BNG A Estrada – o BNG pide o apoio do pleno o centro médico de Codeseda

O BNG da Estrada quere un apoio unánime da corporación municipal ao centro médico de Codeseda

Xosé Magariños defenderá no próximo pleno unha moción urxente instando á Xunta de Galiza a manter o centro médico desta parroquia

A Estrada, 30 de xullo de 2011: O BNG da Estrada defenderá no pleno ordinario de agosto unha moción na que se insta á Xunta de Galiza a manter o centro médico de Codeseda.
A moción, que o BNG tentará introducir na orde do día pola vía de urxencia, busca unha resposta unánime de todas as forzas políticas con representación no concello a unha importante demanda de toda a parroquia de Codeseda, onde o centro médico pende dun fío.
Xosé Magariños Maceiras, portavoz municipal do BNG, subliñou que “o PP, e concretamente o alcalde, José López, terá a oportunidade no próximo pleno de transformar ese 'apoio moral' ás reivindicacións dos veciños e veciñas de Codeseda nun apoio político claro a prol do centro médico da parroquia”.
O portavoz do BNG dixo que “quero recordarlle ao alcalde que agora xa non estamos en campaña, acabouse o paripé político, e cómpre actuar, e el”, engadiu Magariños, “como alcalde ten a obriga de traballar para manter o centro médico de Codeseda nas mesmas condicións que tiña  até o 15 de xullo”.
“Cómpre, polo tanto, compromisos claros do goberno municipal para arranxar este problema”, subliñou Xosé Magariños, “e votar afirmativamente por esta moción, é o primeiro chanzo, pero negociar na Consellaría de Sanidade o mantemento do centro é o segundo chanzo”, rematou o portavoz municipal do BNG.
Magariños non quixo deixar a oportunidade de subliñar que “a austeridade da que se gaba o PP ten estas consecuencias, que os veciños e veciñas de Codeseda están experimentando en primeira persoa”. “A Xunta de Galiza gobernada polo Partido Popular”, engadiu o portavoz do BNG, “está a suprimir servizos públicos básicos a todos os galegos e galegas, e o de Codeseda só é unha pequena, pero importante mostra para os veciños da parroquia das consecuencias desta política austera do PP”.
Recordemos que o centro médico de Codeseda atende a preto de 500 persoas desta parroquia e outras limítrofes, onde, a parte da atención médica diaria, tamén se pode realizar análises de sangue e de SINTRÓN, moi importantes todas aquelas persoas, sobre todo de idade avanzada, que necesitan este tipo de atencións.
Actualmente o centro médico está atendido por un médico, unha enfermeira e PSX, mais nos últimos días o persoal deste centro parte a súa xornada entre Codeseda e A Estrada, o que na práctica supón a lenta pero segura desaparición do centro médico da parroquia, un centro que se construíu grazas á cesión do terreos por parte dos veciños e veciñas da parroquia de Codeseda.
“Para o BNG”, subliñou Xosé Magariños, “todos os veciños e veciñas teñen dereito a unha sanidade pública e gratuíta, e a poder seren atendidos no lugar máis preto ao seu domicilio, cousa que non ocorrería se os veciños e veciñas de Codeseda tiveran que desprazarse até a vila da Estrada, que está a unha distancia de entre 10 e 12 quilómetros. Neste sentido, compre recordar que o Concello da Estrada é un dos concellos de maior extensión de Galiza, e o que máis núcleos de poboación ten, polo que este tipo de centro médicos descentralizados (Codeseda e Souto de Vea), facilitan a moitos veciños e veciñas da Estrada teren unha atención sanitaria próxima aos seus domicilios.”

BNG Ordes – o pleno municipal aproba as moción do BNG sobre transfuguismo e auditoría de contas

O PLENO APROBA AS MOCIÓNS DO BNG RELATIVAS AO TRANSFUGUISMO E Á AUDITORÍA DE CONTAS

Limitaranse os dereitos económicos e políticos dos tránsfugas, e realizarase unha auditoria externa das contas municipais

O Pleno da Corporación Municipal de Ordes aprobou as dúas mocións presentadas polo BNG, cos votos a favor dos concelleiros do BNG, PP e CideGa, a abstención do PSOE e o voto en contra dos concelleiros do goberno municipal (UxO). Con estas mocións aprobouse unha reforma do Regulamento Orgánico Municipal que limita os dereitos económicos e políticos dos tránsfugas e acordouse a realización dunha auditoría externa sobre a situación económica do Concello de Ordes, coa creación dunha comisión de seguimento dos traballos da mesma, que contará coa participación de todos os Grupos Municipais.

Gonzalo Castro manifestou a o seu agradecemento aos distintos grupos políticos da Corporación Municipal “por apoiar dúas iniciativas que pretenden marcar un punto de inflexión na política municipal de Ordes, un concello que necesita como auga de maio a mellora democrática e a transparencia á súa política municipal”.

Con respecto á modificación do Regulamento, o portavoz municipal do BNG, manifestou que “era urxente evitar que os concelleiros tránsfugas poidesen obter beneficios económicos e políticos polo abandono do seu grupo político, o que estaba permitido polo o actual Regulamento Orgánico do Concello, que foi impulsado polo actual alcalde durante o pasado mandato”.

Gonzalo Castro salientou que “a inclusión no Regulamento Orgánico do Concello de Ordes da prohibición de que os dereitos económicos e políticos dos concelleiros tránsfugas poidan ser superiores aos que lles corresponderían de permanecer no seu grupo político supón un avance para poñer freo a un dos problemas crónicos do noso concello: a inestabilidade política sustentada pola compravenda de vontades, polo transfuguismo”.

Por outra banda, a reforma do Regulamento proposta polo BNG incluiu medidas para mellorar a participación dos Grupos Políticos, cun aumento do numero de iniciativas a presentar por cada grupo e unha reforma do sistema de debate e aprobación das mesmas.

O portavoz nacionalista finalizou a defensa desta moción amosando a súa “satisfacción polo que significa esta reforma na na mellora democrática do Concello de Ordes”.

Auditoría externa

Con respecto á aprobación da moción do BNG relativa a realización dunha auditoría externa, Gonzalo Castro manifestou que “os veciños e veciñas de Ordes deben coñecer cal é a situación económica real do Concello de Ordes, con absoluta transparencia”.

Na defensa desta iniciativa do BNG aprobada polo Pleno, o portavoz do BNG salientou que “para garantir que os traballos de auditoría se realizan con total obxectividade, crearase unha comisión de seguimento, coa participación dun membro de cada grupo político, que será a encargada de supervisar a realización de auditoría e de realizar un informe coas conclusións da mesma para a súa aprobación por parte do Pleno”.

Castro agradeceu o apoio dos grupos políticos a esta proposta e salientou que “esta iniciativa contribuirá a poñer freo a unha xestión absolutamente caótica e irresponsábel do goberno municipal, que ten colocado ao concello nunha situación crítica, debido ao destrago de recursos públicos, cun aumento da débeda até os 9 millóns de euros”

Para o portavoz nacionalista, do que se trata, con esta iniciativa, é de sacar adiante un plan de saneamento do Concello, que permita “atender o pago das débedas cos proveedores do Concello, profesionales autónomos e empresas que están sufrindo un grave quebranto económico debido aos impagos dos seus traballos por parte do goberno municipal”.

Brion – a piscina municipal cuberta abre este luns con 15 días de portas abertas

A PISCINA MUNICIPAL CUBERTA DE BRIÓN ABRIRÁ AS SÚAS PORTAS MAÑÁ LUNS E DARÁ INICIO A DÚAS SEMANAS DE XORNADAS DE PORTAS ABERTAS

O Concello de Brión organizou tamén cursiños gratuitos de natación para adultos, xa que se anotaron 70 adultos e 150 nenos

O Concello de Brión ofertará uns cursiños gratuitos para bebés, que se impartirán na segunda quincena de agosto

29 de xullo de 2011. A piscina municipal cuberta de Brión abrirá mañá luns as súas portas ao público, dando inicio a dúas semanas de portas abertas nas que todas as persoas que o desexen poderán conocer as instalacións e anotarse para os cursos e abonos de temporada, que comezarán a impartirse no mes de setembro. Así, durante as primeiras dúas semanas de agosto o acceso e utilización das instalacións situadas en Pedrouzos será totalmente de balde.

O alcalde de Brión, Xosé Luís García, amósase “moi satisfeito pola posta en marcha dunha instalación moi demandada polos veciños e esperamos que durante estas dúas semanas de portas abertas se anote moita xeite”. De feito, lembra que os horarios aprobados para as instalacións “poden incrementarse no caso de que haxa máis demanda que a inicialmente prevista”.

Gran demanda dos cursos de natación

Representantes do Concello de Brión reuníronse hoxe coa empresa adxudicataria da piscina, Aquafit Gestión SL, para analizar a posta en servizo das instalacións e mesmo acordaron a convocatoria dun novo curso de natación gratuíto dirixido a bebés de 1 a 3 anos. Este curso impartirase na segunda quincena de agosto e os interesados en participar poderán anotarse nas instalacións da piscina ou no teléfono 981 887 346.

Nesa reunión, o Concello de Brión acordou a realización destes cursos para bebés logo da gran demanda rexistrada durante as inscricións nos tradicionais cursiños de natación gratuitos do verán. Así, aos 150 nenos e nenas anotados, este ano houbo que sumar outras 70 solicitudes por parte de adultos, polo que o Concello de Brión finalmente acordou celebrar estas clases nun horario diferente aos cativos aínda por determinar.

As clases de natación para rapaces de 5 a 14 anos terán lugar dende mañá luns, e ata o 31 de agosto, todos os días en horario de mañán. O Concello de Brión ofrecerá transporte gratuíto para todos os participantes, que recollerá aos pequenos seguindo as liñas do transporte escolar.

Horarios e prezos

A piscina cuberta municipal de Brión abrirá ao público en horario de 7:30 a 13:00 e de 18:30 a 22:00 horas (de luns a venres), de 9:00 a 14:00 e de 17:00 a 20:00 horas (sábados) e de 9:00 a 14:00 horas (domingos e festivos). Uns horarios que, en todo caso, son uns mínimos fixados e que irán axustándose de acordo coa demanda se fose necesario.

Os abonos mensuais custarán 22 euros (individuais), 28 euros (familiar) e 17 euros (reducido ou social, é dicir, menores de 18 anos, maiores de 65 e colectivos desfavorecidos). Así mesmo, establécense unhas matrículas anuais polos mesmos importes nos tres casos. Tamén se contempla o acceso libre ás instalacións, que custará 3,8 euros (individual) e 2,7 euros (reducido ou social). O prezo dos cursos será de 10 euros (iniciación), 15 euros (perfeccionamento), 20 euros (bebés), 6 euros (escolares) e 5 euros (outros).

A aprobación da ordenanza reguladora destas taxas pola utilización da piscina foi o que motivou o retraso na apertura das instalacións, que a empresa adxudicataria anunciara para o 15 de xuño. Porén ao non estar constituída a corporación despois das eleccións municipais do 22 de maio, a ordenanza non se puido aprobar ata o 23 de xuño. Como os trámites administrativos obrigan a publicar o texto no BOP e agardar un periodo por se houbera reclamacións, a apertura da instalación tivo que pospoñerse ata o mes de agosto. A premura coa que actuou o Concello, reducindo ao máximo os tempos tanto na convocatoria do pleno como na publicación no BOP, permitiu que as instalacións puidesen abrir ao público este luns 1 de agosto.

Cursos para setembro

A partir do vindeiro mes de setembro, a piscina brionesa ofrecerá cursos de natación para bebés, nenos, adultos e terceira idade, en dous niveis: iniciación e perfeccionamento. Ademais, tamén ofertará actividades de natación terapéutica e de matronatación, unha modalidade na que se busca a estimulación acuática dos bebés a través dunha serie de xogos que lles permiten aprender a flotar e moverse polo auga coa axuda dos seus pais.

Ademais da piscina de 25x12,5 metros, as instalacións deportivas de Pedrouzos contarán en breve con pista de pádel e xa dispoñen dun ximnasio de 150 metros cadrados con equipamento Life Fitness e vestiarios con saunas. Un ximnasio para o cal o persoal de Aquafit Gestion SL xa ten programadas unha serie de actividades de fitness, que comezarán a impartirse a partir no mes de setembro.

Oroso – modificación do PXOM e investimento de 45000 euros nas parroquias

OROSO INVESTIRÁ 45.000 EUROS NA MELLORA
DA REDE VIARIA NAS PARROQUIAS E NO ACONDICIONAMENTO DO CENTRO SOCIAL DE CARDAMA
O pleno aproba provisionalmente a modificación puntual do PXOM para incluir e ordenar as 67 hectáreas da Barciela
29 de xullo de 2011.- O pleno municipal de Oroso celebrado na tarde de onte xoves aprobou un expediente de modificación de crédito por 45.153,33 euros para acometer proxectos de mellora da rede viaria nas parroquias e o acondicionamento do centro de reunión social de Cardama. Uns investimentos que se farán con cargo ao remanente líquido de tesourería e que saíron adiante grazas aos 9 votos a favor de PSOE, BNG e PGD, e a abstención dos 4 concelleiros do PP.
Os tres proxectos inclúen traballos de mellora da rede viaria nas parroquias de Senra, Cardama, Marzoa e Os Ánxeles (9.176 euros), Gándara, Oroso, Trasmonte e Vilarromariz (10.090 euros) e Trasmonte e Deixebre (9.848 euros). Ademais, financiarase con 16.036 euros o modificado do proxecto para o acondicionamento do centro de reunión social de Cardama.
Modificación do PXOM
Así mesmo, o pleno municipal aprobou provisionalmente a modificación puntual número 1 do Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM), que afecta a unha superficie total de 67 hectáreas, das cales 54,3 hectáreas corresponden á área segregada de Santiago e agregada a Oroso. O alcalde orosán, Manuel Mirás, explicou que “os beneficios económicos e sociais para os veciños desta zona é moi importante e, na medida en que se desenvolva, o benestar de toda a cidadanía será maior”.
Mirás Franqueira amosou a súa sorpresa polos votos en contra do Partido Popular e do Partido Galeguista Demócrata, que xustificaron a súa oposición argumentando que na modificación se contemplaba demasiada edificabilidade cando había outras zonas aínda sen ocupar (PP) e que habería que incrementar a edificabilidade en varias zonas (PGD). Diante destas xustificacións, Manuel Mirás preguntouse “como é posible que diante dun mesmo documento o señor Siverio pida máis edificabilidade e o señor Balado diga que ten que ser menor”.
Cambios na calificación do chan
O alcalde orosán explico que, con esta modificación, o Concello de Oroso está incluíndo na ordenación unha zona que ata o de agora non o estivera. “Os veciños teñen que saber de onde vén todo isto, pois se trata dunha zona que era do Concello de Santiago e que estaba cualificada como chan rústico, polo que non se podería facer absolutamente nada, salvo a parte da Praza da Foca que era suelo de núcleo rural”, explicou Mirás.
Unha situación que motivou situacións anómalas e irregulares, como a existencia de moitas vivendas sen licenza ou con licenza de galpón, “e mesmo outras con licenza do Concello de Oroso, cando non é legal pois o Concello de Oroso non pode outorgar licenzas en terreos que pertencen a outro municipio”, sinalou Mirás. Unhas licenzas que foron outorgadas antes da chegada do actual grupo de Goberno.
A modificación do PXOM inclúe como zona máis importante a Área de Reparto do Sector 12, que inclúe 387.845 m2 e cun aproveitamento útil de 107.853 m2, que se fará por sistema de cooperación. O uso global é residencial e haberá que facer un plan especial para levalo a cabo (calcúlanse inicialmente unhas 700 vivendas). Ese “Plan Especial nº 2 do Río Tambre” desenvolverase unha vez aprobada a modificación puntual do PXOM.
Outras Áreas de Reparto de Solo Urbanizable (ARSU) significativas son a número 9, dunha extensión de 8.105 m2 na zona máis urbana e onde se contempla un máximo de 68 vivendas. Ademais, incorpórase a ARSU-3, que ten un aproveitamento máximo de 7.286 m2 útiles, cun máximo de 45 vivendas. Finalmente, a ARSU-8, que xa está bastante obrada e con vivendas instaladas (Chousa da Igrexa 2), conta cunha previsión máxima de 60 vivendas sobre unha superficie de 12.000 m2 edificables.
Resto da orde do día
O pleno municipal de Oroso tamén aprobou unha segunda modificación puntual do PXOM, a número 3, correspondente a unha serie de ordenanzas. Foi aprobada cos 8 votos a favor de PSOE e BNG e as 5 abstencións de PP e PGD. A unanimidade producise na modificación da ordenanza reguladora do prezo público pola prestación do servizo de gardería e almorzo no colexio de educación infantil de Oroso “Bos días Cole”, para incluir unha bonificación para familias numerosas.
As dúas mocións presentadas polo PP e polo BNG non foron debatidas, xa que foron derivadas a primeira á Comisión de Sanidade e a segunda ao pleno de setembro diante da ausencia de tempo material para que os grupos municipais puideran estudiala.
No turno de rogos e preguntas, Manuel Mirás atendeu un rogo do PP para a instalación dunha barandilla no paseo do Río Carboeiro para mellorar a seguridade dos peóns. De feito, indicou que xa estaba previsto polo Concello, pero que a empresa encargada de instalala quebrou e que o proxecto se retomará de inmediato. O alcalde tamén atendeu dous rogos do BNG no tocante á poda duns arbustos nas inmediacións do parque infantil do Portiño e sobre a reducción do consumo de papel no municipio.

Melide – aprobación da primeira fase da restauración da casa da praza das Coles

O Concello de Melide amosa a súa satisfación pola aprobación da primeira fase do proxecto para a restauración da casa da praza das Coles

  • A Xunta de Galicia acaba de traladarlle ao Concello de Melide a primeira fase do proxecto para proceder á restauración da casa situada na praza das Coles.
  • A alcaldesa de Melide, Ánxeles Vázquez, amosase moi satisfeita xa que é un primeiro paso para eliminar un dos feísmos de Melide e comezar desta maneira a recuperar unha praza tan emblemática para o pobo como o é a praza das Coles.

Melide, 30 de xullo de 2011.- A Xunta de Galicia ven de trasladarlle ao Concello de Melide a primeira fase do proxecto de restauración da casa situada na praza das Coles. É un proxecto de 50.000 € que supón o cambio da cuberta, o enfuscado da fachada e o bailerado do seu interior. Deste xeito elimínase un dos puntos que máis feísmo aportaba á praza das Coles, evitando da mesma forma un perigo, xa que a edificación estaba a piques de derrubarse e no seu interior pernoctaban mendigos con frecuencia supoñendo para estes un risco engadido resgardarse nunha edificación ruinosa. A alcaldesa de Melide, Ánxeles Vázquez, xunto co equipo de goberno municipal, expresa a súa satisfacción pola posta en marcha do proxecto xa que supón un paso en firme por parte da Xunta de Galicia de cara unha seguinte fase onde se decidirá cál vai ser o uso da edificación xunto con Xacabeo, sempre estando este vinculado co Camiño de Santiago. O proxecto é un primeiro impulso para un estudio de rehabilitación integral da praza das Coles así como do inicio da erradicación do feísmo en Melide.

Frades – a xunta acepta mellorar os accesos as vivendas en negocios en Abellá

A XUNTA ATENDE AS PETICIÓNS DO CONCELLO DE FRADES E CONSTRUIRÁ NOVAS ENTRADAS ÁS VIVENDAS E NEGOCIOS DA TRAVESÍA DE ABELLÁ

O alcalde Miguel Prado cumpre o seu compromiso cos veciños e exporá dende hoxe no Concello e no local social de Abellá os planos coas 35 entradas solicitadas para que os veciños se pronuncien

O Concello construíu xa dous pasos sobre a cuneta a modo de exemplo para que os veciños poidan dar a súa opinión

29 de xullo de 2011.- A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas vén de aceptar a petición do Concello de Frades para construír rampas de acceso ás vivendas e negocios da Travesía de Abellá (AC-524), onde a Xunta está a acometer a última fase das obras de mellora da seguridade viaria. O alcalde de Frades, Miguel Prado, explica que “na última reunión cos veciños comprometinme a resolver o problema de que os baixos dos vehículos ás veces tocaban cos bordillos da beirarrúa, aló onde había cunetas de formigón. Comprometinme a informarlles tan pronto fose posible, polo que dende hoxe mesmo estarán á súa disposición os planos das obras e mesmo poden ver dous exemplos na propia travesía”.

Despois dun estudo detallado da zona, o Concello de Frades comprobou a existencia de 35 entradas afectadas nas que, para salvar o desnivel, construirase un paso a nivel sobre a cuneta. A solución proposta polo Concello de Frades é instalar un tubo de 200 milímetros de diámetro (para que non apoce a auga), que irá formigonado na parte superior, de xeito que se consega unha entrada uniforme e horizontal que permita salvar a anchura total da cuneta.

Os anchos destas entradas serán de 6 metros en todas as vivendas e parcelas, salvo no caso dos negocios onde se lles dará unha entrada semellante á que dispoñían antes máis un metro a cada lado. Deste xeito, todas as vivendas e negocios da Travesía de Abellá contarán con entrada independente de acceso rodado. As parcelas que non estén edificadas a día de hoxe contarán con entradas compartidas de modo que se fará unha entrada por cada dúas parcelas.

Nos casos nos que non haxa cuneta de formigón, a entrada xa está actualmente a nivel, polo que non haberá que facer obra algunha. Ademáis, aló onde se constrúan as novas beirarrúas xa se dispón unha zona de entrada máis rebaixada para permitir o acceso de vehículos.

Compromiso do alcalde

O alcalde de Frades, canda a arquitecto municipal e sendos representantes da empresa adxudicataria das obras e da Xunta de Galicia, reuníuse cos veciños de Abellá para tratar de darlle a mellor solución posible ás entradas a todas as vivendas, negocios e parcelas situadas no tramo de estrada que contan con cunetas de formigón e evitarlles danos nos vehículos. Nesa reunión, Miguel Prado comprometeuse a buscar unha solución ao problema e propoñerlla aos veciños nunha reunión posterior.

Reunión cos veciños

Por iso, o Concello de Frades exporá os planos cos accesos previstos ás distintas vivendas, parcelas e negocios. Os planos poderán ser consultados dende hoxe mesmo no local social de Abellá e no Concello de Frades. Durante a próxima semana, o alcalde reunirase cos veciños para recabar as súas opinións.

Ademais, para que a solución sexa moito máis sinxela de visualizar, a empresa adxudicataria xa acometeu dúas entradas (a unha vivenda e a un negocio) para que os veciños poidan comprobar sobre o terreo a idoneidade da solución proposta. Unha vez recabadas as súas opinións, remataranse as obras de mellora da seguridade viaria na Travesía de Abellá e construiranse estes pasos sobre a cuneta.

Miguel Prado asegura que “a pesar do retraso na finalización das obras, teremos a satisfacción de ter unha obra moi completa que vai dotar a Abellá dunha travesía exemplar”. Ademais, o acabado da senda peonil acometerase mediante aglomerado coloreado, en lugar do slurry inicialmente previsto, polo que gañará en calidade.

Características das obras

Ademais destes accesos, as obras de mellora da seguridade viaria na Travesía de Abellá (AC-524) están xa nas súa última fase, polo que estarán finalizadas en breve. Trátase dunhas obras licitadas e executadas pola Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, que está a investir algo máis de 487.000 euros nunha obra moi demandada polos veciños e veciñas da parroquia fradense de Abellá.

As obras estanse acometendo sobre un tramo de 2.200 metros, entre os puntos quilométricos 8+400 e 10+700 da Travesía de Abellá, que pertencen á Rede Primaria Básica da Xunta de Galicia. As obras incluíron accións de escavación de 6.408 m3. Agora estase procedendo ao estendido de mestura bituminosa en quente, rehabilitación do pavimento e drenaxe lonxitudinal e transversal. Unha vez realizados estes traballos, procederase á instalación de alumeado público e sinalización.

Finalmente, o Concello de Frades lembra que a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas ten convocados a 26 propietarios/as das fincas afectadas para o pago do xustiprezos de mutuos acordos correspondentes aos expedientes de expropiación forzosa instruídos polo Servizo de Infraestruturas. Un pago que terá lugar o vindeiro martes 9 de agosto, de 9:30 a 10:30 horas, na casa consistorial do Concello de Frades polo pagador do Servizo de Infraestruturas. Os propietarios deberán acudir en persoa, salvo presentación dun poder debidamente autorizado, debendo identificarse co DNI.

Melide – débedas do concello no recibo da luz

Preocupación máxima da alcaldesa de Melide polos 300.000 € de débeda en luz tendo xa esgotadas as partidas presupuestarias para o que resta de ano.

  • A alcaldesa de Melide, Ánxeles Vázquez, mantivo unha xuntanza coas hidroeléctricas locais Lumymey e Fuciños Rivas S.L. xunto con Gas Natural Fenosa S.A. debido á delicada situación económica herdada que esta a pasar o Concello de Melide que chega a unha débeda de 300.000 € en luz.
  • A alcaldesa transmitiu ás entidades empresariais que prescindirá de servicios co fin de ir cumprindo progresivamente coas obrigacións de pago.

Melide, 29 de xullo de 2011.- Esta semana a alcaldesa de Melide, Ánxeles Vázquez, mantivo unha reunión coas hidroeléctricas que abastecen o Concello de Melide como primeira medida para afrontar a débeda herdada do anterior equipo de goberno municipal BNG-PSOE nun servicio esencial como é a luz. Nesta reunión a alcaldesa de Melide, manifestou a súa preocupación pola débeda herdada en luz que chega aos 300.000 €, motivo polo cal se vai a considerar un plan de aforro enerxético e un calendario de pagos que supoñerá un esforzo tanto por parte da administración local como das propias empresas hidroeléctricas. Esta reunión tamén serviu para detectar erros inadmisibles na anterior xestión do goberno bipartito, en canto ao pago de servicios que realmente non se estaban a utilizar. Un exemplo é o caso da antiga fonte luminosa situada na praza da Moa, que o anterior goberno converteu en xardín e non se procedeu a xestionar a baixa dos contadores de auga. Por outra banda, a rexedora melidense, Ánxeles Vázquez, tamén lles manifestou aos responsables das hidroeléctricas a súa preocupación non só pola débeda herdada senón tamén pola situación financeira do Concello de Melide para o ano en curso, ano do que aínda quedan cinco meses e xa non se dispón de partida orzamentaria para facerlle fronte aos pagos dos servicios eléctricos. Polo tanto, o goberno municipal verase obrigado a facer recortes nalgúns servicios co fin de que aqueles denominados básicos se podan seguir provendo, e non se proceda ao corte de luz na gardería, ou nos colexios, instalacións onde xa hai aviso de corte de subministro. Sen embargo, a rexedora melidense quere manifestar a súa confianza en que a situación económica do Concello de Melide mellore e se poidan facer fronte aos pagos aplicando un plan de aforro enerxético xunto coa vontade manifestada coas hidroeléctricas, aínda que o recortes teranse que facer efectivos senón se quere hipotecar o futuro de todos os melidenses.

Oroso – banda ancha no rural

O CONCELLO DE OROSO ASINA UN ACORDO

CON ALLTICNOR SLNE PARA LEVAR A BANDA

ANCHA AOS VECIÑOS DO RURAL DO MUNICIPIO

Os veciños deberán anotarse canto antes para aproveitar unhas axudas do Plan Avanza para que a instalación lles saía totalmente de balde

Levar banda ancha ao rural sairíalle a custe cero ao Concello de Oroso

29 de xullo de 2011.- O Concello de Oroso vén de asinar un acordo de colaboración coa empresa Allticnor SLNE, firma afincada en Oroso, para poder levar a banda ancha de Internet a todos os veciños e veciñas do rural orosán. Un acordo que permitirá que os veciños de Oroso teñan totalmente gratis a instalación e adquisición dos dispositivos precisos para disfrutar deste servizo, consistentes nunha parabólica e un receptor que serán financiados a través dos fondos do Plan Avanza do Ministerio de Industria, Turismo e Comercio.

O alcalde de Oroso, Manuel Mirás, amósase moi satisfeito con este acordo porque “por fin imos poder darlle unha solución ao problema das deficiencias existentes para o acceso a Internet nas zonas rurais de Oroso”. Despois de estudar as distintas alternativas ao problema, o Concello de Oroso optou pola solución que ofrece Allticnor SLNE, que ofrece a posibilidade de acceder a Internet de banda ancha por satélite a través da banda ancha rural de Hispasat, operador líder no mercado español e iberoamericano.

Custe 0 para o Concello

Os veciños interesados en contratar este servizo deberán poñerse en contacto con Allticnor SLNE nos teléfonos 664 269 770 ou 981 69 12 52. A empresa agradece que o contacto se faga coa maior brevidade, debido á demanda que está a ter o servizo noutras partes de España e á limitación de equipos subvencionados polo Plan Avanza. Ao ser un servizo pensado para o cliente final, a implantación de banda ancha no rural orosán non terá custe algún para o Concello de Oroso, algo que non acontecía con outras ofertas.

Deste xeito, o acordo asinado polo Concello de Oroso con Allticnor SLNE contempla o financiamento íntegro e a compra dos equipos a través dos fondos do Plan Avanza do Ministerio de Industria, Turismo e Comercio. Así, a instalación e a adquisición dos dispositivos son de balde e os veciños interesados poderán contratar distintos paquetes, dende 1 a 8 megas, a partir de 25 euros (particulares) e 44 euros (profesionais).

A empresa prestará este servizo co apoio de Hispasat, grazas á súa plataforma de acceso a Internet vía satélite de última xeración especialmente deseñada para servizos de baixo custo e de altas prestacións. O formulario de contratación está dispoñible na páxina web do Concello de Oroso: www.concellooroso.com.

Teo – criticas do alcalde o peche do centro de saude de Pontevea

O ALCALDE DE TEO LAMENTA O PECHE DO CENTRO DE SAÚDE DE PONTEVEA NO MES DE AGOSTO

· Despois dunha carta do alcalde de Teo, o Xerente de Atención Primaria de Santiago, recoñece a imcapacidade para manter aberto o consultorio

29 de xullo de 2011. O alcalde de Teo, Martiño Noriega, amosa o seu malestar pola confirmación por parte de Sanidade de que o consultorio de Pontevea se pechará durante o mes de agosto. Esta circunstancia “é novidosa xa que en anos anteriores o servizo non se interrumpía polas vacacións do persoal cubrindo o mes de agosto con persoas sustitutas” explica o rexedor teense.

O alcalde remitiulle un escrito á Xerencia de Atención Primaria o pasado 21 de xullo na que se interesaba por esta situación, comentada polos afectados ó Concello. Ademais da solicitude de información concreta sobre o tema tamén se trasladaba o malestar do Concello por unha situación anómala que non se deu ata o de agora por unha circunstancia como a falta de persoal sanitario.

A Xerencia de Atención Primaria contestaba esta mesma semana confirmando que as vacacións do persoal e a incapacidade de cubrir con médicos sustitutos obrigan ó peche do centro no mes de agosto. Durante ese mes os/as usuarios/as de Pontevea serán atendidos en Cacheiras.

Noriega explicaba esta información no pleno ordinario do mes de xullo celebrado onte, xa que foi un tema polo que se interesaron concelleiros doutros grupos. O rexedor destaca que os recortes non deben realizarse en temas como a sanidade que directamente lle afectan á calidade de vida da cidadanía.

Ames – o pleno aproba unha modificación de planeamento no rego dos Pasos

O Pleno aproba as modificacións na área de planeamento “Rego dos Pasos Sur IV” onde o goberno valora ubicar a escola infantil

Ames, 29 de xullo de 2011. Ames celebrou onte o segundo pleno dende o cambio de goberno tralas eleccións municipais do pasado mes de maio. O pleno aprobou cos votos a favor do grupo de Goberno e do e do PSOE a modificación do estudo de detalle da área de planeamento específica “Rego dos Pasos Sur IV” do Plan Xeral de Ordenación Municipal. Esta área está ubicada a carón do paseo fluvial de Bertamiráns e nela hai unha parcela de equipamento de 3.389 metros cadrados onde o goberno local valora a posibilidade de ubicar a futura escola infantil. Os socialistas aprobaron este punto “por imperativo legal” segundo explicou Carlos Fernández, portavoz do grupo, aínda que pensan que esa debería ser unha zona verde e non residencial. Neste punto, o BNG coincide coa postura dos socialistas en que non se debería construír nesa zona, aínda que optou por absterse na votación.

O concelleiro de urbanismo, Ramón G. Argibay quixo votar “unha lanza a favor do Plan Xeral” e explicou que aínda que non se descarta a súa revisión e posterior modificación puntual, grazas a ter PXOM Ames é un concello emerxente, “non se pode esquecer que todas as dotacións do concello se fixeron grazas a este plan, outra cousa é a xestión do plan” explicou Argibay, quen dixo tamén que “nos últimos oito anos non se fixo xestión urbanística nin modificacións puntuais do plan en tempo e forma”. A postura dos populares en torno ao PXOM é que hai que verlle os defectos pero tamén as virtudes, que son moitas pois grazas ao plan Ames é un dos concellos da comarca que rexistrou máis desenvolvemento a tódolos niveis nos últimos anos.

Pola súa banda o PSOE recordou que o plan, que se aprobou no 2002, ten unha vixencia de dez anos, polo que instou ao goberno a “ir pensando na súa actualización”. Pilar Candocia, portavoz do BNG, criticou que cando se fixo ese plan “só se pensou na construción e non nos equipamentos”. Argibay rebateu a tese de Candocia pedíndolle que “me diga dun só Plan onde estean definidos os equipamentos, porque non o hai”.

Neste pleno tamén se aprobou a resolución da modificación do estudio de detalle da URO B7-15, que corresponde a terreos situados na Avenida da Maía en Bertamiráns, facendo esquina coa oficina de Caixa Nova. Este punto aprobouse cos votos a favor do PP e do PSOE e a abstención do BNG.

Onte aprobouse tamén, esta vez por unanimidade nas votacións dos tres grupos, un escrito que o executivo levou a pleno explicando as alegacións que o Concello remitirá ao Ministerio de Economía para evitar que lle reteña 400.000 euros. O Estado informou ao Concello de Ames da súa intención de reterlle a cuantía correspondente a este municipio procedente dos fondos recadados polos impostos estatais por non ter pechada a conta do ano 2010. O goberno local alegará que o equipo económico do Concello está traballando na liquidación da conta e que esta se aprobará en breve para evitar a retención desa importante suma de diñeiro.

A moción que o grupo municipal socialista presentou para manter as actividades deportivas que se desenvolven na nave do polígono do Milladoiro foi rexeitada cos votos do grupo de goberno. O concelleiro de Deportes, Manuel Ferreiro, explicou que todos os equipos que practicaban deporte nesa nave están reubicados en instalacións mellor dotadas para a práctica deportiva e cun custe mínimo para o Concello.

Boqueixón – servicios sociais

O DEPARTAMENTO DE SERVIZOS SOCIAIS DE BOQUEIXONA TENDEU CASE 400 FAMILIAS NO PRIMEIRO SEMESTRE DO ANO.

Os servizos sociais do Concello de Boqueixón veñen de cerrar o balance dos primeiros seis meses de ano, no seu traballo de atención directa aos cidadáns, familias ou grupos.

Con respecto ao mesmo período do 2010, a demanda e similar.

Así o do traballo do departamento de Servizos Sociais de Boqueixón, beneficiáronse de esta atención 378 familias sen repetición nestes primeiros 6 meses do ano as que se lles tramitou un ou mais recursos ou prestacións, isto supón que do traballo deste departamento se beneficiaron directa e indirectamente un total de 1512 persoas.

Resaltar que no primeiro semestre do ano o colectivo de maior demanda foi o de maiores co 38% das actuacións, seguido de infancia 31%, discapacitados 12%,, familia 8% e outros colectivos 11%.

Todo usuario que acude o departamento de Servizos Socias do Concello de Boqueixón vai a recibir unha atención personalizada, encamiñada ó apoio e asesoramento para a prestacións, axuda no cumprimento de documentación, petición de certificados a outras dependencias municipais (Padrón Habitantes, catastro,etc), fotocopias e compulsas de documentos e documentación doutras administracións cando así se estableza, etc. Acompañamento técnico en itinerarios de apoio e inserción a profesionais ou servizos especializados.

Co fin de valorar ou facer un seguimento das prestacións e intervencións familiares, os técnicos de servizos sociais, desprázanse aos domicilios dos cidadáns que así o necesitan, así o número visitas domiciliarias ascendeu a 209.

Un dos grandes exios dos programas de servizos sociais en Boqueixón é o servizo de axuda no fogar do que toman parte 53 familias, o que implica unha decicación de 8.400 horas de atención en domicilios para atender necesidades de carácter doméstico e persoal, mediante un programa de tarefas de carácter individual, supervisado e revisado como mínimo cada dous meses e con horario flexible adaptado as necesidades da familia tódolos días da semana de 8 a 22 horas.

Outros programas que se levaron a cabo neste primeiro semestre de 2011 foron:

Do programa Xantar na Casa 15 usuarios.

Do servizo de teleasistencia con atencións as 24 horas, 56 usuarios

Programa prevención dependencia usuarios, 20 usuarios

Axudas a colectivos de necesidade ou de risco exclusión, incluído programa reparto alimentos 425 usuarios.

O plantel de persoal do departamento de Servizos sociais está compostos por 3 persoas, unha traballadora social, unha educadora social e unha administrativa, ó que hai que sumar outras 10 persoas que traballan no programa de Axuda a domicilio e que son os encargados de facer fronte a toda este traballo diario.

CURSO TELEASISTENTE DOMICILIARIO

Directamente relacionado con esta temática e para cubrir as demandas existentes, o vindeiro luns dará comezo unha nova acción formativa dentro do programa de accións formativas para desempregados, AFD, coordinado polo departamento de emprego do concello,

Entre os obxectivos deste acción formativa que se realizará na Casa da Cultura de Camporrapado está adquirir os coñecementos e as habilidades necesarias para desempeñar adecuadamente o posto de teleasistencia, mantendo comunicación directa cos usuarios do mesmo a través da xestión das chamadas “recordatorio”, “de seguimento”,.. e da cobertura das alertas producidas

Sen dubida esta curso pode ser de grande interese e demanda nun futuro xa que ante situación de envellecemento da nosa poboación, unha das solucións pasa por crear servizos de calidade no campo de atención os nosos, respectando a permanencia no seu domicilio, mellorando a súa calidade de vida e aproveitando as facilidades que nos poden dar as novas tecnoloxías.

Psoe Ordes – abandono das políticas de prevención de lumes

O PSOE DE ORDES DENUNCIA O ABANDONO DAS POLÍTICAS DE PREVENCIÓN DE LUMES NO RURAL DO CONCELLO DE ORDES

Pedreira solicita un convenio de colaboración entre o Concello de Ordes e a Xunta que evite riscos como o vivido hai uns días á beira da piscina cuberta, no que os veciños e os seus bens quedaron expostos ao lume

Pide a apertura da caseta de vixianza de Tordoia xa que “as outras casetas do Distrito 3 non ven os lumes de Ordes e iso fai que cando se dan as alarmas os incendios xa son de difícil control”

27 de xullo de 2011.- O concelleiro socialista de Ordes, Xesús Pedreira, solicitará mañá xoves ao pleno municipal a adopción dun acordo para instar ao Concello de Ordes a que solicite a sinatura urxente dun convenio de colaboración coa Xunta de Galicia para garantir a protección e a seguridade fronte aos lumes dos veciños dos núcleos rurais ordenses. Xesús Pedreira denuncia que nos últimos dous anos “a Xunta só fai convenios para o desbroce das vías municipais, que non só non cubren o custe dos traballos senón que deixan sen convenio aos núcleos rurais”.

Pedreira considera que esta situación é un risco para os veciños de Ordes e para os seus bens, “como ben se demostrou hai uns días nun incendio acontecido á beira da piscina municipal cuberta, na que os veciños e os seus bens quedaron expostos ao lume”. O concelleiro socialista denuncia os recortes en materia de xestión forestal e de prevención de incendios por parte da Xunta, que acada os 22 millóns de euros nos exercicios 2010 e 2011 e que supuxo “o abandono das políticas de ordenación forestal e de prevención de incendios para o rural de Ordes”.

Apertura da caseta

Polo tanto, os socialistas ordenses esixen a sinatura urxente dun convenio de colaboración co Concello de Ordes que inclúe unha dotación económica para a protección dos núcleos rurais e a realización de tratamentos preventivos en vías e camiños de titularidade municipal. Asimesmo, solicitan a apertura da caseta de vixianza do Distrito 3 de incendios forestais de Río do Sol, ubicada no veciño concello de Tordoia.

“Esta caseta é moi importante para a detección dos lumes no municipio de Ordes e limítrofes, xa que as outras casetas deste distrito non vén os lumes no concello de Ordes e iso fai que cando se dean as alarmas xa os incendios sexan de difícil control”, explica Xesús Pedreira. Finalmente, os socialistas tamén instarán á Deputación Provincial a que tome as accións precisas para controlar as faixas de xestión da biomasa vexetal ao longo da rede viaria provincial en Ordes para garantir a seguridade fronte aos lumes forestais.

Cruce na CL-4130 Ordes-Carballo

Por outra banda, o concelleiro socialista presentará tamén na sesión plenaria de mañá unha moción para instar á Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas a que resolva os problemas de circulación ocasionados aos veciños de Castenda e Cestaños como consecuencia da remodelación realizada pola Xunta á altura do quilómetro 14,300 da estrada comarcal CL-4130 Ordes-Carballo. Unhas obras que anularon o antigo cruce da CL-4130 coa pista de circulación Castenda-Cestaños.

Xesús Pedreira explica que a eliminación deste cruce fai que os veciños de Castenda e Cestaño teñan que desviarse por unhas pistas moi estreita que “no caso de conducir un tractor articulado fan inevitable invadir o sentido de circulación oposto para a súa incorporación á CL-4130, pois esta pista remata en pico de frauta e supón un grave risco para a integridade física destes veciños”. Por iso, o concelleiro socialista solicitará a elaboración dun estudio técnico que permita dar unha solución de garantías para estes veciños.

BNG Ordes – petición de unha auditoría externa

O BNG PROPÓN A REALIZACIÓN DUNHA AUDITORÍA EXTERNA NO CONCELLO DE ORDES

Os traballos de auditoria estarían supervisados por unha comisión con participación de todos os grupos políticos

O portavoz municipal do BNG de Ordes, Gonzalo Castro, anunciou que a súa formación política proporá a realización dunha auditoría externa sobre a situación económica do Concello de Ordes, coa creación dunha comisión de seguimento dos traballos da citada auditoría, que contará coa participación de todos os Grupos Municipais. Está proposta será debatida no Pleno que terá lugar este xoves, ás 20:00.

Gonzalo Castro manifestou que “os veciños e veciñas de Ordes deben coñecer cal é a situación económica real do Concello de Ordes, con absoluta transparencia, de aí que propoña9imos a contratación, por parte do Pleno da Corporación Municipal, dunha auditoría económica externa”.

O portavoz do BNG salientou que “para garantir que os traballos de auditoría se realizan con total obxectividade, propoñemos a creación dunha comisión de seguimento, coa participación dun membro de cada grupo político con representación na Corporación, que será a encargada de supervisar a realización de auditoría e de realizar un informa coas conclusións da mesma para a súa aprobación por parte do Pleno”.

Castro xustificou esta proposta debido a que “hai que poñer freo á xestión absolutamente caótica e irresponsábel do alcalde, que ten colocado ao concello nunha situación crítica, debido ao destrago de recursos públicos, cun aumento da débeda até os 9 millóns de euros, que sigue a impedir atender o pago das débedas cos proveedores, ocasionando un grave quebranto económico aos autónomos e ás empresas do noso Concello”.

Tordoia – este venres festa do emigrante

A XXIV EDICIÓN DA FESTA DO EMIGRANTE DE TORDOIA REUNIRÁ NA PONTEPEDRA A MÁIS DE 2.000 PERSOAS

A celebración, que contará con pulpada e churrascada, servirá para homenaxear os veciños do municipio que tiveron que emigrar

27 de xullo de 2011.- Máis de dúas mil persoas daranse cita este venres, 29 de xullo, no campo de fútbol da Rega, na Pontepedra, con motivo da Festa do Emigrante, que este ano chega a súa 24ª edición. Promovida pola asociación “O Buxo” coa colaboración do concello de Tordoia e a Sociedad Cultural y Deportiva Tordoya de Xenebra, esta festa aproveita as vacacións de moitos destes veciños que por estas datas retornan ao seu concello natal. Hoxe remataba o prazo para retirar os tickets que permitirán degustar a pulpada e unha churrascada popular que se está a organizar para todos os asistentes, que previamente retiraron o ticket.

O alcalde de Tordoia, Antonio Pereiro, amosouse moi satisfeito coa boa acollida da que goza esta celebración que xa se convertiu por dereito propio nunha das festas con máis solera da comarca. Pereiro Liñares destacou a gran implicación de moitas persoas que, ano a ano, poñen o seu traballo e esforzo para que os veciños que por estas datas regresan ao seu municipio natal. Así, en palabras do rexedor esta festa “quere ser un recoñecemento a todos aqueles veciños que tiveron que facer as súas vidas lonxe de Tordoia, sen esquencer nunca a súa terra e contribuíndo co seu traballo desde fóra a que progresase”. O recoñecemento concretarase no transcurso da festa na entrega, por parte do concello, dun diploma como emigrante distinguido a catro persoas que levan moitos anos fóra de Galicia, dous de Sudamérica e outros dous en Europa.

De seguido, e trala entrega dos diplomas, haberá música para amenizar a celebración ata ben entrada a madrugada, coa actuación das orquestras “Combo Dominicano” de Canarias e “Salsa Rosa”. Con esta celebración, veciños e visitantes homenaxear aos seus veciños que na década dos sesenta e setente emigraron na busca de oportunidades laborais, especialmente cara a Suiza, onde aínda hoxe existe unha extensa comunidade radicada en Xenebra.

Teo – hoxe as vinte horas pleno ordinario

O PLENO DEBATERÁ A PROPOSTA DE ADXUDICACIÓN DA PISCINA MUNICIPAL CUBERTA DA RAMALLOSA

· As sesións pasan a celebrarse os últimos xoves de mes á mesma hora que se viñan celebrando, as 20:00 horas

27 de xullo de 2011. A corporación teense reúnese este xoves 28 de xullo para celebrar a sesión ordinaria do pleno deste mes. O debate terá lugar, como xa é habitual, en horario de tarde, ás 20:00 horas, para facilitar a asistencia das persoas interesadas e celebrarase no salón de sesións da Casa Consistorial, na Ramallosa. O que cambia é o día xa que os plenos se viñan celebrando os últimos mércores de mes e pasan a realizarse os últimos xoves, despois de aprobar a proposta a petición do voceiro de InTeo, Manuel Parajó, e do Partido Popular.

O punto central da orde do día de mañá é a proposta de adxudicación da piscina municipal cuberta da Ramallosa. Trátase dun expediente de contratación competencia de pleno, e depois das preceptivas reunións e valoracións por parte da mesa de contratación a corporación deberá decidir sobre a proposta.

A obra da piscina municipal cuberta é un proxecto ó que se presentaron un total de 19 empresas. A firma mellor valorada para a adxudicación presenta unha reducción de prazo importante, de trece meses sobre o previsto no proxecto de execución que era de vinte meses. Deste xeito o prazo de execución sería de sete meses cunha reducción que permitiría que a instalación estivese en funcionamento na primaveira do ano que vén.

A proposta mellor valorada tamén presenta unha reducción económica sobre o prezo de execución dun 15,3%, sobre un orzamento de preto de dous millóns de euros.

Outro dos puntos destacados será un recoñecemento extraxudicial de crédito con facturas de Aquagest e de bonobús social pendentes, que xa foi levado en ocasións anteriores ó pleno no pasado mandato sen posibilidades de ser aprobado. O importe é de case un millón de euros e o gasto imputarase ó orzamento do exercicio actual.

O grupo de goberno teense tamén leva ó pleno a modificación de varias ordenanzas para introducir cambios que recollan unha política fiscal máis progresiva con exencións para colectivos máis desfavorecidos ou con máis necesidades do propio servizo. Tamén se recolle algunha subida para axustarse mellor ó coste do servizo ofertado.

O Partido Popular presenta unha moción na que se demanda que no orzamento do 2012 se reserve unha partida orzamentaria para a elaboración do inventario de bens municipais.

A orde do día ten os seguintes puntos:

  1. Aprobación das actas das sesións do 11.06.2011 e 20.06.2011.
  2. Dar conta das resolucións da alcaldía (da 265/11 á 526/11).
  3. Dar conta da composición das comisións informativas.
  4. Dar conta da aprobación da liquidación do orzamento xeral do 2010.
  5. Dar conta do informe de intervención sobre o cumprimrento da estabilidade orzamentaria vencellado á liquidación do orzamento 2010.
  6. Dar conta do informe conxunto de tesourería e intervención sobre o cumprimento dos prazos de pago nas operacións comerciais 1º trimestre de 2011.
  7. Ditame da propsota da alcaldía de regulamento de utilización dos locais socioculturais municipais do Concello de Teo.
  8. Ditame da proposta da alcaldía de adxudicación da obra da piscina municipal cuberta na Ramallosa-Teo.
  9. Ditame da proposta da alcaldía de recoñecemento extraxudicial de créditos 2/2011.
  10. Ditame da proposta da alcaldía de imposición e ordenación da taxa pola prestación de servizos complementarios educativos e de conciliación da vida familiar e laboral.
  11. Ditame da proposta da alcaldía de imposición e regulación da taxa por prestación do servizo de celebración de matrimonio civil.
  12. Ditame da proposta da alcaldía de modificación da ordenanza reguladora do prezo público por realización de actividades culturais e deportivas.
  13. Ditame da proposta da alcaldía de modificación da ordenanza fiscal reguladora da taxa por utilización dos pavillóns municipais do Concello de Teo.
  14. Ditame da moción do grupo municipal do PP sobre a consignación presupostaria no exercicio 2012 dunha partida económica para a realizaicón do inventario de bens municipais.
  15. Mocións.
  16. Rogos e preguntas.

Oroso – pleno municipal con modificación do PXOM

O PLENO MUNICIPAL DE OROSO APROBARÁ PROVISIONALMENTE UNHA MODIFICACIÓN PUNTUAL DO PXOM PARA INCLUIR AS 67 HECTÁREAS DA BARCIELA

A modificación suporá que o Concello de Oroso disporá a maiores duns 130.000 m2 edificables de suelo residencial

27 de xullo de 2011.- O pleno municipal de Oroso que terá lugar mañá xoves, ás 19:00 horas, aprobará provisionalmente a modificación puntual número 1 do Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) , que afecta a unha superficie total de 67 hectáreas, das cales 54,3 hectáreas corresponden á área segregada de Santiago e agregada a Oroso. O alcalde orosán, Manuel Mirás, sinala que “para o Concello de Oroso esta modificación suporá que teñamos uns 130.000 m2 de terreo edificables de suelo residencial a maiores, onde se poderán instalar novas vivendas. É un avance máis e así o recollía a propia disposición transitoria do PXOM”.

Finalmente, aceptáronse varias das alegacións presentadas durante a exposición pública da modificación do PXOM, cuxa zona máis importante será a Área de Reparto do Sector 12, que inclúe 387.845 m2 e cun aproveitamento útil de 107.853 m2, que se fará por sistema de cooperación. O uso global é residencial e haberá que facer un plan especial para levalo a cabo (calcúlanse inicialmente unhas 700 vivendas). Ese “Plan Especial nº 2 do Río Tambre” desenvolverase unha vez aprobada a modificación puntual do PXOM.

Outras Áreas de Reparto de Solo Urbanizable (ARSU) significativas son a número 9, dunha extensión de 8.105 m2 na zona máis urbana e onde se contempla un máximo de 68 vivendas. Ademais, incorpórase a ARSU-3, que ten un aproveitamento máximo de 7.286 m2 útiles, cun máximo de 45 vivendas. Finalmente, a ARSU-8, que xa está bastante obrada e con vivendas instaladas (Chousa da Igrexa 2), conta cunha previsión máxima de 60 vivendas sobre unha superficie de 12.000 m2 edificables.

Orde do día

O pleno municipal de Oroso celebrará mañá venres 28 de xullo, ás 19:00 horas, a súa sesión plenaria ordinaria que se desenvolverá de acordo coa seguinte orde do día:

1- Aprobación da acta correspondente á sesión que tivo lugar o 8-7-2011, acta 10/2011

2- Aprobación inicial da modificación de créditos 9/2011.

3- Aprobación inicial da modificación da ordenanza reguladora do prezo público pola prestación do servizo de gardería e almorzo no colexio de educación infantil de Oroso “Bos días Cole”.

4- Aprobación provisional da modificación puntual núm. 1 (A Barciela) do Plan Xeral de Ordenación Municipal

5- Aprobación provisional da modificación puntual núm. 3 (Ordenanzas) do Plan Xeral de Ordenación Municipal

6- Toma de coñecemento das resolucións da Alcaldía ditadas entre o 24-03-1011 e 21-07-2011

7- Toma de coñecemento dos reparos de legalidade da Intervención municipal emitidos entre o 24-03-1011 e 21-07-2011

8- Mocións dos grupos municipais

9- Rogos e preguntas

PSOE Ames – moción para que se manteñan as actividades deportivas

O PSOE DE AMES PRESENTARÁ NO PRÓXIMO PLENO UNHA MOCIÓN PARA QUE SE MANTEÑAN AS ACTIVIDADES DEPORTIVAS QUE SE VIÑAN REALIZANDO NA NAVE DE "NOVO MILLADOIRO" MENTRES NON EXISTA UNHA INFRAESTRUTURA QUE SIRVA DE ALTERNATIVA DEFINIVA.

O grupo socialista de Ames quedou sorprendido cando o pasado día 7 de Xullo os medios de comunicación se facían eco do anuncio feito polo goberno municipal de Ames de prescindir da nave de usos deportivos situada no polígono Novo Milladoiro, aludindo a un recorte do gasto municipal. Ante a noticia analizamos a situación, dado que alí se viñan a celebrar numerosas actividades organizadas polas Escolas Municipais, varios clubes e particulares que en conxunto supoñen centos de usuarios que practican altletismo, fútbol sala, patinaxe, tenis...

O grupo municipal socialista, coñecedor das necesidades deportivas deste concello, mostrou desde un primeiro momento a súa preocupación por esta decisión que considera precipitada, sen que o goberno municipal presentara unha alternativa axustada as necesidades existentes, para dar servicio aos centos de persoas que demandan actividades deportivas en Ames.

Ames dispón de Escolas Deportivas Municipais onde se forman centos de rapaces e rapazas, de varios cubes, así como particulares que desarrollan actividades diariamente.

O anterior goberno garantiu a reserva de crédito anual para manter o aluguer desta instalación coñecedores de que supón un servicio básico a todos os colectivos e interesados que desarrollan actividades deportivas no concello de Ames, polo que os socialistas non ven suficientemente xustifuicado o recorte anunciado. Os usuarios, ante este recorte, necesitan unha resposta que garanta o mantenemento das súas actividades en lugares axeitados. Resultaría inxustificable dar un paso atrás nos avances acadados dende 2003, momento en que os gobernos socialistas iniciaron unha labor de dinamización e estructuración dun proxecto deportivo de primeiro orden, acorde coas necesidades do concello.

Para os socialistas facilitar a práctica deportiva a todos os clubs e colectivos veciñais foi un dos piares da política municipal nestes últimos oito anos. Dende o ano 2003, ante a falta de instalacións deportivas do anterior goberno popular, o goberno municipal alugou esta instalación situada no polígono de Novo Milladoiro para o desenvolvemento das actividades deportivas postas en marcha a través das Escolas Municipais, así como para dar unha rápida resposta á demanda deportiva do concello, o que favoreceu a creación de diferentes clubs e asociacións ao longo destes oito anos. Aínda que hoxe se censure esta instalación, o servicio que da non debe quedar suprimido, sendo inexcusable que os usuarios non dispoñan de alternativa ou alternativas que lles permitan continuar na súa labor cotidiana.

Por outra banda, queremos resaltar que o aluguer da nave sempre o entendimos como unha solución temporal. Nunca se perdeu de vista a perspectiva de conseguir unha infraestrutura propia. Por iso, o anterior goberno xa iniciara xestións para a construción dunha nova instalación mantendo contactos con algunha entidade financeira co obxectivo de financiar a través dunha operación de crédito bancario, con carencia durante a fase de construción da obra e con pagamento das cotas unha vez finalizada esta. A expectativa que agora se abre de cara ao futuro cos novos desenvolvementos urbanísticos, supón un punto de inflexión e permite ao goberno municipal do Sr. Amor xestionar a construción dunha nova instalación deportiva que permita a práctica das actividades que se viñan levando a cabo na nave actual, como son: Altletismo, fútbol sala, patinaxe, tenis...

Por todo o exposto, o grupo socialista de man de dous dos seus Concelleiros, Paco Doval e Jose Miñones, propón ao pleno da corporación a adopción de dous acordos:

1) Que o pleno da corporación municipal de Ames manifeste a súa vontade de manter as actividades deportivas que se viñan realizando na nave multiúsos.
2) Que o pleno da corporación municipal
de Ames manifeste o seu criterio de dotar o Concello e os seus colectivos dunha nova instalación deportiva cuberta, que nun curto prazo de tempo supoña unha verdadeira alternativa á nave actual.

Tratado este tema na comisión correspondente, os socialistas vimonos sorprendidos ao anunciar o PP o seu voto en contra aos dous acordos propostos na moción, algo difícil de entender. Pola súa banda, o BNG abstívose a espera de obter mais información sobre o tema.

Brion . nova ordenanza fiscal

BRIÓN APROBA UNHA NOVA ORDENANZA FISCAL REGULADORA DOS PREZOS PÚBLICOS DE SERVIZOS CULTURAIS, EDUCATIVOS, DEPORTIVOS E DE OCIO

A ordenanza contempla descontos do 50% tanto na segunda actividade como a partir do segundo fillo

22 de xullo de 2011.- O pleno municipal extraordinario celebrado este mediodía en Brión aprobou unha nova ordenanza fiscal reguladora dos prezos públicos pola prestación de servizos culturais, educativos, deportivos e de ocio no municipio. A medida, aprobada cos 8 votos a favor de PSOE e BNG e cos 4 votos en contra do PP, inclúe por primeira vez descontos a partir do segundo fillo e da segunda actividade.

O alcalde de Brión, Xosé Luís García, explica que esta nova ordenanza “racionaliza un pouco os prezos públicos no municipio xa que, segundo informe de Intervención, permitirán sufragar o 70% do gasto que xere esa actividade, algo moi necesario nestes tempos de crise e aínda que a lei diga que o obxectivo final é que o servizo se autofinance”. Ademais da actualización dos prezos, “haberá descontos do 50% xa no segundo fillo, para os que se apunten a dúas ou máis actividades, polo que é unha ordenanza que beneficia máis ás familias con fillos. Ademais, cando Servizos Sociais considere que estamos diante dunha situación de risco ou de necesidade, o desconto será do 100%”, sinala Xosé Luís García.

Esta nova ordenanza fiscal permitirá actualizar os prezos públicos da escola de música Magariños e das escolas deportivas, mantendo as tarifas actuais en moitas outras actividades. Un mantemento que beneficiará especialmente á terceira idade, xa que actividades moi demandadas como manualidades ou xornadas de saúde no balneario non verán modificados os seus prezos.

Recoñecemento extraxudicial

O pleno municipal aprobou tamén un expediente de modificación de créditos previo á aprobación dun expediente de recoñecemento extraxudicial de créditos por un importe cercano aos 130.000 euros. A modificación e o recoñecemento, feitos con cargo ao superávit municipal, empregaranse para o abono de servizos e actuacións da Xunta, así como para o abono de facturas de Unión Fenosa e Gas Natural correspondentes ao mes de decembro, e que chegaron fóra de prazo e co orzamento xa pechado. A modificación foi aprobada cos 8 votos a favor de PSOE e BNG e cos 4 votos en contra do PP. Pola contra, o expediente de recoñecemento extraxudicial de créditos foi aprobado cos 8 votos a favor de PSOE e BNG e a abstención dos 4 concelleiros populares.

Finalmente, o pleno aprobou por unanimidade a proposta da Alcaldía sobre un recurso de reposición presentado ao acordo do pleno do 16 de febreiro de 2011 e que correxía erros no PXOM: