Silleda - este sábado máis de 100 tractores no encontro de emprendedores agrarios


Máis de 100 tractores participan no I Encontro de Novos Emprendedores Agrarios en Siador


A comitiva partirá dende a rúa Entremesóns ata o recinto da Saleta, onde se celebrará a concentración e  actividades coma o concurso de manexo dos tractores

O recinto da Saleta, na parroquia silledense de Siador, acollerá o vindeiro sábado día 26 o primeiro Encontro de Novos Emprendedores Agrarios, unha cita coordinada  pola Concellería de Medio Rural e Medio Ambiente, que dirixe Antonio Couso Álvarez.

A celebración deste evento relacionado co sector agrogandeiro servirá tamén para honrar a San Isidro, patrón dos agricultores. O programa festivo comezará en torno ás 10.30 horas coa concentración de tractores na rúa Entremesóns de Silleda, dende onde partirá a comitiva  ata o recinto saletino de Siador. Segundo as estimacións do concelleiro, prevese que participen máis de cen vehículos agrícolas. Para as 12.00 horas está programa unha conferencia do responsable comarcal de Unións Agrarias, Román Santalla, sobre as axudas da Política Agraria Común (PAC) e ás 13.00 horas terá lugar unha misa.
Xa pola tarde, logo do xantar,  está prevista a celebración do Concurso de Habilidade no Manexo do Tractor, no que os que desexen participar poderán facelo ata dez minutos antes de que comece o certame. Todos os participantes realizarán as maniobras co mesmo vehículo, aportado pola organización.
Haberá premios para o conductor máis rápido e preciso (trofeo cedido por La Caixa) e tamén para o segundo clasificado. O público asistente será o xurado para elixir ao mellor tractor do encontro, que tamén recibirá premio. Tamén se celebrará entre os asistentes, de xeito gratuito, o sorteo dunha cesta con produtos da terra donada por varias empresas da zona. O programa de actos complétase coa mostra de maquinaria de talleres da zona,  actuacións de música popular, ou tiro con arco. Así mesmo, o Encontro de Emprendedores servirá como escenario para a promoción de productos locais, como a artesanía ou productos alimentarios como a rosquilla de Abades ou mel entre outros. Tamén está confirmada a asistencia dunha representación da Federación Galega de Asociacións de Mulleres Rurais (Fademur).
A Comisión de Novos Emprendedores formada por xente nova que decidiu xuntarse para compartir experiencias nestes tempos difíciles para o sector agrario está formada por  Luis Cejo Ferreiro, Xosé Miguel Louzao Loureiro, Alberto José Gómez Collazo, José Antonio Louzao Loureiro e Manuel Iglesias Pérez, que contan co apoio do Concello de Silleda.  
“A formación deste grupo para organizar o encontro supón unha reactivación e renovación do sector primario no municipio”, sinala o concelleiro Antonio Couso, que ademais eloxia a ilusión “e as gañas de traballar” dos seus membros.  Así mesmo, o concelleiro de Medio Rural agradece a colaboración das empresas e casa comerciais da comarca que colaboran co seu patrocinio neste evento, que se prevé continuar en anos vindeiros.

Ningún comentario: