· O filme inaugural poderá verse ás 19.30h no Teatro Principal nunha proxección de balde previa retirada de invitación no propio Teatro a partir de sábado ás 16.00
A 28ª edición de Cineuropa arranca este domingo cargada de cinema de calidade que poderemos ver na cidade ata o día 30 de novembro. Serán un total de 222 películas no Teatro Principal, Salón Teatro, CGAC e Afundación de Abanca. Na primeira xornada do festival xa poderemos ver 11 deses filmes, entre os que destaca a película inaugural: ‘Une nouvelle amie’ de François Ozon e enmarcada dentro da Sección Oficial do festival. Será ás 19.30h no Teatro Principal nunha proxección de balde previa retirada de invitacións no propio Teatro a partir de sábado ás 16.00h.
De ‘A nouvelle amie’, José Luis Losa, director de Cineuropa, di: “Ozon retoma un dos seus territorios predilectos, o da ambigüidade, ou transversalidade, dos roles sexuais. Tras dúas obras tan implacables como “Dans la maison” e “Jeune & jolie”, o director francés dáse un respiro cun inspirado relato de transformismos que zumega libérrimo lirismo, e onde o kitsch de alta estirpe e o cameo de Fanny Ardant poñen a guinda.”
Na xornada de domingo ao remate de ‘Une nouvelle amie’, poderemos ver no Principal ‘Kreuzweg (Stating of the cros)’ tamén da Sección Oficial e que vén de gañar o premio ao Mellor Guión no Festival de Berlín, e a Espiga de Prata, premio FIPRESCI da crítica internacional e premio do xurado novo na sección oficial da Seminci de Valladolid. Losa afirma deste filme que “podería establecerse algunha comparación co “Camino” de Fésser pero sen ambigüidade ningunha. Non hai aquí piedade para contarnos, en doce estacións, o vía crucis dunha adolescente para a cal o integrismo só entende a paz a través da dor e a autoinmolación. Imprescindible.”
.jpg)
Xa no Salón Teatro, comeza a tarde cun dos filmes máis esperados este ano: o documental de Win Wenders sobre Sebastiao Salgado: ‘The salt of the earth (A sal da terra)’, que gañou o premios especial do xurado en Cannes e o premio do público en San Sebastián. A continuación, e dentro de Panorama Internacional poderemos ver no Salón Teatro ‘Love is strange’ de Ira Sachs e ‘O lobo atrás da porta’ de Fernando Coimbra. Esta última vén de acadar numerosos premios en San Sebastián, A Habana, Miami, Rio de Janeiro e Guadalaxara para o seu guión, director e actriz protagonista, ademais de como mellor filme. A xornada complétase con proxeccións doutras seccións no CGAC.
Luns poderemos ver de novo ‘O lobo atrás da porta’, ‘The salt of the earth’, ‘Love is strange’, ‘Kreuzweg’ e ‘Une nouvelle amie’. Ademais, proxectarase o filme que inaugura o ciclo ‘Cando tiburón devorou o cine: ascenso e caída do Novo Hollywood’. Trátase de ‘Phantom of the paradise’, de 1974 e que poderemos ver ás 00.00h no Teatro Principal. Completan a xornada outras proxeccións no Salón Teatro e CGAC e de entre elas destaca ‘Hotel Nueva Isla’, que presentará a propia directora Irene Gutiérrez; no Salón Teatro ás 22.00h
28ª edición de Cineuropa
Desde que no ano 1987 unhas vinte películas se agruparan na que foi a primeira edición de Cineuropa, en Compostela novembro é o mes do cinema. Este ano, serán máis de duascentas películas as que poderemos ver, máis de duascentas ventás abertas ao mundo que farán que na nosa cidade se poida ver o máis comentado do proxectado nos festivais internacionais: Cannes, Berlín, Venecia, Locarno... Trátase, na súa maioría, de películas que aínda non se puideron ver no resto de España.
Esta edición de Cineuropa abrirá o seu telón o próximo 9 de novembro coa proxección de ‘Une nouvelle amie’, que será a primeira das 35 películas que competirán na Sección Oficial polo premio do público. Entre elas, pratos fortes como os últimos filmes de Bonello, os irmáns Dardenne, Mike Leigh… ou o recente León de Ouro en Venecia, e filmes galardoados en Cannes, na Berlinale, na Seminci, en Locarno ou en San Sebastián, entre outros.
Ademais das seccións habituais, Sección Oficial, Panorama Internacional, DOCS-Cineuropa, Fantastique Compostela, Panorama Audiovisual Galego ou DOCS-Music, este ano para Neil Young, o programa complétase con outras seccións. Cinefilias con tributos específicos a Lauren Bacall, James Garner, Robin Williams, Eli Wallach, Mario Monicelli e Philip Seymour Hoffman; unha Retrospectiva a Nils Malmros e un apartado específico para os Premios Lux. Faremos tamén un repaso ao cinema do Novo Hollywood coa proxección de 60 filmes en ‘Cando o tiburón devorou o cine; ascenso e caída do Novo Hollywood’ e, con motivo do 25 aniversario da caída do muro de Berlín, repasaremos o cinema alemán nas seccións ‘Berlín; 25 anos sen muro’ e ‘Ao outro lado do muro: o cine na RDA’. Tamén teremos seccións especiais dedicadas a Cole Porter, Alain Resnais e Bertrand Bonello, así como unha sección de ‘Disidencias’ cun especial ‘Foco asturiano’ e o tradicional Maratón.
Bárbara Lennie, Nils Malmros e Paulo Branco, premiados desta edición
Bárbara Lennie, a definida por algúns como musa do cine indie español, presente nos últimos meses en "Stella Cadente" e en "El Niño", acaba de obter un triunfo maiúsculo en San Sebastián coa Concha de Ouro para "Magical Girl". Igual que o pasado ano sucedeu con Marian Álvarez, protagonista de "La herida", esta presenza en Cineuropa da actriz máis poderosa do panorama español, estamos seguros de que será o anticipo do seu Goya por "Magical Girl". Un filme que poderemos ver o día que lle entregamos o premio, e no que Barbara Lennie comparte memorable cartel con Pepe Sacristán, un dos nosos premios Cineuropa de 2012.
Nils Malmros, o gran clásico do cine danés, é candidato este ano ao Oscar coa súa obra mestra "Sorrow and Joy", filme que poderemos ver en Cineuropa. Malmros foi este ano protagonista dunha retrospectiva no Festival de Rotterdam, un repaso ao seu cine que se celebrará igualmente en Cineuropa como primicia absoluta en España, e que vai ser en sí mesmo un dos eventos cinematográficos de maior relevancia deste outono en todo o estado.
Paulo Branco é o produtor europeo máis relevante do último medio século dentro do cinema independente. Produtor de Wim Wenders, de Paul Auster, de David Cronenberg ou de Manoel de Oliveira, entre outros. Visitounos cun dos seus filmes hai dous anos e agora volve para recibir o noso tributo, e ofrecernos unha película, "Variacións Casanova", con John Malkovich, a metade de camiño entre a ópera, o teatro e, claro, o cine.
Cineuropa Concerto
Ademais das proxeccións Cineuropa ofrece un programa musical paralelo en Cineuropa Concerto. Teremos oito citas musicais de variados estilos e para todos os gustos. Destacamos a colaboración da Banda Municipal de Música e da Real Filharmonía de Galicia con programas específicos de música de cine. A Banda ofrece o domingo 23 na Sala Agustín Magán ‘Música do cinema español’ e a RFG, o día 14 no Auditorio de Galicia, ‘Charles Chaplin: The gold rush (A quimera de ouro)’.
Ademais Aurora & The Bertrayers presenta o seu novo disco ‘Shadows go away’ o día 13 e Arizona Baby tamén presentan o seu novo traballo, ‘It is called work’ o venres 14. Os tres concertos serán na Sala Capitol. O sábado 15 poderemos asistir á presentación de ‘Granada’, o novo disco de Silvia Pérez Cruz & Raül Fernández Miró no Auditorio Abanca; o sábado 22 chegan Elefantes con ‘El Rinoceronte’ á Capitol e pechan o Cineuropa Concerto, o xoves 27, tamén na Capitol, Supersubmarina co seu último traballo: ‘Viento de cara’.
Prezo e lugar de venta e retirada de entradas
As entradas estarán á venta en entradas.abanca.com, no 902 434 443 e no despacho de billetes do Teatro Principal. O horario do despacho de billetes será mañá sábado 8 de novembro de 16.00 a 22.00h. A partir do domingo 9 (este día incluído) e durante todo o festival, o horario será de 15.30h a 22.00h para venta anticipada e ata 5 minutos antes de cada función para a venta inmediata. As entradas de pago están xa todas disponibles pero as invitacións só están por agora as dos días 9 ao 16, a excepción da entrega do premio Cineuropa.
As entradas terán un prezo de 4 euros se se mercan soltas; habendo un abono para 10 películas a un prezo de 30 euros. O catálogo de Cineuropa ten un prezo de 2 euros e con cada abono vai un catálogo de agasallo.