UN TOTAL DE 342 CICLISTAS PARTICIPARON NA PRIMEIRA MARCHA
CICLOTURÍSTICA EN BTT
“OS ESFOLA ARRÓS”, CELEBRADA EN BRIÓN
O Concello de
Brión e o clube ciclista compostelán acordaron comezar a traballar na segunda
edición
19 de abril de 2010. Un total de 342
ciclistas chegados de toda Galicia (e mesmo un chegado de Oporto) participaron
este domingo na primeira
edición da marcha cicloturística en bicicleta de montaña “Os Esfola Arrós”,
organizada polo Clube Ciclista compostelán Os Esfola Arrós en colaboración co
Concello de Brión. Unha proba de algo máis de 42 quilómetros polos montes de
Brión, Rubial e Rañalonga que, segundo os participantes, “foi bastante dura
pero moi bonita”.
Os 342 participantes tomaron a saída da Carballeira de Santa Minia ás 9:30
horas e pedalearon pola parroquia dos Ánxeles cara o monte Rubial, descenderon
cara Rois e volveron subir uns 10 quilómetros ao monte Rubial. Un percorrido no
que tiveron dous avituallamentos: un líquido e outro sólido no Alto do Ruibal
onde os ciclistas deron boa conta de froita, doces e bebidas enerxéticas.
Despois, os ciclistas pasaron por Macedos, Pedre e o monte Altamira, dende onde
descenderon ata o pavillón polideportivo de Pedrouzos (Brión).
A carreira estivo controlada pola Federación Galega de Ciclismo e mesmo
contou coa presenza dun corresponsal da presitixiosa revista especializada
“Planeta MTB”. Un éxito que, dende o Clube Ciclista Os Esfola Arrós, os impulsa
a traballar dende hoxe no que será a “II Marcha BTT Esfola Arrós-Concello de
Brión”. Unha medida que foi ben acollida polo Concello de Brión, que manterá o
seu apoio á proba no vindeiro ano.
Festa final
Despois de máis de catro horas pedaleando, os ciclistas chegaron ao
pavillón municipal de Brión, onde puideron ducharse e asearse, ademais de
dispoñer de manqueiras preparadas para o lavado das súas bicicletas, despois de
viren embarradas do monte. A xornada rematou cunha festa final no pavillón
polideportivo co sorteo de diferentes regalos como: unha noite na Posada Real
La Cartería de Puebla de Sanabria, xentileza de Los Ángeles Gas Viajes; dúas
ceas para dúas persoas na Cervexería New York (Bertamiráns) e no Hotel Casa
Rosalía (Brión); unha velada termal para dúas persoas no Hotel Balneario
Compostela (Brión) e un maillot oficial de David Blanco.
Esta marcha cicloturística foi organizada polo Clube Ciclista Os Esfola
Arrós, que contou co patrocinio do Concello de Brión, Coca-Cola, Indalsu,
Asador Abelleira, Los Ángeles Gas Viajes, Disprex SL e Bicicletas Oliveira. Así
mesmo, contou coa colaboración do Centro de Transfusión de Galicia, Cervecería
American´s, Xanela, Casa Rosalía, Serviocio, Novo Neón, Papelería Chavián,
Peluquería Manuel, Meiriño Xestión, Asvetrans, Hotel Balneario Compostela,
Grupo Santitel, Planeta MTB e Cervexería New York.

