O Concello de Santiago renova o convenio de colaboración coa Cruz Vermella
A concelleira delegada de Benestar Social, Paula Prado, mantivo este martes unha xuntanza co coordinador comarcal da Asemblea da Cruz Vermella, Cibrán Vázquez, co obxecto de abordar a sinatura do convenio anual de colaboración con esta entidade social. Incorpórase como principal novidade a prestación do servizo de teleasistencia no fogar, dirixido a todos aqueles maiores da cidade que vivan sós, como medio de prevención de riscos, e que se complementará coa implantación de 20 sistemas periféricos de detección de gas, fume, movemento e caídas. O orzamento previsto para este convenio de colaboración duplica a cantidade presupostada no anterior exercicio, pasando de 11.000 a 22.000 euros.