Silleda - semana cultural de Laro


A Semana Cultural de Laro comeza hoxe
 sábado cunha xornada adicada aos nenos

-O ciclo contará con xogos populares e unha mostra de fotos antigas da parroquia, entre outros

Silleda, 25 de maio de 2012. A parroquia silledense de Laro comeza hoxe sábado día 26 a súa Semana Cultural. O ciclo está organizado pola Asociación de Amigos da Romaría da Tortilla, presidida por José Antonio Ramos Canabal, en colaboración co Concello de Silleda, a través da Concellería de Cultura e Participación Cidadá.

As actividades ábrense hoxe cunha xornada adicada aos nenos, con distintos xogos guiados por animadores e a proxección da película O soño dunha noite de San Xoán. O domingo día 27 os protagonistas serán os xogos populares, con distintas modalidades nas que poderán participar tanto nenos como maiores.
O mércores día 30, ás 21.00 horas, terá lugar a apertura da exposición de fotos antigas dos veciños e veciñas de Laro. Ademais desta retrospectiva das xentes da localidade, a mostra tamén contará cos carteis promocionais da Romaría da Tortilla.
Xa o sábado día 2 de xuño, a Semana Cultural despídese cunha comida popular no Campo da Festa de Laro, amenizada por un dúo, coincidindo coa confirmación dos mozos da localidade.
Durante a presentación do programa, que tivo lugar esta tarde no local social de Laro, o concelleiro de Cultura, Matías Rodríguez da Torre, destacou a aposta do colectivo da parroquia, que ademais vén de renovar a súa directiva, na organización deste ciclo. “Cremos que esta é a tendenza que se debe de seguir con asociacións que dinamicen actividades sen depender só da acción do Concello”, sinalou.

Ningún comentario: