Burning, a banda madrileña, autores de temas como: Qué hace una chica como tú en un sitio como éste, Mueve tus caderas o Ésto es un atraco, volven 8 anos despois da súa última actuación en Santiago, á sala Capitol para presentar “Pura Sangre”, o seu último disco, que os situou de novo en todas as listas do mellor do ano. Será mañá venres 6 de marzo ás 21.30h e dentro do ciclo Compostela Rock. As entradas teñen un prezo de 16 euros anticipada e 20 euros antes do concerto e poden mercarse no despacho de billetes do Teatro Principal, en salacapitol.com, ticketea.com, todotickets.es, A Reixa Tenda, Miranda e na Coruña en Portobello.
A súa interminable xira está a responder a todas as expectativas de público e crítica. Os seus concertos céntranse en repasar os seus preto de 40 anos de carreira, cargados de temas emblemáticos e inspiradores de varias xeracións que son auténticos clásicos do rock feito en castelán. Antes deles poderemos escoitar a música country rock dos composteláns Los hermanitos.
BURNING (Madrid, rock’n’roll)
No ano 74, coas últimas rabexadas do réxime, cando o barrio madrileño da Elipa era máis barrio do que nunca foi, entre os discos de estraperlo dos Rolling Stones e Deep Purple, aparece un dos grupos que locen con todas as da lei (non de entón), a etiqueta de lenda viva, Burning.
Quique, Pepe Risi, Toño e Johnny Cifuentes, empezan a combinar as tascas, o local de ensaio e as salas de concertos, sen máis pretensións que as inherentes a levar unha guitarra ao ombreiro e ter un nutrido grupo de fans con saia debaixo do escenario, entre outros sitios. O proxecto bautízase como Burning (o día da elección facía moita calor).
Tras editar os seus dous singles debut en inglés “I´m burning” e “Like a Shot” (1974 e 1975), o grupo soporta como pode as súas conflitivas actuacións, a ida e volta de Risi cumprindo o servizo militar e de distintos baterías que non se axustan a unha forma de entender a música por parte dos membros residentes. Pouco diñeiro e moito amor polo rock.
Con todo, Burning saen desa turbulenta etapa para volver a reinventarse e entrar noutra non menos turbulenta que, polo menos, é unha das máis fértiles do grupo discográficamente falando. “Madrid”, “El fin de la década” e “Bulevar” publícanse entre os anos 78 e 80. O tres discos móvense entre o Rock Stoniano, as influencias do Rock Sinfónico e a Movida Madrileña sen perder en ningún momento un selo especial que Burning xa estampará en cada un dos seus futuros traballos en estudo ou en escenario. Daqueles anos quedan grandes temas, pero sobre todo un que lles abriu moitas portas grazas á película de Fernando Colomo, onde ademais eran protagonistas xunto a Carmen Maura, “Que hace una chica como tú en un sitio como este”.
A partir deste momento, cun estado previo de xerminación, comeza a historia negra dos Burning. Sacudidos por unha sensibilidade especial –por unha actitude rabiosamente rockeira– por unha contorna máis que perigosa e nunha época que ninguén soubo onde acababa e onde comezaba– drogas, problemas persoais e con certa tirantez entre os membros do grupo.
Todo desemboca e dexenera na marcha definitiva de Toño a Bilbao despois da gravación de “Atrapado en el amor” no 82. Cinco anos despois, en 1987, morre mergullado de novo nunha voráxine de drogas e autodestrución. Burning comeza a forxar a súa lenda.
Para ben ou para mal, o grupo sempre foi paradigma da historia do rock n’roll, salpicada de momentos tan sublimes como custosos a nivel humano. “Noches de rock´n roll” marca o comezo dunha nova etapa onde Risi e Johnny continúan coa actividade do grupo sacando á luz inmensos traballos que aos poucos van converténdose en obras de culto, mentres un e outro se apoian mutuamente no escenario e fóra del, levando, nunca mellor dito, a voz cantante. Xa por entón o grupo, a industria, a crítica e os propios seguidores de Burning entenderon que discorren por unha vía distinta ao resto. Os seus admiradores, en tinta escrita ou a viva voz, os seus compañeiros músicos, son conscientes que Burning camiña por esa vía estreita infestada de vellas e coñecidas estacións, alleos aos vaivéns da industria, ás modas. Editan “Hazme gritar”, “Cuchillo” e “Regalos para mamá”.
Recen entrados no noventa gravan “En directo” rodeados de amigos como Joaquín Sabina, Miguel Ríos, Rosendo, Antonio Vega ou Loquillo. Parecía que a sorte lles sorría con ese dobre álbum (disco de ouro) mentres eles se mergullaban en concertos multitudinarios en campos de fútbol e prazas de touros. Logo viría a calma con “No mires atrás” no 93. Con todo, a incerteza volve pousarse sobre o grupo anos despois, cando unha pneumonía acaba co castigado corpo de Pepe Risi, un nove de maio de 1997, o mesmo día e mes (distinto ano) no que falecera Toño. A perda dun dos personaxes máis emblemáticos da escena musical española vaticina a morte de Burning segundo algúns que descoñecen unha das principais calidades de Burning, o seu empeño en mirar cara adiante conscientes que a nostalxia xa é un elemento imprescindible –e con iso basta– das súas composicións.
A partir de entón, comeza ese período de incerteza que engloba a multitudinaria homenaxe a Pepe Risi, cargado de cómplices chiscadelas e homenaxe á traxectoria dun grupo que se segue sostendo no terceiro vértice da lenda, Johnny Cifuentes. “Una noche sin tí” volve contar con amigos de sempre e roqueiros emerxentes. Pouco despois vería a luz “Sin miedo a perder” (1998), un disco que Pepe deixara gravado antes de irse.
Entre o 2004 e o 2005 compaxinan a súa interminable xira coa gravación de “Dulces dieciséis” o que é o seu novo disco, dezaseis das súas mellores cancións vistas desde un punto totalmente acústico. A selección dos temas foi realizada polos seus seguidores a través da súa páxina web. Para a ocasión contaron coa produción de Carlos Narea e rodeáronse de músicos como Osvi Grecco, Tito Dávila o Ñaco Goñi. Tamén quixeron contar co seu amigo Quique González, quen canta a medias con Johnny “Esto es un atraco”. Coincidindo coa saída de álbum, mergullaranse nunha exclusiva xira acústica, que os levará polas principais cidades españolas e combinarán tanto salas como teatros. A partir do mes de maio de 2006 aparcarán para sempre o formato acústico para volver a enchufarse aos seus amplificadores.
Burning levan mais de trinta anos no candelero. Sobreviviron ás súas traxedias persoais e aos cambios propios da música. Sen querelo, colocaron as primeiras pedras da tráxica lenda nacional do rock e escribiron os primeiros himnos da mesma. A música de Burning é canallesca, castiza, chulesca e nostálxica. Os seus temas transpórtannos ás noivas que nunca coñecemos, ás barras que nunca soportaron as nosas penas e aos cigarros que deixamos de fumar. A súa música é para perdedores, para solitarios, para os amantes do esquecemento, de historias inconclusas, de ontes e de xa cho dixen. O seu verbo fácil, a súa mirada turbia e o cheiro a fume son, para calquera alma sensible, un déja-vu. Exercicios de nostalxia que rememoran unha escena non vivida senón por vivir
BURNING son: Johnny Cifuentes (voz e teclados), Eduardo Pinilla (guitarra), Carlos Guardado (baixo), Kacho Casal (batería), Nico Alvarez (guitarra), Miguel Slingluff (saxo)
LOS HERMANITOS (Santiago de Compostela, country rock)
Durante vinte anos os irmáns Armesto vagaron como pantasmas invisibles polo purgatorio dos antros perdidos do rock and roll. Pero ao fin, como tantos outros lunáticos antes que eles, decidiron que o mundo aínda non estaba preparado para entender a súa mensaxe. Desfixeron a banda e escondéronse nun escuro pobo de xentes con miradas recelosas. Pronto os empezaron a culpar de todos os pequenos crimes e males locais. Abortos de tenreiras, malas colleitas. Foron os hermanitos. Iso é culpa dos malditos hermanitos. E así os bautizaron por segunda vez.
Namentres eles se interesaron polos sons fronteirizos do country pantanoso, polas guitarras que resoan coma se fose un eco traído polo vento e por esas voces graves que só anuncian desgrazas. Así que decidiron volver de novo á estrada secundaria, aínda que ao seu lado xa pasaba unha autovía. Esta vez aceptando gustosos ser os espectros que foron. Eses anciáns que falan sós nos parques. Sen máis mensaxe para o mundo que o que proclama a area que escorrega entre os dedos dunha man aberta.