O CONCELLO DE OROSO DÁ CONTINUIDADE AO
PROGRAMA DE CONCILIACIÓN “TARDES DIVERTIDAS” E ABRE O PRAZO DE INSCRICIÓN PARA
O CURSO 2012-13
O programa inclúe
actividades, obradoiros, accións de reforzo escolar e mesmo transporte e
recollida para aqueles rapaces que estén practicando calqueroutra actividade
deportiva ou cultural
25 de maio de 2012.- O Concello de Oroso abre o prazo de inscrición
no programa de conciliación familiar “Tardes Divertidas” para o curso
2012-2013, prazo que estará aberto ata o vindeiro 15 de xuño no centro cultural
de Sigüeiro. Deste xeito, o Concello de Oroso dá continuidade a un programa que
puxo en marcha o pasado 2011 e que permite que os nenos e nenas de entre 3 e 13
anos escolarizados en Oroso (tanto no CEIP como nas escolas unitarias) estén
perfectamente atendidos despois da xornada escolar, concretamente entre as
15:45 e as 19:45 horas.
O concelleiro de Familia e Ensino, Antonio Leira, explica que “nestes
tempos de crise, nos que non se deixa de falar de recortes, no Concello de
Oroso seguimos mantendo a nosa aposta por darlle servizos aos nosos veciños,
como é este programa de Tardes Divertidas que, ademais de ser unha axuda
para conciliar a vida familiar e laboral dos pais, tamén se trata dun completo
programa educativo e social”.
Contido do programa
Así, “Tardes Divertidas” ofrece a posibilidade de que os cativos poidan anotarse no programa e compaxinalo con outras actividades deportivas ou culturais nas que estén incritos. “Se o rapaz está inscrito en fútbol, tenis de mesa ou taekwondo, os monitores encargaranse de levalos e recollelos da actividade, de xeito que os pais só terán que deixalos e recollelos en Tardes Divertidas”, exemplifica Antonio Leira.
Ademais, “Tardes Divertidas” tamén contempla un traballo de reforzo escolar
para os rapaces que o precisen, que poden recibir ese apoio nalgunha das súas
materias e realizar os deberes aló. Todo iso unido a unha serie de actividades,
de acordo con cada grupo de idade, como: obradoiros formativos e recreativos,
actividades físicas, exposicións de traballos manuais, sesións de música e
baile, circuítos de educación viaria ou festas temáticas.
Ningún comentario:
Publicar un comentario