Axenda e tempo do sábado 7 de outubro - Música, cine, teatro, coches, exposicións

Santiago - Numax

Santiago - II Encontro de Troianos

Brión - Teatro - Snakizados

Santiago - Área Central - magosto

Santiago - Cineuropa

Touro - XVII Slalom automovilístico

Santiago - Auditorio - Vaivén Circo - Do not Disturb

Santiago - Dado Dadá - Diana Tarín

Boqueixón  - IV Ruta das tapas

Outros Concertos + info

Exposicións

Santiago - Colexio de psicólogos - Elana ivonne Daprá (ata finais de novembro)

Santiago - Auditorio de Galicia - Salto de páxina (ata febreiro 2016)

Santiago - Galería sargadelos -  ciencia da luz (ata o 11 de novembro)

Santiago - Fundación Granell - 20 formas de cambiar el mundo (ata decembro)

O Tempo

Oroso - O concello expedienta o BBVA

O Concello de Oroso vén de abrir expediente sancionador ao BBVA, como entidade propietaria dunha parcela en Porto Avieira que se atopa nun estado de insalubridade e inseguridade para os veciños e veciñas da parroquia de Gándara. O concelleiro de Seguridade Cidadá, Antonio Leira, explica que “dende o Concello fixemos requirimentos e mesmo un expediente notificador ao BBVA para que limpara a parcela e arranxara o valado perimetral da mesma, xa que no seu interior conta cun fondo burato que pode supoñer unha situación de perigo público, pero esta entidade non respondeu, polo que agora iniciamos un expediente sancionador para que se repoña a seguridade pública e, no seu caso, se adopte a sanción pertinente”.

Neste sentido, Leira Piñeiro indica que “dende o Concello imos iniciar tamén os trámites para dirixirnos a aqueles propietarios que teñan parcelas en condicións de insalubridade ou de perigo público para que as acondicionen como é debido”. De feito, o concelleiro de Seguridade Cidadá fixo fincapé no caso especial das propiedades que o Sareb dispón en Oroso. “Non pode ser que a legalidade só se aplique para embargar unha propiedade, quen embarga tamén ten que cumprir coas obrigas que esa propiedade conleva”, explica Antonio Leira, “e no caso do Sareb temos dous exemplos moi evidentes tanto co edificio sen rematar da rúa do Portiño como coa súa propiedade diante do centro médico de Sigüeiro”.

No caso da rúa do Portiño, o Concello de Oroso xa embargou o aval, polo que procederá ao peche da zona. “Unha vez rematados os traballos lle pasaremos a factura ao Sareb. No caso de que non se abonase, procederiamos ao embargo de bens”, apunta o concelleiro orosán.

Santiago - Festival de Tunos no Auditorio Abanca

Con motivo do centenario da primeira edición da novela La casa de la Troya de Alejandro Pérez Lugín (1915), a Asociación de Antiguos Tunos Composteláns, entidade que xestiona o Museo Casa da Troia, celebra  os “II Encontros Troianos en Compostela”. No marco desta cita terá lugar o Festival do Centenario no Auditorio Abanca de Santiago, hoxe sábado, ás 18:30 horas. 

O encontro reúne a máis de 250 persoas integrantes de agrupacións de pulso e púa de tunas veteranas procedentes de diferentes puntos de España, Portugal, Holanda e México. De Portugal están a Quarentuna de Coimbra e a Tuna Veterana da Universidade Portucalense. Tamén participa Tuna España, conformada por tunos veteranos de diversas universidades españolas. México está representado pola Estudiantina de los Decanos de la Universidad de Querétaro. Completan o programa a Tuna Ciudad de Luz de Holanda e o Grupo de pulso e púa da Asociación de Antigos Tunos Composteláns-Casa da Troia.

EOnte fixeron unha ofrenda floral a Rosalía de Castro no monumento que homenaxea á ilustre poetisa galega na Alameda de Santiago, onde depositaron unha coroa de laurel e os tunos cantaron a canción “Pranto” (Chora, chora, Rosalía, baixo o ceo en Santiago…). Ademais, o alcalde da cidade, Martiño Noriega, visitou o Museo Casa da Troia. Pola tarde, as agrupacións participantes realizarán unha ofrenda ao Apóstolo na Misa do Peregrino da Catedral compostelá. E a partir das 20:30 horas iniciarán un pasarrúas polo casco histórico. 

Acto académico presidido polo reitor da Universidade de Santiago
Os actos de mañá sábado comezarán ás 12:00 horas, cunha fotografía oficial destes encontros coas agrupacións participantes na praza de Praterías. De seguido, ás 12:15 horas, realizarán un pasarrúas ata o pazo de Fonseca, onde ás 12:30 horas se celebrará un acto académico na Universidade de Santiago presidido polo reitor, Juan Viaño; con conferencias do profesor José Carro Otero, que abordará a Casa da Troia como un museo de si mesma; e do profesor Francisco Durán Villa, membro da Asociación de Antigos Tunos Composteláns, que falará sobre a cidade de Santiago no tempo no que transcorre a historia da novela de Pérez Lugín. Unha vez rematado o acto, ás 14:00 horas, os tunos actuarán na praza de Fonseca.

“Festival do Centenario” no Auditorio Abanca
Pola tarde terá lugar o acto central deste encontro, o “Festival do Centenario”, que comezará ás 18:30 horas no Auditorio Abanca. As entradas poden adquirirse a 5 euros para butaca e a 3 euros para o anfiteatro en diversos establecementos da cidade: Librería Toural, Amboa, café Zum Zum, Librería Couceiro e no Casino. 

No festival actuarán sete tunas, as seis participantes nestes encontros, xunto coa Tuna de Dereito da Universidade de Santiago. Cada unha delas interpretará catro pezas, alomenos unha do repertorio musical galego e outra típica da súa universidade de procedencia. A tuna da Asociación de Antigos Tunos Composteláns, dirixida polo mestre Fernando Reyes, estreará despois de cen anos a canción “La Alfonsina”, de Canuto Berea. O festival durará entre tres e catro horas e poderán escoitarse cancións tan populares como “A Santiago voy”, “Guantanamera”, “El beso”, “Rianxeira”, “Catro vellos mariñeiros” ou a xa mítica “Fonseca”.

As celebracións continuarán cunha noite de música polas rúas de Compostela: rúa do Franco, praza de Cervantes, Acibechería e barrio de San Martiño Pinario. E o broche final porao unha sesión musical das agrupacións participantes neste encontro no Casino da cidade.

Este proxecto está patrocinado polo Concello de Santiago, a Consellería de Cultura, a Deputación da Coruña e a Fundación Abanca. E conta coa colaboración da Universidade de Santiago e a Asociación Hostelería Compostela. O Museo Casa da Troia, que permanece pechado durante os meses de inverno, abrirá especialmente para a ocasión dende o xoves 5 ata o domingo 8 de novembro. O sábado abrirá de 12:00 a 15:00; e o domingo de 11:00 a 13:00 e de 16:00 a 19:00 horas.

Brión - Áncora Producións presenta hoxe Snakizados

O Centro Social Polivalente de Brión acollerá hoxe sábado 7 de novembro, a partir das 20:30 horas, a representación de “Snakizados”, un espectáculo da compañía Áncora Producións. Unha actuación totalmente gratuíta e contemplada no “Outono Cultural”, organizado polo Concello de Brión en colaboración coa Deputación da Coruña.

“Snakizados” é un espectáculo escrito e interpretado por Gustavo Pernas Cora que recibiu o premio Maruxa Villanueva de Interpretación. Trátase dun espectáculo anovador, dende o texto á súa posta en escena, na que se mesturan espazos sonoros e lumínicos con imaxes impactantes. “Snakizados” é unha obra tráxica e cómica, repleta de distintos seres (humanos, animais, minerais encarnados...) que son encarnados por un único actor: Gustavo Pernas.

Mancomunidade de Ordes - Solicitude de axuda para a continuidade do Centro de Información a Muller

No seu último pleno a Mancomunidade de Municipios da Comarca de Ordes acordou unanimemente solicitar á Consellería de Igualdade a subvención para a promoción da igualdade. A dita achega ascende a 140.000 euros, destinados ao mantemento do Centro da Información á Muller (CIM), “un dos máis efectivos e con mellores resultados de toda Galicia” tal e como foi cualificado polo vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda. 

O CIM da Mancomunidade de Ordes está composto por un equipo de catro traballadoras. Unha directora, unha psicóloga, unha asesora xurídica e unha axente de igualdade. Todas elas levan atendido no que vai de ano a máis de 200 casos. Entre os servizos que ofrecen figura a asistencia en distintos ámbitos e en base a diferentes cuestións, como por exemplo o asesoramento xurídico relacionado co dereito de familia, medidas provisionais, dereito penal aplicado á violencia de xénero ou dereito laboral. Tamén se organizan talleres, obradoiros, xornadas, charlas etc dirixidas a distintos sectores poboacionais. Tramitacións relacionadas coa asistencia xurídica gratuíta, atención psicolóxica, información de recursos destinados ás vítimas de violencia de xénero etc son outros dos aspectos que se traballan neste centro.

Na sesión que tivo lugar onte tamén se deu conta da achega de 44.000 € concedida pola Consellería de Sanidade. Uns cartos destinados á instauración dunha unidade de prevención de drogodependencia que empezará a funcionar en vindeiras datas.

Lalín - Acondicionamento das casas Manuel Rivero

O tenente de alcalde e concelleiro responsable de Urbanismo, Nicolás González Casares, visitou hoxe as antigas casas dos mestres do colexio Manuel Rivero para comprobar o seu estado e valorar posibles vías de actuación con vistas a que as vivendas, actualmente abandonadas, poidan ser reutilizadas no futuro.

González Casares asegurou despois da súa inspección, que a situación dos inmobles “é lamentable, mostrando un estado de abandono absoluto en moitas das estancias”, ao tempo que dixo “non chegar a entender como o anterior goberno se permitiu deixar chegar o edificio a estes extremos de deixadez”. 

Destaca en especial o pésimo estado dos pisos superiores, nos que se foi acumulando unha enorme cantidade de suciedade formada na maior parte por excrementos de aves que entran constantemente polas roturas das fiestras. Así mesmo, ademais de desperfectos de diversa consideración no mobiliario, era rechamante a enorme cantidade de maleza que proliferaba nos patios traseiros e suscitaba malestar entre os veciños. Esta vexetación foi eliminada durante esta mesma mañá por parte dos operarios da Brigada municipal de obras.

O servizo tamén executará nos próximos días tarefas de limpeza nas zonas do edificio en peor estado e irá realizando progresivamente traballos de adecentamento co obxectivo de que no futuro, de ser posible, se poida proceder á rehabilitación completa do bloque. Segundo indicou o tenente de alcalde, a proposta do Concello é que a longo prazo as vivendas sexan reutilizadas con fins sociais. Non obstante, técnicos municipais realizarán nas próximas semanas un estudo máis en profundidade do estado estrutural dos inmobles para que unha vez analizado se poidan valorar novas medidas de actuación sobre os apartamentos

Teo - Programa de actividades físicas Bule con Alcer

A semana que vén comeza a funcionar en Teo a iniciativa Bule con Alcer, un programa de actividade física e social dirixido a enfermos crónicos e os seus familiares. En Teo está impulsado dende o departamento de Benestar, en colaboración con Alcer Coruña, Asociación para a Loita contra as Enfermidades de Ril. As sesións celébranse no Centro Sociocultural da Ramallosa, en horario de martes e xoves de 17:00 a 18:30 horas.

O programa Bule con Alcer promove a actividade física e social a través de grupos de traballo, onde se realiza un programa que proporciona beneficios físicos, psicolóxicos e sociais ás persoas con calquera tipo de enfermidade crónica. Trátase de proporcionar hábitos de vida saudables, ademais de facilitar as ferramentas necesarias para a realización da práctica regular do exercicio físico con autonomía. 

As sesións son desenvolvidas por un equipo multidisciplinar formado por licenciados en ciencias da actividade física e o deporte, un traballador social e un equipo asesor (médico, fisioterapeuta, pedagogo e psicólogo). Un dos aspectos máis novidosos do programa Bule é a posibilidade de inclusión dos familiares das persoas enfermas, xa que esto produce un beneficio en todo o círculo próximo do/a participante. 

A importancia do exercicio físico en persoas con enfermidades crónicas está considerado parte do tratamento estándar do que é prevención. Ademais de reducir o risco cardiovascular, o exercicio físico regular inflúe de xeito positivo na fortaleza muscular e na capacidade física do/a doente. A actividade física tamén proporciona un mellor funcionamento psicosocial, polo que pode considerarse como un complemento terapéutico de caráctes psicolóxico. No programa inclúense disciplinas como pilates, actividades no medio natural, ximnasia funcional, etc. adaptadas á necesidade do participante e a súa doenza. 

Esta actividade é gratuíta e neste momento aínda hai algunha praza dispoñible. As persoas interesadas en asistir poden chamar ao teléfono 981 809 707.

Ames - Declaración de emerxencia do ciclo integral da auga

A Xunta de Goberno Local aprobou a declaración do estado de emerxencia do Ciclo Integral da Auga, xa que o pasado 31 de outubro rematou o contrato coa UTE Acciona Agua Espina Servicios para prestar este servizo. Deste xeito, a devandita UTE continuará prestando este servizo, nas mesmas condicións que fixo nos últimos nove meses, ata que se licite e se adxudique o novo contrato do Ciclo Integral da Auga. 

O pasado 31 de outubro rematou o contrato coa UTE Acciona Agua Espina Servicios, que tivo a concesión do Ciclo Integral da Auga durante os últimos nove meses. Debido a iso, a Xunta de Goberno Local decretou o estado de emerxencia para que se siga prestando o devandito servizo, nas mesmas condición que se fixo ata este momento, ata que se resolva o novo proceso de licitación e sexa efectiva a adxudicación a unha nova empresa.

O concelleiro de Urbanismo, Obras Públicas e Servizos Básicos, Blas García, explica que “na actualidade estase traballando na elaboración dos pregos para a licitación do novo contrato, a través da consultora Idom, e agardamos ter licitado o novo servizo a principio de 2016”.

Variacións no novo contrato da auga
Por outra banda, dende o goberno municipal apuntan a que unha das variacións que vai a ter o novo contrato do Ciclo Integral da Auga vai a ser a modificación das tarifas do abastecemento de auga para que os abonados e abonadas paguen pola auga que consumen. O goberno municipal e os servizos técnicos están estudando fixar unha cota variable con varios tramos para pagar en función do consumo. Neste momento existen tres tramos: un mínimo: 15 m3/abonado mes, un segundo tramo de 15 m3 a 35 m3/abonado mes e un terceiro de máis de 35 m3/abonado mes. 

Blas García apunta que “na actualidade hai fixada unha cota mínima mensual de 15 m3, tarifa que nos parece excesiva e inxusta para os usuarios/as, xa que non fomenta o aforro da auga, dado que paga o mesmo unha vivenda que consume 3 m3/mes que unha que consume 15 m3/mes. Coa modificación das tarifas, pretende potenciar e primar a aqueles usuarios e usuarias que aposten polo aforro da auga”. 

A maiores, o goberno está a estudar a posibilidade de fixar outros grupo específico de bonificacións, tal e como pode ser unha tarifa social para as persoas sen recursos e/ou en situación de emerxencia social, garantindo, ademais, que ningunha persoa quede sen auga por impago si se acredita a falta de recursos e tamén unha tarifa especial para familias numerosas, ampliando o segundo tramo (de consumo habitual) para as vivendas que acrediten ter certo número de persoas empadroado nas mesmas. De igual xeito, o goberno tamén traballa nas cotas do consumo comercial e do consumo industrial para buscar unhas tarifas máis acordes ao gasto de auga.

Silleda - Campaña entre os hostaleiros de Cara a o día contra a violencia de xénero

O Concello de Silleda iniciará unha campaña de sensibilización no comercio e a hostalería locais con motivo do Día Internacional contra a Violencia de Xenéro, que se celebrar o vindeiro 25.

Así, e de cara a preparar as accións a levar a cabo, as responsables dos departamentos municipais de Igualdade –Pilar Peón- e de Comercio e Turismo, Ana Luisa González- mantiveron hoxe un primeiro encontro cos presidentes dos colectivos de comercio (ECOS), Alberto Iglesias, e de hostalería, José Luis Fernández.

Neste encontro as concelleiras explicaron a súa proposta para facer partícipes ao comercio e a hostelería “na necesaria visibilización e sensibilización ante unha das lacras máis graves da sociedade como é a violencia de xénero”, engade Ana Luisa González.

Así entre outras cuestións, presentáronse distintos lemas para colocar nos locais na campaña deste 25-N. O vindeiro martes celebrarase un novo encontro para fixar xa as frases definitivas, unha vez que os responsables dos colectivos consulten cos seus asociados.

Dende o Concello de Silleda agradécese a colaboración e implicación destes dous sectores, na loita contra a violencia de xénero.

Esta campaña de sensibilización sumarase aos actos previstos para conmemorar o 25-N, “aínda que a loita contra a violencia de xénero é unha cuestión na que temos que traballar día a día, coa prevención e educación como piares fundamentais”, indica Pilar Peón. 

Campaña de Nadal

Por outra banda no encontro tamén se aproveitou para avanzar no deseño de actividades que se incluirán no programa de Nadal.

Santiago - Xornada do sábado 7 en Cineuropa

A xornada do sábado 7 en Cineuropa ofrece un total de 19 proxeccións entre as que destacan as dúas películas da Sección Oficial ’45 years’ e ‘Sunset Song’. ’45 years’ de Andrew Haigh, que poderemos ver ás 19.45h no Salón Teatro, conta a historia dun matrimonio british que celebra o seu aniversario e os seus segredos e acadou o premio de mellor actriz para Charlotte Rampling e mellor actor para Tom Courtenay na última edición do Festival de Berlín. ‘Sunset Song’, que se pasa no Teatro Principal ás 22.00 h é o novo de Terence Davies, o autor de ‘The Deep Blue Sea’ e amosa na pantalla un drama de protagonismo feminino, de raíces fordianas, de loita pola emancipación e por un amor en tempos de guerra.

Ademais, podemos destacar tamén da xornada os catro filmes de Panorama Internacional: ‘An’ de Naomi Kawase e ‘Our Little Sister’ de Hirokazu Kore-Eda, ambas presentes no Festival de Cannes, poderemos velas no Teatro Principal e ‘El Club’ de Pablo Larrain, Oso de Prata-gran premio do Xurado en Berlín, e ‘Mountains may depart’ de Jia Zhangke, que estivo tamén na sección oficial de Cannes, que se poderán ver no Salón Teatro. Complétase a xornada con varias proxeccións nestas salas e tamén no CGAC e na Sede Afundación de varios filmes de diferentes seccións do festival ata completar as 19 propostas da xornada.

O director do festival, José Luis Losa, comenta dos filmes da Sección oficial que podemos ver nesta xornada:

45 YEARS: Charlotte Rampling e Tom Courtenay (dúas veces candidato ao Óscar por Doutor Zhivago e The Dresser) obtiveron ambos os Osos de Prata pola súa interpretación no Festival de Berlín. As súas composicións dun matrimonio non insensible á fatiga son unha celebración de dous veteranos que condensan a súa sabedoría nunha peza de cámara que se mantén nos lindes da explosión emocional.

SUNSET SONG: Terence Davies viña de ofrecer a obra mestra absoluta The Deep Blue Sea. E durante toda a temporada de festivais esperábase con expectación qué certame estrearía a súa esperada Sunset Song, vista finalmente en San Sebastián. Adaptación dun gran clásico da literatura escocesa, como en The Deep Blue Sea, o eixe do filme de Davies ten como miolo a situación opresiva vivida por unha muller, o debut efervescente de Agyness Deynn, algo así como unha Maureen O’Hara dentro dunha película na cal Davies renuncia aos espazos pechados, ás evocacións proustianas, para ofrecer unha narrativa de raíz clásica, de opulenta beleza fordiana nese traxecto cara aos grandes horizontes da liberdade. E que leva á súa heroína a sobrevivir á brutalidade familiar —o gran Peter Abranden— e ao amor en tempos de guerra nun relato-río que supón unha ruptura do británico coa súa filmografía precedente.


PROGRAMA COMPLETO DO SÁBADO 7

TEATRO PRINCIPAL

16:00 TRUMBO (TRUMBO E A LISTA NEGRA) Peter Askin

17:45 AN Naomi Kawase

19:45 OUR LITTLE SISTER Hirokazu Kore-eda

22:00 SUNSET SONG Terence Davies

00:30 NIGHT AND THE CITY (NOITE NA CIDADE) Jules Dassin


SALÓN TEATRO

16:00 OS DÍAS AFOGADOS César Souto Vilanova e Luis Avilés Vaquero

18:00 EL CLUB Pablo Larraín

19:45 45 YEARS Andrew Haigh

21:45 MOUNTAINS MAY DEPART Jia Zhangke

00:00 IT CAME FROM OUTER SPACE (VIÑERON DO ESPAZO) Jack Arnold

THE MARTIAN EYES Laurence Schwab Jr.

CGAC

16:00 CONFESSIONS OF A NAZI SPY Anatole Litvak

17:45 Coa presenza da directora LA IMAGEN REB/VELADA Andrea Vázquez

19:15 CLOSE MY EYES (COS MEUS OLLOS PECHADOS) Stephen Poliakoff

21:15 YES, WE FUCK! Antonio Centeno, Raúl de la Morena

22:15 FAST FOOD, FAST WOMEN (COMIDA RÁPIDA, MULLERES ACTIVAS) Amos Kollek

SEDE AFUNDACIÓN

16:30 THEY CAME TO CORDURA (CHEGARON A CORDURA) Robert Rossen

18:30 BODY AND SOUL (CORPO E ALMA) Robert Rossen

20:15 WE WERE STRANGERS (ERAMOS DESCOÑECIDOS) John Huston

Santiago - A compañía Vaivén Circo presenta Do not disturb. No molestar

A compañía andaluza Vaivén Circo chega hoxe a Compostela para presentarnos o seu espectáculo para todos os públicos ‘Do not Disturb. No Molestar’. Poderemos velo a partir das 18.30 h no Auditorio de Galicia e as entradas teñen un prezo de 9 euros. Están á venta en entradas.abanca.com, no 902 434 443 e no despacho de billetes do Teatro Principal e tamén se poderán mercar desde unha hora antes de que comece o espectáculo no despacho de billetes do Auditorio de Galicia. 

O espectáculo está dirixido pola granadina Rosa Díaz, Premio Nacional de Teatro para a Xuventude e a Infancia no 2010 e con el Vaivén Circo conseguiu numerosos premios: mellor espectáculo de rúa e circo e mellor escenografía para Pepe del Pino nos Premios do Teatro Andaluz onde Rosa Díaz foi finalista a mellor dirección. E xa nos Premios A.C.A. do Circo Andaluz acadaron os de mellor espectáculo de circo en compañía; mellor dirección para Rosa Díaz; mellor composición musical para Iván Monje e foron finalistas en mellor iluminación e mellor escenografía. 

Do Not Disturb No Molestar, trasládanos a un día de traballo en calquera fábrica de principios do século XX. Catros personaxes singulares traballados para provocar sentimentos de todo tipo no público, eses sentimentos que só afloran cando nos vemos reflectidos. Personaxes, en fin, levados ao límite: ao límite de risco, de absurdeza e tamén ao límite de tenrura. 

Idea orixinal: Compañía Vaivén Circo
Dirección: Rosa Díaz, “La Rous”
Música orixinal: Iván Monje
Coreografía: Raquel Pretel
Deseño de vestiario: Josefina Alfonso
Deseño de iluminación: Javier Lúa
Escenografía: Pepe del Pino
Intérpretes: Miguel Ángel Moreno “Bolo”, Raquel Pretil, Emilio López e Chema Martín 

Compañía: Vaivén Circo
Xénero: Teatro Circo
Duración: 55 minutos
Procedencia: Andalucía
Idades ás que vai dirixido: Público familiar

Silleda - MOstra de insectos devoradores de madeira ata o día 20

Onte tivo lugar a apertura da mostra insectos xilófagos, devoradores de madeira, que poderá verse na Casa da Cultura de Silleda ata o vindeiro día 20, coas fotografías de Rafael Estévez. 

O alcalde de Silleda, Manuel Cuiña, deu a benvida aos asistentes e convidou aos veciños a visitar esta fermosa mostra con impresionantes fotografías de insectos que pasan desapercibidos ao ollo humano. Cuiña tamén destacou o gran patrimonio natural de Silleda, con enclaves como a Fervenza do Toxa ou a Fervenza da Férveda, espazos coñecidos tamén polo autor da mostra.
No acto tamén interviu Xosé Granados, Director da Escola Superior de Conservación e Restauración de Bens Culturais de Galicia, que apuntou que grazas ao traballo de Estévez estes "inimigos dos bens culturais" quedaron inmortalizados. 

Pola súa banda o autor agradeceu á Escola e a Museo Provincial de Pontevedra a posibilidade de realizar esta exposición, que retrata dende insectos que atacan á madeira morta (retablos, lenzos...) ata outros que atacan ás chamadas madeiras vivas. Estévez agarda que o público de Silleda disfrute "con esta mostra tanto como eu o fixen realizando o traballo".
Pechou o acto o deputado provincial de Cultura, Xosé Leal, ao que Cuiña agradeceu a súa presenza, dentro da "normalización das relacións da Deputación de Pontevedra" con concellos coma o de Silleda.
Leal destacou que a mostra auna dúas vertentes: por un lado a restauración do patrimonio e por otro a fotografía da natureza "que en Galiza ten moitas posibilidades". Tamén indicou que iniciativas coma esta dan conta da nova etapa do organismo provincial.

Santiago Futsal A segunda vitoria faise de rogar

Saltaron os dous conxuntos á pista do Multiusos con senllas formulacións defensivas, no que o dominio do balón en media pista foi a tónica dos primeiros minutos do encontro. Só en ocasións illadas chegaron as primeiras ocasións do encontro, cun tiro cruzado de Pablo Mel e nun chute afastado de Dani Montes, pero aínda que Barrón desbarataría algunhas delas, outras se irían fóra.

Tamén avisou Antonio cun remate de espuela que presaxiaba o que pasaría co tanto do empate. Con todo, sería Sergio o que inauguraría o marcador para os baleares nun remate picado que superou a Iker por alto a falta de dous minutos para o descanso. Pero cando restaban 40 segundos para o intermedio, Antonio Diz, por segunda vez no encontro, tocaría o xusto co tacón un balón cedido por Pablo Mel para facer o 1-1.

Tras a continuación, e cando apenas transcorreran 20 segundos da segunda parte, a dobre acción en ataque de Palma Futsal avisaba do que podería chegar, e do que Taffy encargouse de materializar, o 1-2 favorable aos visitantes.

No minuto 28, Palma Futsal anotaría o 1-3 por medio de Sergio, que os avantaxaría aínda máis no luminoso. 

Pese ao marcador en contra, os celestes volverían facerse co dominio do balón para elaborar as ocasións máis claras da segunda parte, obra de Diego Quintela e Catela. Con Álex Diz de porteiro xogador, sucederíanse os tiros dentro da área nos que Barrón interviría para evitar, un tras outro, que os chuts coásense na meta visitante.

Sen tempo para máis, o encontro chegaría á súa conclusión co 1-3 favorable aos visitantes.

Sala de prensa

Santi Valladares analizou o encontro tras a súa finalización do que dixo “A primeira parte foi igualada, na que eles se pecharon en metade de cancha, esperando á contra. É un equipo que vai 3º na táboa e ante o que competimos ben. E en segunda volvemos regalar o partido. E xa está. Cun equipo que vai de 3º, co persoal que ten, se lles regalas os goles, pouco hai que facer. Eles tampouco fixeron moito máis. O partido leváronllo porque nós regalámoslles dous goles, e a partir de aí, o equipo non estivo á altura. Con porteiro xogador Barrón estivo fantástico e nós non estivemos coa frescura necesaria.”

Ficha do partido

Santiago Futsal 1 : Iker López, Quique, Santi, Hugo Sánchez e Antonio Diz ?cinco inicial- Pablo Mel, Diego Quintela, Dani M., Richi e Catela

Palma Futsal 3: Barrón, Vadillo, Joao, Sergio e Taffy ?cinco inicial- Tomaz, Paradynski, Attos e Pizarro

Árbitros: González Moreta e Sánchez Chamorro. Amoestaron a Antonio Diz, Iker, Álex Diz e Catela do Santiago Futsal; e a Tomaz e a Sergio de Palma Futsal

Incidencias: Partidos correspondente á 9ª xornada de Liga celebrado no MultiusosFontes do Sar cunha asistencia aproximada de 1100 persoas.

Goles: 0-1 min.18 Sergio, 1-1 min.19 Antonio Diz, 1-2 min.21 Taffy, 1-3 min.28 Sergio

Axenda e tempo do venres 6 de novembro - Música, tapas, exposicións

Santiago - Numax

Santiago - II Encontro de Troianos

Santiago - Capitol - UFO + Red's Cool

Santiago - Inaugurase o Foro Colaborativo polo Emprego

Ames - X Mostra de teatro afeccionado

Santiago - Auditorio - Real Filharmonía de Galicia

Santiago - Dado Dadá - Diana Tarín

Lalin - Inauguración dunha mostra de Isabel Alonso

Boqueixón  - IV Ruta das tapas

Outros Concertos + info

Exposicións

Santiago - Colexio de psicólogos - Elana ivonne Daprá (ata finais de novembro)

Santiago - Auditorio de Galicia - Salto de páxina (ata febreiro 2016)

Santiago - Galería sargadelos -  ciencia da luz (ata o 11 de novembro)

Santiago - Fundación Granell - 20 formas de cambiar el mundo (ata decembro)

O Tempo

Casa da Troia - II encontro de Troianos en Compostela

Con motivo do centenario da primeira edición da novela La casa de la Troya de Alejandro Pérez Lugín (1915), a Asociación de Antiguos Tunos Composteláns, entidade que xestiona o Museo Casa da Troia, celebra hoxe venres e o sábado os “II Encontros Troianos en Compostela”. No marco desta cita terá lugar o Festival do Centenario no Auditorio Abanca de Santiago. 

O encontro vai reunir a máis de 250 persoas integrantes de agrupacións de pulso e púa de tunas veteranas procedentes de diferentes puntos de España, Portugal, Holanda e México. De Portugal estarán a Quarentuna de Coimbra e a Tuna Veterana da Universidade Portucalense. Tamén participará Tuna España, conformada por tunos veteranos de diversas universidades españolas. De México chegará a Estudiantina de los Decanos de la Universidad de Querétaro. Completan o programa a Tuna Ciudad de Luz de Holanda e o Grupo de pulso e púa da Asociación de Antigos Tunos Composteláns-Casa da Troia, que se presentará por primeira vez, baixo a dirección do mestre Fernando Reyes.

O espírito universitario
Os actos comezarán hoxe venres, ás 12:30 horas, cunha ofrenda floral a Rosalía de Castro no monumento que homenaxea á ilustre poetisa galega na Alameda de Santiago. Pola tarde, ás 18:00 horas, a Asociación de Antigos Tunos Composteláns recibirá aos directores das agrupacións participantes no Museo Casa da Troia.

Ás 19:30 horas realizarase unha ofrenda ao Apóstolo na Misa do Peregrino da Catedral compostelá. A invocación faraa Benigno Amor, presidente da Asociación de Antigos Tunos Composteláns, quen se dirixirá ao Apóstolo “como antigos tunos, irmandados polo Mester de Tunería, sabémonos portadores dunha herdanza e continuadores dunha tradición secular. Somos unha confraría de amizade, de música e de bonhomía. Conservamos a inquietude e a alegría dos nosos anos de xuventude porque mantemos vivo o espírito universitario, tal como me transmitiu meu pai”, o mecenas Benigno Amor Rodríguez, quen lle dedicou boa parte da súa vida a converter a Casa da Troia nun museo, mantendo vivo o espírito troiano. 

A partir das 20:30 horas os grupos sairán da praza de Praterías, onde iniciarán un pasarrúas polo casco histórico que os levará pola rúa do Vilar, praza do Toural, rúa Nova, rúa de Xelmírez, rúa de Fonseca e praza do Obradoiro. A xornada do venres rematará cunha cea para as agrupacións participantes no Hostal dos Reis Católicos. 

O sábado, “Festival do Centenario” no Auditorio Abanca

O sábado continuarán as actividades programadas no marco deste encontro, cuxo acto central será o “Festival do Centenario”, que comezará ás 18:30 horas no Auditorio Abanca. As entradas poden adquirirse a 5 euros para butaca e a 3 euros para o anfiteatro en diversos establecementos da cidade: Librería Toural, Amboa, café Zum Zum, Librería Couceiro e no Casino. 

Este proxecto está patrocinado polo Concello de Santiago, a Consellería de Cultura, a Deputación da Coruña e a Fundación Abanca. E conta coa colaboración da Universidade de Santiago e a Asociación Hostelería Compostela. O Museo Casa da Troia, que permanece pechado durante os meses de inverno, abrirá especialmente para a ocasión dende o xoves 5 ata o domingo 8 de novembro. O xoves abrirá de 11:00 a 14:00 e de 16:00 a 20:00; o venres de 11:00 a 13:00 e de 16:00 a 20:00; o sábado de 12:00 a 15:00; e o domingo de 11:00 a 13:00 e de 16:00 a 19:00 horas.

Cen anos da novela 
Tal como lembra Benigno Amor, presidente da Asociación de Antigos Tunos Composteláns, hai cen anos que se publicaba en Madrid a primeira edición da novela La Casa de la Troya, de Alejandro Pérez Lugín, cuxa portada era un debuxo orixinal de Castelao. Tiña 360 páxinas e tiráronse 1.600 exemplares. O seu éxito foi tal que fixeron tres edicións máis aquel ano de 1915. Ao ano seguinte o texto acadou o Premio Fastenrath da Real Academia Española. Xa en 1940 a desaparecida librería Galí, situada na compostelá rúa do Vilar, comezou a facer sucesivas edicións. Hoxe as edicións superan o cento, algunhas de 25.000 exemplares, e sen contar as realizadas en Hispanoamérica.

A esta aceptación popular contribuíron as cinco versións cinematográficas que se fixeron, a primeira delas rodada polo propio Pérez Lugín en 1924, pero tamén a habilidade do autor “pintando o contraste entre a tristeza da apariencia e a ledicia da alma de Compostela”, tal como escribiu o narrador.

“Os que integramos a Asociación de Antigos Tunos Composteláns coidamos que o mellor xeito de conmemorar esta efeméride é mantendo viva a memoria de Pérez Lugín no Museo Casa da Troia e tamén a través destes II Encontros Troianos en Compostela” -salienta Amor-.

Lalín - Oposición ao peaxe da A-53

Os concellos de Lalín e de Santiago van sumar esforzos para reclamar a rebaixa da peaxe da autoestrada AP-53, que une ambos municipios. Rafael Cuíña e Martiño Noriega teñen previsto reunirse nas vindeiras semanas para empezar a definir unha estratexia conxunta co obxectivo de acadar un abaratamento das viaxes para os condutores que empregan esta infraestrutura de comunicación. 

O alcalde de Lalín tamén se puxo en contacto esta mañá co rexedor de Silleda para convidalo a sumarse a esta “fronte común contra unha peaxe inxusta e prexudicial para os intereses de Lalín e do resto das localidades polas que pasa a AP-53”. Rafael Cuíña e Manuel Cuíña xa coincidiron en numerosas ocasións en “ir da man para reclamar a rebaixa por todos os medios que estean ao seu alcance”.

O alcalde de Lalín considera que o actual prezo a autoestrada é “prohibitivo e conleva graves consecuencias para a dinamización social e económica da comarca do Deza”. “Este asunto”, incide Cuíña, “afecta de forma moi directa ao benestar dos nosos veciños e á mellora da competitividade das empresas radicadas nos nosos municipios”. Por iso considera “imprescindible” definir unha liña reivindicativa común que non só implique aos concellos, senón tamén a todos os partidos políticos e aos axentes sociais.

Neste sentido, Cuíña lamenta a falta de liderado da administración autonómica para a consecución desta vella reivindicación. O pasado mes de xullo, tras a venda da autoestrada a un fondo malaisio, o alcalde xa asegurou que “a Xunta e o Goberno do Estado demostran que están máis pola especulación que por facilitarlle a vida ás persoas e por propiciar que as nosas empresas sexan máis competitivas”. 

Naquelas datas, o alcalde denunciaba que “a todos os atrancos que está a provocar a crise económica, o goberno galego e o central engádenlle o custe inadmisible da peaxe da autoestrada, un dos máis caros do Estado. No seu momento non quedou máis remedio que facelo así, para poder asumir a construción da infraestrutura, pero a estas alturas a Xunta xa debería ter unha solución enriba da mesa. O goberno de Lalín seguirá esixindo por todos os medios esa rebaixa”.

Numax - Programación do 6 ao 12 de novembro

Chega a NUMAX a Palma de Ouro de Cannes 2015

Dheepan (Jacques Audiard, 2015)
Videofilia (Juan Daniel F. Molero, 2015)
Jacques Audiard, malia unha filmografía aínda cativa, acadou certa sona no noso país cun dos seus últimos filmes, Un profeta. Este ano, coa súa sétima longametraxe, chegoulle o recoñecemento definitivo durante o pasado Festival de Cannes, onde levou o premio máis cobizado: a Palma de Ouro ao Mellor Filme por Dheepan, o título que estreamos en NUMAX este venres 6 de novembro. «Un carácter incisivo e unha visión do mundo tan humana que case queima (...) Velaquí realmente Audiard na cima da súa carreira.» ao dicir de Oliver Lyttelton (Indiewire).

A outra estrea da semana, Videofilia (y otros síndromes virales), intégrase no noso programa de pescuda «Os ollos verdes», pero tampouco pasou inadvertida no circuíto de festivais, nomeadamente o Festival Internacional de Rotterdam, do que marcharía co premio grande da súa última edición. O filme de Juan Daniel F. Molero, en palabras de Andrea Morán ten «unha insolencia de agradecer que afasta o filme dese didactismo tan cotiá nos discursos sobre mocidade, tecnoloxía e comunicación. Videofilia... convértese nunha experiencia anárquica e conspiranoica asemade que conserva o seu espírito narrativo. Unha portentosa e mesmo divertida reivindicación das posibilidades do píxel e do ronsel que deixa tras de si a imaxe fermosamente corrompida polo dixital.»

Últimos pases

Polo que respecta aos filmes que temos actualmente en cartel, El complejo de dinero continúa até o martes 10, mentres que O aniversario de Ariane pon fin aos seus pases o vindeiro xoves 12.

Dheepan
(Jacques Audiard, 2015)


A guerra civil está nas últimas en Sri Lanka e a derrota xa se cheira. Dheepan decide fuxir. Vaise cunha muller e unha filla ás que non coñece, coa esperanza de acadar así de maneira máis doada asilo político en Europa. Dheepan espera contruír unha vida nova e un fogar de verdade para a súa muller e a súa filla. Porén, a violencia cotiá da cidade esperta nel as feridas da guerra que aínda non pecharon.

Videofilia (y otros síndromes virales)
(Juan Daniel F. Molero, 2015)


Coma se se esparexeran pingas de ácido pola pantalla, as imaxes de Videofilia (y otros síndromes virales) vanse desintegrando cara a un abismo no que a realidade e o virtual converxen nun único plano.

Programación

VOSG: Versión orixinal subtitulada en galego
VOSI: Versión orixinal subtitulada en inglés
VO: Versión orixinal sen subtítulos

Venres 6 de novembro

12:00 Dheepan [Estrea]
16:00 El complejo de dinero (VO)
17:30 O aniversario de Ariane
19:30 Dheepan
21:30 Dheepan
 

Sábado 7 de novembro

12:00 O aniversario de Ariane
16:00 El complejo de dinero (VO)
17:30 O aniversario de Ariane
19:30 Dheepan
21:30 Dheepan
 

Domingo 8 de novembro

12:00 Dheepan
16:00 O aniversario de Ariane
18:00 Dheepan
20:00 Dheepan
22:00 El complejo de dinero (VO)
 

Martes 10 de novembro

12:00 O aniversario de Ariane
16:00 Dheepan
18:00 O aniversario de Ariane
19:45 Dheepan
21:45 El complejo de dinero (VO) [Último pase]
 

Mércores 11 de novembro

12:00 O aniversario de Ariane
16:00 O aniversario de Ariane
17:45 Dheepan
19:45 Videofilia [Estrea]
21:45 Dheepan
 

Xoves 12 de novembro

12:00 Dheepan
16:00 Dheepan
18:00 Dheepan
20:00 O aniversario de Ariane
          [Último pase]
22:00 Videofilia

Santiago - 12 doces de outono

Unha programación cultural do máis saborosa arranca este domingo, 8 de novembro, en Santiago de Compostela. Trátase de ’12 doces do outono’, unha proposta deseñada pola Concellaría de Acción Cultural que fará que os Centros SocioCulturais da capital galega deixen de ter as súas portas pechadas en domingo. 

Deste xeito, durante o mes de novembro, 12 Centros e Locais SocioCulturais da cidade e do rural de Santiago acollerán espectáculos de balde para o público infantil e familiar, en horario de mañá e de tarde. Espectáculos que ademais de destacar pola súa calidade escénica terán un punto extra moi larpeiro xa que ao remate de todos eles os asistentes poderán degustar doces desta época outonal cociñados nos días previos polos veciños de cada barrio e polos usuarios de cada Centro en obradoiros específicos.

’12 doces do outono’ arranca este domingo, 8 de novembro, coas súas tres primeiras citas:
Pola mañá, ás 12:30 horas, o Centro Sociocultural de Santa Marta acolle a representación de Fíos pola compañía Boabab Teatro, con personaxes que non deixarán indiferentes a nenos e maiores, para viaxar, soñar...
Xa pola tarde, ás 18:00 horas, no Centro Sociocultural de Marrozos, Xarope Tulú representará A miña primeira viaxe teatral, adaptación do libro-albúm publicado por OQO do mesmo título e escrito por Paloma Sánchez Ibarzabal, na que un neno viaxa dentro da súa cápsula por un universo descoñecido. Á mesma hora, pero no Centro Sociocultural de Amio, está programado O ritmo do camiño, coa Tropa de Trapo, un espectáculo no que Brais das Hortas e Marta Ortiz nos contarán as historias de Antía e Wamba.

A entrada aos espectáculos é de balde, suxeita á capacidade das salas.

Programación completa: 
Domingo 8 de novembro: -No Centro Sociocultural de Santa Marta, ás 12:30 horas: "Fíos", de Baobab Teatro -No CSC de Marrozos, ás 18:00 horas: "A miña primeira viaxe", de Xarope Tulú -No LSC de Amio, ás 18:00 horas: "O ritmo do camiño",Tropa de Trapo. 

Domingo 15 de novembro: -No CSC de Vite, ás 12:30 horas: "Tristán cara de can" de Elefante Elegante -No CSC de Lavacolla, ás 18:00 horas: "Por que é salgada a auga do mar", de Os Quinquillans Teatro -No CSC de Conxo, ás 18:00 horas. "Feo" de Caramuxo Teatro. 

Domingo 22 de novembro: -No CSC Centro Sociocultural do Castiñeiriño "Agustín Bueno", ás 12:30 horas: "Xente miúda, moita fartura", de Pablo Díaz. -No CSC de Laraño, ás 18:00 horas: "Brinca Vai!", de Paco Nogueiras. -No CSC das Fontiñas, ás 18:00 horas: "Contos nas orellas", de Migallas Teatro 

Domingo 29 de novembro: -N CSC do Ensanche, ás 12:30 horas: "Contos de nenas que poden cambiar o mundo", de Paula Carballeira. -No LSC A Rocha, ás 18:00 horas: "Cores", de Marta Ortiz. -No LSC A Gracia, ás 18:00 horas: "O Nubinete e o paraugas Dameaugas", de Anxo Moure.

Oroso - O concello presenta o Centro de Estudos do Camiño Inglés

O alcalde de Oroso, Manuel Mirás Franqueira, e o xerente da sociedade Xacobeo da Xunta de Galicia, Rafael Sánchez Bargiela, presentaron esta mañá o Centro de Estudos e Investigación do Camiño Inglés. Trátase dunha iniciativa municipal que abre as súas portas no centro cultural de Sigüeiro, cun fondo bibliográfico e audiovisual de máis de douscentos documentos e que está especialmente dirixido a investigadores do Camiño Inglés.

Mirás Franqueira e Sánchez Bargiela estiveron acompañados polo deputado provincial Antonio Leira; polo concelleiros de Cultura, Luís Rey Villaverde; Turismo, Vanesa Boo; Ensino, Beatriz Rodeiro; Obras, Eduardo Veiras; polos directores dos distintos centros educativos de Oroso, polos propietarios dos tres albergues de peregrinos privados de Sigüeiro e por persoal municipal e veciños/as que participaron na posta en marcha deste centro. 

Colaboración entre Administracións
Manuel Mirás indicou que “hoxe é un día grande para o Concello de Oroso e o Camiño Inglés” e destacou que “debe prevalecer unha boa colaboración entre Administracións para que a cidadanía reciba unha mellor atención e uns mellores servizos”. Neste sentido, convidou ao xerente do Xacobeo a “buscar unha solución entre todos para atender aos peregrinos tanto dende a iniciativa privada como pública”.

O alcalde orosán recoñeceu que “a nosa decisión de non ceder o pavillón municipal como albergue dos peregrinos non foi moi entendida fora de Oroso, pero estamos falando dunha instalación que está ocupada todas as horas do día, ben por clubs deportivos, ben por veciños e veciñas, ben polos estudantes do colexio, polo que non podiamos seguir utilizándoo como albergue”. Neste sentido, indicou que “as necesidades de instalacións deportivas nun concello como Oroso son moitas e mesmo temos pedido a colaboración da Deputación para facer un novo campo de fútbol de herba artificial”. 

Manuel Mirás agradeceu a colaboración do Xacobeo cos fondos do Centro de Estudos e Investigación do Camiño Inglés e salientou tamén a maior implicación da Deputación da Coruña, “pois así ten que ser xa que falamos do único dos Camiños cuxo percorrido se cingue a unha única provincia”. Así mesmo, aproveitou para facerlle unha petición ao xerente do Xacobeo: “sería importante que se sinalizara o mellor posible o trazado do Camiño Inglés e tamén pediría un esforzo maior na súa conservación”.

Sinalización do Camiño Inglés
Rafael Sánchez Bargiela recolleu a petición do alcalde orosán e indicou que “nestes días enviaremos o proxecto para a sinalización do Camiño Inglés. Espero poder executalo o ano que ven e que quede sinalizado todo o trazado do Camiño, así como mellorar algún tramo”. O xerente do Xacobeo salientou a importancia de que este Centro de Estudos e Investigación do Camiño Inglés sexa “unha iniciativa municipal . É moi importante porque moitas veces os Concellos teñen unha actitude pasiva co Camiño cando necesitamos a colaboración de todos. Da Xunta, da Deputación, dos Concellos... de toda a sociedade”.

Sánchez Bargiela tamén destacou o feito de que “este centro conte cun fondo bibliográfico para estudosos e investigadores porque ás veces a dimensión turística do Camiño nos leva a esquecer a súa singularidade histórica, que é algo propio dos Camiños de Santiago e que non comparten todas as rutas”. Finalmente, o xerente do Xacobeo tamén puxo un reto: “o Camiño Inglés é o máis curto que temos pero penso que podemos recuperar as expedicións náuticas que viñan do norte de Europa e que pasaban polos portos da nosa costa”.

O Centro de Estudos e Investigación do Camiño Inglés é unha iniciativa do Concello de Oroso dirixida a investigadores sobre o Camiño Inglés e que nace cuns fondos bibliográficos e audiovisuais de máis de 200 documentos, achegados polo Concello de Oroso, o Xacobeo e particulares. Uns fondos que serán catalogados pola Biblioteca Municipal de Sigüeiro e para o que tamén se pediu a colaboración dos distintos centros educativos do municipio.