Ante as discrepancias existentes pola xestión dos comedores escolares nalgúns dos concellos da comarca da Santiago de Compostela, o Concello de Ames xa ten solventado a xestión deste servizo a través da súa propia Rede municipal de Comedores Escolares
Nos últimos catro anos produciuse un claro incremento no número de usuarios/as que participan nos servizos complementarios de educación
Estes servizos complementarios son pioneiros en toda Galicia e inclúen os programas Bos días cole, Tardes divertidas, a Rede Municipal de Comedores Escolares, os lúdicos e a Escola de verán.
Durante o presente exercicio dedicarase unha partida de 1.022.492 euros para sufragar os servizos complementarios
Ante as discrepancias existentes pola xestión dos comedores escolares nalgúns dos concellos da comarca da Santiago de Compostela, o Concello de Ames xa ten solventado a xestión deste servizo a través da súa propia Rede municipal de Comedores Escolares. Ademais durante os últimos catro anos produciuse un forte incremento no número de solicitantes e usuarios/as dos servizos complementarios, unha aposta do goberno local por ofertar diversos servizos destinados a axudar ás familias a conciliar a vida laboral e familiar. Isto significa que a poboación ve con bos ollos estas iniciativas que facilitan a vida das familias ao tempo que educan aos rapaces e rapazas en valores de respecto e convivencia e na necesidade de manter unha dieta equilibrada e saudable. Estes servizos complementarios son pioneiros en toda Galicia e inclúen os programas Bos días cole, Tardes divertidas, a Rede Municipal de Comedores Escolares, os lúdicos e a Escola de verán. En total, estes servizos contan con 2.359 usuarios/as.
Nos últimos días producíronse certas discrepancias sobre a xestión dos comedores escolares nalgúns dos concellos da comarca da Santiago de Compostela xa que as ANPAS decidiron non seguir coa prestación deste servizo de xeito directo. O Concello de Ames asegúrase a prestación deste servizo, xa que está xestionado directamente pola Administración local a través da Rede Municipal de Comedores Escolares.
O alcalde de Ames, Carlos Fernández, explicou que “ante a falta de atención da Consellería de Educación o Concello de Ames xa ten solventado a xestión dos comedores a través da Rede municipal de Comedores Escolares. O Concello de Ames presta un atención especializada a cada un dos alumnos/as que demandan o servizo de comedores escolares”. Ademais o rexedor municipal demándalle á Consellería de Educación que tamén manteña unha estreita colaboración neste ámbito con todos aqueles concellos que teñen garantido este servizo e non só con aqueles que teñen certas dificultades para poder ofrecelo.
Aposta polo gasto social e educativo
O goberno municipal iniciou no ano 2003, coincidindo co cambio de goberno, un conxunto de servizos destinados a facilitar a conciliación laboral dos pais e nais de Ames que teñen aos seus fillos escolarizados nos centros de ensino amienses, mediante un conxunto de programas como a Rede Municipal de Comedores, Bos días cole ou Tardes divertidas nos que, ademais de manter aos nenos activos mentres os pais/nais traballan, estes reciben educación de carácter cívico e alimentario, favorecendo entre os cativos e cativas unha boa dieta saudable e valores de convivencia e respecto cara os seus compañeiros. Nos últimos catro anos o número de usuarios non fixo máis que aumentar, o que indica ben as claras que estes servizos teñen moi boa acollida entre os cidadáns e as cidadás de Ames. Os servizos complementarios que ofrece o Concello de Ames pasaron a ser imprescindibles para a veciñanza amiese.
O goberno local aposta polo gasto social e iso vese reflectido no mantemento destes servizos que resultan indispensables para todos os veciños/as de Ames. Dende a Administración local cren necesario investir en gasto social e en materia de educación. O concello de Ames dispón dunha poboación eminentemente xoven o que provoca que se teñan que dedicar un gran número de recursos a este grupo social. O mantemento de todos este servizos supón un enorme esforzo económico e un gran gasto para as arcas municipais, pero dende o executivo local cren que é preciso apostar pola educación dos rapaces e rapazas que residen en Ames. Durante o presente exercicio dedicarase unha partida de 1.022.492 euros para sufragar os servizos complementarios.
Rede Municipal de Comedores Escolares
Os comedores escolares foron pioneiros á hora de ofrecer un servizo de xestión alimentaria directa que comeza e completa o ciclo, desde a elección do menú e a compra ata a cociña e a mesa sen pasar en ningún momento por mans alleas. Así, a Rede Municipal de Comedores Escolares contaba no curso 2007-2008 con 641 usuarios, mentres que neste curso 2010-2011 fan uso deles 971 nenos e nenas, o que supón un incremento de 330 usuarios, ou o que é o mesmo un incremento aproximado dun 51,5%. O incremento entre o curso pasado e este é de 149 usuarios.
Pola súa banda, os programas de Bos días cole e Tardes divertidas, cuxa finalidade é conciliar a vida laboral e familiar, ofrecen a posibilidade de que os pais/nais poidan deixar aos rapaces na escola antes do inicio das horas lectivas, para que poidan ir traballar e chegar ao seu posto de traballo á hora, ou deixalos pola tarde nas escolas mentres os pais/nais traballan. Estes servizos tamén incrementaron o número de usuarios nestes últimos catro anos.
Bos días cole incrementou entre o curso 2007-2008 e o presente curso 2010-2011 o seu número de usuarios en 175 nenos/as, o que supón unha subida dun 270%, xa que en 2007 contaba con 65 rapaces e rapazas e a día de hoxe presta servizo a 240 rapaces e rapazas. Con respecto ao curso pasado, o incremento foi de 18 usuarios, consolidándose deste xeito a tendencia a alza dos pais e nais que usan este servizo.
O incremento de usuarios do programa Tardes divertidas con respecto a ano 2007 foi de 70 rapaces e rapazas, un 175%, xa que hai catro anos eran 40 os seus usuarios e hoxe son 110. Con respecto ao ano pasado, sumáronse 36 novos usuarios, dándose así tamén un proceso de alza no número de interesados neste programa ano a ano.
Así, os programas Bos días cole, Tardes divertidas e a rede Municipal de Comedores Municipais dan servizo ao CEIP A Maía, ao CEIP Agro do Muíño, á Escola de Educación Infantil do Milladoiro e ao CEP de Ventín.
Tempadas lúdicas e Escola de Verán
Outros programas inseridos nestes servizos complementarios dependentes da Concellería de Educación son os lúdicos (primavera, xuño, setembro e Nadal lúdico) e a Escola de verán. No xuño lúdico, o incremento de beneficiados con respecto a ano 2007 foi de 27 nenos/as, o que supón unha subida dun 10%, mentres que con respecto ao ano pasado foi de preto de 40 novos usuarios, aumentando cada curso dende 2008 o número de beneficiados. No Nadal lúdico de 2007 foron 201 os rapaces e rapazas que se apuntaron a este programa, mentres que en 2010 foron 211, polo que o incremento con respecto a hai catro anos foi de 10 rapaces e rapazas, producíndose un incremento do 5%. Entre 2009 e 2010 o Nadal lúdico gañou 35 novos usuarios/as.
A Primavera lúdica e o Setembro lúdico conseguiron estabilizar o número de usuarios por riba dos 130 e os 200 usuarios/as respectivamente, de tal xeito que no programa da Primavera lúdica deste ano son 135 os nenos e nenas que se beneficiarán deste servizo e 204 os que o fixeron do setembro lúdico de 2010.
A Escola de Verán vai gañando alumnos/as ano a ano consolidándose a tendencia alcista, de tal xeito que se en 2007 foron 153 os rapaces e rapazas apuntadas, en 2010 houbo 200 usuarios/as, producíndose un incremento do 30,7%, uns 47 alumnos e alumnas máis, mentres que se comparamos os datos de 2010 cos de 2009 o incremento é de 40 persoas.
Así, queda sobradamente demostrado que os servizos complementarios desenvolvidos polo goberno municipal dispoñen da absoluta confianza dos pais e nais dos nenos/as que residen en Ames, converténdose nun servizo moi estendido na educación dos rapaces e rapazas do concello que, ademais de permitirlles aos pais/nais conciliar a vida laboral e a familiar, permítelles aos cativos e cativas contar cunhas horas fóra do horario escolar no que reciben unha boa atención e educación en valores e nunha dieta saudable.