Brión - obradoiros para emprendedores


O CONCELLO DE BRIÓN ORGANIZA OBRADOIROS FORMATIVOS PARA EMPRENDEDORES E TALLERES
DE ORIENTACIÓN LABORAL PARA DESEMPREGADOS

Serán sesións monográficas de 2 horas con temas de interese para estes colectivos: ferramentas para buscar emprego, elaboración de CV, novas tecnoloxías, alta en autónomos ou protección de datos


     O Concello de Brión organiza unha serie de obradoiros formativos para emprendedores-empresarios e uns talleres de orientación laboral para desempregados que comezarán a impartirse o vindeiro mes de xuño. Trátase de pequenas sesións monográficas de 2 horas de duración, que terán lugar centro social polivalente ou no telecentro de Brión, nas que os alumnos abordaráns cuestións concretas do seu interese.

Así, para este mes de xuño o Concello de Brión convoca dous obradoiros para veciños e veciñas desempregados. No primeiro deles, “Busca de emprego na rede”, os alumnos coñecerán todas as ferramentas e distintas webs de interese para a busca de emprego a través da Internet. Terá lugar o martes 5 de xuño, de 10:30 a 12:30 horas. No seguinte curso, “Elaboración do currículum vitae”, que terá lugar o xoves 28 de xuño, de 10 a 12 horas, ensinará aos alumnos como presentarse dun xeito máis atractivo diante unha oferta laboral, aprendendo que méritos resaltar e como facelo.

Para os emprendedores e empresarios están convocados inicialmente outros catro cursos, dous deles relacionados coa aprendizaxe das novas tecnoloxías. Así, o 18 de xuño os alumnos aprenderán a elaborar un blog para a empresa, mentres que o 11 de xuño terá lugar unha sesión sobre correo electrónico. Tamén haberá unha sesión sobre os distintos pasos a cumplimentar para darse de alta como autónomo (o 7 de xuño) e un obradoiro sobre protección de datos na empresa (o 14 de xuño). Todos os cursos terán lugar en horario de 20:00 a 22:00 horas.

Necesidades dos alumnos


A axente de Desenvolvemento Local de Brión, Elisa Iglesias, explica que “faremos ao longo do ano distintos obradoiros con distintas temáticas, en función tamén dos intereses da xente que participe”. Así, exemplifica: “hai cursos como o de alta de autónomos ou correo electrónico que con dúas horas temos suficiente para explicalo todo, sen embargo o da creación do blog é posible que dé pé a facer outras sesións para ir máis aló, aínda que todo dependerá do que queiran os alumnos”.

A cota de inscrición en cada un destes seis obradoiros é de 5 euros. Todos os veciños e veciñas que queiran participar deberán anotarse antes do 31 de maio na Casa da Cultura, no 981 509 908 ou no mail: orientacionlaboral@briondixital.org. A admisión farase por orde de inscrición, tendo preferencia os veciños de Brión. Para a realización dos obradoiros é necesario un mínimo de 10 persoas.

Ningún comentario: