Santiago – axenda sábado 17, actuacións policía local e corte de tráfico

Sábado 17

De 9.00 a 14.00 h

No Parlamento de Galicia, o alcalde compostelán, Xerardo Conde Roa, asiste á fase final do Parlamento Xove na que participan os centros composteláns de La Salle e Rosalía de Castro.

12.30  h

Na Fundación Gonzalo Torrente Ballester, sesión do programa concertos dirixidos ás familias compostelás “Os contos no país do xeo”, que a Concellería de Educación organiza a través da Escola Municipal de Música. A entrada é libre e de balde para todas aquelas familias e colectivos de tempo libre  que queiran participar nesta proposta, especialmente deseñada para nenos/ as entre os 4 e os 8 anos.

18.30 h

No Casino de Santiago, concerto con motivo da clausura das clases maxistrais de Violín a cargo de Anca Smeu, violinista coprincipal da Real Filharmonía de Galicia, no que van participar tanto o alumnado que asistiu ás clases como a súa profesora. Actividade organizada pola Concellería de Educación a través da Escola Municipal de Música.

20.30 h

Na Zona "C", 'Hamlet. A work in progress sobre o orixinal de William Shakespeare' de Alfredo Padilla. [en galego]

Xefatura do Corpo

SERVIZOS PRESTADOS POLA POLICÍA LOCAL

(Desde as 08:00 h. do día 15 ata as 08:00 h. do día 16 de marzo).

ACCIDENTES

Nas últimas 24 horas o Equipo de Atestados da Policía Local rexistrou TRES accidentes na cidade:

  • Ás 08.10 horas, produciuse unha colisión entre dous vehículos na rotonda de Conxo, con resultado de danos materiais.
  • Ás 10.45 horas, na rúa Berlín, prodúcese a colisión dun camión cun turismo, con danos materiais.
  • Ás 22.00 horas, na rúa Galeras, entre dous vehículos con resultado de danos materiais.

CONTROIS

-Contrólanse varios locais en canto ao horario de peche e ruídos.

-Instrúense dilixencias por unha alcoholemia positiva ao condutor dun vehículo que causa danos nunha árbore en Ramón Cabanillas.

-Denúnciase a unha persoa ao ser sorprendida ouriñando na vía pública na rúa Casas Reais.

ASUNTO: Corte de tráfico na rúa das Ameas

Con motivo da retirada dun guindastre instalado na Praza de Abastos cortarase ao tráfico a rúa das Ameas o luns 19 dende as 8.00 h ata as 17.00 h.

O Concello de Santiago de Compostela prega aos cidadáns desculpen as molestias que estas alteracións no tráfico lles poidan ocasionar.

Santiago – cancélase o concerto da Film Symphony Orchestra do luns 19

Film Symphony Orchestra cancela o seu concerto do luns 19 no Auditorio de Galicia

  • Foi unha decisión unilateral da empresa e por causas totalmente alleas ao Auditorio de Galicia, desde onde pedimos desculpas polas molestias que isto poida causar

Santiago de Compostela, 16/03/2012.- A Film Symphony Orchestra vén de anunciarnos que cancela o concerto do seu John Williams Tour 2011 previsto o vindeiro luns 19 ás 20.30h no Auditorio de Galicia. Por motivos alleos ao Auditorio de Galicia, polo tanto, vémonos obrigados a comunicar esta cancelación.

A todas aquelas persoas que tiveran mercada xa a súa entrada reembolsaráselle a cantidade do seu coste. Os que a mercaran a través de Novagaliciabanco non terán que facer ningunha xestión xa que a entidade procederá a devolverlles a cantidade a través do mesmo medio polo que fixeran o pago. Aqueles que mercaron as entradas na billeteira do Teatro Principal, teñen que achegarse coa entrada para que lle sexa abonada a devolución. Lembramos que as billeteiras do Teatro Principal están abertas de martes a sábado de 18.00 a 21.00h.

Desde o Auditorio de Galicia lamentamos profundamente as molestias que poida causar esta cancelación que, como xa dixemos, foi unha decisión unilateral de Film Symphony Orchestra e por causas totalmente alleas ao Auditorio.

PSOE Ames – un ano sen resolver o concurso de transporte adaptado

image image

BNG Ames – Alberte Souto novo responsable local

O BNG de Ames elixe os seus órganos locais e nomea responsábel local a Alberte Souto

Ames, 16/marzo/2011.- A Asemblea Local do BNG de Ames procedeu á renovación do Consello Local, así como á avaliación da situación política no concello. A xuntanza, na que participaron arredor de medio centenar de afiliados e afiliadas ao BNG na localidade de Ames, procedeu á escolla de responsábel local, que será Alberte Souto, e do Consello Local, acordo que obtivo un respaldo unánime.

A Asemblea elixiu como responsábel local a Alberte Souto, veciño de Ames, que desempeñara esta función nos últimos 8 meses e tamén fora membro do Consello Local do BNG de Ames en anteriores períodos. Dentro da súa actividade política destaca ter sido membro do Consello Nacional do BNG (2009-2011) e secretario xeral na Consellaría do Medio Rural entre 2005 e 2009. Na actualidade é membro do Consello Comarcal de Compostela e da Comisión de Garantías do BNG.

O Consello Local está formado por doce persoas máis, representativas das parroquias rurais e núcleos urbanos que conforman o concello de Ames, así como dos distintos sectores sociais. Na composición combinouse, así mesmo, a renovación co mantemento de referentes locais con acreditada experiencia e valía política, que ostentaron cargos institucionais relevantes na localidade. Dese xeito, tamén integrarán o Consello Local, Xosé Fernández, quen fora portavoz do BNG durante doce anos no concello de Ames e tivera responsabilidades nas áreas de cultura e normalización lingüística no período de cogoberno do BNG nesta localidade (2003-2007); Mercedes Vidal, que tamén foi concelleira durante 8 anos e exerceu como concelleira na área de medio ambiente entre 2005 e 2007; David Santomil, que exerceu o cargo de concelleiro na maior parte do anterior mandato municipal (2007-2010); e Xesús Casas, que tamén conta con experiencia na institución local en representación do BNG, no período de 1999 a 2003.

A renovación do órgano de dirección local virá da man de persoas que avanzan no seu compromiso co proxecto político do BNG. Por unha banda, desde unha dilatada militancia política mais alonxada da dirección política, como por exemplo, Xoan Xosé Hidalgo, veciño de Milladoiro quen acredita un amplo e recoñecido labor no deporte de base, e Vítor Manuel Giadás Sánchez, que encetara o seu labor político sendo candidato nas listas do BNG nas eleccións municipais de 2011. E por outra banda, con persoas cuxa adhesión ao nacionalismo é recente, como Isabel Moares Rei, que reside no Milladoiro e conta cunha ampla traxectoria vinculada ao sindicalismo nacionalista, ou Francisco Rei Grille, en representación de Galiza Nova.

Completan o Consello Local Paula Castro, veciña de Bertamiráns e vinculada ao sindicalismo e ao xornalismo; Isabel Vaquero, que vive no Milladoiro e desenvolve o seu traballo no eido da normalización lingüística e a difusión cultural; Vitoria Traveso, residente en Bertamiráns e cunha relación co nacionalismo constante desde as primeiras etapas da súa vida; e Xosé Faxín Vilasenín, veciño da parroquia de Piñeiro e cunha arraigada actividade no tecido asociativo veciñal. Estas persoas, que tiveran presenza en

 

dito órgano en distintas etapas, partillan, como nexo común, seren conscientes da necesidade de participar activamente para que as alternativas económicas, políticas e sociais que enarbora o BNG a prol dunha saída social á crise obteñan o máximo respaldo cidadán a fin de que non recaia nas maiorías sociais as negativas consecuencias dos axustes económicos impostos polos Gobernos do PP.

A Asemblea Local do BNG abordou tamén a situación política, avaliando que a curta estancia do PP ocupando as responsabilidades de Goberno a todos os niveis, fainos albiscar con preocupación a plena asunción do programa económico dos grandes poderes económicos e financeiros, e a disposición para levar a termo políticas de axuste económico que atentan contra dereitos e conquistas sociais atinxidas a prol das maiorías sociais, sendo un expoñente ilustrativo diso a aprobación da recente reforma laboral.

Por iso, o BNG de Ames acordou levar a termo no concello unha campaña explicativa sobre esta nova regulación laboral inútil no que atinxe á recuperación económica baseada na creación de emprego estábel e digno, que é a principal aspiración da maioría das persoas no noso país, mais eficaz para reducir a mínimos os dereitos laborais. Nos vindeiros días, o BNG estará presente nas rúas de Ames para sumar apoios ao rexeitamento da reforma laboral, tanto polo contido antisocial concreto que contén, como por representar unha medida máis dentro da política de retallamentos sociais que o actual Goberno está disposto a emprender, e animar á participación das mobilizacións convocadas polas organización sindicais representativas.

Finalmente, a Asemblea Local do BNG de Ames tamén reitera a todas e todos os amienses, particularmente aos máis de 2.000 que depositaron a súa confianza no proxecto e nas siglas do BNG nos dous procesos electorais celebrados en 2011, o noso compromiso de continuar desenvolvendo unha actividade política centrada en mudar as políticas regresivas actuais dos gobernos do PP, e en sumar apoios para que o nacionalismo amplíe os seus apoios co fin de representar acaidamente os intereses das maiorías sociais do noso concello.

Silleda – obras no campo de fútbol

Estanse a levar a cabo as obras de mantemento do campo de fútbol de Silleda

Silleda, 16 de marzo de 2012 DSC01690

Ao longo da xornada de hoxe levaranse a cabo algunhas obras de mantemento no campo de fútbol de Silleda que contemplan, sobre todo, o acondicionamento do céspede. Ata o mesmo, desprazáronse o Primeiro Tenente de Alcaldesa e Concelleiro de Obras, Manuel Cuíña, e o Concelleiro de Deportes, Klaus Brey, para supervisar os procedementos, e destacando a importancia de manter en estado óptimo, as instalacións deportivas municipais.

Esta posta a punto, que corre a cargo da Deputación de Pontevedra, comezou cunha limpeza do céspede, eliminando a sucidade que poida haber no campo, así coma os anacos de herba artificial que estaban soltos. A continuación, os operarios procederon a aplicar as partículas de caucho, para a continuación, pasar un cepillo que levantou as fibras de plástico.

Asemade, arranxaron e limparon os filtros do sistema de rego que estaba fallando, e un depósito da instalación, así coma outros pequenos estragos por desgaste.

Debido a estas tarefas de mantemento foi necesario suspender hoxe todos os adestramentos anteriores ás 20.00 horas, aínda que o técnico municipal deportes agarda que a partir desta hora se poida continuar coa dinámica habitual de todos os venres.

Ames – obradoiro de animáis de solo na aula da natureza

Un total de 50 nenos/as de primeiro de infantil do CEIP Agro do Muíño participan nun obradoiro para coñecer os animais do solo na Aula da Natureza obradoiro2

A actividade contou cunha breve explicación do tema e diferentes exercicios prácticos, adaptados á idade do alumnado. Os nenos e nenas visitaron unha carballeira para recoller follas e terras que depositaron nunha bolsa. Posteriormente, volveron ao interior da Aula da Natureza para esparexer a terra encima dunha tela e ver os animais que viven no solo.

O proxecto de Educación Ambiental do Concello de Ames márcase como obxectivo fomentar o coñecemento e a valorización do medio ambiente, así como colaborar na formación dunha conciencia crítica cos problemas ambientais.

Ames, 16 de marzo de 2012. Un grupo de alumnos do primeiro curso de Educación Infantil do CEIP Agro do Muíño, de entre 3 e 4 anos de idade, participaron hoxe pola maña nun obradoiro para coñecer os animais do solo e explorar como se relacionan co contorno que os rodea. A actividade, impartida pola coordinadora da Aula da Natureza, contou cunha breve explicación do tema e diferentes exercicios prácticos, adaptados á idade do alumnado. Así, os nenos e nenas visitaron unha carballeira, que está ao lado do edifico da Aula da Natureza, para recoller follas e terras que depositaron nunha bolsa. Posteriormente, volveron ao interior da Aula da Natureza para esparexer a terra encima dunha tela e ver os animais que viven no solo. O obradoiro desenvolveuse entre as 10:00 h e as 13:30 horas.

A Aula da Natureza está aproveitando o seu novo espazo físico, situado na parroquia da Ameixenda, para levar a cabo unha serie de actividades propias coas que dar a coñecer entre os máis novos do concello os diversos elementos da natureza. Así, dende a concellería de Medio Ambiente, Desenvolvemento Sostible e Sanidade púxose en marcha un programa de actividades dirixidas ao alumnado dos centros educativos amienses.
A coordinadora da Aula da Natureza foi a encargada de impartir o obradoiro de animais do solo, que estivo divido en tres partes. A primeira parte do obradoiro desenvolveuse no interior do edificio da Aula da Natureza, onde se lles falou aos nenos/as sobre os animais que viven no solo (saltóns, formigas, vermes, etc.). Tamén se lle preguntou aos rapaces e rapazas polos animais que eles coñecen. A coordinadora da Aula da Natureza realizou un terrario de miñocas de terra para que os nenos/as puidesen ver como se moven, como constrúen galerías na terra e como foxen da luz.

A continuación, os rapaces e rapazas saíron a unha carballeira, que está preto do edificio da Aula da Natureza, para recoller follas e terra que depositaron nunha bolsa. Unha vez chea a bolsa volveron para o interior da Aula, onde botaron a terra encima dunha grande tela. Deste xeito, puideron observar a gran cantidade de bichos e animais que viven no solo. Antes de pasar a seguinte parte do obradoiro o alumnado fixo un pequeno descanso para almorzar.

Tralo descanso os nenos e nenas viron unha exposición de insectos que pertence á Universidade de Santiago de Compostela. Os rapaces e rapazas puideron coñecer todos os insectos e pequenos bichos que viven na terra, na madeira e entre as follas. Por último, os nenos/as fixeron unha pequena manualidade para levar para as súas casas e así lembrar o obradoiro no que participaron. Cómpre lembrar que toda a terra e follas que se empregaron para o desenvolvemento das diferentes actividades que se realizaron, posteriormente volvéronse a depositar no seu lugar de orixe.

As concellarías de Medio Ambiente, Desenvolvemento Sostible e Sanidade e de Cultura, Educación e Patrimonio están a promover unha serie de actividades dirixidas aos centros de ensino e ANPAS do concello co obxectivo de unir esforzos en materia de educación ambiental. Así, o Proxecto de Educación Ambiental do Concello de Ames márcase como obxectivo fomentar o coñecemento e a valorización do medio ambiente, así como colaborar na formación dunha conciencia crítica cos problemas ambientais.

Silleda – reunión Sobre a traída de auga en Saidres

A Alcaldesa de Silleda e o Concelleiro de Obras reuníronse onte cos veciños de Saídres para informalos sobre a traída de auga municipal
Silleda, 16 de marzo de 2012
A Alcaldesa de Silleda, Paula Fernández Pena, e o Concelleiro de Obras e Servizos, Manuel Cuíña, mantiveron onte pola noite unha reunión cos veciños de Saídres, no centro social parroquial, para informalos sobre o servizo de traída de auga municipal.
O edil puxo en coñecemento dos presentes que a pasada semana as instalacións quedaron transferidas á concesionaria de augas, e os veciños xa poderán comezar enganchar a auga para os usos que prefiran.
Dependendo para o que queiran empregar a auga, os veciños poden darse de alta no réxime doméstico ou no réxime agrogandeiro; a diferenza entre un e outro radica na cantidade mínima de metros cúbicos trimestrais. Para uso doméstico, o mínimo son 45 metros cúbicos por tres meses, e por un prezo de 19,33€. Polo réxime gandeiro, o mínimo son 75 metros cúbicos, saíndo o m3 a 0,36€, e por unha cota trimestral de 31€. A auga que se consuma que se pase do mínimo, pasará a custar 0,58€/m3.
As taxas, serán as mesmas para os dous réximes, e están establecidas en 0,91€ de mantemento de contador e 0,91€ de acometida, que se abonaran canda os devanditos recibos e coa mesma periodicidade. Para unha mellor comprensión de todos estes puntos, o concelleiro puxo exemplos con facturas doutras acometidas, tamén de parroquias de Silleda.
Os veciños deberán achegarse á concesionaria municipal para darse de alta no servizo, debendo acreditar que están ao día no pago dos recibos do IBI e o Lixo.
Información sobre o PXOM
Os veciños requiriron ademais información sobre o PXOM, e a Alcaldesa de Silleda, Paula Fernández Pena, explicoulles aos presentes os prazos que se manexan para a súa aprobación.
Asemade, explicoulles que cando sexa o período de exposición pública, poderán ir ao Concello de Silleda a consultalo, aínda que tamén se intentaría facer unha reunión en cada Parroquia do Concello, para que todo o mundo saiba en que situación se atoparían os seus terreos no plan.
Na reunión, a rexedora explicou a necesidade de que o PXOM saia adiante canto antes, xa que supón beneficios para todos, posto que entre outras cousas, axudaría á reactivación económica a do Concello, tanto no ámbito urbano, coma no rural.
Rematou a reunión explicando que, ante a dura situación económica que está a vivir o Concello de Silleda, é necesario establecer unha serie de recortes que afectarán tanto a servizos, como a taxas, entre outros. Por iso, a Alcaldesa pediu a todos os veciños de Saídres, que entendan que se trata dun esforzo entre o concello e os cidadáns para poder saír de novo a flote.

Santiago – Simon Finn este domingo no Principal

Simon Finn no Teatro Principal dentro do ciclo ‘Íntimo&Acústico’

  • O concerto será este domingo, día 18, ás 20.00h no Teatro Principal

  • Con Simon Finn, e Daniel Higgs, que estará o día 26 na Zona “C”, chegan as propostas máis underground e alternativas do ciclo

Santiago de Compostela, 16/02/2012.- Aline Frazao inaugurou en febreiro o novo ciclo da concellería ‘Íntimo&Acústico’. Agora, continuamos coas propostas deste ciclo que promete grandes citas musicais na nosa cidade. Este mes de marzo teremos a Simon Finn, ‘Palabra de Muller’ e Daniel Higgs. Con Simon Finn, que estará este domingo, día 18 no Principal, e Daniel Higgs, o día 26 na Zona “C”, chegan as propostas máis underground e alternativas do ciclo. A partir de abril teremos, entre outros e xa confirmados, a The Bright, Maika Makovski (con Gentle Music Men de teloneiro), Abe Rábade Trío e Sumrrá e, xa no mes de xuño, Ariel Rot.O concerto de Simon Finn será, como diciamos, este domingo, 18 de marzo, no Teatro Principal a partir das 20.00h. As entradas a 8 euros, poden mercarse na billeteira do Teatro Principal (aberta de martes a sábado e os días de evento de 18.00 a 21.00h.).

Simon Finn, ao que acompañarán en directo Joolie Wood (violín) e Maja Elliott (piano), ambas as de Current 93, dará o seu primeiro concerto en Galicia para celebrar o 40º aniversario da publicación da seminal obra Pass The Distance (1970). Simon Finn foi un dos puntais á sombra do folk progresivo inglés dos 60. Todo un referente para grandes grupos como Comus, que viron nel unha nova maneira de enfocar o folk máis inconformista, o que ía do progresivo ao psicodélico. Axudado por David Toop, puxo en circulación unha obra de referencia do folk experimental de finais dos 60, ‘Pass the distance’ un tratado, agora reeditado, de psych-folk alucinado e descarnado, un exemplo da aceleración emocional da música tradicional. Hoxe reivindícano os novos paladíns do ácido-folk e toda unha lexión de seguidores, entre quen se atopan David Tibet, de Current 93, onde Finn toca a guitarra. Por primeira vez en Galicia, Simon Finn en directo. Unha ocasión irrepetible.

Simon Finn, artista maldito e xenial, esquecido durante décadas e recuperado grazas a David Tibet (Current 93), gravou o seu primeiro disco no seu Inglaterra natal alá por 1969, acompañado nas sesións de estudo por David Toop e Paul Burlwell. 'Pass The Distance' foi editado en Mushroom Records en 1970, pero por problemas legais tivo que ser retirado do mercado e Simon desapareceu dos escenarios e da vida pública, marchando a vivir a Canadá, onde desempeñou todo tipo de traballos (profesor de karate, agricultor...) ata que por fin se estableceu en Montreal en 1980.

Durante estes anos 'Pass The Distance' converteuse nun disco de culto da escena psych-folk, moi apreciado polos coleccionistas e obxecto de numerosas conversacións e historias. Non foi até 2003 cando David Tibet (Current 93) conseguiu dar coa pista de Simon Finn, convencéndolle de reeditar o disco no seu selo Durtro/Jnana. A publicación do disco coincidiu cos primeiros concertos de Simon en máis de 30 anos, compartindo escenario nin máis nin menos que con Six Organs Of Admittance e Current 93 nunha das súas escasas aparicións en directo en Toronto. A continuación Simon descubriu unha nova vida como músico que lle levou a percorrer toda Europa e Norteamérica, en solitario e como membro da versión en directo de Current 93, que inclúe tamén a Ben Chasny, Baby Dee, Maja Elliott, Jolie Wood ou Matt Sweeney entre outros.

Santiago – axenda venres 16 e actuacións da policía local

Venres 16

10.00 h e 10.45 h

No CEIP Mestre Rodríguez Xixirei (Esquipa, A Sabugueira, nº22) continúa o 2º ciclo de concertos didácticos nos centros de educación infantil e primaria de Santiago, organizados polo Departamento de Educación, a través da Escola Municipal de Música.

10.45 h

Na praza do Toural, a concelleira de Medio Ambiente, María Castelao, asiste a presentación do programa “MÓDULO ITINERANTE PARA A EFICIENCIA ENERXÉTICA”, desenvolvido por FUNDAinnovaCIÓN. Tamén asiste o director do INEGA, Eliseo Diéguez.

11.00 h

Na Casa do Concello, ROLDA DE PRENSA do alcalde compostelán, Xerardo Conde Roa, e do presidente da Xunta de Confrarías, Isolino Castiñeiras, para presentar a programación da Semana Santa 2012.

11.30 h

Na Casa do Concello, ROLDA DE PRENSA do voceiro do grupo municipal do BNG, Rubén Cela, sobre asuntos de carácter local.

12.00 h

Na Casa do Concello, ROLDA DE PRENSA do voceiro do grupo municipal socialista, Xosé A. Sánchez Bugallo, sobre asuntos de carácter local.

12.30 h

Na Casa do Concello, ROLDA DE PRENSA do alcalde compostelán, Xerardo Conde Roa, e da secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, para presentar o proxecto “Patinando o Camiño”.

18.30 h

Na Casa do Concello, recepción aos participantes na Asemblea anual da Federación española de asociacións de amigos do Camiño de Santiago, con motivo do seu XXV Aniversario.

19.30 h

Na igrexa de San Francisco, o alcade compostelán, Xerardo Conde Roa, asiste, invitado pola Confraría da Veracruz, á presentación e entrega de medallas ás cofrades María Jesús Reboredo e Adoración López Goyanes.

20.00 h

No Auditorio de Galicia (Sala Mozart), charla-coloquio 'A dobre vida das imaxes. Isaki Lacuesta e o cinema catalán' a cargo de Santiago Fillol e presentada e moderada por Anxo Abuín dentro do Ciclo de Cinema Catalán que organiza a Área de Catalán da USC.

20.30 h

Na Zona "C", 'Hamlet. A work in progress sobre o orixinal de William Shakespeare' de Alfredo Padilla [en español].

20.45 h

No Auditorio de Galicia (Sala Mozart), proxección de Pau Riba, 'Jo, la donya i el gripau' de Isaki Lacuesta dentro do Ciclo de Cinema Catalán que organiza a Área de Catalán da USC. A continuación coloquio coa presenza dos directores Isaki Lacuesta e Santiago Fillol.

SERVIZOS PRESTADOS POLA POLICÍA LOCAL

(Desde as 08:00 h. do día 14 ata as 08:00 h. do día 15 de marzo).

ACCIDENTES

Nas últimas 24 horas o Equipo de Atestados da Policía Local rexistrou TRES accidentes na cidade:

  • Ás 11.40 horas produciuse unha colisión entre dous vehículos na rúa Torrente Ballester, con resultado dunha persoa ferida leve.
  • Ás 17.50 horas, na Rotonda Volta do Castro, unha colisión entre dous vehículos, con danos materiais.
  • Ás 21.50 horas, na Avenida de Lugo, consistente nunha saída de vía dunha motocicleta, con resultado dun falecido.

Teo – a policía local axiliza a xestión das sancions

A POLICÍA LOCAL DE TEO ESTREA UN SISTEMA INFORMÁTICO QUE AXILIZA A INSTRUCCIÓN E XESTIÓN DAS SANCIÓNS DE TRÁFICO

· O dispositivo consiste nun smartphone cunha impresora portátil, que remite a información do expediente en tempo real á Deputación

· A Policía lembra que o prazo de vinte días para beneficiarse do 50% de bonificación da sanción conta desde o intre da notificación

15 de marzo de 2012. A Policía Local de Teo estrea un sistema informático para a instrucción e xestión das sancións de tráfico, co que desterra os tradicionais boletíns de papel e axiliza todo o proceso. O dispositivo, que pertence ao proxecto ‘Diplus’ promovido pola Deputación da Coruña en diversos municipios da provincia, consiste nun teléfono móbil tipo smartphone cunha impresora portátil. A Policía teense conta con dúas unidades.

O sistema envía a información do expediente en tempo real á Deputación, administración na que o Concello ten delegadas as competencias en sancións de tráfico. Os axentes dispoñen no terminal móbil dos datos de todos os vehículos, xa que está conectado á base de datos da Dirección Xeral de Tráfico (DXT). Desta maneira, aforran diversas comprobacións que tiñan que facer ata agora, o que facilita formular a denuncia ao momento incluso cando o condutor non estea presente. Este adoita ser o caso dos estacionamentos indebidos, unha das causas de sanción máis frecuentes.

Ademais da maior rapidez na xestión e a reducción de traballo administrativo para a Policía Local, o feito de que os datos da denuncia se envorquen directamente na aplicación informática supón reforzar a seguridade da tramitación, xa que deixan de pasárselle a man á oficina de recadación da Deputación. Elimínanse posibilidades de erro e engádese unha nova garantía de transparencia á tramitación.

A Policía Local destaca que co novo procedemento o prazo para beneficiarse da bonificación legal do 50% na sanción comeza a contar desde que se lle notifica a denuncia ao infractor, independentemente de se a asina ou non. Cómpre lembrar que ese periodo é de vinte días. O sistema, que imprime unha copia para a policía e outra para a persoa sancionada, permite o pago directo no banco cun código electrónico que figura no impreso de denuncia.

A implantación deste equipamento non lle supuxo ningún custo ao Concello nin tampouco varía o pago que lle corresponde á Deputación pola delegación da competencia, equivalente a un 5% da recadación líquida. En cambio, tradúcese nunha mellora do servizo, pola rapidez, o aforro de traballo e a consolidación das garantías para a cidadanía.

Plataforma pola recuperación do SAR – invitación pública

A PLATAFORMA POLA RECUPERACIÓN DO SAR

INVITA  A

     ► axentes sociais e politicos

     ► asociacións

     ► veciños en xeral

á presentación da asociación

lugar: BERTAMIRÁNS, Casa da Cultura,

data: 16 de marzo, 20,30 h

Porque o Sar tamén é teu

www.defensadosar.blogspot.com

Brión – estrea do espectáculo desassossego

BRIÓN ACOLLE MAÑÁ VENRES A ESTREA DO ESPECTÁCULO “DESASSOSSEGO”, UN RECITAL TEATRAL DE DANDYLADY SOBRE O DESACOUGO DandyLady2

A actuación de Iria Pinheiro e Jesús Tejada terá lugar ás 20:30 horas no centro social polivalente. A entrada é libre e de balde

15 de marzo de 2012.- O grupo DandyLady, formación integrada pola actriz Iria Pinheiro e o músico Jesús Tejada, estreará mañá venres 16 de marzo en Brión o seu espectáculo poético-musical “Desassosego”. O auditorio do centro social polivalente de Brión foi o elidido por estes dous artistas para presentar a primeira montaxe de DandyLady, formación teatral de recente creación. Unha actuación que comezará ás 20:30 horas e cuxa entrada é libre e de balde.

“Desassossego” é un espectáculo músico-teatral duns 45 minutos de duración no que Pinheiro e Tejada musican poemas de varios autores como Fernando Pessoa, Sther F. Carrodeguas, Xiana Arias, Lupe Gómez, Lucía Aldao, Adilia López, Branca Novoneyra, Lois Pereiro, María Salgado, Luci Romero e Olalla Cociña. Cada poema conta cunha partitura realizada á súa medida, cun acompañamento musical moi especial, empregando instrumentos pouco convencionais (unha máquina de escribir, unha cámara de fotos analóxica, uns zapatos de tacón...) e rexistros sonoros de momentos e espazos desacougantes, coma entrar nun centro comercial ou sentir dende a casa o funcionamento do ascensor.

Relación con Brión

A representación terá lugar ás 20:30 hora e a entrada será libre e de balde ata completar aforo. O título da peza nace do “Livro do desassossego”, de Fernando Pessoa. De feito, o primeiro texto desta obra, "A morte do príncipe", é o que abre o recital. O nome do grupo, DandyLady, está inspirado nun poema de Lois Pereiro, “Dandy”, tamén incluído na escolma que se representará en Brión.

DandyLady é unha formación integrada por Iria Pinheiro (actriz) e Jesús Tejada (músico), dous artistas que traballan xuntos en proxectos musicais e noutros relacionados co cabaret ou coa danza dende 2007. A súa especial relación con Brión, onde teñen participado con outros espectáculos anteriores, fixo que escollesen este municipio para a estrea do que é o seu primeiro espectáculo, “Desassossego”.

Ames – comisión de seguemento da seca

O Concello de Ames crea unha comisión interdepartamental para facer un seguemento da seca e incentivar o consumo responsable de auga

A comisión analizou na súa primeira reunión a situación provocada pola escaseza de chuvias e avanzou as liñas de traballo a curto prazo. Entre outras, estudarase como reducir o consumo na rega e no baldeo de rúas e avaliarase a posibilidade de subministrar auga a través  das canalizacións xa excutadas da futura Estación de Tratamento de Auga Potable (ETAP) de Lens.

Segundo os datos recabados, o abastecemento de auga está garantido pero é necesario adiantarse a posibles complicacións e promover a concienciación dos cidadáns sobre os beneficios dun consumo responsable.

Ames, 15 de marzo de 2012. Coa finalidade de incentivar o consumo responsable de auga ante a situación provocada pola escaseza de chuvias, o Concello de Ames decidiu crear unha comisión interdepartamental para facer un seguemento da seca e avanzar naquelas medidas preventivas que permitan anticiparse a posibles complicacións. O alcalde de Ames, Santiago Amor, presidiu esta mañá a primeira xuntanza de traballo desta comisión na que participaron tamén a concelleira de Medio Ambiente, Desenvolvemento Sostible e Sanidade, Eugenia Martín; o concelleiro de Vías, Obras, Parques e Xardíns, Alfredo Taboada; técnicos municipais e representantes das empresas concesionarias Urbaser e Espina & Delfín.

Segundo os datos recabados por esta comisión, o abastecemento de auga no Concello de Ames está garantido neste momento pero é preciso avanzar xa nas liñas de traballo a curto prazo para facer fronte a un escenario adverso. Neste sentido, débese sinalar que a falta de precipitacións das últimas semanas provocou que as condicións de abastecemento neste mes de marzo sexan similares ás de maio do pasado ano. Segundo manifestou o alcalde de Ames, Santiago Amor, debido á situación de seca actual “non se pode agardar a que chegue o verán para adoptar medidas de prevención, hai que traballar con realismo e pensando xa en actuacións concretas”.

Deste xeito, o Goberno municipal decidiu proceder a analizar en detalle cales son os mecanismos que permitirán reducir e racionalizar o consumo de auga desde o propio Concello. Deste xeito, vaise realizar un estudo para detectar en que puntos se produce o máximo consumo de auga na rega e se avaliará unha posible revisión do caudal dos aspersores e mangueiras. Ademais, estudarase o impacto positivo que acarrearían medidas de aforro como, nun primeiro momento, reducir ou alternar o baldeo das rúas. Como dato, baste sinalar que o Pazo da Peregrina supón un gasto trimestral de auga de 61.825 litros mentres que o do paseo fluvial é de 44.214 litros tamén cada tres meses.

Doutra banda, a Concellería de Medio Ambiente, Desenvolvemento Sostible e Sanidade está a avanzar, en colaboración coa Dirección Xeral de Emerxencias, Augas de Galicia e a empresa concesionaria do servizo, na planificación de futuras accións encamiñadas a garantir o abastecemento en todo o concello, aínda que a escaseza de chuvias se prolongue no tempo. Entre estas medidas abordarase a posible utilización das canalizacións xa executadas da Estación de Tratamento de Auga Potable, que se está construíndo en Lens, para garantir o abastecemento captando auga do río Tambre.

O Concello de Ames quere subliñar a importancia da colaboración cidadá para facer, tamén a nivel individual, un consumo responsable da auga. Deste xeito, incidirá a través dunha campaña informativa nos beneficios e na necesidade dun uso racional do recurso ao longo de todo o ano pero, especialmente, neste período de seca.

Oroso – campionato de patinaxe escolar

MÁIS DE 130 RAPACES DE OROSO, SANTIAGO E AMES COMPETIRÁN O 24 DE MARZO NO PRIMEIRO CAMPIONATO DE PATINAXE ESCOLAR CONCELLO DE OROSO

A proba organizada polo Club de Hockey Compostela incluirá dúas exhibicións de patinaxe no centro deportivo Juanito Amigo de Sigüeiro

15 de marzo de 2011.- Máis 130 rapaces e rapazas, de idades comprendidas entre os 4 e os 16 anos, participarán o vindeiro sábado 24 de marzo na primeira edición do Campionato de Patinaxe Escolar Concello de Oroso 2012. Unha competición organizada polo Club de Hockey Compostela e que terá lugar no centro deportivo Juanito Amigo de Sigüeiro (Oroso).

Estes 130 rapaces competirán en seis categorías, correspondentes ao seu nivel de especialización cos patíns e non de acordo á súa idade. Os rapaces competirán de xeito individual, superando un circuito disposto polo xurado de acordo co seu nivel de manexo dos patíns. As probas terán lugar entre as 10:!5 e as 14:30 horas, momento no que competirán os rapaces dos tres primeiros niveis.

Exhibicións

Ás 13:30 horas terá lugar o acto de entrega dos trofeos aos participantes dos niveis 1 e 2, seguido dunha exhibición de patinaxe a cargo da presentadora do campionato, a actriz María Mera. Xa pola tarde, entre as 15:45 e as 21:30 horas completaranse os niveis 3, 4, 5 e 6, cuxos trofeos serán entregados ás 21:30 horas polo outro presentador da competición, Gonzalo Faílde. Previamente, dous rapaces das Escolas Deportivas de Bertamiráns (Ames) farán unha exhibición de patinaxe.

Este primeiro Campionato de Patinaxe Escolar Concello de Oroso está organizado polo Club Hockey Compostela, en colaboración co Concello de Oroso. Conta tamén co apoio de Coca-Cola, Cervexería Galeón, Base Centro Deportivo e OKO-Ordes. No campionato participarán 41 nenos e nenas de Oroso, que dende outubro de 2010 están a practicar a patinaxe grazas á colaboración entre o Clube Hockey Compostela e o Concello orosán.

Silleda – os técnicos explican a corporación o PXOM

Tres técnicos explicaron a toda a corporación os documentos do PXOM que se remitirán á Xunta

Silleda, 14 de marzo de 2012

Á reunión que tivo lugar hoxe no Concello de Silleda para falar do PXOM acudiron tres técnicos, dous arquitectos redactores do plan e a técnico que se encargou dos temas de medio ambiente, e tamén a Alcaldesa e Concelleira de Urbanismo, Paula Fernández Pena; o Concelleiro de Obras, Manuel Cuíña; o edil de Medio Ambiente e Medio Rural, Antonio Couso; así coma o Concelleiro de Cultura e Turismo, Matías Rodríguez, como voceiro do BNG; en representación do Partido Popular de Silleda asistiron J. Carlos Pin e Marta López.

No encontro, os técnicos puxeron toda a documentación sobre a mesa e explicaron o PXOM, tanto os apartados referidos a solo rústico, como os que tratan sobre solo urbano

Falaron, sobre o solo rural, das modificacións introducidas no documento de acordo coa Lei do Solo, que permitiron ampliar o deseño do ano 2009 ao permitir crecementos maiores ao establecerse que no solo tradicional a consolidación ocupacional ten que ser do 50% e no de expansión ten que estar consolidado no 33%, polo que esta modificación recollerá edificacións construídas de xeito diseminado nalgunhas zonas.

Asemade, tamén se explicou en referencia ás zonas de espazos de urbanizables, moitas das que xa foran presentadas en 2009, e que se se reduciron de acordo ao aconsellado pola Xunta de Galicia de xeito que poida desenvolverse o territorio para cumprir cos obxectivos de sostibilidade e equilibrar a edificabilidade máxima que ten o plan, ao mesmo tempo que permita a creación de espazos dotacionais e zonas verdes.

Outro dos puntos da reunión, foi a análise das zonas de reparto do documento, en concreto a do campo de fútbol de Silleda, así coma da ampliación de solo industrial, sobre os que non houbo aportacións, así como tamén se falou do tema da circunvalación, e todos os que se trataron na reunión da pasada semana coa Secretaría Xeral de Urbanismo, Encarnación Rivas.

Os grupos políticos que asistiron ao encontro, quedaron emprazados a que que dentro do período dende que se remita a documentación á Xunta de Galicia, todos os membros analicen o documento, de maneira que cando se poida previo a levalo a aprobación inicial queden recollidas todas as aportacións que se poidan facer.

Prazos

O Concello de Silleda xa prepara os informes técnicos para remitir toda a documentación do PXOM ao goberno autonómico, a partir do que se abrirá o período de dous meses prometidos por Encarnación Rivas, Secretaria Xeral de Urbanismo, para obter algún tipo de resposta da Xunta. Aquí será cando se incorporen as aportacións que poidan facer os grupos políticos “que agardaremos sexan positivas, e non obriguen a remitir de novo a documentación á Xunta”, afirma a Alcaldesa, Paula Fernández. Cando esta documentación veña de volta, aprobarase inicialmente coas correccións oportunas, tras o que se someterá a exposición pública.

“Confiamos en que este plan saia adiante en consenso e con axilidade, e confiamos en que ninguén o empregará como arma política, e que todas as aportacións sexan de interese xeral, sempre tendo en conta o beneficio deste municipio” declara Fernández Pena, “Nesta reunión, atopamos vontade por parte de todos para facer o mellor por Silleda, polo que agardamos que se cumpran os prazos” remata a Alcaldesa.

Silleda – entrega de diplomas

O Concelleiro de Medio Rural entrega os diplomas aos alumnos dos cursos organizados por Unións Agrarias

Silleda, 15 de marzo 2012. O Concelleiro de Medio Rural, Antonio Couso, fixo a entrega de diplomas aos participantes no curso de Técnicas Culinarias de Graba, o pasado martes pola noite.

Este curso, xunto con outros catro, tamén de cociña, en Siador, Martixe, Escuadro e Laro, están organizados por o sindicato Unións Agrarias e financiados polo Servicio Público de Emprego Estatal, cos que colabora a Concellería de Medio Rural e están destinados aos veciños e veciñas do rural. Están destinados a todos aqueles silledenses que estén dados de alta na Seguridade Social Agraria.

Asemade, na parroquia trasdezá de Rellas estase a celebrar un curso de artesanía, organizado pola devandita entidade, coa colaboración das mesmas, xa que está integrado nos mesmos ciclos formativos do rural que se puxeron en marcha no Concello de Silleda no pasado mes de decembro.

O pasado 3 de marzo, o Concelleiro Antonio Couso tamén fixo entrega dos diplomas acreditativos aos asistentes ao curso e Martixe, tamén sobre cociñoa, parroquia na que tamén finalizou a actividade, e declara que “dende esta Concellaría estaremos traballando arreo para que todos os veciños do Concello de Silleda, especialmente os do rural, teñan a oportunidade de asistir a diferentes cursos, que amplíen a súa formación”.

AGARESO – traballo nos colexios da cidade

Agareso e ACPP traballan co alumnado a educación para o desenvolvemento a través da radio e a televisión

AGARESO/ Santiago de Compostela, 14 de marzo de 2012

A Asociación Galega de Reporteiros Solidarios (Agareso) e a ONG Asemblea de Cooperación pola Paz (ACPP) están a traballar con alumnado de Santiago de Compostela a educación e a comunicación para o desenvolvemento mediante obradoiros de radio e televisión. A iniciativa encádrase no movemento europeo ‘Escolas sen Racismo’, que engloba xa a máis de 500 centros educativos.

No IES Antonio Fraguas, do barrio de Fontiñas, Agareso imparte os mércores pola tarde o obradoiro de televisión a estudantes de Secundaria. Axiña dará comezo no CEIP López Ferreiro o obradoiro de radio, con escolares de Primaria. Nas sesións capacítase as rapazas e rapaces no eido audiovisual, co obxectivo final de gravar un programa centrado na educación en valores, que logo se difundirá entre a comunidade educativa.

O alumnado aprende sobre os xéneros xornalísticos, o guión ou a montaxe, sempre con exemplos de temática social e solidaria, pero tamén adquire pautas respecto da linguaxe inclusiva, o tratamento de colectivos en risco de exclusión ou a análise do discurso mediático. Contribúese así a formar unha cidadanía con espírito crítico e construtivo. Os seus avances pódense seguir a través do blog www.agareso.org/blogs/escolasenracismo/.

As e os participantes interveñen na toma de decisións en todas as fases, pois trátase de empoderalos para lanzaren as súas propias mensaxes e fomentar así a participación social. Preténdese asemade implicar a toda a comunidade escolar, con formacións tamén para que o profesorado traballe cos medios de comunicación na aula.

No entanto, o programa ‘Escolas sen Racismo’ que ACPP se encarga de implementar en Galicia é moito máis amplo, xa que abrangue neste curso un total de oito centros de distintas provincias cos que se traballa a educación para o desenvolvemento a través de diferentes metodoloxías. O proxecto conta co apoio económico da Xunta de Galicia.

Ames – ANPA Agro do Muiño – proxecto “educar sen estrés”

A ANPA do CEIP Agro do Muíño continúa co ciclo de conferencias e debates Proxecto educar sen estrés AULA INTERACTIVA 22-3-12- BERTAMIRANS- PROYECTO EDUCAR SEN ESTRÉS

A segunda conferencia deste programa realizarase o vindeiro xoves, 22 de marzo, ás 19:30 horas, no Pazo da Peregrina. Nesta charla tratarase o tema A motivación na educación.

A través deste ciclo de conferencias preténdese fomentar a educación en valores, as novas ferramentas pedagóxicas e educativas para o benestar e o desenvolvemento harmonioso dos nenos/as e mozos/as de hoxe.

Este é o terceiro ano que a ANPA do CEIP Agro do Muíño organiza ciclos de conferencias para tratar temas educativos.

Ames, 15 de marzo de 2012. A ANPA do CEIP Agro do Muíño promove o ciclo de conferencias do Proxecto educar sen estrés que xestiona a Asociación Bioturmalina. A través deste ciclo de conferencias preténdese fomentar a educación en valores, as novas ferramentas pedagóxicas e educativas para o benestar e o desenvolvemento harmonioso dos nenos/as e mozos/as de hoxe. A segunda conferencia deste programa realizarase o vindeiro xoves, 22 de marzo ás 19:30 horas, no Pazo da Peregrina. Nesta charla tratarase o tema A motivación na educación. Ademais, falarase das ferramentas educativas e pedagóxicas que é necesario empregar para unha educación máis harmoniosa nas aulas e no fogar.

O pasado 26 de xaneiro de 2012 botou a andar o ciclo de conferencias e debates Proxecto educar sen estrés que organiza a ANPA do CEIP Agro do Muíño en colaboración coa Asociación Bioturmalina. O ciclo consta de tres conferencias. A primeira delas celebrouse o pasado xoves 26 de xaneiro baixo o lema Educar sen estrés. Nela tratáronse métodos de xestión da tensión, educación emocional e capacidades creativas na casa e nas aulas.

Durante este mes realizarase a segunda conferencia deste ciclo. Será o día 22 de marzo, as 19:30 horas, no Pazo da Peregrina. Nesta charla abordarase A motivación na educación, e falarase das ferramentas educativas e pedagóxicas que é necesario empregar para levar a cabo unha educación máis harmoniosa mas aulas e no fogar. A través deste ciclo de conferencias preténdese fomentar a educación en valores, as novas ferramentas pedagóxicas e educativas para o benestar e o desenvolvemento harmonioso dos nenos/as e mozos/as de hoxe.

A terceira e última conferencia celebrarase o día 24 de maio baixo o título Fomentar un novo modelo de aprendizaxe para completar as necesidades educativas, sociais e culturais do alumnado e coa finalidade de mellorar a integración social, estimular as habilidades motrices e integrar os potenciais culturais.

A vicepresidenta da ANPA do Agro do Muíño, Maribel Pérez, explicou que un dos puntos máis interesantes das conferencias é o feito de que durante a última media hora faranse mesas redondas e debates cos asistentes. As dúas conferencias que faltan por impartir realizaranse ás 19:30 horas no Pazo da Peregrina, en Bertamiráns. As conferencias están abertas a todo o público que desexe participar nelas. Tras as conferencias haberá mesas redondas para debater os temas formulados nas charlas cos asistentes. Estas mesas redondas comezarán arredor das 21:00 horas.
Terceira edición do ciclo de conferencias

É o terceiro ano que a ANPA do CEIP Agro do Muíño organiza ciclos de conferencias para tratar temas educativos. A asociación de Nais e Pais do Agro do Muíño considera "que este tipo de iniciativas son unha necesidade importante" e en función da acollida que teña estudarase continuar con actividades e talleres onde as familias compartan tempo e experiencias.
As persoas encargadas de impartir as conferencias son Dulcina Gómez Araújo e Fausto Dopico Gutiérrez del Arroyo. Dulcina Gómez Araújo é licenciada en Ciencias Empresariais e formouse como técnico superior en xestión da saúde integral, do benestar e como orientadora educativa. É membro do Consello Galego de Medio Ambiente e desenvolvemento sostible da Xunta de Galicia e participou en numerosos simposios e conferencias a nivel nacional e internacional.
Fausto Dopico é licenciado en Ciencias, Doutor en Economía e Catedrático da Universidade de Santiago de Compostela. Ambos son membros de Bioturmalina, unha asociación que oferta actividades bioculturais e traballa principalmente nos ámbitos da sustentabilidade ambiental, educativo e de benestar social. A administración autonómica, as administracións locais, colexios, empresas privadas, centros socioculturais, asociacións etc. forman parte dos axentes cos que traballa Bioturmalina.
Dende a ANPA de Agro do Muíño animan a todo o mundo a que participe nestas conferencias xa que se tratan temas de interese non só para as familias, senón tamén para o público en xeral.

Silleda – obras no centro cocial de Lamela

A Alcaldesa de Silleda supervisa as obras de mellora do centro social de Lamela

Está prevista a construción dun parque biosaudable no terreo contigou á edificación durante o próximo mes

Silleda, 15 de marzo de 2012

A Alcaldesa de Silleda, Paula Fernández Pena, acompañada do edil de Obras, Manuel Cuíña, acudiu hoxe a Lamela para a supervisión das obras do centro social parroquial e o espazo para a construción dun parque biosaudable no terreo contiguo ao edificio.

Estas obras consisten na ampliación e mellora do teleclube, no que se cambiou a porta de sitio para poder aproveitar máis o espazo, ao mesmo tempo que se construíu un mostrador e tamén se cambiou a plaqueta do chan.

A Asociación de Veciños de Lamela estase encargando da realización das obras, cunha subvención. Na solicitude da mesma, o Concello de Silleda prestou apoio técnico, colaborando na redacción da documentación así coma nos trámites administrativos e actualmente axuda na xestión da mesma.

Construción dun parque biosaudable

A Alcaldesa de Silleda e o Concelleiro de obras, xunto co presidente da asociación de veciño de Lamela, tamén estiveron no emprazamento no que se vai lavar a cabo a instalación dun parque biosaudable, unha zona verde con máquinas de exercicios.

Para isto, o Concello de Silleda encargarase da nivelación do chan que rodea o centro social, así como da superficie na que se asentará o parque. Asemade, será o executivo local quen se ocupe da instalación das máquinas, que xa foron adquiridas polos veciños, e da colocación das bases de formigón necesarias para o asentamento. Estas obras tamén contemplan a restauración ou cambio do cerrado da finca.

A Alcaldesa e o Concelleiro puxeron en común, co presidente da asociación, as ideas a contemplar para a realización desta zona verde; a obra final, farase en consenso entre o executivo local e os veciños, para o maior aproveitamento posible por parte dos usuarios

Está previsto que na vindeira semana comecen as obras de nivelado, e no prazo dun mes, aproximadamente, rematar o parque.

A Alcaldesa de Silleda declara que “este é outro exemplo claro de que da colaboración entre o Concello de Silleda e o veciños, se poden sacar grandes cousas que beneficiarán a todo o mundo” e remata “agardamos que poidamos seguir acometendo obras deste tipo, que son moi necesarias, e que de non ser coa axuda das parroquias no poderiamos levar a cabo, debido ao momento económico no que nos atopamos”.

Asociación O Esquío – plantación de carballos e castiñeiros

VINTE VECIÑOS DE BRIÓN APADRIÑAN 40 CARBALLOS E CASTIÑEIROS PLANTADOS POLA ASOCIACIÓN O ESQUÍO NO PIÑEIRO NO PARQUE MUNICIPAL DE BRIÓN PlantacionArbores2

14 de marzo de 2012. A asociación cultural e medioambiental “O Esquío no Piñeiro”, en colaboración co Concello de Brión, organizou unha nova plantación de árbores no parque municipal de Pedrouzos, situado a carón do campo de fútbol municipal. Unha convocatoria á que acudiron un total de 20 veciños e veciñas, que plantaron e apadriñaron un dos 20 castiñeiros e dos 20 carballos cos que se repoboou esta zona.

“Esta actividade non consistía só en realizar a plantación, senón que os participantes tamén se comprometeron a facer un exaustivo mantemento das árbores plantadas realizando regadíos periódicos e comprobando que as árbores medran axeitadamente”, sinala Dora Vieiro, presidenta de “O Esquío no Piñeiro”. Para rematar a actividade, os participantes puideron desfrutar dunha pequena merenda no mesmo parque onde foron plantados os carballos e os castiñeiros.

Esta é a segunda plantación de árbores que realiza esta asociación cultural e medioambiental brionesa. A primeira tivo lugar en febreiro de 2011, tamén no parque municipal de Brión, e consistiu na plantación duns castiñeiros autóctonos que cada participante se comprometeu a coidar e “apadriñar”. Un apadriñamento que se notou especialmente durante o verán pasado, no que os “padriños” se encargaron de regar as árbores para que soportaran a seca.

Ames – incrementase o uso de microchips nos cans

Increméntase a implantación de microchips grazas á campaña municipal de identificación de cans

A campaña de identificación de cans leva en funcionamento pouco máis de 15 días e está tendo un grande éxito. As clínicas veterinarias de Ames constatan que se produciu un incremento tanto na solicitude de información coma na implantación destes dispositivos de identificación.

A Policía local está realizando un control dos cans do municipio, comprobando cun lector de microchip que as mascotas están correctamente identificadas. Durante estas primeiras dúas semanas realizóuselle o control a uns 40 cans. Algúns dos propietarios descoñecían que era obrigatorio a identificación das súas mascotas polo que acudiron a unha das clínicas veterinaria para implantarlle o microchip.

Todas as clínicas veterinarias amienses participan nesta iniciativa. A campaña comezou con cinco clínicas colaboradoras pero agora xa son seis (Saudevet, Mundo Vivo, Zoolandia, Hospican, Clínica Veterinaria Novo Milladoiro e A Media Lúa).

Ames, 14 de marzo de 2012. A campaña de identificación de cans leva en funcionamento pouco máis de 15 días e está tendo un grande éxito. As clínicas veterinarias de Ames constatan que se produciu un incremento tanto na solicitude de información coma na implantación destes dispositivos de identificación. Esta campaña púxose en marcha co obxectivo de sensibilizar aos propietarios de cans sobre a importancia de ter identificados os seus animais. Todas as clínicas veterinarias amienses participan nesta iniciativa. A campaña comezou con cinco clínicas colaboradoras pero agora xa son seis (Saudevet, Mundo Vivo, Zoolandia, Hospican, Clínica Veterinaria Novo Milladoiro e A Media Lúa). A campaña prolongarase ata final de marzo. Durante este mes as clínicas veterinarias ofrécenlle ás persoas interesadas un desconto do 10 por cento no prezo da implantación dos microchips de identificación regulamentarios.

O Concello de Ames e as clínicas veterinarias do municipio puxeron en marcha o pasado 1 de marzo unha innovadora campaña co obxectivo de sensibilizar aos propietarios de cans sobre a importancia de ter identificados os seus animais. A campaña leva dúas semanas en funcionamento e xa se pode dicir que está sendo un éxito. Segundo lle trasladaron as propias clínicas veterinarias ao Concello, durante estes 15 días experimentouse un incremento na implantación de microchips e na solicitude de información.

Os usuarios/as están acudindo as clínicas veterinarias a solicitar información porque en moitos casos descoñecían que era obrigatorio que todos os cans deben levar un microchip de identificación. Segundo a lexislación vixente a implantación do microchip nas mascotas é obrigatoria e non voluntaria. O incumprimento desta norma pode implicar unha sanción económica. Moitas persoas estanse decatando disto a través da campaña posta en marcha polo Concello de Ames ou grazas aos controis que está levando a cabo a Policía local durante este mes.

As persoas que teñen as súas mascotas sen identificar están aproveitando esta campaña para implantarlle o correspondente microchip aos seus cans. Ata o día 31 de marzo as clínicas colaboradoras nesta campaña ofrecen un desconto do 10 por cento no prezo da implantación dos microchips de identificación regulamentarios. Todas as clínicas veterinarias amienses participan nesta iniciativa. A campaña comezou con cinco clínicas colaboradoras pero agora xa son seis (Saudevet, Mundo Vivo, Zoolandia, Hospican, Clínica Veterinaria Novo Milladoiro e A Media Lúa).

Control dos cans sen microchip

A Policía local está realizando un control dos cans do municipio, comprobando cun lector de microchip que as mascotas están correctamente identificadas. Durante estas primeiras dúas semanas realizóuselle o control a uns 40 cans. Algúns dos propietarios descoñecían que era obrigatorio a identificación das súas mascotas polo que acudiron a unha das clínicas veterinaria para implantarlle o microchip.

Neste control lémbraselle aos propietarios a súa responsabilidade na identificación dos cans e advertíselles da posible sanción económica que implica o incumprimento. Trátase dunha campaña informativa. Os axentes da Policía local están informando e non sancionando, aínda que todas as persoas que non teñen identificados os seus cans deberán facelo.

Ao mesmo tempo, dende a Policía local estase incidindo na problemática da recollida de excrementos caninos polas súas graves consecuencias hixiénicas, ambientais e sanitarias. O Concello de Ames lembra que estes residuos orgánicos son a miúdo fonte de contaxio de enfermidades entre mascotas e incluso de infeccións que poden afectarlles ás persoas.

A Concellaría de Medio Ambiente, Desenvolvemento Sostible e Sanidade enmarca esta campaña de educación no seu obxectivo de erradicar os problemas de seguridade viaria e de saúde pública que causan os cans abandonados, ademais de atallar o elevado custo económico que a súa recollida e depósito supón para o Concello de Ames. Deste xeito, a concellaría salienta que os cans abandonados, moitos deles sen identificación, son potenciais causantes de accidentes de tráfico, transmisores de enfermidades e, incluso, poden comportarse de maneira agresiva se se ven ameazados.

Santiago – a gala “palabra de muller” o póximo 21 de marzo

Rebeca Jiménez, Cardigan Bridge, Patricia Moon e Jane Joyd en ‘Palabra de Muller’

  • A gala-concerto, que se enmarca dentro do ciclo Íntimo&Acústico, será o vindeiro 21 de marzo ás 20.30h. no Teatro Principal

  • As entradas están á venta en Novagaliciabanco e na billeteira do Teatro Principal, a un prezo de 10 euros,

Santiago de Compostela, 15/02/2012.- O director-xerente do Auditorio de Galicia, José Víctor Carou, e Patricia Moon presentaron esta mañá o concerto ‘Palabra de Muller’ que terá lugar o vindeiro 21 de marzo ás 20.30h no Teatro Principal. Nel, estarán, Rebeca Jiménez como cabeza de cartel, acompañada das galegas Cardigan Bridge, Patricia Moon e Jane Joyd. As entradas para este concerto, a 10 euros, están á venta en Novagaliciabanco ademais de nas billeteiras do Teatro Principal abertas de martes a sábado de 18.00 a 21.00h. En Íntimo&Acústico tamén estarán Simon Finn, Daniel Higgs, The Bright, Maika Makovski (con Gentle Music Men de teloneiro), Abe Rábade Trío e Sumrrá e, xa no mes de xuño, Ariel Rot.

Palabra de Muller xorde da necesidade de desenvolver un proxecto cuxo obxectivo principal é dar visibilidade a mulleres compositoras, intérpretes, artistas e mesmo empresarias. Este evento dará cabida a propostas que abarcan desde a canción de autor ao pop máis refinado. Proponse con iso un achegamento aos loables á vez que interesantes traballos de artistas emerxentes, ou cunha xa consolidada traxectoria, tales como Rebeca Jiménez, Patricia Moon, Cardigan Bridge ou Jane Joyd.

Rebeca Jiménez é unha songwriter cada vez máis preto da madurez, lista para saltar da súa alma ao papel e verter a tinta en notas musicais fantasticamente arroupadas por un cadro de persoal de "números un" do rock nacional. O trío encargado de apoiala é o formado por Mario Raia ás guitarras, Jacob Reguilón ao baixo e Toni Xurado á batería, unha garantía de feeling e execución importada desde o planeta rock.

Jane Joyd é o proxecto musical de Elba Fernández (A Coruña). En pouco máis dun ano asentouse como unha das propostas con máis potencial no panorama independente. Até a data a boca compartiu cartel con artistas da talla de DePedro, Basia Bulat, Greg Dulli, James Yuill ou Matt Elliott. Actualmente, Jane Joyd está a perfilar o que será a súa seguinte referencia discográfica.

Patricia Moon é unha artista que volve renovar o seu estilo e a súa música. Tras un primeiro álbum en acústico e ben acollido pola prensa nacional, que a bautizou como ‘a creadora dun xénero até agora descoñecido’, deu un xiro ao seu estilo achegándose ao rock, pero sen perder a orixinalidade harmónica que a caracteriza. O seu segundo traballo presentarase a mediados deste ano.

Cardigan Bridge é Rebeca Ponte, cantautora e artista multidisciplinar que baixo o título ‘On The Windowsill...’ presentouse cun primeiro álbum, variado e ecléctico. Compón cancións para cinema e teatro e as súas composicións puidéronse escoitar como parte das súas instalacións e performance artísticas no Museo do Mar de Vigo, o Instituto Italiano de Cultura de Irlanda, na Sala Francesca de Llobera ou o Teatro Moloko de Pigalle, París, entre outros.

Santiago – axenda xoves 15 e actuacións policia local

Xoves 15

11.00 h a 14.00 h

Na Praza do Toural instalarase unha carpa con motivo do Día Mundial do Consumidor no que participarán representantes da Oficina Municipal de Información ao Consumidor (OMIC), Unión de Consumidores de Galicia, ADICAE e Euroconsumidores.

11.00 h

Na Casa do Concello, o alcalde compostelán, Xerardo Conde Roa, reúnese co presidente da Asociación da Área Empresarial do Polígono do Tambre, Jesús Chenel, e co xerente, José Manuel Beceiro.

11.30 h

Na Casa do Concello, ROLDA DE PRENSA do concelleiro de Festas, Francisco Noya, para presentar a Festa da Uña de San Lázaro.

11.45 h

Na Casa do Concello, ROLDA DE PRENSA do concelleiro de Deportes, Adrián Varela, sobre asuntos da súa área.

12.00 h

No Teatro Principal, ROLDA DE PRENSA do director-xerente do Auditorio de Galicia, José Víctor Carou, de Cardigan Bridge e de Patricia Moon para presentar o concerto 'Palabra de Muller' que se celebra o mércores 21 no Teatro Principal con Rebeca Jiménez, Cardigan Bridge, Jane Joyd e Patricia Moon.

12.00 h

No Auditorio de Galicia (Sala Mozart), Ensaio Aberto da Banda Municipal de Música.

12.30 h

Na Casa do Concello, ROLDA DE PRENSA da concelleira de Comercio, Reyes Leis, para presentar os Premios do Comercio Compostelán 2012.

12.45 h

Na Casa do Concello, ROLDA DE PRENSA do concelleiro de Participación Cidadá e Centros Socioculturais, Francisco Noya, para presentar o programa Compostela Cine Classics´12, xunto con Patricia Fra López, profesora titular da USC experta en literatura e cine.

18.45 h

Na Casa do Concello, o alcalde compostelán, Xerardo Conde Roa, xunto coa concelleira de Medio Ambiente, María Castelao, fai entrega dos premios do concurso de debuxo do Día da Árbore e da Auga, no que participaron os alumnos dos colexios Quiroga Palacios e Divino Maestro.

19.30 h

Na Sede da Confederación de Empresarios de Galicia (Rúa do Vilar, 54), presentación do libro “La catedral de Santiago en época contemporánea”. Asisten:

Xerardo Conde Roa, alcalde e presidente do Consorcio de Santiago.

Irene Mera Álvarez, autora do libro.

21.00 h

No Auditorio de Galicia, concerto de abono da Real Filharmonía de Galicia, dirixida por Josep Pons con Jane Irwin, mezzosoprano. [Mahler, Schreker, Strauss]

SERVIZOS PRESTADOS POLA POLICÍA LOCAL

(Desde as 08:00 h. do día 13 ata as 08:00 h do día 14 de marzo).

ACCIDENTES

Nas últimas 24 horas o Equipo de Atestados da Policía Local rexistrou TRES accidentes na cidade:

  • Ás 11.30 horas produciuse unha colisión entre dous vehículos na rúa Nobel, con resultado de danos materiais.
  • Ás 13.30 horas, na Praza da Paz, entre dous vehículos, con danos materiais.
  • Ás 20.00 horas, na rúa Roma, entre dous vehículos, tamén só danos materiais.

CONTROIS

Na rúa San Francisco, procédese á detención dunha persoa por un suposto delito contra a seguridade viaria e quebrantamento de condena, ao atoparse conducindo baixo os efectos do alcol e con permiso de conducir retirado xudicialmente..

PSOE Teo – solicitude de cambio de data do pleno do día 29

SOLICITUDE DE CAMBIO DE DATA DO PLENO PREVISTO PARA O 29/03/2012, POLA CONVOCATORIA DA FOLGA XERAL

Uxía Lemus, concelleira do PSdeG-PSOE, ven de presentar no Concello de Teo unha solicitude de cambio de data da sesión ordinaria do Pleno deste mes de marzo, prevista para o día 29, xa que para ese día está convocada unha folga xeral.

Os principais sindicatos tanto a nivel estatal como galego, convocaron unha folga xeral o día 29 de marzo, pola reforma laboral do Goberno que preside Mariano Rajoy, así como o ataque aos piares do estado de benestar en España.

Os Socialistas de Teo solicitan o cambio da celebración da sesión ordinaria do Pleno, a fin de non entorpecer o libre exercicio do dereito á folga dos traballadores e das traballadoras do Concello de Teo.

Por outro lado, Uxía Lemus tamén presentou unha moción na que solicita a comparecencia diante do Pleno do concelleiro de Emprego, Anxo Rey Martínez, para dar conta das xestións realizadas desde maio de 2011 e das previsións futuras de actuación, no eido do fomento e creación de emprego no Concello de Teo.

Coñecidos os últimos datos de emprego do Concello de Teo, que sinalan que a data 29/02/2012, o número de desempregados ascende a 1.576 persoas, producíndose un crecemento dun 14% desde o ano 2011 desta cifra.

Os Socialistas de Teo consideramos de gran interese para a cidadanía que o Concelleiro encargado de temas tan relevantes como o funcionamento da Axencia de desenvolvemento local, ou os Plans de creación de emprego, explique cales foron as xestións realizadas desde maio de 2011 neste tema, e a política prevista de fomento e creación de emprego para os e as teenses para os próximos anos.

Ames – o concello repartirá 20000 kilos de comida

O Concello repartirá 20.000 quilos de comida entre 313 familias amienses sen recursos

O reparto dos alimentos realizarase durante a segunda semana de abril nas Casas da Cultura de Bertamiráns e do Milladoiro.

Nos próximos días enviaráselle unha carta a todos os posibles beneficiarios desta campaña para informalos do día e lugar onde teñen que recoller os alimentos.

Ademais, actualmente dende a Oficina de Voluntariado están repartindo diferentes alimentos que foron recollidos nun concerto organizado pola Asociación Barricas Folk Rock do Milladoiro.

Ames, 14 de marzo de 2012. O Concello de Ames, a través do departamento de Educación Familiar, repartirá 19.927 quilos de alimentos entre 313 familias amienses sen recursos. O reparto dos alimentos realizarase durante a segunda semana de abril nas Casas da Cultura de Bertamiráns e do Milladoiro. Os alimentos, procedentes de excedentes da Unión Europea, foron achegados pola Cruz Vermella. Nos próximos días enviaráselle unha carta a todos os posibles beneficiarios desta campaña para informalos do día e lugar onde teñen que recoller os alimentos. Ademais, actualmente dende a Oficina de Voluntariado están repartindo diferentes alimentos que foron recollidos nun concerto organizado pola Asociación Barricas Folk Rock do Milladoiro.

A semana pasada o Concello de Ames recibiu un total de 19.927 quilos de alimentos procedentes de excedentes da Unión Europea. A Cruz Vermella achegou arroz, bebidas pasteurizadas, cereais para nenos/as, caldo de carne, crema de verdura, pasta (fideo, espaguetes e macarróns), galletas, fariña, leite de continuación para os nenos/as, leite, natillas, queixo fundido e tomate frito. Estes alimentos repartíranse durante a segunda semana de abril nas Casas da Cultura de Bertamiráns e do Milladoiro. Deste servizo beneficiáranse un total de 313 familias amienses que dispoñen de poucos recursos.

Durante os vindeiros días enviaráselle unha carta a cada beneficiario deste programa para informarlle que proximamente se vai facer a entrega de alimentos e para indicarlle o día e o lugar onde teñen que recoller os devanditos alimentos. Ademais, infórmaselle que existe un servizo municipal de roupeiro municipal por se precisan roupa. Nesta carta tamén se lle indica que teñen que facer para poder ser beneficiarios do roupeiro municipal.

Nos últimos anos este servizo viu un incremento nas familias solicitantes, debido en boa medida a crise. Para solicitar esta axuda é preciso acudir aos servizos sociais do Concello de Ames e, a través dunha traballadora social, realizarase un informe e se adxudicará ou non a susodita axuda. Esta é concedida polo Concello, pero os víveres son proporcionados pola Cruz Vermella. Unha vez que estes alimentos chegan ao almacén do Concello, estímase como se pode facer o reparto equitativo entre as familias, deixando sempre uns excedentes para casos de urxencia.

Este programa leva en funcionamento máis de 10 anos, repartindo comida unhas tres veces ao ano. A última entrega de alimentos realizouse durante o mes de decembro de 2011. Aínda que se reparten a maioría dos alimentos, o departamento de Servizos Sociais, sempre deixa varios lotes de alimentos por se é preciso atender algún caso de emerxencia social e para aquelas familias que chegan ao Concello e non dispoñen de recursos.

Concerto solidario

A Asociación Barricas Folk Rock do Milladoiro organizou o pasado sábado de Entroido un concerto rock solidario co obxectivo de recadar alimentos para as familias amienses máis necesitadas. Todas aquelas persoas que desexaban ir ao concerto podían adquirir unha entrada achegando unha bolsa de alimentos. Tralo concerto esta asociación púxose en contacto co Concello de Ames por se podía xestionar o reparto dos alimentos. Neste momentos os alimentos están sendo repartidos a través da Oficina de Voluntariado de Ames.

Boqueixón – o concello no necesitará usar o decreto de pago a provedores

O aforro dos últimos tres exercicios orzamentarios foi de 363.864 euros

O Concello de Boqueixón non se verá na necesidade de utilizar o Decreto de pago a provedores ao non ter facturas pendentes de pagamento

Boqueixón, , 14 de marzo de 2012

Mañá día 15 de marzo expira o prazo marcado polo Real Decreto-ley 7/2012 para que as entidades locais e as comunidades autónomas envíen a certificación onde se referencien a totalidade das facturas de exercicios anteriores pendentes de pago. O concello de Boqueixón informa que non se verá na necesidade de utilizar este Decreto de pago a provedores, ao no contar con facturas atrasadas pendentes de aboar.

Ademais, o concello de Boqueixón pechou o exercicio orzamentario de 2011 cun remanente positivo de tesourería de 161.800 euros, o que eleva a un total de 363.864 euros o aforro dos últimos tres anos, despois de que 2010 acadase un remanente positivo de 186.746,17 euros, mentres que 2009 pechouse con outros 15.317,82 euros positivos.

Estas cifras son froito da política de austeridade e contención do gasto postas en marcha dende 2009, que fixo que o concello de Boqueixón vise reducir o orzamento anual nun 35%, ao pasar de 5.051.710 euros en 2009 a menos de 3.300.000 euros, que será o teito de gasto marcado para este ano 2012. (Estase finalizando a redacción dos orzamentos, que coincidirá coa aprobación dos orzamentos xerais do Estado). A única débeda coa que conta o Concello de Boqueixón é un crédito bancario por valor de 944.444,44 euros que está sendo aboado cada trimestre.

O alcalde, Adolfo Gacio, sinala que o obxectivo do concello será continuar con este exercicio de xestión austera dos recursos públicos, cun obxectivo prioritario e irrenunciable: manter a totalidade dos servizos públicos de calidade cos que conta Boqueixón.

O rexedor destaca que o traballo dos últimos 20 anos permite que Boqueixón conte cunhas infraestruturas moi ben dimensionadas, destacando o bo estado da rede de estradas municipais, unha rede de locais sociais nas parroquias, 2 polideportivos, campos de fútbol, ximnasio, colexios modernos e ben coidados, auga en todas as localidades e saneamento no 85% do territorio, zonas verdes, parques infantís, beirarrúas e a totalidade do alumeado dotado dunha cualificación enerxética eficiente.

PSOE Ordes – petición de medidas extraordinarias contra a seca

O PSOE DE ORDES PROPORÁ AO PLENO MUNICIPAL A ADOPCIÓN DE MEDIDAS PARA PALIAR OS DANOS DA SECA

Xesús Pedreira lembra que “Ordes é un dos municipios máis afectados pola importancia do seu sector gandeiro, especialmente nas parroquias de Barbeiros, Lesta, Parada e Vilamaior”

O concelleiro socialista solicita o adiantamento da sesión plenaria do xoves 29 de marzo ao mércores 28 para non coincidir coa Folga Xeral

14 de marzo de 2012.- A Agrupación Socialista de Ordes presentou esta mañá unha moción para o seu debate na próxima sesión plenaria na que solicita que a adopción de medidas para paliar os danos causados pola seca. O concelleiro socialista Xesús Pedreira explica que “a ausencia de precipitacións nos últimos tres meses supuxo unha reducción na producción forraxeira das explotacións dun 40%, o que obriga a comprar penso e forraxes noutras zonas para alimentar o gando. Isto supón un importante sobrecusto para un sector xa de por si moi castigado pola crise”.

De feito, para unha explotación leiteira media o sobrecusto provocado pola seca ascende a uns 5 céntimos por cada litro de leite producido, o que supón uns gastos de 10.000 euros máis ao ano. “Ordes é un dos municipios máis afectados, debido á importancia que ten o seu sector gandeiro, especialmente nas parroquias de Barbeiros, Lesta, Parada e Vilamaior”, explica Xesús Pedreira, quen indica que “hai moitas explotacións moi perxudicadas e algunhas mesmo perderon toda a forraxe que tiñan”.

Medidas propostas

Por esa razón, o concelleiro socialista vai solicitar ao pleno a adopción dun paquete de medidas destinadas a tentar paliar esta situación e que implican ás administracións autonómica e central. “As máis inmediatas serían solicitar a apertura dunha liña de financiamento ao 0% a través do IGAPE para a compra de forraxe para alimentación do gando, así como a condonación das cotas da Seguridade Social dos profesionais do sector durante seis meses”, sinala Pedreira Mirás.

Ademais, a proposta dos socialistas ordenses solicita o incremento do límite de axudas baixo o réxime de mínimis ata os 15.000 euros e a convocatoria da mesa do leite, na que se debatería sobre o diferencial de prezos existente entre as explotacións galegas e as do resto do Estado. Finalmente, os socialistas solicitan que a redacción dun convenio coas entidades financeiras para que se poda cobrar a PAC no momento no que se solicita e a publicación da “Lei de medidas para mellorar o funcionamento da cadea alimentaria”, que deberá incluir a figura do “árbitro” (mediador ao que poderían recorrer as partes no caso de non chegar a un acordo) e un “prezo de referencia”, que se poida aplicar mentres non se alcanza un acordo.

Folga xeral

Así mesmo, o concelleiro socialista presentou esta mañá unha solicitude á Alcaldía para pedir que a sesión plenaria prevista para o xoves 29 de marzo se adiante ao mércores 28 de marzo, para non coincidir coa xornada de Folga Xeral convocada a nivel nacional. Xesús Pedreira considera que “é a solución máis lóxica e coherente para que quen queira exercer o seu dereito á folga poida facelo sen ningún tipo de cortapisa por ter que acudir a un pleno, ben como concelleiro, ben como funcionario”.

Esquerda Unida Santiago – creación axencia pública de aluguer

image

Fundación Araguaney – novo libro sobre a historia monetaria de Galicia

Investigadores de gran prestixio unidos nunha publicación sobre a historia monetaria de Galicia

O libro é froito da recompilación e desenvolvemento dos traballos presentados ás Xornadas Internacionais de Historia Monetaria de Galicia (USC, Maio 2010)

A presentación do libro será o venres 16 de marzo, ás 20:00, na Librería Areas da Coruña . Intervirán Francisco Cebreiro Ares, editor e Luís Walter, de Labirinto de Paixóns S.L.

Santiago de Compostela, Mércores 14 de Marzo de 2012. A editorial Labirinto de Paixóns S.L, presentará este venres 16 de Marzo un libro sobre a historia monetaria de Galicia, froito da recompilación e desenvolvemento dos traballos presentados ás Xornadas Internacionais de Historia Monetaria de Galicia (USC, Maio 2010). Francisco Cebreiro Ares, editor científico e representante dos autores que participaron na elaboración dos capítulos do libro, será o encargado de devandita presentación, xunto con Luís Walter, de Labirinto de Paixóns.

Os traballos que se recollen neste volume son o resultado da interrelación de diversos investigadores que, tras coñecerse no XIV International Numismatic Congress de Glasgow, celebrado en Agosto-Setembro de 2009, decidiron unir os seus esforzos para levar a cabo o estudo da moeda en Galicia dende unha perspectiva innovadora. Os primeiros resultados foron presentados en maio de 2010 en Santiago de Compostela. Estes investigadores ademais da súa diversa orixe proceden tanto do ámbito galaico como doutras áreas xeográficas –tanto españolas como tamén de Portugal ou Gran Bretaña- onde este cambio está xa producíndose nas súas respectivas historiografías dende hai décadas. Todos eles outorgan un segundo trazo distintivo a este proxecto: combinar diferentes enfoques e disciplinas tan dispares como a Historia especificamente documental ou a enxeñería química de metais para elaborar unha renovada Historia Monetaria

“Introdución a la historia monetaria de Galicia (s. II a. C - XVII d. C)” é unha obra composta por 10 capítulos, cada un deles redactado polos seguintes investigadores: Mª Isabel Vila Franco, Francisco Cebreiro Ares, Ruth Prego, M. Crusafont i Sabater, Antonio Roma Valdés, Xavier Sanahuja Anguera, Domingo Luís González Lopo, Philippa Walton e José Manuel Compaña Prieto. O seu editor, Francisco Ares, afirma que "esta obra supón a plasmación editorial dun proxecto que expón a historia monetaria de Galicia de xeito internacional e interdisciplinar, en consecuencia de forma renovadora e innovadora, imbricada na sociedade galega dos diferentes períodos históricos”, ademáis destaca que non se pode atribuír sinxelamente á casualidade o feito da disparidade e curiosidade do que sabemos sobre a situación da moeda en Galicia".

Santiago – nova exposición no Auditorio de Galicia

Permanecerá aberta desde o 14 de marzo ata o 24 de xuño na sala Isaac Díaz Pardo

‘Ars Combinatoria’ de Chema Madoz, nova exposición do Auditorio de Galicia 

  • A mostra é un percorrido extenso polo traballo de Madoz a través dunha selección de 70 imaxes que aborda a traxectoria do artista no seu conxunto

  • Comisariada por Oliva María Rubio, inaugurouse en Holanda e en España só estivo en Córdoba coincidindo coa candidatura da cidade a Capital Europea da Cultura

Santiago de Compostela, 14/03/2012.- ‘Ars Combinatoria’ de Chema Madoz, é a nova exposición que acolle o Auditorio de Galicia desde o 14 de marzo e que permanecerá aberta ata o vindeiro 24 de xuño. A mostra é un percorrido extenso polo traballo de Madoz no que poderemos observar os procesos mentais de onde xorden as súas imaxes; as variadas combinacións ás que somete aos obxectos para facernos ver as inesgotables posibilidades que encerran así como as influencias das que bebe a obra de Madoz e como soubo construír a súa propia linguaxe e o seu especial mundo creativo. A exposición, comisariada por Oliva María Rubio, historiadora da arte e directora de exposicións de La Fábrica, inaugurouse en Roterdam (Holanda) en xaneiro do pasado ano e en España só estivo en Córdoba de xuño a setembro coincidindo coa candidatura da cidade a Capital Europea da Cultura “Ars Combinatoria’ presenta un extenso percorrido polo traballo de Chema Madoz a través de 70 imaxes, abordando a traxectoria do artista no seu conxunto. En palabras da comisaria, Oliva María Rubio, “o especial modo de interpretar a arte a través da fotografía e a súa visión poética fixeron de Chema Madoz un dos creadores máis interesantes da escena artística contemporánea. O seu traballo mostra as relacións escondidas entre os obxectos e indaga nas trampas da visión, abrindo unha xanela á nosa mellor comprensión do mundo.”

“O artista considérase un escultor de obxectos que opera desde o punto de vista dun fotógrafo e sinala que a fotografía é o rexistro da memoria que lle permite fixar as súas ideas. Nos diversos procedementos que utiliza: condensacións, asociacións, xustaposicións, desprazamentos, ars combinatoria, encontros fortuítos aos que somete aos obxectos, Madoz emparéntase cos surrealistas nesa procura de novos significados, novos parentescos, novos camiños por onde deixar vagar a imaxinación. Hai tamén nestes desprazamentos, metamorfoses, combinacións ou procura de relacións entre os obxectos, unha especie de lixeireza que se asocia coa idea de xogo” di Rubio que engade: “Algúns dos desprazamentos formais deste creador son mínimos, pero dunha eficacia extraordinaria. O cotián inspíralle as máis curiosas asociacións e nelas hai sempre un trasfondo de xogo. Xestos e construcións onde consegue que o máis raro pareza normal, como cando coloca unha sandalia sobre unha bota. Trata de mostrar cambios sutís das cousas, engadidos ou subtraccións, desprazamentos ou metamorfoses, que xeran unha singular estrañeza.”

Biografía de Chema Madoz

Jose María Rodríguez Madoz, máis coñecido como Chema Madoz, naceu en Madrid en 1958. Entre os anos 1980 e 1983 cursou historia da arte na Universidade Complutense de Madrid, estudos que compaxinou cos de fotografía no Centro de Ensino da Imaxe. A Real Sociedade Fotográfica de Madrid expuxo a primeira mostra individual do autor no ano 1985. En 1990, comezou a desenvolver o concepto de obxectos, tema constante na súa fotografía ata a actualidade. En 1991 o Museo Nacional Centro de Arte Reina Sofía mostrou a exposición "Catro direccións: fotografía contemporánea española" que viaxou por varios países. Este mesmo ano é galardoado co Premio Kodak. A Editorial Art-Plus de Madrid editou en 1995 a súa primeira monografía: o libro "Chema Madoz (1985 - 1995)".

En 1999 o Centro Galego de Arte Contemporánea de Santiago de Compostela mostrou a exposición individual de traballos realizados entre 1996 e 1997. A finais dese ano, o Museo Nacional Centro de Arte Reina Sofía dedicoulle a exposición individual "Obxectos 1990-1999", que é a primeira mostra retrospectiva que este museo dedica a un fotógrafo español en vida. No 2000 o fotógrafo madrileño recibiu o Premio Nacional de Fotografía de España. Ese mesmo ano a Bienal de Houston Fotofest recoñeceuno como autor destacado.

O conxunto da obra de Chema Madoz ademais de ser respectada pola crítica, está acadando cotas de popularidade impensables para outros artistas contemporáneos. Amante do branco e negro a súa obra recolle imaxes extraídas de hábiles xogos de imaxinación. nos que perspectivas e texturas tecen as súas imaxes. Desde hai tempo pinta ideas de prata. Co seu traballo abre espazos insospeitados, formas de gran forza. A través das súas fotografías podemos chegar a comprender o estraño dos atributos nas formas e os ciclos que de forma insistiente están presentes na natureza.

Biografía de Oliva María Rubio, comisaria

Doutora en historia da arte pola Facultade de Filosofía e Letras da UAM, 1992. É historiadora da arte e comisaria. Directora de exposicións de La Fábrica. Foi comisaria xeral de PHotoEspaña durante as edicións de 2001 a 2003 onde desenvolveu temáticas relacionadas coa identidade que se concretaron en Desde el Sur, Femeninos e Nos-Otros e puxo en marcha máis de sesenta exposicións de artistas nacionais e estranxeiros. Participou en numerosos xurados de arte e fotografía, como o Albert Renger-Patzsch photography Award, Essen, 2006; Grand Prix Henri Cartier-Bresson, París, 2009; Deutche Börse / Photographers’ Gallery Photography Prize 2010, Londres. Membro do Committee of Visual Arts "Culture 2000 programme”, Comisión Europea, Bruxelas, 2003; do comité de compra dos Fonds National d'Art Contemporain, París 2004-2006; asesora artística do Prix de Photography na Fundación HSBC para a Fotografía, París, 2005 e responsable do proxecto Xeracións de Caixa Madrid desde 2000.

É autora de La mirada interior. El surrealismo y la pintura, 1994, e de numerosos artigos en catálogos e revistas. Foi comisaria de, entre outras, as seguintes exposicións: Kimsooja: Respirar – Una mujer espejo (Palacio de Cristal, MNCARS, Madrid); Andres Serrano: El dedo en la llaga (Círculo de Belas Artes de Madrid, ARTIUM de Vitoria e PAC de Milán), 2006-2007; Dorothea Lange (MUICO, Madrid), 2009 e László Moholy-Nagy. The Art of Ligth, 2010 (Círculo de Belas Artes de Madrid, Martin-Gropius-Bau de Berlín e Gemeentemuseum Dean Haag), 2010-2011.

Visitas guiadas á mostra

O Auditorio ofrece a posibilidade de facer visitas guiadas ás súas exposicións. O grupo terá entre 10 e 25 persoas e persoal do gabinete didáctico encargarase de amosar o contido da mesma. Os interesados deben poñerse en contacto coa responsábel do Departamento de Exposicións para concertar unha data cubrindo un formulario na web www.auditoriodegalicia.org ou no teléfono 981 574152/3 en horario de 9:00 a 14:30 h

101_pag

Sen título, 1998

© Chema Madoz

VEGAP Madrid,2012

Brión – aprobados definitivamente os orzamentos do concello

APROBADOS DEFINITIVAMENTE OS ORZAMENTOS DE 2012 DO CONCELLO DE BRIÓN, QUE ASCENDEN A 4,9 MILLÓNS E PREVÉN UNHA REDUCIÓN NUN 6% DO ENDEBEDAMENTO

As contas quedan aprobadas definitivamente logo de non terse presentado alegación algunha no periodo de exposición pública

14 de marzo de 2012.- O Concello de Brión xa ten aprobados de xeito definitivo os seus orzamentos para 2012, que ascenden a 4.970.671 euros e que inclúen unha reducción do endebedamento de 6 puntos porcentuais. Un orzamento aprobado inicialmente no pleno municipal do 15 de febreiro e que quedou aprobado de xeito definitivo logo da súa publicación hoxe no Boletín Oficial da Provincia e unha vez transcorrido o prazo de exposición pública sen que se presentara alegación algunha.

Estes orzamentos de 2012 tan só diminúen en 3.183 euros con respecto a 2011 e manteñen unha ratio de investimento de algo máis de 658 euros por habitante. O capítulo de gastos de persoal experimenta unha reducción do 1% con respecto ao 2011, grazas á reforma da Relación de Postos de Traballo realizada polo Concello brionés.

Pola contra, o capítulo de gastos correntes ascende a case dous millóns de euros, o que supón o 38% do orzamento.O incremento dun punto porcentual en gasto corrente con respecto a 2011 xustifícase na necesidade de manter o nivel de servizos que se prestan aos veciños e veciñas de Brión. Nesta mesma liña vai tamén o capítulo de orzamentos que, a pesares da crise económica, tan só diminúe en 19.059 euros con respecto a 2011. De acordo co compromiso de contención do gasto, non se prevén novas obras, senón que o 60% dos investimentos destinaranse a manter en bo estado a nosa rede de estradas e beirarrúas mentres que o 40% dirixirase a investimentos que teñen como fin o mantemento dos servizos existentes, como a escola de música, os centros sociais, a gardería municipal, a biblioteca....

No que atinxe aos ingresos previstos, a pesares dunhas reduccións do 1% das transferencias correntes e do 4% das transferencias de capital ao Concello de Brión por parte doutras administracións, os recursos propios da corporación increméntanse nun 0,4% con respecto a 2011. Isto é posible grazas, sobre todo, á nova incorporación de altas de IBI e a pesares da baixada da actividade económica en sectores como a construción.

Os orzamentos do Concello de Brión para 2012 permitirán unha reducción da débeda de máis de 300.000 euros, de xeito que Brión pechará o ano cunha porcentaxe de endebedamento do 30,83%, unha das máis baixas de Galicia. Un descenso que suporá unha baixada de case seis puntos porcentuais con respecto ao 36,7% contemplado en 2011 e que supuxo un descendo da débeda doutros 400.000 euros. De feito, en dous anos Brión pasou de ter unha débeda do 43% dos recursos totais orzamentarios (cando naquel momento o tope da débeda estaba fixado no 110%) a ter o 30,83% cando remate 2012 (cando o novo tope é do 70%). Isto supón un descenso de trece puntos porcentuais en tan só dous exercicios.

Oroso – abrese o prazo de inscrición para a nova escola infantil

O CONCELLO DE OROSO ABRE O PRAZO DE NOVA INSCRICIÓN NA ESCOLA INFANTIL MUNICIPAL “A ULLOA”

Ofértanse un total de 36 prazas e o prazo de solicitude remata o 3 de abril (para nenos entre 1 e 3 anos) e o 31 de maio (menores de 1 ano)

14 de marzo de 2012.- O Concello de Oroso abre mañá mércores 15 de marzo o prazo de inscrición na escola infantil municipal “A Ulloa” para o curso 2012-2013. Unha oferta total de 36 prazas, logo do peche do prazo de renovación da praza para os alumnos e alumnas que xa están na gardería municipal este mesmo curso. Deste xeito, a oferta de prazas para 2012-2013 é de 7 prazas de xornada completa para nenos de 0 a 1 anos; 4 prazas de xornada completa e 2 de tarde para nenos de 1 a 2 anos; e 16 prazas de xornada completa e 7 prazas de tarde para os nenos de 2 a 3 anos.

O concelleiro de Familia, Antonio Leira, explica que “calculamos que unha vez que finalice o prazo de inscrición haxa uns 75 nenos anotados na gardería, ao poder optar as familias por desdobrar prazas e elixir, por exemplo, non deixar ao cativo polas tardes. Iso permite que esa praza de tarde sexa utilizada por outra familia, adaptándose as tarifas ás horas que está o neno na escola infantil”. As solicitudes poden descargarse da web municipal (www.concelloooroso.com) ou na propia escola infantil “A Ulloa” (981 69 15 05).

Prazos de inscrición

O prazo de inscrición estará aberto ata o 3 de abril (no caso dos nenos entre 1 e 3 anos) e ata o 31 de maio (no caso dos nenos menores dun ano). A listaxe provisional dos admitidos nos niveis de entre 1 e 3 anos publicarase o 13 de abril, abríndose un periodo de 10 días para completar información. O 2 de xuño faranse públicas as listaxes definitivas, puidendo formalizarse a matrícula ata o 30 de xuño.

No caso dos nenos menores de un ano, a listaxe provisional de admitidos darase a coñecer o 2 de xuño. Logo dos 10 días preceptivos de presentación de documentación adicional, a listaxe definitiva sairá entre o 20 e o 25 de xuño, tendo os pais ata o 30 de xuño para formalizar a matrícula.