Brión - a biblioteca estrea blog e actividades


A BIBLIOTECA MUNICIPAL DE BRIÓN ESTREA BLOG E VARIAS ACTIVIDADES DE DINAMIZACIÓN DA LECTURA

Hoxe iníciase o bookcrossing e mañá venres terá lugar un obradoiro de traballos manuais para nenos e nenas de 3 a 6 anos

24 de maio de 2012.- A biblioteca municipal de Brión aproveita o mes no que se conmemoran as Letras Galegas para estrear web e realizar varias actividades de dinamización da lectura, entre as que destaca unha campaña de bookcrossing (intercambio de libros) realizada en colaboración co Departamento de Mocidade e Voluntariado de Brión.


O novo blog da biblioteca brionesa (http://bibliotecadebrion.blogspot.com.es/) quere ser unha ventá aberta á gran praza pública que é a Internet. A través deste espazo web, a biblioteca municipal de Brión ofrecerá puntual información das actividades que organiza ou que acolle, así como acceso aos catálogos on-line e outros recursos e servizos de interese para os usuarios.

comeza o bookcrossing


Unha desas iniciativas das que se informará neste novo blog é a campaña de bookcrossing, que comeza a desenvolverse con seis libros que se van “soltar” no centro social polivalente. Uns libros convintemente plastificados e etiquetados coa marca "bookcrossing" e que estarán dispoñibles en lugares sinalizados como "punto bookcrossing". Dende o blog da biblioteca irase informando aos veciños dos distintos “puntos bookcrossing” que vaian xurdindo semanalmente.

 “O que pretendemos é fomentar entre os veciños de Brión o intercambio de experiencias lectoras, onde non so participe a biblioteca, senón todos aqueles usuarios que queiran colaborar aportando algún libro que leron e queiran ceibar. Quen o desexe, pode collelo libremente; unha vez lido, agradecemos que volva liberalo para que outra persoa poida gozar del”, explica Dora Vieiro, do Departamento de Mocidade e Voluntariado de Brión.

Banco de libros


Por outra banda, dende mediados de mes a biblioteca municipal de Brión conta xa cun Banco de Libros: unha nova sección composta por un fondo bibliográfico, xestionado dende a biblioteca, con achegas de particulares que queiran emprestar libros de seu a outros lectores. Para participar só hai que ser socio da biblioteca, inscribirse no programa e aportar algún libro que se queira compartir. O libro é e seguirá sendo en todo momento propiedade do veciño que o empresta, e pode recuperalo cando desexe. A biblioteca municipal brionesa comprométese a xestionar o seu empréstito a outros usuarios inscritos no programa.

“A idea é compartir libros que temos lido nalgún momento e que nos gustaría recomendar a outros lectores. Trátase dun intercambio de libros e experiencias lectoras dentro dunha comunidade que queremos vaia medrando”, sinala Armando Patiño, responsable da biblioteca municipal de Brión.

Hoxe decora a biblioteca


Finalmente, e despois do éxito de participación na xornada “Decora a aula infantil”, a biblioteca municipal de Brión e o Departamento de Mocidade e Voluntariado organizan hoxe venres un novo obradoiro de traballos manuais. Dirixido a nenos e nenas de 3 a 6 anos, acompañados dun adulto, esta actividade pretende achegar os libros e a lectura aos máis pequenos da casa, mentres coñecen a biblioteca e participan na ambientación da sala infantil coas súas creacións.

A actividade, que se vai prolongar durante unha hora, terá lugar mañá venres 25 de maio, ás 17:00 horas, na biblioteca municipal. Os interesados en participar xa poden inscribirse chamando ao teléfono 981 50 99 69.

Un espazo renovado


Fundada en 1989, a biblioteca municipal de Brión é un centro de recursos para a información, a cultura, a educación e o lecer; sempre á disposición de todos os cidadáns que queiran acceder ao libro, a lectura e as TIC como actividades lúdicas e enriquecedoras. Dende 2011, dispón dun renovado espazo de case 190 m2 no primeiro andar dun edificio deseñado polo arquitecto César Portela en Pedrouzos que fora a anterior casa consistorial de Brión.

Unha gran mellora que permitiu aumentar considerablemente os metros lineais de andeis destinados ao fondo bibliográfico e audiovisual que atesoura a biblioteca: 11.547 rexistros, organizados en diferentes seccións (monografías, literatura, obras de consulta e refrencia, infantil-xuvenil...). Mención especial meren seccións de recente creación como a nova comiteca (composta por 260 exemplares de cómics infantís e para adultos), unha sección de audiovisuais e multimedia e unha selección de publicacións  periódicas. O seu horario de apertura é de 10:00 a 13:00 horas e de 16:00 a 22:00 horas (de luns a venres) e de 9:00 a 14:00 horas (sábados).

Ningún comentario: