primaria usará os ordenadores para achegarse a un dos elementos culturais máis tradicionais do seu Concello, a feira do San Martiño. As actividades de cada curso adáptase a cada idade indo dende a iniciación no uso básico do ordenador ata o uso das tecnoloxías da información para informarse sobre aspectos da súa contorna. En cada ciclo o/a neno/a pode achegarse ó Concello, á feira do San Martiño ou ó contorno.

As actividades coas que traballará o alumnado tamén varían de dificultade segundo o ciclo e van dende ordenar frases, facer quebracabezas, emparellar imaxes, arrastar imaxes e textos, facer sopas de letras, respostar preguntas sobre o municipio, buscar a palabra escondida... E todo isto sobre a feira do San Martiño que se celebra todos os 11 de novembro, na carballeira de Francos e a un só clic de rato.

Dende a concellería de Educación búscase con este material fomentar a concienciación da comunidade educativa da riqueza que supón posuír unha cultura do noso, coñecer, valorar e compartir manifestacións artísticas do patrimonio cultural galego, lograr a integración das TIC como medio dinámico de comunicación, ademais de coñecer e pór en valor a feira do San Martiño como unha das principais tradicións do noso Concello.

O Concello de Teo traballa na difusión desta feira. No pleno do mes de setembro aprobouse por unanimidade solicitar que a Xunta de Galicia declare esta festa como festa de interese turístico galego.

Ames – alfabetización dixital

A aula CeMIT do Concello de Ames organiza un curso de alfabetización dixital entre o 15 de novembro e o 22 de decembro

A aula volveu abrir as súas portas despois dun ano no que non se prestou este servizo en Bertamiráns

Ames 3 de novembro de 2011. A Aula da Rede de Centros para a Modernización e Inclusión Tecnolóxica da Xunta de Galicia, Rede CeMIT, do Concello Ames organiza un curso de alfabetización dixital que se desenvolverá entre o 15 de novembro e o 22 de decembro. Esta aula de informática, que depende da Xunta de Galicia, ofrece obradoiros que están dirixidos a veciñanza amiense. A aula CeMIT abriu as súas portas o 2 de novembro despois de que deixara de funcionar durante un período aproximado dun ano. Antes de volver abrir o Concello de Ames desenvolveu un proceso selectivo para a contratación dun axente de tecnoloxías da información e comunicación (Axente TIC). A través deste servizo preténdese que todos os amienses coñezan as nocións básicas da informática e das novas tecnoloxías.

A Rede de Centros para a Modernización e Inclusión Tecnolóxica da Xunta de Galicia, en colaboración co Concello de Ames, e a través da aula de informática da Casa da Cultura de Bertamiráns volve a organizar obradoiros e actividades para que todos os veciños e veciñas amienses poidan manexar as novas tecnoloxías e a informática. AMES - CEMIT BERTAMIRÁNS

Así, durante o mes de novembro e decembro desenvolverase o curso “Alfabetización dixital: Iniciación á informática e internet”, co que se pretende acercar a toda a poboación interesada ás destrezas básicas no uso dun equipo informática. Este obradoiro realizarase entre o 15 de novembro e o 22 de decembro, en horario de tarde, de 19:00 h a 20:30 horas. As clases impartiranse os martes e xoves na Aula CeMIT de Bertamiráns, agás os días 6 e o 8 de decembro por ser festivos. Ofértanse un total de 13 prazas.

A Rede CeMIT da Xunta de Galicia configúrase como o instrumento fundamental para promover a alfabetización dixital da sociedade galega. A Rede CeMIT ten como

obxectivo potenciar actuacións relacionadas co desenvolvemento da actividade económica, empresarial e da implantación dos servizos electrónicos, titorizando a

cidadanía con maiores dificultades e proporcionándolles os medios e ferramentas necesarios para poder formar parte activa da Sociedade da Información.

O prazo de inscrición estará aberto ata o día 14 de novembro. Para inscribirse ou para solicitar máis información sobre esta actividade poden dirixirse ao Aula CeMIT

de Ames sito Praza de Chavián s/n (Casa da Cultura), a través da páxina web http://cemit.xunta.es/, chamar ao teléfono 981884085, ou enviar un correo electrónico

ao enderezo cemit.ames@xunta.es

A Aula de Informática de Bertamiráns tamén ofrece o servizo de Aula Aberta, en horario partido, pola mañá de 9:30 h a 11:30 h e pola tarde de 16:30 h a 20:30 horas.

Esta iniciativa consiste en deixar a aula de informática libre para todas aquelas persoas que queiran usar os computadores, tanto para buscar información como para

calquera outra utilidade, sempre cunha persoa encargada, tanto para resolver as dúbidas que puideran ter o/as usuarios/as como para solucionar as incidencias que

poidan xurdir.

Ordes – inspección técnica de vehiculos en Mesón do Vento

A unidade móbil da inspección técnica de ciclomotores, motos e quads estará o vindeiro día 23 en Mesón do Vento

Asignarase a cita directamente na unidade móbil á súa chegada a Mesón

Ordes, 3 de novembro de 2011: A unidade móbil da inspección técnica de ciclomotores, motos e quads prestará servizo no Campo da Feira do Mesón do Vento o vindeiro 23 de novembro.

Inspeccionaranse ciclomotores de dúas rodas e máis de tres anos de antigüidade e motos e quads de máis de catro anos de antigüidade.

A data na que a unidade móbil estará no Mesón do Vento será o 23 de novembro en horario de 9 a 13:30 horas e de 15:30 a 18 horas.

Asignarase a cita de atención ao público directamente na unidade móbil dende a súa chegada a Mesón.

Santiago – III xornadas galegas de ensino musical

image

Tordoia – mes da corresponsabilidade

TORDOIA INICIA O PRIMEIRO MES DA CORRESPONSABILIDADE CON OBRADOIROS INFANTÍS DIRIXIDOS A FOMENTAR A IGUALDADE

A iniciativa desenvolverase ata o 25 de novembro cun total de sete obradoiros co obxectivo de traballar a corresponsabilidade nos nenos

O programa encádrase no marco do Plan de Igualdade de Mulleres e Homes que o Concello de Tordoia puxo en marcha o ano pasado

3 de novembro de 2011.- Co obxectivo de sensibilizar tanto a pais e nais como ao profesorado e corrixir estereotipos sexistas, o Concello de Tordoia ven de iniciar o I Mes da Corresponsabilidade, centrado na poboación en idade escolar. Durante este mes de novembro, o CIP Pecalama acollerá un total de sete obradoiros diferentes coa finalidade de traballar o incremento da corresponsabilidade no traballo doméstico e coidado dos nenos, no caso dos pais, ao tempo que se fomenta a igualdade dos sexos, no caso dos nenos. Este programa, que se extenderá ata o 25 de novembro, encádrase no marco do Plan de Igualdade de Mulleres e Homes do Concello de Tordoia posto en marcha o ano pasado.

A primeira das actividades, que se desenvolverá hoxe, será o obradoiro “Cambiemos os Contos”, dirixido aos 33 nenos e nenas de menor idade, e no que, a través da estimulación da imaxinación se lles ofrecerá a posibilidade de superar os roles tradicionalmente asumidos por nenos e nenas nos contos infantís clásicos a través de modelos de conduta baseados nos valores igualitarios. Nesta mesma dinámica tamén irán os obradoiros que se desenvolverán ao longo da vindeira semana: “O amo da casa”; “Vaia canción” ou “Qué cantamos”, estarán orientadas a traballar as dinámicas de igualdade en función da idade dos nenos e nenas.

A análise de anuncios de xoguetes, o estudo da linguaxe sexista en colaboración cos pais e nais e co profesorado, a análise dos comportamentos no fogar, ... serán algúns dos piares nos que se apoiarán as actividades que desenvolverá o Concello de Tordoia a través deste completo programa, que conta co apoio da Deputación da Coruña. “Continuamos a traballar na posta en positivo do rol da muller e neste ano centrámonos nas novas xeracións, que teñen a oportunidade de formarse nunha serie de valores de igualdade e de corresponsabilidade que contribuirán a ir derrubando os vellos prexuizos que xiran arredor da muller”, explicou o alcalde de Tordoia, Antonio Pereiro.

Silleda – intervencións da policia local polo temporal

Protección Civil e Policía Local de Silleda realizaron esta mañá varias intervencións por mor do temporal

Silleda, 2 de novembro de 2011. Os efectivos do Grupo Municipal de Intervención Rápida (Grumir) de Silleda, realizaron esta mañá varias saídas a distintos puntos do municipio para participar en intervencións relacionadas co temporal que atravesa na xornada de hoxe a Comunidade galega.

En A Bandeira retiraron unha árbore que caeu preto dunha vivenda e outra no lugar de A Casela (Lamela). Tamén foi preciso realizar intervencións na rúa da Estación de Silleda, onde o forte vento derribou unha valla metálica dunha obra. Ao longo da mañá rexistraronse outras incidencias polo mal tempo, como a retirada de contenedores que foran arrastrados polo vento. Ademais, axentes da Policía Local de Silleda participaron na regulación do tráfico na rúa Trasdeza, onde se rexistraron retencións polas tarefas de retirada das planchas dunha fachada.

O incidente rexistrouse no edificio da citada rúa que fai esquina coa rúa Venezuela, onde foi precisa a intervención dos efectivos do Parque Intercomarcal de Bombeiros de Deza Tabeirós-Montes, que retiraron as placas que ameazaban con desplomarse á beirarúa.

Os efectivos do Grumir seguen atentos ás incidencias nesta xornada, donde se declarou a alerta naranxa en toda a provincia por choiva e fortes refachos de vento.

Fundación Araguaney – valoración festival AMAL 2011

Xurdiu o amor no Festival Amal

- Dous membros do xurado anuncian a súa voda en Amal e casan ao día seguinte da Gala de Clausura

- Máis de 5.000 persoas asistiron ao Festival Amal.

Santiago de Compostela, Mércores 2 de Novembro de 2011.

VODA EN AMAL

Se o Festival Amal caracterízase por ese achegamento das culturas árabe e europea, nesta edición tamén destaca por unir corazóns. Michael Desante, actor, produtor e escritor palestino e Yasmine Ao Massri, actriz franco-palestina, nacida en Beirut, casáronse en Madrid, o día despois da gala de clausura de Amal, onde participaron como membros do xurado desta edición. O embaixador de Palestina en España, Musa Amer Odeh, que tamén estivo estes días en Santiago de Compostela como convidado o Festival Amal, foi o encargado de oficiar a cerimonia en Madrid.

Yasmine Ao Massri é a actriz protagonista da película Miral, dirixida por Julian Schnabel. Tamén fai o papel de Nisrine na película libanesa Caramel dirixida por Nadine Labaki, recoñecida pola crítica no Festival de Cannes de 2007.

Michael Desante deuse a coñecer ao gran público grazas á súa interpretación na galardoada longametraxe “En Terra Hostil”, da directora americana Kathryn Bigelow, que obtivo varios premios entre os cales 6 Oscars da Academia de Cinema Americano. Na actualidade está a producir a súa segunda longametraxe, unha adaptación das novelas de suspense británicas de Matt Rees.

VALORACIÓN DA ORGANIZACIÓN

Clausurada, un ano máis, a IX edición do Festival Internacional de Cinema Euroárabe Amal, a organización quere agradecer a todo o mundo a súa participación en tan importante certame.

Desde o sábado 22 de Outubro, data en que comezaron as actividades (cos talleres de danza e cociña árabes) e até o sábado 29, data na que se clausurou Amal cunha gala no Teatro Principal onde se entregaron os premios a directores e actores, pasaron miles de persoas por Amal. Cinema, música, danza, caligrafía, cociña… todas estas artes uníronse para ofrecer ao público unha semana cargada de cultura.

Todo empezaba a mañá do sábado 22 coa organización dos talleres de danza e cociña. Continuaba o domingo 23 co concerto de Le Trio Joubran no Teatro Principal. O luns comezaban as proxeccións das cintas, que se prolongaban até o venres con sesións pola mañá, tarde e noite. Ademais, o Restaurante Caney acolleu a uns 1.500 comensais que non se quixeron perder as xornadas de cociña árabe.

Entre as proxeccións, as actividades paralelas, o concerto de apertura e a gala de clausura, foron unhas 5.000 persoas as que participaron en Amal. Sen todas elas non sería posible que este Festival levase a cabo. Grazas.

Mancomunidade de Ordes – peche do servizo de axuda no fogar

O RECORTE DA XUNTA DO 89% NO PLAN CONCERTADO PROVOCARÁ O PECHE DO SERVIZO DE AXUDA NO FOGAR QUE PRESTA A MANCOMUNIDADE DE ORDES

O pleno da Mancomunidade solicítalle á Consellería de Traballo e Benestar que incremente a subvención de acordo co recibido nos últimos anos

No caso de que a Xunta non atenda as peticións da Mancomunidade, o servizo deixará de prestarse con data 1 de xaneiro de 2012

2 de novembro de 2011.- “Se a Xunta de Galicia non incrementa a súa parte na cofinanciación dos servizos sociais, cuxa subvención diminuíu nun 89% este ano, o vindeiro 1 de xaneiro a Mancomunidade de Ordes verase obrigada a deixar de prestar o servizo de Axuda no Fogar (prestación básica)”. Así de contundente se amosou esta mañá o presidente da Mancomunidade de Ordes, e alcalde de Ordes, Manuel Regos, durante a celebración dun pleno extraordinario e urxente da Mancomunidade para analizar os recurtes realizados nas axudas da Consellería de Traballo e Benestar para 2011.

Uns recortes que no exercicio de 2011 serán do 89% con respecto ás cantidades recibidas dende o ano 2008. Así, durante os últimos tres anos a Mancomunidade de Municipios de Ordes puido prestar o servizo de Axuda no Fogar grazas a unha subvención de 90.401,74 euros/anuais por parte da Xunta de Galicia e a unha aportación de 53.914,3 euros por parte dos propios concellos. Unha aportación que agora a Consellería de Traballo e Benestar recurtou ata tan só 9.757,05 euros, é dicir, seis veces menos que as propias aportacións que fan os sete concellos da comarca de Ordes.

Petición unánime

Por iso, a unanimidade caracterizou a sesión plenaria extraordinaria e urxente desta mañá en Ordes, na que participaron os alcaldes de Cerceda, Xosé García Liñares; Frades, Miguel Prado Patiño; Mesía, Mariano Iglesias Castro; Ordes, Manuel Regos; Oroso, Manuel Mirás Franqueira; e Trazo, Xosé Dafonte Varela. O alcalde de Tordoia, Antonio Pereiro Liñares, excusou finalmente a súa presenza.

Todos eles aprobaron por unanimidade dirixirse inmediatamente á Consellería de Traballo e Benestar para, apelando á cooperación interadministrativa, tratar de resolver a difícil situación na que se deixa este recurte do 89% das aportacións da Xunta. Así, os alcaldes da comarca de Ordes solicitan un incremento significativo da financiación dos servizos e que non se produza unha nova reducción no ano 2012. Unha petición que trasladarán tamén ao presidente da Xunta de Galicia e ao presidente da Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP).

No caso de que a Consellería de Traballo e Benestar non atenda as xustas peticións da Mancomunidade de Ordes e dos Concellos que a integran, diante do desequilibrio orzamentario ocasionado pola decisión da Xunta, a Mancomunidade de Ordes non podería prestar o servizo de Axuda no Fogar nas condicións actuais. Os alcaldes da Mancomunidade de Ordes lamentan que os recurtes da Xunta deixen ás persoas beneficiarias actualmente deste servizo nunha situación de total vulnerabilidade, xusto nuns tempos nos que se fai máis precisa unha protección social.

De feito, aseguran que, como o anuncio da concesión se levou a cabo tan tardíamente, xerou uns gastos á Mancomunidade que serán imposibles de financiar polos concellos, xa que os seus orzamentos respectivos están practicamente executados na súa totalidade. Por iso, os alcaldes que integran a Mancomunidade de Ordes consideran que esta non é a mellor maneira de fomentar o asociacionismo municipal, tal e como pretenden impulsar dende o Goberno da Xunta de Galicia, xa que se está perxudicando a unha mancomunidade que é a que presta un maior número de servizos en materia de asistencia social básica de entre todas as existentes na actualidade.

Finalmente, lembran que de acordo coa lexislación vixente (tanto no recollido no Estatuto de Autonomía como na Lei 7/1985 reguladora das bases de Réxime Local, entre outras) os concellos non están obrigados a prestar estes servizos, senón que son competencia autonómica, aínda que moitos municipios achegan fondos municipais para poder prestar servizos ás persoas máis necesitadas. Unhas aportacións que se recoñecen como “servizos impropios” municipais.

Servizo de axuda no fogar

A Mancomunidade de Municipios da Comarca de Ordes presta actualmente o servizo de axuda a domicilio a través dunha empresa concesionaria. Un servizo que atende a 64 familias dos municipios de Ordes, Oroso e Frades e que pretende facilitar a permanencia dese veciño/a no seu propio entorno de convivencia mentras iso sexa posible e convinte.

Uns servizos que inclúen atencións de carácter persoal na realización das actividades da vida diaria tales coma asistencia para erguerse e deitarse, apoio no coidado e hixiene persoal, contro do réxime alimentario e axuda para alimentarse (se fose preciso), supervisión das rutinas de administración dos medicamentos prescritos polos médicos, apoios para cambios posturais...

Santiago – Compostela Fashion Night

Setenta e tres tendas participan na primeira Compostela Fashion Night

02/11/2011 A concelleira de Economía, Comercio, Turismo e Mercados, Reyes Leis, presentou no Hostal dos Reis Católicos a primeira Compostela Fashion Night, actividade incluida no programa da Galicia Fashion Week.

A concelleira estivo acompañada do director da Galicia Fashion Week, Jose Matteos, e os representantes das tres asociacións comerciais da cidade, José Antonio López, vicepresidente de Acotés, José Ángel Blanco, xerente de Compostela Monumental, e José María Fernández, presidente de Santiago Centro.
A primeira Compostela Fashion Night celebrarase o venres 4 de novembro, entre as 20.30 e as 24.00 horas. Setenta e tres tendas da cidade abrirán as súas portas ao público neste horario pouco habitual, nunha xornada de compras nocturnas, na que cada establecemento decidiu unha promoción ou actividade específica, que van dende descontos ata degustacións, co obxecto de presentar os seus productos e incentivar as vendas.
A Compostela Fashion Night, patrocinada pola Concellería de Comercion e coa colaboración de Acotés, Compostela Monumental e Santiago Centro, é o xeito de unir a moda galega e o comercio compostelán a través da plataforma de promoción que é a Galicia Fashion Week. Trátase ademais dunha acción que ten coma un obxectivo concreto dinamizar o comercio da cidade, permitindo que teña maior coñecemento entre os propios composteláns e galegos e incentivar as ventas.
A Galicia Fashion Week, que se celebra no Hostal dos Reis Católicos entre o 1 e o 7 de novembro, cun amplo abano de desfiles e exposicións. Pese a súa xuventude, o evento tense consolidado como a plataforma para a presentación das últimas tendencias de autor dos sectores da moda e dos complementos de Galicia. Nesta edición participan 35 deseñadores galegos.
A información coas tendas participantes e a súas accións concretas pode consultarse en:
www.fashionnightsantiagodecompostela.com

Ames – nova seda para a escola de música municipal

A Escola Municipal de Música de Ames estrea sede permanente no edificio de usos múltiples de Aldea Nova

A EMMA, que estaba sen rexistrar, rexistrarase para facilitar así a posibilidade de que reciba subvencións doutras institucións distintas ao Concello

Os pais e nais dos alumnos da EMMA levaban máis de seis anos pedindo ter unha sede fixa e acondicionada para impartir clases de música

A semana pasada remataron as obras de acondicionamento de aulas e hoxe comezan as clases de música no edificio de usos múltiples de Aldea Nova

Ames, 2 de outubro de 2011. O actual goberno local de Ames dotou á Escola Municipal de Música dunha sede fixa e está tramitando o seu rexistro. A EMMA estaba sen rexistrar e non contaba cun local propio polo que ata o de agora non optaba a ningunha subvención doutra institución distinta ao Concello, algo que cambiará coa nova situación da Escola. Dende a Concellería de Cultura fixéronse as xestións necesarias para que a EMMA non dependa de locais alugados que ademais non estaban acondicionados de xeito óptimo para desenvolver esta actividade. AMES - SEDE ESCOLA MUSICA

A ubicación definitiva que elixiron dende o goberno de Santiago Amor é o edificio de usos múltiples de Aldea Nova, que “se escolleu despois de barallar varias propostas, co aval técnico e a recomendación dos profesores e da nova dirección da Escola así coma da gran maioría dos pais e nais que estaban agardando por unha sede definitiva dende hai anos” afirmou o concelleiro de Cultura Alfonso Rey, quen tamén dixo que con esta xestión “os costes de mantemento das instalacións proporcionarán agora un beneficio posto que estas instalacións serán empregadas a diario polo alumnado da Escola Municipal de Música”.

Catro aulas foron acondicionadas previamente ao inicio das clases

O Edificio de usos múltiples de Aldea Nova foi acondicionado para as clases que ata o de agora se estiveron impartindo no IES de Bertamiráns. As principais actuacións que se levaron a cabo nas aulas foi a insonorización do teito e a cobertura das paredes con paneis acústicos. O Concello ademais dotou ás catro aulas que se empregarán para dar clases de diverso material musical que o anterior goberno tiña abandonado nun almacén nos baixos do local do departamento de Educación. Segundo o concelleiro de Cultura, Alfonso Rey, había dous pianos, unha batería, un amplificador, cables para micro, soportes de micros, pes de mesa, cascos e incluso unha mesa de son que estaban sen utilizar, e agora se poñen a disposición da EMMA.

As instalacións que albergarán a Escola Municipal de Música atópanse na urbanización de Aldea Nova, a pouca distancia do núcleo de Bertamiráns e a tan só seis quilómetros do Milladoiro. O edificio de usos múltiples de Aldea Nova estaba ata o de agora “infrautilizado” segundo Alfonso Rey, e é unha “boa opción para reubicar actividades polas que se estaba pagando alugueiros como é o caso da EMMA”.

As clases na Emma comezan esta tarde para arredor de 140 rapaces e rapazas que empregarán as instalacións de Aldea Nova. Os luns a partir das seis e media impártense na sede da EMMA en Aldea Nova clases de piano e pintura, os mércores ás catro da tarde hai clases de saxofón, percusión e canto; e ás catro e media impártese música en movemento. O xoves ás catro e media hai clases de violín, guitarra, linguaxe musical, e piano. E os venres impartirase ás catro da tarde piano, e a partir das catro e media música en movemento.

Oroso – pleno municipal actualización de tasas

O PLENO DO CONCELLO DE OROSO APROBARÁ HOXE XOVES UNHA ACTUALIZACIÓN DAS TAXAS DE SUMIDOIROS E AUGA POTABLE DE ACORDO CO IPC

O pleno tamén debaterá unha proposta da Alcaldía para solicitar a revisión das subvencións da Xunta aos servizos de Axuda no Fogar

2 de novembro de 2011.- O Concello de Oroso celebrará mañá xoves 3 de novembro, ás 12:00 horas, unha sesión extraordinaria na que se proporán unhas actualizacións das taxas de sumidoiros e de abastecemento de auga potable de acordo co IPC interanual e na que se tomará un posicionamento sobre a diminución das subvencións do Plan Concertado para servizos sociais concedido pola Xunta de Galicia.

O pleno municipal aprobará unhas modificacións das ordenanzas fiscais reguladoras das taxas polos servizos de sumidoiros e abastecemento de auga potable, que se actualizarán nun 3,1% de acordo co IPC interanual publicado polo INE a data 31 de outubro. Unhas modificacións que se realizan co fin de manter o equilibrio económico-financeiro do servizo.

Deste xeito, as tarifas polo servizo de abastecemento de auga para aboados domésticos quedarán fixadas en 0,362587974 €/m3 (para consumos de 0 a 10 m3/mes) e de 0,457005326 €/m3 (para consumos superiores). No caso dos aboados industriais, as tarifas serán de 0,362587974 €/m3 (para consumos de 0 a 10 m3/mes) e de 0,533172879 €/mes (para consumos superiores). Unhas tarifas que entrarán en vigor o 1 de xaneiro de 2012.

No caso da taxa polo servizo de sumidoiros e depuración, os aboados só ao servizo de saneamento deberán aboar unha cota trimestral de 9,50510247 €/m3. No caso da limpeza de fosas sépticas, a taxa será de 38,0204098 € por limpeza. Finalmente, no caso dos aboados domésticos ao servizo de auga, as tarifas serán de 0,31658328 €/m3 (para consumos de 0 a 10 m3) e de 0,39896083 €/m3 (para consumos superiores). Finalmente, no caso dos aboados industriais ao servizo de auga, as tarifas serán de 0,31658328 €/m3 (para consumos de 0 a 10 m3) e de 0,46613024 €/m3 (para consumos superiores).

Servizos sociais

Por último, o pleno municipal debaterá unha proposta da Alcaldía para instar á Xunta de Galicia a que incremente as partidas destinadas ao cofinanciamento da prestación de servizos sociais pola Mancomunidade de Municipios de Ordes en concepto de Axuda no Fogar (prestación básica) e Axuda no Fogar a Dependentes de acordo coas cantidades recibidas dende o ano 2008. Ademais, solicitarán que nos orzamentos de 2012 non se volva a experimentar unha nova reducción das subvencións aos servizos sociais.

O pleno desenvolverase de acordo coa seguinte orde do día:

1- Ratificación da urxencia da convocatoria

2- Modificación da ordenanza fiscal reguladora da taxa polo servizo de sumidoiros

3- Modificación da ordenanza fiscal reguladora da taxa polo abastecemento de auga potable

4- Posicionamento do Concello de Oroso sobre a diminución da subvención do Plan Concertado para servizos sociais concedido pola Xunta de Galicia

Ames – mostra de teatro afeccionado

Este venres comeza a V Mostra de Teatro Afeccionado de Ames

Un ano máis, e xa van cinco, o Concello de Ames organiza unha mostra de teatro afeccionado. Este festival xa se está convertendo nunha referencia para todos os grupos de teatro afeccionado da comarca e de parte de Galicia e pouco a pouco vai espertando o interese de todas as persoas que gozan vendo este tipo de espectáculos. Esta mostra permite que todos os grupos que actúan sen ánimo de lucro poidan dispoñer dun escenario para representar as obras que preparan con tanto interese e esforzo. Ademais esta mostra sérvelle de promoción e axuda para darse a coñecer. Os auditorios das Casas da Cultura de Bertamiráns e do Milladoiro acollerán catro obras de teatro durante todo o mes de novembro.AMES - MOSTRA TEATRO 2011

A quinta edición da mostra de teatro afeccionado comeza este venres, 4 de novembro, e desenvolverase ao longo de todo o mes de novembro. Este ano, participarán catro grupos de teatro dos municipios de Ames, Vedra, Narón e Muros, que contarán cos auditorios das Casas de Cultura de Bertamiráns e do Milladoiro para poder desenvolver as súas representacións. Deste xeito, a mostra de teatro afeccionado organizada pola Concellería de Cultura, Educación e Patrimonio bota a andar un ano máis demostrando así o compromiso do Concello co desenvolvemento de actividades culturais de marcado carácter participativo.

A través deste pequeno festival a Concellaría de Cultura pretende promocionar, dar a coñecer e darlles aos grupos de teatro afeccionado un escenario onde poidan expresarse e representar as súas pezas teatrais. Ao mesmo tempo achégase aos amienses espectáculos que están fóra dos circuítos comerciais pero que teñen un gran interese.
Os encargados de abrir a mostra serán os integrantes do grupo municipal de teatro de Vedra. A compañía Andaravía teatro que interpretará a peza teatral A cantante calva. A sinopse da obra di “Londres... son as nove. Un tren sae ás oito e cuarto e chega ás cinco. Mentres, unha cobra zóscalle a un raposo e o defunto Bobby Watson le o xornal despois de beber augardente e leite co vicario de Wakefield...” A cita teatral terá lugar este venres, 4 de novembro, ás 21:00 horas na Casa da Cultura de Bertamiráns. Esta obra está dirixida a todos os públicos e ten unha duración de 60 minutos.

Grupo municipal de teatro de Ames
Na segunda xornada da mostra de teatro afeccionado, que se celebrará o vindeiro 11 de novembro, os protagonistas serán os membros do grupo municipal de teatro de Ames. O auditorio da Casa da Cultura de Bertamiráns acolle o venres 11 de novembro, ás 21:00 horas, a última montaxe do grupo municipal de teatro de Ames. O porvir está nos ovos é o nome da última peza que preparou este grupo de teatro afeccionado, que naceu hai oito anos en forma dun obradoiro de interpretación.

Despois de representar a obra do italiano Goldoni, indagar no absurdo da man do alemán Karl Valentín, atreverse con "Nunca nada de ninguén" da autora portuguesa Luísa Costa Gomes, agora o grupo municipal de teatro representa O porvir está nos ovos, de Eugéne Ionesco. Esta peza teatral está dirixida por Mónica Camaño. O vestiario e a escenografía correu a cargo dos propios actores e o deseño de iluminación ten a firma de Ze Paredes quen xa preparou as tres últimas montaxes do grupo.

O venres 18 de novembro, ás 21:00 horas, será a quenda para o grupo Carrachanacacha procedente de Narón, que porá en escena a obra Comendo pementos de Padrón con Tarantino. Trátase dunha comedia surrealista chea de humor e de sátira na que os protagonistas desenvolven varias historias cos seus desexos e anhelos máis íntimos. Esta comedia narra a singular vida de dúas mulleres, nai e filla, cos seus encontros e desencontros na peculiar escalada da filla ata a fama en todo o mundo. A representación terá lugar no auditorio da Casa de Cultura do Milladoiro a partir das 21:00 horas. Esta obra de teatro está recomendada para persoas maiores de 14 anos e ten unha duración de 85 minutos.

A V Mostra de teatro afeccionado pecharase o venres 25 de novembro, ás 21:00 horas, na Casa da Cultura do Milladoiro coa actuación da Escola de Teatro Municipal de Muros, que representará a peza Ceg@s. A sinopse desta obra di “en realidade era un día como outro calquera, rostros amargos, outros alegres, uns indiferentes, outros educados... O de sempre, a rutina de todos os días naquela praza da vila. Pero hoxe todo se parou, todo se transformou, a mirada daquela muller xa nunca lle esquecería a ninguén dos presentes. Desde aquel día xa non somos tan ceg@s”. Esta obra tamén se encadra dentro dos actos do día internacional para a eliminación da violencia contra as mulleres. A peza está recomendada para persoas maiores de 13 anos e ten unha duración de 70 minutos.

Todos os espectáculos terán lugar nas Casas da Cultura de Bertamiráns e do Milladoiro. A entrada é de balde para os catro espectáculos. Catro días cheos de citas teatrais para rir, divertirse e pasalo ben.

Santiago – presentación de libro sobre as parroquias

A Casa das Asociacións acolle a presentación de tres libros sobre as parroquias de Enfesta, Sabugueira e Fecha

A cita será o venres 4 de novembro ás 20.30 horas e contará coa presenza do alcalde compostelán, Xerardo Conde Roa, e do concelleiro de Participación Cidadá, Francisco Noya.

A Casa das Asociacións de Cornes acollerá a presentación este venres de tres libros sobre outras tantas parroquias compostelás. O primeiro deles, “Historia do Concello de Enfesta”, céntrase na evolución desta zona, que se mantivo como municipio entre 1835 e 1962 e é obra de Henrique Neira Pereira e Juan Lema Negrillo.

Henrique Neira tamén asina outro dos volumes: “San Paio de Sabugueira. A parroquia compostelá de Lavacolla”. Finalmente, tamén se presenta “Santa Cristina de Fecha”, de Manuel Pontes García.

O acto celébrase a iniciativa da asociación de veciños “Ruta Jacobea” e todos os que asistan serán agasallados cun facsímil do antigo mapa municipal de Enfesta.

Santiago – axenda 3 de outubro 2011

Xoves 3

10.45 h

No Multiúsos Fontes do Sar, o alcalde compostelán, Xerardo Conde Roa, inaugura e visita a I Feira Internacional de Emprego, xunto coa concelleira de Familia, Benestar Social, Muller e Emprego, Paula Prado del Río, e a directora xeral de Formación e Colocación da Consellería de Traballo e Benestar Social da Xunta de Galicia, Ana María Díaz López.

11.30 h

Na Casa do Concello, ROLDA DE PRENSA do concelleiro de Educación, Ángel Currás, sobre Nadalxogo.

12.00 h

Na Casa do Concello, ROLDA DE PRENSA do concelleiro de Participación Cidadá, Francisco Noya, do concelleiro de Xuventude, Adrián Varela, e do director xeral de Xuventude da Xunta, Ovidio Rodeiro, para presentar o programa “Outono Fotográfico”.

19.00 h

No Centro Sociocultural do Castiñeiriño, ROLDA DE PRENSA dos concelleiros de Participación Cidadá, Francisco Noya, e de Deportes, Adrián Varela, para presentar o Programa Pedalea que organizan conxuntamente co Club Ciclista Aquagest.

Silleda – recollida plásticos usados

Mañá comeza a recollida de plásticos agrícolas en varias parroquias de Silleda

-A segunda campaña de 2011 supón todo un éxito con preto de 80 solicitudes recibidas

Silleda, 1 de novembro de 2011. O programa de recollida e reciclaxe de plásticos segue a despertar o interese entre os gandeiros e agricultores do municipio de Silleda. Na segunda campaña de 2011, posta en marcha hai escasas semanas recibíronse preto de 80 avisos para recollida en distintas zonas do territorio municipal, superando as cifras da primeira quenda. O proceso para a retirada de plásticos agrícolas e de invernadoiro comeza mañá mércores día 2 e continuará os días 3, 4 7 e 8 deste mes nas parroquias de Vilar, Taboada, Siador, Cortegada, Oleiros, Laro, Parada e Refoxos.

O calendario de recollida estableceuse con percorridos por zonas en función dos avisos recibidos. Así, nunha segunda quenda, os días 9, 10 e 11 o transporte de recollida achegarase ata as parroquias de Escuadro, Rellas, Margaride, Fiestas, Graba e Xestoso para continuar co proceso.

Para facilitar as tarefas de recollida os gandeiros e agricultores que solicitan este servizo, sen custes para os usuarios, deben de dobrar e empacar os materiais da mellor forma. Ademais, os plásticos deben de ter a menor suciedade posible, procedente de terra, herba ou materia orgánica. Tamén deben de situarse nun lugar que facilite a operación de carga por parte do camión que efectúe a recollida.

O servizo ofertado dende a Concellería de Medio Rural, que dirixe Antonio Couso, púxose en marcha en Silleda no ano 2008 e dende aquela foron xa máis de 148 as toneladas recollidas que puideron ser recicladas grazas a esta iniciativa.

BNG A Estrada – implantación e-administración

O Alcalde utiliza unha cortina de fume para eludir a súa responsabilidade e a do PP na adxudicación e implantación da e-Administración
O BNG si se preocupou pola implantación da e-Administración ao longo destes cinco anos, cousa que non se pode dicir nin do PP nin do PSOE, quen non só presidía a Fundación, senón que tiña todas as competencias no eido das novas tecnoloxías no mandato 2007-2011

A Estrada, 1 de novembro de 2011: Logo das declaracións feitas por Xosé Magariños a respecto da administración electrónica, o Alcalde da Estrada, na vez de asumir responsabilidades verteu unha serie de acusacións, cal cortina de fume, ás que o portavoz municipal non quixo deixar de responder.
“En primeiro lugar,” empezou dicindo Magariños “cómpre lembrarlle dúas cuestións ao alcalde: que o BNG non entrou a formar parte do goberno municipal até outubro de 2007 e que dentro das áreas da súa competencia non se atopaban as novas tecnoloxías, como moi ben sabe o alcalde”.
“En segundo lugar,” engadiu o portavoz municipal do BNG, “a e-Administración foi adxudicada polo Partido Popular o 30 de novembro de 2006 (hai cinco anos) á empresa Coremain de Santiago de Compostela, cun custe de 129.000 euros, e cun prazo de execución máximo, segundo se desprendía dos pregos técnico e administrativo, de 8 meses”.
“En terceiro lugar”, explicou o concelleiro nacionalista “o noso representante na Fundación Cultural, Xosé Manuel Baños, preguntou en múltiples ocasións pola implantación da e-Administración, mesmo con declaracións públicas aos medios, cousa da que o Alcalde debería saber, porque non só figura nas actas da Fundación da que o Sr. López Campos tamén formaba parte representando ao Partido Popular.” “E por certo,” matizou Xosé Magariños, “en todo ese período ao agora alcalde non lle interesou o máis mínimo nin a e-Administración nin a situación do portal municipal, que custou 247.000 euros e que foi substituído en 2010”.
“E en cuarto lugar,” engadiu o portavoz do BNG, “en relación á suposta fractura interna, xa lle dixen no último pleno que eu respaldo o traballo feito polos meus compañeiros no anterior mandato.” E engadiu “eu non fago como Vostede que espalla unha cortina de fume para tapar a súa incompetencia e a súa responsabilidade a respecto da e-Administración, que, repito, foi adxudicada polo PP en novembro de 2006 e ao PP lle correspondía poñela en marcha, xa que tiña un prazo de execución de 8 meses.”
“Por outra banda,” matizou o concelleiro nacionalista, “como ben sabe, xa que así figura nas actas da Fundación, o BNG si se preocupou pola implantación da e-Administración ao longo destes cinco anos, cousa que non se pode dicir nin do PP nin do PSOE, quen non só presidía a Fundación, senón que tiña todas as competencias no eido das novas tecnoloxías no mandato 2007-2011.”
“En todo caso, declarou Magariños, pídolle un pouco de seriedade e responsabilidade ao Alcalde, que preside agora a Fundación Cultural, que foi quen realizou as contratacións, e conta con persoal propio encargado do seguimento destas, e a quen se lle deben pedir tamén responsabilidades. Non se pode gastar un euro máis até saber porqué non está en funcionamento a e-administración no noso concello contratado e pagado en 2006."

Galería Caroni – inauguración de “Miradas· de Rudy Daini


A Galería Caroní inaugura “Miradas”, exposición do pintor venezolano Rudy Daini
DATA: Xoves 3 de Novembro de 2011
HORA: 20,00 horas
LUGAR: Galería Caroní da Fundación Araguaney, Rúa do Vilar 21. Santiago de Compostela
Santiago de Compostela, Luns 31 de Outubro de 2011. Unha exposición cuxos protagonistas son os ollos, inaugúrase este xoves día 3 de Novembro na Galería Caroní da Fundación Araguaney. “Miradas” é unha recompilación de 20 obras de gran colorido onde o eixo central sobre o que viran é o ollo humano. E é que o tema recorrente das obras de Daini son os ollos. “Ollos que observan, que reaccionan, que nos contan historias e inquiétannos. Miradas que fan parte de personaxes imaxinarios e simples, capaces de pornos en contacto cos nosos propios recordos e vivencias. Ollos con vida propia que reflicten existencias alleas capaces de inquietar a nosa”. GALERIA CARONI - MIRADAS DE RUDY DAINI
SOBRE RUDY DAINI
De orixe italiana, naceu en Caracas, Venezuela, o 21 de Xuño de 1951.
O seu pai, o escultor Hugo Daini, realizador de importantes obras monumentais e pequeno formato, sempre tivo o seu atelier e fundición artística adxacente á vivenda. Este feito, ao dicir do artista, permite que el e dúas irmás poidan vivir e desenvolverse no mundo da arte desde moi temperá idade. No seu caso, o pai ensínalle a debuxar, a modelar o barro e o traballo da fundición en bronce.
Un amigo e veciño do pai, o pintor español Lucio Rivas, encárgase de introducilo no oficio da pintura.
En 1969 participa na súa primeira exposición colectiva de esculturas en bronce de pequeno formato. En 1972, faio nunha mostra colectiva de pinturas.
En 1970 ten a ocasión de incursionar no mundo da escenografía no Caracas Theater Club de Caracas. En 1971 inicia os seus estudos de Arquitectura e en 1974 pasa a estudar a carreira de psicoloxía. En 1975 realiza algúns traballos en ourivaría e publica o seu primeiro libro de caricaturas “Onde estás ti”.
En 1976 morre o seu pai e faise cargo da fundición artística. A súa segunda publicación “Rejas” chega en 1981, cando deixa de traballar para o Ministerio de Xustiza de Venezuela na área penal. O terceiro libro, “O corazón roto”, aparece en 1987.
En 1990 encárganlle a restauración das esculturas e fontes do Paseo dos Próceres realizadas polo pai en 1957. En 1996 elabora por encargo o busto en bronce de Giuseppe Garibaldi. En 1995 e 1999 participa no Ankara International Cartoon Festival, Turquía. Nesta última data, colabora como caricaturista para a revista da empresa TOTAL.
En New York, 1998, ten a súa primeira mostra colectiva de pinturas. Séguenlle a de 2001, 2002, 2003 en Caracas, Venezuela, e no 2008 na Coruña, España.
En España, país de residencia actual, dúas exposicións individuais, unha no 2006 e a outra no 2008, xunto ao nacemento do seu fillo Fabio no 2009, márcanlle o inicio dunha nova etapa creativa.
Participa en diferentes feiras de arte internacionais nos Estados Unidos de América e en Europa ao longo dos anos 1999, 2000 e 2001. Nalgunhas destas feiras, á cabeza do “Grupo Venezuela”, proponse facilitarlle a un grupo de artistas venezolanos a súa promoción no mercado de arte estranxeira.
Entre os anos 2003 e 2006 realiza unha serie de vídeos institucionais e de corte cultural. Destes últimos, figura: “Frida Kahlo - Una visión - 55 artistas”.
Na actualidade traballa en Santiago de Compostela, España.