‘Contos coas mans abertas’ despídese
en Teo tras máis de 60 actuacións por toda Galicia
- O espectáculo
creado pola compañía A Tropa de Trapo para o Fondo Galego de Cooperación
percorreu nos últimos dous anos 48 Concellos socios da entidade
- Sensibilizar
sobre a solidariedade é o obxectivo deste contacontos dirixido a público
adolescente e adulto, que incorpora instrumentos de diferentes países
O espectáculo ‘Contos coas mans
abertas’, promovido polo Fondo Galego de Cooperación, representarase por última
vez hoxe venres logo de xirar durante dous anos por toda Galicia para sensibilizar
sobre a solidariedade. O Concello de Teo, membro da asociación municipalista,
acollerá a actuación da Tropa de Trapo no centro sociocultural da Ramallosa, a
partir das 20.30 horas, con entrada de balde.
Desde que en xuño de 2010 botara a
andar na vila ourensá de Ramirás, a proposta músico-teatral creada pola
compañía compostelá para o Fondo Galego percorreu un total de 61 escenarios de 48
Deputacións e Concellos socios da entidade, colleitando unha excelente
acollida. O contacontos, dirixido a público adolescente e adulto, viña
contemplándose nos Plans de Sensibilización do Fondo Galego de Cooperación e
Solidariedade, cofinanciados pola Xunta de Galicia.
O espectáculo baséase en pezas
narradas a dúas voces con música en directo. Instrumentos como a guitarra
española ou o laúde árabe mergullan aos espectadores en historias reais,
recollidas case todas en primeira persoa, contos sinceros e achegados que falan
do fondo humano que nos une. Sen caer en tópicos sobre a solidariedade e a
cooperación, ‘Contos coas mans abertas’ é unha proposta chea de esperanza, de
humor, de amor, de pequenas loitas e grandes soños. Son contos para mellorar o
mundo e entendelo mellor.
Mulleres da aldea, cooperantes,
guerrilleiros, vacas, inmigrantes ou unha tribo bosquimá son algúns dos
protagonistas das historias de Marta Ortiz e Brais Gutiérrez, dous ensinantes
de vocación que en 2006 xuntaron as súa inquedanza pola narración oral no
proxecto A Tropa de Trapo. Desde entón levan percorrido toda Galicia, e mesmo
outras Comunidades Autónomas, facendo reflexionar a nenos, mozos e maiores cos
seus diferentes espectáculos.
O Fondo Galego
O Fondo
Galego de Cooperación e Solidariedade está integrado por 93 Concellos e as
Deputacións da Coruña e Lugo, que concentran a través desta rede os seus
esforzos no eido da cooperación ao desenvolvemento. Garántese deste xeito unha
xestión profesional e transparente, así como a realización de proxectos con
impacto nos países do Sur e a sensibilización da sociedade galega a prol da
solidariedade internacional. Desde a súa fundación en 1997, o Fondo Galego ten
desenvolvido 142 proxectos en 25 países e promove numerosas actividades e
materiais en relación aos desequilibrios Norte-Sur.
Ningún comentario:
Publicar un comentario