PRETO DE 500 PERSOAS ASISTIRON Á VELADA LITERARIA MUSICAL
DAS LETRAS GALEGAS
18 de maio de 2012.- Preto de cincocentas persoas acudiron a
presenciar a velada literaria musical coa que o Concello de Teo celebrou o Día
das Letras Galegas, en colaboración co tecido asociativo cultural do municipio.
A ampla asistencia deixou pequeño o auditorio do Centro Sociocultural da
Ramallosa, que acolleu a actividade a pasada tarde.
A velada literaria musical desenvolveuse segundo o programa previsto.
Comezou coa lectura, a modo de manifesto, do texto de
Florentino L. Cuevillas "Sementeira", a cargo do alcalde, Martiño
Noriega. De seguido, alumnado do obradoiro municipal de guitarra e Xoán Curiel
intrepretou "Quen puidera namorala", de Cunqueiro.
| Teo - Día das Letras Galegas - Maio 2012 |
O grupo de Canto Aleceia interpretou
despois textos de Curros Enríquez, Afonso X, Martín Códax e Castelao. As
pandeireteiras da Asociación Cultural Rosalía de Castro ofreceron unha
interpretación de textos de López Abente e de Amado Carballo.
Despois, proxectouse o documental
"O carro e o home", de Xaquín Lorenzo, e os gaiteiros e o grupo de
baile da Asociación Cultural A Pontevella recitaron e interpretaron un texto de
Xoán M. Pintos. A Mámoa ofreceu na súa actuación unha dramatización do conto
"O Lordanas", de Ánxel Fole.
Representantes de distintos grupos
políticos da corporación municipal leron textos entre as sucesivas
actuacións. E do remate encargouse a Banda de Gaitas da Sociedade
Recreativa de Calo, que interpretou e recitou a Añón, Rosalía e Pondal,
acabando a velada co Himno Galego.
Ningún comentario:
Publicar un comentario