Festas de reis en Brión e Oroso

MÁIS DE 700 VECIÑOS ENCHERON O POLIDEPORTIVO MUNICIPAL DE BRIÓN DURANTE A FESTA DE REIBRION - FESTA REIS 2012

05 de xaneiro de 2012.- Máis de setecentos veciños e veciñas de Brión, entre nenos e maiores, participaron esta tarde na gran festa de Reis Magos organizada polo Concello de Brión no pavillón polideportivo municipal de Pedrouzos. Logo dunha tirada de bombas de palenque, as súas Maxestades fixeron a súa entrada no recinto deportivo precedidos dos integrantes da banda de música de Brión, que desfilaron e interpretaron varias pezas musicais mentres Melchor, Gaspar e Baltasar saudaban aos cativos e facían a tradicional ofrenda de ouro, incenso e mirra no Belén Vivente.

Acto seguido, os nenos fóronse achegando ata o palco das Súas Maxestades para lembrarlles as súas peticións para esta noite e levar a cambio distintos agasallos (coches, guitarras de xoguete, pelotas, bonecas e peluches) e larpeiradas. Ademais, nenos e maiores tamén puideron tomar buñuelos, algodón de azucre e palomitas, que recibiron totalmente de balde en dous postos instalados no pavillón.

Así mesmo, outro foco de atención mentres non tocaba a quenda para falar cos Reis foi a visita ao Belén Vivente instalado nun dos laterais do polideportivo. Un Belén Vivente ao que non lle faltaba detalle: Neno, Virxe, San Xosé, pastores, anxos e artesáns, todo elo ambientado con animais traídos por distintos veciños do municipio (ovellas, burros e vacas)

BRION - BELEN VIVIENTE 2012 --------------------------------------------------

--------------------------------------------------

OROSO - HOMENAXE DIAZ PARDO 2012

CENTOS DE VECIÑOS E VECIÑAS DE OROSO DISFRUTARON COA PRIMEIRA CABALGATA DE REIS A CABALO QUE SE CELEBRA NO MUNICIPIO

Manuel Mirás tivo palabras de lembranza para Isaac Díaz Pardo, a quen o Concello lle ten adicado a praza da casa consistorial, e anuncia que proporá que o novo colexio leve o nome do insigne galeguista

05 de xaneiro de 2012. Centos de veciños e veciñas de Oroso, sobre todo os máis cativos, encheron esta tarde as rúas de Sigüeiro para asistiren á Gran Cabalgata de Reis, que este ano presentaba o gran atractivo de ver chegar a cabalo ás Súas Maxestades. Un cambio que foi moi aplaudido polos veciños, especialmente polos máis cativos, e que foi posible grazas á colaboración entre o Concello de Oroso e a Asociación de Amazonas e Cabaleiros de Oroso.OROSO - CABALGATA REIS 2012

A Gran Cabalgata de Reis saíu da Estación de Vilacide e percorreu as principais rúas de Sigüeiro repartindo caramelos aptos para celíacos. Ás 18:35 horas, as Súas Maxestades de Oriente foron recibidas na Casa do Concello pola Corporación Municipal, encabezada polo alcalde Manuel Mirás Franqueira. Acto seguido, a comitiva dirixiuse ata o pavillón de deportes, onde máis de seiscentos veciños e veciñas participan nestes momentos nunha unha gran festa infantil con inchables e música.

Ofrenda floral a Díaz Pardo

Minutos antes da chegada dos Reis Magos, a corporación municipal de Oroso realizou unha sentida homenaxe ao ilustre galeguista Isaac Díaz Pardo, falecido hoxe e a quen o Concello de Oroso ten adicada a praza da casa consistorial dende o ano 2008. Manuel Mirás e o concelleiro popular José Manuel Balado depositaron unha coroa de frores ao pé do busto que preside a praza Isaac Díaz Pardo de Sigüeiro, onde minutos despois serían recibidos os Reis Magos.

----------------------------------------------------

Manuel Mirás aproveitou este acto para facer unha lembranza de Isaac Díaz Pardo e anunciou que proporá ao Pleno Municipal e á comunidade educativa que o novo colexio que se vai construír no paseo do Río Carboeiro leve o nome de Díaz Pardo, unha das maiores figuras intelectuais que ten dado Galicia e mellor persoa. Como asegurou Mirás Franqueira, “as homenaxes están para facerse en vida. O Concello de Oroso xa ten feito numerosas homenaxes a este ilustre galeguista pero penso que é de xustiza que o novo centro educativo de Oroso, polo que tanto loitamos, leve o nome de Isaac Díaz Pardo”.

BNG Ordes – proposta de orzamentos para crear emprego

O BNG PROPÓN UNS ORZAMENTOS MUNICIPAIS PARA CREAR EMPREGO EN ORDES

Os nacionalistas consideran moi urxente aprobar os Orzamentos do ano 2012 para sacar a Ordes da súa difícil situación económica

O BNG de Ordes fixo públicas as súas propostas para os Orzamentos Municipais de 2012, que ainda están sen aprobar, o que a xuizo do portavoz municipal do BNG, Gonzalo Castro, “amosa a situación de desgoberno que está a padecer o Concello de Ordes”.

Castro afirmou que o BNG defende que “os Orzamentos Municipais deben intentar dinamizar económicamente o Concello, crear emprego e resolver o pagamento das facturas pendentes cos proveedores”.

Para o portavoz municipal do BNG,”os Orzamentos de 2012 deben orientarse á realización de investimentos que promovan a creación de emprego en Ordes, como un Viveiro de empresas e o impulso e promoción da praza de abastos”

Gonzalo Castro enfatizou que “os Orzamentos tamén deben incluir un plan de saneamento que intente paliar a xestión absolutamente caótica e irresponsable dos últimos anos, que ten colocado ao Concello nunha situación crítica, debido ao destrago de recursos públicos, cunha débeda que se achega aos 8 millóns de euros.”

Finalmente, o portavoz dos nacionalistas ordenses manifestou a súa disposición a “negociar os Orzamentos Municipais para o 2012, condicionando o apoio do BNG a que se conteñan medidas para crear emprego, con actuacións como o viveiro de empresas ou a Praza de Abastos, ademáis dunha priorización do gasto que dote de recursos aos servizos públicos básicos e atenda o pago das débedas cos proveedores do Concello”.

Brión – VIII certame de pintura “novos valores”

O CONCELLO DE BRIÓN ABRE O PRAZO DE ENTREGA DE ORIXINAIS PARA A OITAVA EDICIÓN DO CERTAME DE PINTURA “NOVOS VALORES”, CON 3.500 € EN PREMIOS

As obras recíbense dende hoxe e ata o 28 de xaneiro na Casa da Cultura de Brión

5 de xaneiro de 2012.- O Concello de Brión abre o prazo de entrega de orixinais para participar na oitava edición do certame de pintura “Novos Valores”, un certame patrocinado pola Fundación Feiraco con 3.500 euros en premios e dirixido a artistas galegos ou residentes en Galicia de máis de 14 anos. As obras recóllense ata o vindeiro 28 de xaneiro na Casa da Cultura de Brión e poden entregrase ben en persoa ben por correo a portes pagos.

Cada autor poderá presentar unha única obra pictórica orixinal, de temática e estilo libres, e que non fora presentada noutro certame previo. O certame establece unhas dimensións máximas (de 150 centímetros) e mínimas (de 80 centímetros) en calquera dos seus lados, non admitindo obras cubertas con cristal. A documentación a presentar inclúe: formulario de incrición cumprimentado, foto a cor da obra, fotocopia do DNI (ou documentación que acredite ao autor como residente en Galicia) e un breve currículum vitae do artista (no que se inclúan enderezo e número de teléfono). As bases e o boletín de inscrición pódense recoller na Casa da Cultura ou descargar da web: www.concellodebrion.org.

O Concello de Brión agarda superar os 61 artistas participantes na edición de 2011, cifra que marca o récord absoluto de participación neste certame. Os 3.500 euros destinados a premios repartiranse en dous galardóns por cada unha das dúas categorías establecidas: de 14 a 17 anos (con dous premios de 600 e 400 euros) e maiores de 18 anos (con sendos premios de 1.500 e 1.000 euros).

As catro obras premiadas, así como unha selección de tódalas presentadas, conformarán unha exposición que o Concello de Brión organizará na sala de exposicións da Casa da Cultura e que poderá ser visitada entre o 17 de febreiro (data de coñecemento dos premiados) e o 17 de marzo.

Oroso – mellora da seguridade do colexio de Sigueiro

O CONCELLO DE OROSO INVISTE 15.000 EUROS EN MELLORAR O ACCESO AO COLEXIO DE SIGÜEIRO E AUMENTAR A SEGURIDADE VIARIA NO SEU ENTORNOOROSO - MELLORA COLEXIO SIGUEIRO 1

O concelleiro de Ensino, Antonio Leira, pídelle á Consellería de Educación que asuma as competencias que lles corresponde

5 de xaneiro de 2012.- O Concello de Oroso vén de investir 15.000 euros na realización de dúas obras na contorna do CEIP Sigüeiro para mellorar o acceso ao centro escolar e para aumentar a seguridade viaria no seu entorno. Unhas obras que se realizaron aproveitando o parón escolar polas vacacións de Nadal para evitarlles trastornos aos alumnos e persoal do centro educativo.

As obras consistiron na ampliación do espazo de acceso ao CEIP Sigüeiro, así como reposición e mellora da beirarrúa situada enfronte do centro escolar. Ademais, retiráronse unhas árbores que obstaculizaban o aparcamento na zona e se colocaron uns pivotes enfronte do centro escolar para que os peóns poidan camiñar con maior seguridade. “A nosa idea é poder construír unha beirarrúa aló cando se aprobe a modificación do PXOM para incluir a Barciela”, explica o concelleiro de Vías e Obras, Eduardo Veiras, “pero ata que esté aprobado trátase dunha medida provisional que incrementarán a distancia de seguridade entre o peón e a estrada”.

OROSO - MELLORA COLEXIO SIGUEIRO 2 Asunción de competencias

Pola súa banda, o concelleiro de Ensino, Antonio Leira, amosa a súa satisfacción polo resultado dos traballos no centro e na súa contorna, aínda que lamenta que tivera que ser o Concello de Oroso quen as acometese ante a inacción da Consellería de Educación e a necesidade destes traballos para mellorar a seguridade no entorno dun lugar tan sensible como é un centro de educación infantil e primaria. “A ampliación da entrada é unha obra que lle corresponde á Consellería de Eduación, pois está nos terreos do centro educativo e non é ningunha obra de mantemento”, sinala Leira Piñeiro.

Neste sentido, o Concello de Oroso elaborou en 2011 un proxecto da obra que remitiu á dirección do CEIP Sigüeiro e á Consellería de Educación, “que nos decepcionou facendo oídos xordos á proposta e mirando cara outro lado”. Antonio Leira lembra que “o único que pedimos é que cada quen asuma as competencias que lles corresponden porque estamos falando dunhas actuacións que son competencia da Consellería de Educación e non teñen que ser sufragadas polo Concello de Oroso nin polo seus veciños”:

Silleda – concerto de ano novo

O auditorio Manuel Dopazo da Bandeira acolle hoxe sábado o Concerto Extraordinario de Ano Novo

-O recital, que xunta a catro formacións, será o colofón ao programa de Nadal

Silleda, 6 de xaneiro de 2012. hoxe terá lugar no auditorio Manuel Dopazo da Bandeira unha nova edición do Concerto Extraordinario de Ano Novo. A cita será ás 19.00 horas coas actuacións da Banda de Música Recreativa e Cultural, as dúas agrupacións folclóricas da localidade (Xirandola e Fortín da Pomba) e a Coral Polifónica Trasdeza.

Será esta agrupación coral a que abra o recital cun repertorio no que non faltarán panxoliñas e cancións típicas da época. A continuación chegarán as pezas de música e baile tradicional a cargo de Fortín da Pomba e Xirandola. A Banda Recreativa e Cultural será a encargada de pechar esta cita musical, coa que se pon tamén o colofón á programación de Nadal deste ano en Silleda.

Tamén nesta xornada de sábado celebrarase na Casa da Cultura un maratón de cine organizado polo colectivo Adellís.

Mentres, a partir do luns día 9 terá lugar a recollida de árbores da campaña deste ano. Todos aqueles que adquiriron árbores para decorar nestas últimas semanas nos establecementos colaboradores poden chamar ao teléfono de Protección Civil (660 664 809 ou 660 663 145) para a recollida e posterior reprantación.

CORAL POLIFÓNICA TRASDEZA

1.- Vinde galeguiños

2.- Noite de Paz

3.- Panxoliña de Nadal

4.- Swite comercial navideña

GRUPO DE BAILE E MÚSICA TRADICIONAL “FORTIN DA POMBA” .

1.- Jota e muiñeira de Ancares.

2.- Muiñeira de Montillón.

3.- Jota da Ermida.

4.- O quer que lle quer.

ASOCIACIÓN CULTURAL XIRANDOLA

1. Muiñeira de San Salvador

2.Muiñeira de Martixe

3.Maneo e muiñeira de Gruñoa

4.Regueifa de Solveira e muiñeira da Bandeira

BANDA CULTURAL E RECREATIVA DE BANDEIRA

Saudo a Lugo …… R.Grova

Springtime ….. Ph.Spark (Solo-Trombon)

Seleccion de temas navideños

Himno Galego

 

Silleda – negociación RPT e acordo con Barceló Hotels

Os sindicatos solicitan ao Concello de Silleda unha prórroga para revisar a Relación de Postos de Traballos (RPT)

-O prazo para presentar alegacións ao documento remataba o vindeiro martes día 10, pero a petición de Comisións Obreiras ampliarase ata o día 28

Silleda, 5 de xaneiro de 2012. O sindicato Comisións Obreiras (CCOO) vén de presentar un escrito no rexistro municipal de Silleda solicitando á alcaldesa, Paula Fernández, e concelleira delegada de Persoal a ampliación do prazo previsto para presentar alegacións á Relación de Postos de Traballo (RPT).

O documento foi presentado aos representantes dos traballadores o pasado día 1 de decembro, a cargo da consultora Eosa, á que contratou o anterior goberno municipal non adscrito. O prazo para as alegacións remataba o vindeiro martes día 10, pero dende COO solicítase unha prórroga ata o vindeiro día 28, para poder revisar a proposta en maior profundidade.

A rexidora aceptou a ampliación do plazo “para que os sindicatos poidan estudar con calma e analizar con detalle o documento, partindo da base de que a RPT presentada é unha proposta, un documento aberto ás negociacións cos traballadores co que trataremos de sentar as bases en materia laboral de cara ao futuro”, engade Paula Fernández.

O obxectivo pasa por definir un sistema de postos de traballo eficaz e coherente, tratando de ordear o cadro de persoal do Concello, segundo explicaron no encontro as representantes da empresa, que fora contratada polo goberno anterior.

Para a realización do traballo, segundo explicou no seu día o persoal da consultora contratada, fíxose unha diagnose da situación, logo unha análise, coa descripción e valoración de cada posto e uinha proposta de reordenación. Entre os puntos figura ademais un plan de consolidación de emprego, debido ao elevado número de contratos temporais que existen.

Na primeira fase, de análise e descripción dos postos realizáronse 42 entrevistas, entre os meses de abril e maio, ademais de pasarlle a todo o persoal un cuestionario. A partir de ahí, segundo explicaron as representantes de Eosa, realizaronse as fichas técnicas coa descrición de cada posto (grupo, funcións, condicións, horarios)… atendendo tamén a factores coma os coñecementos xerais e específicos dos traballadores, experiencia, ou adicación, entre outros

En canto á consolidación de emprego que plantexa o documento, sería para un total de 21 laborais que levan un tempo considerable traballando no Concello e cuxo posto non dependen de subvencións.

Dende o grupo de goberno, a alcaldesa e concelleira de Persoal, Paula Fernández, lembrou que coa chegada do actual grupo de goberno o proceso estaba xa en marcha e dende o executivo “a inxerencia foi mínima, xa que tentamos manternos á marxe o máximo posible”.

O comité de empresa está formado por delegados de Comisións Obreiras (CCOO), en representación dos laborais, e da Confederación Intersindical Galega (CIG), por parte dos funcionarios.

A cadena hoteleira Barceló Hotels & Resorts ofrece todo o ano un desconto do 15% a todos os silledenses nos seus establecementos de Canarias

-O xefe de ventas da cadea nas illas e a responsable da axencia de viaxes Turistours de Silleda asinaron hoxe un convenio de colaboración

SILLEDA . ACORDO HOTEIS BARCELO

Silleda, 5 de xaneiro de 2012. A cadena hoteleira Barceló vén de iniciar unha campaña o pasado día 1 de xaneiro para ofertar a todos os veciños e veciñas de Silleda estancias con descontos do 15 por cento nos doce establecementos cos que conta o grupo en Gran Canaria, Fuerteventura, Lanzarote e Tenerife. A promoción, que continuará ao longo de todo este ano, realizase en colaboración coa axencia de viaxes Turistours, sita na rúa Progreso número 5 de Silleda.

O xefe de ventas de Barceló Hotels & Resorts en Canarias, o sillendese Pablo Ojea, e a administradora da axencia, María Corral, asinaron hoxe por mediación do Concello de Silleda un convenio polo que os veciños do municipio se poderán beneficiar do citado desconto.

Os interesados en disfrutar da promoción deben achegarse ata a axencia de viaxes e acreditar con documentos que están empradronados no municipio.

O concelleiro de Turismo, Matías Rodríguez da Torre, que asistiu á firma do convenio, destacou a iniciativa e animou aos silledenses a disfrutar das ventaxas da promoción. “Agardamos que sexa un acicate para que outras empresas poidan realizar iniciativas similares”. O grupo Barceló, cun total de 186 hoteis, é hoxe a terceira cadea española do sector máis importante en canto ao número de habitacións.

Ames – así foi o día de reis

Globoflexia, maquillaxe, xogos e panxoliñas no último día de Nadal Lúdico en Ames

AMES - GLOBOFLEXIA NADAL 2012

Ames, 05 de enero de 2012. Hoxe rematou o Nadal Lúdico de Ames, un programa que se desenvolveu dende os día 22 de decembro en horario de 7.30h. a 16.30 horas. Uns 240 nenos e nenas de entre 3 e 12 anos participaron neste programa de conciliación da vida laboral e familiar. Coas festas de Nadal chegaron as vacacións para os máis pequenos e moitas nais e pais acóllense ao Nadal Lúdico, un servizo que ofrece o Concello para facilitar a conciliación da vida laboral e familiar.

AMES - FAMILIA MILLAPEQUES NADAL 2012

Despois de facer numerosas actividades coma celebrar fin de ano, participar en numerosos obradoiros, contacontos ou ver películas entre outras, hoxe chegou ao seu fin unha edición máis de Nadal Lúdico.

Os nenos e nenas de Milladoiro de 3, 4 e 5 anos viron unha película á primeira hora, para logo cantar panxoliñas, xogar facendo globoflexia e deixar que as profesoras lles pintasen a cara con motivos coloridos e alegres. Os nenos e nenas máis maiores puideron sair ás pistas descubertas que hai ao carón do pavillón municipal de Milladoiro. Alí xogaron, fixeron globoflexia e participaron nun taller de pintura para a cara.

Os rapaces e rapazas que participan no Nadal lúdico en Bertamiráns puxeron fin a unha nova edición deste programa de conciliación da vida familiar e laboral con obradoiros, xogos, panxoliñas e vendo unha película. Durante as primeiras horas os nenos/as de segundo ciclo de primaria realizaron varios xogos nas pistas polideportivas do CEIP A Maía, mentres que os máis pequenos (nenos/as de 3, 4 e 5 anos) participaron nun obradoiro de globoflexia, remataron as actividades que lle quedaban pendentes desta semana e cantaron varias panxoliñas. Trala merenda e como punto e final a este programa lúdico os rapaces e rapazas puideron ver o filme de animación Toy Story 2. Deste xeito ponse punto e final a unha nova edición do programa Nadal lúdico que contou cunha alta participación (arredor de 240 nenos/as).

O programa desenvolveuse dende o día 22 de decembro ata o 5 de xaneiro en horario de 7.30 h ata 16.30 horas. En Bertamiráns os nenos e nenas acudiron ao CEIP A Maía e, no Milladoiro, os nenos e nenas de educación infantil foron á EEI Milladoiro e os de educación primaria ao polideportivo. Nos lúdicos desenvolvéronse actividades e obradoiros que tiveron por obxectivo ocupar o tempo de lecer dos máis cativos e cativas dun xeito divertido e educativo e permitindo a nais e pais conciliar o seu traballo coas vacacións dos seus fillos/as.

Os nenos e nenas de Ames recibiron esta tarde a visita dos Reis Magos

Ames, 03 de xaneiro de 2012. Os nenos e nenas de Ames recibiron esta tarde a visita máis agardada durante todo o ano, a dos Reis Magos. As súas maxestades chegaron a Ames en coche descapotable,

AMES - REIS MAGOS 2012 CHEGADA

pois os camelos estaban moi fatigados trala longa viaxe que fixeron dende Oriente e quedaron repoñendo forzas. A primeira parada que fixeron foi no pavillón do Milladoiro ás 18.00 horas; media hora máis tarde foron ao pavillón de Bertamiráns. As súas Maxestades estiveron acompañadas por paxes reais e atenderon as peticións de tódolos nenos/as. Tanto en Bertamiráns coma en Milladoiro centos de persoas esperaban a chegada dos Magos de Oriente.

 

AMES - REIS MAGOS 2012

Un ano máis os Reis Magos pasaron polo Concello de Ames antes de comezar unha noite de moito traballo na que repartirán regalos aos nenos e nenas de todo o mundo. A recepción real foi nos pavillóns de Milladoiro e Bertamiráns e os Magos de Oriente estiveron acompañados de paxes e comparsas que repartiron caramelos e ilusión entre tódolos nenos e nenas. Sen dúbida esta é unha das citas anuais que máis agardan os máis pequenos da casa.

Os Reis Magos foron recibidos polas autoridades do Concello de Ames, entre as que se atopaba o alcalde, Santiago Amor. O rexedor municipal agradeceu en nome do Concello de Ames “que os Magos fixesen o esforzo de estar cos nenos e nenas de Ames, nunha noite na que teñen que visitar moitas casas e repartir moitos regalos”, o alcalde agradeceu tamén a pais, nais, avós, tíos e tías que manteñan a ilusión de acompañar aos nenos a ver os Reis Magos porque “ é unha bonita tradición que hai que manter”. Santiago Amor lembrouse tamén das familias máis necesitadas do concello e desexou que nestas datas poidan cumplir a ilusión de ver aos Reis Magos.

No nome das súas Maxestades interviu o rei Melchor, que explicou que viñan dende oriente cos camelos cheos de ilusión para repartir moitos regalos. Melchor lembroulle a todos os nenos e nenas que tiñan que deixarlles os zapatos moi limpos, nun lugar visible, e que debían deitarse cedo para recibir o seu agasallo.

Os Reis Magos tamén lles entregaron esta tarde aos gañadores do concurso de cartas de Nadal os seus premios. A animación e a música tradicional a cargo do grupo Os Castros tamén estiveron presentes na recepción dos Magos de Oriente.

   

Santiago – pesar polo falecemento de Isaac Díaz Pardo

O alcalde compostelán expresa o seu pesar e o de todos os composteláns polo falecemento de Isaac Díaz Pardo

O alcalde compostelán, Xerardo Conde Roa, expresou o seu pesar e o de todos os composteláns polo falecemento de Isaac Díaz Pardo. Conde Roa indicou que “Santiago sente a perda irreparable dunha das personalidades máis importantes da nosa historia recente”.

O rexedor municipal afirmou que “Isaac Díaz Pardo deixa unha pegada imborrable na cidade na que viviu e na que quixo que quedase a súa obra, na Cidade da Cultura, para o desfrute de toda Galicia”. Conde Roa cualificou ao polifacético intelectual de home “bo e xeneroso” e lembrou a súa presenza activa en diferentes institucións da cidade”. “Santiago de Compostela ten unha débeda importante con Isaac Díaz Pardo e hoxe é un día triste para a nosa cidade e para Galicia”, engadiu.

Santiago – axenda e corte de tráfico

Domingo 8

12.00 h

No Teatro Principal, concerto de Reis da Banda Municipal de Música dirixida por Xosé Carlos Seráns.

18.00 h

No Auditorio de Galicia, Strauss Festival Orchestra.

Luns 9

11.30 h

Na Casa do Concello, ROLDA DE PRENSA do voceiro do grupo municipal do BNG, Rubén Cela, sobre asuntos de carácter local.

12.00 h

Na Casa do Concello, a voceira da Xunta de Goberno Local, Paula Prado, exporá en ROLDA DE PRENSA o resumo dos acordos adoptados na última sesión.

12.45 h

Na sede do Consorcio de Santiago (rúa do Vilar, 59), ROLDA DE PRENSA para presentar a exposición Compostella dicitur. A cidade da Catedral. Asisten:

Xerardo Conde Roa, alcalde e presidente do Consorcio de Santiago

Xosé Manuel Villanueva Prieto, xerente do Consorcio de Santiago

Pilar Suárez-Inclán, directora de Comunicación e Relacións Institucionais de Seguros Reale

*Unha vez rematada a rolda de prensa realizarase unha visita á exposición, ubicada na Casa do Cabido (praza das Praterías)

ASUNTO: corte de tráfico nas rúas do Churruchao e Poza Real

Con motivo da realización de obras na rede de gas natural, as rúas do Churruchao e de Poza Real permanecerán cortadas ao tráfico dende o vindeiro martes, 10 de xaneiro, ata o 1 de febreiro:

- No caso da rúa do Churruchao, o tráfico desviarase polas rúas do Veado e de Serafín Zas. Unicamente se permitirá o acceso á rúa cortada aos residentes, ata o nº 24, e ao autobús urbano.

- A rúa de Poza Real estará cortada no tramo entre o acceso da estrada N-550 e a rotonda da devandita rúa (en dirección a Conxo).

O Concello de Santiago de Compostela prega a todos os cidadáns desculpen as molestias que esta alteración no tráfico lles poida ocasionar.

Silleda – reunións culturáis

Os alumnos e alumnas da escola deportiva municipal de Equitación celebran unha xuntanza de Nadal

Silleda, 4 de xaneiro de 2012. Os alumnos e alumnas da escola deportiva municipal de Equitación de Silleda celebraron hoxe unha xuntanza de confraternidade coincidindo coa celebración destas datas de Nadal. A cita tivo lugar no picadeiro de Siador, onde a firma Turnativa imparte as clases a cativos, mozos e adultos dende o pasado outono. Ademais dunha merendola, os máis pequenos participaron en xogos coma o do amigo invisible. O concelleiro de Deportes, Klaus Brey, tamén se achegou ata as instalacións, onde en total reciben clases de equitación máis de 30 alumnos e alumnas.

A II Xuntanza de Baile e Música tradicional reúne en Silleda este venres a nove agrupacións

-A cita, na Casa da Cultura a partir das 18.00 horas, será o colofón á xornada festiva na vila, logo da celebración da feira de artesáns

-Ademais de grupos xa consagrados, participan outros de recente creación, froito da actividade formativa que se está a extender por varias parroquias

Silleda, 4 de xaneiro de 2012. As agrupacións de música e baile tradicional de Silleda volven a celebrar polo Nadal unha xuntanza que comezaba con éxito o pasado ano. Esta segunda edición, que terá lugar o venres día 6 a partir das 18.00 horas na Casa da Cultura, reunirá a un total de nove formacións musicais. Ademais das cantareiras O Son da Fervenza, de Escuadro, actuarán o Grupo de Gaitas da Escola de Música Municipal de Silleda; os gaiteiros Pau de Buxo, de Saídres; Xirandola, da Bandeira; Os Carqueixas; os gaiteiros A Pereiriña; Os Sin Son, e a acordeonista Rocío Mosquera, que vén colaborando e actuando con case todas as formacións citadas. Como grupo convidado, pechará o recital Tirabeque, de A Estrada.

Ademais da acordeonista Rocío Mosquera, participaron na presentación do evento, Manuel Vidueiros, director de O Son da Fervenza, e Manuel Fernández Alén, alias Vícero, Mestre tamén de Pau de Buxo e veterano integrante de varias formacións ao igual que Vidueiros , xunto co concelleiro de Cultura, Matías Rodríguez Da Torre.

Este último advirteu que a data de Reis se escolleu para consolidar a xornada festiva en Silleda “ e tamén para que sexa o colofón da Feira de Reis, coa oferta de artesáns e artistas na praza Siñor Afranio”, indicou o concelleiro . Pola súa banda, Rocío Mosquera, sinalou que esta iniciativa “aporta valor á musica tradicional e serve para amosar tanto o traballo de grupos tradicionais como de outros que comezan, como é o caso da Pereiriña”.

Na mesma liña, Manuel Vidueiros, avanzou que nos vindeiros anos xurdirán máis grupos en Silleda “xa que se está a vivir unha auténtica febre con clases de gaita e pandeireta en diversas parroquias do municipio”, engadiu. De feito reseñou que grupos como Pau de Buxo, A Pereiriña ou Son da Fervenza naceron precisamente da xuntanza de veciños, un fito que tamén reseñou Rodríguez da Torre, quen agradeceu ademais a participación desinteresada dos grupos na cita do venres.

Silleda – limpeza de maleza en solares

O Concello de Silleda apremia a unha vintena de propietarios para que limpen e acometan o valado de solares

-Logo dun primeiro aviso no mes de agosto, agora concédeselle un mes para acometer as tarefas que de non cumprir suporán sancións que oscilan entre os 50 e os 3.000 euros

Silleda, 4 de xaneiro de 2012. O goberno municipal de Silleda acaba de remitir unha misiva a 19 propietarios dun total de 27 solares sitos en Silleda e na Bandeira lembrándolle as súas obrigas na limpeza e mantemento dos terreos. Logo dun primeiro aviso no mes de agosto, informando aos propietarios da inminente entrada en vigor da ordenanza de Convivencia, residuos, limpeza viaria e ornato, agora xa se estabrece un prazo dun mes, contado a partir da recepción da carta, para que os propietarios requeridos procedan a acometer as tarefas de limpeza e adecentamento das súas parcelas. A normativa municipal entrou xa en vigor o pasado mes de outubro, sendo poucos os propietarios que responderon ao primeiro requerimento.

Neste novo aviso advírteselles aos propietarios, moitos deles residentes fóra do municipio silledense de que, se transcurrido un mes dende a recepción da carta non cumpren cos traballos requeridos, logo da pertinente visita de comprobación por parte da Policía Local, o Concello de Silleda procederá a iniciar un expediente sancionador, con multas que oscilan entre os 50 e os 3.000 euros en función da gravidade da sancións. Ademais de maleza, hai algunhas fincas nas que se rexistra mesmo a presenza de lixo.

Cerramento das fincas

Na mesma carta, tamén se lles informa aos propietarios de que o artigo 77.2 da citada ordenanza, recolle como obriga xenérica dos propietarios de solares, o valado dos mesmos, dacordo coas normas contidas no Plan Xeral de Ordenación Municipal.

Aqueles que cumpran cos requisitos esixidos e teñan as súas fincas limpas e debidamente cerradas, deberán de comunicalo ao Concello de Silleda.

Ames – solidariedade en nadal

Este sábado terá lugar o III partido benéfico de Baloncesto Concello de Ames

Ames, mércores 4 de xaneiro de 2011. Por terceiro ano consecutivo o baloncesto servirá para ter un Nadal máis solidario en Ames. O pavillón polideportivo de Bertamiráns acollerá este sábado día 7 de xaneiro, ás 20:00 horas, o terceiro partido benéfico de baloncesto Concello de Ames. O XL Milladoiro medirase contra un equipo de famosos de Galicia entre os que están Pepo Suevos, Óscar Pereiro, Xavier Deive, Terio Carrera, David Amor, Xosé Barato, Miguel Juane, Federico Pérez, Xosé Antonio Touriñán, Iván Raña, Julio Jiménez... Este equipo estará adestrado por Alberto Corbacho e Oriol Junyent, xogadores do Blusens Mombus Obradoiro. Os beneficios irán en favor de Paula, unha nena de 16 meses que ten agenesia sacra.

Tras a magnífica acollida que tivo esta iniciativa nas edicións pasadas, decidiuse organizar a terceira edición do partido benéfico de Baloncesto Concello de Ames. Este evento terá lugar o vindeiro sábado, 7 de xaneiro ás 20:00 horas, no pavillón polideportivo de Bertamiráns. Neste encontro enfrontarase o XL Milladoiro contra un equipo formado por famosos de Galicia. A principal novidade deste ano será que o equipo de famosos estará adestrado por Alberto Corbacho e Oriol Junyent, xogadores do Blusens Mombus Obradoiro. É posible que acuda algún xogador máis do Blusens Mombus Obradoiro pero dependerá da súa dispoñibilidade.

Deste xeito, rostros moi coñecidos para toda a veciñanza amiense estarán na cancha do pavillón polideportivo de Bertamiráns. Xogará o cómico Xosé Antonio Touriñán, coñecido por ser un dos principais humoristas do programa "Land Róber" ou por ser membro do dúo cómico Mucha e Nucha que actúan en 'Luar'. Xabier Deive, actor da serie 'Matalobos', xogará tamén, ao igual que Pepo Suevos, polifacético actor, cómico e contacontos que participa na serie 'Matalobos'. Outros actores que participarán neste encontro son Federico Pérez, que actúa na serie "Padre Casares", ou o cómico David Amor.

Cóntase ademais con Terio Carreira, xornalista deportivo da Televisión de Galicia. E, como non, con deportistas como Miguel Juane, ex-xogador do Club Amigos Baloncesto Obradoiro, Óscar Pereiro, gañador do Tour de Francia en 2006, e Iván Raña, triatleta cun longo palmarés de premios en copas e campionatos de todo o mundo que acadou o quinto posto nos Xogos Olímpicos de Sidney en 2000.

Todos os beneficios que se obteñan no partido irán destinados en favor de Paula, unha nena de 16 meses que ten agenesia sacra. Paula naceu sen sacro e con dúas vertebras mal formadas o que lle afecta as extremidades inferiores. Esta rapaza non pode andar e necesita un tratamento cun custo moi elevado. A través desta iniciativa pretendese recadar diñeiro para pagar parte do tratamento que terá que realizar Paula en Alemaña.

Todas as persoas que acudan a este evento participarán no sorteo de zapatillas, roupa deportiva, vales para cambiar por material deportivo, etc. Ademais sortearase unha camiseta do Real Madrid de baloncesto asinada por todos os seus xogadores, unha camiseta do Barcelona, e unha camiseta do Autos Lobelle de Santiago Fútbol Sala, que tamén se sumaron a esta iniciativa cedendo este material de xeito desinteresado.

216 nenos/as reciben un agasallo grazas á campaña de recollida de xoguetes para o Nadal

Ames, 4 de xaneiro de 2012. Esta semana repartíronse todos os agasallos que se xuntaron grazas á campaña de recollida de xoguetes para o Nadal, que organizou o Concello de Ames en colaboración co Bertamiráns Fútbol Club e a Asociación Barricas Folk Rock do Milladoiro. A entrega dos agasallos ás familias realizouse o día 3 de xaneiro na Casa da Cultura de Bertamiráns e o día 4 na casa da Cultura do Milladoiro. Un total de 140 familias disporán dun agasallo para poder entregárllelo aos seus fillos/as o día de Reis. A través desta campaña preténdese que os cativos de familias con menos recursos poidan gozar tamén dun agasallo durante as festas do Nadal.

A Concellaría de Deportes, Tempo Libre e Voluntariado, a través da Oficina do Voluntariado do Concello de Ames (OVA), puxo en marcha a campaña de recollida de xoguetes para o Nadal co lema "En Ames todos/as xogamos". O principal obxectivo desta campaña era recoller un gran número de xoguetes para entregar entre a poboación máis necesitada do concello e sensibilizar a xente de que doar un xoguete non consiste en dar caridade, baleirar armarios ou reciclar obxectos que nos molestan na casa, senón que hai que poñer un pouco de xustiza e ofrecer solidariedade e xenerosidade de balde.

Por segundo ano consecutivo sumouse a esta iniciativa o Bertamiráns Fútbol Club, que desenvolveu a súa propia campaña de recollida de xoguetes e roupa. Posteriormente, o Bertamiráns FC entregoulle o material recollido ao Concello para que este se encargase de repartilo entre as familias máis necesitadas. Este ano, a Oficina de Voluntariado de Ames, tamén contou coa colaboración da Asociación Barricas Folk Rock do Milladoiro, que recolleu os seus propios xoguetes para posteriormente entregarllos ao Concello.

Nesta ocasión conseguíronse reunir un gran número xoguetes que foron repartidos entre 216 nenos e nenas de Ames. Todos os xoguetes recibidos foron seleccionados, clasificados, empaquetados e distribuídos por persoas voluntarias que se sumaron e esta causa solidaria. Cinco voluntario/as encargáronse de seleccionar os xoguetes e empaquétanos con papel de agasallo. Nestas tarefas tamén colaborou o persoal das bibliotecas municipais. A través desta iniciativa, as familias con menos recursos puideron proporcionarlles aos seus fillos un xoguete nesta época tan especial para todos os cativos.

Hai que destacar a colaboración da veciñanza amiense xa que algúns destes xoguetes eran novos e mercados expresamente para este reparto entre os nenos desfavorecidos. A entrega de agasallos ás familias realizouse o día 3 de xaneiro na Casa da Cultura de Bertamiráns e o día 4 na casa da Cultura do Milladoiro. Finalmente, os agasallos acabarán o 6 de xaneiro baixo a árbore de Nadal de máis de 200 rapaces e rapazas que debido aos seus diversos problemas son usuarios/as frecuentes dos servizos sociais do Concello e contan cun seguimento persoal por parte destes servizos.

Cabalgatas de Reis

Ames

Os Reis Magos visitarán Ames este xoves

Xa se coñecen os gañadores do concurso de cartas de Nadal

Ames, 03 de xaneiro de 2012. O Reis Magos chegan a Ames o próximo xoves día 5 de xaneiro. A súa primeira parada será no pavillón do Milladoiro ás 18.00 horas; media hora máis tarde pasarán polo pavillón de Bertamiráns. As súas Maxestades estarán acompañadas por paxes reais e atenderán as peticións de tódolos nenos/as. Media hora antes da chegada dos reis magos haberá animación para todos os nenos e nenas.

Un ano máis os Reis Magos pasarán polo Concello de Ames antes de comezar unha noite de moito traballo na que repartirán regalos aos nenos e nenas de todo o mundo. A recepción real será nos pavillóns de Milladoiro e Bertamiráns e os Magos de Oriente estarán acompañados de paxes e comparsas que repartirán caramelos e ilusión entre tódolos nenos e nenas. Sen dúbida esta é unha das citas anuais que máis agardan os máis pequenos da casa de xeito que o vindeiro xoves verán un ano máis, ou por primeira vez, aos Reis Magos.

A V edición do concurso de cartas de Nadal xa ten gañadores

O xurado desta V edición do concurso de cartas aos Reis Magos, formado por persoas escollidas pola Casa Real de Oriente e polo Concello de Ames, xa lles puxo nome aos gañadores deste ano. Laura Rodríguez Lema e Antía Somoza Bóveda fixéronse co premio na categoría de Educación infantil, Sara Casuso Mosquera e Lúa Ardións Liñares gañaron na categoría de Primeiro ciclo de primaria e Sabela Nóvoa Gómez e Nicolás Tajuelo Arenas gañaron na categoría de Segundo ciclo de primaria.

Por quinto ano consecutivo os Reis Magos fixeron un chamamento aos nenos e nenas do concello para que lles enviasen as súas cartas de Nadal escritas en galego. Os rapaces e rapazas que enviaron a súa carta recibiron ou recibirán proximamente unha misiva de resposta das Súas Maxestades cun pequeno agasallo. Entre todos os participantes, un xurado de escollido pola Casa Real de Oriente e o Concello de Ames premiou as seis mellores cartas, tendo en conta tanto o contido como a decoración. O próximo xoves día 5 de xaneiro as gañadoras e gañadores do certame recibirán os seus agasallos nos pavillóns de Bertamiráns e Milladoiro.

 

Frades

Dentro da rolda de informacións sobre actos de Reis, pásoche datos dunha festa que organizan os veciños de Abellá (Frades). Trátase dunha Festa de Reis que terá lugar o venres 6 de xaneiro, ás 16:00 horas, no local social e no pavillón de Abellá. Haberá:

- animación para os nenos: xogos cooperativos, música, baile e obradoiros (maquillaxe, globoflexia e tatuaxes).

- chocolate e roscón de Reis para todos.

 

Santiago

Os Reis Magos chegarán a Compostela en tren e cargados de caramelos

04/01/2012 A carteira real deste ano, a concelleira María Pardo, anunciou a visita dos Reis Magos, que un ano máis chegarán a Santiago en tren. As Súas Maxestades realizarán a tradicional Cabalgata polas rúas de Compostela, repartirán case tres toneladas de caramelos sen glute e atenderán a todos os nenos e nenas.

Os Reis Magos chegarán ás 17:40 horas á estación do tren, onde serán recibidos pola carteira real e pola Banda Municipal. Ás 18:00 horas iniciarase a Cabalgata, que seguirá o percorrido habitual: Romero Donallo, Santiago de Chile, Frei Rosendo Salvado, Ppraza Roxa, República do Salvador, Hórreo, praza de Galicia, Senra, Porta Faxeira, rúa do Vilar, Xelmírez, Praterías e praza do Obradoiro.
A Banda de Cornetas e Tambores de Santiago anunciará a chegada das carrozas. Ademais das dos propios Reis Magos, haberá unha carroza da estrela real de Oriente, outra da propia carteira real e outra de agasallos. Tamén desfilará un tren con nenos e nenas e tres escuadróns a cabalo e heraldos.
Á chegada ao Obradoiro, sobre as 19:45 horas, serán recibidos pola Corporación Municipal, encabezada polo alcalde, Xerardo Conde Roa. Os Reis Magos saudarán a todos os nenos e nenas dende os balcóns de Raxoi e logo recibiranos a todos. Mentres agardan a súa vez para falar coas Súas Maxestades, os rapaces poderán disfrutar dun espectáculo con pallasos. Antes tamén haberá unha sesión de pirotecnia.

 

Teo

OS REIS MAGOS CHEGAN A TEO UN ANO MÁIS EN TREN, PARANDO NA ESTACIÓN DE OSEBE

  • As súas maxestades de Oriente, que serán recibidas polo alcalde de Teo e pola concelleira de Cultura, rematarán a tarde no pavillón Ezequiel Mosquera da Ramallosa en torno ás 20:00 horas
  • Protección Civil de Teo e Servizos Sociais organizan unha cabalgata na mesma tarde do 5 de xaneiro que visita as residencias da terceira idade

04 de xaneiro de 2012. O Concello de Teo xa está listo para recibir mañá a visita dos Reis Magos. Como é tradicional neste Concellos as súas maxestades chegarán a Teo en tren, concretamente á estación de Osebe sobre as 16:35 horas. Alí serán recibidos por numerosos nenos e nenas e tamén estará o alcalde, Martiño Noriega e a concelleira de Cultura, Carme Hermida.

A comitiva real en Teo fai un percorrido polo Concello parando nos principais locais das asociacións do Concello. Melchor, Gaspar e Baltasar, escoltados pola Policía Local e Protección Civil farán a primeira parada no local da SR de Calo sobre as 17:20 horas. A continuación irán cara Pontevea, onde está previsto que cheguen ó local da Pontevella ás 18:00 horas. Ás 18:50 horas chegarán ó Centro Comercial dos Tilos para baixar cara Cacheiras, ó Centro Cultural Rosalía de Castro, sobre as 19:20 horas. Rematarán a tarde no Pavillón Ezequiel Mosquera na Ramallosa onde se fará a recepción oficial e a entrega de agasallos. Aínda que a comitiva chegará sobre as 20:00 horas está previsto que dende as 18:30 se comecen a realizar actividades infantís no pavillón para facer máis fácil a espera.

Na Ramallosa chegará un dos momentos máis bonitos da xornada xa que os Reis Magos farán entrega dun agasallo a todos os nenos/as que se acheguen a saudalos. Este ano o agasallo institucional do Concello é un disco de rock con música de grupos de Teo, coordinado dende a concellaría de Cultura.

Pola súa banda o servizo de Protección Civil en colaboración con Servizos Sociais tamén realiza unha cabalgata solidaria durante a tarde do 5 de xaneiro, que visitará as residencias da terceira idade do Concello. Esta iniciativa xa se fixo en anos anteriores e contou cunha boa aceptación.

 

 

Brión

OS REIS MAGOS RECIBIRÁN AOS NENOS DE BRIÓN MAÑÁ MÉRCORES NO POLIDEPORTIVO MUNICIPAL

O Concello de Brión ten preparada unha gran festa cun Belén Vivente que inclúe animais aportados polos veciños e unha representación de artesáns e oficios tradicionais

04 de xaneiro de 2012.- O Concello de Brión organiza mañá xoves, 5 de xaneiro, unha gran festa de Reis Magos, que terá lugar no pavillón polideportivo municipal de Pedrouzos onde as Súas Maxestades recibirán aos pequenos a partir das 17:00 horas. Unha gran festa na que o Concello de Brión agarda a participación de entre 600 ou 700 persoas.

A festa contará coa presenza da banda de música de Brión, que desfilará e tocará varias pezas para os presentes. Posteriormente, os Reis Magos farán a súa entrada no pavillón, onde serán recibidos pola corporación municipal presidida polo alcalde Xosé Luis García. Despois, todos os pequenos do municipio terán a oportunidade de falar con Melchor, Gaspar e Baltasar, lembrarlles as súas cartas coas peticións para esa noite e levar distintos agasallos e larpeiradas.

No pavillón tamén se instalará un Belén Vivente, con distintos animais (vacas, burros, ovellas e cabras) aportados para a ocasión por veciños e veciñas de Brión. Canda eles haberá tamén unha representación de artesáns e oficios tradicionais.

 

Oroso

OS REIS MAGOS PERCORRERÁN SIGÜEIRO A CABALO ATA O PAVILLÓN DE DEPORTES, ONDE ASISTIRÁN A

UNHA GRAN FESTA CON INCHABLES E MÚSICA

O desfile realizarase por vez primeira a cabalo grazas á colaboración da Asociación de Amazonas e Cabaleiros de Oroso

04 de xaneiro de 2012. A Gran Cabalgata de Reis de Oroso deste ano 2012 inclúe unha gran novidade: por primeira vez, as Súas Maxestades percorrerán o municipio a lomos dos seus cabalos, polo que este ano deixarán aparcados os seus tradicionais vehículos antigos. Un cambio posible grazas á colaboración entre o Concello de Oroso e a Asociación de Amazonas e Cabaleiros de Oroso, entidade creada a mediados de 2011.

A Gran Cabalgata de Reis sairá ás 17:30 horas da Estación de Vilacide para facer un percorrido polas rúas de Sigüeiro, durante o cal repartirán caramelos aptos para celíacos. O percorrido será o de anos anteriores: rúa do Portiño, rúa Insua, praza de Alexandre Bóveda, rúa do Medio, avenida de Compostela, praza da Foca, avenida da Garabanxa, rúa da Cultura, rúa Río Lengüelle, avenida de Compostela e rúa do Xuncal ata a praza Isaac Díaz Pardo.

Ás 18:15 horas, as Súas Maxestades de Oriente serán recibidas na Casa do Concello pola Corporación Municipal, encabezada polo alcalde Manuel Mirás Franqueira. Acto seguido, a comitiva dirixirase ata o pavillón de deportes, onde se agarda a súa chegada ás 19:00 horas e onde terá lugar unha gran festa infantil con inchables e música. Un pavillón municipal que non abrirá as súas portas ata as 18:30 horas.

Silleda

A cabalgata dos Reis Magos volve mañá a percorrer as rúas da vila de Silleda

-O percorrido partirá ás 17.30 horas da Casa da Cultura e a recepción terá lugar no auditorio do recinto Semana Verde

Silleda, 4 de xaneiro de 2012. As rúas de Silleda volverán a vivir mañá unha das xornadas máis máxicas do Nadal, coa visita dos Reis Magos. Os chóferes reais recollerán a comitiva na Casa da Cultura, de onde partirá o percorrido ás 17.30 horas. Melchor, Gaspar e Baltasar irán acompañados dos seus paxes e doutros pequenos axudantes nas súas respectivas carrozas.

O percorrido real, con choiva de caramelos incluída, continuará pola rúa Progreso para continuar pola avenida do Parque, rúa Pontevedra, a praza de Benito Rivas, rúa María Colmeiro, rúa Venezuela, a ronda Outeiro e a avenida Recinto Feiral, ata o auditorio da Semana Verde, onde terá lugar a recepción por parte dos tres Magos de Oriente. Alí os nenos e nenas que acudan á cita poderán formular as súas peticións ás Súas Maxestades. Ademais, e como vén sendo habitual nos últimos anos, tamén haberá unha chocolatada con churros gratis para todos os asistentes.

 

Tordoia

OS PEQUENOS DO CONCELLO DE TORDOIA

RECIBIRÁN AOS REIS MAGOS NO PAVILLÓN

MUNICIPAL DA PONTEPEDRA

4 de xaneiro 2012.- O pavillón municipal da Pontepedra acollerá mañá pola tarde a tradicional Cabalgata das Súas Maxestades os Reis Magos de Oriente que se achegan así ao Concello de Tordoia como anuncio da noite máis máxica do Nadal. Varios espectáculos de animación e obradoiros dirixidos a nenos e nenas de todas as idades abrirán a xornada, a partir das 16.30 horas, co obxectivo de entreter e animar a espera ata a chegada dos Reis Magos, prevista para as 18 horas.

Daquela, Melchor, Gaspar e Baltasar recollerán as últimas peticións dos nenos e nenas do municipio, ademais de coñecer de primeira man quen se portou ben e que non foi tan bo como podería. Será a última ocasión que os máis pequenos terán para achegarlles ás Súas Maxestades as súas peticións, sobre todo para aqueles que non puideran entregar antes a súa carta.

Música, xogos de animación e actuacións de maxia farán máis amena a espera pola quenda para falar co seu rei mago favorito. As condicións metereolóxicas adversas non serán un problema para as Súas Maxestades en Tordoia, que farán así a súa visita a cuberto durante o seu paso por Tordoia.

 

 

 

Santiago – axenda xoves 5 e e tráfico durante a cabalgata

Xoves 5

10.00 h

No Salón Nobre da Casa do Concello, o alcalde compostelán, Xerardo Conde Roa, recibe os nenos e nenas do Centro Don Bosco.

11.00 h

Na praza de Abastos (torre central), o alcalde compostelán, Xerardo Conde Roa, será a man inocente no sorteo de Nadal da Praza de Abastos.

12.00 h

No Salón Nobre da Casa do Concello, o alcalde compostelán, Xerardo Conde Roa, preside o acto de entrega de premios do Concurso de Beléns e do Concurso de Ambientación Navideña.

12.30 h

Na Casa do Concello, ROLDA DE PRENSA do concelleiro de Recollida do Lixo e Limpeza Viaria, Juan de la Fuente, sobre asuntos da súa área.

CABALGATA DE REIS

17.40 h

Chegada dos Reis Magos á estación do ferrocarril, onde serán recibidos polas autoridades e a Banda Municipal.

Itinerario: Estación do Ferrocarril, Santiago de Chile, Frei Rosendo Salvado, Praza Roxa, República do Salvador, Hórreo, Praza de Galicia, Rúa da Senra, Porta Faxeira, Rúa do Vilar, Xelmírez, Praza das Praterías e Praza do Obradoiro (Casa do Concello).

19.45 h

Chegada á praza do Obradoiro e recepción do Alcalde e Corporación Municipal. Os Reis dirixiranse aos nenos e nenas presentes dende os balcóns do Pazo de Raxoi.

Sesión de pirotecnia e show dos pallasos.


Os Reis Magos atenderán as peticións de todos os nenos e nenas no Pazo de Raxoi.

21.00 h

No Auditorio de Galicia, o alcalde compostelán, Xerardo Conde Roa, asiste ao Concerto de Reis da Real Filharmonía de Galicia, dirixida por Antón Ros Marbá e con María Bayo, soprano. [Delibes, Berlioz, Fernández Caballero]-

O Departamento de Mobilidade, Seguridade Cidadá e Tráfico do Concello de Santiago de Compostela informa que mañá xoves, 5 de xaneiro, con motivo da celebración da tradicional Cabalgata de Reis, adoptaranse as seguintes medidas de ordenación do tráfico:

1.- A partir das 14.00 h. queda prohibido o estacionamento na explanada da Estación do ferrocarril, lugar de concentración da comitiva da Cabalgata de Reis.

2.- A partir das 15.00 h. queda prohibido o estacionamento nas seguintes rúas afectadas polo itinerario da Cabalgata: Santiago de Chile (tramo comprendido entre Rosa e Frei Rosendo Salvado), Frei Rosendo Salvado (tramo comprendido entre Santiago de Chile e Praza Roxa), República do Salvador e Hórreo (tramo que vai dende a República do Salvador ata a Praza de Galicia). Nas rúas citadas produciranse cortes temporais de tráfico de acordo co paso da Cabalgata.

3.- Recoméndase aos condutores que eviten circular pola avenida de Lugo durante o inicio da Cabalgata (que ten prevista a súa saída ás 17.45 h. da Estación de Ferrocarril) polos cortes que se producirán á altura do Hórreo e na rotonda da Pontepedriña, empregando como alternativa para atravesar a cidade o túnel do Hórreo.

Así mesmo, recoméndase aos condutores que na medida do posible eviten circular polo centro urbano ao longo da tarde de mañá xoves.

4.- Desvíos:

Dende a rúa Doutor Teixeiro, pola praza de Pontecastro, a rúa da Rosa, a rúa Antonio Casares e avenida de Lugo, ou ben polo Hórreo e avenida de Lugo.

Dende a zona norte (Porta do Camiño), pola rúa de San Pedro, Concheiros e avenida de Lugo, ou excepcionalmente, por Virxe da Cerca, Patio de Madres, Castrón D´Ouro, Curros Enríquez, Bernardo Barreiro e avenida de Lugo.

Dende Vista Alegre-Salvadas, en dirección ao Campus Sur e á estrada de Noia (C-543), polas rúas Poza de Bar e San Lourenzo.

Dende os vieiros procedentes de Ourense e da Estrada, en dirección á zona sur -estradas de Pontevedra (N-550) e Noia (C-543)-, pola zona do Castiñeiriño, a través do vieiro Santiago de Cuba e a través do cuarto xiro de Cornes, para así incorporarse ao periférico e dende alí ás estradas referidas.

O Departamento de Mobilidade, Seguridade Cidadá e Tráfico prega ós cidadáns que respecten estas indicacións e desculpen as molestias que estes cortes lles poidan ocasionar. Así mesmo, a Policía Local e Protección Civil piden que se sigan as súas indicacións. Máis información na web municipal: www.santiagodecompostela.org.

Silleda – notas mércores 4 xaneiro

A Feira de Reis de Silleda contará coa participación

de dezaseis artesáns e artistas locais

-A cita, coa que se pretende recuperar unha antiga tradición na vila, ademais de servir de escaparate para a promoción, terá lugar o venres día 6 na praza Siñor Afranio

Silleda, 3 de xaneiro de 2012. Silleda volverá a vivir unha xornada de feira no día de Reis o vindeiro venres, coa celebración do certame no que participarán un total de 16 artistas e artesáns, a meirande parte veciños do municipio. Cestería, escultura, pintura, vidro, coiro, cerámica e tamén o traballo de produtores alimentarios estarán presentes nesta iniciativa coa que se pretende realizar unha recuperación simbólica da tradicional Feira de Reis de Silleda. “Ao mesmo tempo, con esta celebración tamén se trata de promocionar o traballo dos artesáns e artistas locais”, sinala o concelleiro de Cultura, Matías Rodríguez da Torre.

A cita terá lugar a partir das 16.00 horas na praza Siñor Afranio, baixo unha carpa climatizada que se instalará ao longo da rúa Cartaxena, que quedará pechada ao tráfico durante a citada xornada do venres. Por cuestións operativas tamén quedará restrinxido ao tráfico o tramo de Antón Alonso Ríos a partir das 15.00 horas.

Ademais da oferta dos distintos postos de venda, os asistentes poderán degustar chocolate con churros. “Será tamén unha cita para animar á xente á sair á rúa nun día moi especial no que algúns tamén poderán lembrar a tradicional feira silledense”, apunta Da Torre, que adianta que non se descarta dar continuidade á feira, se hai unha boa acollida, de cara a vindeiros anos.

Os artesáns que participarán son os seguintes: Manuel Liñares Fernández, de Graba (cestería-bimbio); Carmen Recemil Caramés, tamén de Graba con sombreiros de palla; o escultor e ceramista Fernando Rodríguez, de Siador; Jorge Conde, con esculturas (cabazos artesanais); a pintora silledense Marisa Miguélez; Luis Fondevila García, de Oleiros (escultura en pedra); Jose Manuel Llinares Climent, de Parada, con encaixe de bolillos; Rosa Fernández Miguez, con xoias feitas de xemas naturais (Estratexema); Adriana Rey Presas, de Ponte (abalorios); José Pérez Carral (A Brea-Fontao), productor de mel); Ricardo González Luaces, con botellas artesanais para licores); Cousas de Car-Su, de Silleda, con creacións de coiro e arame; José Villar López. Taller 1924, con artesanía en coiro; Cedric Bouchard (Fontao), con a casa dos xogos (creacións en madeira); Antonio González Abal (cerámica e vidro). Tamén participa a Asociación Feiral Semana Verde cos produtos elaborados na queixería que se inaugurou recentemente.

A xornada festiva rematará en Silleda coa II Xuntanza de Baile e Música Tradicional (ás 18.00 horas na Casa da Cultura), unha cita que se presentará mañá mércores ás 12.00 horas no citado edificio en rolda de prensa.

A recollida de cartón-papel para os establecementos comerciais de Silleda trasládase á xornada do xoves día 5

Silleda, 3 de xaneiro de 2012. O servizo de recollida de papel e cartón posto en marcha de xeito gratuito polo Concello de Silleda para dar servizo a establecementos comerciais e empresas trasládase esta semana á xornada ao xoves día 5. Este servizo, impulsado dende a Concellería de Medio Ambiente, que dirixe Antonio Couso, vense prestando nas xornadas do venres, e ao cadrar esta semana en festivo adiantarase ao xoves. O programa está destinado a establecementos dos dous casos urbanos (Silleda e Bandeira) e tamén a outros situados na contorna de ambas poboacións.

Frades – aprobanse os orzamentos para o 2012

O PLENO DE FRADES APROBA OS ORZAMENTOS DE 2012, QUE ASCENDEN A 2,3 MILLÓNS DE EUROS E DESTINAN O 43% A INVESTIMENTOS REAIS

O alcalde Miguel Prado destaca que son “uns orzamentos reais e axustados, que manteñen os servizos aos veciños e non suben nin crean ningunha taxa ou imposto”

3 xaneiro de 2012.- O pleno municipal de Frades aprobou esta mañá en sesión ordinaria os seus orzamentos para o ano 2012, que ascenden a 2,3 millóns de euros e que destinan o 43,17% (993.000 euros) a investimentos reais. Unhas contas que foron aprobadas cos sete votos a favor do Grupo de Goberno, coa abstención do concelleiro do PSOE e cos tres votos en contra do BNG.

O alcalde de Frades, Miguel Prado Patiño, explicou que se trata “duns orzamentos reais e axustados, que manteñen os servizos aos veciños e non suben nin crean ningunha taxa ou imposto”. Prado Patiño explicou que, a pesares da crise económica, “Frades é un concello saneado, cunha débeda de tan só o 8,23% que xa quixeran moitos concellos da provincia e cos proveedores cobrando ao día. Sen embargo, non podemos permitirnos luxos para que non nos colla o touro”.

En cifras, os orzamentos do Concello de Frades para 2012 ascenden a 2.300.000 euros, un 11,54% menos que en 2011 pola baixada dos ingresos procedentes doutras administracións (Deputación, Xunta e Goberno Central). “Iso non quere dicir que a metade do exercicio poidamos conseguir algún investimento máis da Deputación ou da Xunta e poidamos incrementar esta partida inicial de 993.000 euros para investimentos reais”, explica Miguel Prado. Unha situación que xa se ten producido nos últimos dous anos, con investimentos tan importantes como as beirarrúas de Abellá ou o saneamento de varias parroquias.

Reducción do gasto corrente

Diante desta agardada baixada dos ingresos, os orzamentos de 2012 inclúen importantes medidas de aforro como a conxelación dos salarios do persoal municipal e unha reducción de 16.000 euros no gasto corrente. De feito, Miguel Prado explicou que a partida do gasto corrente inclúe un déficit significativo nos dous principais servizos: luz e recollida do lixo.

Así, o Concello de Frades gasta 35.000 euros anuais na recollida do lixo e outros 50.290 euros para o seu tratamento en Sogama. Porén a aportación veciñal a este servizo ascende a 76.000 euros, é dicir, que só cubre o 89% do mesmo. A pesar diso, Miguel Prado insiste en que “somos conscientes da situación económica que viven as familias de Frades e por iso non imos subir nin crear ningunha taxa a maiores, nin por estes servizos nin polas distintas actividades sociais, culturais e deportivas, que se seguirán desenvolvendo como ata o de agora”.

De feito, Miguel Prado confirmou o mantemento das partidas destinadas a servizos sociais, cultura e deportes, así como das bolsas de transporte para os escolares. Ademais explicou que, grazas á participación do Concello de Frades na Mancomunidade de Ordes, “os veciños de Frades teñen acceso a servizos que sería imposible que prestase un concello en solitario como o Centro de Información á Muller, Atención Temperá, Prevención de Drogodependencias....”

Suplente Mancomunidade

Ademais da aprobación das actas anteriores por unanimidade, o pleno tamén aprobou nomear ao concelleiro Manuel Ferreiro Marzoa como substituto de Miguel Prado na Mancomunidade de Ordes naquelas sesións ás que non poida asistir o alcalde. Unha medida aprobada a instancias da propia Mancomunidade por razóns de maior operatividade, xa que ata o de agora se precisaba do envío dun decreto de Alcaldía cun prazo de antelación. Agora, a substitución puntual pódese realizar de xeito inmediato cando así se precise. O nomeamento foi aprobado cos 7 votos a favor do grupo de Goberno e as 4 abstencións dos grupos da oposición.

Teo – autorización sanitaria para o cemiterio municipal

O CONCELLO RECIBE A COMUNICACIÓN DA AUTORIZACIÓN SANITARIA PARA O CEMITERIO MUNICIPAL

  • Cumpriméntase deste xeito a tramitación administrativa, o que permitirá a posta en marcha do proceso de concesión de nichos nas próximas semanas

03 de xaneiro de 2012. O edil de Urbanismo e Infraestruturas do Concello de Teo, Rafael Sisto, informa que o Concello vén de recibir a comunicación da Consellería de Sanidade de autorización sanitaria para o cemiterio municipal. Deste xeito cumprimétase a tramitación adminitrativa para a posta en funcionamento desta instalación.

O cemiterio municipal, situado no lugar de Fonte das Seixas (entre Montouto e Penelas), pode comezar a funcionar xa que ten toda a tramitación autonómica rematada. Dende o Concello xa se aprobara no seu momento a ordenanza fiscal que establece a taxa dos servizos funerarios e o regulamento de funcionamento do cemiterio, aprobado no pleno do pasado mes de novembro.

O citado regulamento segundo explica Rafael Sisto está neste momento en exposición pública dende o 16 de decembro. A partir da súa entrada en vigor comezara o proceso administrativo de concesión de nichos. A normativa relacionada coa instalación, ordenanza e regulamento, xa establecen as condicións polas que unha persoa poderá concorrer á concesión administrativa dun nicho ou dun panteón. Nas próximas semanas abrirase un prazo para presentar a documentación requerida de cara a facer efectivas esas concesións coas garantías de libre concorrencia.

Respecto ó tema económico a ordenanza fiscal establece unha taxa de 1.250 euros pola concesión dun nicho durante 75 anos e de 5.000 euros pola concesión dun panteón completo (3 nichos) polo mesmo período de tempo. As concesións son prorrogables unha soa vez por outros 75 anos.

Santiago clausura de Nadal Xogo 2011

FESTA DE CLAUSURA DO PROGRAMA MUNICIPAL DE CONCILIACIÓN NADALXOGO 2011

Mércores, 4 de xaneiro no CEIP Pío XII

hoxe mércores 4 de xaneiro a partir das 12 horas terá lugar a festa de clausura do Programa de Conciliación NADALXOGO 2011 no Pavillón Polideportivo do CEIP Pío XII. Nesta festa asistirán todos os nenos e nenas que participaron ao longo destas vacacións de nadal neste programa celebrado nos CEIP de As Fontiñas, Ramón Cabanillas e Pío XII.

A esta gran festa final estan invitadas todas as familias e medios de comunicación e nela poderán presenciar unha pequena representación das actuacións que con tanta ilusión prepararon os máis pequenos ao longo destes días e algunha sorpresa máis.

Programación, mércores 4 de xaneiro

HORARIO

PROGRAMACIÓN

07.45 – 10.00

SERVZO DA AULA MATINAL

10.00- 10.30

PREPARACIÓN DO FESTIVAL

12.00 – 13.00

FESTIVAL DE CLAUSURA

13.00-13.30

FESTA INFANTIL ANIMADA POR UN DJ

13.30-14.00

FIN DE FESTA E DESPEDIDA

14.00 -15.30

SERVIZO DE COMEDOR

Ames – Os reis magos estarán en Ames este xoves

Os Reis Magos visitarán Ames este xoves

Xa se coñecen os gañadores do concurso de cartas de Nadal

Ames, 03 de xaneiro de 2012. O Reis Magos chegan a Ames o próximo xoves día 5 de xaneiro. A súa primeira parada será no pavillón do Milladoiro ás 18.00 horas; media hora máis tarde pasarán polo pavillón de Bertamiráns. As súas Maxestades estarán acompañadas por paxes reais e atenderán as peticións de tódolos nenos/as. Media hora antes da chegada dos reis magos haberá animación para todos os nenos e nenas.

Un ano máis os Reis Magos pasarán polo Concello de Ames antes de comezar unha noite de moito traballo na que repartirán regalos aos nenos e nenas de todo o mundo. A recepción real será nos pavillóns de Milladoiro e Bertamiráns e os Magos de Oriente estarán acompañados de paxes e comparsas que repartirán caramelos e ilusión entre tódolos nenos e nenas. Sen dúbida esta é unha das citas anuais que máis agardan os máis pequenos da casa de xeito que o vindeiro xoves verán un ano máis, ou por primeira vez, aos Reis Magos.

A V edición do concurso de cartas de Nadal xa ten gañadores

O xurado desta V edición do concurso de cartas aos Reis Magos, formado por persoas escollidas pola Casa Real de Oriente e polo Concello de Ames, xa lles puxo nome aos gañadores deste ano. Laura Rodríguez Lema e Antía Somoza Bóveda fixéronse co premio na categoría de Educación infantil, Sara Casuso Mosquera e Lúa Ardións Liñares gañaron na categoría de Primeiro ciclo de primaria e Sabela Nóvoa Gómez e Nicolás Tajuelo Arenas gañaron na categoría de Segundo ciclo de primaria.

Por quinto ano consecutivo os Reis Magos fixeron un chamamento aos nenos e nenas do concello para que lles enviasen as súas cartas de Nadal escritas en galego. Os rapaces e rapazas que enviaron a súa carta recibiron ou recibirán proximamente unha misiva de resposta das Súas Maxestades cun pequeno agasallo. Entre todos os participantes, un xurado de escollido pola Casa Real de Oriente e o Concello de Ames premiou as seis mellores cartas, tendo en conta tanto o contido como a decoración. O próximo xoves día 5 de xaneiro as gañadoras e gañadores do certame recibirán os seus agasallos nos pavillóns de Bertamiráns e Milladoiro.

Brión – reemate do XV festival de títeres

A XANELA DO MAXÍN PECHARÁ HOXE MÉRCORES O XV FESTIVAL DE TÍTERES DE BRIÓN

A compañía representará “A pequena Lúa” ás 17:30 horas no centro social polivalente

3 de xaneiro de 2012.- A compañía de títeres A Xanela do Maxín pechará mañá mércores a decimoquinta edición do Festival de Títeres de Brión. O auditorio do centro social polivalente de Pedrouzos acollerá ás 17:30 horas a representación de “A pequena Lúa”, que terá una duración de 50 minutos. A entrada é libre e de balde.

“A pequena Lúa” é unha proposta escénica dirixida a un público familiar, onde valores como a tenrura, o respecto ou a solidariedade cobran importancia para levarnos a un mundo onde a violencia non ten cabida e a ilusión fai dos soños unha realidade. O protagonista da historia é un gato viaxeiro, poeta e bohemio, que coñece á gatiña Lúa. Xuntos, con cariño e comprensión, descubrirán os segredos da vida e aprenderán que con versos e moita ilusión se pode superar calquera dificultade.

O XV Festival de Títeres de Brión reuníu durante esta semana a dúas compañías galegas (A Xanela do Maxín e Títeres Cachirulo) e unha arxentina (El Abrojito), que achegaron aos veciños e veciñas de Brión a maxia do teatro de títeres.

BNG A Estrada – no 2012 subirá dúas veces a contribución

En 2012 teremos unha dobre subida do recibo da contribución
“Se neste contexto de crise económica e de paro galopante é grave calquera subida de impostos, na Estrada é catastrófico”

A Estrada, 3 de xaneiro de 2012: O goberno central, en mans do Partido Popular, desde as pasadas eleccións xerais, vén de aprobar unha serie de medidas en forma de subida de impostos e de recortes sociais. Unha das medidas é a subida do IBI, tomando como referencia do valor medio catastral do concello para aplicar dita subida.
O portavoz municipal do BNG, Xosé Magariños, declarou aos medios de comunicación local que “coa prudencia que dá descoñecer polo miúdo como se vai aplicar esta medida no concello, desde o BNG facemos unha valoración moi negativa desta medida do Partido Popular, que cargará sobre o peto dos cidadáns o peso dunha crise que eles non provocaron”.
“O PP non pode ampararse na crise para atracar aos veciños da Estrada, que non o votaron para iso, nin nas municipais nin nas xerais”, afirmou o concelleiro do BNG; e engadiu “que o PP está a traizoar aos seus electores, xa que en campaña, non hai moitas semanas, anunciaban unha cousa e agora fan a contraria, que é subir os impostos.”
“Por outra parte,” engadiu Magariños, “resulta totalmente inaceptábel que Galiza, onde o PP goberna desde o 2009, estea á cabeza da destrución de emprego, cun goberno inactivo que o único que fai é subirlle as cargas á cidadanía”
“Se neste contexto de crise económica e de paro galopante é grave calquera subida de impostos, na Estrada é catastrófico, xa que o goberno do PP acaba de aprobar, co voto en contra do BNG, unha subida do IBI dun 60%, que se lle sumamos a suba que efectuará o goberno central, o incremento no recibo do IBI deste ano vai a ser inasumíbel para moitas familias da Estrada”, engadiu o Portavoz Municipal do BNG.
Xosé Magariños tamén se referiu ás declaracións do Alcalde, que sobre esta cuestión recollen os medios de comunicación. O concelleiro nacionalista dixo estar “perplexo pola nula sensibilidade do alcalde, que asume entusiasmado esta subida de impostos, e de recorte nos salarios dos funcionarios e traballadores municipais”.

Santiago – axenda 4 xaneiro

9.30 h

Na Casa do Concello, o alcalde compostelán, Xerardo Conde Roa, participa no xurado do I Concurso de Beléns “Compostrela”.

10.30 h

Na Casa do Concello, o alcalde compostelán, Xerardo Conde Roa, participa no xurado do I Concurso de Ambientación Navideña “Compostrela”.

11.00 h

No Pazo de Raxoi (sede da Presidencia da Xunta de Galicia), o alcalde compostelán, Xerardo Conde Roa, asiste á toma de posesión novos conselleiros do Goberno autonómico.

11.00 h

Na Casa do Concello, ROLDA DE PRENSA do voceiro do grupo municipal do BNG, Rubén Cela, e da eurodeputada Ana Miranda sobre asuntos de carácter local.

11.30 h

Na Casa do Concello, ROLDA DE PRENSA da concelleira de Comercio e Turismo, Reyes Leis, para dar a coñecer os gañadores do Concurso de Beléns e do Concurso de Ambientación Navideña.

12.00 h

No pavillón polideportivo do CEIP Pío XII, o concelleiro de Educación, Ángel Currás, asiste á festa de clausura do programa de conciliación Nadalxogo 2011. Haberá unha pequena representación das actuacións prepararadas polos máis pequenos ao longo do programa.

12.30 h

Na Casa do Concello, ROLDA DE PRENSA da concelleira María Pardo para presentar a Cabalgata de Reis.

18.00 h

Na Casa do Concello, o alcalde compostelán, Xerardo Conde Roa, recibe o presidente da SD Compostela, Antonio Quinteiro.

18.30 h

No Teatro Principal, Nadal Máxico con: Mago Richard, Mago Cali, Magomimo Anllo, Kiko Pastur e Mago Antón.

Brión – hoxe teatro de títeres desde Argentina

A COMPAÑÍA EL ABROJITO ACHEGARÁ HOXE A BRIÓN O TEATRO DE TÍTERES QUE SE FAI NA ARXENTINA

A compañía, de xira por España con “El lobo Rodrigo”, actuará ás 17:30 horas no centro social polivalenteBRION - TITERES ARGENTINO EL ABROJITO

2 de xaneiro de 2012.- O Centro Social Polivalente de Pedrouzos acollerá mañá martes, ás 17:30 horas, a actuación da compañía arxentina El Abrojito, que achegará a Brión o teatro de títeres que se fai na Arxentina. Durante aproximadamente 55 minutos, os integrantes de El Abrojito representarán “El Lobo Rodrigo”, obra coa que están de xira por España despois de tela presentado pola Arxentina. A entrada é libre e gratuíta.

“El Lobo Rodrigo” é unha versión distinta do tradicional conto de Carapuchiña Vermella. Os personaxes actúan en roles diferentes ao coñecido relato e iso trae consecuencias e situacións tanto inesperadas coma divertidas. A través de “El Lobo Rodrigo”, os rapaces comprobarán que se pode cambiar a historia para vivir mellor cando temos a convicción e o desexo de facelo, con amor, comprensión e respecto polo outro.

Despois desta representación, a decimoquinta edición do Festival de Títeres de Brión pechará as súas portas o vindeiro mércores 4 de xaneiro coa actuación dos galegos de A Xanela do Maxín, que ofrecerán “A pequena lúa”.

Teo – excursión as Termas de Ourense

BENESTAR ORGANIZA EXCURSIÓNs ÁS TERMAS DE OUTARIZ EN OURENSE NO MES DE FEBREIRO

· A partir do mes de febreiro tamén se volverán a realizar as saídas do programa Coñece o teu País

· O prazo para anotarse na excursión ás termas comezará o 16 de xaneiro e para participar terase en conta a orde de inscrición

02 de xaneiro de 2012. A concellaría de Benestar, dirixida por Ignacio Iglesias, organiza excursións no mes de febreiro ás termas de Outariz, no entorno da cidade de Ourense. Esta saída está dirixida ás persoas maiores do Concello pero terá unhas particularidades que a diferencian das excursións do programa Coñece o teu País que comezará tamén a finais de febreiro.

A excursión ás termas farase en tres xornadas, os días 9, 15 e 17 de febreiro. Cada día sairá un autobús de Teo cara Ourense con 50 prazas. A razón de facelo así é a planificación dos grupos na visita ás propias termas, xa que non poden entrar grupos 150 persoas. Os días de excursión a Outariz tamén se aproveitarán para comer en Ourense e visitar a cidade das Burgas.

Para anotarse na saída ás termas de Outariz abrirase o prazo o 16 de xaneiro e pecharase o 30 de xaneiro. Como sempre terase en conta a orde de inscrición. Poden participar as persoas empadroadas en Teo que teñan 60 anos ou máis ou as que teñan entre 50 e 60 anos pero xa sexan pensionistas.

No mes de febreiro, segundo informan dende Benestar, comezará tamén o programa Coñece o teu País. Concretamente a primeira excursión será o 25 de febreiro a Vilanova de Cerveira, Arbo e Monçao e o período para anotarse será como vén sendo habitual a primeira quincena do mes no que se realiza a saída, neste caso en febreiro, no departamento de Servizos Sociais persoalmente ou por teléfono no 981 809 707.

En marzo e abril realizaranse excursións á cidade de Lugo e a Monforte, Sober e Doade respectivamente e o procedemento será o mesmo, tendo que anotarse na primeira quincena de cada mes. Neste momento estase pechando a planificación para os meses seguintes do que se informará no seu momento e prevense saídas a Cariño, O Barqueiro e Viveiro e a Vilalba e Mondoñedo.

Andaina Bisbarra do Sar – presentación V edición

5ª ANDAINA “BISBARRA DO SAR - CONCELLOS de PADRON e ROIS
Sábado; 21 de Abril

Temos a ledicia de presentarvos a 5ª edición da Andaina Bisbarra do SAR, que este ano, e por causas alleas, non contará ca colabora do concello de Dodro.

Coma sempre o río SAR, fonte de inspiración da poetisa Rosalía Castro, volve a ser protagonista do percorrido. Mais este ano temos un troco importante: xuntar un percorrido inédito nun só anel.

A segunda nova, co pulo de popularizar ao máximo a proba, e que os que queiran poderán facela en Bicicleta Todo Terreo (B.T.T.)

Temos por certo que o esforzo da organización non valería de moito se non contásemos co mais importante: a confianza dos participantes que, ano tras ano ca vosa presenza, axudades a que Andaina Bisbarra do SAR sexa xa unha referencia no calendario das probas de 50 Quilómetros en Galicia.

Lembrádevos: toda a información a podedes obter na web: www.andainabisbarradosar.com

Ames – teatro no Milladoiro e festa infantíl na Aula da Natureza

Este martes chega á Casa da Cultura do Milladoiro a obra de teatro “Oh, que bonito é Panamá”

A compañía Panamesiana Teatro achega este martes á Casa da Cultura do Milladoiro a obra Oh, que bonito é Panamá!, unha adaptación dun conto infantil de Janosch. Esta obra será representada este martes 3 de xaneiro, ás 17:00 horas, na Casa da Cultura do Milladoiro. Esta obra de teatro xa foi representada o pasado 9 de outubro no auditorio da Casa da Cultura de Bertamiráns. Agora, despois do éxito de público que tivo en Bertamiráns, será representada no Milladoiro.

A obra de teatro Oh, que bonito é Panamá! ten unha duración de arredor dunha hora. Na función actuarán, para deleitar aos máis pequenos, Mónica García, Tomás Lijó e Petra Hofmann. Esta obra pretende ser un xogo de teatro, monicreques, música e clown tendo a inocencia, a amizade, o respecto á natureza e a felicidade das pequenas cousas como protagonistas principais.

Esta representación teatral enmárcase dentro da programación cultural e deportiva de Nadal. A programación teatral do Concello de Ames está repartida entre Bertamiráns e O Milladoiro. Ademais, está pensada tanto para o público infantil como adulto. A programación está incluída dentro das obras de teatro que ofrece a Axencia Galega das Industrias Culturais (AGADIC). Ao mesmo tempo o Concello de Ames forma parte da Rede Galega de Teatros e Auditorios, o que permite traer a Ames obras de teatro de gran calidade e sona.

A programación teatral no Concello de Ames continua o vindeiro venres 13 de xaneiro na Casa da Cultura de Bertamiráns coa obra Cociña económica, de Mofa e Befa. Esta peza teatral ten unha duración de 60 minutos.

Mofa e Befa poñen os seus mandís, arremánganse e métense na cociña a facer o que eles mellor saben, que non é nin fritir un ovo nin preparar unha caldeirada de bertorella, nin tan sequera pelar patacas. Cociñan as risas que lle arrincan ao público, que asiste enganado, ás veces mesmo obrigado (todos temos compromisos ineludibles) á representación. Dous xeitos de cociñar diferentes: o da cociña económica, onde non se aforra nada e onde se practica a liberalidade absoluta cos ingredientes e o da cociña.

Nenos/as e maiores poderán participar nun obradoiro para organizar unha Festa sostible na Aula da Natureza

Ames, luns 02 de xaneiro de 2012. O vindeiro mércores 4 de xaneiro todos aqueles que o desexen poderán participar nun obradoiro que acollerá a Aula da Natureza. O obradoiro está dirixido a tódolos públicos e especialmente pensado para que os nenos aprendan e gocen na compaña dos seus pais e doutros nenos. O obradoiro consistirá en decorar a Aula da Natureza da Ameixenda, preparar sobremesas, bebidas e algunhas actuacións para celebrar unha festa onde predomine a sustentatibilidade. O obradoiro comezará ás 16.30 horas da tarde e rematará ás 19.30h. Os/as interesados/as en participar nesta actividade que organiza o Concello de Ames deberán anotarse chamando ao teléfono da Aula da Natureza 660 004 665, á concellaría de Medio Ambiente 981 883 002 marcando a extensión 1312 ou enviando un correo electrónico ao enderezo auladanatureza@concellodeames.org.

O próximo mércores día 4 de xaneiro a Aula da Natureza acollerá un obradoiro para organizar unha festa de xeito sostible. A actividade centrarase en potenciar o traballo en equipo e o respecto aos compañeiros e na importancia que ten a sustentabilidade e a reciclaxe. Esta actividade celebrarase se hai un mínimo de 20 inscritos. Organizarase ás persoas en grupos de montaxe, decoración, cociña, encargados das bebidas, música e deseño de invitacións entre outros. A idea de fondo é ver que materiais dos que habitualmente se empregan na vida cotiá e nas festas non son sostibles e cales si. Este obradoiro pode ser moi útil para aprender a reciclar e tomar conciencia da súa importancia sobre todo nestas datas de Nadal, nas que as festas coa familia e con amigos son moi habituais.

Para que se celebre o obradoiro deberán estar inscritas polo menos 20 persoas. Se non se chega a cubrir ese cupo o obradoiro pospoñerase e todos os inscritos serán avisados por teléfono do cambio de data.

A Aula da Natureza organiza actividades coma esta durante estes días de Nadal co obxectivo de que as nais e pais que adoitan ter algúns días de vacacións pasen a tarde na compaña dos seus fillos/as aprendendo cousas e valorando o traballo en equipo e a convivencia con outras familias.

Animamos á cidadanía a participar nesta actividade e a comprender a importancia da reciclaxe e do traballo con material ecolóxico para contribuír á sustentabilidade do planeta.

Un saúdo

Auditorioa de Galicia –´ciclos Todo Lírica e Compostela Rock

O concelleiro de Cultura e o director-xerente do Auditorio presentaron os ciclos esta mañá

The Answer e The Gifts inauguran os ciclos Compostela Rock e Sons 2012, respectivamente

  • Compostela Rock, nova aposta da concellaría, arrinca o vindeiro sábado, 14 de xaneiro, cos irlandeses The Answer, na Sala Capitol e continuará con Corizonas o 10 de febreiro

  • Sons 2012 comezará o xoves 2 de febreiro no Teatro Principal co único concerto en Galicia da xira ‘Primavera e Explode: mil cores posibles’ dos The Gift e continuará o 11 de febreiro con The Idan Raichel Project

Santiago de Compostela, 02/01/2012.- O concelleiro de Cultura, Ángel Currás, e o director-xerente do auditorio de Galicia, José Víctor Carou, presentaron esta mañá os primeiros concertos de Sons 2012, e de Compostela Rock, un novo ciclo da concellaría de Cultura. Así, Compostela Rock inaugurase o vindeiro sábado, 14 de xaneiro, cos irlandeses The Answer, na Sala Capitol e continuará o 10 de febreiro con Corizonas. Sons 2012 comezará o xoves 2 de febreiro no Teatro Principal co único concerto en Galicia da xira ‘Primavera e Explode: mil cores posibles’ dos The Gift e o seguinte concerto será o 11 de febreiro con Idan Raichel Project.

Dentro das novidades na programación para 2012 que pon en marcha a concellaría de Cultura, unhas das apostas firmes é o Compostela Rock, ciclo que se alongará durante todo o ano e se celebrará en diversos espazos da cidade. Abranguerá concertos de rock, pop e xéneros próximos en todos os seus estilos e variantes intentando así achegarse ao maior rango de idades entre o público ao que vai dirixido. O que se busca é dar estabilidade na programación da concellaría a un tipo de música que ata o de agora non o tiña e materializar unha realidade da programación da cidade. Inaugura este ciclo a banda irlandesa The Answer, elixida por AC/DC como teloneiros na súa última xira mundial. Chegan a Compostela para dar o único concerto en Galicia, logo de estar en Madrid, Barcelona e Bilbao, no que presentan o seu novo dicos, ‘Revival’

Sons 2012 inaugúrase con The Gift que chegan a Compostela dentro da xira “Primavera/Explode–Mil cores posibles” cun concerto, o único en Galicia, no que nos presentan as novas cancións gravadas no Centro Cultural de Belém e as máis recentes dos seu último disco Explode. Esta xira leva a The Gift polas principais salas de España e Portugal e en Compostela inauguran Sons 2012 o xoves 2 de febreiro ás 21.00h. no Teatro Principal.

Vindeiros concertos

Ademais de presentar os concertos inaugurais, fíxose tamén un avance dos seguintes concertos en cada ciclo. Compostela Rock continuará, tamén na Capitol, o 10 de febreiro co concerto de presentación dos Corizonas, a nova banda de moda do rock español, que nace da unión de Los Coronas e Arizona Baby e que elixiron Compostela para presentar o seu novo traballo ‘The News Today’. Pola súa banda, o segundo concerto de Sons 2012 será The Idan Raichel Project o 11 de febreiro no Auditorio de Galicia. Será o único concerto en España desta fascinante formación de artistas capitaneada por Idan Raichel, israelí que cambia por completo a imaxe da música popular do seu país ofrecendo unha mensaxe de amor, paz e tolerancia.

AUDITORIO GALICIA - RUBEN P. ‘A fermosa muiñeira’ de Schubert pecha hoxe o ciclo Todo Lírica

Santiago de Compostela, 02/01/2012.- Co Nadal chegou de novo Todo Lírica, un ecléctico ciclo de concertos creado no 2001 co nome de Festival de Zarzuela de Santiago, que segue habitualmente o formato de recitais de voz e piano, e que cada ano vén ampliando os seus contidos a outros xéneros musicais. O ciclo, que se celebra desde o venres 23 de decembro, celebra mañá o seu último concerto ‘A fermosa de muiñeira’ de Franz Schubert co actor galego Quico Cadaval xunto ao barítono madrileño Gabriel Bermúdez e o pianista bilbaíno Rubén Fernández Aguirre. Será a partir das 21.00h. no Teatro Principal cando poidamos ver a dramatización deste ciclo de 20 cancións composto por Schubert en 1823 a partir de poemas do alemán Wilhelm Müller. As entradas poden adquirirse a 8 euros no servizo de venda de entradas de Novagalicia Banco e na billeteira do Teatro Principal.

O barítono madrileño Gabriel Bermúdez estudiou canto coa súa nai, Carmen Rodríguez Aragón, na Escola Superior de Canto de Madrid. Nos últimos ano está moi vencellado á prestixiosa compañía da Opernhaus de Zúric onde interpretou varios espectáculos. Actuou con directores como Harnoncourt, Santi, Gardiner, Welser-Möst, Christie, Minkowsky, Von Dohnányi e Philippe Jordan. Foi galardoado co Premio Teatro Campoamor “Cantante revelación” polo seu Orestes en Iphigénie en Tauride e vén de debutar, como solista, coa Orquesta e Coro Nacionales. É un dos cantantes españois de maior proxección internacional da súa xeración e próximamente debutará no Festival de Salzburgo.

Quico Cadaval é actor, director teatral, dramaturgo e contador de historias. Premiado recentemente co Premio de Cultura de Galicia na categoría de Artes Escénicas, realizará neste espectáculo o dobre papel de actor e dramatizados deste ciclo de cancións.

Rubén Fernández-Aguirre, pianista, nace en Barakaldo (Vizcaya) en 1974. Realiza os seus estudos superiores de piano en Vitoria con Albert Nieto e de correpetición en Viena con David Lutz e Múnic con Donald Sulzen. Pianista moi demandado para recitais por cantantes de renome como Carlos Álvarez, Ainhoa Arteta, Nancy- Fabiola Herrera, José Manuel Zapata, Elena de la Merced e María Bayo, entre outros, tamén actuou con Mariella Devia, Cristina Gallardo-Domâs, Leontina Vaduva, Isabel Rey, Mariola Cantarero, Manuela Custer, etc. e cos bailaríns Ángel Corella e Igor Yebra. Actúa na maioría de festivais e teatros españois así como en importantes escenarios de Europa (Musikverein de Viena, Teatro de La Monnaie de Bruxelas, Festival Rossini de Pesaro, Slovenská Televízia de Bratislava), América (Carnegie Hall de Nova York, Auditorio Nacional del Sodre de Montevideo), Oriente Medio (Damasco) e África (Alxer).

Podemos definilo, como diciamos, coma o pianista residente do festival Todo Lírica de Santiago de Compostela. A súa traxectoria, tan rica, levouno no ano 2010 a recibir o premio Ópera Actual “pola súa dedicación á lírica e o crecente prestixio que está logrando neste campo”.

Santiago – axenda martes 3 enero e corte de tráfico

Martes 3

16.00 h

Os concelleiros de Medio Rural, Luis Bello, e de Centros Socioculturais, Francisco Noya, visitan algúns dos beléns participantes no I Concurso de Beléns “Compostrela”.

21.00 h

No Teatro Principal, Gabriel Bermúdez, barítono; Quico Cadaval, actor; e Rubén Fernández Aguirre, piano, presentan A fermosa muiñeira de Schubert dentro do ciclo Todo Lírica.

ASUNTO: corte de tráfico na avenida de Xoán Paulo II

Por mor da colocación dunha grúa para as obras do centro comercial das Cancelas, a avenida de Xoán Paulo II permanecerá cortada ao tráfico dende as 8:00 ás 20:00 horas de mañá martes, 3 de xaneiro, e do mércores 4.

Durante este período de tempo, o tráfico desviarase pola avenida do Camiño Francés. Non obstante, nestas dúas xornadas, a circulación de vehículos estará permitida pola avenida de Xoán Paulo II entre as 20:00 e as 8:00 horas.

O Concello de Santiago de Compostela prega a todos os cidadáns desculpen as molestias que esta alteración no tráfico lles poida ocasionar.