Teo - o luns comeza a semana do ciclismo


O CONCELLO DE TEO DEDÍCALLE AO CICLISMO A SEMANA DO 28 DE MAIO AO 3 DE XUÑO


·        O ‘Ciclo Teo 2012’ inclúe xornadas de seguridade viaria e ciclismo nos centros educativos, unha charla coloquio e o Día da Bicicleta

·        Nesta programación colabora a Federación Galega de Ciclismo, o Club Ciclista Teo, o Restaurante Pórtico e Protección Civil


 A semana do 28 de maio ao 3 de xuño será unha semana especialmente dedicada ao ciclismo en Teo, xa que o Concello programou diversas actividades relacionadas con este deporte no ‘Ciclo Teo 2012’. A programación inclúe xornadas de seguridade viaria e ciclismo nos centros educativos do municipio, unha charla coloquio con destacados especialistas, e o Día da Bicicleta o domingo 3 de xuño.

O concelleiro de Deportes, Anxo Rei, destaca que o programa ten por obxectivo incentivar a ampla afección que xa existe en Teo polo mundo do ciclismo, combinando o deporte co aspecto lúdico e sen esquecer a formación en materia de seguridade, sobre todo para quen están a punto de iniciarse na práctica do deporte do pedal. 

As xornadas de seguridade viaria e ciclismo desenvolveranse o luns 28 de maio no CEIP Os Tilos, o mércores 30 no CEIP A Igrexa (Calo), e o xoves 31 no CEIP A Ramallosa. O alumnado de primaria recibirá unha charla sobre as principais precaucións que se deben ter en conta á hora de circular pola estrada cunha bicicleta e as medidas que deben adoptar os demais vehículos con respecto aos ciclistas para previr accidentes. Ademais, terán ocasión de participar nunha demostración práctica de Protección Civil.

A charla coloquio está programada para o venres 1 de xuño no IES de Cacheiras, ás 12:45 horas, baixo o nome de Ciclismo e Lecer. Estará moderada polo xornalista Terio Carrera e contará coas intervencións do ciclista estradense Álex Marque, do ciclista teense Ezequiel Mosquera, do técnico nacional da Federación Galega de Ciclismo Guillermo Sande, do seleccionador galego de ciclismo Ángel Vidal, do triatleta Iván Raña, e do presidente da Federación Galega de Ciclismo, Manuel Tallón.

‘Ciclo Teo 2012’ culminará co Día da Bicicleta o domingo 3 de xuño. Terá lugar na esplanada do cemiterio de Cacheiras a partir das once da mañá. Poden asistir persoas de todas as idades, sempre que acudan co preceptivo casco. A xornada estará composta por ximcanas, xogos e paseos nos que os participantes terán ocasión de mellorar as súas habilidades e compartir experiencias sobre o mundo da bicicleta.

Todos os interesados en obter máis información sobre o ‘Ciclo Teo 2012’ poden achegarse ata o departamento municipal de Deportes, de 8 a 14 horas, ou chamar ao 981 81 57 00. Tamén se poden poñer en contacto a través do enderezo electrónico deportes@concellodeteo.com. O ‘Ciclo Teo 2012’ está organizado polo Concello de Teo e conta coa colaboración da Federación Galega de Ciclismo, do Club Ciclista Teo, do Restaurante Pórtico e da Agrupación de Protección Civil de Teo.

Ningún comentario: