O voceiro do Grupo Municipal do PP, Agustín Hernández, agradece o esforzo inversor e o compromiso do Goberno do Estado co concello, tal e como aparece reflectido nos orzamentos do Estado para o 2016, cun investimento que supera os 84 millóns de euros de inversión directa no concello. “Non é unha cifra illada, senón que significa un compromiso continuado no tempo dende 2012”, sinalou. E é que tal como explicou Agustín Hernández, a esta cifra hai que engadirlle a inversión do período 2012-2015 que ascende a 148 millóns de euros.
Con respecto ás contas para o vindeiro ano, destaca que o goberno central cumpre con Santiago e recolle as actuacións fundamentais para garantir o futuro do concello e completar a rede viaria. O voceiro subliña que o Goberno Central recolleu nos orzamentos as peticións que o Partido Popular lle trasladou en diversos encontros de traballo. Así, as inversións previstas son un impulso definitivo ás infraestruturas clave, coma a estación Intermodal, a AP-9 (enlace orbital e coa Cidade da Cultura) ou o acceso ao polígono do Tambre, que finaliza o próximo ano.
Agustín Hernández prestoulle especial atención á estación Intermodal, unha das partidas que máis impulso recibe e que conta cun investimento total de preto de 15 millóns de euros, repartidos en dúas anualidades: 10 millóns para 2016 e 4,9 millóns para 2017. O dato a salientar é que está previsto o inicio de obras para o vindeiro ano. “Esta inversión reflicte por si mesma a aposta irreversible do goberno”, sinalou. Hernández salientou, tamén, o compromiso do estado coa nova EDAR de Santiago, con preto de 1,4 millóns de euros, dos 59 millóns de euros de investimento total.
Por outra banda, o voceiro popular destacou a finalización en 2016 de proxectos que van a cambiar o día a día dos veciños de Compostela. Neste senso, referiuse ao paso inferior de Conxo, que recibe unha partida de 3,5 millóns de euros; e aos accesos ao Polígono do Tambre, con 1,4 millóns de euros. A estas cifras hai que engadirlle os enlaces da AP-9 coa autovía a Lavacolla – Lugo e coa cidade da Cultura, que reciben respectivamente 3 millóns de euros; así coma tamén os preto de 6 millóns de euros que recibe o Eixo Atlántico Santiago – A Coruña, para iniciar o sistema de xestión ERTMS.
Extraorzamentariamente, hai que engadir o importante investimento da ampliación de capacidade da AP-9 en Santiago, para a que se prevé unha inversión de 50,6 millóns de euros. Este importe permitirá executar actuacións de conservación extraordinaria na autoestrada, ademais de executar as obras de ampliación da circunvalación de Santiago. A novidade nas contas, é unha inversión de 500 mil euros para o estudio da A8, entre Guitiriz – Lavacolla (60 quilómetros). Así mesmo, no ano 2016, estarán en obras ou en servizo todos os treitos da A-54, Santiago – Lugo, incluíndo os novos de Arzúa – Melide e Melide – Palas.
No que respecta ao aeroporto de Lavacolla, Hernández agradeceu a continuidade do esforzo inversor feito por parte do goberno que, para o 2016, reserva unha partida de máis de 2,6 millóns de euros para a mellora da mobilidade das aeronaves e do edificio SEI, para actuacións de seguridade e novas tecnoloxías e para o desenvolvemento de axudas á navegación.
No referente ao ámbito cultural, o voceiro sinala tamén o compromiso do ministerio coa rehabilitación e a aposta polo patrimonio ao destinar 440 mil euros á restauración do cimborrio da catedral de Santiago de Compostela e aos case 4,8 millóns de euros para o Consorcio de Santiago.
En definitiva, trátase duns orzamentos que cumpren con Santiago e que priman as inversións que necesita o concello e que son a base sobre as cales se contribúe a xeración de emprego e a reactivación da actividade económica. “Facemos unha valoración positiva no ámbito do 2016, con 84 millóns, pero tamén no período 2012-2015, con 148 millóns de euros de investimento directo no concello”, finalizou.