O ciclo Todo Lírica, organizado pola concellaría de Acción Cultural e a Asociación Galega de Lírica Teresa Berganza, ofrece na súa 15ª edición tres concertos. Pechamos esta XV edición o luns 28 de decembro da man do tenor Zapata, Claudio Constantini ao piano e bandoneón, e Juan Francisco Padilla na guitarra que nos ofrecerán un programa de tangos en ‘Gardel mediterráneo’, homenaxe a Carlos Gardel no 80º aniversario do seu pasamento. O prezo das entradas é de 8 euros por concerto e un abono para os tres por 16 euros e poden mercarse en Abanca (web e teléfono) ou no despacho de billetes do Teatro Principal.
Antes deste concerto tivemos o domingo 20 de decembro á soprano Carmen Solís acompañada do pianista Rubén Fernández Aguirre cun programa de cancións de berce e Verdi; e o mércores 23 de decembro, ás sopranos Belén López León e Ruth González e o barítono Elías Benito Arranz acompañados ao piano por Rubén Fernández Aguirre e con Quico Cadaval como narrador presentando ‘Unha educación incompleta’, opereta de Chabrier para tres cantantes e piano. Todos os concertos son no Teatro Principal ás 20.30h.
ZAPATA tenor
CLAUDIO CONSTANTINI piano / bandoneón
JUAN FRANCISCO PADILLA guitarra
ZAPATA tenor
José Manuel Zapata converteuse, dende o seu debut hai 12 anos, nun dos tenores máis importantes da súa xeración. Tras a súa primeira actuación na Ópera de Oviedo en 2002, conseguiu debutar nun curto espazo de tempo, como protagonista, nalgúns dos teatros de ópera máis senlleiros do mundo (Teatro Real de Madrid, Teatro Liceo de Barcelona, Rossini Opera Festival, Deutsche Oper de Berlin, Teatro Chatêlet de Paris, Semperoper de Dresde, Teatro Massimo de Palermo, Theater an der Wien de Viena, Deutsche Oper Rhein, Palais de Beaux Arts de Bruxelas, etc.). O seu debut no Metropolitan Opera House de Nova Iorque, protagonizando O barbeiro de Sevilla, e a súa actuación nunha nova produción de Armida de Rossini, no mesmo coliseo, convertéronse no punto álxido da súa carreira recinte. Foi dirixido por algunhas das batutas máis prestixiosas do mundo: Alberto Zedda, Jesús López Cobos, Riccardo Frizza, Cristophe Rousset, Jean-Cristophe Spinosi, Sir Andrew Davis, Frederic Chaslin, Josep Pons, Sebastian Weigle, Claudio Scimone, Antonio Florio, Fabio Biondi, Julian Reynolds, Vladimir Jurowski, Victor Pablo Pérez, etc. No eido do concerto, cantou en salas tan importantes como o Carnegie Hall de Nova Iorque, o Rossini Opera Festival, o Auditorio Nacional de la Música ou o Teatro de la Maestranza, acompañado sempre polo mestre Rubén Fernández Aguirre. Foi galardoado cos dous premios máis importantes aos que pode optar un cantante lírico en España: Premio Ópera Actual e Premio Teatro Campoamor 2005 ao cantante revelación. Entre os seus últimos proxectos atopanse Los Divinos, un espectáculo de produción propia xunto ao violinista Ara Malikian que se estreou no Teatro Español de Madrid, e unha nova obra de Albert Boadella estreada nos Teatros del Canal de Madrid. No pido discográfico participou como protagonista en importantes producións: La Cenerentola (Naxos), La pietra di paragone (DVD, Naive), Il Califo de Bagdad (Archiv / Deustche Gramophone), Tango mano a mano (Sony), etc. En 2013 presentou o seu último disco como solista (Operazza), onde se fusionan, en clave de jazz, pezas do repertorio clásico con outras dos anos 50-60. Durante o 2015 cómpre salientar as súas actuacións no Theater an der Wien de Viena e en el Teatro Real, obtendo éxito unánime de público e crítica, interpretando o papel de La Bruja na ópera Hänsel und Gretel de Humperdinck.
CLAUDIO CONSTANTINI piano / bandoneón
Pianista, bandoneonista e compositor nado en Lima, Claudio Constantini mantén unha multifacética carreira musical internacional con recitais e concertos de diversa índole e natureza estética. Actúa nos máis importantes teatros europeos: Teatro Real de Madrid, L´Auditori de Barcelona, Palau de Valencia, Sala Mozart de Zaragoza, Concertgebouw Amsterdam, De Doelen Rotterdam, Auditorio de Tampere Finlandia, Filharmónica de San Petersburgo, Teatro Mainichi de Osaka (Xapón), Michaelskerk Leipzig, Teatro Sao Carlos de Lisboa, Ópera de Budapest, entre outros. As súas actuacións foron retransmitidas por importantes canais de televisión, salientando a gravación en vivo que realizou a televisión nacional de Lituania da súa actuación no Festival de Piano de Vilnius interpretando as 5 Tango Sensations de Astor Piazzolla e o Concerto núm. 4 de Beethoven xunto á Orquestra Cristoforo Kamerinis e tocando ambos instrumentos, o bandoneón e o piano, na mesma noite. Tamén salienta a gravación que fixo a Radio e Televisión Nacional Portuguesa da estrea do Concerto para bandoneón e orquestra de Daniel Schvetz xunto coa Orquestra Metropolitana de Lisboa. A estas dúas importantes gravacións súmanse dúas aparicións televisivas en distintos países europeos, Rusia, Xapón e Perú. O seu primeiro disco solista de piano é o primeiro volume da obra integral para piano de Debussy do selo IBS Classical. Dende 2012 é organizador e profesor asistente do prestixioso curso internacional Primavera Pianística, ademais de organizar o concurso internacional de piano do mesmo nome. Tamén coordina os cursos maxistrais de piano de París levados a cabo no centro de artistas Yamaha. En ambos cursos traballa de asistente do pianista e pedagogo Aquiles Delle Vigne quen fóra o seu profesor. Suite Latinoamericana, o seu primeiro disco como compositor foi publicado en 2014 polo selo Silvox (Holanda). Como bandoneonista, explora música de diferentes orixes, aínda que enfocándose en tres xéneros principais: o tango, a música clásica e o jazz. No eido do tango arxentino colaborou con algúns dos músicos actuais de maior relevancia, ao tempo que no xénero clásico se lle pode escoitar interpretando como solista o con conxuntos de cámara un repertorio que vai dende o barroco temperá ata a música actual. A súa última incursión musical foi no jazz e xa ten actuado nalgúns dos escenarios españois e europeos máis importantes: Jamboree (Barcelona), Bimhuis (Amsterdam), Blue Note (Milán), Auditorio Nacional de Andorra, etc. Lidera o seu propio grupo de fusión de tango e jazz, o Constantini Tangojazz Ensemble. Foi invitado a impartir clases maxistrais en institucións como o conservatorio Pietro Mascagni (Italia), Academia Sibelius e Conservatorio de Kuopio (Finlandia), Conservatorio Superior de Aragón, Conservatorio Nacional de Música (Perú), Instituto Cedam (Madrid), etc. Foi galardoado cos primeiros premios en concursos internacionais como o Concurso Astor Piazzolla (Milán) e o Concurso Internacional Litmann (Nova Iorque). En 2008 o goberno holandés outorgoulle o premio HSP Huygens á excelencia en estudos artísticos.
JUAN FRANCISCO PADILLA guitarra
Nado en Almería en 1975, foi distinguido en 2004 coa Insignia de Ouro á personalidade artística máis salientable do ano pola Junta de Andalucía. Considerado dende moi curta idade neno prodixio do seu instrumento, na actualidade é un dos guitarristas máis importantes da súa xeración. Ofreceu numerosos recitais en España, Italia, Portugal, Francia, Eslovenia, Alemaña, México, Inglaterra, Brasil, Ucrania, Estados Unidos, etc. Gañador de multitude de premios en concursos internacionais, ten realizado unha gira xunto a Cecilia Bartoli e Il Giardino Armonico, artistas cos que gravou para o selo Decca Sacrificium, disco gañador dun Premio Grammy 2011. Tamén gravou para Warner (Catro estacións de Vivaldi), Radio Nacional de España, Radio Clásica e para o selo da Junta de Andalucia (Suite Jerez de Germán Beigbeder xunto á Orquesta Ciudad de Córdoba). En 2011 lanzou ao mercado ARVUM, o seu primeiro disco de guitarra soa. Actuou como solista coa Joven Orquesta Nacional de España, Orquesta Joven de Andalucía, Orquestra Filharmónica de Kiev, Real Orquesta Sinfónica de Sevilla, Orquesta Filarmónica de Málaga, Orquesta Ciudad de Granada, Orquesta de Córdoba, Orquesta de Cádiz, Orquesta Ciudad de Almería, Orquesta de Santo Tirso e Camerata Vivaldi, entre outras, baixo a dirección de Giovanni Antonini, Leo Brower, Edmon Colomer, Yaron Traub, George Pehlivanian, Juan Luis Pérez, Gloria Isabel Ramos, Barry Sargent e Michael Thomas. Nos últimos anos foi invitado regularmente a diversos festivais internacionais e tempadas de concertos, actuando en salas como o Teatro Real (Madrid), Palau de la Música (Barcelona), Barbican (Londres), Teatro dos Campos Elíseos (París), Palau de Les Arts Reina Sofía (Valencia), Filarmónica de Kiev (Ucrania), Auditorio Maestro Padilla e Festival Internacional Julián Arcas (Almería), Teatro Maestranza (Sevilla), Gran Teatro (Córdoba), Centro Cultural Manuel de Falla (Granada), Teatro Manuel de Falla (Cádiz), Sala Carlos Chávez (Ciudad de México), Sala dos Mestres Cantores (Nuremberg), Stadtmuseum Fürth (Alemaña), Academia de Interpretación Guitarrística Francisco Tárrega (Pordenone, Italia). Ten colaborado en proxectos de música de cámara con músicos da categoría de Eliot Fisk (guitarra), Ivan Rijos (guitarra), Ara Malikian (violín), Mary Carmen Reverte (flauta), Laura Moyano (soprano), The soloist of London, Taima Granada, grupo de cámara da Orquesta Sinfónica de Madrid, grupo de música antiga de instrumentos orixinais Intavolatura (do que fi fundador, director e laudista), etc. Foi galardoado co Premio á Difusión polo Instituto Andaluz de la Juventud. Implicado dende neno na evolución cultural da sociedade almeriense, a súa inquietude o levou a desenvolver actividades paralelas como xestor cultural, sendo o impulsor e creador de diferentes proxectos que acadaron altas cotas de prestixio, como o Certamen Internacional de Guitarra Clásica Julián Arcas do que é director artístico hai once anos, e organizador de concursos, concertos, exposicións e conferencias, impulsor da tradución e publicación de libros de referencia mundial no sector da organoloxía, etc. É creador e director do primeiro portal de internet sobre o xenio almeriense Antonio de Torres, considerado o construtor de guitarras máis importante da historia, e realizou ademais o proxecto museolóxico do Museo da Guitarra Española Antonio de Torres (Almería). No eido da construción de guitarras, investigou e evolucionou o instrumento xunto a construtores que se converteron posteriormente en figuras relevantes neste campo grazas á súa hachea en torno ao coñecemento acústico e estrutural da guitarra de concerto. Actualmente mantén a súa actividade como concertista solista, realiza arranxos musicais, composición de bandas sonoras e novos proxectos como o innovador From Bach to RadioHead no que mistura música que vai dende o barroco ata a música rock.
PROGRAMA
Gardel mediterráneo
homenaxe a Carlos Gardel no 80º aniversario do seu pasamento
Funiculì funiculà (Luigi Denza, 1846-1922)
Mano a mano (Carlos Gardel, 1890-1935 / José Razzano, 1887-1960)
Melodia de arrabal (Carlos Gardel, 1890-1935)
Torna a Surriento (Ernesto de Curtis, 1875-1937)
Oblivion (Astor Piazzolla, 1921-1992)
Cambalache (Enrique Santos Discépolo, 1901-1951)
Non ti scordar di me (Ernesto de Curtis)
Cuesta abajo (Carlos Gardel)
La Danza (Tarantella napolitana) (Gioacchino Rossini, 1792-1868)
Historia del tango (Astor Piazzolla)
Tomo y obligo (Carlos Gardel)
Santa Lucia (Teodoro Cottrau, 1827-1879)
Nostalgias (Juan Carlos Cobián, 1896-1953)
(instrumental)
Garganta con arena (Cacho Castaña, n. 1942)
O sole mio (Edoardo di Capua, 1865-1917)