Por segunda xornada consecutiva, o Multiusos Fontes do Sar volverá ser escenario do partido do Santiago Futsal deste fin de semana (hoxe as 21h). Un mesmo escenario, pero contra un rival moi diferente. O actual campión de Liga, Copa do Rei e Supercopa, chega á capital galega co mellor xogador do mundo nas súas filas, Ricardinho, e cun plantel que suma pleno de vitorias nas dúas primeiras xornadas de Liga.
Os de Santi Valladares chegan a este encontro na 9ª posición da táboa, tras sumar dous empates consecutivos, ambos con idéntico resultado (4-4) ante Peñíscola RehaMedic e Magna Gurpea. Con remontada do conxunto celeste na segunda parte do dous encontro, antepoñéndose ao marcador en contra e ás adversidades que o partido expuña. Mañá reciben ao conxunto madrileño, coa clara intención de sumar os tres primeiros puntos da competición e demostrar que esta tempada os de Santiago teñen opcións de estar entre os 8 primeiros e derrotar aos ‘cocos’ da liga. O encontro poderase seguir en directo por streaming pola web da LNFS.
Pola súa banda, Movistar Inter acadou dúas vitorias nos seus primeiros encontros de Liga ante Jaén FS (2-3) e Peñíscola RehabMedic (9-4), o que lles sitúa nos postos altos da clasificación empatado a puntos con FC Barcelona Lassa, El Pozo Murcia e Palma Futsal.
Aínda que a pista do Multiusos é unha cancha na que o equipo verde logrou 5 vitorias, 5 empates e caeu derrotado nas dúas ocasións restantes. A primeira vitoria do Santiago Futsal ante o conxunto madriñelo foi no partido da tempada 07/08, no que o Autos Lobelle FS daquel entón impúxose 3-2 ao Interviú Fadesa. A segunda foi hai 3 tempadas, na campaña 12/13, cando o 5-1 cos goles de Raúl Campos (3), David Pazos e Álex González supuxo unha gran vitoria branca ante a súa afección contra o que foi o terceiro clasificado de Liga daquel ano.
No encontro da tempada pasada, os de Santiago igualaron o partido até en dúas ocasións, e cando todo indicaba que o empate quedaría no Multiusos, David Pazos anotaría o 2-3 a falta de 10 segundos para o final e o cuarto e definitivo sobre a bocina.
Para o encontro de mañá Santi Valladares non poderá contar con David Palmas, que segue co proceso de recuperación da lesión do proximal músculo-tendón do recto anterior esquerdo da súa perna esquerda. Tampouco poderá contar o técnico santiagués con Pablo Tallón, que pasará por quirófano o martes para operarse da luxación que sofre en ombreiro dereito; nin con Juanjo Catela, que se está exercitando á marxe dos seus compañeiros recuperándose das súas molestias no nocello. A eles súmase Pablo Mel, que será baixa pola cláusula de cesión que lle impide xogar ante Movistar Inter.
Sala de prensa
O técnico Santi Valladares falou hoxe rolda de prensa previa ao encontro de mañá ante Movistar Inter. O adestrador celeste dixo do partido de mañá ‘é un deses partidos nos que, como se adoita dicir, eles teñen que ter un mal día e a nós saírnos todo ben. Será un partido complicado, que pasa por ser voraces en defensa e non cometer erros. Temos que ser orgullosos no 1x1, porque eles teñen xogadores con moi bo 1x1; tamén temos que ser orgullosos na defensa de pívot, porque teñen uns pívots moi bos. Pero nós tamén teremos as nosas armas para contrarrestar esa calidade que nestes momentos fainos ser un dos mellores equipos de Europa.’
Valladares engadíu ‘O ano pasado partido tamén se antollaba complicado e a falta de 10 segundos estabamos empatados 2-2. Eles saben que van vir aquí a correr e o partido non o van gañar fácil, gañarano suando. Nós non imos saír a perder o tempo, imos ser competitivos. Somos humildes, sabemos das nosas virtudes e tamén dos nosos defectos. Imos saír con moita ilusión para ver se somos capaces de darlle unha badalada á liga.’
Por último, o técnico galego sentenciou ‘O equipo chega concienciado de que xogamos contra un rival moi potente, pero xogamos en casa e temos as nosas opcións e os nosos mecanismos para facerlles fronte. Se é certo que chegamos con 4 baixas moi importantes, que aínda que non é escusa, son 4 baixas neste Santiago Futsal que non son 4 baixar en Movistar Inter. Con todo isto, temos que facer un partido contra un equipo grande que nos vai permitir ver ata onde podemos chegar.’
Pola súa banda, o xogador lucense Hugo Sánchez, segundo capitán do conxunto celeste esta tempada referíuse ao encontro como ‘un partido moi bonito de xogar, pero á vez complicado. Seguramente o pavillón teña unha entrada agradable para nós, que sempre nos gusta ter a moita xente nas bancadas. Nós sabemos que Movistar Inter ten moitos xogadores de calidade, que che poden facer dano en calquera detalle. Calquera erro que teñamos eles maximízano. Temos que tratar non cometer tantos erros como o sábado pasado e ser un equipo competitivo e aguerrido; un equipo incómodo, que non lles deixe avanzar; conseguir que non estean cómodos co balón en ningún momento.’
Sobre as opcións de lograr a vitoria, o ala galego dixo ‘As nosas opcións son as mesmas que as deles antes do partido, 50%. Estamos en casa e temos confianza en facelo. Ademais, sabemos que, se por calquera motivo o partido decántase para o seu lado, nós facemos ben o 5x4. Temos moitas opcións. Outra cousa é que cando cheguemos ao partido, pola calidade que eles teñen, métannos detrás, que nos ameacen, sobre todo Ricardinho e os seus xogadores habilidosos. Pero isto é o que nos toca este fin de semana e imos ir con todo, sen especular.’
Hugo Sánchez sentenciou que ‘Gañar significaría crecer en autoestima e confianza. Permitiríanos traballar con máis tranquilidade e mirar máis de preto os obxectivos que temos para esta tempada, pero sobretodo, creceriamos como equipo despois de acadar a primeira vitoria, que sempre é a máis custosa.’
Outra información
Para o encontro de mañá Santiago Futsal estableceu ‘Día do club’ polo que todos os afeccionados que queiran asistir ao encontro terán que pasar pola taquilla. A venda de entradas realizarase nas oficinas do club no día de hoxe en horario de 10h a 14h e de 16.30h a 19h, e mañá pola mañá en horario de 10h a 14h. Pola tarde, a venda de entradas realizarase en taquilla a partir das 19.45h.
Prezo de entradas ABONADOS:
Adultos: 5€
Menores 18 anos: Gratis
Prezo de entradas NON ABONADOS
Adultos: 15€
Xuvenil (13-17 anos): 5€
Infantil (Menores 13 anos): 2€