Teta e Coliño - charlar sobre conservación do leite materno


A Asociación Teta e Coliño celebrará o sábado en Bertamiráns unha charla sobre a extracción e conservación do leite materno
Ames, 23 de maio de 2012. O grupo de apoio á lactación materna de Ames, Teta e Coliño, organiza para este sábado unha charla informativa sobre a extracción, conservación e administración de leite materno. Esta charla, que terá lugar na Casa de Cultura de Bertamiráns ás 18,00, está destinada ás nais que volven ao traballo tras o nacemento dos seus fillos.

Durante o encontro, informarase ás nais dos diferentes tipos de extraccións do leite ou que cuestións hai que ter en conta á hora de elixir un sacaleites. As nais tamén poderán resolver as súas dúbidas sobre a incorporación ao traballo e a continuidade da lactancia e sobre o transporte do leite e o seu almacenamento.
No mes de xuño, o grupo de apoio á lactación materna organizará outras dúas charlas informativas. A primeira terá lugar o vindeiro martes 5 de xuño no Milladoiro e levará por título Parto respectado, nacemento feliz. A seguinte xuntanza celebrarase en Bertamiráns o 21 de xuño e chamarase Alimentación complementaria regulada polo bebé.
Entre os obxectivos da xuntanzas celebradas de xeito mensual por Teta e Coliño están o de defender o dereito de todas as mulleres a dar peito desde o nacemento do seu fillo e durante tanto tempo como o desexen, mesmo no caso de hospitalización, e a divulgación da lactancia materna entre nais, pais, profesionais da saúde e do ensino. Teta e Coliño tamén pretende informar sobre os dereitos laborais relacionados coa lactancia, permisos maternais e redución de xornada, sobre a conciliación da vida laboral e familiar nese período e sobre o papel do resto dos familiares no proceso da crianza.

Ningún comentario: