A encargada de pulsar o botón mediante o que se acenderán as luces será Antía Somoza Bóveda, unha das nenas gañadoras do concurso de cartas aos Reis Magos do pasado Nadal
A iluminación para as festas de Nadal do Concello de Ames estará composta por máis de 100 arcos, unha árbore de 15 metros de alto que está instalada na praza do Concello, e diferentes elementos decorativos repartidos por todo o territorio municipal
Tralo acto propio de acendido da iluminación actuarán os rapaces e rapazas do coro infantil da Escola Municipal de Música de Ames (EMMA). Para rematar, ás 18:30 horas, realizarase unha degustación de churros e chocolate gratuíta
O Concello de Ames preparou un amplo abano de actividades para a programación de Nadal 2014. Este programa alberga todo tipo de actividades e eventos: un concurso de escaparates, un festival de maxia, obradoiros, o acendido do alumeado de Nadal, representacións teatrais, concertos musicais, unha chocolatada para ás persoas maiores, etc. Esta programación remata o día 5 de xaneiro de 2015 coa celebración da cabalgata dos Reis Magos, que percorrerá as localidades do Milladoiro e de Bertamiráns. Esta programación de actividades está dirixida tanto a maiores coma aos nenos/as, que terán diversas actividades para entreterse durante as vacacións de Nadal.
Este venres 12 de decembro, a partir das 18:00 horas, acenderase a iluminación de Nadal no concello de Ames. Hai preparado un conxunto de actividades mediante as que se dará comezo de xeito simbólico á época de Nadal e se impregnará do espírito de festa a todo o municipio. Nesta ocasión, ademais do tradicional acendido, están previstas varias iniciativas que compoñerán un completo acto co que os veciños e veciñas amienses poderán dar benvida a estas festas.
A partir das 17:00 horas a coordinadora da Aula da Natureza impartirá un obradoiro para nenos e nenas de 4 a 12 anos no que poderán elaborar adornos de Nadal con material de refugallo. A continuación, as 18:00 horas, acenderase a iluminación de Nadal. A encargada de pulsar o botón mediante o que se acenderán as luces será Antía Somoza Bóveda, unha das nenas gañadoras do concurso de cartas aos Reis Magos do pasado Nadal. A iluminación ornamental para as festas de Nadal do Concello de Ames estará composta por máis de 100 arcos, unha árbore de 15 metros de alto que está instalada na praza do Concello e diferentes elementos decorativos repartidos por todo o territorio municipal.
Tralo acto propio de acendido da iluminación actuarán os rapaces e rapazas do coro infantil da Escola Municipal de Música de Ames (EMMA). Para rematar, ás 18:30 horas, realizarase unha degustación de churros e chocolate gratuíta.
A programación de Nadal continúa o sábado 13 e o domingo 14 coa novena edición do Festival de Maxia, que se desenvolverá nas localidades do Milladoiro e de Bertamiráns, respectivamente. Este ano haberá 15 horas de obradoiros, actuacións ao aire libre e en locais de hostalería, e unha gala máxica a cargo de recoñecidas figuras como o Mago Rafa, Nuel Galán, G-Alexander ou Brando e Silvana. Este evento está dirixido a todos os públicos.
Programación musical
Para o venres 19 de decembro organizouse un concerto de Nadal no que se darán cita varias corais do concello. Neste encontro actuarán a coral Antonio Santomil de Bugallido, a coral de Piñeiro, a coral de Ames, a coral Lojo Batalla de Tapia, o coro Noso Son de Bertamiráns e a coral de JUPEMI. Este concerto terá lugar na Casa da Cultura do Milladoiro, ás 21:00 horas.
Para o luns 22 de decembro está previsto que a compañía As Driadas imparta un obradoiro de danza moderna na Casa da Cultura de Bertamiráns, en horario de 11:00 a 12;:30 horas. Este obradoiro musical está dirixido a mozos e mozas que teñan a partir dos 9 anos. Para participar nesta actividade haberá que inscribirse ata o 19 de decembro chamando ao número de teléfono 981 535 940. Ofértanse 30 prazas para este obradoiro.
Ese mesmo día, pero ás 18:00 horas, a compañía As Driadas representa o espectáculo Ale-hop na Casa da Cultura de Bertamiráns. Tratase dunha actividade de hip-hop que está especialmente indicado para os máis pequenos. Nel, dúas personaxes somérxense nun mundo onde os soños se fan realidade, e a realidade se fai soño.
Por outra banda, o pavillón deportivo de Bertamiráns acollerá o luns, 22 de decembro, un baile destinado aos maiores do concello de Ames no que haberá chocolatada e música en directo. A programación musical continúa o venres 26 de decembro, ás 18:00 horas, co espectáculo Toc Toc, abre a porta aos pequechos, que se desenvolverá na Casa da Cultura de Bertamiráns. Trátase dun espectáculo musico-teatral de Pablo Díaz e Olga Kirk, para público familiar con nenas e nenos a partir de 4 años.
Para o luns 29 de decembro está programado un concerto da Escolanía da Catedral, que se desenvolverá a partir das 19:00 horas na Casa da Cultura de Bertamiráns. O venres 2 de xaneiro continúan as actividades musicais na Casa da Cultura do Milladoiro coa representación do espectáculo A cantar con María Fumaça. Un musical para nenos e adultos no que participan a cantante Uxía, que estará acompañada por Santiago Cribeiro (acordeón) e por Héctor Lorenzo (guitarra e voz).
Actividades deportivas e obradoiros infantís
A programación de Nadal tamén recolle eventos deportivos e obradoiros infantís. Deste xeito, o sábado 20 de decembro, o pavillón de Bertamiráns acolle a Gala de Nadal do Club de patinaxe Sarela. O martes 23, ás 17:00 horas, a compañía Animatium-Escena Animada ofrecerá na Casa da Cultura do Milladoiro un espectáculo de maxia cheo de orixinalidade, a partir de construcións imposibles de pompas de xabón en conxunción con ilusións máxicas.
As actividades de maxia continuarán o luns, 29 de decembro, na Casa da Cultura do Milladoiro co espectáculo de maxia Acción a cargo do mago Dani García. Para o martes 30 está previsto que haxa teatro infantil a cargo da compañía Trompicallo, que representará na Casa da Cultura de Bertamiráns a peza Osiño. Esta obra está dirixida a nenos nenas que teñan a partir de 3 anos.
Cabalgata de Reis
O luns 5 de xaneiro chega unha cita ineludible do Nadal e que os máis cativos da casa agardan con ilusión todos os anos: as Cabalgatas de Reis. Os Reis Magos estarán no Milladoiro ás 17:00 para iniciar o seu percorrido polas rúas e facer a súa recepción ás 17:30 no pavillón do Milladoiro. O percorrido por Bertamiráns comezará ás 18:00 e rematará ás 18:30 coa recepción no pavillón de Bertamiráns. Media hora antes de cada recepción abriranse os pavillóns e haberá unha actuación do grupo Migallas.