O PLENO DE OROSO INSTA Á XUNTA A QUE CUMPRA O PACTO LOCAL E ASUMA O CUSTE DO MANTEMENTO, VIXIANZA E LIMPEZA DOS CENTROS DE ENSINO PRIMARIO
O concelleiro de Cultura lembra que o Concello investiu en 2011 máis de 100.000 euros no colexio de Sigüeiro
O pleno aproba provisionalmente a modificación puntual nº 4 do PXOM para mellorar a ordenación do polígono de Sigüeiro sen cambiar a edificabilidade
27 de xaneiro de 2012.-O pleno municipal do Concello de Oroso aprobou unha moción do Grupo de Goberno para instar á Consellería de Educación a que asuma o custe do mantemento, vixianza e limpeza dos edificios dos centros de ensino primario. Unha moción que foi aprobada cos 9 votos a favor de PSOE, BNG e Partido Galeguista e cos 4 votos en contra do Partido Popular.
“A Xunta ten que asumir o que pactou con todos os alcaldes, débese cumprir o Pacto Local e a Xunta debe facerse cargo dos gastos dos centros de ensino”, explicou o alcalde Manuel Mirás. Para conseguilo, o Concello de Oroso solicitará unha reunión coa FEGAMP para consensuar unha postura común por parte das entidades locais ante a Consellería de Educación, coa que se solicita tamén unha reunión posterior para expoñerlle os problemas que ocasiona aos Concellos a actual situación e tratar de acadar un acordo que permita solucionalos. Unha reunión que tamén solicitan co presidente da Xunta de Galicia.
O Concello de Oroso insta tamén aos municipios pertencentes á Mancomunidade de Ordes (Cerceda, Frades, Mesía, Ordes, Trazo, Tordoia e o propio Oroso) a que secundar de xeito individual esta iniciativa mediante a presentación de mocións nos seus respectivos plenos. Unha vez acadados os devanditos acordos, trasladaranse tamén á Consellería de Educación.
Investimentos no CEIP
O concelleiro de Cultura, Antonio Leira, explicou que “entendemos que se está incumprindo o Pacto Local e pedimos que a Xunta asuma esas competencias. Os Concellos non podemos ser os cabezas de turco diante dos cidadáns, a pesar de que Oroso está asumindo máis gastos dos que lles corresponderían”. Así, sinalou que o Concello de Oroso ten investido máis de 100.000 euros ao longo de 2011 no colexio de Sigüeiro.
A proposta do Grupo de Goberno foi secundada polo voceiro do BNG, Xosé Manuel Pérez, quen se amosou de acordo con “optimizar os recursos nas administracións, pero non recurtar en educación, pois o saber é o que fai libres ás persoas”. Pola súa banda, o voceiro do Partido Galeguista, Siverio Mirás, indicou que “é competencia da Xunta e os Concellos non teñen posibilidades económicas. É lóxico que a Xunta se faga cargo”.
Pola súa banda, o portavoz do PP, Xosé Manuel Balado, sinalou que esta situación “vense producindo dende hai tempo” e criticou que a moción non se tivera presentado con tempo para o seu estudo. Antonio Leira amosou a súa sorpresa pola oposición amosada polo PP, que mesmo votou en contra da urxencia de debatir esta moción alegando que fora presentada o mesmo xoves. “Están de acordo no fondo pero non na forma. Preocúpalles máis cando se presentou que o que di a moción”, apuntou o concelleiro de Cultura, quen lembrou que “para darlle a mesma calidade aos cidadáns hai que tomar medidas”.
Así mesmo, Antonio Leira sinalou que “hai un mes e medio, os sete concellos da Mancomunidade de Ordes, na que hai alcaldes de distintas cores políticas, aprobou unha moción semellante e os alcaldes do PP non dubidaron en votar a favor. Pero o PP de Oroso semella que non pode facelo”.
Pérgola e bedel
O debate sobre a situación do colexio de Sigüeiro extendeuse tamén ao turno de rogos e preguntas. Así, diante o recente investimento de 15.000 euros en obras de mellora no acceso ao colexio de Sigüeiro, o BNG preguntou si estaba prevista a construción dunha pérgola para protexer aos cativos da choiva. O concelleiro de Cultura, Antonio Leira, lembrou que se trata dunha obra competencia da Xunta, “a pesar de que nós xa fixemos o proxecto e llo enviamos á Xunta, que dixo que lle parecía moi ben pero que o fixeramos nós. Lamentamos que nos queiran pasar a pataca quente”.
Sobre o traslado ao centro cultural de Sigüeiro dun dos dous bedeis que prestaban servizos no colexio, o alcalde Manuel Mirás explicou que “o labor que ten que facer un ordenanza é abrir o centro, vixialo e avisar dos arranxos que haxa que facer, non dar apoio aos profesores en temas educativos”. O alcalde orosán lembrou que o Concello ten contratada un empresa para a limpeza do colexio, así como un fontaneiro e un electricista para solventar calquera arranxo que haxa que facer. Uns profesionais aos que tamén hai que sumar a brigada municipal de obras.
Unha decisión que foi comunicada con anterioridade tanto aos propios interesados como á dirección do centro escolar e á asociación de pais. Mirás Franqueira sinalou que “hai que botar man da eficiencia dos recursos. Un bedel é suficiente e o outro segue a darlle servizo á cidadanía no centro cultural de Sigüeiro”.
Modificación do PXOM
Por outra banda, o pleno municipal de Oroso aprobou provisionalmente a modificación puntual Número 4 do Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM), correspondente ao parque empresarial de Sigüeiro. Unha modificación aprobada inicialmente en marzo de 2011 e que agora será remitida á Xunta para a súa aprobación definitiva, toda vez que esta tarde recibiu o apoio de dos 12 concelleiros do PSOE, PP e BNG. O concelleiro do Partido Galeguista votou en contra ao entender que sería mellor facer un novo PXOM no canto de acometer modificacións puntuais.
Esta modificación puntual Número 4 do PXOM de Oroso permitirá modificar o Plan Parcial do solo apto para urbanizar industrial do parque empresarial promovido por Xestur. Así, a modificación do texto normativo permitirá unha mellora na ordenación, composición de volumes e regulación de uso coa finalidade de incorporar melloras na ordenación do parque e resolver situacións de protección do patrimonio sobrevidas, como é o caso dunha inmoble situado na zona e que está considerado como un dos máis antigos do municipio. Con este cambio, este inmoble terá garantida unha maior protección.
Ademais, aprovéitase para incluir unha nova expresión gráfica do plano de ordenación e zonificación, froito do crecemento da zona e da aparición de novos viais como, por exemplo, o acceso directo á autopista AP-9 sen ter que pasar pola N-550. “Uns cambios de cousas puntuais e que non inflúen na edificabilidade”, explicou Manuel Mirás.
Ruidos e PXOM
A unanimidade mantívose no resto da sesión plenaria. Así, o Pleno municipal aprobou unha modificación da ordenanza xeral reguladora da emisión de recepción de ruídos e vibracións, de xeito que facilitará a tramitación de licencias de apertura de negocios non xeradores de ruídos (como, por exemplo, un despacho de avogados ou un estudo de arquitectura) que antes tiñan que presentar un estudo de medición de ruídos. O cambio indica textualmente: “quedan excluidas do ámbito de aplicación as actividades que, polo seu exercicio, podan considerarse como inocuas ao non ser xeradoras de ruídos”.
Asímesmo, o pleno tamén aprobou un cambio nas obras incluidas no Plan Provincial de Cooperación ás Obras e Servizos de Competencia Municipal (POS) 2012, aprobado por unanimidade na sesión de novembro de 2011. Así, a Alcaldía de Oroso proporá revisar a segunda fase do proxecto de instalación de alumeado público entre os núcleos rurais de Villalbarro e O Cruceiro, orzamentado en 45.000 euros, e que será retomado con cargo a outras partidas.
Con este cambio, o POS 2012 contará cun orzamento de 313.281 euros, dos que 74.838 euros serán aportados polo Concello de Oroso e o resto polo Estado e a Deputación da Coruña. Unha aportación municipal moi superior ao 5% legalmente esixido e que permitirán “facer aquelas obras que precisan os nosos veciños e veciñas”, sinala Manuel Mirás.
Un plan que permitirá a construción dunha senda peonil no núcleo de poboación de Baxoia (Deixebre, dando continuidade á senda xa existente); traballos de execución de rede eléctrica, preinstalación de alumeado público e dotación de zonas peonís no vial que une os núcleos rurais de Vilalbarro e O Cruceiro coa estrada nacional N-550; e obras de abastecemento de agua na estrada AC-460 (que complementarán a senda peonil construída en 2009 dende a antiga estación do tren de Garga, na parroquia de Trasmonte ao longo da estrada AC-460, que dende xuño de 2010 é titularidade do Concello de Oroso). Así mesmo, investiranse case 78.000 euros no recheo dunha parcela para aparcamento na parroquia de Trasmonte e na mellora da rede viaria nas parroquias de Gándara, Marzoa, Pasarelos, Senra e Os Ánxeles.
