La
Habitación Roja presenta hoxe no Teatro Principal ‘Fue eléctrico’ dentro do
Compostela Rock
- Estará de teloneiro Sethler, que presenta o seu primeiro disco, ‘Batalla’
- As entradas para o concerto custan 10€ anticipada e 14€ o día do concerto
Santiago
de Compostela, 23/05/2012.-
La Habitación Roja (Valencia pop-rock) estarán no Teatro Principal hoxe xoves
24 de maio ás 21.00h. nun concerto enmarcado na súa xira ‘Fue eléctrico’ e
dentro do Compostela Rock. Como teloneiro estará Sethler presentando en acústico
o seu primeiro álbum, ‘Batalla’. As entradas para ver a este clásico do pop
español, precedido dunha novidosa proposta custan 10€ anticipada, e 14€ o día
do concerto, e poden mercarse en Novagaliciabanco ou na billeteira do propio
Teatro Principal.
Falar de ‘La Habitación Roja’ é falar dun
clásico do pop español. Un grupo sen présas que medrou con dificultades pero
con paso firme baseando a súa carreira no longo percorrido e na paixón que
desataban nos seus fans. Tras moitos discos no seu primeiro selo saltaron a
Mushroom Pillow para vivir o mellor momento do grupo. ‘Nuevos tiempos’ supuxo a
súa comuñón total co público devolvéndoos ao mellor lugar do trono. Isto viuse
claramente reflectido na súa gran xira de presentación e na multitude de novos
fans que os viron medrar continuamente nunha das carreiras que mellores
palabras recollerá nos vindeiros anos.
Despois volvían publicar novas cancións a
través de ‘Dirán que todo fue un sueño’ para volver aos brazos de Steve Albini
no 2007 para un novo disco onde seguen afianzando un son máis duro e directo ao
corazón. Con ‘Cuando ya no quede nada’ céntranse nos sons máis escuros e buscadores
de ouro. No mesmo 2007 editan ‘Posidonia’, repleto de temas extras e xa en 2008
van ata ‘Esta no será otra canción de amor’ con outro mini cd de 7 temas.
Mentres preparaban o seguinte disco, publicado en febreiro de 2010,
reeditáronse os catro primeiros xunto a extras, inéditos, singles, caras Bs,
maquetas e un novo concepto usual que define finalmente a globalidade do mundo
de ‘La Habitación Roja’. O sétimo disco da súa carreira é ‘Universal’, unha
conxugación de sons pop clásicos con estribillos claros e altas.
Agora presentan ‘Fue eléctrico’. O
quinteto condensou as mellores cualidades que posúen os seus hits de sempre nas
cancións que compoñen este traballo: vibrantes, con gran tensión emocional e
con estribillos que moi pronto serán memorables para calquera fan do pop en
castelán. O disco gravouse nos estudos Ultramarinos de Santi García e o grupo
volveu a dar un xiro de son con respecto ao anterior; Se en ‘Universal’ había
predominio de guitarras acústicas, aquí mandan as eléctricas. “Queriamos facer
un disco no que calquera das cancións servirá para comezar un concerto”, din.
Se con ‘Universal’ chegaron ao posto 14
das listas de venta en España, foi a época con máis concertos da súa carreira e
se sumaron varios hits ao seu repertorio habitual (‘Voy a hacerte recordar’,
‘Febrero’, ‘Younger’) con ‘Fue eléctrico’ só podemos esperar a mesma enerxía e
unha nova suma de clásicos.
Sethler
é o álter-ego musical de Hugo
Martín Cuervo, recoñecido no mundo da curtametraxe por ser o director máis novo
nominado a un Goya. Este xixonés debuta con
‘Batalla’, o
primeiro álbum dunha triloxía xa trazada que se completará con ‘Negociación’
e ‘Tregua’. A banda que colaborou no disco e que acompañará a Sethler en directo fórmana Jorge
García produtor e batería de Nacho Campillo; David Glez. Cambray contrabaixista
de Marlango; e Iván Valdés, guitarrista de Najwa Nimri.
Ningún comentario:
Publicar un comentario