O Concello de Ames abre o prazo para preinscribirse nas 416 prazas dos campamentos de verán
Chegan un ano máis a Ames unhas das actividades máis esperadas polos rapaces e mozos/as, os campamentos de verán. As concellarías de Medio Ambiente, Mocidade e Educación ofertan nesta ocasión 416 prazas para que os rapaces e rapazas, mozos e mozas que teñen de 3 a 18 anos gocen duns días de campamentos en lugares como as granxas escolas “Fervenzas do Toxa”, “Os Barreiros” e “Kiriko”, no campamento Os Biocos ou no campamento xuvenil de Cantabria. Este ano ofrécense 61 prazas máis respecto á edición anterior debido a gran afluencia que teñen todos os anos estes campamentos. Ademais, este ano haberá grupos de idade máis homoxéneos e menos numerosos, o cal supón un beneficio para os cativos en canto a actividades e posibles destinos. En tódolos campamentos reservarase un 10 % de prazas para casos de emerxencia social.
As concellarías de Medio Ambiente, Mocidade e Educación organizan un ano máis os campamentos de verán, para todos aqueles rapaces que cursan estudios de segundo ciclo de Educación Infantil, Educación Primaria e rapaces e rapazas de 1º a 3º de ESO e de 4º de ESO a 18 anos. Deste xeito, todos os cativos terán a posibilidade de pasar uns días divertidos ao tempo que fan novos amigos e coñecen o respecto polo medio ambiente. E tamén, os país e nais poderán conciliar por uns días a vida familiar coa laboral de forma máis sinxela. Todos aqueles cativos que desexen asistir teñen de prazo de preinscrición dende o 2 ata o 14 de maio.
Para realizar a admisión nos campamentos establécese unha prioridade. En primeiro lugar terán preferencia os nenos/nenas empadroados no Concello de Ames. En segundo lugar están os nenos/as que non estando empadroados están matriculados nun centro educativo de Ames ou os seus pais/nais traballan no termo municipal de Ames. En terceiro lugar figuran os nenos/nenas non empadroados.
Este ano os campamentos de verán están divididos en sete grupos. Así, a diferenza de idade entre os integrantes de cada grupo será menor, o que permitirá que as actividades sexan máis adecuadas para cada un. Os grupos que se estableceron foron: 1º e 2º de Educación Infantil, 3º de Educación Infantil e 1º de Educación Primaria, 2º Educación Primaria, 3º e 4º Educación Primaria, 5º Educación Primaria, 6º Educación Primaria e de 1º a 3º de ESO e de 4º de ESO a 18 anos. Do mesmo xeito, ao haber menos cativos en cada grupo, o abano de destinos ábrese considerablemente.
En todos os campamentos ofreceranse menús adaptados aos nenos/as que teñan algún tipo de intolerancia ou alerxia alimentaria. Estas intolerancias ou alerxias deberán acreditarse mediante un informe pediátrico.
Campamentos ofertados
Así, cun total de 56 prazas dispoñibles, os cativos de 1º e 2º de infantil terán a posibilidade de pasar os días 27 e 28 de xuño na Granxa escola "Fervenza do Toxa". O custo será de 40 euros. Os rapaces de 3º de Educación Infantil e 1º de Educación Primaria tamén acudirán ao campamento da Granxa Escola "Fervenza do Toxa". Neste caso pasarán 3 días, do 28 ao 30 de xuño, nesta granxa escola de Silleda. Este campamento ten un custo de 70 euros e hai un total de 56 prazas dispoñibles para este grupo. Os pequenos amienses poderán realizar diversas actividades na horta, actividades de repostería e participar nas actividades da charca ou do formigueiro.
Para os rapaces e rapazas que cursan segundo de educación primaria ofértanse 64 prazas para o campamento granxa escola dos Barreiros. Trátase dunha das primeiras granxas escola de Galicia, situada na localidade lucense de Sarria, fundada nos anos 40 por Antonio Fernández López. Este campamento realizarase entre o 1 e o 3 de agosto e terá un custo de 70 euros. Aquí os rapaces e rapazas poderán coidar os animais da granxa-escola e participarán en obradoiro de teares e sobre o camiño de Santiago.
Os rapaces de 3º e 4º de Educación Primaria gozarán de 4 días de campamento, do 26 ao 29 de xullo, na granxa escola Kiriko, que se atopa na vila pontevedresa de Fornelos de Montes. Para este campamento ofértanse 100 prazas e o seu custe será de 100 euros por neno/a. Os rapaces e rapazas poderán participar no obradoiro pequenos científicos, así como participarán en actividades de sendeirismo, traballarán con animais e na horta que ten esta granxa-escola e gozarán xogando no rocódromo.
Unha das principais novidades este ano é a inclusión neste programa do campamento “Os Biocos”, situado en Trives. Este campamento ao igual que o da Fervenza da Toxa ofertase en dúas quendas. Primeiro organizase para os alumnos de 6º de Primaria e posteriormente para os rapaces e rapazas de 5º de Primaria. Ofrécense un total de 100 prazas, 50 para cada un dos dous grupos, e terá un custe de 145 euros para ambos grupos. Os rapaces de sexto de Primaria acudirán do 18 ao 23 de xullo e os de quinto farano do 26 ao 31 de xullo. Os rapaces e rapazas que acudan a este campamento poderán coñecer máis polo miúdo o ceo e as estralas xa que nas instalacións dos Biocos hai un observatorio. Ademais participarán en rutas en bicicleta e interpretativas.
Por último, 40 rapaces de 1º a 3º de ESO e de 4º de ESO a 18 anos terán a oportunidade de pasar 10 días no campamento xuvenil de Cantabria. A data elixida será dende o 22 ata o 31 de xullo. O custo desta actividade será de 200 euros. Asemade hai que destacar que en todos os campamentos se reservará un 10 % das prazas para casos de emerxencia social.
O aumento dos días, así como da distancia na que se realizan os campamentos, á vez que os rapaces van crecendo faise coa intención de que os cativos vaian pouco a pouco adaptándose a estas actividades e a que cada ano esperen con gusto a chegada dos campamentos. En todos os campamentos faranse xogos de cooperación e divertidas veladas.
Para facilitarlle o pagamento aos pais/nais permítese o fraccionamento do pago para os campamentos Kiriko, Os Biocos e xuvenil en Cantabria. O primeiro prago (50 % do custe) efectuarase nas datas normais de matrícula (do 6 ao 17 de xuño) e o segundo pago (50% do custe restante) realizarase do 1 ao 9 de xullo.
Actividades nos campamentos
Ademais do persoal e dos monitores de cada centro, elixidos tendo moi en conta a promoción do coidado e do coñecemento do medio ambiente, tamén acompañarán aos cativos responsables do concello, que sexan xa caras familiares para os rapaces, pretendendo que teñan un punto de referencia coñecido nos campamentos.
Os nenos e nenas poderán realizar, entre outras, actividades para o coidado da horta e da granxa, obradoiros, xogos, visitas culturais e festas temáticas. Asemade, no campamento xuvenil de Cantabria, os mozos e mozas poderán realizar saídas e excursións ao parque de Cabárceno ou aos Picos de Europa, actividades ambientais de orientación ou geocaching,e durante o tempo libre irán á praia, á piscina e realizarán diferentes xogos.
Prazo de preinscrición
Todos os rapaces que desexen asistir terán de prazo para preinscribirse dende o 2 ata o 14 de maio, cubrindo unha ficha para todos os campamentos que poderán recoller no Milladoiro e en Bertamiráns. Na Oficina Municipal do Milladoiro, de luns a venres en horario de 09:00 h. a 14:00 horas, para todos os campamentos, excepto o xuvenil, que se poderá recoller os martes e os venres no Punto de Información Xuvenil, que se atopa na Casa da Cultura desta localidade, no mesmo horario.
No caso de Bertamiráns, os impresos para os campamentos de infantil e primaria pódense recoller na concellería de Medio Ambiente de luns a venres, mentres que os dos campamentos xuvenil recolleranse na concellería de Mocidade, só luns, mércores e xoves. En ambos casos en horario de 09:00 h. a 14:00 horas. Tamén poderán descargala na páxina web do concello na sección de AVISOS.
Os impresos entregaranse, na Oficina Municipal do Milladoiro de 09:00 h. a 14:00 horas ou no Rexistro Xeral en Bertamiráns, tamén de 09:00 h. a 14:00 horas. Como o número de prazas é limitado no caso de haber máis solicitudes que prazas, a adxudicación farase por sorteo público no salón de plenos do concello o día 3 de xuño as 10:00 horas. O sorteo seguirá as mesmas premisas de prioridade que se especifican ao comezo destas bases.
Para ampliar calquera outra información dos campamentos de verán pode poñerse en contacto co Concello de Ames a través do teléfono 981 88 30 02 ou dos correos electrónicos auladanatureza@concellodeames.org para os campamentos de Infantil e Primaria e omix@concellodeames.org para o campamento xuvenil.