Santiago – Concertos Semana Santa e vinculo o programa completo

Celébrase do 4 ao 8 de abril na Igrexa da Universidade e no Auditorio de Galicia

Nove concertos no programa musical ‘Semana Santa 2012’

  • Presentárono esta mañá o concelleiro de Cultura, Ángel Currás, e o director-xerente do Auditorio de Galicia, José Víctor Carou

  • O programa presenta unha variedade musical indo desde a época Medieval ata o Barroco con algunha incursión no Romanticismo e no século XX

Santiago de Compostela, 27/03/2012.- O concelleiro de Cultura, Ángel Currás, e o director-xerente do Auditorio de Galicia, José Víctor Carou, presentaron esta mañá o programa musical ‘Semana Santa 2012’ que engloba nove concertos que se celebrarán na Igrexa da Universidade agás un que será no Auditorio de Galicia. O programa de concertos, que se celebra do 4 ao 8 de abril, presenta unha ampla variedade musical indo desde a época Medieval ata o Barroco con algunha incursión no Romanticismo e no século XX e todos os músicos teñen vinculación con Galicia.

Este programa foi elaborado desde a concellería de Cultura para completar a programación cultural da Semana Santa logo de confirmarse que este ano non se podería celebrar o festival de Músicas Contemplativas. Así, traballouse nun programa variado no que todos os artistas teñen algunha relación con Galicia, ben porque son galegos, ben porque desenvolven a súa actividade no noso país.

O programa inaugurase o mércores 8 de abril ás 21.00h co coro Vox Stellae, dirixido por Luis Martínez e co organista Joaquín Barreira. Neste concerto, que se fai en colaboración do Centro Checo, estrearase unha misa en sol que Antonin Tucapsky dedicou a Compostela. O xoves teremos dous concertos. O primeiro, ás 20.00h será con Ars Combinatoria que presenta ‘Quando fuere menester glosar’, música renacentista e poesía do Século de Ouro español e ás 22.00h poderemos escoitar a Germán Díaz, zanfonista que nos presenta un novo método, o cardiofónico, baseado nos latexos do corazón.

Venres ás 20.00h chega a lírica mariana dos trobadores galegos e franceses con Malandança, dirixida por Francisco Luengo e ás 22.00h. os Tesouros clavenicísticos de Diego Ares. Ars Atlántica estará sábado ás 20.00h presentando ‘Dulce desdén’, cancións e danzas da idade dourada, s. XVI e XVII e ás 22.00h poderemos gozar do violín barroco de Amandine Beyer que nos presenta ‘Bach, partitas e sonatas’.

Domingo ás 19.00h teremos o único concerto que non será na Igrexa da Universidade senón no Auditorio de Galicia. Poderemos gozar coa música da Orquestra Nova e a Orquestra de Nenos da Sinfónica de Galicia. E pechará este programa, ás 21.3h. de novo na Igrexa da Universidade, Resonet que nos presenta ‘Il Sole et Luna’, músicas e sonetos do barroco ibérico para o tempo de Paixón, na que poderemos escoitar á soprano Mercedes Hernández xunto cos músicos Paulo González, Carlos Castro e Fernando Reyes e cunha colaboración do actor Evaristo Calvo.

Entradas na billeteira do Principal

A entrada para todos os concertos agás o do Auditorio é de balde previa retirada de convites, cun máximo de dous por persoa, na billeteira do Teatro Principal, aberta de martes a sábado de 18.00 a 21.00h. O concerto do Auditorio de Galicia terá un custe de 3€, agás para os abonados que é de balde.

 

PROGRAMA COMPLETO

Santiago – venda de entradas para o I Free Style

Máis puntos de venda de entradas para o I Freestyle Speed Style de Santiago de Compostela

Séguense incorporando novos puntos de venda de entradas para o I Freestyle Speed Style de Santiago de Compostela, que se celebrará no Monte do Gozo o 17 de maio. Na cidade, os billetes poden obterse no quiosco da praza de Galicia, no estadio de San Lázaro e a través do Autos Lobelle de Santiago F.S, que colabora activamente neste evento.

As entradas para esta proba están tamén á venda na web www.entradas.com, nos caixeiros de Caja Madrid, en Marineda City (A Coruña), no Centro Comercial La Región (Ourense) e nas tendas www.daganoffroad.com. Proximamente incorporaranse novos puntos de venda.

O prezo das entradas en venda anticipada son: 30 euros (cadeiras), 19 euros (grada xeral), 12 euros (infantil) e 55 euros (vip). No despacho de billetes os prezos serán de 35, 25, 15 e 65 euros, respectivamente.

O I Freestyle de Santiago de Compostela permitirá contemplar ao aire libre as máis espectaculares acrobacias sobre unha moto, grazas á presenza do campión do mundo, Dani Torres, e dos sete mellores aspirantes mundiais do momento.

Será unha competición entre oito pilotos, emparellados de dous en dous, que se irán eliminando entre eles tras dar tres voltas a un circuíto e dar os saltos habituais. Serán valorados por un xurado, que determinará o campión, subcampión e terceiro clasificado.

Santiago – inscrición para o xurado de curtocircuito

Está aberta a inscrición ao Xurado Novo da IX edición de Curtocircuito, Festival Internacional de Curtametraxes de Santiago de Compostela.
Calquera cinéfilo que así o desexe pode presentarse e a única condición que debe cumprir é non ter máis de 25 anos. Os interesados teñen que mandar o seu Curriculum Vitae ao enderezo electrónico info@curtocircuito.org. O prazo estará aberto até o 5 de abril 2012 e o equipo de Curtocircuito seleccionará aos que finalmente formarán este Xurado.

Silleda – actividades día do libro infantil

A Concellaría de Mocidade, Conciliación e Infancia organiza varias actividades para conmemorar o Día do Libro Infantil

Silleda, 31 de marzo de 2012

A Concellaría de Mocidade, Conciliación e Infancia que dirixe Margarita Campos está a organizar varias actividades para conmemorar o Día do Libro Infantil o vindeiro 2 de abril.

Está previsto que de 17.00 a 18.00 horas os máis pequenos poidan gozar do obradoiro de traballos manuais “Marcamos Páxina”. A continuación, está prevista a actividade “Botámoslle un conto” na que os rapaces crearán unha historia entre todos, e que será de 18.00 a 19.30 horas; os dous obradoiros se desenvolverán na Casa da Xuventude de Silleda.

Os que queiran participar nesta actividade gratuíta, deberán inscribirse nas propias dependencias ou chamando ao 986580064.

Asemade, potenciarase o punto de lectura instalado en colaboración coa Asociación Avanza Trasdeza, enmarcada no Programa Pelegríns de Papel, coa incorporación de novos e divertidos libros para os mais pequenos, ata o día 9 de abril. Os rapaces, poderán coller un libro dos do punto, a cambio de deixar outro no mesmo sitio.

A Concelleira de Xuventude, Margarita Campos, destaca a importancia destas actividades que “animan aos máis pequenos a gozar da lectura, algo imprescindible para o seu desenvolvemento”.

Santiago – axenda sábado 31, cortes de tráfico e actuacións policía local

Sábado 31

A partir das 11.30 h

No Palacio de Congresos e Exposicións de Galicia, I Fase da XXII Liga Galega de Bandas de Gaitas. O acceso é libre e gratuíto. Ás 20.30 h, clausura.

18.00 h e 21.00 h

No Teatro Principal, eme2 presenta 'O Florido Pénsil' de Andrés Sopeña. Con Xosé Manuel Olveira, ‘Pico’; Antonio Durán, ‘Morris’; Federico Pérez, Josito Porto, e Alfonso Agra. Fernando Bernués e Mireia Gabilondo, dirección. 

19.30 h

No Auditorio de Galicia (Sala Mozart), concerto da Escola Municipal de Música. Musical “O mundo de Händel”.

20.30 h

Na Zona "C", 'Hamlet' con Alfredo Padilla [en galego]

21.00 h a 22.00 h

O Concello de Santiago súmase á campaña Hora do Planeta 2012, organizada por WWF, mediante o apagado do alumeado monumental da Casa do Concello e a Catedral e o aagado do alumeado público na avenida de Lugo, desde o Hórreo ata San Caetano.

Corte de tráfico na rúa Nova de Abaixo e na avenida do Camiño Francés

Desde as 15.00 horas do sábado 31 de marzo ata as 19.00 h do domingo 1 de abril pecharase ao tráfico o acceso á rúa Nova de Abaixo desde a praza de Vigo por mor da colocación dun elevador para a realización de obras na fachada do edificio número 23 da devandita rúa. O acceso á rúa Nova de Abaixo farase pola praza Roxa-Santiago del Estero.

Corte de tráfico na avenida do Camiño Francés

Por mor das obras de aglomerado dos viais de circulación no tramo das obras do túnel das Cancelas é preciso o corte de tráfico da avenida do Camiño Frances en ámbolos dous sentidos de circulación entre a rúa do Valiño e a avenida Rodríguez de Viguri, a partir do sábado 31 de marzo e ata o 7 abril.

Os desvíos faranse pola rúa das Fontiñas, e pola rúa das Cancelas-rúa Vintecinco de xullo. Os vehículos pesados serán desviados pola avenida de Asturias.

O Concello de Santiago de Compostela prega aos cidadáns desculpen as molestias que estas alteracións no tráfico lles poidan ocasionar.




SERVIZOS PRESTADOS POLA POLICÍA LOCAL

(Desde as 08:00 h. do día 29 ata as 08:00 h. do día 30 de marzo).

ACCIDENTES

Nas últimas 24 horas o Equipo de Atestados da Policía Local non rexistrou ningún accidente na cidade.

CONTROIS

-Procédese á detención de CATRO persoas como presuntas autoras de varios delitos de DANOS ao ser sorprendidas causando disturbios nas inmediacións da Virxe da Cerca, portando ademais varias bombas de palenque nunha mochila.

-Identifícase a unha persoa na rúa do Vilar, que é proposta para sanción por atoparse berrando na vía pública.

-Realízanse varios controis de horario/documentación en diferentes locais da cidade.

-Practícase unha proba de alcoholemia a unha muller, que é detida ao arroxar resultado positivo (0.99mg/l).

AUXILIOS

-Solicítase unha ambulancia do 061 para proceder ao traslado dunha persoa na praza de Vigo que se atopaba aparentemente intoxicada por estupefacientes, sendo trasladada ao hospital.

Oroso – modificación puntual do PXOM para arranxar a situación de Porto Avieira

O PLENO DE OROSO APROBA PROVISIONALMENTE UNHA MODIFICACIÓN PUNTUAL DO PXOM PARA SOLUCIONAR A SITUACIÓN DE PORTO AVIEIRA

O pleno rexeitou a alegación presentada polo Partido Galeguista aos orzamentos, polo que quedaron aprobados de xeito definitivo

30 de marzo de 2012.- O pleno do Concello de Oroso aprobou provisionalmente unha modificación puntual do PXOM para solucionar os problemas coa mina de Porto Avieira. Unha modificación puntual do PXOM que abarca unha parte da ordenación da urbanización de Porto Avieira e permitirá solucionar a paralización do proceso urbanístico de desenvolvemento dun solo urbanizable, onde os propietarios non puideron edificar debido á afección urbanística xurdida pola existencia dun xacemento arqueolóxico que afecta a eses terreos.

A unanimidade rexistrada na primeira aprobación do pasado mes de setembro de 2010 non se repetiu esta mañá, pois o Partido Galeguista votou en contra e o PP optou pola abstención, pese a recoñecer que se trata da única forma de solucionar a problemática da urbanización Porto Avieira. Pola súa banda, o alcalde de Oroso, Manuel Mirás Franqueira, insistiu en que “nós imos solucionar os problemas de Porto Avieira e isto que hoxe aprobamos é bo para os veciños, para os propietarios e para o Concello. É unha solución responsable”.

Aproveitamento urbanístico

Diante das críticas do Partido Galeguista sobre presuntos cambios de edificabilidade a prol dunha empresa e sobre a propia recepción da urbanización, Mirás Franqueira lembrou que “a recepción de Porto Avieira foi parcial” e lamentou que “algúns políticos estén intoxicando aos veciños de Porto Avieira e desprestixiando esta urbanización”. Coa modificación puntual aprobada hoxe, o Concello de Oroso garantirá o aproveitamento urbanístico aos propietarios do solo, que non puideron materializar o devandito aproveitamento, e tamén garantirá a protección do elemento patrimonial, segundo os traballos de prospección e as indicacións da Consellería de Cultura e Turismo.

Manuel Mirás insistiu en que “con esta modificación non aumentamos os metros cadrados de edificabilidade e trasladamos esa edificabilidade a unha parcela onde se ía construír un equipamento privado”. Neste sentido, confirmoulle ao PP que o equipamento escolar previsto na zona segue adiante.

Modificación do PXOM

O pleno tamén aprobou, desta vez por unanimidade, o cambio de calificación xurídica do inmoble do antigo centro de saúde de Sigüeiro, que pasará a albergar a Casa da Xuventude e a Aula de Música de Oroso. Así mesmo, deuse conta do informe negativo da Secretaría Xeral de ordenación do Territorio e Urbanismo sobre a aprobación definitiva da modificación puntual número 1 do PXOM do Concello de Oroso, correspondente á zona da Barciela. A preguntas do PP, Manuel Mirás explicou que “se trata dun fallo do técnico que fixo o informe e que utilizou a cartografía do PXOM de 1994 do Concello de Santiago cando tiña que facelo coa cartografía actual”. Neste sentido, Mirás sinala que “os erros que hai que corrixir son do informe ou de quen fixo o informe da Consellería, non do Concello de Oroso nin do equipo redactor”.

Mirás Franqueira insistíu en que “imos seguir traballando para que os veciños desta zona teñan o mellor plan posible para os seus intereses e que todos os veciños de Sigüeiro e Oroso teñan o mellor PXOM posible para que cada vez teñan máis dotacións deportivas, culturais, educativas, viarias, parques, alamedas, etc”.

Orzamentos e resto da orde do día

O pleno municipal tamén aprobou definitivamente os orzamentos municipais para 2012, logo de rexeitar a alegación presentada polo Partido Galeguista cos 6 votos a favor do grupo de Goberno e os 5 votos en contra de PP e PG. Uns orzamentos que ascenden a 14,8 millóns de euros, un 1,45% máis que en 2011. Así mesmo, o pleno aprobou inicialmente o Regulamento Orgánico do Concello de Oroso coa mesma votación que o punto anterior.

De feito, PP e PG pediron a realización dun informe xurídico do Secretario Municipal sobre o Regulamento, petición que foi rexeitada por Manuel Mirás ao especificar que “este regulamento se axusta á Lei, polo que lles pido que non pidan unha cousa en Oroso e outra noutros concellos”. Ademais, especificou que ese informe non é preciso porque o secretario non ten a obriga de facelo, pero deixou liberdade aos dous grupos a que soliciten un informe xurídico a quen o desexen.

O pleno tamén aprobou a ordenanza reguladora da utilización dos locais municipais polas asociacións veciñais, culturais, deportivas, de maiores e asociacións sen ánimo de lucro municipais. Un punto aprobado cos 7 votos a favor do Grupo de Goberno e Partido Galeguista e a abstención do PP.

Por último, a ordenanza reguladora da concesión de axudas ao transporte metropolitano na área de Santiago de Compostela foi aprobada por unanimidade, mentres que a ordenanza fiscal reguladora da taxa pola utilización da fotocopiadora municipal xerou un fondo debate, ao suxerir o PP que se poderían vulnerar dereitos de autor e suxerir a posibilidade de consultar coa SGAE. Manuel Mirás zanxou o debate explicando que esta fotocopiadora/impresora está situada na aula de informática e que así poderá ser utilizada polos seus usuarios. Neste sentido, defendeu a profesionalidade da responsable da Biblioteca Municiapl, “que sabe ben o que se pode e o que non se pode fotocopiar”.

Mocións

Por último, o pleno aprobou cos 7 votos a favor do Grupo de Goberno e do Partido Galeguista (e os 4 en contra do PP), sendas mocións presentadas polo grupo municipal socialista sobre a reforma laboral e a dación en pago. Así, o Concello de Oroso solicitaralle ao Goberno que a dación en pago non sexa algo voluntario para os bancos, senón que sexa regulada por unha lei na que se especifiquen todos os supostos nos que se aplicaría a dación en pago. No caso da reforma laboral, os socialistas instaron á súa modificación e a retomar o diálogo social diante “dunha reforma laboral das 3 “íes”: inxusta para o traballador, ineficaz para a economía e inútil para o emprego”, explicou o concelleiro Luis Rey.

A terceira moción, presentada polo BNG, non foi debatida pola ausencia nesta sesión do concelleiro nacionalista Xosé Pérez Penas, de xeito que será incluída na orde do día do vindeiro pleno.

Ames Novo Ames – sobre o plan de axuste do concello

O GOBERNO DE AMES EVITA DEBATER COA OPOSICIÓN PARA OCULTAR A SÚA INCAPACIDADE

Pilar Candocia: "Ao goberno do PP moléstalle que Ames Novo sexa máis responsable e institucional que eles. A nosa actitude construtiva deixa en evidencia a súa incapacidade para dirixir un Concello como o de Ames, quédalles moi grande; non soportan que nós teñamos máis iniciativa, criterio e capacidade de diálogo desde a oposición."

(Ames 30.03.2012) O Partido Popular de Ames acaba de aprobar nun Pleno de 15 minutos, coa presencia única dos concelleiros do PP, e sen o debate preciso, o documento máis importante da lexislatura. O Plan de Axuste do Concello de Ames foi remitido ás forzas da oposición o día 28 coa intención de ser aprobado no Pleno do día 29 de marzo. Os grupos da oposición, Ames Novo e Socialista, fixeron unha proposta conxunta para que se debatera en comisión o día de hoxe e se aprobase acto seguido no Pleno, mesmo renunciando a cobrar pola súa asistencia. Este calendario estaba contrastado cos servizos económicos do Concello e non interfería na tramitación do Plan ante o Ministerio. O obxectivo da proposta -que remitimos no anexo- era dispoñer dun tempo mínimo para analizar o Plan e poder adoptar unha posición xuiciosa sobre un documento que hipoteca o futuro de Ames, solicitamos dous días para estudalo cando os Populares sabían da súa obriga de presentar o Plan desde o 25 de febreiro, o goberno negouse.

O sucedido estes días demostra a falta de respecto institucional aos representantes da corporación, Santiago Amor está caendo en todos os vicios que criticou durante os catro anos anteriores. Pero non só é unha cuestión de manter as forma democráticas, o Partido Popular de Ames evita debater coa oposición para non quedar en evidencia diante da cidadanía. O goberno non ten iniciativa, nin criterio e vai a remolque das propostas que presenta Ames Novo, por iso quere disimular a súa incapacidade. O goberno tiña o Pleno de marzo como límite para aprobar a Conta xeral de 2011 e non o fixo, polo que volvemos a estar en situación irregular e poñendo en perigo as achegas da Xunta e do Estado, ao igual que o ano pasado. O goberno tampouco foi capaz de presentar os orzamentos cando xa o prometeran para o 15 de marzo. Disimulan a súa incapacidade de planificación e xestión económica con este Plan de axuste, que é un labor do Interventor, aínda que con grande relevancia política.

Este caso demostra con claridade a actitude dos Populares. Ames Novo demandou no Pleno do mes de decembro a elaboración dun Plan Económico e Financeiro para abordar con perspectiva de futuro os problemas da facenda municipal, o goberno Popular dixo que o ía facer e chega co Plan de axuste á ultima hora de forma precipitada, falta previsión. Ames Novo demostrou no Pleno que a situación económica do Concello non era tan grave en comparación con municipios semellantes e que non era necesario recortar servizos nin persoal municipal, agora o documento elaborado polo Departamento de Intervención fai unha proposta de equilibrio económico a medio prazo sen redución de servizos nin persoal -o que a súa vez demostra que a motivación dos despidos non era económica-. Ames Novo recolleu nunha moción do mes de xaneiro varias propostas que agora se inclúen no Plan de axuste: racionalización do gasto sen afectar aos servizos de benestar e o emprego, xestionar con recursos propios servizos externalizados ou acollerse ao sistema da Deputación para a recadación municipal sempre sen diminuír a calidade do servizo; agora o goberno inclúe varias das medidas propostas de Ames Novo a proposta do Interventor.

Ames Novo desenvolveu desde o primeiro momento unha oposición responsable, mantendo unha actitude construtiva, de colaboración institucional e de firmeza ante as propostas de recortes do Partido Popular. A realidade é que presentamos máis iniciativas que o propio goberno, demostramos capacidade de planificación e anticipación, e facemos isto desde o diálogo coas entidades cidadás. Para Ames Novo a cidadanía é o primeiro, o noso compromiso co benestar da sociedade e o impulso de Ames está por riba de calquera sigla. Colaboramos co goberno Popular e co grupo Socialista cando é bo para as veciñas e veciños, e sobre todo mantemos unha liña de diálogo permanente coas asociacións e a viva sociedade de Ames, demostrando que a política pode facerse de outro xeito, escoitando e colaborando coa cidadanía. A democracia é unha cousa de todos os días, e que afecta a todas e todos.

A intransixencia do goberno Popular impediu que as forzas da oposición puidesemos facer as achegas a este Plan clave para o futuro de Ames, furtando o debate, a posibilidade de enriquecer o documento e mesmo que fose avalado polas tres forzas da corporación, de darse o caso e chegar a un acordo. Ames Novo vai trasladar ao goberno unha serie de consideracións ao documento, como críticas e como propostas de mellora. A pesar de que o goberno non quixese proceder coas garantías democráticas oportunas, nós trasladamos nosas propostas para que sexan consideradas polo Concello e que a cidadanía coñeza a nosa avaliación do Plan e a nosa achega.

En todo caso, en palabras de Candocia "o Plan de axuste demostra que remataron as escusas, hai que poñerse a gobernar e deixar de laiarse. Xa non vale falar de falta de recursos, o que faltan son ideas, iniciativa e capacidade de xestión, ou sexa, o equipo de goberno polo que aínda estamos esperando."

BNG Ordes / Concello – valoracións pleno extraordinario plan de axuste

O BNG SOSPEITA QUE O ALCALDE VAI PAGAR A SÚA “CAMPAÑA ELECTORAL” CO FONDO PARA O PAGO AOS PROVEEDORES

- O alcalde negouse a cumprir coa lei, e non convocou un Pleno para informar da relación de facturas impagadas, razón pola que os nacionalistas o acusaron de esconder gastos de “dubidosa xustificación”

- O BNG propuxo un plan de pagos para os proveedores do Concello, priorizando o pago das facturas xustificadas das pequenas e medianas empresas, reducir os gastos innecesarios e subir os impostos só ás rendas máis altas, proposta que foi rexeitada polo goberno municipal
- Castro acusou ao alcalde de hipotecar aos veciños de Ordes para os próximos 10 anos, ao pagar case un millón de euros de intereses por un préstamo de 2,8 millóns, reducindo en 400.000 euros anuais os servizos públicos e subindo os impostos en 300 euros anuais ás familias medias.

Ás 7:30 da madrugada de hoxe, tivo lugar un Pleno extraordinario e urxente no Concello de Ordes, para aprobar o Plan de Axuste para acceder ao crédito do Fondo para o pago aos proveedores, por un importe de 2,8 millóns de euros. Gonzalo Castro, portavoz municipal do BNG, acusou ao alcalde de pretender evitar a asistencia dos veciños e veciñas de Ordes ao Pleno co horario de celebración do Pleno.

O portavoz municipal do BNG de Ordes, Gonzalo Castro, cargou duramente contra o alcalde ao que acusou de “pretender financiar gastos de dubidosa xustificación co acceso a este crédito do fondo para o pago aos proveedores”.

Castro lembroulle ao alcalde que “para poder acceder ao fondo para o pago aos proveedores, a lei obriga ao Concello a dar conta ao Pleno da relación certificada de todas as obrigacións pendentes de pago”.

O portavoz nacionalista afirmou que “esta relación certificada de todas as facturas pendentes debería ter sido levada ao pleno da corporación local, e posta a disposición dos membros da Corporación Municipal con 48 horas de antelación, tal e como esixe a lei, cos datos referentes a: importe, concepto da factura, cif, denominación social e domicilio do proveedor, cousa que o alcalde non fixo en ningún momento, escondendo esta información, a saber con que oscuros intereses”.

O portavoz do BNG lembrou que “o BNG solicitou reiteradamente o acceso á relación certificada polo interventor remitida ao Ministerio de Facenda, mais finalmente, o único que se lle permitiu pola alcaldia foi examinar múltiples facturas almacenadas en caixas que non se correspondían coas facturas que se pretenden pagar co crédito, xa que moitas delas xa se atopaban pagadas e na suma faltaban máis de 400.000 euros con respecto ao montante total da operación de crédito”.

O portavoz nacionalista preguntouse “por que o alcalde ten tanto interese en que non se descubran as facturas pretenden pagar con ese crédito, desde logo isto é para sospeitar que o pretende pagar é a súa campaña electoral”

Crítica do BNG ao Plan de axuste

O portavoz do BNG criticou duramente o Plan de Axuste e a operación de crédito, aprobada polo goberno municipal, co apoio de PSOE e CIDEGA, porque “vai hipotecar o futuro dos veciños de Ordes para os próximos 10 anos”
Castro afirmou que “por este crédito de 2,8 millóns de euros, o Concello obrigase a pagar aos bancos perto dun millón de euros de intereses, cuns intereses leoninos, o que demostra a verdadeira intención do fondo para o pago aos proveedores creado polo goberno central do PP, crear máis negocio para os bancos”.
O portavoz nacionalista afrmou que “con este Plan de Axuste, os veciños e veciñas de Ordes terán recortes en servizos públicos por valor de case 400.000 euros anuais e sofrirán unha brutal subida dos impostos, taxas e prezos públicos de perto de 300 euros anuais por familia media”

Castro salientou que “o BNG non está disposto a apoiar unha amnistía xeral a un goberno municipal que veu presentando presupostos con partidas de ingresos infladas, acumulando facturas por millóns de euros, procedentes de gastos de dubidosa procedencia, e que agora pretende que sexan os veciños quenes paguen esta situación con recortes en servizos públicos e aumento brutal dos impostos”.

A proposta do BNG. Un plan de pagos.

O BNG propuxo que “se habilitase un plan de pagos para os proveedores do Concello, priorizando o pago das facturas xustificadas e "xustificables” das pequenas e medianas empresas, que teñen moita máis prioridade que os 600.000 euros que supostamente se deben a Fenosa, ou os 200.000 que se deben a Sogama, e deixando para o final os gastos de dubidosa procedencia, sobre os que se estudaría a pertinencia do seu pago”.
Ademáis, Castro propuxo “unha reducción dos gastos innecesarios, comenzando polas propias asignacións e dietas dos membros da Corporación Municipal, coa reducción das reunións da Xunta de Goberno Local e dos membros das Comisións Informativas, acompañado dun aumento dos ingresos gravando máis nos impostos municipais ás rendas máis altas”.

Con respecto aos impostos municipais, o portavoz nacionalista lembrou que “o BNG propuxo unha reforma das taxas e impostos máis xusta en outubro de 2011, diminuindo os impostos para as rendas máis baixas e aumentándoos para as rendas máis altas, pero tanto UxO como PP rexeitaron esta proposta”.

Con estas medidas propostas polo BNG, Gonzalo Castro asegurou que “se poderían atender as facturas realmente xustificadas dos proveedores do noso Concello, aforrando os intereses de perto dun millón de euros do fondo do Ministerio, e sen facer recaer nos veciños o custo destes pagos en forma de recortes de servizos públicos e subidas brutal e inxusta de impostos para as clases medias”.

En resposta ao goberno municipal, Castro salientou que “o voto en contra da Corporación Municipal ao Plan de axuste non pon en perigo o cobro dos proveedores, senon todo o contrario, xa que, ainda que tampouco se aprobase este plan de pagos proposto polo BNG, o pago aos proveedores faríase directamente polo Estado con retencións do Concello na Participación nos Ingresos do Estado”. Esta afirmación do portavoz nacionalista foi corroborada polo secretario xeral da Corporación Municipal.

Ordes aproba no pleno un novo plan de axuste para obter 2,7 millóns de euros destinados ó pagamento de proveedores

O alcalde asegura que a débeda de cada habitante do municipio está en 173 euros, por debaixo da media galega que está estipulada en 264 euros

Ordes 30 marzo 2012. A corporación municipal de Ordes celebrou hoxe dúas sesións plenarias de carácter extraordinario e ordinario. Na primeira delas tratouse o plan de axuste elaborado polo interventor municipal ao abeiro do real decreto-lei 4/2012 de 24 de febreiro. Os nove votos a favor por parte de UXO, CIDEGA e PSOE supuxeron a aprobación do chamado Plan de pagamento a proveedores e acreedores desenvolvido polo Goberno central. Tanto o BNG como o PP, con oito votos en total, rexeitaron esta medida. En total serán 2,7 millóns de euros os que se soliciten para abonar diversas facturas pendentes de pago.

Según os nacionalistas a día de hoxe “todavía non se sabe o que realmente se vai a pagar con este plan”. Gonzalo Castro, voceiro do BNG, tamén asegurou que se está a condenar ós veciños e veciñas a ter que vivir unha grave situación durante os próximos 10 anos debido ó crédito que haberá que pagar e que se sitúa arredor dun millón de euros”. “Neste plan de axuste todos pagan por igual, o que é profundamente inxusto”, concluiu Castro.

Según Ana Álvarez de CIDEGA “con esta acción temos unha boa oportunidade para sanear a situación do Concello. Tras revisar as facturas vemos que prácticamente o 90% dos acreedores e proveedores son de Ordes e iso é moi positivo”. O voceiro socialista Xesús Pedreira asegura que “nesta decisión vai o futuro de moitas familias de Ordes o que suporá un balón de oxíxeno”. Pedreira tamén criticou o xuro estipulado nun 5% para as administracións locais comparándoo co 1% que se lle aplica ós bancos dende a UE. Un plantexamento que tamén foi secundado polo alcalde Manuel Regos.

Para o Partido Popular “todo isto ven a demostrar a situación tan crítica e delicada que atravesa o Concello, provocada pola nefasta xestión do alcalde”. Debido a elo solicitaron a dimisión de Manuel Regos para que “sexan outros os que saquen para adiante este plan de axuste”, concluiu o líder do populares José Luis Martínez Sanjurjo.

Na súa intervención Regos lembrou que nestes últimos anos o Concello de Ordes recibiu o investimento máis importante da súa historia situándoo en arredor de 20 millóns de euros, o que supón máis de 1.000 por cada veciño ou veciña. Asegurou tamén que a débeda de cada un deles ascende a 173 euros “bastante inferior que a media do resto de Galicia estipulada en 264 euros”, confirmou Regos.

O alcalde de Ordes e os seus compañeiros de partido quixeron agradecer públicamente o traballo realizado polo interventor e os técnicos nestes últimos días en relación ó plan. Regos asegurou que se amortizarán varios postos de traballo para sacalo adiante e que non se poderán prestar servizos de maneira gratuita tal e como se viña facendo en moitos concellos.

Xa pasadas as 8 horas daba comenzo a sesión ordinaria do pleno municipal de Ordes correespondente ó mes de marzo. Con dez votos a favor (UXO, PSOE, BNG) e 7 abstencións (CIDEGA, PP) aprobouse o increemento en nómina de 381 euros para os policías locais. Un plus que xa se lles viña aplicando ata o de agora pola súa disposición e prestación de servizos durante as festas, concertos ou eventose de diversa índole. Servizos que ademáis se ven incrementados dende que xa non se dispón do Grumir.

Tamén se aprobou o inicio dos expedientes de rescisión de contratos dos postos ubicados na praza de abastos. Os dous únicos votos en contra correron a cargo o BNG, mentres que o resto de formacións votaron a favor desta medida. Pedreira destacou a importancia de equiparar as tasas que pagan os comerciantes da praza coas dos restantes establecementos. Os nacionalistas destacaron a importancia de levar a cabo un regulamento eficaz e un plan de reactivación deste espazo. O PP destacou a importancia de ter en conta os actuais placeiros xa que consideran que son merecedores dalgún beneficio dado o desenvolso que teñen feito ata o de agora nos seus postos. En palabras da tenente alcalde Silvia Marín “o que se pretende é que toda a xente que traballe na praza teña as mesmas condicións, tendo en conta que hai xente que polos anos que leva teñen que ter unha serie de prioridades”.

A creación de ficheiros cos datos persoais referentes a promoción económica e de emprego que manexa o Concello, tal e como marca a lei, foi aprobado por unanimidade.

Xa no apartado de mocións o PSOE solicitou a apertura dunha liña de finanzamento ao 0% a través do IGAPE para a compra de forraxe para alimentar ó gando, así como a condonación das cotas a Seguridade Social dos profesionais do sector lácteo durante seis meses. Deste xeito preténdese contribuir dada a seca que está a padecer un sector de vital importancia para Ordes, xa que é a terceira comarca en cuota de producción a nivel galego. A proposta contou co apoio unánime de todas as forzas políticas.

Os socialistas tamén solicitaron que dende a Xunta se asuman os gastos en mantemento, limpeza e vixianza dos centros escolares. Uns gastos cos que veñen acarreando as corporacións municipais e que corren serio perigo derivado da situación económica. A moción foi aprobada grazas ós votos de todos os grupos agás o PP que se abstivo.

Pola súa banda o BNG solicitou unha consulta popular para decidir a actuación que se emprenderá na antiga Casa Consistorial. Ésta foi desestimada cos votos en contra do PP e UXO, ademáis das abstencións de CIDEGA e PSOE. Neste punto Regos avanzou que según os criterios dos técnicos da Xunta o máis recomendable sería o reforzamento da estructura do inmoble e o seu vaciado e reconstrucción interior. Outras mocións presentadas polos nacionalistas e que non se aprobaron foron a que solicitaba a publicación dos bens patrimoniais dos concelleiros e do alcalde na web do Concello e outra que solicitaba o apoio e respaldo á folga xeral celebrada na xornada de onte. En ambos casos só se contou cos votos de BNG e PSOE, mentres que os demáis grupos votaron en contra.

Destacou o rogo presentado polo socialistas no que instan a poñerse en contacto con Demarcación de Carreteras de Galicia para que faciliten o acceso a certos viais e tramos de difícil acceso tras o repintado da N 550 o seu paso por Ordes. Regos informou da xuntanza mantida con Ángel González del Río hai escasos días. Según o responsable do citado organismo a solución en moitos casos pasaría por aumentar a travesía, o que se traduce nun maior tramo con velocidade reducida a 50 km/h. Para o acceso ó polígono industrial prevese a instalación dunha rotonda de auga.

Esquerda Unida Santiago – exito da folga xeral

image

Brión – o alcalde lembra que As Torres de Altamira son da deputación

O ALCALDE DE BRIÓN APOIA A PROPOSTA DE MELLORA DO ENTORNO DAS TORRES DE ALTAMIRA PERO LEMBRA QUE É SON PROPIEDADE DA DEPUTACIÓN DA CORUÑA

30 de marzo de 2012.- O alcalde de Brión, Xosé Luis García, apoia a proposta realizada polo Partido Popular brionés sobre a necesidade dunha mellora no entorno das Torres de Altamira, aínda que puntualiza que “neste caso é a Deputación, e non o Concello de Brión, quen ten as competencias para facelo”. E é que as Torres de Altamira están declaradas Ben de Interese Cultural e son propiedade da Deputación da Coruña. Por iso, o alcalde brionés amosa a súa extrañeza polo feito de que o voceiro do PP anuncie a presentación dun escrito para o seu debate no pleno de Brión no canto de facelo na Deputación Provincial da Coruña, “onde ademais se dá a circunstancia de que está gobernando o seu partido”.

Xosé Luís García lembra que o Concello de Brión sempre tivo un especial interese na promoción das Torres de Altamira como un dos elementos máis importantes e representativos do patrimonio cultural en Brión. De feito, as propias torres son utilizadas como logotipo representativo do Concello de Brión. Ese interese plasmouse a principios de 2008 nun acordo co anterior equipo de Goberno da Deputación da Coruña e que permitiu realizar tarefas de limpeza e mellora da sinalización das Torres de Altamira.

As Torres de Altamira aséntanse sobre unha acrópole castrexa e dispoñen dunha fermosa vista panorámica do val da Amaía. As primeiras construccións desta fortaleza datan do século IX, que foi asediada e arrasada polos Irmandiños no 1469. Na actualidade, e despois de numersos expolios, só quedan restos da muralla, dunha torre (chegou a ter seis) e do pazo, pertencentes á reedificación de 1471 despois do asedio irmandiño.

Frades – aprobado por unanimidade o plan de axuste

O PLENO DE FRADES APROBA POR UNANIMIDADE O PLAN DE AXUSTE PRECISO PARA AFRONTAR OS 166.000 EUROS DO PLAN DE PAGO A PROVEEDORES

30 de marzo de 2012.- O pleno municipal de Frades aprobou por unanimidade o Plan de Axuste esixido de acordo co Real Decreto Lei 4/2012, de 24 de febreiro polo que se determinan obrigas de información e procedementos necesarios para establecer un mecanismo de financiación para o pago aos proveedores das entidades locais. Un plan ao que o Concello de Frades se vai acoller para aboar facturas por un total de 166.924 euros, dos que a maior parte (103.000 euros) correspóndense con dúas certificacións de obra.

O interventor municipal explicou á corporación a estrutura deste plan e salientou que o Concello de Frades podería aboar estás facturas con proveedores sen ter que acudir a préstamo algún, pero que iso suporía que os proveedores terían que agardar ata o mes de xuño. De feito, no primeiro trimestre deste 2012 o Concello de Frades abonou facturas por un importe de máis de 147.000 euros.

Para evitar esa espera, o alcalde Miguel Prado Patiño destacou que “pensamos que a proposta do Goberno é moi interesante para poder así pagarlles de inmediato aos proveedores”. Ademais, Prado Patiño destacou as vantaxosas condicións do préstamo cun tipo de interese do 5% a 10 anos, con 2 anos de carencia. “Se tiveramos que negocialo directamente cunha entidade bancaria, teriamos que pagar uns intereses máis elevados”, destacou o alcalde de Frades.

O Plan de Axuste aprobado esta mañá non suporá a destrucción de ningún posto de traballo nin a desaparición de ningún servizo aos veciños e veciñas de Frades. De feito, o Plan de Axuste baséase nunha previsión de ingresos de 100.000 euros para gasto corrente procedentes da Deputación da Coruña e dos ingresos polo incremento do IBI urbano. A maiores, haberá reduccións procedentes das subvencións nominativas e dos gastos en iluminación pública.

Por outra banda, o pleno tamén aprobou por unanimidade un expediente de delimitación de solo de núcleo rural en Fraga (Santaia de Moar), publicado no DOG do 22 de febreiro e que non recibiu alegación algunha tras a súa correspondente exposición pública. Así mesmo, a corporación aprobou o envío do expediente á Xunta. Unha votación da que se ausentou a concelleira do BNG, Nelly Iglesias, por ser parte interesada no expediente.

Santiago – aberto prazo para o obradoiro "`pequenos cineastas”

Aberto o prazo de inscrición no Obradoiro de pequenos cineastas do programa Compostela Cine Classics`12

O programa Compostela Cine Classics’12 inclúe entre as súas actividades un Obradoiro de pequenos cineastas, que se desenvolverá os mércores 25 de abril e 2 e 9 de maio e os xoves 26 de abril e 3 e 10 de maio no Centro Sociocultural das Fontiñas. A inscrición neste singular obradoiro estará aberta ata o 18 de abril.

Neste Obradoiro de pequenos cineastas, os nenos e nenas aprenderán as marabillas da sétima arte. Construirán un minidecorado de cine e traballarán co chroma e con animación stop-motion. Participarán como protagonistas nas pequenas pezas que creen. O taller está destinado a rapaces e rapazas entre 7 e 12 anos. As sesións terán lugar entre as 18:30 e as 20.30 horas.

O prezo é de 9 euros e a inscrición pode formalizarse ata o 18 de abril no CSC das Fontiñas ou no CSCXM do Ensanche, en horario de 10:00 a 14:00 e de 17:00 a 21:00 horas.

Proxección de A dilixencia, de John Ford

Por outra parte, e no marco do mesmo programa Compostela Cine Classics, continúan as proxeccións de grandes filmes da historia do cine. Nesta ocasión, o Centro Sociocultural e Xuvenil Municipal do Ensanche acolle a proxección de A dilixencia, de John Ford (1939). E a continuación, charla con café na compaña de Moncho Lemos, crítico de cine da TVG e da Radio Galega. A entrada é de balde ata completar aforo.

Ames – Talía Teatro estrea “pequena”

A Casa da Cultura de Bertamiráns acolle a estrea de “Pequena”, o novo espectáculo infantil de Talía Teatro

A produción foi presentada esta mañá polo concelleiro de Cultura, Educación e Patrimonio, Alfonso Rey, a autora e directora da obra Paula Carballeira, a actriz Marta Ríos e o representante da compañía Artur Trillo.

O concelleiro Alfonso Rey agradeceu a Talía Teatro ter escollido Ames para a estrea de “Pequena”, que redunda no “traballo que estamos a facer desde o Concello polo teatro”. Rey desexoulles aos responsables da produción “o éxito que vos merecedes e espero que o teatro en Galicia recupere o seu esplendor”.

Segundo a autora Paula Carballeira, “Pequena” pode definirse como un espectáculo “divertido, dinámico e con moita música”, dirixido a un “público familiar xa que, ademais dos nenos, os pais e as nais tamén poden gozar del”. O espectáculo racha cos prexuízos, demostrando a través de historias non convencionais que alguén pequeno tamén pode facer grandes cousas.

A estrea será mañá sábado 31 de marzo, ás 18:30 horas, no auditorio da Casa da Cultura de Bertamiráns. As entradas para asistir á función teñen un prezo de 4 euros para os maiores de 12 anos. Haberá un desconto do 50 por cento para os menores de 12 anos, estudantes con carné e maiores de 65 anos.

Ames, 30 de marzo de 2012. A compañía Talía Teatro estreará mañá sábado na Casa da Cultura de Bertamiráns a súa última produción para público infantil. “Pequena” foi presentada oficialmente esta mañá nunha rolda de prensa na que participaron o concelleiro de Cultura, Educación e Patrimonio, Alfonso Rey, a autora e directora Paula Carballeira, a actriz da obra Marta Ríos e o representante da compañía, Artur Trillo. O espectáculo, dirixido principalmente a nenos/as de 4 a 10 anos, permitirá descubrir o grande que pode ser alguén pequeno e o pequenas que poden chegar a ser as grandes cousas, que case non ocupan espazo.

Na presentación, o concelleiro Alfonso Rey agradeceu a Talía Teatro ter escollido Ames para a estrea de “Pequena”, que redunda no “traballo que estamos a facer desde o Concello polo teatro”. “Estamos enchendo coas funcións programadas e iso é un motivo de orgullo para contribuír a que o teatro funcione e se recupere a afección”, afirmou. Segundo manifestou Alfonso Rey, “espero que teñades o éxito que vos merecedes e que o teatro en Galicia recupere o seu esplendor”.

A directora Paula Carballeira presentou “Pequena” como un espectáculo “divertido, dinámico e con moita música”, pensado para un “público familiar, xa que ademais dos nenos os pais e as nais tamén poden gozar del”. A produción racha cos prexuízos, demostrando que “sendo pequeno pódense facer grandes cousas”. En palabras de Paula Carballeira, a montaxe utiliza recursos sinxelos como “a narración oral ou a manipulación de obxectos para contar historias non convencionais, introducindo novos compoñentes nas vellas historias”. Así, por exemplo, o conto de Polegariño será presentado desde o punto de vista dos ogros e na historia de Andersen “A pulga e o profesor” agora a protagonista será a pulga. A autora e directora amosouse ademais convencida de que “Pequena” adaptarase “moi ben” polo seu formato, “acorde cos tempos e cos espazos”, ao “acolledor” auditorio da Casa da Cultura de Bertamiráns.

Neste sentido, Artur Trillo definiu a obra como un espectáculo “unipersoal e versátil” e avanzou que “Pequena” ten pechadas, despois de Ames, representacións nas próximas semanas en Meaño, Boiro e Cee. O representante de Talía Teatro lembrou que o mesmo equipo de “Pequena” foi responsable da produción “Mundos contados”, tamén “un espectáculo nada pretencioso, que tivo unha gran vida xa no ano 2005”.

Segundo a actriz da obra Marta Ríos, “Pequena” é un “espectáculo de contos que me ensinou moitas cousas da man de Paula Carballeira”. “Teño moitas ganas de que o público poida por fin gozar e, especialmente, ver cal vai ser a reacción dos nenos xa que mañá será a primeira vez que se represente para eles”, confesou.

Proxecto imaxinativo e didáctico

Segundo manifestan dende a propia compañía o mundo infantil atráelle especialmente o teatro xa que nel pode dar renda solta á súa imaxinación. A través do teatro os nenos e nenas entran en contacto con diferentes artes: literatura, música, danza, interpretación, pintura... polo tanto é unha excelente alternativa de ocio que os axudará a ser máis críticos co mundo que os rodea, ademais de ser unha ferramenta didáctica que axuda a incrementar a concentración e a creatividade.

A través deste espectáculo os nenos/as poden romper cos prexuízos en relación co tamaño ou coas cualidades físicas das persoas; a tolerancia e a comprensión de hábitos e costumes diferentes (directamente relacionados coa variedade e diversidade cultural); a escoita (relacionada coa narración oral e coa música); a atención (relacionada coas escenas de manipulación de obxectos); e o xénero. Case todas as personaxes que aparecen na obra son femininas e teñen papeis protagonistas.

María Catalina Rosario Nadiña Pequena, Macarrona para os seus irmáns, Nadina Pequena para a maior parte da xente, é, coma o seu nome indica, pequena. Hai pequenas que son xigantes, como Barbadac, a ogresa, filla do ogro que gardaba o tesouro das botas de sete leguas ata a chegada de Polegariño. Barbadac escolleu non gardar tesouros, senón compartilos, como Petipuá, a pulga artista, que quixo levar o seu espectáculo a todas as partes do mundo, incluída a Illa dos Salvaxes, e demostrou que non hai límites nin fronteiras para conseguir o que desexas, nin aínda sendo pequena coma unha pulga. E hai pequenas cunha imaxinación grande, como Nadiña, que é quen nos conta as historias de Barbadac e de Petipuá, quen nolas representa con bailes, con cancións, con alegría e cunha forza enorme. Hai grandes pequenas e grandes pequenos, tan grandes que poden cambiar o mundo ao seu xeito.

As entradas para asistir á función teñen un prezo de 4 euros para os maiores de 12 anos. Haberá un desconto do 50 por cento para os menores de 12 anos, estudantes con carné e maiores de 65 anos. Despacharanse un máximo de 4 entradas por persoa.

A compañía

Talía Teatro é unha compañía teatral creada en 1988, con un selo propio e orixinal. Os seus espectáculos son unha marca con denominación de orixe que definen un estilo e unha forma de facer teatro. Hoxe, 24 anos despois do seu inicio, tense consolidado como unha das compañías galegas de maior prestixio e repercusión e ten afianzado un proxecto empresarial que xera cultura e ilusión, ao mesmo tempo que consolida un equipo de traballo estable.

Desde os seus inicios, a compañía perseguiu a dignificación do teatro. Aínda que se dirixe a un amplo abano de espectadores, tamén presta unha especial atención teatro infantil e xuvenil por que considera que a creación de novos públicos é unha das asignaturas pendentes do teatro feito en Galicia.

Actualmente ten en cartel tanto espectáculos dirixidos a público infantil (Pequena e Carta urxente para Máximo Toxo) coma espectáculos para o público xuvenil e adulto (Bicos con lingua, Pelos na lingua e Volpone).

Silleda – notas sábado 31

As Concellaría de Medio Rural e Urbanismo activan un plan para axilizar as concesións das licenzas de actividade gandeira

Silleda, 30 de marzo de 2012

A Concellaría de Medio Rural e a Concellaría de Urbanismo activaron un plan conxunto para axilizar a tramitación das licencias de actividade definitiva das actividades gandeiras para a dinamización dun dos sectores máis prexudicados pola situación económica actual, e impulsar o medio rural e o sector agrogandeiro do Concello de Silleda.

O Concelleiro de Medio Rural e Medio Ambiente, Antonio Couso, veñen de visitar , xunto cos técnicos da Concellería de urbanismo, arredor dunha vintena de explotacións gandeiras en varios lugares do municipio para a concesión da licenza definitiva de actividade.

A maioría dos expedientes xa están completos e outorgadas as licencias, mentres que nalgún caso, para obter o permiso deben aportar documentación que falta ou solucionar algún problema técnico “no momento en que o fagan xiraremos de novo visita e se está corrixido outorgaráselle licencia” di Couso

Entre as licenzas definitivas solucionadas, hai tres solicitudes para a construción e cinco para a ampliación de estabulacións de gando vacún, e outra ampliación para unha graxa agrícola e outra porcina.

“A tramitación de estas licencias definitivas de actividade permitiralle aos gandeiro ter por fin a súa explotación perfectamente legalizada” di Couso, mentres se compromete a buscarlle unha solución definitiva a tódolos expedientes indicando que “este plan de axilización solventará situacións administrativas enquistada nos últimos anos”e asegura que “esta medida é un apoio mais aos gandeiros do noso Concello”

O Padrón do Imposto Vehículos de Tracción Mecánica do exercicio 2012 está en exposición pública ata o 30 de abril no Concello de Silleda

Silleda, 30 de marzo de 2012

O Padrón do Imposto de Vehículos de Tracción Mecánica do exercicio 2012 estarán á disposición do público dende hoxe ata o vindeiro 30 de abril no Concello de Silleda. Durante este prazo, os interesados poderán acercarse a consultar os documentos e poderán presentar, dende o 1 de maio ata o 1 de xuño de 2012, para presentar as reclamacións que estimen oportunas.

Asemade, os contribuíntes afectados deben saber que po prazo voluntario de cobranza do imposto indicado, para o Concello de Silleda, é do 31 de marzo ao 1 de xuño de 2012.

Este imposto poderá pagarse a través de calquera entidade bancaria ou na caixa dos Servizos Centrais do ORAL, empregando os recibos que se enviarán ao domicilio declarado do contribuínte por correo ordinario. En caso de perder este recibo, o obrigado pagamento, poderán solicitar un duplicado na Oficina Periférica da Comarca do Deza, nos Servizos Centrais- Servizos de Recadación, ou na Oficina máis próxima ao domicilio, ata o día 1 de xuño.

Os contribuíntes que a 15 de maio de 2012 non tivesen recibido nos seus domicilios os instrumentos de ingreso disporán de prazo ata o 1 de xuño para solicitar nas devanditas dependencias o documento e efectualo pago, posto que a non recepción non exonera da obriga de pagamento nin impide a utilización da vía prema.

A vencemento do prazo en período voluntario, sen ter sido satisfeita a débeda, determinará o comezo do procedemento executivo, a percepción da recarga correspondente e demais conceptos esixibles.

A Alcaldesa de Silleda vén de reunirse co director do ORAL para tratar de mellorar a recadación nos recibos do lixo

Estableceranse novos controis no concello para asegurar que todo o mundo pague a taxa do lixo antes de proceder a súa subidade outro modo, sería inxusto

Silleda, 30 de marzo de 2012

A Alcaldesa de Silleda, Paula Fernández Pena, reuniuse esta mañá en Pontevedra co Director do ORAL, Miguel Santiso, para falar das melloras na recadación incluídas no Plan de Axustes.

A cuestión trasladada ao devandito organismo pola rexedora, é que previo a subida das taxas precisase un maior control sobre os pagos “para evitar que haxa veciños que a día de hoxe desfruten do servizo de recollida de lixo sen pagalo” o que sería inxusto para os demais xa que “cantos máis sexamos a pagar, a menos tocaremos” sinala a Alcaldesa.

O ORAL comprometeuse a incluír a Silleda no Próximo Plan de Revisión Integral Padroal, que incluiría una revisión integral de los padróns de lixo, no que a Deputación de Pontevedra faría un traballo de campo, para detectar os casos nos que non se efectúan os pagamentos “e poder incluír esas vivenda no padrón, senón a suba sería inxusta”, aclara a rexedora.

Os traballos poderían iniciarse no verán, e terán unha duración superior a un ano, un prazo que, segundo a rexedora é “demasiado longo pero sabemos que é necesario para facer un bo traballo”, por elo, implantaranse novas medidas municipais para evitar os impagos, que poidan permitir ir detectando casos de impagos “superar esta situación é un problema de todos e non pode haber veciños que paguen por outros” e convida a todos os silledenses que non teñan este servizo dado de alta, que o fagan “pois como mínimo, é un acto de xustiza cos Silldenses que o están a pagar”.

Asemade, a Alcaldesa de Silleda, Paula Fernández Pena, quere destacar que a taxa polo servizo de recollida de lixo, que subirán de 30 a 80 euros anuais, é a máis baixa dos concellos da redonda xa que leva moito tempo sen actualizar. Por isto, o que se fará agora, incluído no plan de axustes que o Concello ten a Obriga de presentar ante o goberno central para optar ao pago a provedores, será unha equiparación do prezo deste servizo, aos demais municipios “Recoller e tratar o lixo nos custa mais de 300.000 euros ao ano e soamente recadamos 145.000 euros, é insostible”.

Revisión do IBI

Neste encontro, tamén falaron sobre a revisión do IBI que tivo lugar no ano 2011, que arroxou un incremento de 20.000 euros neste ano na recadación tributaria a pesar de que só conseguiu tramitar 60 dos 250 expedientes que foron chamados a revisión, polo que, o Oral lle trasladou a alcaldesa que continuarán con este proceso, con posibilidade de amplialo tamén a mais ámbitos do rural “a mellora dos ingresos ten que vir da man da igualdade entre todos os silledenses. Se un paga, todos temos obrigación de pagar”

Samtiago – axenda venres 30, cortes de tráfico e actuacións policía local

Venres 30

10.00 h e 10.45 h

No CEIP de Vite (Avda. Burgo das Nacións, nº8), continúa o 2º Ciclo de concertos didácticos nos centros de educación infantil e primaria de Santiago “OS CANTOS DO PAÍS DO XEO”, organizados pola Concellería de Educación, a través da Escola Municipal de Música. Nesta ocasión será no CEIP de Vite, cunha sesión ás 10:00 h e outra ás 10:45 h.

11.30 h

Na Casa do Concello, ROLDA DE PRENSA do concelleiro de Cultura, Ángel Currás, e do director-xerente do Auditorio de Galicia, José Víctor Carou, para presentar os vindeiros concertos do ciclo Sons 2012.

12.00 h

Na Casa do Concello, ROLDA DE PRENSA do voceiro do grupo municipal socialista, Xosé A. Sánchez Bugallo, sobre asuntos de carácter local.

12.30 h

Na Casa do Concello, ROLDA DE PRENSA da concelleira de Facenda e Orzamentos, Cecilia Sierra, e da concelleira de Urbanismo, María Pardo, sobre asuntos das súas áreas.

13.00 h

Na Casa do Concello, ROLDA DE PRENSA da concelleira do grupo municipal socialista, Mercedes Rosón, sobre asuntos de carácter local.

20.00 h

No CSC do Ensanche, proxección de A Dilixencia dentro do programa Cine classics’12, organizado pola Concellería de Centros Socioculturais. A continuación, “Café con Cine”, charla sobre a película co crítico de cine Moncho Lemos.

20.30 h

Na Zona "C", 'Hamlet' con Alfredo Padilla [en español]

21.00 h

No Auditorio de Galicia, concerto de Real Filharmonía de Galicia dirixida por Antoni Ros Marbá. [Bruckner]

21.00 h

No Teatro Principal, eme2 presenta 'O Florido Pénsil' de Andrés Sopeña. Con Xosé Manuel Olveira, ‘Pico’; Antonio Durán, ‘Morris’; Federico Pérez, Josito Porto, e Alfonso Agra. Fernando Bernués e Mireia Gabilondo, dirección. 

22.00 h

Na Sala Moon (República Argentina, 25), actuación dos grupos Drink and Tonic e Touret, dentro do festival 'MusiCompostela', actividade enmarcada no Plan de Acción Local na Prevención de Drogodependencias.

Corte de tráfico na rúa Nova de Abaixo e na avenida do Camiño Francés

Desde as 15.00 horas do sábado 31 de marzo ata as 19.00 h do domingo 1 de abril pecharase ao tráfico o acceso á rúa Nova de Abaixo desde a praza de Vigo por mor da colocación dun elevador para a realización de obras na fachada do edificio número 23 da devandita rúa. O acceso á rúa Nova de Abaixo farase pola praza Roxa-Santiago del Estero.

Corte de tráfico na avenida do Camiño Francés

Por mor das obras de aglomerado dos viais de circulación no tramo das obras do túnel das Cancelas é preciso o corte de tráfico da avenida do Camiño Frances en ámbolos dous sentidos de circulación entre a rúa do Valiño e a avenida Rodríguez de Viguri, a partir do sábado 31 de marzo e ata o 7 abril.

Os desvíos faranse pola rúa das Fontiñas, e pola rúa das Cancelas-rúa Vintecinco de xullo. Os vehículos pesados serán desviados pola avenida de Asturias.

O Concello de Santiago de Compostela prega aos cidadáns desculpen as molestias que estas alteracións no tráfico lles poidan ocasionar.

SERVIZOS PRESTADOS POLA POLICÍA LOCAL

(Desde as 08:00 h. do día 28 ata as 08:00 h. do día 29 de marzo).

ACCIDENTES

Nas últimas 24 horas o Equipo de Atestados da Policía Local rexistrou SEIS accidentes na cidade:

  • Ás 13.00 horas un turismo choca no Cruceiro da Coruña contra unha farola, provocando danos materiais. Dáse á fuga.
  • Ás 14.20 horas na rúa Roma, un vehículo atropela un neno de 5 anos. Atópase moi grave.
  • Ás 19.00 horas, na rúa Dr. Teixeiro, colisión múltiple na que hai implicados tres turismos, resultando tan só danos materiais.
  • Ás 19.30 horas, na avenida Asturias, prodúcese unha colisión múltiple entre tres turismos, resultando feridas leves dúas persoas e numerosos danos materiais.
  • Ás 2.10 horas, na vía Pasteur, prodúcese unha saída de vía dun vehículo cuxo condutor arroxa resultado positivo tras serlle realizada a proba de alcoholemia. Resultado de danos materiais no vehículo.
  • Ás 02.20 horas, na rúa María Miramontes, saída de vía dun turismo con resultado de danos materiais, sendo necesaria a presenza de Bombeiros para proceder á limpeza da calzada.

CONTROIS

-Procédese á detención dunha persoa como presunta autora dun delito de danos, ao ser sorprendida rompendo o cristal da oficina de La Caixa sita en Amor Ruibal.

-Identifícase a unha persoa por ser sorprendida arroxando cravos na rúa das Hortas, San Clemente/Trindade, que ademais tiña unha Investigación de Domicilio por parte do Xulgado de Santiago.

-Identifícase a unha persoa que é sorprendida cun martelo zapateiro e substancias estupefacientes. Realízanse as correspondentes actas de intervención e é proposta para sanción.

-Identifícase a dúas persoas, unha ás 02.10 horas na rúa Santiago del Estero e outra ás 5.15 horas, na rúa Diego de Muros, por ouriñar na vía pública.

-Identifícase a unha persoa que se atopaba arrincando plantas dos xardíns.

AUXILIOS

-Solicítase unha ambulancia do 061 para proceder ao traslado ao CHUS dunha persoa que se atopaba en estado ebrio na rúa Frei Rosendo Salvado.

Así mesmo, os Bombeiros fixeron un total de 12 SAÍDAS desde as 22.00 horas de onte ata as 9.00 horas de hoxe, especialmente para apagar colectores ardendo.

AMES / PSOE / AMES NOVO – Notas de prensa sobre o plan de axuste aprobado o día da folga sen a oposición

O Concello de Ames aproba o Plan de Axuste 2012-2022 co obxectivo de completar en 5 anos o saneamento das arcas municipais e garantir os servizos básicos

O documento, aprobado cos votos favorables do Grupo Popular, permitirá acollerse ao mecanismo de financiación para o pagamento aos proveedores das entidades locais habilitado polo Goberno do Estado. O Concello de Ames remitiu ao Ministerio de Facenda, con data 15 de marzo de 2011, unha relación de 836 facturas que suman un importe total de 2.228.813,65 euros.

O alcalde de Ames asegurou que o Plan de Axuste é unha medida extraordinaria pero imprescindible pola situación económica herdada no Concello. “Nós estamos a facer os deberes e avanzamos día a día na nosa obriga prioritaria de poñer en orde as contas do Concello, atendendo ás necesidades dos veciños e pagando aos provedores”, sinalou.

Os grupos da oposición non asistiron á celebración da sesión plenaria e votaron en contra do Plan de Axuste 2012-2022 na Comisión Informativa de Economía e Facenda celebrada esta mañá. Segundo o alcalde Santiago Amor, “con esta actitude a oposición demostra que non está á altura das circunstancias. Os dous grupos foron cómplices dunha caótica xestión económica que levou á quebra técnica a este Concello e agora non se atreven a dar a cara ante os cidadáns”.

Ames, 29 de marzo de 2012. O Pleno do Concello de Ames aprobou esta tarde o Plan de Axuste 2012-2012 co obxectivo de sanear as arcas municipais nun prazo de 5 anos. A planificación establecida neste documento permitirá equilibrar de forma progresiva a realidade contable do Concello de cara a manter o nivel de prestación dos servizos básicos, programar importantes inversións nos próximos 10 anos e, en definitiva, estabilizar o nivel de emprego. Na sesión plenaria, o Goberno municipal presentou o Plan de Axuste 2012-2022 como un documento real, que planifica as liñas básicas de actuación munipal e garante a solvencia da institución.

De xeito inmediato, o Plan de Axuste posibilitará acollerse ao mecanismo de financiación para o pagamento aos proveedores das entidades locais habilitado polo Goberno do Estado a través do Real Decreto Lei 4/12, de 24 de febreiro. A aprobación deste documento, que contou co voto favorable dos once concelleiros do Grupo Popular, fará posible afrontar pagamentos a provedores por 2.228.813,65 euros, importe que se corresponde coa relación de 836 facturas, emitidas por 205 proveedores con data anterior ao 1 de xaneiro de 2012, que o Concello de Ames remitiu ao Ministerio de Facenda con data 15 de marzo.

Na súa explicación do Plan de Axuste 2012-2022, o alcalde de Ames destacou que se trata dunha medida extraordinaria pero imprescindible pola situación económica herdada no Concello polo actual Goberno municipal. Segundo afirmou Santiago Amor, “nós estamos a facer os deberes e avanzamos día a día na nosa obriga prioritaria de poñer en orde as contas do Concello, atendendo ás necesidades dos veciños e pagando aos provedores”. Neste sentido, o alcalde destacou que a tramitación do Plan de Axuste fíxose cunha transparencia absoluta, dando oportunidade a todos os grupos municipais de facer as súas propostas en tempo e forma. Así, Amor lembrou que o documento foi rematado na madrugada do mércores 28, despois dun labor encomiable por parte dos Sevizos Económicos do Concello, e só unhas horas máis tarde presentouse aos tres grupos municipais na xunta de voceiros. Do mesmo xeito, esta mañá celebrouse unha Comisión Informativa Permanente de Economía e Facenda e especial de Contas para ditaminar o Plan de Axuste 2012-2022 de forma previa á celebración da sesión plenaria.

Os grupos da oposición non asistiron á celebración da sesión plenaria e votaron en contra do Plan de Axuste 2012-2022 na Comisión Informativa de Economía e Facenda celebrada esta mañá. Na celebración do Pleno, o alcalde Santiago Amor afirmou que “con esta actitude a oposición demostra que non está á altura das circunstancias” e incidiu en que “votan contra o Plan de Axuste para non ter que recoñer antes os veciños de Ames que eles arruinaron ao Concello”. “Os dous grupos foron cómplices dunha caótica xestión económica que levou á quebra técnica a este Concello e agora non se atreven a dar a cara ante os cidadáns”, engadiu.

Medidas Plan de Axuste 2012-2022

O Plan de Axuste 2012-2022, que conta co informe favorable do departamento de Intervención, recolle ingresos correntes para financiar os seus gastos correntes e a amortización das operacións de endebedamento. No documento, apóstase pola tendencia a autofinanciación de determinados servizos (educativos, asistenciais e deportivos) e corríxense os desequilibrios detectados neles para garantir a súa continuidade así como doutras actividades municipais que poderían verse comprometidas.

No capítulo de gastos, o Plan de Axuste recolle a continuidade das medidas xa adoptadas no último ano para sanear as arcas municipais e que permitiron un aforro duns 670.000 euros. Entre elas, cabe citar a rebaixa de 120.000 euros pola nova organización do Concello, que implicou a redución da convocatoria das Xuntas Ordinarias de Goberno, a rebaixa das asignacións por Grupo Municipal e por cada concelleiro, ademais da minoración do salario do alcalde e dos concelleiros con algún tipo de dedicación e da reestruturación dos traballadores a disposición dos grupos. Co obxectivo de acadar a maior eficiencia, asegurando a prestación do servizo a un menor custo, este ano renegociáronse, por exemplo, os contratos de telefonía, os seguros dos vehículos do parque móbil, as tarifas eléctricas ou os contratos de extintores e seguridade.

Nesta liña de traballo, respecto aos custos de persoal queda establecido que non se cubrirán as baixas por falecemento ou xubilación, elimínanse as partidas de productividade e redúcense as gratificacións por horas extras (compénsanse por xornadas de descanso). Estudarase ademais a redución de días de libre disposición e determinarase que o disfrute das vacacións nos contratos temporais se realice antes de que expire o vínculo co Concello. Do mesmo xeito, promoverase que o persoal municipal realice aqueles traballos que estaban a ser externalizados e que son susceptibles de ser asumidos polos empregados da Adminsitración local dentro das súas competencias. Reducirase ademais a celebración de contratos menores, primando o requisito do menor prezo de licitación.

O documento aprobado esta tarde establece unha previsión de ingresos a partir da revisión de determinados tributos como o imposto sobre vehículos de tracción mecánica (actualización anual co IPC) ou o imposto sobre construccións, instalacións e obras (incremento do 4% nas edificacións plurifamiliares, vivendas colectivas ou promocións de máis dunha vivenda con efectos de 2013). O Concello de Ames reforzará a eficacia da recadación executiva e voluntaria e potenciará a inspección tributaria para descubrir feitos impoñibles non gravados.

Do mesmo xeito, actualizaranse as taxas pola prestación de servizos e ocupación do dominio público. Así, por primeira vez e como iniciativa pioneira no ámbito municipal, aplicarase a progresividade nos servizos de conciliación (“Bos días cole”, “Tardes divertidas” ou comedores escolares) de tal xeito que, por primeira vez, quen máis ten máis paga ao mesmo tempo que se aumentarán as bonificacións para as familias con menos recursos. Antes do inicio da matrícula nas actividades municipais de ámbito educativo, asistencial e deportivo será o Concello de Ames o que aprobará o número máximo de usuarios e o importe máximo de déficit que pode ser asumido.

 

 

 

 

 

 

Os Grupos municipais Socialista e de Ames Novo esixen tratar o Plan de Axuste co tempo e as garantías democráticas necesarias

(Ames, 28.03.012) Os grupos municipais Socialista e de Ames Novo demándalle ao goberno Popular que aborde o debate sobre o Plan de Axuste co tempo necesario e a institucionalidade que lle corresponde a un tema transcendente para o futuro do municipio. Ambos grupos, que representan a totalidade da oposición, solicitaron a celebración dun Pleno extraordinario para o venres día 30 co obxectivo analizar debidamente a documentación e trasladar as consideracións oportunas.

O goberno Popular ten coñecemento da obriga de elaborar o Plan de axuste desde a súa publicación no BOE o 24 de febreiro, e naquela altura xa sabía que debería aprobar o documento en Pleno antes do 31 de marzo, para logo remitilo ao Ministerio. Neste contexto o goberno Popular convocou o Pleno este luns día 26 sen incluír ningún tema relevante e deixando fora da convocatoria o Plan de axuste que debe ser aprobado en Pleno. O tema tratouse por primeira vez hoxe mércores 28 nunha Xunta de portavoces (convocada onte), e fíxose entrega do documento do Plan de axuste, manifestando o goberno a súa intención de aprobalo no Pleno ordinario do xoves 29 de marzo.

Nesta Xunta de portavoces os grupos da oposición manifestaron a súa vontade para colaborar na busca dunha fórmula de debate no Pleno que asegurara un tempo mínimo para adoptar unha posición fundamentada sobre un tema clave. En concreto, propuxeron celebrar unha Comisión de Economía e Facenda o venres día 30 pola mañá, e a continuación realizar un Pleno extraordinario co Plan de axuste como punto da orde do día. Nesta vontade de procurar alternativas ambos grupos expresaron a súa intención de renunciar ao cobro das dietas do Pleno -dado que o día anterior se realizaría o Pleno ordinario. Esta proposta contaba coa conformidade dos departamentos económicos municipais que sinalaron que sería suficiente telo aprobado o día 30 de marzo.

O goberno Popular desoíndo estas propostas formulou a súa incorporación no Pleno ordinario do xoves como unha moción de urxencia do goberno. Logo dunha solicitude de información pola oposición sobre a legalidade ou non dese procedemento, o goberno cambiou de opinión e convocaron unha Comisión de Economía e Facenda urxente para mañá día 29 pola mañá co fin de incluír o punto do Plan de axuste no Pleno ordinario.

O Grupo Socialista e Ames Novo dada a situación adoptaron as seguintes decisións de forma conxunta:

1. asistir a Comisión de Economía e Facenda para garantir a representación cidadá e que quede constancia do seu posicionamento responsable e institucional a respecto do Plan de axuste;

2. dado o feito de convocar a Comisión e o Pleno o día da folga, ambos grupos terán unha presencia na Comisión exclusivamente para formular a alternativa que permita o debate con garantías do Plan de axuste; estarán presentes como "servizos mínimos" os portavoces de ambos grupos, José Miñones e Pilar Candocia;

3. o grupo Socialista e de Ames Novo trasladarán mañá a proposta para que se realice a Comisión e o Pleno o día 30 de marzo e poder celebrar con garantías e polas canles formais adecuadas o debate do Plan de Axuste, renunciando expresamente a cobrar pola asistencia; dita proposta cumpre todos os requirimentos do Ministerio e dos servizos técnicos económicos municipais.

O Plan de Axuste é o documento máis transcendente que se vai aprobar nesta lexislatura e compromete os orzamentos municipais ata o ano 2022. O goberno Popular debe atender ás propostas da oposición para proceder coas formalidades democráticas requiridas nun tema clave. O mesmo que Santiago Amor demandaba cando estaba na oposición.

NOTA PSOE SOBRE A XUNTA PORTAVOCES
image
NOTA PREVIA DO CONCELLO

A Comisión de Economía e Facenda do Concello de Ames ditaminará mañá o Plan de Axuste 2012-2022

O documento será sometido a votación na sesión do Pleno municipal que se celebrará mañá xoves. A aprobación do Plan de Axuste 2012-2022 é unha medida extraordinaria e imprescindible para acollerse ao plan estatal de pagamento aos provedores das entidades locais. O Concello de Ames remitiu ao Ministerio de Facenda, con data 15 marzo, unha relación de 836 facturas, emitidas por 205 provedores que suman un importe total de 2.228.813,65 euros.

A elaboración deste documento, dunha gran complexidade técnica, foi iniciada polos Servizos Económicos do Concello o 20 de marzo, o primeiro día hábil tras a publicación do modelo oficial, e rematouse esta mesma madrugada. O Plan de Axuste 2012-2022 foi presentado a primeira hora da mañá de hoxe aos grupos municipais nunha reunión da xunta de voceiros convocada polo alcalde Santiago Amor. Tras a celebración desta xunta de voceiros, o alcalde de Ames decidiu convocar de forma urxente a Comisión Permanente de Economía e Facenda e especial de Contas para avanzar na súa tramitación de xeito transparente e posibilitando que os grupos realicen as súas achegas.

O Goberno de Ames entende que este mecanismo é fundamental para responder á crítica situación económica herdada no Concello e dá continuidade ao traballo realizado para sanear as arcas municipais. No último ano, as medidas de control do gasto público adoptadas permitiron un aforro duns 670.000 euros.

Ames, 28 de marzo de 2012. O Concello de Ames celebrará mañá unha reunión da Comisión Informativa Permanente de Economía e Facenda e especial de Contas para ditaminar o Plan de Axuste 2012-2022 de forma previa á celebración da sesión plenaria. A aprobación en Pleno do Plan de Axuste 2012-2022 é unha medida extraordinaria e imprescindible para adherirse ao mecanismo de financiamento para o pagamento aos provedores das entidades locais habilitado polo Goberno do Estado a través do Real Decreto Lei 4/12, de 24 de febreiro. O Concello de Ames remitiu ao Ministerio de Facenda, con data 15 de marzo de 2011, unha relación de 836 facturas, emitidas por 205 provedores con data anterior ao 1 de xaneiro de 2012, que suman un importe total de 2.228.813,65 euros.

Os Servizos Económicos do Concello de Ames iniciaron a elaboración do Plan de Axuste o martes 20 de marzo, o primeiro día hábil tras a publicación do modelo oficial na Orde HAP/537/2012 do 16 de marzo. A pesar da súa gran complexidade técnica, o esforzo dos Servizos Económicos do Concello fixo posible redactar o Plan de Axuste en só 8 días, rematando a súa elaboración na madrugada de hoxe mesmo. De cara a avanzar na súa tramitación coa transparencia debida e posibilitar o debate con todos os grupos municipais, o alcalde Santiago Amor convocou unha xunta de voceiros para analizar as liñas estratéxicas do Plan de Axuste. Tras a celebración desta xunta, o alcalde de Ames decidiu convocar con carácter urxente a Comisión Informativa Permanente de Economía e Facenda e Especial de Contas para ditaminar o Plan de Axuste antes da súa votación no Pleno de mañá 29 de marzo.

Desde o Goberno municipal, considérase o Plan de Axuste 2012-2022 como un recurso fundamental e necesario para responder á crítica situación económica herdada no Concello. Segundo o alcalde Santiago Amor, responsable das áreas de Economía e Facenda, “traballamos desde o primeiro para dotar de liquidez ás arcas municipais e afrontar a nosa responsabilidade cos provedores”. “Non é sinxelo, pero estamos a avanzar na dirección correcta”, apunta o alcalde. Neste sentido, desde o departamento de Economía e Facenda calcúlase que as medidas de control do gasto público adoptadas no último ano permitiron un aforro duns 670.000 euros. En detalles, as principais medidas de aforro aprobadas poden desglosarse da seguinte maneira:

  • A nova organización do Concello de Ames aprobada no Pleno de Organización do 8 de xullo de 2011, a proposta do Grupo Popular, supón un aforro anual de 121.578 euros respecto ao sistema establecido polos anteriores responsables do Goberno municipal. Este aforro explícase pola redución da convocatoria das Xuntas Ordinarias de Goberno, rebaixa das asignacións por Grupo Municipal e por cada concelleiro, do salario do alcalde e da reestruturación dos traballadores a disposición dos grupos.

  • A redución das horas extras a cambio de xornadas de descanso supuxo un aforro de 80.000 euros.

  • A modificación dos seguros de vehículos do parque móbil contabilízase nuns 9.000 euros.

  • A utilización de medios propios e o cambio de xestión das bibliopiscinas supuxo un aforro de 20.000 euros.

  • O cambio de contrato de telefonía aforrou 60.000 euros.

  • A renegociación e o cambio de provedor do material de oficina, produtos de ofimática e consumibles supuxo un aforro de 6.800 euros.

  • A supresión de vehículos de servizos cífrase nun aforro de 7.200 euros.

  • A renegociación da mutua estableceu un aforro de 5.000 euros.

  • O cambio de xestión das escolas deportivas e dos convenios cos clubs reduciu o seu custo nuns 95.000 euros.

  • O cambio da conexión eléctrica/gasoil no subministro de auga no Milladoiro calcúlase nun aforro de 77.000 euros.

  • A renegociacion de convenios de colaboración permitiu aforrar 30.000 euros.

  • A cancelación de alugueres deportivos da nave polígono do Milladoiro aforrou 42.000 euros.

  • Redución de 15.000 euros en gastos en publicidade e propaganda.

  • A organización da celebración de concertos e da Festa da Xuventude a través de persoal propio e da renegociación das condicións anteriores supuxo un aforro de 20.000 euros.

  • Do mesmo xeito, a organización da celebración das Festas de Nadal e de Reis a través de persoal propio e da renegociación das condicións anteriores supuxo un aforro de 15.000 euros.

  • Os cambios de contratos en extintores e seguridade, entre outros, aforrou 3.000 euros.

  • As revisións das tarifas eléctricas (eficiencia + revisión cadros/luminarias) cífrase nun aforro de 9.000 euros.

  • A redución e a renegociación da iluminación de Nadal aforrou 45.000 euros

  • O cambio na xestión da Feira do Comercio traduciuse nun aforro de 4.500 euros para as arcas municipais.

  • A redución, renegociación e colaboración do Entroido e Magostos supuxo un aforro de 4.000 euros.

  • A cancelación do aluguer dunha praza de garaxe sen uso sumou un aforro de 480 euros.

Como avances para consolidar a liquidez do Concello de Ames, os responsables municipais lembran a recente formalización dunha operación de tesouraría co Banco Bilbao Vizcaya Argentaria que permitiu xa ao Concello de Ames no mes de febreiro dispor dun límite máximo de 2.775.000 euros, a través dunha conta de crédito, para afrontar pagamentos de facturas a provedores.

Desde o Goberno municipal incídese ademais na importancia de ter conseguido a liquidación das contas de 2010 dentro do exercicio de 2011, feito que permitiu asegurar a transferencia de 400.000 euros que o Concello de Ames recibe mensualmente como participación nos tributos do Estado. Do mesmo xeito, ter liquidadas as contas en prazo permitiu tamén que o Concello de Ames siga optando ás subvencións convocadas pola Xunta de Galicia, xa que a Administración autonómica estableceu por decreto que, para concorrer ás súas convocatorias de axudas, as entidades interesadas deben ter pechado o exercicio anterior.



 

BNG Ordes – o BNG denuncia que faltan máis de 400000 euros da relación enviada o ministerio

O BNG DENUNCIA A EXISTENCIA DUNHA FRAUDE NAS FACTURAS PENDENTES DE PAGO POLO CONCELLO

Nas facturas que o alcalde ensinou aos nacionalistas faltan máis de 400.000 euros da relación remitida ao Ministerio de Facenda.

Castro salienta que o alcalde pon en perigo o pago das facturas aos proveedores, por non as ter levado ao Pleno Municipal, tal e como esixe a lei.

O portavoz municipal do BNG de Ordes, Gonzalo Castro, denunciou que “o alcalde está a cometer unha auténtica fraude coa tramitación das facturas pendentes de pago por parte do Concello a incluir no fondo para o pago aos proveedores”.

Castro sinalou que “para poder acceder ao fondo para o pago aos proveedores, a lei obriga ao Concello a remitir unha relación certificada de todas as obrigacións pendentes de pago ao Ministerio de Facenda e Administracións Públicas, antes do 15 de marzo de 2012”.

O portavoz nacionalista lembrou que “esta relación certificada de todas as facturas pendentes debería ter sido levada ao pleno da corporación local, tal e como esixe a lei, para dar conta detallada da mesma, cousa que o alcalde non fixo en ningún momento, intentando esconder esta información, por intereses inconfesables”.

Fraude coas facturas

O portavoz do BNG lembrou que “o BNG solicitou reiteradamente o acceso á relación certificada remitida ao Ministerio de facenda, mais finalmente, o único que se lle permitiu pola alcaldia foi examinar múltiples facturas almacenadas en caixas, sen aportarlle copia da relación certificada remitida pola intervención ao Ministerio de Facenda”

Para Castro, esta actitude do alcalde só buscaba un obxectivo “esconder gastos de difícil xustificación, cunha actitude evidentemente fraudulenta, como o demostra o feito de que que nas facturas que se deixaron examinar ao BNG faltaban máis de 400.000 euros con respecto á relación certificada que se ten remitido a Facenda”.

O portavoz nacionalista salientou que “ao pretender esconder facturas, que sospeitamos que serán de difícil xustificación, o alcalde pon en perigo o cobro por parte dos proveedores das facturas legais e totalmente xustificadas, o que constitue un comportamento absolutamente intolerábel”.

Tordoia – plan de axuste municipal

A CORPORACIÓN MUNICIPAL DO CONCELLO

DE TORDOIA APROBA UN PLAN DE AXUSTE DIRIXIDO A AFORRAR PRETO DE 200.000 EUROS

Os concelleiros socialistas abandonaron a sala ao adherirse á convocatorio de folga xeral polo que a aprobación foi unánime

29 de marzo de 2012.- O Pleno municipal do Concello de Tordoia aprobou esta mañá por uninimidade o Plan de Axuste proposto pola corporación municipal nun pleno de carácter extraordinario ao que, unha vez máis, non acudiu a oposición por adherirse ao día de folga xeral, aínda que sí recoñeceron que o pleno estaba ben convocado. Así, coa ausencia dos tres concelleiros do grupo socialista que compoñen a oposición, o alcalde de Tordoia expuxo o plan de viabilidade previsto polo goberno local e no que se prevén unha serie de medidas conducentes tanto a incrementar o capítulo de ingresos como a diminuir o de gastos. Segundo explicou o rexedor, Antonio Pereiro, “o noso obxectivo é acadar un aforro neste exercicio de arredor de 200.000 euros”.

Entre las medidas establecidas por el plan de ajuste esixido polo do Real Decreto-Lei 4/2012 ao que se acolleu o Concello de Tordoia establécese unha previsión da reducción dun 25% no capítulo de persoal e unha reducción da mesma porcentaxe no capítulo de bens e servizos, que se traducirá nun aforro na factura da electricidade, teléfono, publicidade, suministro de materiais e gastos de mantemento. Neste sentido, Pereiro incidiu especialmente no capítulo da factura da luz no que o Concello xa leva traballando algún tempo co obxecto de acadar un considerable aforro: “actualmente o gasto neste capítulo é de 2€ por mes e habitante e o noso obxectivo é deixalo en 1,4€”, explicou. Ademais o rexedor tordoiés anunciou que non se contratará máis persoal que aquel para o que se conta cunha subvención do 100%. De igual xeito, no capítulo de investimentos tan só se acometerán as obras máis urxentes e aquelas para as que o Concello acade unha subvención do 100%. “As veces as subvencións son un regalo envenenado xa que nos obriga a asumir unha parte da obra e adiantar uns cartos que logo a Administración Pública tarda bastante tempo e abonar”, reflexionaba o Alcalde de Tordoia.

Neste sentido, Antonio Pereiro explicou que boa parte do que o Concello adebeda encádrase no capítulo de investimentos. “Actualmente o Concello adebeda facturas por un total de 1.400.000 euros dos que máis do 60% corresponde a investimentos. De feito tamén temos máis de 450.000 euros que nos adebedan as distintas administracións públicas (Deputación e Xunta) e que aínda non nos abonaron. Por iso a solicitude do crédito ICO ao que nos acollemos foi de 950.000 euros que teremos que amortizar nun prazo de 10 anos con dous anos de carencia”, explicou Pereiro Liñares, quen entende que a medida será moi positiva para que os proveedores poidan cobrar os cartos que se lles adebedan.

Actualización de padróns fiscais

Xunto con estas medidas, o Plan de Axuste previsto polo Concello de Tordoia inclúe a necesidade de asinar coa Deputación os convenios necesarios para actualizar os padróns fiscais e a aplicación das ordenanzas fiscais para a recadación dos diferentes feitos impoñibles. Estas medidas traduciranse nunha suba das taxas de lixo, IBI e contribución axustando o recadamento ao coste real do servizo. Esta medida está dirixida fundamentalmente á recollida de lixo que, ao longo destes anos foi lastrando as contas municipais posto que apenas se repercutía no veciño o 50% do coste real do servizo de recollida de lixo. En canto á revisión das taxas, Antonio Pereiro explicou que a medida non é nova, xa que se contemplaba no plan de austeridade posto en marcha o ano pasado e aprobado polo pleno municipal o pasado mes de outubro. Polo tanto a medida non significa novas taxas senón que se trata de recoller no plan de axuste unha medida que funciona desde o ano pasado como son as taxas polo uso do pavillón municipal, os locais sociais ou a Casa da Cultura.

Por último, o plan recolle tamén a necesidade de optimizar ao máximo o traballo no Concello, mellorando a estrutura organizativa e elaborando un organigrama de funcións e definicións do traballo de cada un dos departamentos. O obxectivo final de todas estas medidas será, como para o resto dos concellos, ir cadrando as contas municipais e aforrar os cartos precisos para amortizar o crédito ICO.

Ames – programa Almorzames de reparto de leite entre familias necesitadas

O Concello de Ames pon en marcha o programa “Almorzames”, que permite o reparto gratuíto de leite fresco ás familias máis necesitadas

As concellarías de Promoción Económica e Servizos Sociais impulsan esta iniciativa a través dun acordo coa Gandaría A Portela e coa colaboracion de Cáritas Diocesana do Milladoiro e Bertamiráns. O programa “Almorzames” comezou a materializarse hai 15 días co reparto de 300 litros de leite fresco por semana.

A través dos contactos realizados dende a Concellaría de Promoción Económica en busca de empresas colaboradoras neste proxecto, os primeiros en sumarse á iniciativa son a Asociación de Empresarios Novo Milladoiro e a Asociación de Comerciantes de Bertamiráns, entendendo as patronais de Ames as necesidades que teñen algunhas familias amienses e envorcándose con este proxecto solidario, aberto á colaboración do resto do tecido empresarial.

Ames, 29 de marzo de 2012. O alcalde Santiago Amor presidiu esta mañá a posta en marcha oficial do programa “Almorzames”, promovido polo Concello de Ames para o reparto gratuíto de leite fresco entre as familias máis necesitadas a través dun acordo coa Gandaría A Portela e coa colaboración de Cáritas Diocesana do Milladoiro e Bertamiráns. Con esta iniciativa, impulsada a través das concellarías de Comercio, Promoción Económica, Traballo e Turismo e de Servizos Sociais, Familia, Dependencia e Maiores, trátase de dar un paso adiante para paliar as necesidades básicas dos núcleos familiares máis desfavorecidos. No acto celebrado esta mañá en Bertamiráns participaron o concelleiro de Promoción Económica, Traballo e Turismo e representantes das institucións colaboradoras: Gandaría A Portela, Cáritas Diocesana do Milladorio e Bertamiráns e as organizacións empresariais que xa se sumaron ao programa, Asociación de Comerciantes de Bertamiráns e Asociación de Empresarios Novo Milladoiro.

Para facer realidade o programa “Almorzames” foi necesaria a implicación efectiva de diferentes entidades que están a desenvolver o seu labor no concello de Ames. Así, Cáritas Diocesana encárgase do reparto diario do leite fresco pasteurizado, que é subministrado pola Gandaría A Portela. Esta empresa destinará ao programa “Almorzames” un 10 por cento da recadación das máquinas expendedoras instaladas en Bertamiráns e no Milladoiro. A través do programa “Almorzames”, que comezou a materializarse hai 15 días, estanse xa a distribuír un total de 300 litros de leite fresco por semana entre as familias de Ames máis necesitadas.

O Concello de Ames está a procurar a colaboración das empresas e organizacións locais interesadas en apoiar o desenvolvemento do programa “Almorzames”. A través dos contactos realizados dende a Concellaría de Promoción Económica en busca de empresas colaboradoras neste proxecto, os primeiros en sumarse á iniciativa son a Asociación de Empresarios Novo Milladoiro e a Asociación de Comerciantes de Bertamiráns, entendendo as patronais de Ames as necesidades que teñen algunhas familias amienses e envorcándose con este proxecto solidario, aberto á colaboración do resto do tecido empresarial.

Desde a Concellería de Comercio, Promoción Económica, Traballo e Turismo asegúrase que o éxito desta iniciativa basearase na suma de moitos pequenos esforzos, entendendo que esta acción solidaria pode axustarse eficazmente ao interese de moitas empresas que pretenden compaxinar o seu labor como dinamizadores económicos cunha política comprometida no ámbito da responsabilidade social corporativa, especialmente neste momento de dificultade para moitas familias. Neste sentido, o concelleiro Bernardo Moar explica que “xa estamos en contacto con algunhas empresas interesadas no proxecto. A intención e que se poida alongar no tempo o máximo posible, dadas as necesidades da cidadanía e o total compromiso dos empresarios co noso concello”. Do mesmo xeito, o concelleiro de Promoción Económica destaca que o programa “Almorzames” está aberto tamén a todos os particulares que queiran colaborar.

Sonia Moure como persoal técnico da Concellaría de Promoción Económica será a encargada de coordinar o programa. Os interesados en colaborar con esta iniciativa poden poñerse en contacto ca concellaría a través do teléfono 981 883 002 ou a través do enderezo electrónico turismo@concellodeames.org.

Teo – apertura do prazo para solicitar nichos e panteóns

O CONCELLO DE TEO ABRE O PRAZO PARA SOLICITAR A CONCESIÓN DE NICHOS E PANTEÓNS NO CEMITERIO MUNICIPAL

· A oferta é de 561 nichos, que teñen un prezo unitario de 1.250 euros e de 5.000 para os panteóns

· As solicitudes, reservadas só a empadroados, poderán presentarse durante un prazo de trinta días hábiles

28 de marzo de 2012.- O Concello de Teo abre este xoves 29 de marzo o prazo de trinta días hábiles para solicitar a concesión de nichos e panteóns no cemiterio municipal, situado na Fonte das Seixas, entre Montouto e Penelas. O procedemento, que se anuncia no Boletín Oficial da Provincia de hoxe (http://bop.dicoruna.es/bopportal/publicado/2012/03/28/2012_0000003443.html), oferta un total de 561 nichos, que se adxudicarán como unha concesión demanial para uso privativo por un periodo de 75 anos.

O concelleiro de Urbanismo, Vivenda, Infraestruturas e Seguridade, Rafael Sisto, afirma que coa apertura deste proceso de libre concorrencia “dámoslle resposta a unha necesidade máis que patente, sobre todo na zona urbana do municipio”, xa que o crecemento demográfico de Teo fixo que os cemiterios tradicionais quedasen pequenos.

Só empradroados

O prego de condicións establece que só poderán solicitar as persoas que estean empadroadas no municipio teense. Co fin de evitar posibles especulacións con bens municipais, tamén se fixou que non poderán obter concesión as persoas xurídicas, e tampouco unha persoa poderá obter máis de dous nichos nin máis dun panteón. Deste xeito, as solicitudes poderán ser de un ou de dous nichos, ou de un panteón completo (integrado por tres nichos).

Prezo

O prezo por concesión de nicho é de 1.250 euros e o de panteón completo ascende a 5.000 euros, de acordo coa ordenanza fiscal reguladora da taxa por prestación de servizos funerarios vixente desde abril de 2010. As concesións serán renovables unha vez, por outros 75 anos.

Procedemento

As solicitudes deben presentarse no Rexistro Xeral do Concello. Tamén se poden remitir por correo postal, no mesmo prazo de trinta días hábiles, avisando do seu envío no mesmo día á alcaldía mediante fax, telex ou telegrama. Os peticionarios deberán acudir ao Concello co impreso normalizado cuberto e cunha fotocopia compulsada do seu DNI.

As concesións adxudicaranse por orde de entrada no rexistro. No caso de que as solicitudes excedan a oferta, baremaranse cos criterios da idade da persoa solicitante e da antigüidade do seu último empadroamento no municipio.

O proceso proseguirá cunha proposta inicial de adxudicación, que se publicará no taboleiro municipal de anuncios e na páxina web do Concello. Ao día seguinte desa publicación, comeza a contar un prazo de dez días naturais para que quen figuren nesa relación aboen as taxas da concesión, condición indispensable para non seren excluídos na proposta definitiva de adxudicación.

Posteriormente, a asignación concreta de nichos e de panteóns realizarase de conformidade cunha proposta do Concello, á súa vez formulada tras convocar aos solicitantes admitidos para que poidan efectuar a elección seguindo as indicacións municipais.

Tras facerse definitiva a adxudicación e ser notificada, o derradeiro paso será formalizar o contrato nos dez días hábiles seguintes. Para eso, cómpre que o adxudicatario deposite unha garantía definitiva de 35,80 euros. O contrato, que se poderá elevar a escritura pública se o solicita o concesionario, é o título que permite acceder a calquera rexistro.

Nichos e panteóns vacantes

En canto aos nichos e panteóns que poidan quedar libres tras o proceso de adxudicación, se as solicitudes son inferiores á oferta, serán concedidos segundo a orde de entrada das solicitudes no rexistro. Non obstante, deberán cumprir as mesmas formalidades que os concesionarios no procedemento que comeza hoxe.

Reserva para emerxencia social

Á parte dos 561 nichos que se van conceder, o Concello reserva 15 para atender posibles situacións de emerxencia social. Utilizaranse para persoas sen medios económicos acreditados para afrontar a adquisición de nicho.

O cemiterio, autorizado por Sanidade desde xaneiro pasado

O cemiterio municipal de Teo foi financiado polo Fondo Estatal de Investimento Local (FEIL), nun proxecto orzamentado en 580.000 euros. Conta con dous bloques de panteóns, de 288 nichos cada un. A comezos do pasado mes de xaneiro, o Concello recibiu a comunicación da Consellería de Sanidade que lle outorga a autorización sanitaria. Nese momento rematou toda a súa tramitación autonómica e puido comezar o actual proceso administrativo para a concesión de nichos e panteóns. O Concello xa aprobara no seu momento a ordenanza fiscal da taxa de servizos funerarios e o regulamento de funcionamento do cemiterio.