BRIÓN CELEBRA HOXE A VÉSPERA DE SANTA MINIA CON MÚSICA, TIRADA DE FOGOS DE ARTIFICIO E UNHA RECOPILACIÓN DOS CARTEIS ANUNCIADORES DA FESTA
A Casa da Cultura acollerá unha exposición de 23 carteis anunciadores de Santa Minia, entre os que se inclúe un cartel de 1953
O Concello porá en marcha un amplo dispositivo de seguridade e habilitará dez zonas de aparcamento gratuíto
Brión ten todo listo para celebrar un ano máis a tradicional Romaría de Santa Minia, que terá lugar este mércores e xoves. Un ano máis, a carballeira de Santa Minia centralizará todas as actividades relixiosas e lúdicas dunhas festas que este ano solicitaron ser declaradas de Interese Turístico.
Durante a xornada de hoxe martes instaláronse no entorno da carballeira as cinco pulperías e comezaron a chegar os distintos establecementos comerciais e atraccións para os nenos que ofrecerán os seus produtos e servizos durante estes dous días de festa. Dende a organización agardan que as previsións meteorolóxicas se cumpran e comece a escampar na tarde do mércores, sobre todo pensando nun dos grandes momentos das festas: a tirada de fogos de artificio e queima da fachada de Santa Minia, que ten lugar na noite do mércores a xoves (ás 0:00 horas).
Vésperas
O programa de festas comezará mañá mércores 26 de setembro, véspera de Santa Minia, ás 12:00 horas, cun pasarrúas da charanga “Os celtas” (Negreira) que dará paso a unha sesión vermú da orquestra “América SL”, que dará paso a unha sesión vermú da orquestra América SL. Xa pola tarde, Troula Animación ofrecerá un espectáculo de animación infantil a partir das 19:00 horas.
A música comezará ás 20:00 horas, cunha actuación da escola de baile e pandeireta do Concello de Brión; seguida dun espectacular concerto de percusión a cargo dos Kilomberos de Montealto (A Coruña). Ás 22:00 horas comezarán os pases das orquestras América SL e Capitol, que este ano actuarán en quedas dunha hora, e non de hora e media como en anos anteriores, para que todos os visitantes poidan disfrutar de ambas orquestras.
Exposición cartelería
Durante os dous días da festa, a sala de exposicións da Casa da Cultura acolle unha mostra con 23 carteis anunciadores das Festas de Santa Minia. Os visitantes que se acheguen á sala de exposicións poderán ver todos os carteis anunciadores entre 1980, ano no que o Concello de Brión se fixo cargo da organización de Santa Minia, e 2012. Carteis obra de importantes artistas galegos como Xosé Vizoso (autor dos últimos tres anos), Ramón Astray, Juan Moreno Badía e Aldrey, un médico que se encargou do deseño dos carteis entre 1987 e 1994.
Ademais, os visitantes poderán ver un cartel de 1953, escrito en castelán e no que se incluían detalles como “típica romería enxebre en la Robleda” ou “vistosos fuegos de lucería”. Trátase dun dos poucos carteis de Santa Minia, que no de 1980 tamén inclúe como curiosidade a denominación “Galiza”.
Día de Santa Minia
O día de Santa Minia comezará coa actuación dun cuarteto de gaitas e da charanga NBA (Betanzos), que darán paso ás 13:00 horas á compañía Femme Fatale, que xa obtiveran un gran éxito co cabaret do ano pasado e que este xoves representarán polas rúas de Pedrouzos o seu espectáculo “Ronda poética. O Batallón Literario”. A orquestra Trébol encargarase da sesión vermú.
Pola tarde, novo espectáculo de percusión con Trópico de Grelos (ás 17:00 horas) e unha actuación da Banda de Música Municipal do Concello de Brión (20:00 horas). A verbena do xoves comezará ás 20:30 horas coas orquestras Los Satélites e Trébol.
Oficios relixiosos
Durante toda a xornada do xoves 27 de setembro haberá xogos, barracas e distintos postos de venda no entorno da carballeira de Santa Minia, así como cinco das pulperías máis afamadas de Galicia. E é que comer o polbo en Santa Minia converteuse case nunha tradición pagá comparable á de cumprir coa tradicional visita á santa, bicar o sepulcro onde repousan os seus restos e pasar sobre el as típicas imaxes de Santa Minia para que lles dé sorte durante todo o ano.
Por motivos de seguridade e por segundo ano consecutivo, as velas dos devotos non se depositarán na capela, senón nun local anexo á finca onde teñen lugar as misas (xusto enfronte da capela). Dende a parroquia teñen todo organizado para que se poidan prender velas nese lugar e depositar as figuriñas de cera (con formas de mans, brazos, cabezas, pernas... dacordo con aquela parte do corpo na que pidan a actuación de Santa Minia) que os devotos presentaran minutos antes diante da Santa e que mercaran nos postos que rodean a capela de Santa Minia.
No que atinxe aos oficios relixiosos, o día da Véspera terán lugar ás 9, 11, 12:30, 18, 19 e 20 horas. O día de Santa Minia, ademais da misa solemne das 13:00 horas, haberá misas cada hora entre as 9:00 e as 13:00 horas e entre as 17:00 e as 20:00 horas.
Operativo de seguridade
O Concello de Brión xa ten listo o operativo que velará pola seguridade e comodidade dos visitantes, composto por unha veintena de efectivos, entre membros de Protección Civil e Policía Local, que se encargarán de atender aos milleiros de romeiros que acodan a Santa Minia. O Concello ten habilitadas dez zonas de aparcamento de balde, con capacidade para ata 5.000 vehículos, e que estarán convintemente sinalizadas.
Dende Protección Civil aconsellan aos visitantes que se deixen guiar polos efectivos que estarán na zona, que lles indicarán a mellor opción de aparcamento, segundo a ocupación de cada parcela. Un ano máis, dende o Concello de Brión lembran a todos os visitantes que a utilización dos aparcamentos habilitados é totalmente gratuítos e que non hai que aboar cuota algunha, de cara a evitar a picaresca dalgunhas persoas que na pasada edición se aproveitaron dalgúns romeiros para cobrarlles un “aluguer” dun euro.
Os autobuses terán que facer trasbordo no Centro Social Polivalente, pois a avenida de Santa Minia estará cortada á circulación de vehículos o xoves 27 de setembro. Un corte xustificado polos máis de douscentos postos de venda que ocuparán ambas marxes da avenida entre o Centro Social Polivalente e a capela de Santa Minia.