Fundación Araguaney - conferencia de Uri Davis sobre Palestina


A Fundación Araguaney traerá a Uri Davis a Santiago para impartir unha conferencia sobre Palestina

Santiago de Compostela, Luns 14 de Maio de 2012. A Fundación Araguaney-Puente de Culturas traerá a Uri Davis a Santiago de Compostela para impartir unha conferencia sobre Palestina. Uri Davis é unha personaxe de gran importancia no mundo árabe e cuxa traxectoria vital non deixa de chamar a atención entre todos os que coñecen a realidade de Oriente Medio.


É un home de orixe xudía, pero que se define a si mesmo como un “palestino hebreo parlante do estado practicante do apartheid de Israel”. Davis traballa como activista na loita que exercen os palestinos para recuperar os seus dereitos. Ademais, destaca por ser o primeiro xudeu israelí integrante do Consello Revolucionario do movemento palestino Al-Fatah, trala súa elección no Sexto Congreso da formación celebrado na cidade cisxordana de Belén en 2009.

A conferencia, titulada “Al Nakba, o día da catástrofe palestina”, será presentada polo presidente da Fundación Araguaney, Ghaleb Jaber. Será impartida o vindeiro luns 21 de Maio, ás 20,00 h da tarde, no Salón de Actos do Hotel Araguaney. Entrada libre ata completar aforo.

O título da conferencia fai referencia ao Día da Nakba. Al Nakba é unha palabra árabe que significa “catastrofe” e é como se coñece ao 15 de maio desde 1948, data en que David Ben Gurión leu en Tel Aviv a declaración de independencia do Estado de Israel, e data en que a sociedade palestina foi destruída a causa do nacente Estado sionista.

Máis información: www.fundacionaraguaney.org

Ningún comentario: