Silleda - selección de integrantes do GRUMIR


O Concello de Silleda convoca un proceso de selección para o servizo do Grumir

-O principal requisito para optar ás prazas (9 operarios e 3 capataces) será estar desempregado/a e inscrito na bolsa municipal de emprego
-Primaranse criterios coma a experiencia nas tarefas propias do servizo, coñecementos relacionados coa actividade ou as cargas familiares


Silleda, 25 de maio de 2012. O Concello de Silleda vai iniciar o proceso de selección para cubrir as 12 prazas (9 de operario e 3 de capataces) do Grupo Municipal de Intervención Rápida (Grumir). O principal requisito para aspirar aos postos é estar en situación de desempregado e figurar inscrito/a no programa Silleda Emprega, a bolsa municipal de emprego.
Para a selección establecense distintos criterios. Así, valorarase estar en posesión de carnés específicos para vehículos especiais y/ou de  emerxencias (como por exemplo o permiso C, BTP ou ADR) e a experiencia non só na extinción de lumes, senon tamén en tarefas coma o desbroce ou traballo de xardinería.
Do mesmo xeito, tamén se terán en conta os coñecementos ou cursiños relacionacionados con esta actividade (prevención, primeiros auxilios…), a existencia de cargas familiares ou a antigüidade na situación de desemprego. Tamén se limita a idade dos aspirantes, que se situará entre os 21 e os 60 anos. 

 A partir do martes día 29

O proceso de selección con todas aquelas persoas que cumpran os requisitos antes mencionados iniciarase o vindeiro martes día 29 a partir das 12.00 horas. Os contratos do Grumir formalizaranse  ata o 31 de decembro deste ano.
A alcaldesa, Paula Fernández Pena, advirte que con este proceso “estamos a cumprir co principio de trasparencia, para que os desempregados de Silleda poidan concorrer libremente a estas prazas en igualdade de oportunidades”.

Ningún comentario: