O Festival de Músicas Contemplativas ofrece na xornada do sábado dúas propostas arredor da figura de santa Teresa e da música arabo-andalusí. Comezamos ás 19.00h na Igrexa de San Fiz de Solovio co programa ‘Vivo sen vivir en min… poesía e música na vida de santa Teresa’ con José Manuel Montero e Juan Ramón Hernández. Xa ás 21.00h e na Igrexa da Universidade, Beihdja Rahal, unha sensible artista firmemente comprometida, presenta ‘A Nouba de Arxel… a tradición musical arabo-andalusí’. Os dous concertos son con entrada de balde previa retirada de invitación no despacho de billetes do Teatro Principal, que está aberto de 17.00 a 21.00h.
JOSÉ MANUEL MONTERO e JUAN RAMÓN HERNÁNDEZ. San Fiz de Solovio. 19.00h

Este programa está concibido como unha colaxe que intenta trasladar ao espectador unha impresión do que puido ser o mundo poético-musical na vida de Santa Teresa. A pesar da fama alcanzada por fragmentos como Vivo sin vivir en mi, a obra poética da santa ocupa unha porción mínima dentro da súa produción literaria, se ben compendia admirablemente o espírito dos seus principais escritos, especialmente El libro de su vida, Camino de perfección e Las moradas. Escritos maiormente en romance, preludian, cunha linguaxe sinxela e directa, o que sería o drama en verso do século de ouro. A música formaba parte da educación humanística da época, e Santa Teresa debeu de ter algún tipo de instrución musical posto que gustaba de improvisar ao órgano, instrumento que se usaba xunto á arpa para acompañar os oficios relixiosos. Un dos instrumentos que se utilizan neste concerto é copia dunha das dúas arpas, das que quedaron testemuños no convento da Encarnación. Para o acompañamento das oracións litúrxicas, así como para o dos poemas, utilizábanse a miúdo os continuos, sucesións de acordes de uso moi común, dos que existen varias recompilacións e que se adaptaban con facilidade ás diferentes métricas. Con este programa Poesía e música na vida de Santa Teresa pretendemos mostrar como soaban eses continuos, como puideron soar eses versos e como deberon fundirse en composicións, das que serve como testemuño o poema Ya viene el alba, posto en música pola propia santa. As seguintes poesías da santa agrúpanse en varios bloques atendendo á súa temática e a relación coas diferentes etapas da súa vida. A lectura recitada acompáñase con música da época interpretada por dúas arpas barrocas: algunhas, obras de autores moi coñecidos como Alonso Mudarra, Antonio de Cabezón ou Diego Fernández de Huete e, outras, tons dos que se empregaban no acompañamento ao órgano ou con arpa das liturxias e cerimonias civís e relixiosas. Varias das poesías adaptáronse a melodías da época para a súa interpretación cantada (Vivo sin vivir en mí, Ayes del destierro, Nada te turbe, A la gala, gala de la religión) nunha mostra do que podería ter sido a posta en voz dos poemas.
José Manuel Montero
JOSÉ MANUEL MONTERO tenor
Traballou en Alemaña na Bayerischen Staatsoper de Múnic e nos teatros de ópera de Leipzig, Weimar, Lübeck e Gelsenkirchen. Entre 1996 e 2000 formou parte do elenco do teatro de Wuppertal e, entre 2001 e 2005, da Staatsoper en Hannover. Ademais cantou na Staatsoper de Budapest, Ópera de Toulon, Mulhouse, Festival de Montepulciano, Festival de Ambronay e no Festival de Radio France & Montpellier. En España actuou en teatros como o Teatro da Zarzuela e o Teatro Real (Madrid), Teatro da Mestranza (Sevilla), Córdoba, Palma de Mallorca, Valladolid, Xerez, A Coruña, Oviedo, Bilbao ou Las Palmas e nos festivais de Salamanca, Segovia etc. Entre as súas gravacións destacan varios dos concertos de Voces para la paz realizados por RTVE, a ópera de Aribert Reimann Das Schloß na Bayerische Staatsoper (Múnic), Il re Teodoro de Paisiello coa orquestra sinfónica de Montpellier, así como os concertos Voces de primavera na Alten Oper en Frankfurt coa Rundfunkorchester da SWR e o Winterreise de Schubert con Juan Antonio Álvarez Parejo ao piano. O seu amplo repertorio inclúe papeis de ópera italiana, francesa, alemá, inglesa, rusa e checa, así como zarzuela, opereta, oratorios e misas, e mantén unha importante actividade como cantante de lied. Cursou os estudos de canto no Real Conservatorio Superior de Música de Madrid con Pedro Lavirgen e en 1992 foi subvencionado pola Opernschule de Múnic e pola JCCM para ampliar os seus estudos coa cantante Daphne Evangelatos. Compaxina a súa actividade artística cunha crecente actividade docente en forma de clases de técnica vocal, seminarios e cursos especializados de interpretación artística e estilística. En 2011 formou con Juan Ramón Hernández un dúo coa idea de ofrecer e explorar unha sonoridade moi pouco coñecida: a combinación de arpa e voz. O seu debut ten lugar no festival Clásicos en verán, da comunidade de Madrid, cunha estrea absoluta en España, a obra de Benjamin Britten A birthday Hansel; esta tempada presentan dous programas, un dedicado á música relixiosa, e outro que ofrece unha panorámica da música española para voz e arpa entre os séculos XIII e XVIII no que se utilizan diversos instrumentos históricos.
JUAN RAMÓN HERNÁNDEZ arpa
A súa traxectoria artística está actualmente enfocada á interpretación con instrumentos históricos e a colaboración coa arte vocal. Cunha destacable experiencia en orquestra e música de cámara, integra todo tipo de formacións, dende dúos ata orquestras sinfónicas, pasando por conxuntos especialistas en música contemporánea e flamenco. Actuou por toda Europa e domina o repertorio de solista, ópera e ballet. Ademais, estreou varias decenas de obras escritas para el, incluíndo papeis de músico-actor en escena. Foi distinguido cos premios ao solista do ano e ao mellor intérprete de cámara da Fundación Miguel Ángel Colmenero. Natural de Benalmádena, graduouse con matrícula de honra nos conservatorios de Salamanca e Madrid coas profesoras María del Carmen Collado, María Pilar García-Gallardo e María Rosa Calvo Manzano. Foi profesor de arpa en Madrid e Málaga e recentemente impartiu en Porto un concerto-conferencia sobre arpas históricas. O seu labor como vicepresidente de AEDA (Asociación Española de Arpa) permítelle divulgar activamente a tradición española do instrumento.
BEIHDJA RAHAL. Igrexa da Universidade. 21.00h
A nouba constitúe o corazón da tradición musical da cidade magrebí e a expresión máis clásica da música arabo-andalusí. Resulta demasiado simplificador dicir que esta música é unha creación da España musulmá –Al Andalus– e que foi introducida polos emigrantes de Al Andalus no Magreb, onde tomou distintas formas segundo as súas orixes (escolas de Sevilla, Córdoba, Granada, Zaragoza etc.). Certamente, o papel de Ziryâb no século IX como fundador dun novo xénero musical e da primeira escola de música en Córdoba é
incuestionable. Non obstante non se pode ignorar a contribución das grandes cidades do Magreb, de Kairouan a Fez, na construción deste patrimonio musical moito antes do final da Reconquista en 1492 e da expulsión definitiva dos árabes polo rei Felipe III en 1609. As diferenzas de estilos e repertorios entre as distintas escolas alxerianas (o gharnâti de Tlemcen, o malouf de Constantine e a çanaa de Alxer), e tamén o malouf libio, o malouf tunecino e a âla marroquí, non resultan pois dos supostos vínculos coas antigas cidades andaluzas, senón máis ben de evolucións locais.
A música arabo-andalusí caracterízase polos elementos seguintes: unha organización codificada da sesión musical baixo forma dunha suite vocal e instrumental, a nouba, composta sobre un modo melódico principal Tab', e uns ciclos rítmicos que estruturan o seu desenvolvemento; a interpretación a cargo dun cantante ou dun coro, acompañados por un pequeno conxunto instrumental; un corpus poético, en parte común ás distintas escolas; e, finalmente, unha concepción filosófica e cosmogónica do sistema modal, herdada dos gregos a través dos pensadores árabes, cuxo corolario é o concepto de sentimento modal que se traduce no oínte nun encantamento case extático, o Tarab.
A estrutura da nouba é a dunha suite de obras vocais e instrumentais que enlaza varias pezas musicais cunha aceleración progresiva do tempo. Cada nouba está baseada nun modo musical principal, o Tab' que lle dá o seu nome pero non impide as cadencias doutros estilos. O mceddar considérase como a parte principal das melodías cantadas. Lento e solemne, tócase nun ritmo a 4 tempos. O btaihi ten unha estrutura e un ritmo similares aos do mceddar, pero o tempo é lixeiramente máis rápido. O mesmo sucede para o derdj, movemento no que o tempo é máis acelerado e no que se observan algunhas rupturas rítmicas. O insiraf é unha peza de ritmo ternario na cal algúns toques son lixeiramente máis curtos. O khlass (final) comeza como un insiraf e pasa a un ritmo máis rápido antes de rematar cunha lenta frase vocal sen percusión que evoca unha última vez o modo principal, Tab'. Non obstante, na práctica habitual, os músicos sáense deste marco convencional e adornan a nouba engadindo outras pezas. O inqilab é unha peza da mesma factura que aquelas pertencentes á nouba pero caracterízase pola súa gran diversidade rítmica. O istikhbar, cuxo poema pode confirmar o tema xeral da nouba ou ao contrario garantir unha transición temática, é a ocasión para que o cantante, liberado dun marco rítmico ríxido, poña de relevo as súas calidades expresivas ao servizo dun poema que non pertence ao repertorio canónico.
BEIHDJA RAHAL
Poucos intérpretes do repertorio andalusí puxeron tanta paixón no exercicio da súa arte. Nacida en Alxer, non previra unha carreira artística. En 1974 inscríbese no conservatorio, elixe a música andalusí como disciplina e relaciónase cos mestres Abderrezak Fakhardji, Mohamed Khaznadji y Zoubir Kakachi. En 1982 incorpórase á famosa asociación El Fakhardjia e dá os seus primeiros pasos escénicos na Ópera de Alxer. En 1983, o mestre Abderrezak Fakhardji elíxea para interpretar unha nouba (suite) completa no modo rasd eddil nun concerto en Alxer dirixido por Cheikh Hamidou Djaïdir e difundido pola televisión alxeriana. Cofundadora da asociación musical Essoundoussia en 1986, ademais de ser unha das solistas principais, imparte clases aos nenos recen inscritos. En 1992 instálase en París e é en Francia onde materializará os seus proxectos musicais con tres gravacións entre 1995 e 1999. A partir do 2000 traballa máis en Alxeria, por primeira vez co seu nome, e encontra un contexto máis favorable cunha elección máis importante de músicos e instrumentos tradicionais. Reforzada pola recepción excepcional do público, comprométese en profundidade coa súa obra, realizando en dez anos a fazaña de gravar as doce noubas da escola de Alxer, a çanaâ, e de escribir dous libros sobre a música andalusí. Beihdja Rahal destaca na interpretación da música andalusí, estilo musical clásico dos países do Magreb que se toca inevitablemente con instrumentos tradicionais como o târ, a derbouka, o ud, o violín e a kouitra. A súa interpretación esixe calor, alma e sentimento. A proposta de Beihdja Rahal logra unha atmosfera emocional que cativou o público en cada unha das súas actuacións en Europa e en todo o mundo. A revista L' Express cóntaa entre as "100 personalidades que fan mover Alxeria". Tamén realizou colaboracións con músicos doutros xéneros como, en España, co grupo Radio Tarifa e co guitarrista flamenco Juan Martín. Dende hai quince anos, e co desexo de preservar ese patrimonio clásico, imparte clases de música e canto en París. A educación musical dos nenos é a súa prioridade. Así mesmo, creou a asociación Rythmeharmonie onde se imparten clases a adultos. A música andalusí alcanza altas cotas coa voz cristalina e a magnífica agrupación da primeira muller que gravou os doce modos da música clásica arabo-andalusí, ata entón couto vedado dos homes. Coa segunda gravación das doce noubas e o seu 24º álbum, Beihdja Rahal proponse non se deter en tan comprometido e frutífero camiño.