OS ALUMNOS DO CURSO DE HABILIDADES SOCIAIS PARA DISCAPACITADOS DA MANCOMUNIDADE DE ORDES CELEBRAN O DÍA INTERNACIONAL DAS PERSOAS CON DISCAPACIDADE
Os alumnos e alumnas leron un manifesto baixo o lema “Ponte no meu lugar” e entregaron uns cadros feitos por eles mesmos aos directores dos centros educativos de Ordes
02 de decembro de 2011.- “Ponte no meu lugar”. Baixo este lema celebraron hoxe o Día Internacional das Persoas con Discapacidade os alumnos e alumnas do Curso de Habilidades Sociais para Persoas con Discapacidade, que organiza a Mancomunidade de Municipios de Ordes. Un acto celebrado na aula adaptada do Mesón do Vento e no que participaron 14 dos 16 alumnos inscritos neste curso, as súas familias e representantes de todos os centros educativos de Ordes.
Dous dos alumnos deron lectura ao manifesto “Ponte no meu lugar”, no que lle piden á sociedade que “por un momento, ponte no meu lugar. Teño recoñecida unha discapacidade, pero eso non me impide facer moitas cousas. Eu sei ler e escribir e son capaz de facer distintas tarefas e actividades. Sen embargo, permanezo inactivo na casa, pois todavía me atopo con moitas barreiras e obstáculos para poder participar na sociedade actual. Pero eu son coma ti e quero ter as mesmas oportunidades. Para ter un emprego adaptado ás miñas capacidades e ser o máis autónomo e independente posible Verdade que me comprendes se te pos por un momento no meu lugar?”.
Autosuficiencia persoal
Unhas demandas que foron compartidas por Silvia Marín, primeira tenente de alcalde de Ordes e concelleira de Educación, Mantemento e Servizos, quen actuou en representación do presidente da Mancomunidade de Municipios da Comarca de Ordes, Manuel Regos Boquete. Marín Pereiro asegurou que coa organización de cursos como este “intentamos que estas persoas aprendan e recorden cousas que sabían pero, ademais, que adquiran técnicas de autosuficiencia persoal”.
Así o confirmaron dous dos alumnos. “Eu aprendín a facer a cama e a dobrar a roupa”, explicou Bea; mentres que “onte fixemos macarróns con brócoli, e puxémolo a ferver”, corroboraba José. Neste sentido, tanto Silvia Marín como a concelleira de Diversidade Funcional de Ordes, Lucía Iglesias Mirás, coincidían en destacar os grandes avances experimentados polos alumnos deste curso nos últimos meses. “Había algúns que apenas falaban e agora se relacionan abertamente non só coas súas familias, senón con todo o mundo”, sinala Lucía Iglesias.
Un punto no que Silvia Marín quixo facer un recoñecemento especial “ás familias que sempre estades detrás apoiando” e tamén aos membros da comunidade educativa, para os que “actos coma o de hoxe serven para que vexades o que estamos facendo por este colectivo nunha actividade subvencionada única e exclusivamente polos concellos da Mancomunidade de Ordes”. Para rematar o acto, os catorce alumnos deste Curso de Habilidades Sociais para Persoas con Discapacidade (procedentes maioritariamente de Ordes pero tamén con xente de Oroso e de Mesía) fixéronlle entrega duns cadros aos directores e profesores dos distintos centros educativos de Ordes. Uns cadros elaborados por eles mesmos durante as clases.
Unhas sesións que están dirixidas por persoal docente especializado e se desenvolven de luns a venres, en horario de 9:30 a 13:30 horas. Nesas clases, os alumnos acceden a diversos contidos dirixidos a potenciar a súa autonomía persoal e as súas posibilidades de socialización. Así, entre outras actividades, desenvolven obradoiros de alfabetización, de cociña, de tarefas do fogar, de hixiene persoal ou de hábitos saudables nunha aula totalmente adaptada e na que dispoñen de todo o necesario para realizar esas prácticas.
O curso conta con 16 alumnos, cinco máis que o ano pasado, e está financiado pola Mancomunidade de Municipios de Ordes. A maioría dos alumnos pertencen ao municipio de Ordes e os demais proveñen de Mesía e de Oroso. Catorce dos alumnos teñen un grao de discapacidade recoñecido do 65% ou superior, polo que teñen dereito a achegarse ás clases facendo uso do servizo de transporte adaptado do 065. Os que non fan uso deste dereito empregan medios de transporte propios.