Amosando publicacións coa etiqueta MANCOMUNIDAD ORDES. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta MANCOMUNIDAD ORDES. Amosar todas as publicacións

Clausurado un curso Adquisición do idioma de acollida,

Ordes, 03/07/2016 - A concelleira de Benestar Social do Concello de Ordes, Susana García, clausurou o curso Adquisición do idioma de acollida, o cal se impartiu por parte da Mancomunidade de Ordes dende o pasado mes de maio.

A Mancomunidade de Ordes participa no proxecto 'Deseñando o teu futuro'


Ordes, 30/06/2016 - A Mancomunidade de Ordes participará este verán no programa 'Deseñando o teu futuro', desenvolvido pola Consellería de Política Social.

Raquel Ríos inaugura o proxecto 'Con A de comarca' entrevistando ao colectivo 'Historias de equipaxe'

 7/6/2016 - A Mancomunidade de Municipios da Comarca de Ordes vén de iniciar o proxecto literario 'Con A de comarca'. Trátase dunha iniciativa desenvolvida conxuntamente polo Servizo de Normalización Lingüística, o Centro de Información á Muller e o Departamento de Prensa, e co cal se pretende dar a coñecer e homenaxear o labor realizado polas principais mulleres escritoras da comarca.

Sede electrónica para a Mancomunidade de Ordes

Solicita da Deputación a súa creación, así como a xestión e administración para maior facilidade e rapidez na prestación de servizos

A Mancomunidade de Ordes solicitará o plan concertado de Servizos Sociais Básicos

A Mancomunidade de Municipios da Comarca de Ordes acordou no seu pleno e de maneira unánime o plan concertado para o cofinanciamento dos seus Servizos Sociais Básicos e Específicos por un importe de 516.625 €. 

O ente supramunicipal solicita a dita cantidade da Xunta de Galicia nas mesmas condicións que en anos anteriores. Co dito importe, entre outras cuestións e funcións, está previsto o incremento de xornada de dúas das técnicas do Servizo de Atención Temperá, as cales pasarán de media a xornada completa. Ademais tamén se pretende incrementar en 15.000 € a partida orzamentaria do programa de emerxencia social destinado ao Concello de Ordes, así como o mantemento do programa de axuda a domicilio dos municipios de Ordes, Frades e Oroso.

O departamento mancomunado dos Servizos Sociais Básicos atendeu ao longo de 2015 a un total de 3.500 persoas, e tramitáronse 970 expedientes. Entre as funcións que se brindan á cidadanía figuran: tarefas de información, orientación e asesoramento; programas de educación familiar e sociocomunitarios; unidades de convivencia; prevención e inserción social; programas de educación e apoio familiar etc. Un amplo abano de servizos desenvolvidos por un total de 13 traballadoras que inclúen: 5 traballadoras sociais, 1 psicóloga, 1 psicopedagoga, 2 logopedistas, 2 educadoras familiares, 1 animadora sociocomunitaria e 1 auxiliar administrativa.

Mancomunidade de Ordes - Aposta polo cooperativismo

A Mancomunidade de Municipios da Comarca de Ordes celebrou onte a súa sesión plenaria ordinaria correspondente ao mes de marzo. Nela acordouse por unanimidade solicitarlle á Consellería de Economía, Emprego e Industria a correspondente achega económica para o mantemento da Oficina de Cooperativismo. Unha contía que supera os 36.000 € e que irá destinada tanto aos gastos de persoal existente como de cara á realización de actividades promocionais e formativas tanto da fórmula cooperativa como en base á economía social. 

A dita orde, publicada no DOG do 24 de febreiro, establece as bases reguladoras para distintas entidades colaboradoras da Rede Eusumo a través dos seguintes programas: Fomento e consolidación das asociacións de cooperativas e de sociedades laborais, Oficinas locais de fomento cooperativo e, por último, Apoio ás entidades sen ánimo de lucro para a realización de actividades no marco da Rede Eusumo. 

Deste xeito a Mancomunidade de Ordes pretende seguir incentivando a participación dos concellos e doutras entidades locais no labor de promoción e fomento do cooperativismo e da economía social, a través do seu departamento situado nos baixos da Alameda de Ordes. Un plantexamento polo que a Mancomunidade de Ordes leva apostando fortemente ao longo dos últimos catro anos, e en base ó que se levan mantido distintos encontros e xuntanzas de traballo con profesionais e traballadores de distintos sectores, destacando os dedicados á produción agrícola e gandeira na comarca. 

Cos cartos acadados manteríase en funcionamento o dito espazo, ademais de destinarse a realizar actividades variadas dentro do seu eido. Neste sentido cabe lembrar a organización da xornada “A fórmula cooperativa nos servizos sociais” ou o obradoiro ‘Emprendemento cooperativo no medio rural: Oportunidades de negocio’, no pasado ano. Ademais disto tamén hai que incluír a presenza de postos promocionais en Expoordes e eventos similares e, por suposto, o asesoramento e orientación a todas aquelas persoas interesadas en emprender algunha actividade baixo a fórmula cooperativista.

Mancomunidade de Ordes - Conmemoración do Día Internacional da Muller

A Mancomunidade de Municipios da Comarca de Ordes súmase á conmemoración que administracións, institucións, entes, asociacións e todo tipo de organismos levarán a cabo o vindeiro martes, 8 de marzo, Día Internacional da Muller. 

Por isto cada un dos sete Concellos que a integran veñen de manifestar a súa adhesión ao manifesto asinado dende o Centro de Información á Muller (CIM) comarcal no que se condenan a discriminación en materias como “a ocupación laboral, realidade salarial e diversas formas de explotación que sofre a muller en todo o planeta; as agresións sexuais e a violencia de xénero, e as sobrecargas sociais e familiares que a día de hoxe seguen lastrando o seu desenvolvemento persoal e profesional”. O texto tamén fai fincapé na “feminización da pobreza, a invisibilidade da muller en importantes ámbitos de poder e prestixio, e, ao contrario, a súa visualización como obxecto de comercio”.

Dende a Mancomunidade de Ordes apoiase así a campaña da ONU cuxo lema para este ano é “Por un Planeta 50-50 en 2030: Deamos o paso para a igualdade de xénero”. O obxectivo é reflexionar sobre como acelerar e impulsar a aplicación efectiva da Axenda 2030 para o Desenvolvemento Sostible. Así mesmo, centrarase nos novos compromisos dos gobernos baixo a iniciativa “Deamos o paso” da ONU Mulleres e outros compromisos existentes en materia de igualdade de xénero, o apoderamento e os dereitos humanos das mulleres. 

Ademais disto tamén se fai un chamamento á xuntanza de forzas e a concienciación para seguir “conquistando e consolidando posicións, sen esquecerse dos colectivos de mulleres que merecen unha consideración especial pola súa vulnerabilidade: mulleres con diversidade funcional, mulleres rurais, mulleres inmigrantes ou mulleres mozas e de todas aquelas que día a día se enfrontan a un muro de dificultade no seu contorno mais cotián”.

‘Fai unha foto e únete a nós’

Por outra banda a ata o vindeiro 8 de marzo continuará aberta a campaña ‘Por un planeta 50-50 en 2030: Deamos o paso pola igualdade de xénero’. As persoas que queiran poderán enviar unha fotografía na que apareza algunha muller no seu posto de traballo ou en calquera situación cotiá ao evento creado especialmente para a ocasión na páxina de Facebook do CIM de Ordes (http://on.fb.me/1RkoDBA).

Con todas as imaxes recibidas confeccionarase un mosaico que aparecerá no cartel da campaña e nas redes sociais. Con esta proposta a Mancomunidade de Ordes pretende fomentar a campaña promovida pola ONU e que insta a Gobernos e institucións a traballar en prol da igualdade de oportunidades e dereitos para as mulleres e as nenas. Pasos que se traduzan na promulgación de leis, marcos normativos, políticas e plans de acción tanto nacionais como internacionais que veñan acompañados de investimentos adecuados. Con esta idea tamén se lles quere dar visibilidade a tantas e tantas mulleres do municipio ordense e doutros lugares que realizan unha actividade fundamental para o desenvolvemento social, económico, político, humano etc.

Manifesto

O 8 de marzo é unha data para a conmemoración, a denuncia e a reivindicación da plena igualdade entre mulleres e homes en todas as ordes da vida en todo o mundo. 

O Día Internacional da Muller xurdiu das actividades dos movementos obreiros a finais do século XX en América do Norte e Europa. Dende entón, o Día Internacional da Muller adquiriu unha dimensión global para as mulleres dos países desenvolvidos . O crecente movemento internacional das mulleres, fortalecido por catro conferencias mundiais das Nacións Unidas sobre a muller, axudou a que a súa conmemoración ofreza a oportunidade de incrementar o apoio aos dereitos e á participación das mulleres nas esferas política e económica. 

Estamos aínda moi lonxe deste e doutros moitos obxectivos, como o evidencian anualmente os datos de ocupación laboral, realidade salarial e diversas formas de explotación que sofre a muller en todo o planeta; as agresións sexuais e a violencia de xénero, e as sobrecargas sociais e familiares que a día de hoxe seguen lastrando o seu desenvolvemento persoal e profesional. 

A feminización da pobreza, a invisibilidade da muller en importantes ámbitos de poder e prestixio, e, ao contrario, a súa visualización como obxecto de comercio, son tres eixes dun mesmo fenómeno de minusvaloración que condicionan o avance cara a unha sociedade de plena igualdade, na que mulleres e homes poidan decidir e planificar as súas vidas conforme a criterios de autonomía, xustiza e liberdade. 

Dende a Mancomunidade de Ordes apoiamos a campaña da ONU cuxo lema para este ano é “Por un Planeta 50-50 en 2030: Deamos o paso para a igualdade de xénero”. O obxectivo é reflexionar sobre como acelerar e impulsar a aplicación efectiva da Axenda 2030 para o Desenvolvemento Sostible. Así mesmo, centrarase nos novos compromisos dos gobernos baixo a iniciativa “Deamos o paso” da ONU Mulleres e outros compromisos existentes en materia de igualdade de xénero, o apoderamento e os dereitos humanos das mulleres. 

As mulleres conseguimos moitos logros, inimaxinables hai só unhas décadas, pero entendemos que hoxe máis ca nunca debemos mirar cara adiante e dar sentido a este Día, co noso compromiso nunha proxección positiva de nós mesmas, xuntarmos forzas e concienciármonos de que imos seguir conquistando e consolidando posicións, sen esquecérmonos dos colectivos de mulleres que merecen unha consideración especial: mulleres con diversidade funcional, mulleres rurais, mulleres inmigrantes ou mulleres mozas e de todas aquelas que día a día se enfrontan a un muro de dificultade no seu contorno mais cotián.

Mancomunidade de Ordes - Mónica Cores recolle o premio do concurso ‘Rosalía verso a verso’

Mónica Cores Vázquez, natural da parroquia de Santa Cruz de Montaos, resultou a gañadora do concurso ‘Rosalía verso a verso’. 

O presidente da Mancomunidade de Municipios da Comarca de Ordes, Roberto Rey, acompañado da responsable do Servizo de Normalización Lingüística, Irene Bravo, fixéronlle entrega do premio consistente nun lote de libros e material audiovisual da gran poeta galega. ‘Unha vez tiven un cravo’ da obra ‘Follas novas’ foi o poema escollido pola gañadora para facer unha videomontaxe á que ela mesma lle puxo voz. Unha peza que obtivo unha moi boa acollida por parte dos seguidores ao votala máis de 130 deles e delas.

Mancomunidade de Ordes - Campaña polo Día da Muller en redes sociais

A Mancomunidade de Municipios da Comarca de Ordes acaba de poñer en marcha unha nova iniciativa co gallo de Día Internacional da Muller, o cal se celebrará o vindeiro 8 de marzo. Promovido polo CIM novamente as redes sociais, concretamente a través do seu Facebook, será a ferramenta fundamental para poder participar. Durante o mes de febreiro as persoas que queiran poderán enviar unha fotografía na que apareza algunha muller no seu posto de traballo ou en calquera situación cotiá ao evento especialmente creado para a ocasión, ‘Por un planeta 50-50 en 2030: Deamos o paso pola igualdade de xénero’ (http://on.fb.me/1RkoDBA).

Con todas as imaxes recibidas confeccionarase un mosaico que aparecerá no cartel da campaña e nas redes sociais. Con esta proposta a Mancomunidade de Ordes pretende promocionar a campaña promovida pola ONU e que insta a Gobernos e institucións a traballar en prol da igualdade de oportunidades e dereitos para as mulleres e as nenas. Pasos que se traduzan na promulgación de leis, marcos normativos, políticas e plans de acción tanto nacionais como internacionais que veñan acompañados de investimentos adecuados. Con esta idea tamén se lles quere dar visibilidade a tantas e tantas mulleres do municipio ordense e doutros lugares que realizan unha actividade fundamental para o desenvolvemento social, económico, político, humano etc.

Por outra banda tamén se dou a coñecer xa o nome da gañadora do concurso ‘Rosalía verso a verso’, promovido conxuntamente polo CIM e o Servizo de Normalización Lingüística da Mancomunidade. Mónica Cores recibirá mañá os libros e material audiovisual ao acadar o seu post o maior número de ‘gústame’ de todos os enviados ao evento creado na páxina do CIM. Unha entrega que terá lugar no charla-obradoiro que se celebrará mañá e que versará sobre a visión máis reivindicativa da poeta galega en materia de dereitos para as mulleres. Con todo isto a Mancomunidade de Ordes quere promover e achegar a figura e obra de Rosalía de Castro nun ano no que se celebra o 179 aniversario do seu nacemento.

Mancomunidade de Ordes - Programa de Prevención de Drogodependencias

A Mancomunidade de Municipios da Comarca de Ordes acaba de poñer en marcha un novo servizo orientado a diminuír a problemática da drogadicción. A nova técnica especializada na rama da psicoloxía e responsable dos programas de prevención de drogodependencias, emprendidos dende o ente supramunicipal, orientará o seu labor de cara a casos concretos xa rexistrados como á poboación en xeral. Especialmente traballarase no ámbito dos sectores máis sensibles, como é o caso dos mozos e mozas ou os nenos e nenas en idade escolar. 

A primeira iniciativa que se levará a cabo tivo lugar o pasado venres  dende as 23.30 ata as 3 horas. O Campo da Feira de Ordes acolleu un punto informativo sobre o consumo de drogas neste tipo de espazos destinados ao ocio nocturno. Este programa 'Creative' vai especialmente dirixido a mozos e mozas entre os 14 e 24 anos, cos que tamén se falará doutros aspectos asociados ás noites de festa como o ruído, a sucidade nos espazos públicos, o vandalismo etc. Todo isto baixo a perspectiva de redución de riscos, baseándose a concepción do traballo preventivo no respecto á autonomía das persoas e na liberdade persoal. Iso si, deixando ben claro que aínda que a decisión de consumir é tomada por cada persoa o mellor é non facelo, baseando o dito razoamento en información obxectiva e veraz e cun asesoramento desinteresado. 

Para promover condutas responsables fomentaranse encontros entre os mozos e mozas no posto que se instalará especialmente para a ocasión. Dende este punto distribuirase material gráfico e folletos informativos, ademais de manter contactos e comunicación directa co público que ata alí se achegue.

O programa 'Creative' ten carácter gratuíto ao estar subvencionado pola Dirección Xeral de Innovación e Xestión de Saúde Pública (Consellería de Sanidade).Cada fin de semana sitúase en diversos puntos da movida galega para contactar co maior número de persoas posible, para o que se soen situar nas zonas habituais de botellón. Ademais de aplicarse nas grandes cidades tamén se desenvolve en pobos e vilas que os equipos de prevención de drogodependencias consideren puntos de interese, tal e como decidiu a Dirección Xeral de Innovación e Xestión de Saúde Pública no caso da Mancomunidade de Ordes.

Mancomunidade de Ordes - Apoio aos traballadores de transporte de SOGAMA

A Mancomunidade de Municipios da Comarca de Ordes vén de amosar o seu apoio aos traballadores de Transportes Pellejero e Hijos S.L., concesionaria do transporte de residuos de SOGAMA. Deste xeito dáse resposta á solicitude formulada recentemente polos afectados tras as variacións nas condicións de traballo que se derivan da entrada en vigor do novo contrato de transporte de residuos sólidos urbanos o vindeiro 1 de marzo. Segundo previsións esta medida duplicará a cantidade de residuos que chega á planta de tratamento en tren e reducirá considerablemente a que se fai a través de camións. Segundo os sindicatos isto suporá o despedimento de 68 persoas entre transportistas, mecánicos e persoal de oficina, ademais dun empeoramento das condicións laborais e salariais dos que manteñan o seu posto. 

Co pronunciamento a favor do mantemento dos postos en perigo e instando a un entendemento satisfactorio nas conversas negociadoras a Mancomunidade de Ordes atende á solicitude feita no seu día polo persoal da empresa. “Unha situación que seguimos con atención e detemento xa que nos toca ben de cerca ao ser a maioría dos afectados residentes da comarca”, manifesta Roberto Rey, presidente da Mancomunidade de Municipios da Comarca de Ordes. 

No encontro mantido tamén se informou dos actos previstos para conmemorar o Día Internacional da Muller, o vindeiro 8 de marzo. Unha campaña que leva por título ‘Deamos un paso pola igualdade de xénero’, formulación inspirada no tema da campaña da ONU lanzada para este ano. A idea central desenvolverase a través das redes sociais, concretamente no Facebook do CIM. Alí todas e todos os que queiran participar poderán colgar fotografías de mulleres traballadoras realizadas por elas e eles mesmos. Con todo o material enviado ata o 29 de febreiro realizarase unha colaxe de cara a campañas de sensibilización e informativas. Tamén se elaborará un manifesto ao que se lle dará difusión a través de distintos soportes e espazos, dando así a coñecer o posicionamento da Mancomunidade de Ordes no que a dereitos igualitarios entre homes e mulleres se refire.

Mancomunidade de Ordes - Concurso literario "Rosa verso a verso"

A Mancomunidade de Municipios da Comarca de Ordes, a través do Servizo de Normalización Lingüística (SNL), do CIM e do departamento de prensa pon en marcha o concurso literario ‘Rosalía verso a verso’. Unha convocatoria dirixida a toda a poboación da comarca que queira dar a coñecer publicamente os seus versos favoritos da que é a poeta galega máis importante de todos os tempos. Para participar é necesario facelo a través do evento ‘Concurso Rosalía verso a verso’, creado na páxina do CIM de Ordes. Alí escribirase un post cos fragmentos ou poemas escollidos por cada participante. Se o prefiren poderán recitalos e colgalos en formato vídeo ou audio. O prazo para poder participar manterase aberto ata o vindeiro luns, 22 de febreiro. O post que máis ‘gústames’ reciba (só se contabilizarán os outorgados dende a propia páxina do CIM) será o gañador e obterá como premio libros e material audiovisual da obra rosaliana (https://www.facebook.com/events/745808288886526/).

Por outra banda o mesmo mércores, 24 de febreiro a Mancomunidade de Ordes ten prevista unha charla e mesa de traballo na que se afondará na importancia de Rosalía de Castro como promotora da igualdade de dereitos entre homes e mulleres. Falarase do feminismo como unha das temáticas máis importantes de toda a súa bibliografía, e do interese que suscita o seu tratamento na bibliografía dunha autora adiantada ao seu tempo. A cita desenvolverase a partir das 10.30 horas na aula de formación situada na rúa Xoxardo, e para asistir non é necesaria inscrición previa. Será ao seu remate farase cando se leve a cabo o acto de entrega do premio ao gañador do concurso.

Con todas estas iniciativas a Mancomunidade quere apoiar a moción formulada pola Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG), na que se solicitan “accións de promoción e difusión da obra da nosa escritora máis ilustre e representativa”, ademais de “proclamar o 24 de febreiro como o Día de Rosalía por parte das corporacións municipais en sesión plenaria”. Un día no que se conmemora o 179 aniversario do seu nacemento.

Mancomunidade de Ordes - Preto de 1000 doantes de órganos na mancomunidade

A Mancomunidade de Ordes conta entre a súa poboación con 976 persoas titulares da tarxeta de doantes de órganos. Así o reflicten as cifras achegadas polo Sergas cuxos cálculos inclúen os datos rexistrados dende o ano 1995. 

Por concellos os máis numerosos en número de doantes son: Ordes (387), Oroso (222), Cerceda (115), Tordoia (86), Trazo (76), Frades (58) e Mesía (32). Facendo a análise por anos advírtese que a tendencia vai á alza en todos os municipios, froito das campañas de sensibilización emprendidas entre a poboación por distintos organismos e colectivos de índole sanitaria e social. Así no pasado 2015 o concello de Ordes, o máis numeroso dos sete que conforman a Mancomunidade, rexistrou 12 novos doantes, seguido de Oroso con 11, Trazo con 5, Cerceda con 4, Frades con 2 e Tordoia con 1, mentres que en Mesía non se fixo ningunha alta deste tipo dende o pasado 2013. 

Ao respecto cabe lembrar os datos feitos públicos polo Servizo Galego de Saúde recentemente nos que se indica que en Galicia 100.495 persoas teñen a tarxeta de doador. Destas, 3.061 son novas tarxetas realizadas en 2015 na Oficina de Coordinación de Transplantes. Ao longo de 2015 na comunidade autónoma leváronse a cabo un total de 338 transplantes, dos cales 168 foron de ril, 94 de fígado, 4 de páncreas, 25 de corazón e 47 de pulmón. Así e todo hai que falar de preto de 40 doantes por millón de poboación, incrementándose a doazón de órganos nun 20% en 2015 con respecto a 2014, datos que se traducen nunha diminución de receptores nas listas de espera dun 24,3%, ata as 321 persoas.

Mancomunidade de Ordes - Aposta decidida polo emprego

A Mancomunidade de Municipios da Comarca de Ordes arranca este novo ano apostando firmemente polo seu Programa de Emprego. Todos os concellos integrantes acordaron no pleno que tivo lugar esta semana solicitar a subvención da Consellería de Economía, Emprego e Industria para a contratación por período dun ano dun prospector de emprego. A cantidade solicitada ascende a algo máis de 26.000 €. Nas funcións desta figura constan tarefas de información sobre o mercado de traballo e de ofertas de emprego, sobre políticas activas e pasivas dos servizos públicos e os incentivos e medios para a posta en marca de iniciativas emprendedoras. Tamén informará e xestionará as ofertas axeitadas para cada usuario ou usuaria, potenciando a súa captación e cobertura a través dun sistema de intermediación transparente e eficaz. Será tamén o responsable das relacións con empresas e axentes do mercado de traballo para difundir información sobre as iniciativas que faciliten a inserción laboral, á par que realizará prospeccións sobre as necesidades das empresas e o casamento entre as ofertas e as demandas de emprego. Por último atenderá á dinamización e ao afloramento de ofertas latentes.

Unha figura que se unirá ás do axente e orientador de emprego que veñen prestando os seus servizos na Mancomunidade de Ordes. Preténdese así o fomento na creación de emprego de calidade e o incremento da empregabilidade das persoas desempregadas, mellorando as condicións do mercado de traballo. Sempre no marco da Estratexia Europea para o Emprego, do Programa nacional de reformas, da Estratexia Española de Activación para o Emprego (2014-2016) do respectivo Plan anual de política de emprego (PAPE), e no eido da colaboración institucional e o diálogo social entre o Goberno galego e os axentes económicos e sociais de Galicia.

Fomento de novas iniciativas

Outra das decisións acadadas na sesión que tivo lugar onte foi a concorrencia da mancomunidade ordense ao Premio á Promoción do Cooperativismo, dotado con 5.000 € para o gañador. Con esta convocatoria a Consellería de Economía, Emprego e Industria quere fomentar e difundir o cooperativismo na Comunidade Autónoma, así como recompensar publicamente o labor que as cooperativas e outras institucións e persoas veñen realizando neste sentido. A Mancomunidade de Ordes vén desenvolvendo un labor importante neste eido a través da súa Oficina de Fomento ao Cooperativismo. Participación en feiras a través de postos temáticos ou o asesoramento e fomento na creación de cooperativas no eido comarcal son algunhas das funcións postas en marcha nestes últimos anos.

Mancomunidade de Ordes - Probas para obter o CELGA

O Servizo de Normalización Lingüística da Mancomunidade de Municipios da Comarca de Ordes (SNL) vén de informar sobre a convocatoria das probas oficiais para obter o título Celga de lingua galega. Unha cita que terá lugar no vindeiro mes de abril para cada un dos catro niveis existentes. 

Dende o SNL da Mancomunidade resaltan que o prazo para presentar a documentación e as solicitudes pertinentes finalizará o vindeiro 8 de febreiro. O seu persoal ponse á disposición de todas e todos os interesados para resolver calquera dúbida ou facilitar os trámites requiridos de cara ás ditas probas. Para isto basta con acudir ás oficinas situadas na rúa Xoxardo de luns a venres de 10 a 14 horas. Ademais a través da súa sección na páxina web da mancomunidade ordense pódese acceder a toda esta información, así como descargar o formulario de solicitudes (http://www.mancomunidadeordes.org/servicios/servizo-de-normalizacion-linguistica-1009.html10).

Mancomunidade de Ordes - Entrega do premio "Comparte, fai que a vexan"

A Mancomunidade de Municipios da Comarca de Ordes entregou os premios do concurso ‘Comparte, fai que a vexan’, convocado co gallo do ‘Día internacional da non violencia contra a muller’. 

De mans de Roberto Rey e Antonio Pereiro, presidente do ente e alcalde de Tordoia respectivamente, Marta Merayo Ferreiro recolleu a súa tableta. Un premio acadado grazas ao cartel deseñado por ela mesma e difundido a través de Facebook, no cal se mostran a dúas nenas de estilo colexial coa mensaxe “engaiolar non é engaiolar”. 

Por outra banda o alcalde de Ordes, José Luis Martínez Sanjurjo, encargouse de recoller o mesmo premio para Alejandro Estévez. O seu tuit “A violencia de xénero non pode ser un segredo” foi o que máis ‘gústame’ obtivo no Twitter. 

A través desta convocatoria este ano a Mancomunidade de Ordes abordou a importancia que teñen as redes sociais como instrumento que incide, positiva ou negativamente segundo o seu uso, na violencia contra as mulleres. Unha iniciativa que se complementou co programa desenvolvido nos institutos da comarca que, baixo o mesmo título có concurso, traballou conxuntamente co alumnado e o seu contorno familiar máis próximo.

Mancomunidade de Ordes - Inaugurada a IX Mostra de Obradoiros Culturais

A IX Mostra de Obradoiros Culturais da Mancomunidade de Municipios da Comarca de Ordes foi inaugurada na casa da cultura da Pontepedra, no concello de Tordoia. Ata o vindeiro 4 de decembro poderase desfrutar de balde de 14 a 21 horas das creacións realizadas por trece asociacións e grupos de toda a comarca.

Tal e como explicou o presidente da Mancomunidade de Ordes ante o numeroso público que se congregou na tarde de onte “co nesta mostra ponse de manifesto que xuntar o esforzo e o traballo dos concellos da comarca trae cousas boas para toda se todo sos veciños”. Neste punto o alcalde do Concello anfitrión, Antonio Pereiro, agradeceu “a colaboración e a axuda brindada por todos os demais municipio sen canto se decidiu que seriamos nós os que acolleriamos esta mostra”. Ademais dos citados tampouco faltaron á cita numerosos edís e rexedores dos demais municipios da zona.

Mantelerías, pintura e debuxo, pachwork, gancho, restauración de mobles, decoración de Nadal, cosmética natural etc. Nesta mostra ten cabida todo o artesanal e que ao longo do último ano foi realizado co esforzo e a ilusión dos participantes. Con isto preténdese, por un lado, dar a coñecer o traballo e os labores desenvolvido e polo outro ser un escaparate de ocio para aqueles veciños e veciñas que dispoñan de tempo libre e estean pensando en aprender ou desenvolver algunha actividade. 


Nesta ocasión participaron as seguintes organizacións: Obradoiro municipal de traballos manuais do Concello de Frades, Obradoiro municipal de tapicería e traballos manuais do Concello de Mesía, Obradoiro municipal de debuxo e pintura do Concello de Ordes, Asociación Andaina Pro Saúde Mental (Ordes), Asociación de Amas de Casa e Consumidores de Ordes, Asociación veciñal ‘O Cruceiro’ (Beán), Curso de habilidades sociais de persoas con diversidade funcional (Ordes), Unidade galega de mulleres e veciños rurais de Montaos (Ordes), Obradoiro municipal de debuxo e pintura do Concello de Oroso, Obradoiro municipal de cosmética natural do Concello de Tordoia, Asociación de mulleres e familias ‘A Ponderosa’ (Tordoia), Asociación de mulleres ‘Pedralonga’ (Tordoia) e a Asociación de mulleres de Trazo.

Todos eles recibiron como recordo un agasallo que consistiu nunha peza de cerámica de Buño, ademais de poder desfrutar dunha degustación de sidra e zume natural ecolóxico realizado pola asociación Andaina PSM en base ao seu ‘Proxecto mazá’. A música tampouco faltou, correndo a cargo do grupo lírico Ludmila Orbua.

A dita iniciativa está financiada pola Deputación da Coruña e está organizada pola Mancomunidade de Ordes e especialmente polo Concello de Tordoia.

Mancomunidade de Ordes - Día da non violencia contra as mulleres

Este ano a Mancomunidade de Municipios da Comarca de Ordes escolleu as redes sociais como vehículo para informar e sensibilizar na repulsa da violencia contra as mulleres e para conmemorar o 25 de novembro, Día Internacional da non Violencia contra a Muller.

Unha vez máis o CIM foi o ente encargado de desenvolver un amplo programa que abrangue diversos aspectos. Neste sentido organizouse o concurso “Comparte, fai que a vexan” para concienciar sobre o poder das TIC como instrumento que favorece a violencia contra as mulleres ou, ao contrario, como instrumento para combatela. O concurso ten dúas categorías: unha de imaxes publicadas en Facebook e outra de chíos publicados en Twitter. A primeira dirixida á poboación de 14 anos ou máis idade, ten como gañadora a Martahari MeRayo. No caso dos chíos o gañador foi Alex Estévez con: “#CIMdeOrdes A violencia de xénero non pode ser un segredo...#compartefaiqueavexan” a cal estaba dirixida ao alumnado de educación secundaria e bacharelato da comarca de Ordes. Ambos obtiveron como premio unha tableta Samsung Galaxy. A imaxe gañadora servirá para elaborar un cartel conmemorativo que se distribuirá en distintas plataformas e espazos públicos. Un concurso que ten lugar no marco do programa que leva o mesmo nome e que se está desenvolvendo en colaboración coa comunidade educativa, contando con máis de setenta sesións nas que en moitos casos tamén participan as familias do alumnado. Unha iniciativa que se pode seguir a través das seguintes plataformas dixitais: programacomparte.blogspot.com.es, www.facebook.com/comparte.faiqueavexan, twitter.com/ProgramComparte.

Manual de prevención 

Co fin de sensibilizar sobre outro exemplo de violación dos dereitos humanos de mulleres e nenas distribuirase o ‘Manual de prevención da mutilación xenital feminina. Boas prácticas’, editado pola Confederación Nacional de Mulleres en Igualdade, subvencionada polo Ministerio de Emprego e Seguridade Social e cofinanciada polo Fondo Europeo para a integración. Faranse chegar máis de 100 exemplares deste material aos concellos da Comarca de Ordes para que o poidan distribuír mañá, 25 de novembro, entre a poboación en xeral e dende os lugares de interese do municipio: centros educativos, bibliotecas municipais, entidades etc.

Co fin de que a loita contra esta lacra non se reduza a actos conmemorativos illados difundiremos un chamamento á loita contra a violencia ás mulleres. Este documento darase a coñecer través das redes sociais do CIM e remitirase ás entidades locais por se queren sumarse a esta declaración.

Ademais, mañá concluirá o curso de alfabetización básica que se está a desenvolver en colaboración co Plan Galego de Inclusión de Galicia. Aproveitaremos este espazo para organizar un acto simbólico xunto coas 15 persoas participantes.

Mancomunidade de Ordes - I Concurso "Comparte, fai que a vexan"

Co gallo do ‘Día internacional da non violencia contra a muller’, que terá lugar o vindeiro 25 de novembro, o CIM da Mancomunidade de Ordes convoca o I Concurso ‘Comparte, fai que a vexan’. Unha idea que pretende mostrar a importancia que teñen as redes sociais como instrumento que incide, positiva ou negativamente segundo o seu uso, neste tipo de agresións para o que se empregarán Twitter e Facebook.

No caso de Twitter premiarase o mellor chío publicado ata o luns, 23 de novembro, que deberá incluír os hastag #CIMdeOrdes e #ComparteFaiqueaVexan. Poderán participar os alumnos e alumnas de ESO ou Bacharelato de calquera centro educativo da comarca, os cales poderán enviar os chíos que queiran. Os traballos deberán ser inéditos, orixinais e escritos en galego ou castelán. Entre os cinco chíos con máis “gústame” o xurado, composto por cinco persoas con experiencia en igualdade, escollerá o gañador. O premio será unha tableta Samsung Galaxy. 

Por outra banda, no Facebook do CIM desenvolverase o concurso de imaxes sobre a violencia contra as mulleres, dirixido a persoas a partir de 14 anos, podendo enviarse unha por persoa. Esta deberá ir acompañada do texto “Participo no concurso ‘Comparte, fai que a vexan’. Non lle deas a “gústame” no meu perfil, dálle no do CIM. Os votos no meu perfil non contarán para o concurso”. As imaxes poden incluír textos en galego ou castelán e deberán ser orixinais, inéditas e presentadas por primeira vez nun concurso. Os interesados ou interesadas dispoñen ata o luns 23 de novembro como data límite para publicalas. Das cinco imaxes que reciban máis “gústame” o xurado elixirá á gañadora en base ao tratamento do tema, a orixinalidade, a expresión e a presentación en xeral. Igualmente o premio consistirá nunha tableta Samsung Galaxy.

O nome dos premiados darase a coñecer na páxina de Facebook do CIM da Mancomunidade (https://www.facebook.com/CIM-Mancomunidade-de-Ordes-680222548688007).



Programa paralelo 

Esta iniciativa desenvólvese paralelamente ao programa ‘Comparte, fai que a vexan’, que se está a levar a cabo nas últimas semanas nos centros académicos e aulas de informática da comarca. Un proxecto de sensibilización e concienciación dirixido á poboación adolescente e ás súas familias, que demostra a importancia que ten o correcto uso das TIC e a detección precoz dos casos de violencia de xénero. 



O programa consta de máis de sesenta sesións presenciais co alumnado de ESO e bacharelato e obradoiros de sensibilización coas familias. Coa información obtida elaborarase un informe final no que poder plasmar un estudo-diagnóstico sobre o uso das TIC, sexismo e violencia de xénero na comarca de Ordes. Esta iniciativa conta coa subvención da Deputación da Coruña.

Mancomunidade de Ordes - A IX Mostra de Obradoiros inaugúrase a final de mes

A IX Mostra de Obradoiros Culturais da Mancomunidade de Municipios da Comarca de Ordes terá lugar dende o 27 novembro ao 4 de decembro. O lugar escollido para levala a cabo é o concello de Tordoia, exactamente o salón de actos da casa de cultura da Pontepedra, na parroquia de Cabaleiros. Alí poderá visitarse de balde de 14 a 21 horas.

Nesta nova edición participan un total de 13 asociacións de diversa índole, que mostrarán os traballos e proxectos realizados ao longo do último ano. Concretamente son: Obradoiro municipal de traballos manuais do Concello de Frades, Obradoiro municipal de tapicería e traballos manuais do Concello de Mesía, Obradoiro municipal de debuxo e pintura do Concello de Ordes, Asociación Andaina Pro Saúde Mental (Ordes), Asociación de Amas de Casa e Consumidores de Ordes, Asociación veciñal ‘O Cruceiro’ (Beán), Curso de habilidades sociais de persoas con diversidade funcional (Ordes), Unidade galega de mulleres e veciños rurais de Montaos (Ordes), Obradoiro municipal de debuxo e pintura do Concello de Oroso, Obradoiro municipal de cosmética natural do Concello de Tordoia, Asociación de mulleres e familias ‘A Ponderosa’ (Tordoia), Asociación de mulleres ‘Pedralonga’ (Tordoia) e a Asociación de mulleres de Trazo.

A dita iniciativa está financiada pola Deputación da Coruña e está organizada pola Mancomunidade de Ordes e especialmente polo Concello de Tordoia. Con todo isto preténdese, por un lado, dar a coñecer o traballo e os labores desenvolvidos por estes grupos de traballo, e polo outro ser un escaparate de ocio para aqueles veciños e veciñas que dispoñan de tempo libre e estean pensando en aprender ou desenvolver algunha actividade.