Frades - a metade dos alumnos do concello están nas redes sociais sen ter idade e sen os pais o sepan


MÁIS DO 50% DOS ALUMNOS DE FRADES DISPÓN DE PERFIL NAS REDES SOCIAIS SEN TER A IDADE LEGAL MÍNIMA REQUERIDA E SEN COÑECEMENTO DOS SEUS PAIS

Unha vintena de nais e profesores do CPI Pontecarreira participaron no primeiro obradoiro “Familias e redes sociais” e acordaron facer unha nova sesión o vindeiro mes de setembro


24 de maio de 2012.- Máis da metade dos nenos e nenas de 5º e 6º de Primaria do CPI Pontecarreira, de entre 10 e 12 anos de idade, ten perfil nalgunha rede social (cando a idade mínima legal é de 14 anos) e o fan sen ningún tipo de coñecemento dos seus pais sobre para que o utilizan ou con que persoas contactan. Son os resultados dunha equisa realizada esta semana nunhas xornadas organizadas pola Mancomunidade de Municipios da Comarca de Ordes no CPI Pontecarreira e cuxos resultados foron dados a coñecer durante a primeira sesión do obradoiro “Familias e redes sociais”, celebrado no propio centro escolar e no que participaron unha vintena de pais, profesores e o alcalde de Frades, Miguel Prado Patiño.

A técnico do Servizo de Prevención  de Drogodependencias da Mancomunidade de Ordes, Mónica González, sinala que “estes dous obradoiros, primeiro cos nenos e despois cos pais, foron moi útiles xa que descubrimos que máis da metade dos cativos teñen contas en Facebook e en Tuenti e que son totalmente alleos aos riscos e ameazas que poden conlevar un mal uso das Redes Sociais. E, ademais, comprobamos que os pais non saben que suben, para que as utilizan ou mesmo que dispoñen de perfil nas redes sociais”.

O encontro cos cativos serviu para coñecer que a maioría entra nas Redes Sociais iniciados por un irmán maior ou por algún adulto. Ademais, todos eles amosaron un total descoñecemento dos posibles riscos que poden supoñer un mal uso das redes sociais, como o acceso a contidos inaxeitados, as ameazas á privacidade, ciberbullying (uso de medios telemáticos para exercer un acoso psicolóxico entre menores), o sexting (envío de contidos de tipo sexual, sobre todo fotos ou vídeos, producidos polo propio remitente) ou o grooming (termo utilizado para describir as prácticas online de certos adultos que se gañan a confianza dun menor finxindo empatía con fins, normalmente, de satisfacción sexual). “Iso si, cando se preguntaba sobre as distintas habilidades cos navegadores, todos coincidían en que o primeiro que se aprendía era a borrar o historial”, indica Mónica González.

Formación para os pais


A utilización de datos extraídos dos seus propios fillos e fillas sorprendeu á vintena de nais e profesores do CPI Pontecarreira. “A gran maioría dos pais descoñecían que os seus fillos tiveran perfil nalgunha rede social e os que sí o sabían dixeron que se viron presionados pola insistencia dos cativos, coa excusa de que todos os seus amigos o tiñan”, explica a técnico do Servizo de Prevención  de Drogodependencias da Mancomunidade de Ordes. De feito, a gran maioría xa teñen integrado o perfil no seu móbil, polo que para os pais e nais é aínda máis difícil saber cando están conectados ou non. “Sabemos que moitos deles utilizan as redes sociais para chatear polas noites e que mesmo están dende as dez da noite ata a unha da madrugada chateando, o que repercute no rendemento escolar do día seguinte”, conclúe Mónica González.

Por outra banda, o obradoiro “Familias e redes sociais, estamos conectados?” servíu tamén para comprobar a carencia de formación dos pais e nais en materia de novas tecnoloxías e redes sociais. Por esa razón, a Mancomunidade de Municipios da Comarca de Ordes fará en setembro un novo obradoiro en Frades, nesa ocasión cun contido máis práctico para que os propios pais e nais poidan facerse un perfil en redes sociais e coñecelas dende dentro.

Os datos acadados esta semana en Frades corroboran os ofrecidos nun informe da rede EU Kids Online, que advirte de que,aínda que as distintas redes sociais establecen límites de idade para o seu uso, a realidade amosa que case un 40% dos menores de entre 9 e 13 anos ten o seu propio perfil nunha rede social (cando en España a idade mínima legal é de 14 anos). A segunda sesión deste obradoiro de pais e nais terá lugar hoxe xoves 24 de maio, ás 19:00 horas, en Trazo, onde está confirmada a asistencia dunhas 15 persoas. Durante o vindeiro curso 2012-2013, esta iniciativa chegará tamén aos colexios de Cerceda, Mesía, Ordes, Oroso e Tordoia. 

Ningún comentario: