O BNG OPONSE Á APROBACIÓN DA CONTA XERAL E CRITICA A XESTIÓN IRRESPONSÁBEL E DE DESTRAGO DE DIÑEIRO DO ALCALDE
- O Goberno e o PP impiden a aprobación das propostas do BNG para modificar as Ordenanzas Fiscais e beneficiar ás persoas con menos recursos e servizos públicos.
- O alcalde será o único membro do goberno con retribución e aprobase unha rebaixa do 20% na asignación aos grupos políticos.
O BNG opuxose á aprobación da Conta Xeral de 2010 do Concello de Ordes porque, segundo manifestou o portavoz municipal do BNG, Gonzalo Castro, “o BNG non comparte unha xestión que a propia intervención municipal evidencia como caótica e irresponsábel por parte do alcalde e o seu goberno, aludindo ao total incumprimento do Plan de Saneamento aprobado polo Pleno en xullo de 2009.”
Gonzalo Castro salientou que, ademais do total incumprimento do Plan de Saneamento, “o informe da Intervención tamén advirte do incremento da débeda do Concello durante o ano 2010 en máis de 2 millóns de euros, o que supón una débeda acumulada por habitante de 662 euros, situando a Ordes como un dos concellos galegos máis endebedados.”
Para o portavoz nacionalista “o contido da Conta Xeral de 2010 confirma a existencia dunha situación crítica no Concello de Ordes, debido ao estrago de recursos públicos, cunha débeda que xa rolda na actualidade os 11 millóns de euros, e que sigue a impedir atender o pago dos servizos e traballos dos provedores do Concello, ocasionando un grave quebranto económico aos autónomos e ás empresas de Ordes”.
Segundo o portavoz do BNG, “a situación á que ten levado o alcalde ao Concello é tan crítica que a intervención municipal aconsella non solicitar ou, de ser o caso, rexeitar calquera subvención na que o Concello teña que aportar unha porcentaxe do investimento”.
Auditoría
Castro reiterou que “os datos da Conta Xeral de 2010 confirman a necesidade de cumplir co acordo do Pleno do mes de xullo e realizar unha exhaustiva auditoría das contas do Concello, para dar resposta a preguntas como a seguinte: como é posible que cando a maioría dos investimentos realizados en Ordes nos últimos anos foron sufragados por outras Administracións, o Concello aumentase a súa débeda a unha cantidade que na actualidade se aproxima aos 11 millóns de euros?”
Finalmente a Conta Xeral de 2010 foi aprobada cos votos a favor do goberno municipal (UxO) e do PSOE, e a abstención do PP, mentres o BNG votou en contra da aprobación da mesma..
Ordenanzas fiscais
O BNG defendeu unhas propostas de modificación das Ordenanzas Fiscais para “favorecer ás persoas con menos recursos e servizos públicos”, segundo manifestou o portavoz nacionalista, Gonzalo Castro
Os nacionalistas ordenses propuxeron unha modificación da ordenanza municipal de prezos públicos engadindo a exención do pago de prezos públicos municipais ás persoas físicas que acrediten estar en situación legal de desemprego ou sexan persoas perceptoras de pensións da Seguridade Social na contía mínima legalmente establecida.
Gonzalo Castro xustificou esta proposta salientando que “a política fiscal do Concello de Ordes debe atender á situación económicaa-social dos contribuintes, de acordo cos principios de equidade e xustiza social, máxime cando en Ordes estamos a padecer de xeito moi duro os efectos da crise con perto de 1.100 desempregados”.
O portavoz do BNG salientou que “a actual ordenanza de prezos públicos, para eximir do pago dos mesmos, só ten en conta, excepcionalmente, as situacións de extrema indixencia, pero é necesario ter en conta tamén as situacións dos desempregados e das persoas con pensións mínimas, que están a sufrir de forma moi dura as consecuencias da crise”.
A segunda proposta fiscal dos nacionalistas consiste no establecemento dunha reducción do 50% do Imposto Municipal sobre os Bens Inmóbeis, para aqueles bens que carezan de servizos e dotacións de auga e/ou saneamento.
Castro defendeu esta proposta aludindo a que “é de xustiza establecer unha reducción do IBI para as persoas que viven en zonas sen servizos público de abastecemento e saneamento de auga, e que se viron por tanto obrigadas a realizar investimentos para dotarse dos mesmos”.
Estas propostas non sairon adiante ao impedilo o voto en contra do goberno (UxO) e a abstención dos concelleiros do PP, polo que Gonzalo Castro afirmou que “lamentablemente o goberno municipal e o PP comparten as políticas discriminatorias da dereita, que van provocar que en Ordes os veciños e veciñas desempregados teñan que pagar os mesmos prezos públicos que as persoas cunha renda elevada”.
Finalmente, foi aprobada unha subida das taxas e impostos do Concello de Ordes, cos votos a favor de todos os grupos excepto o BNG, xa que “negámonos a apoiar esta subida de taxas e impostos porque defendemos a necesidade de aprobar unhas ordenanzas fiscais máis xustas que teñan en conta a situación das persoas que posuen menos recursos”, segundo manifestou Gonzalo Castro.
Asignación a Grupos Políticos e dedicación exclusiva do Alcalde
O BNG apoiou a proposta de asignación a Grupos Políticos e a dedicación exclusiva do alcalde, asuntos nos que non se permitiu un turno de intervencións dos portavoces dos Grupos Políticos, o que causou a sorpresa do portavoz do BNG, Gonzalo Castro quen fixo fincapé en que “desde o BNG non entendemos que se prive aos veciños da exposición das posturas dos distintas formacións políticas sobre estes asuntos”.
Castro manifestou que “o BNG apoia a asignación aos Grupos Políticos porque nos parece razoábel a rebaixa dun 20% da cantidade que se viña percibindo”. Con respecto á dedicación exclusiva do alcalde, o portavoz do BNG manifestou que “Ordes precisa dun alcalde con dedicación exclusiva ao cargo, mais son innecesarias as demáis dedicacións que propuso o goberno no mes de xullo, alegrámonos de que finalmente o goberno desistise desa proposta, aceptando o que levamos defendendo desde o BNG durante estes meses”.