Aprezada Sr/a.,
Somos un grupo de pais/nais do bacharelato no próximo curso, en IES Milladoiro (Ames).
Supoñemos que xa coñece as carencias de dotacións neste centro, inaugurado o 23 de agosto de 2013 e no que transcorreron xa dous cursos lectivos sen acadar a dotación de equipamento docente, curricular e tecnolóxico mínimo para poder ofrecer unha formación completa que garanta o dereito á educación de calidade, e que permita que o alumnado do IES do Milladoiro teña os mesmos dereitos que o resto do alumnado galego.
O claustro de profesores elaborou unha longa relación de necesidades argumentadas, no pasado febreiro 2015 (xúntase a este escrito) e do que, ata estas datas, non se tivo subministro no centro educativo.
Para os nosos fillos, a dotación completa demandada polo profesorado é unha necesidade “Inminente”. A formación no bacharelato, que remata cunha proba obxectiva para todo o alumnado galego por igual, ten que poder prepararse en igualdade por igual por todos os estudantes, sen que haxa discriminacións e desvantaxes para os mozos e mozas do Milladoiro.
No IES Milladoiro están aínda sen dotar varios laboratorios imprescindibles para preparar do xeito adecuado e coas mínimas garantías de cumprimento da normativa, esa proba. A dotación tecnolóxica, adoece de carencias significativas. A única sala de ordenadores, con solo 28, ten tal demanda de uso polos docentes, que a rotación dos alumnos/as na mesma é escasa, polo que non se conseguen os mínimos coñecementos e a necesaria competencia dixital, que é considerada como competencia clave dos currículos que se implantarán no Bacharelato no curso 2015-2016, coa implantación da nova normativa educativa (LOMCE).
O xoves 28 de maio de 2015, en resposta á nosa solicitude, todos os grupos políticos de Ames recén electos foron invitados a unha sinatura conxunta de solicitude de reunión con carácter de urxencia co Conselleiro de Educación da Xunta de Galicia. Non se tivo cita á data de hoxe.
O martes 9 de xuño de 2015, a anpa do IES, segundo o seu comunicado, tiña reunión co Conselleiro de Educación para tratar a demanda da dotación. Segundo a información dos medios aínda non existe compromiso de solución a este grave problema.
Por isto, e dada a urxencia na resolución desta carencia para os nosos fillos que se enfrontan no mes de setembro ao Bacharelato, solicitamos do seu grupo parlamentario a axuda, apoio e intermediación, para resolveren canto antes este problema.
Tendo en conta que o alumnado de bacharelato xa reflectiu comprensión e cortesía perante a administración educativa nestes dous anos, pero non poden esperar máis.
Estes mozos e mozas do Milladoiro teñen os mesmos dereitos que o resto de mozos galegos e precisan que en setembro o IES do Milladoiro dispoña xa de todos os medios demandados, para unha correcta docencia e preparación das probas que determinarán o seu futuro profesional e laboral.
Grazas pola súa atención, saúdalles en nome de varios pais/nais do bacharelato: