A CORPORACIÓN MUNICIPAL DE TEO VISITA AS OBRAS DA PISCINA
CLIMATIZADA
·
O pleno aprobou por unanimidade un modificado do proxecto
que inclúe múltiples melloras sen ningún custo adicional.
·
Esta infraestrutura supón un investimento superior aos
1,6 millóns de euros e está financiada nun 68,6% pola Deputación.
22 de maio de 2012.- Integrantes de todas as formacións políticas da
corporación municipal de Teo, encabezados polo alcalde Martiño Noriega,
efectuaron unha visita guiada ás obras da futura piscina climatizada municipal
da Ramallosa. Durante o percorrido, recibiron explicacións dos técnicos
encargados da obra, que está a piques de iniciar a súa parte final.
O alcalde amosouse satisfeito coa evolución dos traballos e confía en que
“canto antes esta nova instalación estea a disposición dos cidadáns”.
Precisamente, para que a execución da obra non se deteña, un pleno
extraordiarnio da corporación aprobou por unanimidade unha reforma do proxecto
da piscina, que permitirá múltiples melloras sen incrementar o seu custo, de
algo máis de 1,6 millóns de euros.
Por esta mesma razón, o reformado do proxecto non precisa ser levado ao
pleno da Deputación da Coruña. Bastou coa conformidade técnica da
administración provincial, que financia a obra nun 68,36%, achegando o erario
municipal a cantidade restante, tal como se contempla no convenio de
colaboración asinado en febreiro de 2011.
As novas melloras incorporadas xa poden comezar a executarse. Aproveitando
que non é preciso un transformador eléctrico que si figuraba no proxecto
inicial, consisten en redestinar o seu importe a reforzar aínda máis a
estanqueidade do vaso da piscina, equipar diversas estancias con pavimentos
antideslizantes máis seguros, a dotar a instalación dun canalón que evita
mellor as filtracións ou a instalar falsos teitos en cuartos onde estaban
previstas outras solucións técnicas, entre outras melloras.
Percorrido
No seu percorrido polas instalacións, con dúas plantas de 2000 metros
cadrados cada unha, os edís puideron comprobar o avanzado estado de execución
do proxecto. A parte sustancial da construcción xa está practicamente rematada
só resta a instalación dos elementos de acabado e o mobiliario.
Ademais do vaso da piscina, que ten unha dimensión de 300 metros cadrados e
que se caracteriza pola peculiaridade de estar suspendido para facilitar o
mantemento da súa maquinaria, a visita detívose no ximnasio (200 metros
cadrados), na sala polivalente (150 metros cadrados) e nas pistas deportivas.
A comitiva tamén se achegou aos cuartos onde se ubica a maquinaria da
piscina, que incorporará as máis modernas tecnoloxías de aforro enerxético para
conter ao máximo o seu consumo nesta materia. O percorrido rematou no tellado, onde
estes días se están rematando de colocar os materiais illantes, paso previo á
instalación unha cuberta ornamental de pedra.
No exterior, os representantes municipais puideron ter xa unha idea de como
se organizarán as zonas verdes e axardinadas que rodearán ao complexo. Xa se
percibe tamén como será unha parte intermedia, integrada no edificio pero
proxectada cara ao exterior, cun estanque decorativo como elemento principal,
na que se poderán desenvolver actividades físicas.


Ningún comentario:
Publicar un comentario