PSOE Teo - resposta as palabras de Martiño Noriega
RESPOSTA ÁS CRÍTICAS DE MARTIÑO
NORIEGA SOBRE A LABOR DA OPOSICIÓN DO
PSDEG-PSOE EN TEO
Ante as críticas que Martiño Noriega, Alcalde de Teo, realiza sobre a labor da
oposición que realiza o PSdeG PSOE de Teo, Uxía Lemus quere puntualizar o
seguinte:
Primeiro. Na nota de prensa do día 19/05/12, os Socialistas de Teo só
constataban realidades como que só tiñan coñecemento do estado do
expediente de aprobación da operación de crédito para pago a provedores
a través das novas de prensa, polo que se solicitou a información
pertinente, conforme á normativa estatal que regula o dereito de calquera
membro da Corporación a obter do Alcalde cantas informacións sexan precisas para
o desenvolvemento da súa función como concelleiro/a.
Estes feitos son corroborados polo propio Martiño Noriega cando recoñece
que “acaba de remitirlle á concelleira socialista toda a información sobre a
operación de préstamo”.
Así mesmo, na nota de prensa do día 19/05/12, non se fai ningunha valoración
negativa sobre a forma de formalización da nova operación de
endebedamento, descoñecida polo PSdeG PSOE de Teo ata ler os xornais
do martes 22 de maio.
Os datos económicos que constan na nota de prensa eran os dados polo equipo de
Goberno cando se aprobou o Plan de axuste en marzo de 2012. A contía do novo
endebedamento non era coñecida por esta concelleira, e por esta razón
solicitouse información a este respecto, para concretar cal sería a contía
total do endebedamento do Concello neste ano, que inicialmente se fixara
polo equipo de goberno en 3.659.470,00 euros.
Tendo en conta os datos que constaban no Plan de axuste, a contía inicial da
operación de crédito para o pagamento a provedores ascendía a cifra de
1.320.457,22 euros, que superaba o 10% dos recursos ordinarios do orzamento
municipal, e polo tanto, o órgano competente para a súa aprobación era o
Pleno, na que o equipo de goberno se atopa en minoría tras o seu abandono do
BNG. Ao dividir esta formalización en dúas fases, o procedemento varía
considerablemente, pero o PSdeG PSOE non tiña constancia deste feito, e
por iso procedeu a solicitude de información.
Ante a consideración de Martiño Noriega de que Uxía Lemus debería ter
esperado á resposta do Concello antes de difundir a nota de prensa o
sábado, descoñecemos cal sería o momento exacto que preferiría o Alcalde
para que a fixésemos pública.
Segundo. Uxía Lemus quere amosar a súa sorpresa cando na propia nota de
prensa remitida desde o Concello se sinala que o alcalde acaba de remitirlle á
concelleira socialista toda a información sobre a operación de préstamo, cando
unha vez mais enterouse pola prensa do estado do expediente sobre a
nova contía do endebedamento.
Uxía Lemus, que asistiu a un Pleno extraordinario na mañá do 21 de maio nas
dependencias do Concello, pola aprobación dun novo modificado da piscina
municipal, aínda non recibiu a comunicación oficial a que fai referencia o
Alcalde, e esperará a analizar os datos contidos nela para facer as súas
consideracións sobre a formalización da nova operación.
Terceiro. Uxía Lemus espera que o Alcalde deixe de cualificar negativamente, unha
vez mais, o que é o lexítimo exercicio da oposición por parte do PSdeG PSOE, que
inclúe a función de controlar as accións do equipo de goberno, para a cal é
necesario e imprescindible contar coa información precisa e os datos reais destas
accións.
Aparte do control da labor de goberno, a oposición ten como función presentar todo
tipo de iniciativas que melloren a situación socioeconómica do Concello. Así, xunto
coa solicitude de información e acceso ao expediente do novo endebedamento, os
Socialistas de Teo presentaron dúas mocións, unha en contra da suba das taxas
xudiciais e outra sobre a necesidade de que a Xunta asuma as súas competencias
sobre os centros de ensinanza e de saúde, agora indebidamente asumidas polo
Concello, que tamén se incluían na nota de prensa dos Socialistas de Teo do día 19
de maio.
Polo tanto, o PSdeG PSOE realiza a súa función de oposición no Concello de
Teo co maior rigor tanto na súa vertente de control como na de
proposición, e se o Alcalde, unha vez mais, quere “fiscalizar” esta labor,
desde os Socialistas de Teo só desexamos que poda compatibilizar
correctamente esta labor de control da oposición coa súa dedicación como
máximo gobernante do Concello de Teo.
Subscribirse a:
Publicar comentarios (Atom)
Ningún comentario:
Publicar un comentario