A Agrupación Socialista de Ordes vén de presentar unha moción para o seu
debate na sesión do próximo 26 de febreiro na que insta a todos os grupos
municipais a restituír honorificamente nos seus cargos aos membros da lexítima
corporación constituída o 7 de marzo de 1936 e destituída o 24 de xullo do
mesmo ano por mor do golpe militar franquista. O voceiro municipal socialista,
Xesús Pedreira, amósase convencido de que “a actual corporación temos adquirida
unha débeda histórica coa corporación lexítima do ano 1936, sobre todo cando xa
teñen pasado corenta anos dende que finalizou a ditadura e aínda non se ten
realizado ningún acto de desagravio para con aqueles concelleiros”.
Os socialistas pedirán ao Pleno de Ordes que restitúa honorificamente nos
seus cargos aos dezaoito integrantes da corporación municipal de 1936 e que o
sábado 7 de marzo, coincidindo co 79 aniversario da toma de posesión da
devandita corporación, se celebre un acto conmemorativo para proclamar esta
decisión. “Pensamos que nese acto os protagonistas deberían ser os familiares e
descendentes destes concelleiros, pois algúns deles aínda conservan a memoria
vida daqueles momentos e sería un xeito de que este legado poida conservarse no
tempo”, indicou Pedreira Mirás. Un acto que sería totalmente aberto á
participación dos veciños e veciñas de Ordes.
O voceiro municipal socialista considera que “esta moción é un acto de
xustiza, un acto que humaniza e dignifica o traballo de concelleiro e un
recoñecemento que realizamos dende a corporación democrática de 2015 á
corporación democrática do ano 1936”. Por iso, Xesús Pedreira agarda poder
contar co apoio unánime de todos os grupos municipais, fóra de cuestións
políticas ou ideolóxicas.
Integrantes
O 7 de marzo de 1936 celebrouse unha sesión extraordinaria para constituír
a corporación municipal interina que gobernaría Ordes ata a celebración das
eleccións municipais. Esa corporación municipal quedou constituída, segundo os
documentos que constan no arquivo do Concello de Ordes , por:
- Alcalde-presidente: Antonio Fuentes Gonzálvarez, cesado do seu cargo polo
Gobernador Civil o 15 de marzo. O 26 de marzo noméase no seu lugar a Germán
Doval García (Vila de Ordes).
- 1º Tenente de Alcalde, Pedro del Río Caramelo. Vila de Ordes
- 2º Tenente de Alcalde, Pedro Álvarez Sánchez. Vila de Ordes
- 3º Tenente de Alcalde, Jesús Nouché Maceiras. Os Lagos (Barbeiros)
-
Sindico,
José Areoso Vieites. Vidueiro (Ordes)
Concelleiros:
- Jesús Liste Remuiñán. Grela de Abaixo (Parada)
- Pedro Gómez Gaudeoso. Ameixeira (Villamaior)
- José Raña Fernández. Ludiño (Pereira)
- José Castro N. Queis (Montaos)
- José Iglesias Liñares. A Rúa (Buscás)
- Juan Ríos García. O Casal (Ordes)
- Manuel Remuiñán Figueiras. O Castro (Parada)
- Pedro Graña Blanco. Vila de Ordes.
- Manuel Fraga Castro. Cestaños (Parada)
- José López Garaboa. Castiñeira (Leira)
- Ramón del Río Vázquez. Vila de Ordes
- Juan Rodríguez Iglesias. Vila de Ordes
O 24 de xullo do 1936, esta corporación municipal interina do Concello de
Ordes foi destituída polo golpe militar franquista, que nomeou un Delegado
Militar e responsable da vida política do Concello de Ordes. Posteriormente, o 14
de setembro, foi nomeado alcalde un Tenente Coronel da Garda Civil.