AMES - MES DA MUSICA ESCOLA INFANTIL O BOSQUE


A escola infantil O Bosque celebra o mes da música
A música será o tema central arredor do que xirarán as actividades deste mes na Escola Municipal Infantil O Bosque de Bertamiráns. Os nenos e nenas participarán en obradoiros semanais sobre diversos estilos de música. Ademais, pais e nais dos cativos toman parte tamén na iniciativa achegándose á escola a tocar instrumentos. A finais de mes a escola acollerá unha exposición sobre a actividade.
A Escola Municipal Infantil O Bosque de Bertamiráns adica este mes de marzo a amosar aos nenos e nenas do centro o apaixonante mundo da música por medio de varias iniciativas. Cada semana os cativos traballarán un estilo diferente en obradoiros nos que toman parte activa. Nestas actividades trátanse estilos como a música tradicional de Galicia, o pop, a música clásica ou as cancións infantís. Nos obradoiros escóitanse mostras deste tipo de música, aprendendo despois os rapaces algunha canción ou melodía representativa. Tamén se fabrican instrumentos con material de refugallo que estean ligados ao estilo en cuestión. Como exemplo, unhas maracas elaboradas con vasos de plástico cheos de garavanzos e decorados con diversas pinturas e adhesivos de cores vistosos.
A iniciativa deste mes musical require tamén da colaboración de pais e nais. Estes están convidados con tempo para tomar parte activa na iniciativa. A resposta está a ser boa, e algúns están achegándose a escola infantil municipal do Bosque para tocar diversos instrumentos como son o saxo, a guitarra, a pandeireta, a gaita, o teclado ou o pandeiro.
Moitos pais e nais apuntáronse con ganas de ir tocarlle algunhas pezas aos fillos, demostrando unha boa disposición a participar nesta iniciativa, mais para algúns deles foi bastante dificultoso acudir debido a que foi imposible adaptar o seu horario laboral ao da escola infantil ou establecer outro tipo de horario que lles permitise participar, polo que, non houbo dificultades para atopar pais e nais que tocasen algún tipo de instrumento dispostos a acudir ao chamamento das mestras, pero si para poder garantir a súa asistencia.
A pesares destes problemas, finalmente atopáronse a un bo grupo de instrumentistas que fixeron as delicias dos cativos que ademais de gozar da música, ficaron abraiados ao ver aos seus proxenitores fabricando música, polo que, segundo nos indican dende a escola, permaneceron moi quietos, calados e atentos ás interpretacións paternas e maternas.
Abraiados tamén quedaron os pais e nais que participaron ao ver aos seus cativos e cativas tan tranquilos e ben centrados en escoitar as pezas. Poderiamos dicir que, de primeira man, comprobaron a veracidade da afirmación “a música amansa ás feras”. E non é por chamarlles feras aos rapaces e rapazas do Bosque, pero como pequechos que son, e como todos cando fomos pequechos, algo inquedos e hiperactivos si que son: !Cativos/as si, pero revoltosos/as coma ninguén! Os pais e nais, ao rematar estas actuacións, daráselles un diploma que os acredita coma mellores intérpretes e levan para casa unha foto da actuación.
Este mércores acudiu ao centro de educación infantil unha parella. Ela cantou cancións infantís -o xénero ao que se lle adicaba esta semana- e o pai puxo as súas mans ás ordes do teclado co que aportou o fondo musical das cancións.
Na vindeira semana o xénero musical escollido será a música tradicional galega, polo que un grupo de pais e nais acudirá ao centro e interpretará diversas pezas armados cunha gaita, unha guitarra, unha pandeireta e un bombo. Para a seguinte, a protagonista será a música pop, polo que acudirán ao centro infantil dous intérpretes de guitarra e gaita que tocarán varias melodías coas que mostrarán aos cativos e cativas o que é a música pop.
A finais de mes exporanse na propia escola fotos das actuacións e os instrumentos elaborados polos nenos e nenas e as profesoras. Con esta iniciativa os cativos de Bertamiráns aprenderán a apreciar a música e a coñecer de primeira man a súa profunda e rica diversidade de estilos. Todo, como non podía ser doutro xeito sendo nenos e nenas, da forma máis lúdica e divertida posíbel.
Así pois, aos cativos e cativas do Bosque aínda lles quedan un par de semanas coas que gozar da música coas persoas que máis queren e que máis os queren: os seus pais e nais.


OROSO - HOMENAXE A JUANITO


O CONCELLO RECOÑECE A TRAXECTORIA DO FUTBOLISTA JUANITO AMIGO FERREIRO DÁNDOLLE O SEU NOME AO COMPLEXO DEPORTIVO DE SIGÜEIRO  

O acto será mañá venres 18 de marzo, ás 19:30 horas, cun amigable entre a selección de fútbol sala de Oroso e os xuvenís do Lobelle

17 de marzo de 2011.- O Concello de Oroso recoñecerá a traxectoria do futbolista Juan Luis Amigo Ferreiro “Juanito” poñéndolle o seu nome ao complexo deportivo de Sigüeiro, integrado polo pavillón polideportivo recentemente remozado, o novo centro deportivo, e o campo de fútbol municipal. Os actos terán lugar este venres 18 de marzo pola tarde, a partir das 19:30 horas.

Esta homenaxe incluirá un encontro amigable de fútbol sala entre a selección de Oroso e a división nacional de xuvenís do Lobelle FS. Durante o descanso deste encontro, celebrarase o Gran Premio da “Supercanastra”, que se concede coa colaboración de Deportes Capitán. Para participar admítense vinte inscricións, que se poden facer entre as 10 e as 14 horas no teléfono 981 927 901.

TORDOIA - NOVA SENDA PEONIL


O CASTIÑEIRO CONTARÁ CUNHA SENDA PEONIL DE CASE 400 METROS A CARGO DA MEDIO AMBIENTE

O novo proxecto correrá a cargo da Consellería de Medio Ambiente, que sufragará os máis de 53.000 euros do custe da obra


17 de marzo 2011.- O alcalde de Tordoia, Antonio Pereiro, anunciou hoxe que o concello contará cunha nova senda peonil que se situará no Castiñeiro, na marxe esquerda da AC 400 Sigrás-Muros. Cun investimento de 53.577 euros que serán sufragados na súa totalidade pola Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas a nova infraestrutura permitirá mellorar a seguridade vial nesta zona, segundo explicou o rexedor tordoiés.

Antonio Pereiro amosou gran satisfacción de poder contar cunha nova senda peonil, que se unirá así a que se executará en Cabaleiros, a cargo da Deputación da Coruña e cuxo anuncio se fixo público esta semana. No caso deste vial no Castiñeiro a extensión prevista é de 365 metros que se dividirán en dous treitos. O primeiro, de 240 metros, estará en el vial de Sigras a Muros, estrada provincial AC 400, mentres que o restante treito, de 125 metros, siturase entre os puntos quilométricos 31.290 e 31.530, sempre na marxe esquerda do vial.

Segundo explicou o rexedor, a senda peonil terá un ancho de dous metros, con vinte centímetros de balastro de machucamenteo e quince de formigón. Previamente a execución da cobertura, o proxecto inclúe a canalización de tubería de PVC de diámetro cos correpondentes pozos de rexistro con sumideiro para a recollida de augas pluviais.

Desde o Concello de Tordoia agárdase que a execución destas obras se poida abordar á maior brevidade posible, xa que se trata de traballos “que contribúen de xeito notable á mellora das infraestruturas viarias deste concello, favorecendo a circulación segura de vehículos e peóns en mellores condicións de seguridade”, explicou Pereiro Liñares.

AMES - PARCELA NOVO CEIP MILLADOIRO


O Concello de Ames encargou a proposta para realizar unha modificación puntual no PXOM co fin de cambiar a cualificación da parcela que albergará o novo CEIP do Milladoiro
Ante o compromiso mostrado pola Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, para construír un novo centro de educación infantil e primaria no Milladoiro, o Concello de Ames está traballando co obxectivo de cederlle unha parcela á Xunta de Galicia que conte cunha superficie mínima de 12.150 metros cadrados. O alcalde de Ames, Carlos Fernández, contratou hoxe os traballos para realizar unha modificación no Plan Xeral de Ordenación Municipal co fin de cambiar a cualificación da parcela que está destinada á construción do novo colexio no Milladoiro. O pasado mes de xaneiro, o Concello ofertoulle á Consellería unha parcela de 16.765 metros cadrados. Porén, segundo o Plan Xeral de Ordenación Municipal amiense, esta parcela está cualificada como solo rústico apto para urbanizar, polo que é preciso realizar unha modificación puntual no PXOM. Despois de que a Xunta de Galicia dese o visto bo a esta parcela agora o Concello encargoulle á empresa Oficina de Planeamento SA que elabore a documentación que é necesaria para cambiar a cualificación da devandita parcela.
O Concello de Ames conta na actualidade con dez centros escolares públicos que cobren todo o espectro de idades de escolarización obrigatoria e pos-obrigatoria, é dicir, entre os 3 e os 17 anos. Ademais existen dous centros de educación de 0 a 3 anos de titularidade municipal, unha localizada no núcleo de Bertamiráns e outra no do Milladoiro, que ofertan en conxunto 215 prazas, e unha gardería pertencente a rede da Galiña Azul da Xunta de Galicia, que está situada na rúa Figueiras, no Milladoiro.
Respecto do tramo de idade que comprende o ensino obrigatorio existen actualmente 10 centro escolares, que atenden o segundo ciclo de educación infantil, os 6 ciclos de educación primaria, a ensinanza secundaria obrigatoria e o bacharelato. No seu conxunto atenden na actualidade a 2.420 alumnos. Proximamente será executado un novo instituto de ensinanza secundaria no Milladoiro que contará con ensinanza secundaria obrigatoria e tres liñas de bacharelato. En total, o Concello de Ames ofrece 712 prazas de educación infantil, 1.146 prazas de educación primaria, 427 de ensinanza obrigatoria e 135 prazas de bacharelato.
Segundo figura no estudo demográfico -mapa escolar- realizado polo Concello de Ames a poboación en idade escolar vai seguir medrando nos vindeiros anos polo que é preciso dispor de máis centros educativos en Ames. Para paliar o déficit de dotacións escolares existentes no municipio a Consellería de Educación Universitaria contempla a execución dun novo CEIP no Milladoiro. Neste senso o Concello de Ames está traballando para poñer a disposición do goberno autonómico os terreos necesarios para a construción deste novo equipamento.
Para a execución deste novo colexio a Xunta de Galicia pediulle ao Concello unha parcela que debe dispor de polo menos 12.150 metros cadrados. Debido a que non existe no Plan Xeral de reservas dotacionais axeitada para este equipamento, analizadas as diferentes alternativas considerase necesario impulsar unha modificación puntual no Plan Xeral de Ordenación municipal para poder construír esta infraestrutura no lugar de Cotón (O Milladoiro), que linda co núcleo urbano.
O goberno municipal atopouse co problema de que no núcleo do Milladoiro hai moi poucas parcelas que se poidan dedicar a equipamento públicos. O planeamento urbanístico realizado polo anterior goberno limitou a posibilidade de que o Concello obtivera terreos coa superficie necesaria para equipamentos públicos, que demandan parcelas de grandes dimensións, nos diversos sectores urbanísticos que se foron desenvolvendo, polo que resulta necesario facer unha modificación puntual do PXOM para obter nunha mesma parcela os 12150 metros cadrados que demanda a Xunta de Galicia.
Para poder atopar unha parcela axeitada as características que solicitaba a Xunta de Galicia o Concello de Ames encargoulle un estudo a empresa Oficina de Planeamento SA en decembro de 2010.
Posteriormente, o pasado 21 de xaneiro, o alcalde de Ames, Carlos Fernández, presentoulle ao secretario xeral da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria unha proposta municipal sobre a implantación dun novo CEIP no Milladoiro. A parcela proposta para a implantación do novo CEIP do Milladoiro dispón dunha superficie de 16.765 metros cadrados e está situada nuns terreos que están situados nas inmediacións ao núcleo urbano do Milladoiro (situado a 120 metros do solo urbano clasificado) e colindantes co solo urbanizable do sector S-16 Galdrachán, con Plan Parcial aprobado definitivamente e en execución. O acceso á parcela realizarase non soamente a través da estrada do Milladoiro a Laraño (CP-0206), senón que se vería complementado co acceso a través do camiño de Millalar a Ventín (ao sur da parcela) e coa conformación dun novo acceso que una as anteriores dando continuidade aos viario principal do solo urbanizable en desenvolvemento.
Dos 16.765 metros cadrados totais, 13.800 refírense á superficie neta da parcela dotacional e 2.965 a superficie destinada a ampliación do viario existente, novos accesos e aparcamento. Deste xeito cúmprese os requisitos demandados pola Consellería de Educación sobre a superficie e características que deben cumprir os terreos destinados á implantación da nova dotación escolar. Ademais esta finca atópase a unha distancia de 120 metros de solo urbano clasificado e colindante co solo urbanizable S-16 Galdrachán.
Dada a cualificación urbanística que presentan os terreos nos que se prevé a localización do novo centro de ensino, a modificación puntual do Plan Xeral de Ordenación Municipal, terá por obxecto acomodar a cualificación e, de ser o caso, a clasificación do solo necesario para dar acollida á nova dotación escolar. No prazo aproximado de dous meses esta empresa comprometese a ter todo a documentación necesaria para poder seguir coa tramitación administrativa e cambiar a cualificación da devandita parcela.
Ampliación do parque empresarial
Ademais, esta mesma empresa realizou un estudo para buscar alternativas para a delimitación dun ámbito de reserva de solo empresarial no municipio de Ames. Neste momento no municipio de Ames está practicamente esgotada a capacidade de acollida do parque industrial e empresarial do Milladoiro. Co obxecto de dar cabida a distintas posibilidades para a implantación de novas áreas de actividade de carácter industrial e empresarial cómpre as áreas do termo municipal máis axeitadas para albergalas, así como definir as condicións deste tipo de áreas, tanto no que se refire á súa dimensión, como ás condicións necesarias para o seu desenvolvemento.
Para iso terase en conta as posibilidades de desenvolvemento total ou parcial da área prevista no Plan Xeral de Ordenación Municipal para estes usos, constituída polo sector de solo urbanizable S-22 de Portanxil- Pegariños. Ademais avaliáronse outras alternativas atendendo ás condicións topográficas e paisaxísticas, ás posibilidades de interacción ambiental, e aos condicionamentos dos usos existentes e a realidade catastral. Para a avaliación de localización das distintas áreas en relación á proximidade as infraestruturas de comunicacións e á existencia ou necesidade de execución de infraestruturas de servizos básicos (abastecemento de auga, saneamento, enerxía eléctrica, gasística, e telecomunicacións) e conexións exteriores coas existentes.
Parque ambiental e deportivo do Milladoiro
Por outra banda estase realizando outro estudo para modificar o plan xeral de ordenación municipal e a redacción do plan especial de ordenación do parque ambiental e deportivo do Milladoiro. O PXOM delimita unha importante reserva de solo rústico de protección de infraestruturas nas proximidades o núcleo urbano do Milladoiro, concibida como unha reserva viaria para a implantación dunha futura variable da estrada nacional 550, que acompañe o trazado da autoestrada A Coruña-Vigo (AP-9)
Toda vez que o Ministerio de Fomento está nestes momentos estudando a conformación dos corredores viarios para a implantación dunha variante de trazado da N-550 entre Sigüeiro e Padrón (estudos nos que se consideran inicialmente alternativas de máis longo alcance que as contempladas no PXOM) ábrese a porta á posibilidade de acoutar a magnitude da reserva prevista, destinando parte do solo inicialmente delimitado no Plan Xeral para albergar outros usos dotacionais.
O obxecto da modificación do Plan Xeral de Ordenación Municipal e a redacción do Plan Especial de Ordenación do Parque Ambiental e Deportivo do Milladoiro, vai dirixido a acometer as actuación administrativas necesarias para reaxutar o planeamento municipal coa redacción dunha modificación puntual no PXOM no ámbito do solo rústico de protección de infraestruturas atendendo ao previsto na LOUGA, co obxecto de que sobre dito ámbito poidan localizarse outros usos complementarios da infraestrutura viaria.
Por outra banda preténdese axustar o ámbito de reserva viaria ao necesario para permitir unha futura ampliación da autoestrada AP-9 ou mesmo unha vía de circunvalación, compatible coas solucións plantexadas no estudo que realiza o Ministerio de Fomento para a definición dos corredores viarios.
O ámbito de solo restante (aproximadamente unhas 11,6 hectáreas) destinarase a conformación dunha importante reserva de solo para albergar zonas verdes e dotacionais que poidan paliar o déficit que presenta na actualidade o núcleo do Milladoiro.
Por último, abordarase a redacción dun Plan Especial de Ordenación, que estableza as condicións de ordenación urbanística e integración topográfica, paisaxística e ambiental para a implantación do futuro parque ambiental, definindo a zona do ámbito e establecendo ademais as condicións para a súa implantación, integradas no mesmo, das dotacións públicas de carácter deportivo e das restantes que están previstas.

FRADES - NOVO LOCAL SOCIAL


O CONCELLO LEVARÁ ACTIVIDADES DE OCIO AO LOCAL SOCIAL DA PARROQUIA DE FRADES, QUE DOTOU DE MÁQUINAS DE XIMNASIA E ACCESO Á INTERNET

16 de marzo de 2011.- Os veciños e veciñas da parroquia da parroquia de Frades, poden disfrutar dende esta semana dun remodelado centro de ocio, rehabilitado nos últimos meses polo Concello de Frades. Un local situado no lugar de Cimadevila, no mesmo inmoble que acolle a casa consistorial, e que foi inaugurado polo alcalde de Frades, Miguel Prado Patiño, nun acto que reuniu a unha vintenta de veciños e veciñas que pudieron comprobar por si mesmos as melloras introducidas no inmoble.

Así, o Concello de Frades instalou tres máquinas de ximnasia: bicicleta estática, cinta-andadora e elíptica. Ademais, dotou ao local social da parroquia de distintos elementos de ocio, entre os que figuran unha televisión, un ordenador con conexión a Internet por wifi, cafeteira e distintos xogos de mesa (cartas, xadrez, parchís, etc).

Miguel Prado indicou que desexa que estes locais “se convertan nun punto de encontro para os veciños e veciñas de cada parroquia”, polo que lles ofertou aos veciños da parroquia de Frades a posibilidade de escolleren unha actividade gratuita para realizar conxuntamente todos os mércores pola tarde. Así, os veciños poderán elixir entre manualidades, ximnasia, pintura sobre vidro ou risoterapia.

MELIDE - MELLORAS VIARIAS


Adxudicadas as obras de mellora de sete viarios de Melide

A Xunta de Goberno Local adxudicou a obra a unha empresa local cun presuposto de 162.000 euros.

Entre os viarios que serán completamente reformados están o que pasa pola zona da cooperativa Melisanto (dende Furelos ata a Martagona), ou o viario que comunica coa piscina municipal.
Nas vindeiras semanas Melide comezarán obras en sete viarios que nestes momentos presentan un importante estado de deterioro, algúns deles no propio núcleo urbano de Melide, coma o que une Furelos coa rúa Martagona (pasando pola cooperativa Melisanto), ou o Camiño de Ferreiros que leva á piscina municipal, e outros viais xa en parroquias.

O treito máis longo de viario que se vai mellorar é o que une o lugar de Castiñeiroa (na parroquia de Maceda) coa parroquia de Orois, no lugar da Pena. Trátase dunha infraestrutrua de 4,5 quilómetros sobre a que se vai aplicar un tratamento asfáltico completo. Ademais desta actuación entre as parroquias de Maceda e Orois, no ámbito rural tamén se reparará o viario que conecta San Martiño das Varelas co lugar de Reboredo (e que ten unha extensión de 1.365 metros); amais de viarios nos lugares de Catasol, na parroquia de Santa María; Corbelle da parroquia dos Ánxeles e Zaramil, na parroquia de San Salvador.

O proxecto que inclúe a mellora destes sete viarios ten un presuposto de 162.000 euros, e será executado nas próximas semanas por unha empresa local.

55.000 euros para o viario Furelos-Martagona
O viario entre Furelos e a Martagona é un viario con moito tránsito, posto que comunica coa Cooperativa Melisanto, así como é unha das entradas dos autobuses escolares que van ao colexio Martagona e ao IES de Melide. Co investimento de máis de 50.000 euros procederase a renovar o firme de todo o vial con aglomerado en quente, moito máis duradeiro que o asfalto.

PP BRION - FACTURA EN CENA PARA COLABORADORES


EL ALCALDE DE BRIÓN VUELVE A GASTAR MILES DE EUROS EN OTRA CENA PARA COLABORADORES PESE A LA CRISIS ECONÓMICA.

EL PARTIDO POPULAR DESCUBRE EN TRES FACTURAS UN GASTO DE MÁS DE 2 MILLONES DE PTAS.

El Partido Popular de Brión critica duramente la actitud del alcalde, el socialista José Luis García por el descaro y poca austeridad económica, pese a los tiempos económicos que corremos y el despilfarro continuo del dinero de los vecinos. Otra vez más, los populares han descubierto otra factura relativa a una cena que el Alcalde organizó para “colaboradores” de varios miles de euros, y ya es la tercera hasta el momento.

Dicha cena se celebró, según consta en la factura comprobada por el Partido Popular, en un conocido restaurante de Noia-Lousame, a la que asistieron 90 personas, elegidas directamente por el Alcalde. El importe gastado a cuenta de las arcas municipales asciende a 3150 euros, algo más de medio millón de las antiguas pesetas.

Según Carlos Tomé, portavoz municipal del PP: “ O Alcalde demostra así, que lle importan ben pouco os cartos dos veciños. Cando unha persoa lle pide algo para a súa aldea,unha farola ou unha mellora, sempre di que non hai cartos, pero en cambio para as súas festas, hai cartos a bondo”.

Lo increíble, es que no es la primera vez en que los populares tienen que denunciar ante la prensa con datos en mano, los elevados gastos del regidor. Así, en el 2008 le recriminaban en el pleno municipal y en los medios de comunicación, que en la navidad del 2006, poco antes de las elecciones municipales, había organizado otra cena para 150 personas, por un valor de más de 6000 euros. Al año siguiente, descubrieron otra factura por un importe de 3150 euros, relativa a otra cena para 105 personas. Esta última, coincide con la misma cantidad de 3150 euros y el plato por persona ascendió a 35 euros.

La nueva factura se refiere a una cena realizada en la navidad del 2009 y tuvo entrada en el Ayuntamiento, este pasado mes de diciembre. Pese a ello, José Luis García volvió estas pasadas navidades a organizar otra cena en el mismo lugar, por un elevado importe, que seguramente pasará también a cuenta del presupuesto municipal. Desde el Partido Popular se califica el acto, como de auténtica burla y falta de respeto hacia los vecinos.

Según Tomé: “ O Alcalde aumentou a débeda do Concello ata 335 millóns de ptas, e aínda así, gasta en tres ceas máis de dous millóns de pesetas que proceden dos bolsillos de tódolos veciños”.

Los populares destacan que durante este mandato, García casi ha triplicado la deuda municipal, que ya supera los dos millones de euros, y mientras sube los impuestos a los vecinos y desatiende sus necesidades, se permite el lujo de gastar el dinero en cena para colaboradores. “Debe ser o único alcalde de toda España, que gasta cartos sin sentido e dalle igual que a xente o saiba”.

“Eses cartos son dos veciños e con eles se poderían facer moitas obriñas e axudar a moitas persoas en Brión, pero en cambio os gasta en comilonas, cá crise económica que todos padecemos”.

TORDOIA - SENDA PEONIL


TORDOIA CONTARÁ CUNHA SENDA PEONIL ENTRE A PONTEPEDRA E SEIXÁN A CARGO DA DEPUTACIÓN

O anuncio fíxoo público Fernández Moreda durante a súa visita as obras de ampliación e mellora da estrada entreTablilla e Agromestre


15 de marzo 2011.- O Concello de Tordoia recibiu esta mañá a visita do presidente da Deputación de A Coruña, Salvador Fernández Moreda, quen se trasladou ata a este concello para coñecer de primeira man os traballos, xa prácticamente rematados, da ampliación e mellora de trazado da estrada autonómica CP 8401 de Tablilla a Agromestre pola Pontepedra. Durante a súa visita, Fernández Moreda percorreu un tramo do vial e anunciou a licitación dunha senda peonil situada ao final desta estrada, entre a Pontepedra e Seixán por un importe de máis de 180.000 euros.

Esta nova senda peonil terá unha extensión duns 600 metros, entre os puntos quilométricos 5.4 e 6.0, ata chegar ata a igrexa de Cabaleiros, permitindo unha circulación de persoas e vehículos moito máis segura. A obra suporá un investimento total de 183.623 euros por parte da Deputación, feito polo que o rexedor tordoiés, Antonio Pereiro, amosouse moi satisfeito “xa que a obra permitirá mellorar a circulación na zona e humanizar a contorna”. O alcalde de Tordoia amosouse, ademais, moi agradecido polo práctico remate da travesía autonómica que hoxe visitaban, un vial que soporta grande cantidade de tráfico e no que se incluiu obras de firme, pavimentos de zahorra e unha capa de rodadura con triple tratamento asfáltico. Cun investimento de 919.963,32 euros, a travesía conta xa con arcenes dun metro de ancho e a señalización que se colocará será tanto vertical coma horizontal, engadindo barreiras de seguridade nos tramos que así o requiran.

Xa na última fase de traballos, a visita tamén serviu para que o rexedor tordoiés lle trasladara a Fernández Moreda a necesidade de darlle cumprido remate a esta estrada coa execución dos últimos tramos que restan. “Trátase de tres pequenos treitos que suman arredor de 200 metros dos que o presidente da Deputación comprometeuse a estudiar a súa situación para dárlle remate”, explicou Pereiro Liñares, quen aproveitou tamén para lle trasladar a Moreda a necesidade de que a Deputación aborde a situación na que se atopa a estrada de Santiago por Trazo.

Na visita, o presidente da Deputación estivo acompañado por membros da corporación municipal de Trazo e Tordoia así como o alcalde de Trazo, José Dafonte. 

FRADES - PETICION A FOMENTO DE ARRANXO DA N-634


O PLENO DE FRADES APROBA POR UNANIMIDADE PEDIR A FOMENTO QUE REPARE AS DEFICIENCIAS NA ESTRADA N-634 E NAS VÍAS DE SERVIZO PARALELAS

O Concello establecerá un acordo con Telefónica para dotar de Internet aos centros sociais de Vitre, Papucín e Céltigos

15 de marzo de 2011.- A unanimidade caracterizou a última sesión plenaria ordinaria desta lexislatura en Frades. Todos os puntos da orde do día saíron adiante co apoio dos tres grupos municipais: PP, PSOE e BNG. Así, o pleno acordou solicitarlle ao Ministerio de Fomento que repare as deficiencias na estrada N-634, ao seu paso polo termo municipal de Frades, así como das vías de servizo paralelas a esta estrada.

O alcalde de Frades, Miguel Prado Patiño, presentou no pleno un informe dos servizos técnicos municipais que recolle as principais deficiencias que presenta este vial. Un informe que destaca o mal estado de conservación da N-634 Santiago-Curtis entre os puntos quilométricos 685 e 689, así como das súas vías secundarias, “en especial as que levan a Ledoira e Céltigos que, ao estar simplemente con zahorra, están intransitables”, apuntou Prado Patiño. O informe sinala que as vías de servizo paralelas están moi deterioradas, coas cunetas sen limpar e onde as augas pluviais discorren polas pistas e non polas beiras.

O informe dos servizos técnicos municipais chama a atención sobre a necesidade de implantar sinalización vertical e horizontal en varios puntos da N-634, “en especial no esvío cara Vitre e Céltigos pois é unha zona que non está debidamente sinalizada e pola que os camións pasan a gran velocidade, sendo un risco para os vehículos que se desvían ou se incorporan na zona”, explicou o alcalde de Frades.

Chamamento á Demarcación de Carreteras

A este acordo proposto pola Alcaldía engandíuselle un punto máis, a raiz da aprobación dunha moción presentada polo partido socialista, para esixirlle á Demarcación de Carreteras do Estado en Galicia que cumpra cos compromisos adquiridos con Frades. Neste sentido, todos os concelleiros lembraron que en agosto de 2010 tivo lugar unha reunión co enxeñeiro xefe da Demarcación de Carreteras do Estado en Galicia, Ángel González del Río, quen se comprometera a arranxar moitos dos defectos agora denunciados.

“Isto xa é case un culebrón”, recoñeceu Miguel Prado, quen criticou o incumprimento dos compromisos de Demarcación de Carreteras con Frades. Unhas críticas que foron secundadas polo grupo municipal socialista, quen mesmo sinalou que os técnicos de Demarcación de Carreteras nin sequera chegaron a vir a Frades, o que amosa o seu abandono total da zona. Frades vese afectado por 4,6 quilómetros da estrada N-634, onde se construiron 4,560 quilómetros de camiños de servizo, dos que 2,39 quilómetros se ubican na marxe esquerda e 2,17 quilómetros na dereita.

Internet e eficiencia enerxética

O pleno municipal tamén aprobou por unanimidade o establecemento dun acordo con Telefónica para dotar aos centros sociais de Vitre, Papucín e Céltigos de acceso a Internet. Un acceso do que xa dispoñen todos os centros sociais de Frades pero que no caso destes tres locais deberase realizar a través do servizo de Internet Satélite Rural.

Tamén dentro das novas tecnoloxías, o pleno aprobou unánimemente a adhesión do Concello de Frades ao convenio entre a Consellería de Presidencia e a FEGAMP para o desenvolvemento da administración electrónica nas administracións locais. A través deste acordo, o Concello de Frades poderá remitir as actas plenarias por vía dixital, no canto de en papel como se viña facendo ata o de agora.

Por último, a unanimidade tamén se mantivo na adhesión do Concello de Frades ao proxecto de aforro e eficiencia enerxética que a Deputación da Coruña vai presentar aos fondos FEDER. Mediante este acordo, o Concello de Frades comprométese a ceder os terreos precisos e a dar as autorizacións necesarias para os proxectos de aforro enerxético que se poidan levar a cabo no municipio.

Mocións

No turno de mocións, ademais da mencionada moción socialista sobre a N-634, tamén saíu adiante unha presentada polo Partido Popular en contra da suba do recibo da luz no primeiro trimestre de 2011. “Dende 2006, o recibo dos cidadáns subiu un 40%”, denunciou o concelleiro de Facenda, Manuel Ferreiro. Esta moción amosa o rexeitamento do Concello de Frades á suba proposta do Goberno, a quen insta a conxelar o recibo da luz en 2011 e a adoptar un pacto enerxético “para que os consumidores non paguen o custe”, sinalou Ferreiro Marzoa. A moción foi aprobada cos 8 votos a favor de PP e BNG, e as dúas abstencións do PSOE.

No turno de preguntas, o grupo municipal socialista interesouse polo estado das obras das beirarrúas de Abellá e pola depuradora de Pontecarreira. Miguel Prado explicou que o proxecto das beirarrúas de Abellá está en execución e que “para causar as menores interferencias e molestias entre os veciños faremos coincidir a instalacións das redes de abastecemento de augas coa execución das beirarrúas”. Ademais, informou de que aínda que o proxecto básico non contempla a execución de novo alumeado público, dende o Concello xa lle trasladaron esta necesidade á Xunta.

Sobre a depuradora, Miguel Prado lembrou que o Consello da Xunta do 11 de decembro de 2010 aprobou un investimento de preto de 1,4 millóns de euros no saneamento do núcleo de Pontecarreira a través dun convenio entre a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas e o Concello de Frades. Unha actuación que dotará aos veciños dunha nova depuradora con capacidade para 600 habitantes, que incorporará unha planta de tratamento de lamas equipado cunha cámara centrífuga con capacidade para tratar todas as lamas procedentes de Frades.

As obras que se acometerán no referente á rede de augas residuais comprenderán a instalación de 5.250 metros de colectores, un bombeo de 1,7 kw de potencia e capacidade para tratar 3,5 l/s de augas residuais. O sistema de depuración contará cunha arqueta de desbaste de grosos, outra de desbaste de finos e un sistema de tratamento biolóxico. A cámara de tratamento de lamas contará cun equipamento de dosificación, así como un bombeo de lamas secas que permitirá a súa posterior eliminación.

As obras referentes á rede de pluviais comprenderá a instalación dunha rede de colectores de preto de 2.000 metros de lonxitude, que verterán ao regato do Porto. Cómpre dicir que tanto esta rede como a de saneamento discorren paralelas; aínda que as residuais irán baixo a beirarrúa e as pluviais baixo a zona de aparcadoiro. A Consellería de Medio Ambiente financiará a totalidade da actuación, mentres que o Concello de Frades entregará os terreos necesarios para a execución das obras libres de cargas e gravames e comprométese ao mantemento das instalacións unha vez que estean rematadas. 

TEO - A ESTRADA - RETIRADA DE ANDAMIOS EN PONTEVEA


OS ALCALDES DA ESTRADA E TEO SOLICITAN Á XUNTA A RETIRADA DOS ANDAMIOS ABANDONADOS NO RÍO ULLA, XUNTO Á PONTE DE PONTEVEA


Dende o Concello de Teo xa se enviara un escrito o 2 de febreiro facendo esa petición á Dirección Xeral de Patrimonio

15 de marzo de 2011. Os alcaldes da Estrada e Teo, José Antonio Dono e Martiño Noriega, solicitarán á Dirección Xeral de Patrimonio Cultural que proceda á retirada dos andamios empregados nas obras de consolidación da ponte medieval de Pontevea,  que une ambos concellos atravesando o río Ulla, mediante unha carta asinada conjuntamente polo dous rexedores.

Esta actuación, que supuxo unha importante mellora no estado de conservación e no aspecto estético da ponte, foi adxudicada polo organismo da Xunta de Galicia e levada a cabo durante os meses de verán de 2010. Sen embargo, tras o remate das obras, a empresa responsable dos traballos non retirou os andamios.

De feito, no seu escrito os rexedores fan constar que parte da estrutura se atopa non só nas marxes do río Ulla, senón tamén no leito da súa canle, somerxida baixo a auga. Isto supón un aspecto visual moi negativo no contorno desta ponte, tan emblemática para ambos municipios, e nun lugar de gran beleza paisaxística. Ademais, as pezas do andamio están a ser arrastradas pola corrente do río, o cal pode supor un serio problema ante o inminente inicio da temporada de pesca.

Pese a non ser a administración responsable da obra, e ante o evidente prexuízo que comporta esta situación, o Goberno municipal de Teo xa informara mediante un escrito previo á propia Dirección Xeral, para que instase á empresa responsable a retirar os andamios, medida que aínda non se levou a cabo.

Ambos alcaldes acordaron reiterar esta solicitude ante a Xunta de xeito conxunto, para que tome as medidas oportunas. Os dous rexedores recoñecen que a Xunta non é a responsable directa do actuar da empresa, pero lembran o seu papel como administración que adxudicou os traballos e que, polo tanto, debe velar por que se cumpran as condicións do contrato. Así, agardan obter unha pronta resposta por parte do departamento autonómico.

BNG AMES - TRANSPORTE NO RURAL


O BNG propón que o transporte metropolitano se extenda ao medio rural.
O Goberno Municipal de Amesé totalmente ineficaz neste asunto.
Ames. 15 de marzo de 2011. O BNG de Ames propón que as liñas do transporte metropolitano se extendan ao medio rural, para que os veciños e veciñas das parroquias poidan disfrutar deste servizo.
O BNG considera que de non levarse este servizo ás parroquias e aldeas estariase dando unha situación de discriminación en función da zona onde se vive. Hai que ter en conta que parte das tarifas do transporte metropolitano está financiadas por fondos públicos da Xunta e dos Concellos.
Mentres os concellos de Brión e Teo xa teñen planificado e demandado da Xunta  a incorporación de varias liñas rurais que intercomuniquen os seus concellos, o Goberno Municipal de Ames segue sen avanzar neste asunto, mostrando unha total ineficacia..
 O Pleno da Corporación Municipal, en abril de 2009, acordara a creación dunha Comisión co obxectivo de estudar a viabilidade da implantación do transporte público no medio rural de Ames. Asimesmo se aprobou a composición desta comisión, na que ademais de representantes dos tres grupos municipais, estaría un representante por cada parroquia designado polas asociacións de veciños. Cómpre lembrar que estes acordos foron tomados por unanimidade dos tres grupos municipais.
Despois de case dous anos, o Alcalde, Carlos Fernández, nen constituíu a Comisión Plenaria nen dou pasos efectivos para a implantación do transporte público no medio rural do noso concello.

TEO - SUBVENCIONS A ASOCIACIONS


O CONCELLO DE TEO PUBLICA AS CONVOCATORIAS DE SUBVENCIÓNS VECIÑAIS E DE CARÁCTER EDUCATIVO E BENESTAR SOCIAL



O prazo para presentar as solicitudes remata o próximo 4 de abril de 2011


15 de marzo de 2011. O Concello de Teo publica no BOP as convocatorias de subvencións a entidades de carácter educativo, benestar social e tempo libre, dotadas con 26.000 euros e as axudas para o fomento do asociacionismo e a participación cidadá, dotadas con 6.000 euros. A convocatoria completa pódese consultar no Boletín oficial da provincia do luns 14 de marzo.

Deste xeito e con 20 días naturais de prazo para presentar as solicitudes, as asociacións interesadas en solicitar estas axudas teñen ata o 4 de abril para entregar a documentación necesaria no Rexistro Xeral do Concello. Os impresos de solicitude xa se poden recoller nas oficinas xerais do Concello, ou descargalas da páxina web municipal.

Unha das novidades deste ano é que as convocatorias de subvencións se publican por áreas. De feito as subvencións para asociacións culturais e deportivas xa se publicaron o mes pasado. Con esta diferenciación preténdese axustar a convocatoria ás áreas de traballo nas que desenvolven o traballo as asociacións. O alcalde destaca que “esta diferenciación non merma o financiamento das subvencións, que é igual ó do ano pasado, se non que pretende que o reparto sendo máis específico sexa máis xusto”.

As convocatorias de subvencións publicadas onte están dirixidas sobre todo a gastos correntes, de organización de actividades ou de conservación ou mantemento de locais. As actividades subvencionables teñen que estar sempre debidamente xustificadas e pertencer á área de traballo do colectivo. 

AMES - SERVIZOS COMPLEMENTARIOS RENOVACION


O Concello de Ames abre o prazo para preinscribirse e renovar praza nos servizos complementarios
Ata o 31 de marzo estará aberto o período de preinscrición e para renovar praza nos servizos complementarios de educación que inclúen a rede de comedores escolares, Bos días cole e Tardes divertidas. Con estes servizos a Concellaría de Educación pretende conciliar a vida laboral e familiar de todos os pais e nais durante o curso escolar 2011-2012. Este ano a principal novidade é que hai que realizar a renovación de praza non só no servizo de comedor senón tamén en Bos días cole e Tardes divertidas. Para renovar a praza nos comedores hai que pagar 10 euros en concepto de taxas, mentres que en Bos días cole e Tardes divertidas a renovación é gratuíta. Os usuarios/as que desexen obter praza por primeira vez terán que realizar a correspondente preinscrición.
O Concello de Ames abriu o prazo de preinscrición para os servizos complementarios da rede de comedores escolares, Bos días cole e Tardes divertidas para todos aqueles pais e nais que desexen seguir beneficiándose destes programas no próximo curso escolar. Este servizo, ten como principal obxectivo conciliar a vida familiar e laboral de todos os veciños e veciñas de Ames. Durante este curso son 1.342 os nenos e nenas que participan nas actividades dos servizos complementarios, o que amosa o éxito destes programas educativos.

Ames é un dos municipios galegos cun maior incremento de poboación moza. Debido a este crecemento que se produce ano a ano aumenta paralelamente a demanda dos servizos complementarios destinados á poboación máis nova do municipio. Por este motivo, o goberno municipal aposta por incrementar periodicamente a oferta destes servizos, polo que cada mes son máis os que se benefician de proxectos como Bos días cole, Tardes divertidas e da Rede Municipal de Comedores Escolares.

Rede municipal de comedores escolares
O servizo da rede de comedores escolares, do que na actualidade se benefician un total de 983 nenos/as, está dirixido ao alumnado de infantil e primaria, funcionando actualmente no CEIP A Maía, no CEIP Agro do Muíño, no CEP de Ventín e na Escola de Educación Infantil do Milladoiro. Con este programa realízase por unha parte un servizo público, facilitando aos cidadáns a conciliación da vida laboral e familiar e por outra, un proxecto educativo no que o obxectivo é que o alumnado aprenda hábitos alimenticios sans e un correcto comportamento na mesa, así como as normas básicas de hixiene, respecto, tolerancia, convivencia e educación en igualdade.

Bos días cole e Tardes divertidas
Os programas Bos Días Cole e Tardes divertidas volven un ano máis para facilitarlles a vida aos pais e nais que teñen dificultades para conciliar a súa vida laboral e familiar. Trátase dunha oferta educativa e de ocio que pretende ocupar o tempo de lecer dos máis cativos dun xeito divertido e educativo.

Este programa comezou a funcionar no ano 2004 en dous centros públicos do concello (CEIP A Maía e no CEP de Ventín) cun número de 42 usuarios fixos e un número variable de nenos e nenas que asistían de xeito ocasional. Na actualidade está funcionando en catro centros educativos como son o CEIP A Maía, o CEIP Agro do Muíño, a EEI Milladoiro e o CEP de Ventín, dirixíndose ao alumnado de 2º ciclo de Educación Infantil e Primaria, cun total de 359 usuarios.

Os rapaces e rapazas que forman parte de Bos días cole acoden antes á escola e permanecen nela ata o inicio das clases, facilitándolle así aos pais e nais que teñan que entrar aos seus traballos moi cedo a posibilidade de deixar os fillos e fillas na escola. Actualmente hai 242 usuarios/as empregando este servizo.

Tardes divertidas é unha oferta educativa e de ocio promovido polo goberno municipal para permitir que os pais e nais que traballan durante a tarde teñan un lugar onde deixar aos seus fillos para que poidan estudar e xogar baixo o control duns monitores. É un programa que tamén vai dirixido aos nenos e nenas que cursan 2º ciclo de Educación Infantil e Educación Primaria. O horario do servizo é desde o remate do comedor escolar ata as 21:00 horas da noite e nel participan un total de 117 usuarios. Este servizo está dirixido tanto a familias empadroadas no concello, como persoas non empadroadas nel pero que traballan no municipio.

Prazo de preinscrición e renovación
O prazo de preinscrición e de renovación estará aberto ata o vindeiro 31 de marzo. Este ano a principal novidade é que hai que realizar a renovación de praza non só no servizo de comedor senón tamén en Bos días cole e Tardes divertidas. Para renovar a praza nos comedores hai que pagar 10 euros en concepto de taxas, mentres que en Bos días cole e Tardes divertidas a renovación é gratuíta. Os usuarios/as que desexen obter praza por primeira vez terán que realizar a correspondente preinscrición. No caso de non realizar a renovación no período de tempo estipulado perderase a praza. O mesmo acontece se non se está ao día no pagamento do servizo no que están inscritos.

É importante recordar que os usuarios admitidos terán que realizar posteriormente a inscrición para poder gozar dos servizos ofertados para a conciliación da vida laboral e familiar no próximo curso escolar.

Os interesados poderán recoller o impreso de preinscrición, onde posteriormente o entregarán, na oficina municipal do Milladoiro ou no departamento de educación en Bertamiráns, en horario de 9:00 h. a 14:00 horas. Asemade tamén está dispoñible na sección de AVISOS da web municipal. Non haberá que achegar documentación xunto coa preinscrición, aínda que se poderá requirir no caso de non haber prazas suficientes nalgún dos servizos.

Para máis información pódese poñer en contacto coa oficina municipal do Milladoiro ou co departamento de Educación en Bertamiráns, chamando ao teléfono 981 891 476.
Un saúdo

AMES - SENDEIRISMO EN TEO


Organízase para o día 20 de marzo unha ruta de sendeirismo polo termo municipal de Teo

O sendeirismo é unha das actividades que máis favorecen o contacto co medio. Así, o Concello de Ames promove unha ruta de sendeirismo polo termo municipal de Teo. Esta actividade levárase a cabo o domingo 20 de marzo. Realizarase un percorrido de 14 quilómetros dunha dificultade media-baixa dende a Igrexa de Luou ata o lugar de Loureiro para volver finalmente á Igrexa, o que suporá unhas 4 horas camiñando. Todos os interesados/as poden inscribirse no departamento de Deportes ata ás 14:00 horas do día 18 de marzo. Esta nova excursión enmárcase dentro do programa Espazos Naturais de Galicia.
Camiñar é un dos deportes máis completos que existen. Para animar a veciñanza amiense a que realice deporte o Concello de Ames, a través da Concellería de Cultura, Deportes e Patrimonio, organiza unha nova ruta de sendeirismo polo concello veciño de Teo. Un percorrido de 14 quilómetros dunha dificultade media-baixa dende a Igrexa de Luou ata o lugar de Loureiro para volver finalmente á Igrexa, o que suporán unhas 4 horas camiñando.

Esta ruta non é apta para menores de 12 anos, malia que a súa dificultade física é media-baixa. Todas aquelas persoas que desexen poderán apuntarse ata o día 18 de marzo ás 14:00 horas. Para elo, deberán chamar ao 981 88 49 91 ou enviar ao correo web deportes@concellodeames.org os seus datos -nome e apelidos, idade, teléfono e enderezo- e informar da súa vontade de participar nesta nova excursión organizada no eido do programa Espazos Naturais de Galicia.

Ao longo do percorrido iranse visitando diversos lugares de especial interese. No primeiro tramo, A Igrexa- Rapeiro, atopámonos coa carballeira de Luou, moi interesante dende o punto de vista natural, e co cruceiro de Eirexe, que segundo os datos teríase levantado no lugar en 1.675. Consta de dúas imaxes, a de Noso Señor e outra da Virxe. No segundo tramo do percorrido, Rapeiro- Seixos, chegamos ao Rapeiro, lugar da aldea de Espasande polo que transcorre o río San Lois no que se atopan un par de muíños e un lavadoiro público.

No terceiro tramo, partindo de Seixos cara o Río de Angueira onde se atopa un famoso petroglifo, o petroglifo de Angueira. Así, a medida que se vaian realizando os tramos do percorridos iranse visitando diversos lugares: as ruínas do muíño de Loureiro, coñecido por utilizar moi pouca auga para moer; as mámoas e restos arqueolóxicos de Eira dos Mouros; o cruceiro e a fonte de Santa margarida e o lugar por onde pasaron e onde morreron a mans da Garda Civil o grupo de maquis Os Foucellas; os restos da aldea da Costa; a mámoa de Trasellas con máis de 3.000 anos antes de Cristo. Deste xeito, ademais de practicar o sendeirismo, os interesados poderán coñecer os lugares importantes de Teo en materia de natureza, arqueoloxía e historia.

Para achegar ás persoas inscritas ata o lugar de saída porase un autobús que sairá da Praza do Concello, en Bertamiráns, ás 9:00 horas e do pavillón do Milladoiro ás 9:15 horas da mañá.

O sendeirismo é unha actividade que busca achegar á xente ao medio natural e potenciar así o coñecemento dos lugares a través de vías de comunicación tradicionais tales como camiños e carreiros non balizados. Así, esta actividade constitúe unha mestura entre deporte, cultura e medio. Galicia conta cunha gran cantidade de vías idóneas para a práctica do sendeirismo, e iso da pé a numerosas iniciativas.

AMES - BALANCE BIBLIOTECAS MUNICIPAIS


Máis de 38.000 persoas empregaron as bibliotecas municipais ao longo de 2010
A biblioteca municipal de Ames continúa crecendo en número de asociados, empréstamos e fondos
Con 20.824 empréstamos, 1.789 novos documentos e 666 novos usuarios en 2010, a biblioteca municipal de Ames continúa a crecer e xa se ten consolidado como referente principal dos veciños do concello á hora de acceder á lectura ou para poder ver diferentes filmes. A aposta do Concello por facilitar o contacto da veciñanza coa cultura e coas actividades levadas a cabo para incentivar o uso das salas de lectura municipais vai mellorando ano a ano e logra facerse coa confianza dos amienses á hora de utilizar estes servizos, converténdoos en fundamentais no ámbito do seu consumo cultural persoal.
Analizados os datos da biblioteca municipal de Ames durante 2010 só queda resaltar que, un ano máis, os números seguen a incrementarse nos diversos apartados nos que se realiza a análise, o que garante a consolidación desta como elemento fundamental dos veciños/as do concello á hora de saciar a súa voracidade literaria e cinematográfica de forma legal e sen ter que pagar por elo.
Asunto de extremada importancia nestes tempos de acalorados debates sobre cales deben ser as vías legais de acceso á cultura que garantan unha aproximación do público aos produtos literarios, musicais e cinematográficos e ao mesmo tempo os seus produtores poidan vivir diso obtendo unha remuneración polo acceso do público ás súas obras. Neste contexto, as redes municipais de bibliotecas constitúen unha fórmula respectada e coñecida por todos de realizar ese achegamento da cultura ao público sen deixar de percibir os creadores unha xusta remuneración pola compra das súas obras para as salas de lectura.
Metidos no marasmo dos números, cabe destacar que durante o 2010 foron 666 novas persoas as que se fixeron socias da biblioteca, aumentando o total de usuarios a 5.107 -cando en 2009 eran 4.403- e chegando o número de emprestamos aos 20.824, cunha media de 4,08 libros ou DVDs solicitados por socio e uns 0,72 préstamos por habitante do concello. Así, a porcentaxe de usuarios/as sobre a poboación total de Ames pasou de ser un 15% a un 17,64%, gañando tres puntos porcentuais e aproximándose cada vez a maior velocidade ao 20%.
Paralelo ao aumento de usuarios e empréstamos, produciuse un aumento dos fondos da biblioteca, que conta xa cun total de 24.963 documentos, o que supón un incremento de 1.789 novos fondos en 2010 sobre os 23.174 de 2009. Debullando os datos por salas de lectura, deses 24.963 documentos censados a 31 de decembro de 2010, 13.555 están na sala de lectura do Milladoiro e 11.403 en Bertamiráns, manténdose un certo equilibrio na dotación de ambas salas.
Outro dato moi bo é o que fai referencia ao número de visitantes das salas de lectura durante 2010, que ascende a un total de 38.207 persoas, das cales 22.685 acudiron á do Milladoiro e 15.522 á de Bertamiráns.
En materia de consultas ao catálogo da Biblioteca, houbo durante 2010 un total de 797.169 consultas, das cales 433.178 se produciron no Milladoiro e 363.991 en Bertamiráns.
Listaxe dos máis solicitados
Na sala de lectura do Milladoiro a película máis solicitada polo público infantil foi a que relata as aventuras de Bob Esponja no filme “Cuentos del fondo del mar”. O libro máis solicitado en galego foi “O castelo da Princesa” de Peter Stevenson que por segundo ano consecutivo mantén este posto. En castelán “En el reino de la fantasía” de Gerónimo Stilton mantense un ano máis no cumio dos máis solicitados en castelán
Entre o público adulto dáse un empate entre “O símbolo perdido” de Dan Brown, en galego e, en castelán, “La mano de Fátima” de Ildefonso Falcones que comparten o primeiro posto dos máis solicitados nunha e noutra lingua con “La reina en el palacio de las corrientes de aire”, terceiro volume da triloxía Millenium do escritor sueco Stieg Larsson que continúa arrasando entre estes lectores.
Na sala de lectura de Bertamiráns, e en materia de literatura infantil, os máis pequechos e pequechas de Ames preferiron por ampla maioría a obra de Helga Bansch “Cocorico”, unha adaptación libre dun conto tradicional birmano que trata da necesidade de escoitar os bos consellos, da importancia de cumprir as promesas e aprender a compartir traducida ao galego por OQO Editora. En castelán, os tres porquiños fanse coa palma de ouro do relato máis querido polos nenos e nenas que seguen a ver na historia destes tres rosados e gordechos animais perseguidos por un malvado lobo unha boa historia coas doses necesarias de tensión narrativa e o sempre ben visto polo público “happy end”, final feliz.
No caso das películas infantís, a esponxa amarela de nome Bob e apelido Esponja segue a ser a personaxe favorita dos rapaces e rapazas, que converteron o filme “Bob Esponja: La marea” no máis solicitado entre o público que non supera o metro de altura.
Xa no eido dos adultos, a obra en galego de Domingo Villar “Ollos de auga” conseguiu un ano máis ser a preferida dos maiores, situándose outra obra deste autor, “A praia dos afogados” no segundo posto. En castelán, “Nadie lo ha visto” de escritora sueca Mari Jungstedt foi a que máis levaron ás súas casas os usuarios adultos.
Actividades
Pero a biblioteca non só se dedica ao empréstamo de libros e películas, senón que tamén se realizan outro tipo de actividades que, durante 2010 e sen contar cos usuarios das “bibliopiscinas”, contou cun total de 2.895 persoas, das cales 1.858 foron nenos e nenas e 1.037 adultos.
Ademais, durante o 2010 realizáronse un total de 797.169 consultas no catálogo da biblioteca (433.178 consultas no Milladoiro e 363.991 en Bertamiráns). Con estes datos, ao longo do ano pasado, a Biblioteca de Ames foi a terceira biblioteca municipal co catálogo máis consultado da Rede de Bibliotecas de Galicia. No mes de decembro superou a media converténdose na primeira biblioteca municipal en número de consultas.
Así pois, a biblioteca municipal de Ames crece e consolídase entre os veciños e veciñas do concello como un centro indispensable de consumo cultural.



BRION - PLENO EXTRAORDINARIO UNIFICACIÓN DE POLICIAS LOCAIS CON AMES


XOSÉ LUÍS GARCÍA ANUNCIA A CONVOCATORIA DA MESA DE NEGOCIACIÓN PARA OS IMPLICADOS NO CONVENIO DE COLABORACIÓN BRIÓN-AMES

Esta mañá celebrouse un pleno extraordinario que permitiu solventar dúbidas sobre o proceso de mancomunar as Policías Locais e os Servizos de Emerxencias e Protección Civil

14 de marzo de 2011. “Creo sinceramente que con este proxecto gañamos todos porque do que se trata é de ofrecer máis servizos con menos cartos, polo que agradezo o apoio da oposición e confío en que o proxecto saía adiante”. Así se expresou o alcalde de Brión, Xosé Luís García no pleno extraordinario celebrado esta mañá con obxecto de abordar o convenio de colaboración que permitirá que as policías locais de Ames e Brión e os Servicios de Emerxencias e Protección Civil de Brión traballen de xeito conxunto e coordinado en ambos concellos. Durante a sesión plenaria, o rexedor brionés anunciou, ademais, a próxima convocatoria da Mesa de Negociación colectiva para abordar a nova situación e cómo afectaría aos traballadores implicados, tanto funcionarios como persoal laboral. Este sería o seguinte paso no calendario establecido para levar adiante este proxecto de colaboración, pioneiro en España.

A convocatoria do pleno fora solicitada polos grupos municipais da oposición, PP e BNG, coa finalidade de despexar algunhas dúbidas e abordar cuestións formais e de carácter técnico que suscitara o informe do proxecto. Así, o rexedor brionés trasladou a oposición toda a información da que se dispón ata o momento e anunciou os pasos que se seguirían no proceso de aprobación deste convenio. Ambos grupos municipais trasladaron o seu apoio á iniciativa por considerar que a mancomunión de servizos permitirá un maior aforro de custes aínda que cuestionaron o procedemento seguido por considerar que a iniciativa tiña que ter partido dun consenso plenario.

Nin un céntimo máis

A sesión tamén permitiu que o rexedor trasladara á oposición o resultado das conversas mantidas co conselleiro de Presidencia, Alfonso Rueda. “O conselleiro descoñecía se era ou non competencia da administración autonómica aprobar este convenio pero ofreceunos o seu total apoio”, asegurou Xosé Luís Garcia. Ás preguntas do voceiro do Partido Popular sobre a aportación económica que terá que facer o Concello e á situación na que quedará o persoal da Policía Local e o SEBRI, o rexedor asegurou que o proxecto “non representa ningún custe para o Concello porque non é necesario crear ningún ente de coordinación, que xa existe e ten un coste cero, nin hai dotación de medios materiais ou persoais a maiores”. Ao igual que durante a presentación do proxecto, Xosé Luís García apuntou que a única aportación económica que terá que facer o Concello de Brión corresponderá á equiparación salarial dos axentes da Policía Local de Brión cos de Ames.

Neste sentido, o alcalde de Brión explicou que o convenio de colaboración entre ambos concellos non suporá maior carga de traballo nin para a Policía Local nin para o Servizo de Emerxencias que, de feito, xa estaba facendo estas labores en Ames, un concello que está obrigado a contar con este servizo por ter máis de 20.000 habitantes.

“Este proxecto está elaborado por axentes alleos a ambos os dous concellos, cada concello aportou os datos necesarios e se elaborou o informe no que se establecía un aforro total de 800.000 euros e convén establecer que o debate non é se un concello se beneficia máis que outro, que non é o caso, senón defender en qué se beneficia este concello”, afirmou García en resposta aos comentarios do BNG respecto dun ruxe ruxe que afirmaba que Ames resultaba máis beneficado no acordo que o Concello de Brión. En calquera caso, o alcalde de Brión destacou que este Concello gañaba unha policía local as 24 horas os 365 días ao ano.

MANCOMUNIDADE DE ORDES - PROTOCOLO CONTRA A VIOLENCIA DE XENERO


OS MUNICIPIOS DA MANCOMUNIDADE DE ORDES TRABALLARÁN CONXUNTAMENTE CONTRA A VIOLENCIA DE XÉNERO A TRAVÉS DO CIM

Hoxe tivo lugar a primeira reunión dos alcaldes coas forzas de seguridade da comarca e ao longo dos vindeiros días convocaranse mesas sectoriais de debate

14 de marzo de 2011.- A Mancomunidade de Municipios da Comarca de Ordes vai coordinar as actuacións contra a violencia de xénero nos sete municipios da comarca ordense: Cerceda, Frades, Mesía, Ordes, Oroso, Tordoia e Trazo. Unhas actuacións que serán coordinadas polo Centro de Información á Muller (CIM) da Mancomunidade, que estudará a elaboración dun protocolo de actuación conxunto para os 40.000 habitantes da comarca ordense.

Así se acordou esta mañá durante unha reunión mantida esta mañá en Ordes polos alcaldes da comarca con representantes das forzas de seguridade da zona (Policía Local de Cerceda, Ordes, Oroso e Tordoia, así como da Garda Civil) e as integrantes do CIM da Mancomunidade. Un encontro no que participou a Xefa de Servizo de Violencia de Xénero da Subdelegación do Goberno, Pilar González, e o alcalde de Ordes, Manuel Regos Boquete, como anfitrión.

Optimización de recursos

O presidente da Mancomunidade de Municipios da Comarca de Ordes, Miguel Prado Patiño, explicou que o obxectivo desta iniciativa é “organizar o mellor posible os recursos contra a violencia de xénero e, entre totodos, tratar de previla”. Neste sentido, anunciou que “esperamos tamén facer unhas charlas preventivas en cada concello e sacar dípticos informativos para sensibilizar aos veciños sobre esta lacra social”.

Pilar González alegrouse por que “una Mancomunidad se vaya a ocupar de la violencia de género porque así se dará cobertura a mucha más gente y porque es difícil llegar hasta todas las personas en unos municipios tan dispersos como en Galicia. El hecho de coordinar y sumar recursos significa que podemos ser más eficaces”. De feito, fixo fincapé na indeosincrasia do mundo rural, onde tamén hai casos de violencia de xénero pero que non se denuncian. “Las mujeres del rural no denuncian porque no saben que sufren esa situación de violencia, porque tienen miedo o porque la presión social es mayor”, sinalou González.

Pilar González tamén tivo palabras de loubanza para os tres municipios que xa teñen posto en marcha protocolos de actuación contra a violencia de xénero: Ordes, Cerceda e Oroso, do que dixo que “ha sido una sorpresa porque no lo conocía y está muy bien hecho, es eminentemente práctico y tiene cosas muy aprovechables de cara al protocolo común de la Mancomunidad”.

Aflorar as denuncias

Pola súa banda, a directora do CIM, Nazaret González, sinalou que “a realidad da violencia de xénero en Ordes fai necesario que todas as administracións públicas aúnen forzas e den unha resposta coordinada dende as súas competencias”. Nazaret González coincidiu con Pilar González na necesidade de actuar na comarca porque, segundo explicou, “canto máis se traballa no ámbito da violencia de xénero e canto máis nos coordinemos, máis afloran as denuncias. Non é que haxa máis violencia, é algo que xa había pero que agora somos capaces de detectala”.

Por iso indicou que obxectivo da Mancomunidade de Ordes con este proxecto é que “todas as mulleres da comarca de Ordes teñan acceso aos memos recursos e aos mesmos servizos”. Para iso, o Centro de Información á Muller da Mancomunidade vai poñer en marcha mesas de traballo cos distintos axentes implicados na loita contra a violencia de xénero: forzas de seguridade, xulgados, centros educativos, administracións locais e centros sanitarios. “Tomaremos como base os protocolos municipais xa existentes e veremos se os adaptamos á Mancomunidade ou facemos un novo”, explicou a directora do CIM.

Pleno ordinario

Despois desta reunión, tivo lugar o pleno ordinario da Mancomunidade de Municipios da Comarca de Ordes correspondente ao mes de marzo. Nesta sesión, os alcaldes da comarca acordaron solicitar unha axuda ao abeiro da Lei de Desenvolvemento Sostible do Medio Rural e tamén aprobaron a adhesión da Mancomunidade ao convenio asinado entre a Consellería de Presidencia e a FEGAMP para o desenvolvemento da administración electrónica nas entidades locais.

A esta sesión ordinaria do pleno da Mancomunidade de Municipios da Comarca de Ordes asistiron asistiron os alcaldes Miguel Prado Patiño (Frades), Mariano Iglesias Castro (Mesía), Manuel Mirás Franqueira (Oroso), Xosé Dafonte Varela (Trazo) e Antonio Pereiro Liñares (Tordoia), así como o vicepresidente da Mancomunidade, Manuel Astray Mariño, e a concelleira de Servizos Sociais de Cerceda, María Viqueira. 

OROSO - PARQUE BIOSALUDABLE


OROSO ESTREA UN CIRCUÍTO DE PARQUES BIOSAUDABLES NOS ESPAZOS DE LECER DE SIGÜEIRO  

As instalacións, inauguradas polo alcalde esta mañá, están situadas no Paseo do Carboeiro, na Alameda de Góis e na Praza de Alexandre Bóveda

Durante esta semana, unha monitora deportiva especializada apréndelles aos cidadáns a correcta utilización dos dezaseis elementos  

14 de marzo de 2011.- O alcalde de Oroso, Manuel Mirás, inaugurou esta mañá o circuíto de parques biosaudables que o Concello instalou en tres dos principais espazos de lecer de Sigüeiro: o Paseo do Carboeiro, a Alameda de Góis e a Praza de Alexandre Bóveda. Estas tres instalacións, que en conxunto teñen dezaseis elementos, forman parte do programa municipal de mellora de parques públicos.

Así, no Paseo do Carboeiro, a carón do parque infantil, situáronse seis elementos. Outros cinco están nun dos paseos da Alameda de Góis e os cinco restantes na Praza de Alexandre Bóveda, ao lado doutro parque infantil. Cada un deles está deseñado para exercitar as diferentes articulacións do corpo e están indicados para mellorar as funcións cardiovascular e respiratoria, afortalar a musculatura, favorecer a flexibilidade e a axilidade e potenciar a coordinación xeral do corpo.

Estas instalacións xa foron estreadas por un grupo dunhas vinte persoas, durante unha clase na que unha monitora deportiva especializada lles explicou o funcionamento dos distintos aparellos para facer exercicio físico ao aire libre. O vindeiro venres 18 de marzo, a partir das 11 da mañá, está programada outra sesión, de acceso libre, na que todos os interesados poderán recibir as instruccións de uso dos parques.

O alcalde, que asistiu a esta primeira clase acompañado polos concelleiros de Parques e Xardíns, Xosé María Castro, e de Servizos Sociais e Terceira Idade, Mari Carmen Liste, animou aos veciños a “sacar todo o proveito deste novo circuíto, que será moi beneficioso para a saúde da terceira idade e de todos os veciños en xeral, xa que os aparellos son útiles para todas as idades”.

AMES - EXCURSIÓN BARBANZA


Organízase unha excursión á península do Barbanza dentro do programa “Coñecendo o país”
A península do Barbanza será o destino da próxima visita organizada dentro do programa “Coñecendo o país”, que a Concellería de Cultura pon en marcha anualmente para ofrecer á veciñanza de Ames a posibilidade de coñecer o encanto da xeografía galega e a beleza das súas vilas e comarcas tanto na costa coma no interior do país. O 26 de marzo 250 veciños e veciñas do concello poderán achegarse ata o Barbanza para gozar dunha xornada lúdica na que poderán coñecer máis sobre a a historia e o patrimonio de Ribeira, Noia ou a Pobra do Caramiñal. A actividade custará tan só 20 euros e as persoas interesadas poden anotarse ata o venres 18 de marzo. Durante o ano pasado, organizáronse tres excursións, nas que participaron máis de 700 as persoas.
A veciñanza de Ames terá a oportunidade de coñecer o vindeiro sábado 26 a riqueza paisaxística e natural da península do Barbanza. O programa “Coñecendo o país” levará a cabo ese día a primeira saída das tres que prepara anualmente, nas que se ofrece ás persoas interesadas que estean empadroadas no Concello de Ames a posibilidade de coñecer o encanto da nosa xeografía e a beleza das paisaxes e as vilas de Galicia. As persoas participantes nesta primeira visita poderán admirar o Barbanza desde múltiples lugares da península, coma o miradoiro da pedra da Ra, o parque de San Roque ou a Curota.
A excursión comezará ás 9:00 horas da mañá do sábado 26 coa saída desde Bertamiráns e desde o Milladoiro. A chegada a Ribeira, con tempo libre para almorzar, está prevista ás 10:00 horas. Ás 10:30 comezarán as visitas rotativas por Ribeira, polo miradoiro da Pedra da Rá, polo Dolmen de Axeitos e polo Parque Natural de Corrubedo.
Rematadas as visitas da mañá, ás 13:30 sairase para o Restaurante Hotel Oca-Río Azor, onde ás 14:00 horas terá lugar o xantar. Ás 16:00 a excursión sairá para a Pobra do Caramiñal, onde os participantes poderán dar un paseo, e ás 17:00 subirase ata o monte da Curota, un dos mellores miradoiros das Rías Baixas. Ás 18:00 horas o grupo dirixirase a Noia, onde ás 19:00 visitará o seu fermoso casco histórico. Ás 20:00 deixarase tempo libre aos participantes na excursión é as 20:30 terá lugar a saída de volta a Ames, onde se chegará ás 21:00 horas.
As excursións organizadas pola Concellaría de Cultura baixo o programa “Coñecendo o país” gozan historicamente dun grande éxito no Concello. En 2010, realizáronse tres saídas, nas que participaron máis de 700 persoas. Deste xeito, o ano pasado os amienses visitaron as localidades de Cea, Oseira e Ourense na primeira saída, Pedrafita do Cebreiro e Samos na segunda e Celanova e Allariz na terceira e última excursión.
Prazo de inscrición
Todos os veciños e veciñas de Ames que desexen participar nesta excursión poderán anotarse entre o 14 e o 18 de marzo na Casa da Cultura do Milladoiro ou no Pazo da Peregrina en Bertamiráns, en horario de 09:00 a 14:00 horas. Hai dispoñíbeis 250 prazas totais para a visita, que se encherán por rigorosa orde de inscrición. A actividade custa 20 euros, que deberán ser ingresados na conta 2080-0215-41-0040000056 de Novacaixagalicia.


BRION - KEDADA CICLISTA FEMININA


SETENTA PARTICIPANTES TOMARON PARTE ESTE DOMINGO NA PRIMEIRA “KEDADA CICLISTA FEMININA”,

Promovida polo Clube Ciclista Os Esfola Arrós, en colaboración co Concello de Brión, fixeron un percorrido por Brión, Ames e Teo

14 de marzo de 2011. Preto de 70 persoas, entre participantes femininas e acompañantes, déronse cita este domingo na primeira “Kedada ciclista feminina Os Esola Arrós”, que trascurriu nun percorrido de 26 quilómetros polos municipios de Brión, Ames e Teo. O clube ciclistas “Os Esfola Arrós”, en colaboración co Concello de Brión, promoveu esta iniciativa coa que se pretendía animar á participación das mulleres no ciclismo de montaña.

E a resposta non se fixo esperar, xa que se cubriron todas as prazas previstas, 50, nun encontro ao que as mulleres acudiron acompañadas de amigos, parellas, mozos ou incluso fillos, que sumaron participantes ate chegar aos 70. Impulsada pola primeira socia feminina do clube ciclista “Os Esfola Arrós”, a resposta foi todo un éxito na que foi a primeira iniciativa destas características organizada na zona . As participantes saíron ás 9:30 horas da Carballeira de Santa Minia para facer un percorrido de 26 quilómetros, de dificultade baixa, polos municipios de Brión, Ames e Teo, un circuito que se fixo moi levadeiro ademais polo avituallamento ofrecido polo clube na metade do percorrido. Ao remate, no Pabillón Polideportivo de Pedrouzos as participantes puideron asearse e limpar as biclitas da lama do percorrido.

AMES - PRIMAVERA LUDICA 2011


Ábrese o prazo de inscrición para as actividades da Primavera Lúdica
Como en anos anteriores, o Concello de Ames, pon en marcha a Primavera Lúdica, dirixida aos nenos e nenas escolarizados no 2º ciclo de Educación Infantil e en Educación Primaria, e que estean empadroados no concello de Ames. Con este programa preténdese ofertar unha alternativa que, ademais de ocupar o tempo de lecer dun xeito divertido e educativo durante as vacacións escolares, permita as nais e pais conciliar a vida laboral e familiar. A Primavera Lúdica desenvolverase durante os días 18, 19, 20 e 25 de abril en horario de 07:30 h. a 16:00 horas. O prazo de inscrición estará aberto do 14 ao 26 de marzo.
As vacacións de Semana Santa xa están achegándose e en pouco máis dun mes os nenos e nenas amienses disporán de oito días de descanso e lecer. Para que as nais e pais, que teñen fillos/as en idade escolar, poidan conciliar a vida laboral e familiar o Concello de Ames oferta un programa de actividades culturais e formativas que manterán ocupados aos rapaces e rapazas durante as horas nas que as súas familias teñen que acudir a traballar.
A Primavera Lúdica, como o resto de programas lúdicos levados a cabo polo Concello nos últimos anos, busca ao mesmo tempo a diversión dos rapaces no seu tempo de vacacións e a conciliación da vida laboral e familiar dos seus pais/nais. Estas actividades realizaranse durante os días 18, 19, 20 e 25 de abril dende as 07:30 h. ata as 16:00 horas. O horario comprende os tramos Bos días, de 07:30 h. a 09:00 horas (con opción de almorzo), Lúdicos, de 09:00 h. a 14:30 horas e comedor e xogo libre, de 14:30 h. a 16:00 horas.

Este programa está dirixido aos nenos e nenas escolarizados no 2º ciclo de Educación Infantil e en Educación Primaria e que estean empadroados no concello de Ames. Aínda así, poderán acceder tamén a esta oferta lúdica e educativa os fillos e fillas de persoas que, estando empadroadas noutro concello, teñan os seus postos de traballo neste municipio. Esta situación acreditarase cun certificado da empresa ou institución e tendo en conta a preferencia dos empadroados no Concello de Ames. A táboa de prezos da Primavera Lúdica pode ser consultada na sección de avisos desta páxina web.

Prazo de inscrición
Todos os pais e nais que estean interesados en apuntar aos seus fillos/as neste programa de actividades, que se desenvolverá durante a Semana Santa, deben saber que o prazo de inscrición estará aberto do 14 ao 26 de marzo. Para iso poden recoller a documentación necesaria no departamento de Educación en Bertamiráns ou na Oficina Municipal do Milladoiro e entregala no Rexistro Xeral do Concello en Bertamiráns e na Oficina Municipal do Milladoiro, en ambos os casos en horario de 09:00 h. a 14:00 horas. O aboamento do custo do programa realizarase mediante ingreso na conta número 2080-0215-41-0040000056 de Caixanova, indicando o nome e os apelidos do neno ou nena e o nome do programa correspondente, neste caso Primavera Lúdica.
Para poder participar na Primavera Lúdica deberán presentar a ficha de inscrición correspondente, o resgardo de ter aboado o custo do programa, a fotocopia da tarxeta sanitaria do neno ou nena, a autorización asinada conforme o modelo achegado polo Concello e o título de familia numerosa, se é o caso. Na ficha de inscrición deberán sinalar se queren apuntarse ao programa completo ou anotarse por días soltos e indicar ademais o horario ao que desexan apuntarse de entre as opcións e franxas ofertadas.

Unha vez rematado o prazo de inscrición publicarase unha lista de admitidos/as na que se indicarán ademais os lugares nos que terán lugar as actividades e os grupos de idade nos que foron organizados os rapaces. Tanto os grupos como a localización dependerán do número de nenos e nenas inscritos. Cómpre lembrar tamén que os horarios solicitados na ficha de inscrición non poderán ser modificados unha vez rematado o prazo de inscrición.

Para máis información poden chamar ao teléfono 981 891 476, visitar a sección de avisos desta páxina web ou enviar un
correo electrónico ao departamento de educación.