| Os 240 nenos/as que participan no Nadal lúdico despiden o ano cunha gran festa no pavillón do Milladoiro Nenos/as e autoridades municipais comeron gusanitos para despedir o ano Ames, 30 de decembro de 2011. Coas vacacións de Nadal chegou tamén ao Concello de Ames o programa Nadal lúdico, grazas ao cal, dende o 22 de decembro e ata o 5 de xaneiro, os pais con cativos entre 3 e 12 anos poden conciliar a súa vida laboral e familiar. Así, preto de 240 nenos e nenas teñen a oportunidade de gozar das actividades e obradoiros deste programa, que teñen por obxectivo mantelos entretidos e ocupados, mentres que os pais e nais están traballando. Este venres, 30 decembro ás 12:00 h da mañá, os nenos/as que participan no Nadal lúdico despediron o ano ao son das doce baladas no pavillón do Milladoiro. Os rapaces e rapazas comeron gusanitos en vez de uvas. Foi a primeira vez que se xuntaron os rapaces e rapazas dos lúdicos de Bertamiráns e do Milladoiro para celebrar a festa de fin de ano. O alcalde de Ames, Santiago Amor, acompañado de varios concelleiro/as asistiron a festa de fin de ano do Nadal lúdico. Como xa vén sendo tradicional todos os anos os nenos e nenas que participan no Nadal lúdico adiántanse ao resto de veciños e veciñas de Ames na celebración da festa de fin de ano. Deste xeito, os monitores e monitoras que xestionan as actividades do Nadal lúdico prepararon unha festa de fin de ano para todos os cativos/as que participan neste programa lúdico. A festa de fin de ano celebrouse este venres 30 de decembro, ás 12:00 h da mañá, no pavillón do Milladoiro. Foi a primeira vez que se xuntaron os rapaces e rapazas dos lúdicos de Bertamiráns e do Milladoiro para celebrar a festa de fin de ano. Polo tanto, xuntáronse no Milladoiro preto de 240 rapaces e rapazas. Os nenos e nenas que participan no Nadal lúdico de Bertamiráns foron en autobús ata o pavillón do Milladoiro, mentres que os nenos/as que están na Escola de Educación Infantil do Milladoiro achegáronse ata o pavillón desta localidade andando. Os rapaces e rapazas comeron gusanitos en vez de uvas. Debido a que neste programa participan moitos nenos/as de 3 e 4 anos, os monitores/as decidiron que comeran gusanitos xa que é unha lambonada fácil de tragar sen correr o risco de que ningún neno se atragantase. Ademais, estes gusanitos eran aptos para todos aqueles rapaces ou rapazas que sofren alerxias ou intolerancia a algún produto alimenticio. No pavillón do Milladoiro tamén houbo un paxe real. Ao rematar as badaladas os nenos/as puideron deixarlle as cartas, que lle escribiron aos Reis Magos, para que a noite do 5 de xaneiro lles traían os agasallos que lles pediron. A esta festa tamén acudiron varios membros do goberno local. O alcalde de Ames, Santiago Amor, o concelleiro de Cultura, Educación e Patrimonio, Alfonso Rey, o concelleiro de Comercio, Promoción Económica, Traballo e Turismo, Bernardo Moar, o concelleiro de Vías, Obras, Parques e Xardíns, Alfredo Taboada, e a concelleira de Asociacionismo, Igualdade, Muller e Xuventude, María González, tamén comeron gusanitos, ao igual que os nenos/as, para despedir o ano. Cómpre lembrar que o Nadal lúdico desenvólvese tanto no Milladoiro coma en Bertamiráns. No Milladoiro son 146 os nenos e nenas que participan no programa lúdico, mentres que en Bertamiráns son 91. En Bertamiráns os nenos/as desenvolven as actividades do Nadal lúdico no CEIP A Maía, mentres que no Milladoiro os nenos/as de educación infantil están na EEI Milladoiro e os rapaces e rapazas de educación primaria no pavillón polideportivo. | Amplíase o mercado de rúa do Milladoiro Dende o vindeiro luns, 2 de xaneiro, o mercado de rúa do Milladoiro contará con 13 novos postos, polo que pasará a dispor de 83 puntos de venta
Ames, 30 de decembro de 2011. Hai pouco máis dun mes e medio que comezou a funcionar o mercado de rúa do Milladoiro e, debido ao gran éxito de afluencia e de vendas que está tendo, dende a Concellaría de Comercio, Promoción Económica, Traballo e Turismo, decidiron acometer unha ampliación deste mercadiño. O mercado de rúa do Milladoiro comezou a funcionar con 70 postos, pero dende o inicio naceu cun claro obxectivo de ampliación para poder incrementar o número de postos, así como a oferta comercial. Deste xeito dáse cumprimento a este obxectivo. Dende o vindeiro luns, 2 de xaneiro, o mercado de rúa do Milladoiro contará con 13 novos postos, polo que pasará a dispor de 83 puntos de venta. Os novos postos ofertarán produtos de horta, patacas, flores naturais, libros para nenos/as, queixo francés, téxtil e calzado. Tal e como destacaba o concelleiro de Comercio, Promoción Económica, Traballo e Turismo, Bernardo Moar, na inauguración do mercado de rúa do Milladoiro “este mercado nace cun claro obxectivo de ampliación para que nun corto prazo se poidan incrementar o número de postos así como a oferta comercial”. Coa ampliación do mercado do Milladoiro dáse cumprimento ao dito hai pouco máis dun mes e medio polo concelleiro de Comercio e Promoción Económica. A partir do vindeiro luns 2 de xaneiro o mercado de rúa do Milladoiro contará con 13 novos postos, polo que pasará a dispor de 83 puntos de venta. Os novos postos ofertarán produtos de horta, patacas, flores naturais, libros para nenos/as, queixo francés, téxtil e calzado. Para poder realizar esta ampliación habilitáronse novos espazos na praza de Manuel Murguía. Os vendedores ambulantes que dispoñen de novos postos neste mercado de rúa xa poderán comezar a traballar o próximo luns 2 de xaneiro. Estes novos postos únense aos que xa están funcionando dende o pasado 21 de novembro. O mercado do Milladoiro conta con ofertas e importantes novidades con respecto ao de Bertamiráns. Entre as novidades destaca que hai un posto de venda de filloas, tres postos de artesanía, unha adega das Rías Baixas, dous postos de queixos, un posto de plantas e sete postos de venda de produtos de horta (froitas, hortalizas, etc). Tamén conta con dous postos de churros, e os típicos postos de calzado e téxtil. O mercado abre durante os meses de inverno en horario de 16:30 h a 19:30 horas, e no verán abrirá de 16:30 h a 20:30 horas. O concelleiro de Comercio, Promoción Económica, Traballo e Turismo, Bernardo Moar, explicou que “o mercado de rúa do Milladoiro está funcionado moi ben e está tendo unha gran afluencia e nivel de ventas dende a súa posta en marcha”. Moar recalca que o mercado do Milladoiro “está tendo unha gran acollida tanto entre a veciñanza de Ames como da comarca. Temos constancia de que está vindo a comprar ao Milladoiro moita xente de Teo e de Santiago de Compostela”. Por último o concelleiro de Comercio e Promoción Económica indica que “este mercado está supoñendo un gran motor económico para O Milladoiro, e en especial, para os vendedores ambulantes e para os comerciantes de Ames”. |