Silleda - os alumnos do IES Pintor Colmeiro fan hoxe unha ruta histórica


Alumnos do IES Pintor Colmeiro participan
 hoxe nun percorrido histórico por Trasdeza

O xeógrafo do Concello guiará aos estudantes do ciclo de Actividades Físico- Deportivas no Medio Natural por varios enclaves

Os alumnos do ciclo formativo de Actividades Físico-Deportivas no Medio Natural do IES Pintor Colmeiro de Silleda participarán hoxe venres na realización dun roteiro por varios lugares históricos do municipio. 

O percorrido, cun total de 10 kilómetros,  realizarase a pé e será guiado polo xeógrafo Afonso Leal. A saída será ás 09.00 horas dende o IES e a primeira parada será nos petroglifos da Peneda do Encanto, na parroquia de Siador. Logo trasladaranse ata a igrexa románica de Fiestras (século XIV), para continuar na torre gótica de Costela, en Margaride, parroquia na que tamén se achegarán á casa do pintor Manuel Colmeiro. Visitarán tamén o núcleo do Foxo, a antiga capital xurisdicional de Trasdeza e remataran a visita nos Castros de Toiriz, cunha explicación paisaxística e un resumo do percorrido.
O concelleiro de Cultura e Turismo, Matías Rodríguez da Torre explica que a  realización de roteiros coma este forma parte do traballo do xeógrafo. “Ademais tamén serven como recurso no ámbito turístico para a realización de paquetes a ofertar á xente que visite Silleda”. 

Ningún comentario: