Ames - Audios do pleno de organización

Poñemos a continuacón un resumo dos audios do pleno de organización no concello de Ames. Están divididos por turnos de intervención e partidos políticos e ainda que non son as intervencións completas si recollen o esencia.

Primer turno de Javier López de Cidadáns. Expresa a renuncia a o administrativo a as asignacións e reclama unha única dedicación exclusiva que sería para o alcalde. Lembralle a Contigo Pódese o seu cambio de opinión sobre as asigancións a grupos




Ramón García de pacto x Ames indica que non lle convence a proposta do goberno pero entende que pode ser boa ou mala en función do traballo que se faga. Lembralle a Contigo Pódese o seu cambio de opinión sobre as asigancións a grupos



Pilar Candocia pide que se aclare o problema da firma delegada que non se recolle no decreto de alcaldía e critica o reparto do goberno en cuanto a soldos e tarefas.



Santiago Amor recriminalle tamén a Contigo Pódese o cambio de criterio e expresa a sua negativa a apoiar a proposta do goberno




José Miñones defende a proposta do goberno e expresa que algunhas das contrapropostas estaban fora de lugar e por iso xa non se chegaron a debate
 
Javier lópez indica no segundo turno algúns exemplos de concellos nos que a súa formación propuso tamén menos dedicacións



David Santomil do BNG intervén para replicar a algunhas das intervencións e fai unha lembranza do edil Alfonso Rey, falecido hai uns meses, e que ocupara tamén a concellaría de cultura e educación



Segundo turno para Ramón García de Pacto x Ames que insiste na necesidade de chegar a un acordo e que se deixe de falar de dedicacións e se comenze a traballar



Genma Otero de Contigo Pódese replica as acusacións da oposición de infrinxir o seu propio código ético e explica a diferencia entre Contigo Pódese e Podemos



Xaime Subiela de Ames Novo propón deixar enriba da mesa o debate e poñer como límite para unha nova negociación que non se supere o custo de hai 4 anos, fai unha proposta expresa a Pacto x Ames para que o apoie



Santiago Amor do Partido Popular explica de novo que non está dacordo coa proposta de goberno a a Genma Otero, de Contigo Pódese, dille que o seu discurso lémbralle o de unha película dos Hermanos Marx onde un contrato vaise rompendo pouco a pouco




Ramón García por alusións indica que lle resulta curioso que Pacto x Ames pase de ser o despreciado a ser clave na votación



José Miñones pecha o turno de intervencións con algunhas precisións



Votacións

Axenda e tempo do sábado 11 de xullo - Música, monicreques, exposicións

Santiago - Numax 

Frades - Día do Neno 

Santiago - Atardecer no Gaias - Flamingods

Brión - II Festival Folclórico 

Brión - II Festival Monacadas

Santiago - Vía Stellae

Outros Concertos + info

Exposicións

Santiago - Museo do Pobo Galego - Dionisio Tasende, De homes... e mulleres (ata o 5 de xullo)

Santiago - Fundación Granell - 20 formas de cambiar el mundo (ata decembro)

Santiago - Fonseca Elipsis de Rafael Navarro (ata o 29 de agosto)

Santiago - Cidade da Cultura - Camiño, A orixe (ata o 11 de septembro)


O Tempo

Ames - Pleno de Organización

Esta venres pola tarde desenvolveuse o pleno de organización da nova corporación municipal do Concello de Ames. Nesta sesión plenaria aprobáronse as dedicacións e as asignacións económicas que terán o alcalde e os concelleiros do grupo de goberno. Deste xeito, terán cinco dedicacións e media, repartidas entre sete membros do goberno municipal (4 persoas terán unha dedicación exclusiva e outras tres persoas disporán dunha dedicación parcial). Ademais, o goberno municipal terá dous postos de persoal de confianza (un administrativo e un auxiliar administrativo) e todos os grupos da oposición disporán dun local e dun auxiliar administrativo, excepto Ciudadanos que renuncio a estes medios. As Xuntas de Goberno Local celebraranse todas as semanas e os plenos ordinarios serán o último xoves de cada mes, ás 20:30 horas.

O grupo de goberno amesá terá cinco dedicacións e media repartidas entre o alcalde e seis concelleiros e concelleiras. Neste punto, os nove edís do grupo de goberno votaron a favor, os nove concelleiros do Partido Popular, Ames Novo e Ciudadanos votaron en contra, e os tres edís de Pacto por Ames abstivéronse. Debido ao empate na votación decidiu o voto de calidade do alcalde, que votou a favor da proposta presentada. Previamente, houbo que votar unha emenda presentada por Ames Novo, para que este punto quedase encima da mesa e volvera a tratarse no pleno ordinario do 30 de xullo. Finalmente, esta emenda foi rexeitada.

As dedicacións exclusivas serán asumidas polo alcalde, José Miñones, polo concelleiro de Urbanismo, Obras Públicas e Servizos Básicos, Blas García, pola concelleira de Economía e Facenda, Genma Otero, e polo concelleiro de Educación e Cultura, David Santomil. Por outra banda, as dedicacións parciais serán para a concelleira de Sanidade, Servizos Sociais e Igualdade, Luísa Feijóo, para a concelleira de Participación e Atención Veciñal e Promoción Económica, Isabel González, e para a concelleira de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible, Catuxa García. As concelleiras de Mocidade e Transparencia, Silvia Dapena, e de Normalización Lingüística e Comunicación, Isabel Vaquero, non contan con dedicación algunha.

Segundo se recolle na proposta presentada polo goberno municipal as contías económicas dedicadas tanto ao goberno, que está composto por tres formación políticas, coma a oposición supoñen un incremento respecto ao 2011, principalmente debido á situación actual da corporación municipal que conta con sete grupos políticos diferentes. O incremento de 71.000 euros brutos ao ano (no que se inclúen os custe da seguridade social) son debido a dúas partidas fundamentalmente. En primeiro lugar, ás dedicacións do goberno que incrementan 39.000 euros o gasto, e en segundo lugar, ao persoal de confianza asignado aos grupos da oposición que aumentan o gasto en 32.000 euros. Nestes cálculos de gasto non está contabilizada a contía que suporía o aluguer dos locais dos partidos da oposición. No informe do departamento de Intervención está reflectida unha contía aproximada, pero que de momento non é un gasto fixo, senón que se trata dunha previsión. 

Cómpre destacar que a proposta presentada e aprobada polo pleno conta cos informes favorables dos departamentos de Secretaría e Intervención. Ademais, cumpre o Plan de Axuste, respecta a estabilidade orzamentaria e non incrementa a débeda municipal, representando finalmente un 2,3% do orzamento, e quedando moi por baixo das dez dedicacións e os sete postos de confianza que permitiría a lei. 

Redución dos gastos

Por outra banda, neste mesma proposta recóllese que durante o mandato 2015-2019 vanse reducir os gastos na contía relativa a asistencia dos concelleiros ás Xuntas de Goberno Local, pasando de 110 euros a 50 euros, e reducíndose o número de concelleiros/as que cobrarán pasando de 3 a 2 edís. Neste caso o aforro será de 3.120 euro ao ano. O mesmo ocorre coas comisións informativas previas aos plenos, nas que se pasa de cobrar 110 euros a 50 euros por concelleiro/a. Ademais, redúcense o número de comisións pasando de 6 a 5, e só se cobrará unha comisión ao día, o que suporía un aforro aproximado de 12.000 euros ao ano, no suposto de convocar 3 ou 4 comisión ao mes. 

Tamén se reducen as contías que percibe cada grupo político con representación na corporación municipal, pasando de 150 a 100 euros, así como a asignación económica que lle corresponde a cada concelleiro/a, que se reduce de 100 a 75 euros. Deste xeito, acádase una aforro de 3.300 euros ao ano. 

Retribucións do grupo de goberno

Asemade, seguindo o principio de transparencia que quere instaurar o goberno municipal dentro da Administración local, fanse públicos os salarios que percibirán tanto o alcalde como os seis concelleiros/as que teñen algún tipo de dedicación. Deste xeito o alcalde de Ames, José Miñones, disporá dunha retribución bruta anual de 49.716,66 euros; a primeira tenente de alcalde, Genma Otero, o segundo tenente de alcalde, David Santomil, e o terceiro tenente de alcalde, Blas García, percibirán unha retribución bruta anual de 37.287,50 euros. Dita cantidade equivale ao 75% das retribucións brutas da alcaldía. 

Ademais, as tres edís con dedicación parcial, que son a concelleira de Sanidade, Servizos Sociais e Igualdade, Luísa Feijóo, a concelleira de Participación e Atención Veciñal e Promoción Económica, Isabel González, e a concelleira de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible, Catuxa García, disporán dunha retribución bruta anual de 27.344,16 euros. Dita cantidade equivale ao 55% das retribucións brutas da alcaldía. 

Dotación de medios en favor dos grupo políticos e persoal de confianza

Segundo se recolle na proposta aprobada no pleno de organización o goberno municipal terá dous postos de persoal de confianza (un administrativo e un auxiliar administrativo), mentres que os grupos da oposición disporán dun local co material necesario para poder realizar o seu traballo. Ademais, os grupos do Partido Popular, Ames Novo e Pacto por Ames terán un auxiliar administrativo a xornada completa. 

O punto sobre a dotación de medios en favor dos grupos políticos saíu adiante cos votos a favor dos nove edís do grupo de goberno e dos tres concelleiros/as de Pacto por Ames, mentres que os nove concelleiros do Partido Popular, Ames Novo e Ciudadanos votaron en contra. 

Por outra banda, o punto sobre a contratación de persoal de confianza foi aprobado cos votos a favor dos nove concelleiros/as do goberno, mentres que os cinco concelleiros de Ames Novo e Ciudadanos votaron en contra. Os sete concelleiros do Partido Popular e de Pacto por Ames abstivéronse. Previamente á votación deste dous puntos, houbo que votar dúas emendas presentada por Ames Novo, para que estes puntos quedasen encima da mesa e se volverán a tratar no pleno ordinario do 30 de xullo. Finalmente, estas emendas foron rexeitadas. 

Ao grupo de Ciudadanos corresponderíalle un auxiliar administrativo a media xornada e un local, pero renunciou a este medios para que a contía económica que se ía investir neles sexa destinada a fins sociais. Os grupos que forman o goberno (PSdeG-PSOE, Contigo Pódese e BNG) tamén renunciaron aos seus locais a aos auxiliares administrativos.

Periodicidade dos Plenos e Xuntas de Goberno Local

En canto á periodicidade na que se celebrarán as sesións ordinarias do pleno a corporación municipal acordou que os plenos se celebren o último xoves de cada mes, ás 20:30 horas, excepto a sesión correspondente ao mes de agosto que se decidirá en consenso cos voceiros dos grupos políticos da oposición. Por outra banda, as Xunta de Goberno Local celebraranse todas as semanas, para darlle maior axilidade aos asuntos de xestión e tramitación municipal. 

Outro dos temas que se trataron no pleno de organización foi a composición das comisións informativas permanentes. O grupo de goberno propuxo que se constitúan cinco comisión informativas, reducíndose unha comisión respecto ao anterior mandato. Tamén se abordou o nomeamento de representantes da corporación municipal nos órganos colexiados que son competencia do Pleno.

Santiago - La Bellemont e IMPETUS no Vía Stellae

La Bellemont e Ímpetus Conjunto Barroco de Madrid son as vindeiras propostas que nos trae a Compostela o Via Stellae. La Bellemont estarán hoxe sábado ás 20.30 h na Capela da Orde Terceira co programa ‘Bach en trío. As tres sonatas para viola de gamba e clave obrigado’ e con entrada libre previa retirada de invitación. Pola súa banda, Ímpetus Conjunto Barroco de Madrid será o luns ás 20.30 h no Salón Teatro e o programa que presentan é ‘As bágoas do Anxo. Arias de ópera e cantatas de Haendel e Vivaldi’. Para este concerto as entradas teñen un custe de 6 euros, entrando dentro do Abono do Festival. Tanto as invitacións como as entradas poden retirarse no despacho de billetes do Teatro Principal que está aberto de 18.00 a 21.00 h todos os días. As entradas,a demais, poden mercarse tamén na web entradas.abanca.com ou no teléfono 902 434 443.

LA BELLEMONT. Sábado ás 20.30 h na Capela da Orde Terceira
La Bellemont
A sonata en trío foi unha forma moi popular na Alemaña barroca. Antes que Johann Sebastian Bach, compositores como Buxtehude ou Telemann xa explotaran esta forma coa formación habitual de violín, viola da gamba e baixo continuo. Coas súas tres sonatas para viola da gamba e clave obrigado, Bach seguiu a tradición pero, aínda que estas sonatas son auténticas pezas en trío, elixiu unha instrumentación diferente, converténdoas en dúos de clave e viola (o clavecinista toca a parte do violín coa súa man dereita e a liña do baixo, sen realización do continuo, coa man esquerda). La Bellemont propón este ciclo completo das tres sonatas para viola da gamba e clave, interpretando unha na súa forma orixinal en dúo e as outras dúas nunha versión transcrita (Bach foi un prolífico transcritor das súas propias obras) que lles devolve a súa forma en trío tradicional, co engadido dun violín e do baixo cifrado realizado por clave e arquilaúde que permite potenciar a alta expresividade e a enerxía rítmica implícitas nestas sonatas.

LA BELLEMONT naceu en 2007 da unión de tres músicos fascinados polo repertorio barroco francés. Marcados pola busca dun son con identidade, un xesto e unha articulación conxuntos, os músicos de La Bellemont concretan esta filosofía co seu primeiro disco La voix de la viola, un programa dedicado á música para viola da gamba e baixo continuo de Marin Marais publicado en 2011 por Brilliant Classics. A crítica especializada outorga a este disco cinco diapasóns (revista Diapason) e catro estrelas da revista Classica e di deles que son "portadores dunha gran precisión e mestría" (Klassik.com), ademais de destacar unha "personalidade e profundidade notables" (Scherzo). O seu recén presentado disco Plaisir sacré dedicado aos motetes de François Couperin (Itinerant Classics, 2014) xa ten sido galardoado coa R (recomendado) da revista Ritmo e co Melómano de Ouro da revista Melómano. 

MANFREDO KRAEMER violín
SARA RUÍZ viola de gamba
RAFAEL MUÑOZ arquilaúde
LAURA PUERTO clave 

ÍMPETUS CONJUNTO BARROCO DE MADRID. Luns ás 20.30 h Salón Teatro
IMPETUS
Os tres mestres... Un concerto para clave de Johann Sebastian Bach composto para as reunións do Café Zimmermann secunda a proposta lírica barroca do emerxente conxunto especializado madrileño Ímpetus e o contratenor Flavio Ferri-Benedetti. Haendel e Vivaldi son dúas indiscutibles figuras da ópera barroca italiana. O prolífico e polifacético compositor, director e empresario teatral Georg Friedrich Haendel triunfou en Londres, primeiro coas súas óperas e máis tarde cando tivo necesidade de reinventarse cos seus oratorios, durante tres décadas para converterse en heroe nacional británico. Máximo expoñente do concerto para violín barroco, o sacerdote Antonio Vivaldi aplicou o seu xenio, como afortunadamente poidemos descubrir nos últimos anos, a obras líricas profanas, cantatas e óperas; case 100 óperas estreadas en Venecia, pero tamén en Mantua, Florencia, Roma, Verona, Milán, Vicenza... Unha xeración inesquecible para a historia da música.



ÍMPETUS CONJUNTO BARROCO DE MADRID nace en 2006 por iniciativa do clavecinista, fortepianista e director Yago Mahúgo co obxectivo de difundir a música da época barroca e clásica / antiga seguindo criterios historicistas. Isto é posible grazas a un grupo de grandes músicos profesionais que contan cunha brillante preparación no ámbito da interpretación da música antiga, barroca, clásica e prerromántica con instrumentos orixinais. Deste modo, a fidelidade ás convencións musicais da época, así como a execución con instrumentos históricos de exquisita factura, fan que o son de Ímpetus se afaste substancialmente do habitual, achegándose á idea do compositor e á atmosfera orixinal de cada obra, situándoa no seu contexto histórico, artístico e interpretativo. Ímpetus figura actualmente entre os grupos españois de maior proxección. A súa traxectoria tanto en concerto (Festival de Música Antigua de Aranjuez, Festival de Granada,etc.) como no estudo de gravación foi amplamente gabada e premiada por prestixiosos críticos. 

Tras a excelente acollida do seu primeiro disco, Impetus live in Madrid (2013), o seu segundo compacto, Pièces en Clavecin en Concerts de Jean Philippe Rameau (2014) foi nomeado na categoría de música instrumental barroca aos ICMA 2015 (International Classical Music Awards) e foi galardoado cos premios das máis importantes revistas españolas especializadas: Disco excepcional do mes (Scherzo), Disco Recomendado (Ritmo) e Melómano de Ouro e Disco do Ano 2014 (Melómano). A súa terceira gravación, Geistliche Oden und Lieds mit Melodien de Carl Philip Emanuel Bach (2015), interpretado pola soprano Mariví Blasco e Yago Mahúgo ao fortepiano, obtivo de novo o respaldo unánime da crítica: Disco Excepcional do Mes (Scherzo), Disco Recomendado (Ritmo) e Melómano de Ouro (Melómano). Á parte do seu labor como fundador e director de Ímpetus, Yago Mahúgo desenvolve unha brillante carreira como solista. O seu rexistro das obras completas para clave de Pancrace Royer (Brilliant Classics, xaneiro de 2013) foi galardoado como Disco Excepcional do Mes pola revista Scherzo entre outras mencións e elixido polo diario El País como un das mellores gravacións de música antiga de 2013.

Flavio Ferri-Benedetti contratenor
Nacido en 1983 en Scandiano (Italia), trasládase a España durante a súa infancia. Obtén o grao profesional de piano no Conservatorio de Villareal en 2004, a licenciatura en tradución e interpretación (Universitat Jaume I, 2005) e finalmente o título de doutor cum laude en linguas e literaturas pola Universitat de València en 2014. Imparte cursos como profesor invitado de italiano para cantantes na Schola Cantorum Basiliensis (Suíza) e na primavera de 2015 é chamado como profesor invitado de canto polo Conservatorio de Zúric. Entre 2006 e 2010 estuda canto na Schola Cantorum Basiliensis co profesor Gerd Türk, obtendo os diplomas de Bachelor of Arts e Master of Arts con matrícula de honra. Alí tamén recibe clases maxistrais de Andreas Scholl e de Evelyn Tubb e Anthony Rooley, entre outros. A partir de 2010 segue perfeccionándose coa profesora Lina Maria Åkerlund en Zúric. Actuou como contratenor solista dende 2000 en Europa e Xapón, cun repertorio que abrangue dende a música medieval ata o posromanticismo. Ademais dunha ampla actividade nos campos do lied e a música sacra, pódense destacar entre as súas actuacións en ópera e concerto en Theater Basel, Prinzregententheater Munich, Oper Frankfurt, Opéra Royal de Versailles, Opéra de Nice, Liederhalle Stuttgart, Ópera de Oviedo, Wigmore Hall, Real Coliseo de Carlos III (El Escorial), Hamarikyu Hall Tokyo, Händel-Festspiele Karlsruhe, Theater An der Wien etc. Foi nomeado como Artista Revelación por Opernwelt en 2009 e 2010, gañou o terceiro premio no Concurso Internacional de Música Sacra 2009 (Roma) e foi semifinalista no 50º Concurso Internacional Francisco Viñas (Barcelona) e finalista no Concurso de Ópera Barroca de Innsbruck 2013.

Yago Mahúgo director
Nacido en Madrid, foi elixido por Rubén Amón (crítico do xornal El Mundo) como "Artista Español do ano 2013". Discípulo de Robert Hill, é licenciado en instrumentos históricos de teclado (clave, fortepiano e órgano) pola Universidade de Friburgo (Alemaña) e completou a súa formación cos mestres Christophe Rousset, Kenneth Gilbert, Malcolm Bilson e Jacques Ogg. Entre os seus galardóns destacan os do 35º Concurso Internacional de Clave de Budapest e do 13º Concurso de Clave de Bruxas (Bélxica), considerado o certame máis importante de música antiga. Gravou para televisións e radios estatais de toda Europa. O seu primeiro disco de clave, coas obras completas do compositor francés do século XVIII Pancrace Royer (Brilliant Classics, 2013), foi galardoado por diversas revistas especializadas (Scherzo, Ritmo, Melómano) e elixido como unha das mellores gravacións de música clásica do 2013 polo diario El País. O selo Brilliant Classics lanzará proximamente o seu novo compacto, esta vez consagrado á integral da obra para clave de Marchand e Clérambault. Ademais do seu labor como fundador e director de Ímpetus, Yago Mahúgo desenvolve unha brillante carreira como solista. Foi profesor das materias de clave e interpretación histórica e imparte regularmente conferencias. Actualmente desenvolve o seu labor pedagóxico no Conservatorio Teresa Berganza de Madrid e como clavecinista da Escuela Superior de Música Reina Sofía.

ÍMPETUS CONJUNTO BARROCO DE MADRID

PABLO GUTIÉRREZ concertino / violín
IRENE BENITO violín
MARTA MAYORAL viola
GUILLERMO TURINA violoncello
MICHEL FRECHINA contrabaixo
RAMIRO MORALES corda pulsada
YAGO MAHÚGO clave

Xunta de Galicia - Dúas resolucións avalan o canon de Sogama

Nos últimos meses, dúas resolucións xudiciais avalaron a de forma contundente a legalidade do canon de Sogama, acreditando a corrección xurídica das decisión adoptadas polo Goberno galego para garantir a viabilidade do sistema que xestiona os residuos urbanos que empregan voluntariamente 295 concellos de Galicia.

Así, o Xulgado do Contencioso-Administrativo Nº2 de Pontevedra condenou o pasado mes de maio ao Concello de Catoira a pagar a Sogama os importes das facturas correspondentes aos meses de marzo, abril e mayo de 2014, tras a aplicación da suba do canon establecida no seu plan de viabilidade con motivo da reforma do sector eléctrico e para garantir a súa viabilidade financeira.

Dita sentenza, contra a que non cabe recurso, obriga ao Concello de Catoira ao pago de preto de 20.000 máis xuros de demora e custos procesuais, evidenciando unha manifesta vulneración da lei por parte do ente local, ademais dun claro incumprimento contractual en canto ao prezo.

Posteriormente, sumouse a inadmisión por parte do Tribunal Constitucional, do recurso de amparo promovido polo Concello de Pontevedra, que nunca recoñeceu o canon único de Sogama. O criterio do Tribunal Constitucional supón que, pola súa negativa reiterada de aboar o canon, o Concello de Pontevedra deberá pagar a débeda de 4,7 millóns de euros que acumula con Sogama, máis os intereses de demora correspondente.

No que respecta á decisión adoptada polo Xulgado Contencioso-Administrativo Nº1 de Ourense, cabe sinalar que se trata dunha consulta formulada polo xuiz ao Tribunal Constitucional no marco da reclamación xudicial presentada por Sogama ante o impago do canon por parte do Concello de Piñor, que a pesar da negativa ao pago, en ningún momento renunciou ao servizo de Sogama.

Hai que lembrar que a xestión dos residuos urbanos é unha competencia municipal e que a adhesión dos entes locais ao seu sistema é voluntaria, dispoñendo estes da suficiente autonomía para levar á práctica outras alternativas. Con todo, nin Piñor nin Catoira nin Pontevedra desistiron do negocio xurídico subscrito con Sogama nos dous meses seguintes á publicación, con data 31 de decembro de 2013, da Lei de Orzamentos Xerais da Comunidade Autónoma de Galicia, onde se fixaba o canon unitario en 74,64 euros máis IVE.

O carácter global e solidario de Sogama constitúen dúas das súas principais características, xa que atende, en igualdade de condicións, as necesidades dos 295 concellos que utilizan os seus servizos e aplica o mesmo prezo a todos eles, con independencia das súas particularidades e situación xeográfica. 

Sogama presta un servizo público, básico e esencial, á cidadanía galega que debe ser sufragado, sen excepción, polas aportacións de todos os concellos adheridos ao seu sistema.

Ames - XI Festa do chourizo ao viño e IV degustación de Orella cocida

O campo da festa de Ortoño acolle este domingo, 12 de xullo, a décimo primeira edición da Festa do chourizo ao viño e a cuarta edición da Degustación da orella de porco cocida. A asociación gastronómica, recreativa e cultural do chourizo ao viño organiza un ano máis esta festividade onde a veciñanza poderá adquirir por 8 euros unha tarteira de barro con cachelos e chourizos. Neste prezo tamén ser inclúe a bebida, o pan e a sobremesa (xeado e café). A ración de orella de porco cocida terá un prezo de 4 euros e tamén inclúe pan e bebida. O Concello de Ames colabora na organización deste evento, que está dirixido a todos os públicos. Haberá carpa e inchables gratis para os nenos e nenas.

A festa dará comezo ás 12:15 horas da mañá coa celebración dunha misa solemne. A partir das 13:00 horas, comezará a degustación dos chourizos ao viño con cachelos e da orella de porco cocida, todo isto regado con viño do Ribeiro. De sobremesa haberá xeado e café.

A veciñanza amiense e todas aquelas persoas que se acheguen a esta festa poderán adquirir por 8 euros unha tarteira de barro con cachelos e chourizos. Neste prezo tamén ser inclúe a bebida, o pan e a sobremesa (xeado e café). A ración de orella de porco cocida terá un prezo de 4 euros e tamén inclúe pan e bebida. A degustación estará amenizada polo grupo de música tradicional A Requinta da Maía. De seguido, actuará o dúo Eva e Camilo, que actuará pola tarde. Ademais, a partir das 16:00 horas haberá unha actuación de Miguel Torres. 

Este domingo haberá divertimento para todos os grupos de idade. Os máis novos poderán gozar xogando nos inchables, que serán gratis, mentres que os maiores poderán xogar, a partir das 18:00 horas, á chave no campionato de chave por parellas. A inscrición deberá realizarse ata as 17:30 horas do mesmo día. As tres primeiras parellas gañarán un trofeo que está doado polo Concello de Ames. 

Para rematar, desenvolverase a actividade Cine na Carballeira coa proxección da película española Ocho apellidos vascos. Este filme está protagonizado por Clara Lago, Dani Rovira, Carmen Machi y Karra Elejalde.

Xantar na Ameixenda
A asociación cultural e de veciños da Ameixenda organiza para este domingo 12 de xullo, ás 14:30 horas, unha comida á que están convidados todos os veciños/as da parroquia e as persoas que desexen acudir. Para elo vaise colocar unha carpa no campo da festa da Ameixenda. O menú, que terá un custo de 22 euros por persoa, está composto por empanada, polbo e churrasco. Tralo comida, haberá música coa actuación dun dúo musical.

Frades - Día do neno na piscina municipal de Papucín

A piscina municipal de Papucín acollerá hoxe sábado 11 de xullo, a partir das 16:00 horas, o “Día do Neno”, organizado polo Concello de Frades. Unha gran festa que se realiza por sétimo ano consecutivo na piscina de Papucín e na que os rapaces e rapazas poderán xogar tanto cos tradicionais xogos de inchables de terra como con inchables de auga, que adoitan ter moito éxito entre os pequenos. 

A entrada é totalmente libre de balde e o Concello de Frades ofrecerá un variado programa de actividades con xogos, obradoiros, festa da escuma e merenda, que correrá a cargo do obradoiro “Ponlle as pilas ao teu bocata”, unha iniciativa da Xunta de Galicia para dar a coñecer entre os menores as vantaxes das conservas galegas do mar ao tempo que lles dá aos pequenos a oportunidade de elixir os ingredientes para faceren os seus bocatas.

Ademais, o Concello de Frades porá a disposición dos pequenos e das súas familias, tamén de xeito gratuíto, un tren turístico que os levará polas distintas parroquias do municipio. Un tren que alternará viaxes curtas de 15 minutos con percorridos de 45 minutos e nas que se lles amosarán aos pequenos as riquezas culturais e paisaxísticas das distintas parroquias de Frades.

Brión - II Festival Folclórico

A praza do Concello de Brión acollerá hoxe sábado 11 de xullo, ás 21:00 horas, a segunda edición do Festival Folclórico, un evento que achegará a nosa mellor música tradicional aos veciños e veciñas do municipio. No festival, de asistencia libre e de balde, participarán a asociación cultural Retranqueiros de Ames así como os integrantes da Escola Municipal de Música e Baile de Brión. A entrada é libre e de balde. No caso de choiva, a actuación trasladaríase ao centro social polivalente.

Así mesmo, unha hora antes, a Carballeira de Santa Minia acollerá a segunda sesión do Festival Monecadas, organizado por Titiriteiros da Comarca e o Concello de Brión. Ás 20:00 horas será a quenda de Títeres Alakrán, coa obra“Barrigaverde ataca de novo”, na que Borja Insua homenaxea a José Silvent ao vello estilo: cun único manipulador e cunha palleta que lle outorga aos bonecos a súa característica voz. A entrada é libre e de balde.

Ordes - Festas na parroquia de Beán

A parroquia de Beán celebrará este vindeiro domingo 12 de xullo as súas festas na honra á Virxe do Carme. Tras a misa con procesión, a cal dará comezo ás 13 horas, chegará o momento de botar unha baila e tomar un vermú ao son da orquestra Ritmo Joven, grupo que volverá subir ao escenario pola noite. A comisión de festexos tamén realizará a mediodía o sorteo de dous cordeiros. 

Axenda e tempo do venres 10 de xullo - Música, exposicións

Santiago - Numax 

Santiago - Casa das Crechas - Festival Vía Sacra

Santiago - Atardecer no Gaias - Ele

Ames - Encontros no Pazo 

Santiago - CS Pichel - Folck con Pan do Capazo

Brión - II Festival Monacadas

Santiago - Vía Stellae

Outros Concertos + info

Exposicións

Santiago - Museo do Pobo Galego - Dionisio Tasende, De homes... e mulleres (ata o 5 de xullo)

Santiago - Fundación Granell - 20 formas de cambiar el mundo (ata decembro)

Santiago - Fonseca Elipsis de Rafael Navarro (ata o 29 de agosto)

Santiago - Cidade da Cultura - Camiño, A orixe (ata o 11 de septembro)


O Tempo

Frades - Pleno de organización

O Concello de Frades celebrou este mediodía o seu pleno de organización, logo da toma de posesión como alcalde de Roberto Rey Martínez o pasado 13 de xuño. Unha sesión na que todos os puntos da orde do día foron aprobados cos 8 votos a favor do grupo de Goberno e a abstención do BNG, coa excepción do cambio de día das sesións plenarias.

Roberto Rey anunciou que manterá o mesmo réxime e importe de dedicacións da pasada lexislatura, é dicir, dúas declaracións exclusivas. A primeira será a do propio alcalde, por un importe de 36.190 euros brutos/anuais en 14 pagas. A segunda será a do concelleiro de Economía, Ensino e Medio Rural, Manuel Ferreiro Marzoa, quen tamén asumirá o rol de Tesoureiro tras a xubilación do funcionario encargado desa función. Esta dedicación exclusiva será de 21.777,28 euros brutos/anuais en 14 pagas. “Estamos falando de 1.800 e 1.200 euros netos ao mes, xa que ningún cobrará por asistencia a plenos ou comisións”, exemplificou Rey Martínez.

Novo Goberno
Nesta sesión, Roberto Rey deu conta da nova estrutura do seu Goberno municipal, que queda conformado do seguinte xeito:

- María de los Ángeles Álvarez Carro (primeira tenente de Alcalde), concelleira de Servizos Sociais, Igualdade, Muller e Atención aos menores.

- Jesús Miguel Prado Cea (segundo tenente de alcalde), concelleiro de Cultura, Deportes e Novas Tecnoloxías.

- Manuel Ferreiro Marzoa (terceiro tenente de alcalde), concelleiro de Economía, Ensino e Medio Rural.

- Ramón Garabato Boga, concelleiro de Infraestruturas e Obras municipais

- Jesús Francos Sánchez, concelleiro de Maiores, Piscina e Limpeza Viaria

- Juan Carlos Portos Bra, concelleiro de Medio Ambiente e Xestión de Residuos.

- Óscar Botana Rúa, concelleiro de Xuventude, Voluntariado, Iluminación Pública e Aforro Enerxético.

O pleno tamén acordou a creación da Xunta de Goberno Local, que se reunirá con periodicidade quincenal e que estará conformada polo alcalde e os tres primeiros tenentes de alcalde. As asignacións que reciben os concelleiros por asistencias a plenos e comisións será de 100 euros, mentres que os dous primeiros tenentes de alcalde recibirán 150 euros polas Xuntas de Goberno. 

Tamén se manteñen as dúas comisións informativas xa existentes, Contas e PXOM, que estarán compostas por 5 concelleiros do PP e 2 do BNG. A Comisión de Contas seguirá presidida polo Tesoureiro Municipal, Manuel Ferreiro, e contará cos concelleiros populares Ramón Garabato, Jesús Francos Sánchez e Óscar Botana Rúa; e cos concelleiros Xosé María Pérez Lagos e Nelly Iglesias Rey, do BNG. 

No caso da comisión do PXOM, seguirá presidida polo alcalde Roberto Rey e integrada por Ramón Garabato, Juan Carlos Portos Bra e Óscar Botana Rúa (PP) e por Xosé María Pérez Lagos e Nelly Iglesias Rey (BNG). As asignacións aos grupos municipais serán de 500 euros para cada grupo e 1.000 segundo o número de concelleiros de cada grupo. Os voceiros serán Manuel Ferreiro (PP) e Xosé María Pérez Lagos (BNG).

Ademais, o pleno aprobou manter os mesmos representantes do Concello de Frades en órganos como a Mancomunidade de Ordes (Roberto Rey Martínez), Agader (Roberto Rey Martínez) e CPI Ponte Carreira (Manuel Ferreiro Marzoa). 

O único punto de desencontro da sesión foi o cambio de día nas sesións plenarias. Se ata o de agora tiñan lugar ás 13:30 horas dos primeiros martes de cada trimestre, agora pasarán a celebrarse os segundos venres, de xeito que as próximas sesións ordinarias serán o 11 de setembro e o 11 de decembro). O BNG presentou esta mañá un escrito solicitando que as sesións se celebraran os sábados, para facilitar a asistencia de concelleiros que estean traballando. O alcalde indicou que estudará a proposta, se ben inicialmente xa quedan fixadas as dúas próximas sesións ordinarias.

Por último, o BNG solicitou que a documentación de plenos e comisións deixe de entregarse en papel, e se faga a través de correo electrónico. Unha proposta que o alcalde aceptou e que lle trasladará á nova Secretaria municipal, que se incorporará despois do verán.

Xente de Rois - Mocións de control, participación e mellora da accesibilidade

Xente de Rois presenta 3 mocións encamiñadas a mellora da accesibilidade en distintos locais do concello, o control do traballo das persoas con dedicacións exclusivas o parciais e para por en marcha un reglamento de participación cidadá

Moción reglamento de participación


Instar ao equipo de goberno de Rois á redacción, consensuada con todas as agrupacións políticas e tendo en conta a opinión da veciñanza do noso concello, dun regulamento de participación cidadá, na que as liñas mestres sexan:

-Participación dos veciños nos Plenos mediante entrada en rexistro das súas preguntas, cunha resposta por escrito se fose necesario.

-Reunións periódicas coas asociacións de todo tipo con sede no concello, establecendo mecanismos de participación deste teixido.

-Creación dun consello asesor con representación de cada parroquia, así como un específico de xuventude.


-Itinerancia polas parroquias do Pleno, para facilitar a participación e o coñecemento direto da xente do transcurso das diferentes sesións

Moción sobre control das dedicacións

Polo que fai á alcaldía:
-Instaurar unha axenda pública, na que conste unha franxa horaria de atención ao público.
-Reducir a retribución de maneira proporcional ao que se corresponda ao tempo investido noutras tarefas da administración pública que estean remuneradas, por exemplo, como pasou na lexislatura pasada coa dedicación á Deputación.
-Velar porque a dedicación sexa exclusiva e, en todo caso, non se solape con ningunha outra actividade privada ou pública allea ao labor de alcalde. Neste sentido, estaría ben remarcar que, como é público e notorio, ningún empregado da administración local teña a obriga de ir levar documentación a asinar polo alcalde fóra da casa consistorial, sempre que non sexa de maneira excepcional e nunca a negocios propios de índole privada.

Polo que fai á concellería de obras:
-Instaurar unha axenda pública.
-Dado que o labor desta concellería se solapa en grande medida coa do arquitéctico técnico contratado polo concello, sería conveniente reducir a dedicación da concellería de obras.

Redistribución das cuantía empregadas en dedicacións:
-Tendo en conta todo o exposto, sumando a parte proporcional deducible á dedicación da alcaldía e mais a deducible á concellería de obras, dedicar a cuantía resultante a unha dedicación, na medida que se considere oportuno, a outras concellerías que, ao noso parecer, terían que ser potenciadas neste sentido, nomeadamente a Concellería Educación, Cultura, Xuventude e Deportes e a Concellería de Asuntos Sociais e Emprego.

Moción accesibilidade

Instar ao equipo de gobernode Rois a solicitar, á instancia pertinente, a adecuación e mellora dos accesos de aqueles locais de Rois que o necesiten e nos que se exerce o dereito a voto en todos os comicios. 

Santiago Futsal - A liga comezará fora de casa

A Asemblea Xeral de La Liga Nacional de Fútbol Sala deu a coñecer esta mañá o calendario oficial para a tempada 15-16. Tras facerse público que a Liga comezará o venres 11 de Setembro, coñecéronse os primeiros enfrontamentos da primeira xornada de Liga.

No décimo terceiro ano do Santiago Futsal en Primeira División, o conxunto dirixido por Santi Valladares inaugurará a tempada na pista do Peñíscola FS o sábado 12 de Setembro ás 18 h, polo que haberá que esperar á segunda xornada de Liga para gozar do equipo santiagués no Multiúsos Fontes do Sar, na que recibirá a Magna Gurpea o 18 de Setembro.

Santiago Futsal repetirá como local na 3ª xornada de Liga recibindo a Movistar Inter, actual campión de Liga, e desprazarase a Levante na cuarta xornada. Posteriormente, recibirá a El Pozo Murcia FS no Multiúsos e viaxará a terras catalás para medirse ao FC Barcelona Lassa. Deste xeito, o conxunto santiagués enfrontarase aos tres primeiros clasificados da Liga 14.15 nas seis primeiras xornadas de Liga.

Así mesmo, tamén se deron a coñecer as datas dos encontros de Copa do Rei. Os 1/16 final disputaranse os días 29-30 Setembro, os 1/8 final entre o 13 e o 14 de Outubro, mentres que os ¼ de final se xogarán os días 27-28 de Outubro. A ida das semifinais disputarase o 3 de Novembro e a volta, cunha diferenza de 3 meses, o 23 de Febreiro. O campión da Copa do Rei decidirase na final que se disputará o 7-8 de Maio de 2016.

Bolanda - Xosé Neira Vilas presentou Semente Galega en América

Xosé Neira Vilas, referente indiscutible da literatura galega, presentou no Hotel Monumento San Francisco de Santiago a súa última obra: Semente galega en América, na que o autor cruceño revela, a través de cen crónicas, a influencia deixada por Galicia e as súas xentes no continente americano. Edicións Bolanda edita novamente unha obra do laureado autor de Memorias dun neno labrego, despois de publicar no ano 2013 Xosé Neira Vilas: Memoria Gráfica e no 2014 Díaz Pardo. Crónica dunha fecunda amizade. 

Neste novo título o escritor cambia totalmente de rexistro para contar, case a xeito de pequenos contos, cen historias que amosan a “pegada” que deixaron os galegos en América. Son cen crónicas relatadas por unha “testemuña excepcional”, un galego que “tamén deixou a súa semente no novo continente”, tal como explicou o editor, Antonio Couto, quen explicou que algunhas das historias están ilustradas polo “extraordinario artista mindoniense Xosé Vizoso”.

Na presentación da obra, que xa está dispoñible nas librarías de Galicia, acompañaron ao autor, ademais do editor, o conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez; o presidente do Consello da Cultura Galega, Ramón Villares; o profesor e secretario da Real Academia Galega, Henrique Monteagudo, e o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García. Todos destacaron a relevancia cultural e histórica tanto do autor como das persoas que el elixiu para seren protagonistas dalgunha das cen crónicas que compoñen este libro que permitirá coñecer un pouco máis a “pegada galega” en América. 

Modestos emigrantes que deixaron pegada 
Neira Vilas precisou na súa intervención que son moitos “os feitos e persoas que tiveron unha participación significativa nalgúns dos eidos social, político, cultural, económico” do continente americano e que “merecerían estar aquí”. Pero decidiu quedar para súa escolma cos máis descoñecidos, “modestos emigrantes” que fixeron “significativos aportes e deixaron a súa impronta, a súa pegada”, explicou. 

É o caso do protagonista da primeira crónica, Manuel Iglesias, un veciño de Vila de Cruces –como o propio Neira Vilas– que fixo o primeiro coche arxentino, que aínda hoxe pode verse nun museo de Campana, a vila que viu nacer o seu invento en 1907. Ou o de María Valverde, famosa cantante de Montevideo; Sebastián, un veciño da Gudiña que levou o carro de bois a México no século XVI; Xosé López, un mosqueteiro da Fonsagrada coñecido na Habana como “El caballero de París”, ou María Vinyals, dona do castelo de Soutomaior, alcumada “La marquesa roja” polas súas ideas de progreso social que levou a Cuba. 

Así ata “cen sementes, cen aportes dos nosos emigrantes, ao longo do tempo, ao progreso, de diferentes maneiras, do mundo americano”, explicou o autor. “Trátase de homes e mulleres que cruzaron o Atlántico, amaron as terras que os acolleron e nelas deixaron, xunto cos apelidos, fillos e netos que en moitos casos acadaron relevancia histórica”. Mais “nunca deixaron de ser galegos e galegas. Viviron e viven unidos ó terrón orixinario polo que Castelao chamara o ‘cordón umbilical da saudade”.

Xunto cos nomes propios, aparecen outras historias “sobre esforzos e condutas, sobre xestos e amores, sobre a entrega e a solidariedade”, explica Neira no prólogo da obra. “Son enerxías que perdeu Galicia, son comportamentos, individuais e colectivos, das xentes desta nosa patria dispersa, deste noso querido país, pequeno en extensión pero grande na semente e nos froitos dos seus fillos emprendedores”.

Ames - Hoxe continúan os Encontros no Pazo

O Concello de Ames, a través da concellaría de Cultura, está desenvolvendo durante a primeira quincena do mes de xullo o festival “Encontros Culturais no Pazo”. Este evento pretende impulsar e dinamizar a cultura galega, dar a coñecer o noso patrimonio enchendo de contido o Pazo da Peregrina, apostar pola música emerxente galega e potenciar o papel activo da cidadanía nas actividades culturais. O festival comezou o pasado 3 de xullo coa actuación de Xosé Manuel Budiño. Para este venres, 10 de xullo, están programadas as actuacións da fadista portuguesa, María do Ceo, e Paco Nogueiras. Este evento estase desenvolvendo nos exteriores do Pazo da Peregrina, en Bertamiráns.

O festival de verán Encontros Culturais no Pazo continúa este venres 10 de xullo. Nesta ocasión, a xornada comezará ás 20:30 horas coa actuación de Paco Nogueiras, que representará o espectáculo Brinca Vai! (de aquí a acolá). Nogueiras porá en escena unha función de música infantil cos ritmos máis diversos (electrónica, pop, folk, reggae, rock). Brinca Vai! De aquí a acolá é un espectáculo baseado no libro-CD-DVD “Brinca Vai!”, editado por Kalandraka Editora, no que se combinan cancións, animacións e interpretacións cos ritmos e rexistros máis divertidos. 

A segunda xornada deste festival pecharase, ás 22:30 horas, cun concerto da gran fadista portuguesa María do Ceo, que actualmente xa está considerada como a sucesora de Amalia Rodrigues, tanto no estilo, como na interpretación. Esta artista interpretará algúns dos seus temas máis coñecidos, fados tradicionais e algunha composición feita especificamente para ela.

Destacan interpretacións como a da canción María la portuguesa, coñecido tema de Carlos Cano, cantado nunha versión en portugués que emocionou ao escoitala á propia viúva do falecido cantante andaluz. Os excepcionais músicos que a acompañan nos seus concertos, dan forma a un espectáculo de gran calidade musical que destaca polos seus matices, sensibilidade, e a sempre doce voz de María do Ceo, onde entenderemos de inmediato a identidade cultural luso-galaica. 

Obxectivos do festival de verán
O festival de verán, Encontros Culturais no Pazo 2015 ten o obxectivo de impulsar a cultura e a lingua galega, achegándolle á cidadanía produtos culturais de calidade en galego para todos os públicos, especialmente para a mocidade e para un público familiar, debido ás características específicas da poboación deste concello. 

Tamén se pretende fomentar o interese pola música tradicional, colaborando así na preservación do noso patrimonio inmaterial; dinamizar o e dar a coñecer o patrimonio do Concello de Ames, enchendo de contido cultural un marco singular como é o Pazo da Peregrina de Bertamiráns; e potenciar a participación da cidadanía nas actividades de lecer, de xeito que o público asistente teña un papel activo e non quede só en consumidor pasivo.

USC - Un traballo do CIQUS abre a porta a novos materiais termoeléctricos

Un equipo de investigadores do CiQUS conseguiu incrementar ata nun 250% a eficiencia de conversión termoeléctrica dunha película delgada CrN, en comparación co material a granel. O traballo, que foi publicado por Advanced Materials, abre a porta ao desenvolvemento dunha nova xeración de materiais termoeléctricos baseados en óxidos e nitruros.

Aínda que os materiais termoeléctricos (TE) son sobradamente coñecidos, fiables e se utilizan dende hai moitos anos en ámbitos moi diversos (incluíndo o campo da enxeñaría aeroespacial), o seu escaso rendemento e alto custo continúan representando un problema á hora de favorecer o seu uso xeneralizado.

Na actualidade, os materiais máis comúns utilizados en dispositivos TE comerciais baséanse en chumbo (Pb), bismuto (Bi), telurio (Te) e selenio (Se), presentando en todos os casos numerosos problemas de inestabilidade, toxicidade ou escaseza. Polo tanto, un dos grandes retos que afronta a ciencia de materiais é o deseño de TE eficientes para producir electricidade a partir da calor que se desprende de procesos industriais, dun xeito máis limpo e competitiva.

A principal achega dos investigadores do CiQUS neste traballofoi demostrar que o nitruro, na súa forma natural (CrN), presenta na súa estrutura inestabilidades intrínsecas que anulan a súa condutividade térmica; pero, ademais, mediante a fabricación de películas nanométricas de alta calidade de CrN epitaxial os investigadores obtiveron, a temperatura ambiente, unha mellora de ata o 250% na figura de mérito termoeléctrica (unha medida da eficiencia de conversión) en comparación co CrN natural.

As conclusións desta investigación demostran que ideas xa establecidas –como o concepto de resonancia nos enlaces químicos– poden ser aplicadas tamén á regulación dos fenómenos de transporte térmico en nitruros e óxidos de metais de transición. Así, os resultados obtidos con CrN (unidos á súa alta estabilidade térmica, a súa resistencia á corrosión e as súas excepcionais propiedades mecánicas) convérteno nun material prometedor para futuras aplicacións termoeléctricas en altas temperaturas.

O traballo, liderado polo Profesor Francisco Rivadulla (ERC Starting Grant do CiQUS), realizouse en colaboración con grupos de investigación das universidades de University of Wisconsin–Madison, Lincoln-Nebraska, Boise-Universidade de Idaho e o MIT (Massachusetts Institute of Technology, Boston).

Touro - Acondicionamento dos centros socioculturais

O Concello de Touro está acondicionando durante os meses de bo tempo alguns dos edificios e instalacións de uso social que están ubicadas nas parroquias. A cuadrilla municipal contratada polo Concello de Touro adícase á posta a punto destas instalacións para que os veciños poidan utilizalas durante o ano. 

A cuadrilla de traballadores do Concello de Touro traballa estes días na reparación do local social da parroquia de Ribeira, na beira do río Ulla. Alí están acondicionando o interior do edificio con novo chan de plaqueta e tamén o exterior. 

Tamén foi renovado o pavimento exterior onde se ubica o centro social e que é utilizado polos veciños para a celebración de festas e outros actos lúdicos. Os traballadores contratados polo concello para estas tareas seguirán desenvolvendo o acondicionamento destes espacios durante os próximos meses. 

O Concello de Touro pretende así poñer ao día unhas instalacións que son utilizadas pola veciñanza. O obxectivo do Concello é ir complentando durante os próximos anos o traballo de restauración e rehabilitación dos centros sociais xa iniciado tamén en anos anteriores.

Brión - Títeres Cachirulo inaugura o II Festival de Monacadas

Títeres Cachirulo inaugura hoxe venres, 10 de xullo, a segunda edición do Festival Monacadas de Brión. Representará o seu espectáculo “A guerra das Galicsias” a partir das 21 horas na Carballeira de Santa Minia. A obra é unha divertida aventura interplanetaria do século XXI inspirada nas aventuras galácticas do século XX e nas tradicións máxicas, astrolóxicas, culturais e gastronómicas da nosa terra.

A asistencia é libre e de balde, como en todo o programa do festival, organizado por Titiriteiros da Comarca e o Concello de Brión. A seguinte actuación programada é a de Títeres Alakrán, o sábado ás 20 horas. A compañía presentará “Barrigaverde ataca de novo”, na que Borja Ínsua achégase á mítica obra que popularizou José Silvent por todo o país e faino ao vello estilo: cun único manipulador e a empregar a palleta que lle outorga aos bonecos a súa característica voz.

Xa o domingo, 12 de xullo, ás 13:00 horas, A xanela do Maxín representará a función “Titeremusicontos”, unha interesante combinación de elementos onde vistosos monifates daranlle vida a contos tradicionais con raposos, galos ou persoas como protagonistas.

Todas as representacións celebraranse na Carballeira de Santa Minia, están dirixidas a todos os públicos, especialmente os máis novos, e a entrada será libre e de balde.

Ames - Publicase o inventario de bens e dereitos

O goberno amesá vén de publicar na web municipal o inventario de bens e dereitos do Concello de Ames. Dende este momento, ábrese un período de exposición pública do inventario municipal, que foi elaborado pola empresa Tragsatec. Este prazo de información pública será de 15 días hábiles. Este documento, ademais de poder consultalo na web, tamén está publicado nos taboleiros municipais de edictos. Poden consultar o inventario todos/as os/as veciños/as e o resto de interesados/as, de luns a venres en horario de 9:00 a 14:00 horas, no departamento de Secretaría municipal.

A actualización do inventario municipal de bens e dereitos comezouse a abordar en marzo de 2010, momento no que se lle encargou á empresa Tragsatec a realización dos traballos de elaboración e actualización do inventario municipal do Concello de Ames. Tras dun largo período de traballo o devandito inventario foi entregado en soporte papel e dixital o pasado 16 de decembro de 2014.

Agora, ábrese un prazo de exposición pública de 15 días hábiles para que todos os/as veciños/as e demais interesados poidan examinar o documento e formular, no seu caso, as observacións que estimen oportunas. Este documento pódese consultar de luns a venres, en horario de 9:00 a 14:00 horas, no departamento de Secretaría municipal. 

As observacións que se presenten terán que ser examinadas polos servizos técnicos municipais antes da aprobación do inventario polo pleno, órgano ao que lle corresponde a aprobación do inventario municipal. O devandito inventario está publicado nos taboleiros municipais de edictos e na web municipal. Para acceder a esta información hai que premer nun banner que está na parte superior da páxina principal do sitio web www.concellodeames.org

Bens e dereitos das parroquias amesás

Neste documento recóllense os bens e dereitos das once parroquias amesás: Agrón, Ameixenda, Ames, Biduído, Bugallido, Covas, Lens, Ortoño, Piñeiro, Tapia e Trasmonte. Deste xeito, contén información sobre os inmobles urbanos e rústicos; bens histórico-artísticos; vehículos; viarios; dereitos reais; mobles; semovintes; créditos persoais e valores mobiliarios.

O inventario dispón da relación de todas as propiedades municipais xunto coa valoración do patrimonio. Este documento será unha ferramenta de traballo e un instrumento de xestión municipal moi útil para o Concello, xa que, entre outras cuestións, conta cun inventario onde están actualizados os datos de todas as súas propiedades.

Camara de Comercio - Xornada sobre ánalise de contas

A Cámara de Comercio, Industria, Servizos e Navegación de Santiago de Compostela celebrou onte no viveiro de Costa Vella unha xornada gratuíta orientada a ensinar aos pequenos empresarios a facer unha análise das contas anuais da súa empresa. A xornada gratuíta, titulada “Análise de contas anuais desde a visión de dirección non experta en finanzas”, organízase en colaboración coa Consellería de Economía e Industria e o Igape e o financiamento de Fondos Feder. O socio director da consultoría Arxon Estrategia, Rafael Martínez-Carrasco impartiu a xornada á que tamén asistiu o xerente do IGAPE IP, Jose Manuel Fernández. Con formato workshops, a xornada serviu para presentar o proxecto Reacciona do Igape, impulsado co obxecto de mellorar a competitividade das pemes galegas.

A finalidade desta actividade é capacitar e formar a directivos e xerentes de pemes de perfil non financeiro na interpretación e comprensión da información financeira da empresa para a toma de decisións, ademais de aprender a identificar responsabilidades patrimoniais, fiscais e de xestión a partir da información financeira dispoñible na empresa.

Martínez-Carrasco explicou que os directivos das pemes deben ter en conta as necesidades financeiras de curto e de longo prazo e establecer un sistema de control e xestión preventiva para tomar decisión de forma anticipada. “A liquidez nunha empresa é unha vantaxe estratéxica e debe ser unha das prioridades da dirección. Todas as decisións afectan ás finanzas. Debemos crear a nosa visión financeira específica do negocio” –sinalou–.

Esa xestión predecible, según Martínez-Carrasco, permitirá ao empresario afrontar coa axeitada planificación e a un custo menor as súas necesidades operativas sen perder o control do seu negocio.

Axenda e tempo do xoves 9 de xullo - Música, cine, exposicións

Santiago - Numax 

Santiago - Casa das Crechas - Festival Vía Sacra

Santiago - Atardecer no Gaias - Igmig

Santiago - Banda de música en Praterías

Santiago - Vía Stellae

Outros Concertos + info

Exposicións

Santiago - Museo do Pobo Galego - Dionisio Tasende, De homes... e mulleres (ata o 5 de xullo)

Santiago - Fundación Granell - 20 formas de cambiar el mundo (ata decembro)

Santiago - Fonseca Elipsis de Rafael Navarro (ata o 29 de agosto)

Santiago - Cidade da Cultura - Camiño, A orixe (ata o 11 de septembro)


O Tempo

Ames - Reunión coa comisión de festas de A Peregrina

O alcalde de Ames, José Miñones, recibiu esta semana na Casa do Concello aos membros da comisión de festas da Virxe da Peregrina. Nesta xuntanza o rexedor municipal e o presidente da comisión de festas, Andrés Núñez, abordaron diversos aspectos a ter en conta de cara a organización das festas patronais de Bertamiráns, que se celebrarán o sábado 8 e o domingo 9 de agosto.

Esta xuntanza, á que acudiu o presidente da comisión de festas, Andrés Núñez, e dous membros máis da devandita comisión, serviu para presentarlle ao goberno municipal a directiva da comisión de festas da Peregrina e informarlle ao alcalde do programa de actividades que se van desenvolver o sábado 8 e o domingo 9 de agosto.

Por outra banda, dende a comisión de festas pediron a colaboración do goberno, tanto á hora de organizar actividades, como para a súa difusión e para o acondicionamento e preparación dos espazos municipais que están ao carón do campo da festa.

O rexedor municipal indicou que “a comisión de festas da Peregrina pode contar co apoio deste goberno para celebrar estas festas porque é unha festividade tradicional e emblemática de Ames. A súa celebración é moi importante para o noso concello porque consigue que moitas persoas se acheguen a Bertamiráns, e iso sempre é positivo para a economía amesá”.

Brión - Abre a piscina de Bastavales

A piscina municipal de Bastavales abrirá as súas portas ata o próximo 31 de agosto en horario de 16:00 a 20:00 horas. 
Os prezos por acceso diario é de 0,6 euros para nenos e nenas menores de 14 anos e de 1,2 euros para maiores de 14 anos. 
Ademais, tamén están dispoñibles pases de tempada por 6 euros (menores de 14 anos) ou 12 euros (maiores de 14 anos). Os pases expídense na Casa da Cultura e só é preciso achegar unha foto de tamaño carné.