‘Políptico.
Un comentario sobre a posta en valor do patrimonio’ de Enrique Lista, nova
intervención na Zona “C”
- O proxecto está
realizado no marco do convenio de colaboración entre a concellería de
Cultura e o Máster en Arte, Museoloxía e Crítica Contemporánea da USC e
foi o seleccionado entre todos os que presentaron os alumnos do máster
- Na inauguración
participarán, ademais do artista e a comisaria; Amelia González, tenente
de alcalde; José Víctor Carou, director-xerente do Auditorio de Galicia; o
director do máster, Federico López Silvestre; e o coordinador Pedro de
Llano
Santiago de Compostela, 22/05/2012.- hoxe mércores 23 de maio ás 20:00 h.
inaugúrase “POLÍPTICO. Un comentario sobre a posta en valor do patrimonio” un
novo proxecto do artista Enrique Lista concibido para a Zona “C”. Comisariado por María Marco foi o traballo seleccionado no
2011 entre todos os alumnos do curso de posgrao Máster en Arte Museoloxía e
Crítica Contemporáneas da Universidade de Santiago de Compostela e agora
podemos velo na Zona “C” grazas ao convenio entre a USC e a concellaría de
Cultura para o fomento de
intervención de creadores na Zona “C”. Na inauguración, participarán, ademais do artista e a comisaria; Amelia González,
tenente de alcalde; José Víctor Carou, director-xerente do Auditorio de
Galicia; o director do máster, Federico López Silvestre; e o coordinador Pedro
de Llano
Políptico,
instalación fotográfica, propón “un comentario sobre a posta en valor do
patrimonio”, unha reflexión sobre a construción do discurso visual e o seu
papel lexitimador dentro do noso patrimonio cultural. O artista concibe unha
serie de fotografías e obxectos que conectan a repostería tradicional galega
coa mitoloxía asociada á alimentación e a explotación mercantilista do
patrimonio simbólico.
O proxecto de
Lista ten a súa orixe na investigación predoutoral tutorizada polo prestixioso
fotógrafo Manuel Sendón. Convídanos o creador á reflexión a partir de
imaxes-icono do noso patrimonio cultural vinculadas á tradición xacobea como a
repostería – souvenir: tartas de
Santiago ou doces con formas vieira consagrados como símbolo e identidade da
cultura galega. Estes elementos amósanse na Zona “C” nun percorrido similar á
disposición de imaxes en lugares de culto da tradición cristiá.
O espazo queda
presidido por un tríptico principal (que da nome a intervención), fotografías
realizadas cunha impecable calidade formal que seguen a tradición do bodegón
barroco español (Sánchez Cotán) ou prácticas artísticas máis contemporáneas
vinculadas ao potencial simbólico da comida (Vik Muniz, etc)
“Políptico”
recorda que non existen produtos ni costumes inocentes e que a nosa
civilización constrúese sobre a base de profundas cargas culturais. Un proxecto
de investigación e análise social
tomando como punto de partida as tradicións culinarias de Galicia xa que
en ela conflúen aspectos determinantes como a industria, a identidade local, o
patrimonio ou a relixión.
Enrique Lista (Malpica
de Bergantiños,1977). Estuda Belas Artes na Facultade de Pontevedra e
gráfica publicitaria na Escola de Artes Pablo Picasso da Coruña. Ten
desempeñado diversos traballos nos campos do deseño gráfico, das artes
plásticas e da fotografía.
Como artista plástico participou en varias
exposicións, principalmente con traballos fotográficos, entre elas: Cosas que
solo un artista puede hacer (MARCO. Vigo), La osadía del bufón (Centro Torrente
Ballester. Ferrol), A títol propi (Sant Andreu. Barcelona), Outonarte 2009 (A
Coruña), Situación (CGAC. Santiago de Compostela), Enrique Lista, licenciado en
belas artes (Sala Alterarte. Ourense), Nada que ver (Casa da Parra. Santiago de
Compostela), Lacôme con grelos. 8 artísticas recetas gallegas (Centro de arte
Joven de la Comunidad de Madrid), Temperatura ambiente (Sant Andreu.
Barcelona), Corpografías (Galería Sargadelos. A Coruña), Resistentes (Pazo da
Cultura. Pontevedra), Diferentes. Junge spanische kunst in
Asbach (Museum Kloster Asbach. Rotthalmünster. Alemaña), MICA-ASSAIG I: Artista
(Museu Miquel Casablancas. Barcelona), Residentes 05 (Obra Social Caixa
Galicia. Santiago de Compostela), Ausencias e memoria (itinerante Galicia) ou O
feito fotográfico (MARCO. Vigo)
María Marco é crítica e comisaria de arte contemporánea.
Licenciada en Humanidades e Belas Artes, actualmente realiza a tese de
doutoramento sobre os procesos de desmaterialización na escultura contemporánea
mentres colabora en varias plataformas editoriais como DARDOmagazine. Recibiu
diversas axudas de produción, entre elas no Masachussetts Art College (Massart)
de Boston (EUA) ou no Kulturmodell de Passau (Alemaña).
Ningún comentario:
Publicar un comentario