BRIÓN APROBA OS ORZAMENTOS DE 2012, QUE APOSTAN POLO MANTEMENTO DOS SERVIZOS PÚBLICOS E PREVÉN UNHA REDUCIÓN NUN 6% DO ENDEBEDAMENTO
Xosé Luís García asegurou que “o noso Concello paga rápido, en non máis de 54 días de media, o que case supón un récord en Galicia”
O PP abandonou o pleno antes do debate dos orzamentos ao alegar que non se entregaran con tempo para estudialos. O alcalde confirmou que se entregaron “con 6 días de antelación, cando a Lei marca dous”
15 de febreiro de 2012.- O pleno municipal de Brión aprobou esta mañá en sesión ordinaria os orzamentos do Concello para 2012, que ascenden a 4.970.671 euros e que inclúen unha reducción do endebedamento de seis puntos porcentuais. Unha sesión que estivo marcada polo abandono dos catro edís do Partido Popular, que se ausentaron do salón de plenos durante o debate dos orzamentos.
Chegados ao punto número 4 da orde do día, o voceiro do PP, Carlos Tomé, pedíu a palabra para expoñer a decisión do seu grupo de abandonar a sesión plenaria por non ter recibido o documento de orzamentos con suficiente antelación. Tomé Fondo xustificou que recibiu a documentación o venres pola tarde, polo que consideraba que o alcalde non cumprira o seu compromiso de enviar a documentación cunha semana de antelación.
O alcalde de Brión, Xosé Luís García, respondeu que a documentación “se enviou con seis días de antelación, cando a Lei marca dous días”. Xosé Luís García entendeu que “o PP é libre de facer o que queira, pero non entendemos que o Partido Popular se ausente do debate máis importante que temos en todo o ano, pois destes orzamentos dependen as obras e os servizos que reciben os veciños de Brión”. O alcalde brionés lamentou a postura adoptada polos populares “que seguramente prefiren utilizar o seu tempo noutras cousas, como andar denunciando a veciños de Brión, ou simplemente porque non tiñan nada que dicir e non querían escoitar os incumprimentos da Xunta de Galicia con Brión”.
Ante a ausencia dos catro concelleiros do PP, os orzamentos de 2012 foron aprobados por unanimidade dos 8 votos dos concelleiros do grupo de Goberno (pois o concelleiro do BNG xustificou a súa ausencia no pleno de hoxe por motivos profesionais).
Contención do gasto e mantemento de servizos
Coa ausencia do PP, o alcalde de Brión explicou aos veciños presentes que os orzamentos de 2012 están “guiados polos principios da contención do gasto, da máxima eficiencia na utilización dos recursos públicos e cun claro compromiso cos servizos públicos que o Concello presta aos seus veciños”. De feito, a repercusión do difícil escenario económico nacional e internacional actual na cifra global dos orzamentos supón unha diminución de tan só 3.183 euros con respecto a 2011 e permiten manter unha ratio de algo máis de 658 euros por habitante.
Xosé Luís García recoñeceu que “somos sabedores de que a eventual aprobación dos orzamentos do Estado en abril pode afectar ás nosas contas, e así o prvemos, pero un exercicio de responsabilidade política e pública obríganos a aprobar as nosas contas canto antes”. García criticou a receita de “redución e contención do gasto” que está a aplicar a Xunta de Galicia, “comprometendo servizos públicos esenciais, cun forte impacto municipal como son Protección Civil, emerxencias e servizos sociais”.
Fronte a esta situación, Brión aposta por uns orzamentos que queren conseguir “máis cultura, máis deporte, máis servizos sociais, máis seguridade e protección, máis atención cidadán, máis equipamentos e mellores infraestruturas para lograr un máis elevado nivel de vida para os nosos veciños e facer de Brión un concello agradable, pacífico e atractivo”.
Reducción da débeda
Xosé Luís García recoñeceu que un dos actuais obxectivos da UE é a reducción do déficit e da débeda das administracións públicas. “Coas contas que presentamos hoxe agardamos reducir a débeda en máis de 300.000 euros, para acabar o ano cunha porcentaxe de endebedamento do 30,83%, un dos máis baixos de Galicia”, explicou Xosé Luís García. Un descenso que suporá unha baixada de case seis puntos porcentuais con respecto ao 36,7% contemplado en 2011 e que supuxo un descendo da débeda doutros 400.000 euros.
De feito, en dous anos Brión pasou de ter unha débeda do 43% dos recursos totais orzamentarios (cando naquel momento o tope da débeda estaba fixado no 110%) a ter o 30,83% cando remate 2012 (cando o novo tope é do 70%). Isto supón un descenso de trece puntos porcentuais en tan só dous exercicios.
Unha reducción que se conseguíu “cunha xestión que pon o principio da eficiencia como guía da mesma, protexendo os servizos que con tanto esforzo conseguimos”. Unha boa xestión que queda comprobada no feito de que “o Concello de Brión non só paga, senón que paga rápido. En non máis de 54 días de media, o que case supón un récord en Galicia. Aí está unha das razóns polas que os brioneses levan confiando en nós máis de 25 anos”, apuntou Xosé Luís García.
Compromiso coa cidadanía
Os orzamentos de Brión para 2012 amosan o compromiso do Concello de Brión coa contención do gasto e co mantemento dos servizos públicos á cidadanía. Así, o capítulo de gastos de persoal experimenta unha reducción do 1% con respecto ao 2011, grazas á reforma da Relación de Postos de Traballo realizada hai unhas semanas. Pola contra, o capítulo de gastos correntes ascende a case dous millóns de euros, o que supón o 38% do orzamento.
O incremento dun punto porcentual en gasto corrente con respecto a 2011 xustifícase na necesidade de manter o nivel de servizos que se prestan aos veciños e veciñas de Brión. Nesta mesma liña vai tamén o capítulo de orzamentos que, a pesares da crise económica, tan só diminúe en 19.059 euros con respecto a 2011. O alcalde de Brión explica que “de acordo co compromiso de contención do gasto, non se prevén novas obras, senón que o 60% dos investimentos destinaranse a manter en bo estado a nosa rede de estradas e beirarrúas mentres que o 40% dirixirase a investimentos que teñen como fin o mantemento dos servizos existentes, como a escola de música, os centros sociais, a gardería municipal, a biblioteca...”.
No que atinxe aos ingresos previstos, a pesares dunhas reduccións do 1% das transferencias correntes e do 4% das transferencias de capital ao Concello de Brión por parte doutras administracións, os recursos propios da corporación increméntanse nun 0,4% con respecto a 2011. Isto é posible grazas, sobre todo, á nova incorporación de altas de IBI e a pesares da baixada da actividade económica en sectores como a construción.
Inventario e adxudicación
No resto da sesión, o pleno desestimou por unanimidade un recurso presentado por Aquagest contra o concurso para a adxudicación da xestión do servizo público de saneamento en Brión, polo que o procedemento administrativo pode seguir adiante. Tamén se deu o visto bo unánime á rectificación do inventario de bens do Concello, que queda fixado en 34,2 millóns de euros a 31 de decembro de 2011 (2,34 millóns máis que no anterior inventario).
Finalmente, o pleno tamén aprobou por unanimidade unha moción urxente presentada pola Alcaldía para cambiar o nome de dous proxectos presentados ao POS da Deputación da Coruña. Un cambio que non afecta a ningunha das obras nin aos proxectos, senón á denominación dos mesmos, pois dende a entidade provincial solicitaron que se incluisen os nomes de dúas ou tres localidades da parroquia onde se ían desenvolver as obras.
Cambio nos horarios da piscina
O único punto que non foi aprobado por unanimidade na sesión de hoxe foi o da modificación do regulamento de réxime interno da piscina, que contou coa abstención do PP, quen amosou o seu agrado polo incremento do servizo en 33 horas anuais pero que solicitou que se incrementarse o horario de tarde nos meses de xullo e agosto. O alcalde recordou que este incremento do servizo faise “de acordo coa demanda dos usuarios, que a día de hoxe chegan aos 1.186 aboados, e que pediron que pechara máis tarde e non o fixera ao mediodía”. Sobre o horario de verán, Xosé Luís García lembrou que “para as horas centrais do día xa están abertas as piscinas descubertas de Os Ánxeles e Bastavales”.
Así, o pleno fixou uns horarios para a temporada de inverno (do 1 de setembro ao 30 de xuño) e de verán (do 1 de xullo ao 31 de agosto). Un cambio que suporá un incremento de 5 horas semanais na tempada de inverno a cambio dunha reducción de 14 horas semanais durante os meses de xullo e agosto.
Os cambios máis significativos terán lugar no horario de inverno, onde se pechará media hora máis tarde (de luns a xoves) e se abrirá máis cedo pola tarde (ás 15:00 ou 16:30 horas, no canto de ás 18:30 horas). Na actualidade, as instalacións están abertas ao público en horario de 7:30 a 13:00 e de 18:30 a 22:00 horas (de luns a venres), de 9:00 a 14:00 e de 17:00 a 20:00 horas (sábados) e de 9:00 a 14:00 horas (domingos). Co cambio que se propón mañá mércores ao pleno, o horario de inverno pasaría a ser de 7:30 a 12:30 e de 16:30 a 22:30 horas (os luns e mércores); de 7:30 a 12:00 e de 15:00 a 22:30 horas (os martes e xoves); e de 7:30 a 12:30 e de 16:30 a 22:00 horas (os venres). Nas fins de semana, o horario será de 10:00 a 13:30 e de 17:00 a 20:00 horas (os sábados) e de 10:00 a 13:00 horas (os domingos). As instalacións estarían pechadas os festivos.
Para os meses de xullo e agosto mantéñense os mesmos horarios da mañá e cámbiase os das tardes, que pasan a ser de 19:00 a 22:30 horas (de luns a xoves) e de 19:00 a 22:00 horas (os venres). Os sábados só se abriría pola mañá (de 10:00 a 13:00 horas) e os domingos e festivos estaría pechado.