Axenda e tempo do sábado 5 de setembro - Feiras, charlas, cine, exposicións

Santiago - Numax 

Negreira - Feira do Románico

Ames - festa dos morcegos

Ames - Covas - VII Festa da Orella 

Santiago - Festas na Peregrina

Santiago - Liga de futbolín

Exposicións

Santiago - Museo do Pobo Galego - Estalote

Santiago - Fundación Granell - 20 formas de cambiar el mundo (ata decembro)

Santiago - Cidade da Cultura - Memorias de familia (ata o 9 de setembro)

Santiago - Cidade da Cultura - Camiño, A orixe (ata o 13 de septembro)


O Tempo

PP Santiago - Asuntos económicos

“O concello é unha entidade saneada; o concello non ten ningún problema estrutural que precise de ningunha medida e o orzamento de 2015 está aprobado cumprindo a regra de gasto”, así cualificou esta mañá voceiro do Grupo Municipal do Partido Popular, Agustín Hernández, a situación económica do concello, tras as falsas acusacións do actual goberno local sobre a xestión municipal do anterior goberno do PP. Para o voceiro popular, “son escusas para tapar a súa mala xestión e intentar buscar pretextos para agochar a súa ineficacia”. 

Neste senso, o representante popular ensinou un informe da Dirección Xeral de Política Financeira da Xunta de Galicia –órgano encargado de tutelar financeiramente as entidades locais-, con data de 15 de marzo de 2015, no que se acredita a boa xestión do goberno do PP. En varios puntos de dito documento faise referencia a que o “concello de Santiago de Compostela é unha entidade saneada que na liquidación do exercicio 2014 cumpre co obxectivo de estabilidade, débeda pública…” e que “a entidade non padece ningún problema estrutural que precise das medidas que tanto a Lei Orgánica de Estabilidade como a Lei de Bases de Réxime Local esixen que se adopten nun plan económico – financeiro”. Do mesmo xeito, o voceiro popular fixo referencia ao informe de intervención municipal no que tamén acredita a solvencia do concello e que todos os ratios económicos son positivos. 

“O concello goza de boa saúde económica. Lamento botarlle por terra os titulares alarmistas e de desprestixio do actual goberno sobre as contas xestionadas polo Partido Popular”, lamentou Agustín Hernández. “Todos os indicadores –continuou- que miden a situación económica son positivos. O que debería facer o goberno local é lerse con atención a documentación”. Neste senso, referiuse a que tanto o resultado orzamentario consolidado, o remanente de tesourería, o aforro neto e a estabilidade consolidada son positivos e “amosan unha boa saúde económica do concello”. 

O voceiro do PP advirte de que as mentiras do grupo de goberno con respecto á xestión realizada polo Partido Popular á fronte do concello só buscan desprestixiar unha “xestión brillante” e oculta a súa falta de iniciativa para sacar adiante proxectos: “Van case tres meses e aínda non se lle coñece proxecto. Dende o 13 de xuño, tan só iniciaron 5 contratos que o PP xa deixara encamiñados coma varias obras do Plan de Obras e Servizos da Deputación, o mantemento dos campos de fútbol e o servizo de comedores escolares. Este último iniciado tarde, mal e arrastro”. 

Para finalizar, Agustín Hernández fixo unha comparativa da situación económica entre 2011 e 2015. Cando o PP chegou ao concello había un volume de endebedamento de 66 millóns de euros e débedas con provedores por valor de 18 millóns; o período de pago ás empresas excedía os 100 días e a débeda por habitante de 676,18 euros/per cápita. “En catro anos, a situación do concello deu un xiro de 180 graos: en febreiro de 2015, aprobouse a liquidación do ano 2014, o que supuxo liquidar en positivo as contas con 1,9 millóns de euros; o período medio de pago no mes de abril de 2015 situábase en 15,89 días; e a débeda por habitante en 433,74 euros/per cápita”, subliñou.

Melide - Renovación do alumeado público

O Concello de Melide ven de aprobar o proxecto para a renovación de alumeado público ILE 2015 Concello de Melide cun importe de 58.078 €. 

Cun prazo de execución de tres semanas, prevese que estarán rematadas o vindeiro 15 de outubro, procederase ao recambio de luminarias e instalación doutras novas nas rúas afectadas entre as que se encontran a Rúa Melide di Lugano, Rúa Rosaleda, Rúa Irmáns Garceiras, Rúa Irmandiños, Camiño Real, Rúa Paz, Rúa Furelos, Rúa Vigo, Rúa Mejuto Cordido, Rúa Folicheiro, Campo Grande, Camiño Real, Eduardo Tuner. 
En resume procederase a unha mellora integral dos marxes interiores dereito e esquerdo da Ronda de Pontevedra, o que afondará na política de mellora da eficiencia lumínica na vila. 

A alcaldesa de Melide, Ánxeles Vázquez amósase satisfeita por seguir acometendo melloras na rede de alumeado público que neste caso ademais de incrementar o aforro e eficiencia lumínica procederá a solventar problemas nos cadros eléctricos xa que algúns encóntranse sobrecargados pola excesiva lonxitude da liña. Con esta nova obra Melide segue a cumprir coa normativa vixente en materia de alumeado público, reduce a emisión de CO2 por concepto de luminarias e incrementa a seguridade viaria tanto para condutores como para viandantes.

Ames - VII Festa da Orella en Covas

O polideportivo descuberto de Covas acolle este sábado, 5 de setembro, a VIII Festa da Orella que organiza a asociación veciñal desta parroquia. A celebración comezará ás 20:00 horas e estará amenizada polo grupo Os Castros. Ao evento, máis coñecido como a festa do socio, están invitados todos os socios/as da Asociación de veciños de Covas e todos aqueles veciños/as que queiran sumarase a este xantar. O obxectivo é pasar un día de xuntanza e integrar a todas aquelas persoas que non naceron nesta parroquia, pero que agora a elixiron como lugar de residencia.

Cinconta quilos de orella de porco cocida, chourizo, empanadas de atún, bacallau e mazá, viño, refrescos, auga e café. Este será o menú que poderán degustar as máis de duascentas persoas que, segundo calcula a Asociación veciñal de Covas se darán cita no polideportivo descuberto da parroquía, a carón do campo da festa. E todo polo módico prezo de seis euros. O grupo de gaiteiros Os Castros amenizará musicalmente unha celebración que vai tornando xa en tradición. 

A Festa da Orella de Covas naceu a proposta do primeiro presidente da asociación veciñal, Manuel Martínez, quen propuxo aos veciños e veciñas da parroquia facer o balance anual da asociación rodeado de tan preciado producto gastronómico. Manuel segue a ser o encargado de cociñar a orella a día de hoxe, como ven facendo desde o ano 2007. O que nun principio se concebía como a festa do socio, pronto pasou a ser unha festa popular que congrega ano tras ano a máis de duascentas persoas.

Silleda - Reunión coa Secretaria Xeral de Urbanismo

O alcalde de Silleda, Manuel Cuiña Fernández, asistiu hoxe en San Caetano a unha reunión coa secretaria xeral de Urbanismo, Encarnación Rivas.

“Dende o goberno municipal solicitamos este encontro para avanzar en cuestións relacionadas co planeamento urbanístico de Silleda, despois de que xa se respostaran todas as alegacións de xeito individual”, explica o alcalde e responsable de Urbanismo

Ao encontro Cuiña acudiu con representantes de Eptisa, a empresa redactora do plan. Así mesmo, á reunión tamén asistiron un grupo de veciños en representanción dos propietarios da rúa Colmeiro que no seu día prepararon unha alegación conxunta, cuestión que centrou parte da reunión.

Cuiña califica o encontró como “moi productivo e satisfactorio” , xa que dende o departamento autonómico aceptaron os plantexamentos propostos polo Concello de Silleda e os propietarios desta rúa, que solicitaban a calificación de zona urbana. 

“Estamos moi satisfeitos ao igual que os propietarios porque se aceptaron os plantexamentos que realizamos”, explica o rexedor que agradeceu o trato recibido tanto por parte da secretaria xeral como dos técnicos.

“Conseguimos dar solución a un problema urbanístico que tiñamos en Silleda, e polo tanto a satisfacción é grande, e máis aínda para os propietarios e vecinos desta rúa”, engade.

Axilización dos trámites

O pasado mes de marzo remitíronse a todos os propietarios as respostas ás súas alegacións.

En total remitíronse 783 misivas dende o Concello respostando de xeito individualizado a todas as persoas que alegaron.

Cuiña lembra que a maioría das reclamacións foron aceptadas, outras estimáronse de xeito parcial e un grupo, máis pequeno de propostas foi rexeitada por non axustarse á normativa no tocante a cuestións como a Lei do Solo, ou afeccións relacionadas con Augas de Galicia ou Patrimonio.

Logo do proceso de revisión, volcouse todo o contido das alegacións no documento. A día de hoxe resta por recibir o informe de Patrimonio, logo de que se lle remitira o documento coas correccións propostas por este departamento. “Esperamos poder axilizar os trámites para levar o documento a Pleno de cara á súa aprobación provisional”, engade.



Cuiña lembra que a aprobación do PXOM “é clave para o futuro do noso municipio e por iso dende o goberno trataremos de axilizar os trámites para conseguir contar con este documento o antes posible”.

BNG A estrada Teo - O parlamento estudará o BIC da ponte de Pontevea

O Parlamento aprobou por unanimidade “instar á Xunta de Galiza a realizar os estudos necesarios para impulsar o oportuno expediente para que a ponte de Pontevea sexa declarada Ben de Interese Cultural”. A deputada do BNG, Ana Pontón, que defendeu a iniciativa dos nacionalsitas na Comisión de Educación e Cultura, aceptou a transacción do PP que en palabras do portavoz municipal, Xosé Magariños, “é menos exixente e menos ambiciosa que a proposta inicial do BNG, pero consideramos importante que o Parlamento inste á Xunta a estudar esa posibilidade, entre outras cousas, porque sen o voto do PP, que ten a maioría absoluta, a iniciativa decaería”.

Segundo explicou Magariños, “esta transacción do PP é incomprensíbel, xa que a declaración BIC, -por desgraza-, non compromete a nada á administración galega, para mostra a Torre de Guimarei, que tamén é un Ben de Interese Cultural e o concello non fai nada para recuperala e o PP rexeita todas as emendas aos orzamentos que presentou o BNG no Parlamento Galego para que a Torre sexa a parte de BIC, sexa un ben público”.

“En todo caso, estamos contentos co conseguido”, afirmou Magariños, “mesmo é unha aliciente que nos motiva, e nas vindeiras semanas e meses desenvolveremos accións para reinvindicar que a ponte de Pontevea sexa declarada BIC”.

Santiago - Situación financieira do concello

A concelleira de Economía e Facenda, María Rozas, realizou un chamamento á “responsabilidade” e á “ética política” á hora de analizar a información sobre a situación económico-financeira do Concello, xa que lembrou que están “baseadas en informes de diferentes funcionarios en diferentes períodos de tempo”. “Por desgraza – dixo- a mala xestión económica do Goberno anterior non só deixou a cidade sen gran parte dos gastos de investimento prometidos, senón que hipotecou o crecemento da cidade de exercicios posteriores”. 

A edil recordou que o incumprimento da chamada “regra do gasto “ ao que están sometidas todas as administración públicas é un mandato legal, aprobado polo Goberno Central, que obriga a limitar o crecemento do gasto orzamentario dentro dos parámetros aprobados. Atendendo a isto, e segundo se recolle no informe da Conta Xeral e no informe da Intervención municipal sobre a situación a 15 de xuño de 2015, o Goberno local anterior excedeuse nas contas de 2014 en 2.355.437,63 (páxina 19 do informe de Intervención). Con todo, María Rozas recalcou que este incumprimento da regra do gasto non é algo novo, xa que “fora alertado no informe da Intervención sobre a liquidación de marzo de 2015, aínda coa anterior Corporación municipal”.

Ademais, no orzamento do 2015 estimouse un 13% máis do límite legalmente permitido, cun exceso de 9,8 millóns de euros.

A Conta Xeral e o informe da Intervención municipal sobre a situación económico-financeira do Concello xa están publicados na páxina web municipal a fin de que calquera cidadán os poida consultar. En calquera caso, o informe sobre a Conta Xeral 2014, no que se menciona o devandito incumprimento da regra de gasto, está a disposición dos diferentes partidos políticos dende hai tres semanas.

Lalin - Proxecto artístico reivindicativo para a Feira do Cocido

Unha mostra máis da hiperactividade positiva do Alcalde Rafael Cuiña é a proposta que lle acaba de facer ao pintor Guillermo Aymerich, aproveitando o seu retorno á vila, dende China. 

Dende a Antigüidade, unha escena habitual nos parques chineses é a aparición de cidadáns de certa idade que caligrafían no chan pavimentado, usando como ferramenta un longo pincel de punta esponxosa e utilizando tan só auga, en lugar de tinta. Efémero ritual vespertino que alude a manobras caligráficas, de autocontrol, rigor/disciplina e mesmo as artes militares. Mentres a evaporación fai posible a desaparición dos caracteres caligrafiados a man do mestre executa a nova escritura: execución/destrución como ciclo vital.

A proposta de Cuiña consiste en que Aymerich realice unha obra pintada no Km. 0 lalinense durante a véspera á Feira do Cocido. Unha vez aceptado, Aymerich arranca os seus motores mentais e empeza a concibir o que vai pintar. Vólvenos sorprender cunha idea mixta, mesturando mecanismos chineses pero utilizando medios e significados dezanos: proponse pintar a praza do Km. 0 con viño tinto, á vez que realiza un "frottage" (fregado) pintado da placa en relevo do epicéntrico punto da vila. A inqueda mente de Cuiña, xunto co seu interese reivindicativo, fan preguntar ao artista se se podería pintar con leite (en homenaxe ás recentes dificultades que están a ter nosos gandeiros). Aymerich volve aceptar e realizará unha pintura efémera arredor da placa cero, utilizando viño e leite en lugar de pintura, ao tempo que realizará unha pintura "frottage" no punto central da praza, obra duradeira que será doada ao Museo Ramón Aller, baixo petición do propio Alcalde. Tan só fáltanos coñecer a elección do motivo a pintar, e Aymerich engade outro punto reivindicativo: pintará as carballeiras de Catasós. Así "traerá" as periféricas carballeiras ao punto central da bisbarra, para darlle máis visibilidade ao problema ecolóxico-cultural-social. As manobras pictóricas rexistraranse de modo fotográfico e tamén coa edición dun vídeo. O desenvolvemento de toda a idea estase a levar a cabo mediante un "brain storming" (chuvia de ideas) entre Cuiña e Aymerich. Demostrando tanto a sensibilidade do noso alcalde como a versatilidade do noso pintor viaxeiro, pero tamén o boa avinza entre ambos os dous. 

Neste sentido, Aymerich propón facer a obra pictórica en colaboración con Manolo Moldes, prestixioso artista vinculado dende hai anos coa nosa vila. Ao día de hoxe non podemos confirmar a colaboración conxunta do artista lalinense co pontevedrés, aínda. Pero o que si podemos avanzar é a re-contra-proposta que Aymerich lle fai a Cuiña: pintar un mural ao óleo nas escaleiras sitas no vestíbulo da Casa Consistorial. Rafael Cuiña di de gustar da nova proposta e empezaranse as negociacións. Aínda que están nunha fase xerminal, sabemos e podemos comunicar que a obra pintada exterior doada dende o Km. 0 está vinculada, en certo modo, coa futurible e remunerada obra pictórica consistorial. Pero iso será o próximo capítulo...

Ames - Pleno de agosto (3 de setembro)

O pleno aprobou unha moción con aportacións dos grupos municipais e do Goberno no que se ofrecen para acoller a exiliados. Ademais o Goberno solicitará a Augas de Galicia un fracionamento dos pagos da planta potabilizadora Ames Brión, despois de que o pleno aprobase por maioría o cambio do calendario das aportacións de anualidades para esta obra. Aprobáronse, tamén, as mocións presentadas por Pacto x Ames referidas á “Implantación de Espazos Cardio Protexidos no concello”, por Ames Novo que solicitou declarar a Ames como “Municipio libre de circos con animais” e “Concello oposto o Tratado Trasantlántico de Comercio e Inversión (TTIP)” e por Ciudadanos para a “elaboración de xornadas de traballo e axendas para o alcalde e os concelleiros con algún tipo de dedicación”.

O primeiro dos asuntos tratados no Pleno referíase Á “solicitude de cambio de calendario de aportación de anualidades da planta potabilizadora Ames Brión”. Un acordo plenario do 26 de novembro de 2009 estableceu que da achega municipal de 400.000 euros que lle correspondía pagar ao Concello de Ames por esta obra, pagaríanse 100.000 euros no ano 2014 e 300.000 no ano 2015. Na exposición de motivos de este asunto explícase que “posto que o pasado ano no Concello no atendeu ao compromiso de aportación, e non constando resposta formal por parte do ente autonómico ao respecto desta distribución, a totalidade da achega municipal, os 400.000 euros deberá ser efectuada integramente no 2015”. En base a esta cuestión a alcaldía propuxo que solicitar á dirección de Augas de Galicia a modificación da distribución das anualidades a aboar polo Concello, comprometéndose a empregar recursos derivados do canom da auga, a través da correspondente xeración de crédito, e outras fontes alternativas favorables aos intereses municipais para aboar a débeda. Finalmente a proposta foi aprobada cos votos a favor do grupo de goberno, Ames Novo e PP e a abstención de Cidadáns. 

Festivos Locais 
No pleno, foi aprobada tamén a proposta da alcaldía para os festivos locais do Concello de Ames para o ano 2016. Serán festivos locais o martes de entroido, 9 de febreiro de 2016, e 5 de maio, día da Ascensión. Ademais o Concello porá en marcha o vindeiro ano un plan de conciliación familiar e laboral para as familias que traballan noutros municipios onde ese día non é festivo e que teñen fillos en idade escolar. Este punto foi aprobado por unanimidade. 

Mocións 
No canto das mocións presentadas polos grupos da oposición o pleno aprobou a proposta de Ciudadanos para a elaboración de xornadas, traballos e axendas para o alcalde e concelleiro con algún tipo de dedicación. Neste senso, decidiuse como medida transitoria, mentres non se establezan as medidas necesarias para fcelo a través da páxina web, publicar unha previsión de axenda semanal. Compre salientar que o alcalde, José Miñones, comprometeuse a que, en base ao acordo de investidura acadado coas forzas de esquerda de Ames, e polo que resultou elexido alcalde; a partir da próxima sesión plenaria e mentres non se aprobe o novo Regulamento Orgánico e e Participación Cidadá, daráselle voz aos veciñose veciñas e as asociacións, previa solicitude por rexistro antes do Pleno, cun tempo mínimo de 48 horas. 

Pola súa banda, Pacto x Ames presentou unha moción relativa á implantación de Espazos Cardio Protexidos. A moción incluía que se utilice a páxina web e a radio municipal para difundir a información relacionada con esta actuación e que se faculte ao alcalde para realizar as xestións necesarias para levar a cabo esta proposta. Esta moción tamén foi aprobada por unanimidade. 

Ames Novo presentou dúas mocións que tamén foron aprobadas por maioría. A primeira delas referíase á declaración de Ames como “Municipio libre de circos con animais” e a segunda a declaración do municipio como “Concello oposto o tratado transatlántico de comercio e inversión (TTIP) Ambas mocións foron aprobadas pola maioría da Corporación. 

Concello de acollida 
Fora da orde do día, aprobouse pola vía de urxencia unha moción presentada polo grupo de Ames Novo para que Ames se sume aos municipios que acollen exiliados (sirios, libios, nixerianos, afganos, etc.) que levan desde fai varios meses refuxiandose en Europa. Na proposta de resolución acordouse comunicar ao Ministerio de Asuntos Exteriores a decisión de ser municipio acolledor, instar á Xunta de Galicia para que elabore un plan de acollida e poñer en marcha os medios necesarios para acoller aos refuxiados que nos correspondan, contando coa colaboración e a participación dos veciños/as, ademais de nomear ao alcalde para cantos trámites sexan precisos na execución destes acordos. A moción contou coas aportacións tanto do goberno municipal como do grupo de Pacto x Ames, e resultou aprobada por unanimidade.

Axenda e tempo do venres 4 de setembro - Música, cine, exposicións

Santiago - Numax 

Santago - Granxa do Xesto - peche do ciclo Terrazeando

Santiago - Medusa - Black Covers

Santiago - Sala Kapitol - Das Kapital

Exposicións

Santiago - Museo do Pobo Galego - Estalote

Santiago - Fundación Granell - 20 formas de cambiar el mundo (ata decembro)

Santiago - Cidade da Cultura - Memorias de familia (ata o 9 de setembro)

Santiago - Cidade da Cultura - Camiño, A orixe (ata o 13 de septembro)


O Tempo

Psoe Ordes - Enmendas aos orzamentos do estado

O PSOE pedirá máis de dous millóns de euros en infraestruturas e servizos de interese para Ordes nas súas emendas aos orzamentos do Estado para 2016. Así o acordaron os responsables da Agrupación Socialista de Ordes nunha reunión con Paloma Rodríguez, deputada pola Coruña. A voceira municipal do PSOE, Verónica Gómez, explica que “é o momento de que o PP pase dos paseos e dos selfies con Rajoy ao compromiso real con Ordes, a través de onde mellor se retratan os cargos políticos, que é nos orzamentos”.

A reclamación de maior importe é que as contas do Ministerio de Fomento para o vindeiro ano inclúan 1,2 millóns de euros para o desdobramento da N-550 ao seu paso polo municipio. Esta reivindicación súmase a outra máis xeral para habilitar 5 millóns para reparar e repintar toda a estrada nacional, unha iniciativa da que Ordes se vería claramente beneficiado. 

Verónica Gómez lembra o abandono total ao que o goberno central someteu esta estrada nos últimos catro anos, que fai que a súa situación “é insoportable e precisa unha intervención seria e inmediata”. A estrada presenta incontables irregularidades e desperfectos no firme e unha sinalización caótica en moitos tramos, derivada da falta de investimentos e de mantemento nos últimos exercicios. “Trátase dunha estrada fundamental para Ordes e a súa comarca, que a deixadez de Fomento convertiu nun vial incómodo e, o que é peor, altamente inseguro”, manifesta Gómez.

Tamén no relativo a infraestruturas de comunicación, as emendas socialistas solicitan diñeiro para reparar a estrada que comunica o polígono industrial de Ordes con Cerceda, a través da parroquia de Mercurín. Para 2016, o PSOE considera irrenunciable un investimento de 600.000 euros, que se debería complementar con outros 500.000 euros na anualidade de 2017. Estas partidas pídense dentro das emendas do Plan Miner, no que no seu día se contemplou a reparación e acondicionamento desta estrada, moi afectada e case intransibable por mor do tráfico pesado que se dirixe á planta de Sogama. “Sen embargo –precisa a portavoz municipal do PSOE- coa entrada de Feijóo na Xunta en 2009 paralizouse por completo a execución do convenio que asinaran o Concello, a Consellería e o Ministerio para levar adiante o proxecto”.

Outros investimentos
No núcleo urbano, os socialistas demandan que se habiliten 100.000 euros para a reparación dun tramo da avenida de Alfonso Senra, que forma parte do percorrido da N-550 e é de titularidade estatal. Verónica Gómez explica que esa actuación serviría para conseguir que Ordes sexa máis habitable, aumentando o espazo para a circulación de peóns e eliminando os ruídos que ocasionan o tráfico ao pasar polas fendas que presenta a estrada.

Por outra parte, os socialistas solicitan que o goberno central contemple o investimento de 50.000 euros para a rehabilitación da antiga estación ferroviaria da Pontraga e a cesión da súa titularidade ao Concello, que actualmente ten que cargar cun elevado aluguer polas instalacións. Para o Museo do Traxe Juanjo Liñares, as emendas do PSOE inclúen a petición de 60.000 euros, que se destinarían ao mantemento da actividade do centro, que desde a súa apertura se ten convertido nun dos principais atractivos culturais e turísticos da localidade.

Sector leiteiro e téxtil
Nun ámbito máis xeral, pero que tamén contribuiría positivamente ao progreso de Ordes, os socialistas pretenden que os orzamentos do Estado incorporen 25 millóns de euros para o sector leiteiro, que ten unha grande importancia na economía da comarca e está atravesando unha grave crise de prezos que ameaza a supervivencia de numerosas explotacións e dos negocios que dependen delas. 

Do mesmo xeito, para os Plans de Emprego para Galicia os socialistas demandan unha partida de 50 millóns de euros. Ordes beneficiariase desta contía sobre todo nas iniciativas de reconversión e modernización do sector téxtil, tamén sumido en graves dificultades que aconsellan o apoio das administracións públicas para salvar os centos de empregos nesta actividade. 

Vía Verde
Por último, cómpre destacar que o PSOE presentará unha emenda por valor de 5 millóns de euros para a creación e consolidación de Vías Verdes, figura coa que se lle dá un novo uso a antigos traxectos ferroviarios. Ordes podería ver así incluída a liña de tren que ía desde Cerceda ata Santiago, pasando tamén por Tordoia e Oroso. Unha vez convertida en Vía Verde, tería un grande aproveitamento para actividades deportivas e turísticas, de xeito que podería darlle moito dinamismo ao concello.

Santiago Futsal - Novo equipamento e pretempada das categorias base

Presentación das camisetas do equipo

Había gran expectación arredor das equipacións do Santiago Futsal para esta temporada, e esta mañá despexáronse tódolos interrogantes.

Por cuarta temporada consecutiva, Kelme é o sponsor técnico oficial do material deportivo do Santiago Futsal, que este ano presenta unha gran novidade na súa indumentaria: a cor celeste na primeira equipación.

Hugo Sánchez, Diego Quintela, Marcos Vara, Iker López e Iván Rumbo foron os xogadores que se vestiron coas que serás as equipacións oficias do Santiago Futsal esta temporada. Unha primeira equipación de cor celeste e unha segunda que mantén a cor negra do ano pasado pero que, como segunda novidade, engade a cor rosa. Tamén o rosa é o elexido para unha das indumentarias dos porteiros, así como para as camisetas de adestramento; namentres a segunda indumentaria dos gardametas é de cor amarela con detalles en azul.

Por outra banda, o club compostelán elexíu como escenario da presentación o establecemento Deportes Caneda, que será a tenda oficial do Santiago Futsal esta temporada. As camisetas do Santiago Futsal xa están á venda en dito establecemento por un prezo de 39,95€.



                        

 


As categorias bases comezan a pretempada

Comezou a pretemporada para os equipos de categoría nacional e autonómica do Santiago Futsal, así como dos dous equipos da sección feminina, que esta semana retomaron os adestramentos tras o parón vacacional. O filial Santiago Futsal B e os dous equipos xuvenís de división de honor foron os primeiros en incorporarse ao traballo o luns pola tarde, conxuntos que serán dirixidos polo adestradores David Rial e Santi Valladares.

Pola súa parte, o equipo cadete e infantil de división autonómica se incorporaron aos adestramentos na tarde do martes, seguidos pola sección feminina do Santiago Futsal.

En canto aos equipos de categoría local, os seus adestramentos comezarán a partires do 14 de Setembro; información que será ampliada na reunión informativa para país que terá lugar esta tarde.


PP Santiago - Nota sobre a conta xeral do concello

O voceiro do Grupo Municipal do Partido Popular, Agustín Hernández, acusa ao actual alcalde de mentir sobre a situación financeira do concello e de intentar confundir aos veciños e veciñas de Santiago. Neste senso, subliña que, tal e como avalan o informe da Intervención Municipal, a situación financeira do concello “está saneada e todos os ratios son positivos”. Neste senso, Agustín Hernández subliña que o concello, ademais de estar saneado, están en mellores condicións que no 2011, momento no que se atopaba nunha mala situación económica. 

Así mesmo, Agustín Hernández fai referencia a un documento remitido pola Dirección Xeral de Política Financeira da Xunta de Galicia, órgano encargado de tutelar todos os concellos, no que tamén se acredita a boa saúde económica do concello e no que se precisa que non é necesario adoptar ningunha medida estrutural ao terse aprobado, en tempo e forma, o orzamento de 2015 e cumprir así coa regra de gasto para este ano. 

O representante popular lamenta que o actual goberno local “lle bote a culpa de todos os males ao Partido Popular” e ínstao a que se poña a traballar e que comece a conformar o orzamento do 2016. Para o voceiro do PP, as acusacións vertidas pola concelleira de Facenda, María Rozas, sobre a situación económica do concello, son escusas de mal pagador a amosan, unha vez máis, o seu descoñecemento sobre a xestión municipal.

Agrupación Veciñal Boqueixon - Asamblea ordinaria

Cumprindo un dos compromisos da Agrupación de Electores Veciñ@s de Boqueixón, convocouse unha Asemblea Aberta para hoxe Venres 4 de setembro ás 20.30 h ao fin de facer unha análise da política municipal.

Estas reunións serán periódicas e nos distintos locais sociais do Concello, ao fin de que os veciñ@s acudan e prantexen todos aqueles problemas que estimen oportunos, facendo tamén análises políticos das distintas iniciativas presentadas nestes primeiros 100 días de mandato municipal.

É por iso que queremos animar a todos os veciñ@s, non só os de Loureda, a que participen nestas xuntanzas, na que pretendemos discutir varios puntos, recoller iniciativas, e asemade explicar cal é o traballo que está a realizar o grupo municipal.

A política veciñal precisa de horizontalidade, de corresponsabilizarnos todos da acción de goberno, de participar na toma de decisións municipais. Para iso se xestou unha candidatura veciñal. E coa práctica se demostra que os obxectivos da candidatura municipal non foron só promesas electorais.

ORDE DO DÍA:

1) Información dos temas tratados nos plenos municipais desta lexislatura.

2) Propostas de Veciñ@s de Boqueixón.

3) Proposta de traballo para o 4º trimestre do ano.

4) Estrutura da Agrupación de Electores Veciñ@s de Boqueixón e Elaboración da Carta Financeira.

5) Rogos e preguntas.

Nos Galeguistas - Xornada de reflexión e acta constitucional

DESCARGA O MANIFESTO
Hoxe 2 de Setembro, decidimos reunirnos para vivir, dende a perspectiva sociopolítica Galeguista, unha xornada de análise e reflexión do momento político actual de Galicia e avaliar fórmulas participativas nos procesos de unidade de acción que agora mesmo están activos.

Estivemos na Casa Museo de Rosalía de Castro (agradecemoslle a Fundación a súa colaboración), para facer unha ofrenda floral de recoñecemento a Rosalía de Castro e ou seu libro "Cantares Galegos" considerado convencionalmente como a obra que dá inicio o REXURDIMENTO, homenaxe extensivo a Antolín Faraldo e os Precursores e, en conxunto, @s actores sociais, culturais e políticos que construiron unha xeira crave para entender á Galicia Nacional e Identitaria que flúe do REXURDIMENTO. Interviron Anxo Rodríguez e Manuel Velo. Ademais do grupo convocante, a este acto adheríronse e estiveron representad@s as Fundacións Alexandre Bóveda e Vicente Risco, a Federación de Ateneos Galeguistas, o Ateneo Galeguista dá Terra Chá, o Partido Galeguista, o PG de Arxentina e o grupo municipal Galeguista de Padrón

Entendemos necesario reactivar a énfase nacional e a autoestima a través dun novo REXURDIMENTO que xunte, sen protagonismos e mediante sumas multiplicadoras, esforzos e vontades en crear costumes públicos e institucionais que coincidan coas necesidades da nosa Terra, fomentar intereses de carácter nacional, abrir as fontes naturais da nosa riqueza e recuperar e administrar o noso patrimonio material e inmaterial, espertando o poderoso sentimento do Pangaleguismo e encamiñar á un só fin todos os talentos e todos os esforzos da cidadanía e axentes políticos e sociais que decidan comprometerse na tarefa de facer verdadeiramente Galego o noso futuro, autogobernarnos e ser donos do porvir.

A tarefa que nos propoñemos levar a cabo esixe compromiso e organización. Xa que logo, outro dos obxectivos que nos convoca é constituír unha Xunta Galeguista, amiga sincera do noso País, aliada incondicionalmente cos lexítimos intereses de Galicia e as prácticas políticas de unidade e concordia que permitan, de forma eficaz e sostible, dar respostas -sociais, económicas e institucionais- interclasistas e correctoras. Unha Xunta Galeguista con capacidade e responsabilidade de interlocución alternativa diante da sociedade Galega e dos movementos a prol da unidade, aberta a incorporacións procedentes da cidadanía, a empresa, autónomos, axentes sociais, sindicais e políticos, que sentan empatía co Galeguismo.

Silleda - Prazo para as escolas deportivas

O prazo para anotarse nas Escolas Deportivas Municipais de Silleda 2015-2016 está xa aberto. A oferta continua a bater récords cun total de 16 modalidades deportivas. 

Así, a oferta das Escolas Deportivas Municipais estará composta por zumba; aerobic; pilates; kun fu; zumba para nenos; tenis; pádel; patinaxe; tiro con arco; ximnasia de mantemento; xadrez; fútbol; golf. Figuran ademais catro novas propostas: ioga, iniciación ao bádminton e ximnasia predeportiva, destinada esta última a nenos de 4 a 8 anos.

A concelleira de Deportes, Ana Luisa González Costa, explica que todas as actividades terán lugar en instalacións e recintos deportivos municipais e comezarán a impartirse o vindeiro mes de outubro. Os interesados en obter información e anotarse poden facelo na Casa da Xuventude (teléfono 986 580064), en horario de 15.00 a 20.00 horas, ou chamando ao teléfono 671 801336.

No pavillón municipal César G. Fares impartiranse as clases de patinaxe (con varias quendas os luns e venres pola tarde); bádminton (martes pola tarde); ximnasia predeportiva, kun fu (mércores pola tarde), aerobic (luns e xoves pola mañá) zumba para nenos (xoves pola tarde); tenis (martes pola tarde) e tiro con arco (sábados pola mañá).

No pavillón do CEIP de Silleda tamén se impartirá zumba e aerobic, e na Casa da Xuventude, Ioga (luns pola tarde); Pilates (martes e xoves pola tarde); e xadrez, os venres pola tarde.

As clases de pádel serán nas pistas muncipais de O Castro, os sábados pola mañá e ximnasia de mantemento no centro social os martes e xoves pola mañá.

Unha vez completada a inscrición informarase aos usuarios dos horarios e lugar das actividades.

As Escolas Deportivas de Silleda veñen sumando centos de persoas nos últimos anos, cun grande éxito de participación. Ademais, dende o departamento de Deportes tamén se promocionará a oferta deportiva, como en anos anteriores nos centros educativos nos vindeiros días informando de toda a oferta, prezos (que se manteñen respeto ao ano pasado), e tamén os horarios que están xa confirmados.

A concelleira destaca que este ano a oferta “é moi ampla, de novo con actividades tanto para o público infantil como para adultos”.

Brión - Fresta dos maiores

O Concello de Brión ultima xa os preparativos para a súa Festa dos Maiores de Brión 2015, que se desenvolverá este domingo 6 de setembro. Está previsto que acudan a esta cita preto de 500 persoas.

Tras a recollida de participantes polas distintas parroquias, procederase, a partires das 12.00 horas, á súa recepción coa actuación dunha banda de gaiteiros e un pequeno ágape a base de rosquillas e refrescos. Ás 13.00 horas dará comezo a celebración da santa misa que oficiarán os señores curas das parroquias de Brión e que se desenvolverá no patio do instituto brionés.

Ás 13.45 horas está previsto un pasacalles con actuación de gaiteiros ao que seguirá a benvida do alcalde de Brión, José Luis García, a todos os asistentes. Xa ás 14.00 horas comezará o xantar de confraternidade no pavillón polideportivo, que estará amenizado pola música dunha agrupación de gaiteiros. Cada un dos participantes levará cadanseu agasallo conmemorativo desta festa.

Tras o xantar, haberá unha verbena, que, de novo, correrá a cargo dos gaiteiros e que comezará arredor das 17.30 horas. Ás sete e media da tarde finalizará a celebración co traslado de volta polas aldeas de todos os asistentes.

Dende o Concello de Brión animan a todos os maiores a participar nesta cita anual na que non faltan as charlas, os encontros e bo humor.

BNG Teo - Debate no parlamento sobre a declaración de BIC da ponte de POntevea

O Parlamento de Galiza tratará hoxe venres a iniciativa do BNG a prol da declaración como ben de interese cultural (BIC) da ponte de Pontevea. De aprobarse a iniciativa dos nacionalistas galegos, o Parlamento instará á Xunta a declarar como BIC este elemento patrimonial situado entre os concellos da Estrada e Pontevea, o que suporá unha especial protección pública sobre a ponte que data do século XIV.

Segundo explicou o portavoz do BNG, Manuel Anxo Fernández Baz, “os concellos de Teo e da Estrada aprobaron por unanimidade cadansúa moción de apoio á declación BIC da ponte de Pontevea, e é de agardar que o Parlamento faga o mesmo e conte co apoio unánime de todos os partidos políticos con representación”. Fernández Baz destacou que “se fose así, realmente sería un paso moi importante para que finalmente a Xunta declare BIC a ponte”.
O concelleiro nacionalista subliñou que “esta é unha iniciativa conxunta do BNG dos concellos que comparten este elemento cultural e patrimonial, porque consideramos que un elemento destas características, con máis de 1.500 anos ás súas costas debe contar cunha especial protección, mais tamén dunha mellor promoción por parte da administración, tanto a municipal como a galega”. Baz engadíu que “o concello de Teo conta cun rico patrimonio histórico que hai que recuperar, protexer e promocionar, así pois temos a oportunidade mais correspóndelle á administración actuar con compromiso e responsabilidade”.


Colexio Oficial Traballo Social - Reunión co concello de Santiago

A Presidenta do Colexio Oficial de Traballo Social de Galicia, Marta Capeáns, e a Concelleira responsable de Políticas Sociais, Diversidade e Saúde do Concello de Santiago, Concepción Fernández, veñen de ter unha xuntanza en representación de ambas institucións onde se intercambiaron impresións a respecto da situación de deterioro dos servizos sociais. Capeáns trasladoulle á representante do Concello as inquedanzas da profesión e un pequeno dossier onde se recolle “a análise actual de situación, propostas de mellora para o Concello de Santiago e unha proposta de colaboración co COTSG”, indica a Presidenta do Colexio. Entre os principais eixos de actuación que se propoñen ao Concello están o da necesidade de volta ao modelo de atención descentralizada, incidindo nun modelo de atención que garanta a calidade e o traballo e intervención acaída coas persoas usuarias.

No documento, o COTSG lembra cales son os puntos esenciais que deberían ter as futuras políticas xerais en materia de servizos sociais, cun sistema “que amosou a súa eficacia dende os anos 80 pero que agora é necesario ampliar a súa cobertura para satisfacer as novas e crecentes necesidades, en Santiago, en Galicia ou no Estado, a crise do modelo é xeral”. No que se refire aos aspectos de mellora, trasladóuselle a necesidade de ampliar profesionais na atención social, cumprindo os ratios de cando menos unha traballadora social por cada 8000 habitantes, así como ideas para mellorar e reducir os tempos de espera da primeira cita. Tamén lembrouse a necesidade da reestruturación do persoal para unha atención diversificada en todos os barrios e ofreceuse a colaboración do Colexio a participar na elaboración e posta en marcha dun Servizo de Atención ás Emerxencias Sociais.

Esta xuntanza enmárcase na rolda de reunións con concellos para dar traslado das medidas que o COTSG entende fundamentais para reordenar e mellorar o sistema. Xa se mantiveron reunións con Ferrol, Coruña e Santiago, e, indica Capeáns, “seguiremos tentando concienciar e sensibilizar aos cargos públicos para que poñan en marcha medidas de apoio social para a cidadanía, especialmente para aqueles colectivos que se atopan en situacións de emerxencia ou vulnerabilidade”. 

Ames - Solicitude de hortas urbanas no Milladoiro

Ser maior de idade, figurar inscrito/a no Padrón do Concello de Ames, estar física e psiquicamente capacitado para realizar traballo de horta e estar ao corrente no pagamento das obrigas tributarias municipais son algúns dos requisitos que se requiren para poder acceder a unha das 10 parcelas de horta que o Concello pon a disposición dos veciños/as no Milladoiro. Ademais os/as adxudicatarios/as das hortas deberán asistir a un curso de formación sobre “prácticas sostibles nas hortas urbanas”, impartido polo Concello de Ames, e deberán seguir o manual de boas prácticas de agricultura sostible facilitado no curso. As parcelas adxudicaranse por prazo dun ano prorrogable por un ano mais. O prazo para presentación de solicitudes comeza hoxe e alongarase ata o 18 de setembro de 2015 debendo presentarse as devanditas solicitudes por rexistro, tanto nas Oficinas Municipais do Milladoiro, como na casa do Concello en Bertamiráns. A Instancia de solicitude poderá descargarse da sección avisos da páxina web do Concello de Ames ou recollerse nas dependencias municipais de Bertamiráns ou do Milladoiro.

O número de parcelas obxecto desta convocatoria é de 9, en concreto están dispoñibles as fincas 2, 6, 16, 17, 25, 30, 32, 35, 39 e 43, situadas na parcela denominada como "Dotacional" e pertence ao Plan Especial de Reforma Interna. P.M.6- 01 rúa do seixo- rúa Codeseira. As parcelas adxudicaranse por prazo dun ano prorrogable por un ano mais. 

Para poder acceder á solicitude do uso das hortas deberanse cumprir os seguintes requisitos: ser maior de idade, figurar inscrito/a no Padrón Municipal de habitantes do Concello de Ames, estar física e psiquicamente capacitado para realizar traballo de horta, estar ao corrente no pagamento das obrigas tributarias municipais e asinar o documento de aceptación e cumprimento das obrigas expostas na Ordenanza reguladora das hortas urbanas solidarias e sostibles do Concello de Ames. 

Aínda que o acceso as hortas está aberto a todos os /as veciños de Ames debido ao fin social e solidario das mesmas reservarase un 14 % das parcelas, o que neste caso corresponde a unha parcela, para casos de emerxencia social informados polos Servizos Sociais do Concello de Ames e outro 14 %, outra parcela, para persoas maiores de 65 anos. Estas parcelas, no caso de non ser solicitadas por estes colectivos pasarán a ser de uso xeral. 

Prazo de presentación de solicitudes e documentación requerida 
O prazo para presentación de solicitudes será do 2 ao 18 de setembro de 2015 debendo presentarse as devanditas solicitudes no Rexistro Xeral do Concello de Ames, tanto na oficina de rexistro de Milladoiro como na Casa do concello de Bertamiráns. Os interesados/as deben presentar a instancia na que se solicita a autorización de uso dunha parcela, unha fotocopia cotexada do DNI ou do documento que legalmente o substitúa, 2 fotografías recentes, unha fotocopia cotexada do libro de familia, unha declaración xurada de compromiso de coidado e mantemento da horta, un informe médico onde se indique que o/a solicitante e/ou os membros da unidade familiar que vaian a cultivar a horta poden realizar tarefas agrícolas sen risco para a súa saúde. Ademais os interesados/as poden presentar calquera documento que se estime oportuno para acreditar as circunstancias especiais que xustifiquen a autorización de uso de hortas sostibles e, se fose o caso, un informe dos Servizos Socias do Concello de Ames. O Concello comprobará de oficio o empadroamento e a ausencia de infraccións e débedas tributarias municipais. 

A Instancia de solicitude poderá descargarse da sección avisos da páxina web do Concello de Ames ou recollerse nas Oficinas Municipais de Atención Veciñal do Milladoiro, Rúa de Abaixo nº 10 Milladoiro ou no departamento de Medio Ambiente, Casa do Concello, Bertamiráns. 

Unha vez presentadas as solicitudes, estas serán avaliadas pola Comisión á que fai referencia o artigo 13 da Ordenanza, creada na presente resolución de convocatoria, e será elaborada unha lista provisional que será sometida a exposición pública a efectos de alegacións, por prazo de 10 días hábiles. Finalizado este prazo e resoltas as alegacións que se houberan presentado, será elaborada, a proposta da Comisión, unha lista definitiva, a cal será publicada nos taboleiros de anuncios e na páxina web municipal. 

Coa publicación da lista definitiva indicarase o día, lugar e hora para a realización do sorteo de adxudicación das hortas, debendo realizarse un sorteo para cada unha das modalidades. Á vista do sorteo a Comisión fará a proposta de adxudicación, e mediante resolución de Alcaldía serán adxudicadas as hortas, podendo establecerse, de ser o caso, unha lista de agarda. Realizada a adxudicación das hortas, procederase no prazo de 15 días a expedir as correspondentes autorizacións para uso privativo das hortas. 

Non poderán acceder a unha destas hortas urbanas as persoas que na súa unidade familiar teñan algún membro que xa sexa usuario/a de horta urbana municipal e sostible e solidaria do Concello de Ames. Tampouco poderán acceder a unha destas concesións as persoas que fosen privadas dunha horta urbana sostible e solidaria previo expediente sancionador. A Instancia de solicitude poderá descargarse da sección avisos da páxina web do Concello de Ames ou recollerse nas Oficinas Municipais de Atención Veciñal do Milladoiro, Rúa de Abaixo nº 10 Milladoiro ou no departamento de Medio Ambiente, Casa do Concello, Bertamiráns. 

Nas solicitudes indicarase si se opta pola modalidade de maior de 65 anos, emerxencia Social ou libre. Non se permite a presentación de mais de unha solicitude por unidade familiar, e o seu incumprimento orixinará a exclusión automática da solicitude. Os/as adxudicatarios/as das hortas deberán asistir a un curso de formación sobre “prácticas sostibles nas hortas urbanas”, impartido polo Concello de Ames, e seguirán o manual de boas prácticas de agricultura sostible facilitado no curso. 

“Coa posta a disposición dos espazos hortícolas preténdese que a poboación adopte unha actitude activa na ocupación do seu tempo libre e de ocio. Trátase de facilitar a intervención de cidadáns no desenvolvemento sostible, facilitar a relación de coexistencia xeracional entre os veciños/as, e así mesmo, unha contribución ás economías familiares que se vén favorecidas polos cultivos de autoconsumo”, declara Catuxa García, concelleira de Medio Ambiente.

USC - probas de acceso a compañía de teatro

A Aula de Teatro da USC iniciará o novo curso escénico a vindeira semana coa celebración das probas de acceso á compañía de teatro universitaria. As persoas interesadas deberán acudir ás probas que se celebrarán os días 7, 8 ou 9 de setembro na sala de teatro Roberto Vidal Bolaño (Auditorio Universitario) a partir das 18.30 horas.

Do mesmo xeito, a Aula comezará a programación de formación da escola de teatro. O luns 21 de setembro está previsto un encontro informativo sobre o funcionamento de cada un dos itinerarios formativos que se poden seguir, interpretación, dirección e escrita teatral. Esta xornada celebrarase ás 18.00 horas, tamén na sala Roberto Vidal Bolaño. Ao día seguinte, o martes 22, está prevista a celebración de entrevistas coas persoas interesadas nos itinerarios de dirección e de escrita e que, previamente, participaran no encontro do luns. Xa o mércores 23 iniciarase a matrícula para todos os itinerarios e o día 5 de outubro comezarán as sesións de aula.

Para acadar máis información, as persoas interesadas poden dirixirse aos teléfonos 8818 11103 ou 8818 11021, así como no blog auladeteatrodausc.wordpress.com ou na web www.usc.es/cultura.

Silleda - Picado dos campos de fútbol

O Concello de Silleda continúa acometendo tarefas de mellora e mantemento nos recintos deportivos. Así, e tal e como se anunciara en días pasados, estanse a levar a cabo tarefas de picado no campo de Os Mularedos, en Lamela. Para realizar estes traballos ademais de empregados municipais tamén están a traballar máquinas da Deputación, que realizan o picado do terreo ao que despois se lle bota area.

Con esta acción mellóranse as capacidades de filtración do campo contribuindo a mellorar a drenaxe.

A concelleira de Deportes, Ana Luisa González, e o concelleiro de Obras e Servizos, Klaus Brey, visitaron o campo de Lamela, onde comezaron esta semana as tarefas de picado.

Con esta iniciativa dase resposta as demandas dos clubes para a posta a punto das instalacións de cara a tempada que agora comeza.

Nos vindeiros días as tarefas de picado do terreo de xogo trasladaránse ao campo de Agronovo, na parroquia de Laro.

Axenda e tempo do xoves 3 de setembro - Música, cine, exposicións

Santiago - Numax 

Santago - Casa das Crechas - Swing Cromática Pistona 

Santiago - Fundacion Granell - presentacion de wosinc

Exposicións

Santiago - Museo do Pobo Galego - Estalote

Santiago - Fundación Granell - 20 formas de cambiar el mundo (ata decembro)

Santiago - Cidade da Cultura - Memorias de familia (ata o 9 de setembro)

Santiago - Cidade da Cultura - Camiño, A orixe (ata o 13 de septembro)


O Tempo

Ames - Noite dos morcegos en Bertamiráns

A Concellaría de Medio Ambiente propón para o sábado, 5 de setembro, “A noite dos Morcegos”, unha actividade encamiñada a achegar ao público coñecementos sobre este grupo, bastante descoñecida e rodeada de literatura, lendas e crenzas populares que lle confiren unha certa mala fama. O Pazo da Peregrina acollerá a partir 19:00 unha charla introdutoria sobre a bioloxía e a importancia ecolóxica dos quirópteros. Logo, a partir das 20:00 no Rego dos Pasos, en Bertamiráns, terá lugar unha sesión científica de captura con detectores de ultrasóns, redes de néboa e diverso material científico. As inscricións para participar desta “Noite de Morcegos” poden realizarse directamente na Concellaría e Medio ambiente, na Casa do Concello, en Bertamiráns, ou ben a través do correo electrónico:auladanatureza@concellodeames.org ou o teléfono 660004665.

Que son? onde viven? Que curiosidades ofrece a súa morfoloxía? De que se alimentan? Cantas especies hai? É certo que algúns deles chupan sangue? Teñen algún fundamento as características que neste senso lles atribúe a literatura e o cine? E certo que das máis de mil especies que existen no mundo, só hai tres en América aos que si se lles pode chamar “vampiros” no senso de que gostan de alimentarse de sangue animal? Estas son algunhas das cuestións que se abordarán en “A Noite dos Morcegos”. Ademais os asistentes coñecerán a través dunha sesión científica real os detectores de ultrasóns, as redes de néboa e diverso tipo de material científico utilizado para a captura e o estudo destes animaliños da especie dos quirópteros.

Ademais da finalidade divulgativa, o obxectivo desta actividade, segundo a concelleira de Medio Ambiente, Catuxa García, é tamén o de quitarlles un pouco a mala fama a estes animais e incidir na función que desenvolven para o equilibrio do ecosistema: “O Obxectivo principal desta actividade e achegar ao público en xeral un grupo, o dos quirópteros -morcegos-, bastante descoñecida e que polo xeral está rodeada de lendas e crenzas populares que lle dan mala fama. Quizais por esta fama os morcegos son pouco “queridos” esquecendo a importante función que desenvolven nos ecosistemas e mesmo no noso día a día xa que nunha noite son capaces de comerse ata 100 mosquitos”.




“A noite dos morcegos” está dirixida a todos os públicos. A actividade é gratuíta. Hai treinta prazas e é preciso inscribirse. Os interesados/as poden facelo directamente na Concellaría e Medio ambiente, na Casa do Concello, en Bertamiráns, ou ben a través do correo electrónico: auladanatureza@concellodeames.org ou o teléfono 660004665.

Silleda - Excursión de mulleres a Paris

O Centro de Información ás Mulleres (CIM) de Silleda organiza do 6 ao 9 de novembro próximos unha excursión a París, na que participarán un total de 55 veciñas do municipio.

A concelleira de Benestar Social, Pili Peón, e as integrantes do CIM, a directora do Carmen Miranda, e a psicóloga Anxos García, presentaron hoxe esta iniciativa antes as participantes. Ademais de lembrar as funcións deste centro de atención ás mulleres, tamén explicaron os pormenores da expedición á capital francesa.

Con esta viaxe búscase favorecer e potenciar a presenza e participación das mulleres de Silleda en todos os ámbitos da vida cultural do municipio, facilitándolles a posibilidade de vivir e de coñecer a historia e o patrimonio cultural doutros países e rexións.

A saída e a chegada será dende o aeroporto de Porto

Esta viaxe á capital francesa súmase ás realizadas en anos anteriores a cidades como Bruxelas ou Roma.

Psoe Teo - Enmenda aos orzamentos do estado cara a conseguir medidas para a N-550

Un ano máis, e xa van 3 anos consecutivos, os Socialistas de Teo impulsaron que se incluísen nas emendas ao Orzamentos xerais do Estado para o ano 2016, unha partida para a mellora de seguridade viaria na N-550, ao seu paso por Teo, cunha contía inicial de 100.000 euros.

Esta partida destinada ao acondicionamento e a humanización desta estrada inclúe como elemento fundamental a construción dunha rotonda na cruce do Espiño, en Francos. 

Esta infraestrutura solicitada en múltiples ocasións polos veciños sería a solución a un perigoso cruce con marquesiñas e paradas escolares, sen pasos de peóns e onde os vehículos poden circular a 100 km/hora.

O estado xeral da propia N-550 foi motivo doutra emenda socialista aos Orzamentos-2016, esta xa a nivel galego e cunha contía de 5.000.000 euros, onde se recolle a necesidade de impulsar un proxecto integral que permita actuacións de mellora da seguridade viaria e de integración nas mallas urbanas que atravesa, tanto nas provincias de Coruña como de Pontevedra.

Así mesmo, os Socialistas de Teo tamén impulsou a inclusión nas emendas a estes Orzamentos, dunha partida de 75.000 euros destinada ao arranxo do paso soterrado de Vilaverde, en Calo, coñecedores e denunciantes do asolagamento reiterado, causado por unha obra mal executada por ADIF.

Uxía Lemus, portavoz dos Socialistas de Teo, sinala que: “agardamos que o PP estatal amose algún grado de coherencia co apoiado polos seus representantes a nivel municipal, e permita a aprobación destas emendas tan necesarias e fundamentais para a cidadanía teense. A mellora da seguridade viaria na N-550, xa recollido no noso programa electoral, debe ser un dos elementos prioritarios e un obxectivo a cumprir a corto prazo”.

Frades - Resultados do Torneo de Pádel

Manuel Rey Alvela e José Viqueira acaban de proclamarse campións do Torneo de Pádel do Concello de Frades, no que competiron seis parellas de xogo. Os gañadores derrotaron na final a Juan Carlos Maroño e Carlos Rivera, cun resultado de 6-0 e 6-3. 

Rey e Viqueira accederon á final tras vencer á parella Ricardo-Iago por 6-0. A outra semifinal, tamén disputada a un set, rematou cun resultado de 6-1, a favor de Maroño e Rivera fronte a Brais-Carlos. 

A competición, que este ano chegou á súa sétima edición, disputouse na pista municipal de pádel de Papucín, contigua á piscina. Recibiron trofeos os campións e os subcampións, de mans do técnico municipal de Deportes, Lino Espiñeira.

Lalín - Resposta sobre a zona azul na avenida de Bos Aires

agradecéronlle ao alcalde de Lalín que non votase a favor da iniciativa do Partido Popular para estender a zona azul a esa rúa. Ao mesmo tempo tamén lle negaron a Rafael Cuíña que houbese unanimidade entre os veciños para pedir a implantación desta medida, tal e como sostivo no pleno do pasado xoves o portavoz do Partido Popular, José Crespo. 

En contra do afirmado polo xefe da oposición, estes veciños rexeitan a aplicación deste modelo para regular o estacionamento na avenida Bos Aires xa que, din, non se trata dunha rúa comercial e non se necesita esa rotación no aparcamento. Felicítanse de que o Goberno, xunto co BNG, botase abaixo esta iniciativa do Partido Popular.

Tras manter esta xuntanza, o alcalde afirmou que o Goberno municipal non vai admitir “que se utilicen os intereses de todos con fins particulares e que se minta sobre supostas unanimidades que so existen na mente dos que pensan que aínda mandan, cando a realidade é que agora hai un Goberno de integración que mira polo intereses de todos e non só polos do Partido Popular”. 

Por outra banda, Rafael Cuíña lembrou que a compra do parking Europa e a súa próxima entrada en funcionamento implicará unha reordenación do concepto de zona azul en Lalín.