O CONCELLO DE OROSO PRESENTARÁ ESTE XOVES O PROGRAMA DE CONCILIACIÓN “TARDES DIVERTIDAS” AOS PAIS E NAIS DO MUNICIPIO
O programa inclúe actividades, obradoiros, accións de reforzo escolar e mesmo transporte e recollida para aqueles rapaces que estén practicando calqueroutra actividade deportiva ou cultural
Os programas de conciliación familiar do Concello de Oroso rexistraron preto 300 usuarios durante o último ano
7 de setembro de 2011.- O centro cultural de Sigüeiro acollerá mañá xoves, ás 19:30 horas, a presentación do novo programa de conciliación da vida familiar e laboral que o Concello de Oroso vai crear este ano: “Tardes divertidas”. Unha presentación dirixida especialmente aos pais e nais dos case 300 usuarios que tiveron os distintos programas de conciliación familiar postos en marcha polo Concello de Oroso no último ano.
Durante o acto, o concelleiro de Familia e Ensino, Antonio Leira; membros da ANPA ‘A Nosa Escola’ e membros do equipo de monitores explicaranlles ás familias os novidosos servizos que se van ofrecer neste programa e respostarán a todas as dúbidas dos pais e nais sobre o seu funcionamento. “Nestes momentos xa temos algúns rapaces anotados pero vemos que son moitos os pais que piden máis información, polo que pretendemos ter un encontro con eles para aclararlles todas as dúbidas que teñan”, explica Antonio Leira.
Un progama novidoso
O programa “Tardes Divertidas” está dirixido a todos os nenos de 3 a 12 anos escolarizados en Oroso, tanto no CEIP como nas escolas unitarias, e desenvolverase dende o vindeiro 12 de setembro ata o 22 de xuño de 2012. O programa terá lugar nas instalacións do propio CEIP Sigüeiro, entre as 15:45 e as 19:45 horas, de luns a venres.
Nestes tempos de crise, nos que non se deixa de falar de recortes, “en Oroso lonxe de recurtar servizos, imos amplialos”, explica Antonio Leira, quen se amosa especialmente satisfeito polo contido do programa “Tardes Divertidas”. “Non é só unha axuda para conciliar a vida familiar e laboral dos pais, senón que se trata dun completo programa educativo e social”, sinala o concelleiro de Familia e Ensino.
Así, “Tardes Divertidas” ofrecerá a posibilidade de que os cativos poidan anotarse no programa e compaxinalo con outras actividades deportivas ou culturais. “Se o rapaz está inscrito en fútbol, tenis de mesa ou taekwondo, os monitores encargaranse de levalos e recollelos da actividade, de xeito que os pais só terán que deixalos e recollelos en Tardes Divertidas”, exemplifica Antonio Leira.
Ademais, “Tardes Divertidas” tamén contempla un traballo de reforzo escolar para os rapaces que o precisen, que poden recibir ese apoio nalgunha das súas materias e realizar os deberes aló. Todo iso unido a unha serie de actividades, de acordo con cada grupo de idade, como: obradoiros formativos e recreativos, actividades físicas, exposicións de traballos manuais, sesións de música e baile, circuítos de educación viaria ou festas temáticas.
Información e inscricións
Para solventar todas as dúbidas que poidan xurdir en canto a actividades, horarios, tarifas... o Concello de Oroso invita a todos os pais e nais a participaren na presentación do programa “Tardes Divertidas”, que terá lugar no centro cultural Fernando Casas e Novoa de Sigüeiro mañá xoves, ás 19:30 horas. Ademais, os interesados en formalizar a súa inscrición poden facelo no centro cultural, onde poden recoller os impresos de solicitude ou ben descargalos da web municipal www.concellooroso.com.
Os prezos fixados son de 60 euros para quen decidan acollerse a opción mensual, de 20 euros para quen se inscriban na modalidade semanal e de 6 euros para quen fagan un uso ocasional do servizo en días soltos. As familias numerosas ou que teñan dous irmáns empregando o servizo terán un desconto do 20%. Tamén terán un desconto as familias asociadas á ANPA ‘A Nosa Escola’, que colabora co Concello na posta en marcha das “Tardes Divertidas”.
Finalmente, o concelleiro de Familia e Ensino volveu destacar o acordo coa asociación de nais e pais e amósase “moi satisfeito porque é un programa que viñamos planeando as dúas partes desde hai tempo para atender a crecente demanda das familias para poder conciliar a súa vida laboral e familiar”. Leira agarda proseguir con esta liña de traballo con outras ANPAs do municipio, para desenvolver diferentes iniciativas en conxunto.
Programas de conciliación
As “Tardes Divertidas” engádense á ampla oferta de programas de conciliación da vida laboral e familiar que o Concello de Oroso desenvolveu nos últimos anos. Así, durante este último curso escolar un total de 80 alumnos participaron no “Bos Días Cole” (que atende aos cativos no colexio no intervalo que vai desde as 7:30 horas ata o inicio das clases). Neste ano, xa están anotados outros 75 rapaces e rapazas.
E durante as vacacións escolares, o Concello de Oroso tamén ofrece os programas Diver Outono, Diver Nadal, Diver Primavera e Diver Verán, que reuniron a outros 196 cativos.