XOSÉ LUÍS GARCÍA DENUNCIA QUE O PLAN CONCERTADO DA XUNTA RECURTA MÁIS DE 16.000 EUROS EN AXUDAS AOS SERVIZOS SOCIAIS DE BRIÓN
A subvención de 2011 non cubre nin a metade dos gastos dos casos de dependencia recoñecidos e obrigou ao Concello de Brión a aportar máis de 18.000 euros, cando non é da súa competencia
Xosé Luís García advirte de que con esta política da Xunta só as persoas dependentes van ter acceso ao servizo de Axuda no Fogar
28 de outubro de 2011. O alcalde de Brión, Xosé Luís García, denuncia a importante reducción das partidas incluidas no exercicio 2011 do Plan Concertado, unhas subvencións que cada ano elabora a Consellería de Traballo e Servizos Sociais para o mantemento dos servizos sociais. Uns recortes que, no caso do Concello de Brión, ascenden a un total de 16.225,49 euros, un 13,57% menos que o recibido en 2010.
Pero o máis grave da situación é que os 54.217,25 euros concedidos pola Xunta para financiar o Programa de Axuda no Fogar para Persoas Dependentes supoñen 141.099 euros menos dos precisos para o correcto mantemento deste servizo de competencia estatal e autonómica. Isto significa que a subvención contemplada no Plan Concertado da Xunta só cubre o 49,4% das necesidades, é dicir, que non permite atender nin a metade dos 25 casos de dependentes recoñecidos no municipio brionés.
Aportacións municipais a pesar de non ter competencia
Xosé Luís García considera que “estes recortes son unha barbaridade. Non se poden escudar na crise, pois este contexto de crise económica aféctanos a todos. A Xunta non pode recurtar axudas a programas sociais da súa responsabilidade e despois pretender que sexa o Concello de Brión quen poña os cartos”. O caso máis evidente é o Programa de Axuda no Fogar para Persoas Dependentes, un servizo público que a Consellería de Traballo e Servizos Sociais ofrece aos beneficiarios a través dos concellos, que van procedendo ás altas segundo a súa dispoñibilidade orzamentaria.
Esa dispoñibilidade dos Concellos vén dada polo financiamento a través do Plan Concertado e do cobramento do copago (regulado dende a Xunta) e non das arcas municipais, xa que os dereitos emanados da condición de persoa dependente son dereitos subxectivos recoñecidos por Lei e ésta di que son competencia estatal e autonómica, en ningún caso municipal. Porén, en 2010 as aportacións da Xunta de Galicia a este programa descenderon un 4,2%, mentres que o Concello, que por Lei non está obrigado a financiar o programa, tivo que aportar 10.751 euros para o mantemento do servizo (un 10,6% máis que en 2009).
Unha situación que puxo en alerta aos Servizos Sociais do Concello de Brión que, en vista do déficit que presentaba o programa xa no exercicio 2010, non deron máis altas a partires do momento da comunicación da subvención (xullo de 2010). A pesares desta previsión, e despois de 17 meses sen dar altas no programa, o Concello de Brión tivo que aportar máis de 18.000 euros, a pesar de non ser da súa competencia.
Pero, o que é máis grave, se o Concello de Brión non tivese feito esta previsión e tivera dado de alta no programa aos 25 dependentes recoñecidos no municipio, a escasa aportación realizada pola Xunta a través do Plan Concertado 2011 (54.217 euros) tería deixado unha débeda de máis de 39.000 euros ás arcas municipais do Concello de Brión.
Isto é así porque na práctica o servizo é prestado por unha empresa concesionaria e son os Concellos quen adiantan mensualmente as cantidades ata a recepción da correspondente subvención por parte da Xunta. Así, os cartos xa foron adiantados polo Concello, que ao final non os recupera polos recortes aplicados pola Consellería de Traballo e Servizos Sociais. De feito, coa subvención concedida no Plan Concertado 2011, o Concello de Brión terá que aportar outros 7.300 euros este ano.
Axuda no fogar municipal
Ademais das graves carencias no Programa de Axuda no Fogar para Persoas Dependentes, a situación é aínda máis grave no caso do Programa de Axuda no Fogar Municipal ou de “libre concorrencia” (que agrupa a persoas non dependentes). A pesar de tratarse dun programa de “financiamento prioritario” por parte do Plan Concertado, as aportacións autonómicas levan anos estancadas, a pesares de que se incrementa o gasto municipal.
Así, as aportacións autonómicas diminuiron nun 76,24% en 2011 ata chegar aos 3.996,12 euros. Unha cantidade que non subvenciona máis que unha quinta parte da cantidade solicitada polos Servizos Sociais de Brión, fixada en algo máis de 16.000 euros. Ademais, a Xunta regulamentou este servizo, impedindo así que os Concellos poidan valorar as necesidades de ingresos por copagamento en función das necesidades orzamentarias do programa.
A isto hai que engadir que, como dende a Xunta se considera que estas persoas pasan co tempo a ser valoradas como dependentes, ao final o que fan é incrementar o número de veciños no Programa de Axuda no Fogar para Persoas Dependentes, xa que non poden continuar no sistema municipal. Isto suporá un dobre problema para estas persoas: por unha banda, o sistema non é capaz de asimilar novas altas e, por outra, a adicación horaria sería moi superior á que viñan disfrutando.
Todo isto suporá un incremento do gasto e que só as persoas dependentes terán acceso ao Servizo de Axuda no Fogar, o que contravén os principios mesmos dos Servizos Sociais e todo o recollido na normativa ao respecto (Lei 13/2008 de Servizos Sociais de Galicia; Decreto 240/1995 polo que se regulan os servizos sociais de atención primaria e Orde do 22 de xaneiro de 2009 pola que se regula o servizo de axuda no fogar). Isto exemplifícase en que a Xunta deixará de aportar axudas a persoas maiores que non teñen a condición de dependentes pero que precisaban dalgún tipo de apoio no fogar (como prepararse o xantar ou facer algún tipo de tarea doméstica que, polas súas doenzas, non pode facer por si só).
Desaparición de axudas a programas
Finalmente, as aportacións da Xunta a través do Plan Concertado desaparecen en capítulos como “mantemento” (partida destinada á formación do persoal adscrito aos Servizos Sociais) e “programas”, nos que se incluía o cofinanciamento de actividades como: Plan de Mellora dos Servizos Sociais, Axudas de Emerxencia e Escolarización, Actividades Extraescolares, Xantar a domicilio, Actividades para a Terceira Idade, Actividades de Conciliación, Aulas de Apoio e Cooperación Social.
Diante desta situación, Xosé Luís García xa solicitou a convocatoria urxente e extraordinaria do máximo órgano entre asembleas que substitúa ao Consello Federal da FEGAMP e/ou, en todo caso, da Comisión Executiva da FEGAMP para que se tome un acordo sobre os recortes implementados polo Goberno autonómico no Plan Concertado.
